Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Martes, 3 de xullo de 2018 Páx. 31805

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Orde do 15 de xuño de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2018 (código de procedemento TR852A).

BDNS (idenf.): 405705.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Na liña 1:

As asociacións empresariais e as organizacións sindicais intersectoriais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, constituídas ao abeiro da Lei 19/1977, do 1 de abril, sobre regulación do dereito de asociación sindical.

Na liña 2:

a) As asociacións empresariais sectoriais constituídas ao abeiro da Lei 19/1977, do 1 de abril, sobre regulación do dereito de asociación sindical.

b) As organizacións sindicais con representatividade no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, de carácter sectorial.

c) As fundacións sectoriais paritarias para a promoción da prevención da seguridade e saúde laboral, nadas da negociación colectiva ou de acordos sectoriais, con sede e actividade en Galicia.

Na liña 3:

As medianas, pequenas empresas e microempresas, así como as persoas traballadoras autónomas con persoas traballadoras ao seu cargo, que teñan o seu domicilio social e, polo menos, un centro de traballo no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras para a concesión de subvencións, pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, Secretaría Xeral de Emprego, co fin de levar a cabo accións de formación, sensibilización, asesoramento e fomento da prevención de riscos laborais en Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 15 de xuño de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2018 (código de procedemento TR852A).

Cuarto. Importe

1. Estas axudas distribúense en tres liñas:

a) Liña 1: formación e actividades de asesoramento e sensibilización en materia de prevención de riscos laborais de carácter intersectorial. Esta liña ten un orzamento de 690.000 euros.

b) Liña 2: formación e outras actividades de fomento en materia de prevención de riscos laborais de carácter sectorial. Esta liña ten un orzamento de 180.000 euros.

c) Liña 3: investimentos destinados a accións de mellora na adaptación, substitución ou adquisición de equipamentos de traballo e adaptacións de postos de traballo. Esta liña ten un orzamento total de 620.000 euros.

Quinta. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2018

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria