Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Martes, 3 de xullo de 2018 Páx. 31755

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 15 de xuño de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2018 (código de procedemento TR852A).

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 29, punto 1, que lle corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia a execución da lexislación do Estado en materia laboral, e é á Consellería de Economía, Emprego e Industria, de acordo co Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, a quen lle corresponden as competencias e funcións nesta materia e, entre outras, as relativas á seguridade e saúde laboral, polo que, en cumprimento do artigo 5.3 e concordantes da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, está a levar a cabo a promoción da prevención de riscos laborais coa finalidade de promover melloras nas condicións de traballo, dirixidas a elevar o nivel de protección e da seguridade e saúde laboral.

Así mesmo, correspóndelle executar a Axenda 20 para o Emprego, que ten entre os seus fins a consolidación dunha cultura preventiva na sociedade galega, así como cumprir cos obxectivos da Estratexia galega de seguridade e saúde no traballo 2017-2020.

Como novidade, e en cumprimento da liña estratéxica 5.4.d) da Estratexia galega de seguridade e saúde no traballo 2017-2020, a presente orde, ademais de incluír programas de fomento similares a anos anteriores, incorpora unha liña de fomento de renovación de equipamentos de traballo en que serán beneficiarias as medianas, pequenas empresas e microempresas, así como as persoas traballadoras autónomas que conten con persoas traballadoras ao seu cargo, que teñan o seu domicilio social en Galicia para a realización de investimentos destinados a accións de mellora na adaptación, substitución ou adquisición de equipamentos de traballo e adaptacións de postos de traballo.

Son destinatarias finais destas accións, polo tanto, as persoas traballadoras activas ou en situación de desemprego, persoas traballadoras autónomas, delegados e delegadas de prevención, recursos preventivos e persoas traballadoras designadas que asuman con medios propios a actividade preventiva da empresa, así como as propias empresas.

Consecuentemente con todo o anterior, consultados o Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral e o Consello Galego de Relacións Laborais, e obtidos os informes da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Secretaría Xeral de Igualdade, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, da Asesoría Xurídica e da Intervención Delegada, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia,

DISPOÑO:

TÍTULO I

Obxecto, liñas, beneficiarias e importe

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2018 da concesión de subvencións, pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, Secretaría Xeral de Emprego, co fin de levar a cabo accións de formación, sensibilización, asesoramento e fomento da prevención de riscos laborais en Galicia (procedemento TR852A).

Artigo 2. Liñas

Liña 1. Formación e actividades de asesoramento e sensibilización en materia de prevención de riscos laborais de carácter intersectorial.

As axudas desta liña están destinadas á realización de accións formativas e ás actividades de asesoramento e sensibilización en relación coa normativa de prevención de riscos laborais por parte dos gabinetes técnicos das organizacións que resulten beneficiarias.

Liña 2. Formación e outras actividades de fomento en materia de prevención de riscos laborais de carácter sectorial.

As axudas desta liña están destinadas a cursos de formación sectoriais e á realización de xornadas de sensibilización de carácter sectorial.

Liña 3. Investimentos destinados a accións de mellora na adaptación, substitución ou adquisición de equipamentos de traballo e adaptacións de postos de traballo.

Artigo 3. Beneficiarias e o seu financiamento

1. Liña 1. Poderán ser beneficiarias desta liña:

As asociacións empresariais e as organizacións sindicais intersectoriais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, constituídas ao abeiro da Lei 19/1977, do 1 de abril, sobre regulación do dereito de asociación sindical.

Esta liña ten un orzamento de 690.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 09.40.324A.481.1, código de proxecto 2015 00507.

2. Liña 2. Poderán ser beneficiarias desta liña:

a) As asociacións empresariais sectoriais constituídas ao abeiro da Lei 19/1977, do 1 de abril, sobre regulación do dereito de asociación sindical.

b) As organizacións sindicais, de carácter sectorial, con representatividade no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) As fundacións sectoriais paritarias para a promoción da prevención da seguridade e saúde laboral, nadas da negociación colectiva ou de acordos sectoriais, con sede e actividade en Galicia.

Esta liña ten un orzamento de 180.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 09.40.324A.481.1, código de proxecto 2015 00507.

3. Liña 3. Poderán ser beneficiarias desta liña:

As medianas, pequenas empresas e microempresas, así como as persoas traballadoras autónomas con persoas traballadoras ao seu cargo, que teñan o seu domicilio social e polo menos un centro de traballo no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Considérase microempresa aquela que no seu cadro de persoal teña ata 9 persoas traballadoras e cuxo volume de negocios anual ou balance xeral non excede os 2 millóns de euros.

Considérase pequena empresa aquela que no seu cadro de persoal teña ata 49 persoas traballadoras e cuxo volume de negocios anual ou balance xeral non excede os 10 millóns de euros, segundo a definición dada pola Recomendación da Comisión Europea do 6 de maio de 2003.

Considérase mediana empresa aquela que no seu cadro de persoal teña ata 249 persoas traballadoras e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral non excede os 43 millóns de euros, segundo a definición dada pola Recomendación da Comisión Europea do 6 de maio de 2003.

Para os efectos de determinar o número de persoas traballadoras na empresa, atenderase ao número de persoas traballadoras por conta allea na data da presentación da solicitude.

Esta liña ten un orzamento total de 620.000,00 euros con cargo á aplicación orzamentaria 09.40.324A.771.1, código de proxecto 2015 00507.

Artigo 4. Entidades non beneficiarias

Non poderán ser entidades beneficiarias:

a) Aquelas entidades nas cales concorra algunha das circunstancias a que se refire o artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) As administracións públicas, as sociedades públicas e as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas.

c) Na liña 3, a entidade solicitante non poderá ter unha sanción firme, por infraccións graves ou moi graves, en materia de prevención de riscos laborais nos últimos 3 anos.

Artigo 5. Importe máximo subvencionable

1. Por entidade:

a) Na liña 1: ningunha entidade beneficiaria poderá percibir unha contía que supere a proporción que lle corresponda en función da súa representatividade e, en todo caso, non poderá superar o 50 % do orzamento desta liña, incluídas, de ser o caso, as incorporacións dos remanentes da liña 2.

b) Na liña 2: ningunha entidade poderá superar o 10 % do orzamento previsto nesta liña.

c) Na liña 3: ningunha empresa poderá percibir unha contía cuxo importe supere o 50 % do custo subvencionable realizado nela, e o límite máximo nunca poderá exceder un total de 15.000 euros.

2. Por actividade:

a) Nas liñas 1 e 2, o importe máximo de cada curso non poderá exceder o importe resultante de multiplicar 160 euros polo número total de horas impartidas.

b) Nas liñas 1 e 2, o importe máximo subvencionable por cada xornada de sensibilización será de 1.500 euros.

Artigo 6. Acumulación do remanente

Unha vez realizada a proposta de resolución de concesión da subvención nas liñas 1 e 2 e para o caso de existir remanente de crédito nunha delas, este poderá acumularse ás outras liñas.

Artigo 7. Ampliación do crédito dispoñible

Poderán ditarse resolucións complementarias cando existan fondos provenientes de renuncias de subvencións, inicialmente concedidas, ou doutros remanentes. Neste caso non poderán terse en conta outras solicitudes distintas das presentadas inicialmente.

TíTULO II

Requisitos e gastos das liñas 1 e 2

Artigo 8. Accións non subvencionables

1. Cursos e xornadas de sensibilización que non se realicen integramente de forma presencial.

2. Cursos que conten cun número de alumnos/as menor de 8.

3. Na liña 2, os cursos de nivel básico, previstos no artigo 35 do Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento dos servizos de prevención.

4. Accións formativas que supoñan o cumprimento de obrigas legais en materia preventiva das persoas integrantes das entidades solicitantes e, en particular, o cumprimento do artigo 19 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

Artigo 9. Requisitos de asistencia aos cursos

1. Exixirase un mínimo de 15 asistentes aos cursos de formación, sectorial e intersectorial.

2. En casos excepcionais, debidamente motivados e coa autorización expresa da Secretaría Xeral de Emprego poderase levar a cabo estas accións cun menor número de asistentes, en todo caso, non menor de oito. Esta autorización será solicitada pola entidade beneficiaria por correo electrónico ao enderezo seguridade-saude-laboral@xunta.es e a resposta será comunicada pola mesma vía á solicitante.

3. Durante a execución das accións non se permitirá a ausencia a máis dun 20 % do tempo total de duración desta. No caso de que a acción se desenvolvera por módulos, non se permitirán ausencias de máis dun 10 % en ningún dos módulos.

Artigo 10. Gastos subvencionables e período de imputación

1. As accións formativas propostas e os gastos que deriven delas nas liñas 1 e 2, que se detallarán no anexo II, poderán realizarse desde o 1 de xaneiro de 2018 ata o 31 de outubro de 2018.

2. Os gastos derivados de persoal adscrito a gabinetes técnicos de asesoramento e sensibilización, na liña 1, en relación coa normativa de prevención de riscos laborais, poderán imputarse desde o 1 de novembro de 2017 ata o 31 de outubro de 2018.

3. Para a liña 3 as accións subvencionables e os gastos derivados delas poderán realizarse desde o 1 de xaneiro de 2018 ata o 31 de outubro de 2018.

4. Os gastos das actividades levadas a cabo serán imputables de acordo co seguinte:

a) Gastos xerais de execución:

1º. Terán relación directa coa actividade subvencionable e poderán comprender: compra de material funxible, gastos de deseño, maquetación, impresión, distribución, publicidade (cuñas informativas, folletos, trípticos, carteis e similares) e de arrendamentos de aparellos e equipamentos.

2º. O período para imputar os gastos de publicidade será de 4 meses como máximo antes de realizar as actividades, e para os relativos á difusión, 1 mes como máximo despois do final de todas as actividades relativas ás accións.

3º. No caso de reedición de material de carácter didáctico que sexa necesario para desenvolver accións formativas, só se subvencionará cando a súa tiraxe sexa coherente coas estimacións de asistentes á actividade, que en ningún caso poderá superar o 10 % dos alumnos que iniciasen o curso.

b) Gastos derivados da subcontratación, segundo o previsto no artigo 12 desta orde.

c) Gastos de persoal técnico propio:

A súa porcentaxe máxima non poderá exceder o 60 % do custo mensual laboral (nómina e seguros sociais a cargo da entidade), excepto nas accións correspondentes aos gabinetes técnicos de asesoramento e sensibilización en relación coa normativa de prevención de riscos laborais, en que será do 100 %. Deberá terse en conta que o referido límite se calculará en función das nóminas do período que corresponda á actividade que se vai realizar, non en función do custo total anual. Debendo especificarse as horas destinadas en cada acción, de acordo co seguinte:

1º. Para as accións relativas a cursos ou xornadas de sensibilización imputarase como máximo o gasto de 4 meses antes do inicio efectivo das accións, e 1 mes posterior ao seu final.

2º. De ter que achegarse gastos de persoal técnico propio vinculado á actividade subvencionable, deberase indicar a correlativa porcentaxe de gasto e a natureza dos traballos que realizará o persoal propio ou contratado.

d) Gastos de persoal técnico contratado expresamente para o desenvolvemento da actividade subvencionable, poderá imputarse o 100 % do custo laboral.

e) Gastos de axudas de custos do persoal técnico e docente: poderán ser por desprazamento, coas contías máximas de 0,19 euros por quilómetro.

f) Gastos indirectos: gastos tales como consumo eléctrico, teléfono, mensaxaría, entre outros, poderán imputarse ata un máximo do 10 % do seu importe e sempre que correspondan cos locais en que se realizan as accións, tendo en conta que:

1º. Non se poderán imputar estes gastos no caso de que as accións sexan subcontratadas en máis dun 50 %.

2º. O período máximo para imputar estes gastos, para as accións relativas aos cursos e xornadas de sensibilización, na fase de planificación e organización será dos 4 meses anteriores ao do inicio efectivo das accións e 1 mes posterior ao seu final. Para a fase de realización efectiva o período estará en función das datas efectivas en que teñan lugar as accións.

g) Gastos específicos: poderán ser os das persoas docentes, os dos alugueres de materiais de protección e seguridade e os de seguro de accidentes das persoas participantes, sempre que estean referidos ás datas efectivas do programa de actividades e quede acreditada a natureza do gasto en relación coa acción realizada, mediante documento xustificativo ou certificación acreditativa de cada organización.

5. O cobramento destas subvencións será compatible coa percepción de calquera outra axuda pública ou privada da mesma natureza para a mesma actuación. O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións e axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada.

Artigo 11. Gastos non subvencionables

1. Non se poderán imputar os gastos do persoal directivo ou dos cargos electos executivos das entidades solicitantes, nin axudas de custo para asistentes a cursos e xornadas.

2. Non se admitirán gastos referidos a manutención nin ningún outro de carácter protocolario.

Artigo 12. Subcontratación

1. As entidades beneficiarias poderán subcontratar, por unha soa vez, a realización das accións financiadas con cargo a esta convocatoria, tendo en conta que a subcontratación non pode supoñer un aumento do custo de execución da acción subvencionada, e deberá ser realizada de acordo co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Ademais, as subcontratistas deberán facilitarlles aos organismos de xestión, auditoría e control toda a información necesaria relativa ás accións subcontratadas. Esta subcontratación poderá chegar ata o 100 % do importe da acción, cos límites previstos no artigo 5 desta orde.

2. Acreditarase a necesidade de recorrer á contratación de servizos externos, determinando o traballo encomendado, a súa duración e o servizo que se vai prestar, así como o sistema de coordinación coa entidade principal.

3. En ningún caso poderá concertar a beneficiaria a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con persoas ou entidades vinculadas coa beneficiaria, salvo que concorran as seguintes circunstancias:

a) Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.

b) Que se obteña a autorización previa da Secretaría Xeral de Emprego tras presentar unha memoria xustificativa para ese efecto.

4. Cando a actividade concertada con terceiros exceda o 20 % do importe da subvención e sexa superior a 60.000 euros, subscribirase un contrato por escrito. Con carácter previo á sinatura do contrato, solicitarase por escrito autorización á Secretaría Xeral de Emprego.

TÍTULO III

Requisitos da liña 3

Artigo 13. Accións subvencionables

1. Serán subvencionables os investimentos en prevención de riscos laborais para uso propio da empresa (exclúense os adquiridos para venda ou alugamento), sempre que a mellora da necesidade preventiva quede reflectida na avaliación de riscos e estea recollida na planificación da actividade preventiva a que se refire a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

2. Os investimentos poden ser de 3 tipos:

a) Investimentos na mellora da adaptación de máquinas, substitución ou adquisición de equipamentos de traballo:

1º. Mellora na adaptación de máquinas ou equipamentos de traballo que, cumprindo coas disposicións previstas no Real decreto 1215/1997, do 18 de xullo, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde para a utilización polos traballadores dos equipamentos de traballo, sexan susceptibles dunha mellora desde o punto de vista da súa maior seguridade.

2º. Mellora na adaptación ou adquisición de máquinas ou equipamentos de traballo, realizada con criterios ergonómicos, co obxecto de previr trastornos musculoesqueléticos.

Non son obxecto de subvención o mobiliario nin os accesorios de oficina.

3º. Mellora na adaptación, substitución ou adquisición de máquinas ou equipamentos de traballo ou outras medidas de protección colectiva co obxecto de reducir o risco de exposición a axentes químicos, ao ruído, ás vibracións mecánicas e aos axentes biolóxicos durante o traballo.

Non serán subvencionables as modificacións organizativas dos métodos de traballo.

b) Mellora na adaptación de postos de traballo:

A mellora na adaptación de postos de traballo con obxecto de reducir riscos para a maternidade, realizadas con criterios preventivos para a protección do embarazo e da lactación natural, segundo o artigo 26 da Lei 31/1995, de prevención de riscos laborais, así como para a redución de riscos noutros colectivos sensibles claramente identificados na memoria que se presente.

c) Investimentos nos lugares de traballo:

Intervencións nos lugares de traballo destinadas a ofrecer seguridade fronte aos riscos presentes neles, de conformidade cos números 2 a 8 e 13 do anexo I do Real decreto 486/1997, do 14 de abril, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde no traballo.

Non serán subvencionables os supostos de: seguridade estrutural, escaleiras de man, vías e saídas de evacuación, condicións de protección contra incendios e instalación eléctrica, orde, limpeza e mantemento, condicións ambientais, iluminación nin servizos hixiénicos e locais de descanso.

3. Para todos os supostos desta liña:

a) Non será subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE) ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación.

b) En ningún caso se terán en conta, para a acreditación do investimento, os contratos de arrendamento financeiro nin outras figuras xurídicas afíns que non concedan á persoa ou entidade solicitante o pleno dominio ou titularidade inicial do investimento.

c) O tempo de permanencia da máquina na empresa será como mínimo de 3 anos, salvo causas xustificadas e previamente autorizadas pola Administración.

d) En ningún caso serán subvencionables aqueles investimentos que sexan unha obriga legal para as empresas solicitantes.

Artigo 14. Axudas de minimis

As axudas establecidas na liña 3 desta orde quedan sometidas ao réxime de minimis nos termos establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro de 2013). Esta circunstancia farase constar expresamente na resolución de concesión da subvención. Polo tanto, a axuda total de minimis concedida a unha empresa non será superior a 200.000 euros durante o período dos dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal actual da empresa solicitante, ou a 100.000 euros no suposto dunha axuda concedida a unha empresa que opere no sector do transporte pola estrada. Para o cómputo dos límites deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecido no artigo 2 do Regulamento (UE) nº 1487/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013.

Por tratarse de axudas sometidas ao réxime de axudas de minimis, non poderá concederse a empresas dos seguintes sectores:

a) Pesca e acuicultura, segundo se establece no Regulamento (CE) nº 1379/2013, do Parlamento Europeo.

b) Empresas dedicadas á produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do Tratado.

c) Empresas que operan no sector da transformación e comercialización de produtos agrícolas, nos casos seguintes:

I) Cando o importe da axuda se determine en función do prezo ou da cantidade de produtos deste tipo adquiridos a produtores primarios ou comercializados polas empresas interesadas.

II) Cando a axuda estea supeditada a que unha parte ou a totalidade dela se lles repercuta aos produtores primarios.

d) Actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou Estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e ao funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación.

e) As axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

TÍTULO IV

Disposicións comúns

Artigo 15. Agrupacións das beneficiarias

1. De conformidade co establecido no artigo 8.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, terán tamén a condición de entidades beneficiarias:

a) Os membros asociados da entidade beneficiaria que se comprometan a executar a totalidade ou parte da actividade que fundamenta a concesión da subvención en nome e por conta desta. Neste caso, xunto coa solicitude deberán achegar certificado expedido por quen teña estas facultades na organización, de acordo cos seus estatutos, en que se acredite a condición de membro asociado integrante desta e un compromiso formalizado entre ambas as entidades en que se determine a parte estimada da actividade subvencionable que ten previsto executar, compromiso que será subscrito pola representación legal de ambas as entidades. En todo caso, o pagamento da subvención efectuarase á entidade beneficiaria principal.

b) As agrupacións formadas por organizacións ou entidades previstas na liña 1 e as entidades vinculadas a estas que teñan entre os seus fins o desenvolvemento de actividades formativas. Neste caso, deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como entidade beneficiaria, corresponden a ésta.

2. Conxuntamente coa solicitude deberá achegarse:

a) Nomeamento dunha persoa representante ou apoderada única da asociación ou agrupación, con poderes bastantes para cumprir coas obrigas das entidades beneficiarias.

b) Copia do instrumento de formalización da asociación ou agrupación.

c) Copia do compromiso de execución formalizado polas entidades asociadas ou agrupadas, subscrito pola representación legal destas, concretando que, partes do proxecto realizará cada entidade.

d) Compromiso de responsabilidade solidaria dos seus membros e de non disolución mentres non transcorresen os prazos de prescrición legalmente previstos.

Artigo 16. Prazo para a presentación de solicitudes e o seu contido

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación no DOG. Se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes e, se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

2. Cada entidade solicitante presentará unha única solicitude de axudas. No caso de que se presente máis dunha solicitude, só será tida en conta aquela presentada en primeiro lugar.

3. Para as accións previstas na liña 1 que soliciten as organizacións que se integren noutra entidade que tamén sexa solicitante, considerarase unicamente a da entidade que teña un ámbito territorial máis amplo.

Artigo 17. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

As persoas traballadoras autónomas que exercen unha actividade económica teñen a suficiente capacidade económica e técnica para poder relacionarse coas administracións públicas de xeito telemático; ademais, considérase que a presentación electrónica suporá un importante aforro de tempo e recursos materiais, tanto para a persoa solicitante como para a propia Administración.

Polo tanto, no caso de solicitantes que sexan persoas físicas (persoas traballadoras autónomas), e conforme o artigo 31 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, e o artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as solicitudes tamén se presentarán obrigatoriamente por medios electrónicos.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráse para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá utilizarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

3. No caso de que algún dos documentos que hai que presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

4. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada.

5. Todos os requisitos exixidos ás entidades solicitantes deberán cumprirse o día en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 18. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

1. Documentación acreditativa da representación legal suficiente para actuar en nome da entidade solicitante.

2. Designación dunha única persoa responsable e de contacto co órgano instrutor, para o seguimento e control dos aspectos técnicos de todas as accións incluídas na solicitude, que se identificará no anexo I polo seu nome, teléfono e correo electrónico.

Artigo 19. Documentación para as solicitudes de cursos e xornadas das liñas 1 e 2

1. Acción solicitada, segundo o anexo II. No caso de que un mesmo proxecto implique distintas accións, cubrirase un anexo por cada acción. No encabezamento de cada unha delas deberá constar:

a) A liña de axudas a que se opta

b) Na denominación da acción proposta terase que definir o contido da acción evitando títulos xenéricos ou de carácter publicitario ou comercial

2. Presentarase unha memoria que deberá conter o proxecto que a solicitante quere desenvolver, sinalando de forma independente e separada as accións que se van levar a cabo e co contido mínimo que a continuación se indica.

Se se trata dunha acción formativa que se desenvolverá en varias edicións ou sesións, na mesma ou distintas localidades, presentarase unha única memoria, pero indicando o número de edicións ou sesións que se van realizar e a localidade onde se desenvolverá cada unha delas.

Na memoria exporase, de forma numerada e separada, o contido dos seguintes elementos:

1º. Denominación da organización ou entidade solicitante.

2º. A denominación da acción proposta acorde co contido desta.

3º. Descrición da acción formativa solicitada, con indicación do seu obxectivo, necesidade no sector en que se vai impartir e sinalando a finalidade perseguida na prevención de riscos laborais.

4º. Planificación temporal da acción ou accións solicitadas.

5º. Número de sesións ou edicións que se van impartir por cada acción solicitada, con indicación do municipio onde se vai impartir cada unha delas.

6º. Deberán indicarse, ademais dos elementos indicados nos números anteriores:

a) O programa docente que se vai impartir.

b) Indicaranse de forma separada os seus módulos.

c) As horas de formación teórica e práctica, cando proceda, de cada módulo.

d) A titulación da persoa docente que debe impartir cada módulo.

e) O importe de cada unha das accións formativas.

f) A entidade solicitante deberá sinalar por orde de prioridade as accións formativas, o que terá en conta a comisión de valoración.

Artigo 20. Documentación para as solicitudes do gabinete técnico da liña 1

1. Acción solicitada, segundo o anexo II.

2. Se se trata dun gabinete técnico de asesoramento e sensibilización en relación coa normativa de prevención de riscos laborais, deberá achegarse:

a) Unha memoria explicativa das funcións que vai desenvolver o gabinete.

b) Unha relación das persoas que van conformar o gabinete e as funcións que vai desenvolver cada unha delas. As persoas integrantes do dito gabinete deberán ter unha titulación de técnico intermedio en prevención de riscos laborais e deberán ter, polo menos, unha persoa con titulación de técnico/a superior en prevención de riscos laborais.

Artigo 21. Documentación económica das liñas 1 e 2

1. Na solicitude deberase recoller o conxunto de todas as accións solicitadas individualizando por cada unha delas o seu custo no anexo II. Indicarase se a entidade colabora no financiamento e, de ser o caso, a cantidade que achegue. De colaborar no financiamento do custo total, para o caso de que se concedan importes inferiores, debe manterse, polo menos, a porcentaxe de cofinanciamento inicial.

2. Orzamento total do proxecto solicitado por accións (anexo III).

3. De conformidade co establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei de contratos do sector público para o contrato menor, a entidade beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación.

Artigo 22. Documentación para as solicitudes para a mellora na adaptación, substitución ou adquisición de equipamentos de traballo e as adaptacións de postos da liña 3

1. A solicitante presentará unha memoria do proxecto, que recolla:

a) Os investimentos que vai realizar.

b) A actividade a que se dedica a solicitante e o CNAE 2009.

c) O cadro de persoal, con indicación do número de persoas traballadoras fixas e temporais, en relación ao mes inmediatamente anterior ao da solicitude.

d) O volume de negocios anual e o balance xeral anual do ano 2017.

2. Criterios de valoración, segundo o anexo IV.

3. Orzamento detallado ou factura pro forma. No caso de adquisición de equipamentos de traballo, o orzamento deberá reflectir o obxecto que se vai adquirir e a normativa de aplicación (marca, modelo, UNE, marcación CE).

4. En todo caso deberá achegar o plan de prevención de riscos laborais da solicitante en que se sinale a necesidade da mellora preventiva.

5. Documento acreditativo de que a solicitante comunicou ás persoas representantes legais das persoas traballadoras o plan de prevención e as melloras na adaptación, substitución ou adquisición que se pretenden realizar coa solicitude desta axuda. No suposto de que non haxa representantes legais, a comunicación debe realizarse a todas as persoas traballadoras da empresa. A solicitante deberá acreditar suficientemente a dita comunicación.

Artigo 23. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa que en nome e representación da entidade solicita a concesión da subvención.

c) NIF da entidade solicitante.

d) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

e) Certificado de estar ao día nas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Atriga.

g) Declaración da entidade solicitante de non ter ningunha sanción firme, por infraccións graves ou moi graves, en materia de prevención de riscos laborais nos últimos 3 anos.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 24. Instrución

1. A instrución do procedemento corresponderalle ao Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral da Subdirección Xeral de Relacións Laborais da Secretaría Xeral de Emprego.

2. O procedemento que se seguirá na instrución dos expedientes será o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, coas concrecións que se establecen nos parágrafos seguintes:

a) Se a solicitude non está debidamente cuberta ou a documentación presentada contén erros ou é insuficiente, o órgano instrutor, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, requirirá a entidade interesada para que, nun prazo máximo e improrrogable de 10 días, emende a falta ou presente os documentos requiridos coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará que desiste da súa petición, despois de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da antedita lei.

b) O órgano instrutor poderá solicitar a outros organismos os informes técnicos que considere necesarios para a idónea valoración dos proxectos.

Artigo 25. Avaliación e comisión de valoración

1. O órgano instrutor, á vista das solicitudes e da documentación que se presente, verificará o cumprimento das condicións exixidas nesta orde e, no caso de non cumprir coas condicións para ser entidade beneficiaria, a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, ditará resolución de exclusión.

2. A comisión de valoración, na cal se procurará acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres, estará composta pola persoa titular da Subdirección Xeral de Relacións Laborais, que a presidirá, e dúas persoas vogais, das cales unha será elixida de entre as persoas adscritas á Secretaría Xeral de Emprego, que actuará como secretario/a, con voz pero sen voto, e outra persoa vogal, que será unha persoa experta do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga). Se, por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non pode asistir, será substituída pola persoa que para o efecto designe a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego.

Poderá asistir ás reunións da comisión de valoración, con voz e sen voto, calquera outra persoa que se considere necesaria, elixida de entre as persoas adscritas á Secretaría Xeral de Emprego.

3. Para unha mellor avaliación dos expedientes, a comisión de valoración, de maneira motivada, poderá requirir das entidades solicitantes información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa coa solicitude.

4. A comisión de valoración, unha vez avaliadas as solicitudes presentadas, realizará un informe para determinar a contía máxima das subvencións, tendo en conta a orde de prelación conseguida polas solicitantes e con base nos criterios de valoración que se establecen nesta orde.

5. A presidencia da comisión, tendo en conta o informe da comisión de valoración, elevará a proposta de resolución ante o órgano competente para resolver.

Artigo 26. Criterios de valoración para as solicitudes presentadas das liñas 1 e 2

A comisión de valoración examinará as solicitudes debidamente presentadas por cada unha das liñas de forma separada, de acordo cos criterios e a ponderación que a seguir se relacionan:

1. Representatividade da entidade solicitante (de 0 a 5 puntos):

a) A representatividade determinarase, para as fundacións paritarias, segundo o ámbito funcional do convenio colectivo ou acordo sectorial polo que foron creadas, e para as organizacións sindicais e empresariais, observarase o establecido no título III da Lei do Estatuto dos traballadores, segundo o ámbito territorial e funcional específico en cada unha das accións programadas, ou segundo o criterio da participación institucional que cada organización teña recoñecida no ámbito da Comunidade Autónoma, de acordo coa Lei 17/2008, do 29 de decembro, de participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia.

b) A puntuación da representatividade valorarase da seguinte maneira (de 0 a 5 puntos):

– Para entidades con representatividade intersectorial: menos do 3 %: 0 puntos; entre o 3 % e menos do 10 %: 1 punto; entre o 10 % e menos do 15 %: 2 puntos; entre o 15 % e menos de 20 %: 3 puntos, entre o 20 % e menos do 24 %: 4 puntos; máis do 24 %, 5 puntos.

– Para as entidades con representatividade sectorial: menos do 10 %: 0 puntos; entre o 10 % e menos do 25 %: 1 punto; entre o 25 % e menos do 35 %: 2 puntos; a partir do 35 %: 3 puntos.

2. Dimensión territorial da entidade (de 1 a 4 puntos): se o ámbito territorial é inferior a provincial (1 punto), se o ámbito territorial é provincial (2 puntos), se o ámbito é interprovincial (3 puntos) e se é autonómico (4 puntos).

3. Sinistralidade do sector a que vai dirixido a acción (de 0 a 3 puntos):

– Cando a sinistralidade sexa menor do 50 % do índice de incidencia medio, 0 puntos.

– Cando a sinistralidade sexa maior do 50 % do índice de incidencia medio, 1 punto.

– Cando coincida co índice de incidencia medio, 2 puntos.

– Cando sexa maior do índice de incidencia medio, 3 puntos.

Terase en conta a taxa media de sinistralidade para Galicia, que sinalou o Issga no Informe do terceiro trimestre do ano 2017, que é do 2.508,08.

4. Cofinanciamento da acción (de 0 a 5 puntos): menos do 10 % de cofinanciamento: 0 puntos; entre o 10 % e menos do 30 %, 1 punto; entre o 30 % e menos do 50 %, 2 puntos; 50 % ou máis 5 puntos.

A porcentaxe de cofinanciamento que se indique no anexo II deberá manterse sexa cal sexa o importe da subvención concedida.

5. Renuncia ás axudas (de 0 a 2 puntos): no caso de que a entidade renunciase, unha vez concedidas estas axudas no período dos tres exercicios anteriores, 0 puntos; de non renunciar, 2 puntos.

6. Cumprimento das obrigas derivadas das subvencións concedidas no período dos tres exercicios anteriores nas subvencións obxecto da presente orde (de 0 a 5 puntos).

Executar menos do 60 %: 0 puntos.

Executar igual ou máis do 60 % e menos ou igual ao 70 %: 1 punto.

Executar máis do 70 % e menos ou igual ao 90 %: 3 puntos.

Executar máis do 90 %: 5 puntos.

7. Polo compromiso do emprego efectivo da lingua galega, e de conformidade co establecido no artigo 20.2.l) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia (de 0 a 1 punto).

Polo emprego efectivo da lingua galega: 1 punto.

Non emprego da lingua galega: 0 puntos.

Artigo 27. Criterios de valoración para as solicitudes presentadas da liña 3

A comisión de valoración examinará as solicitudes debidamente presentadas, de acordo cos criterios e a ponderación que a seguir se relacionan:

1. Tipo de empresa: máximo 3 puntos.

Microempresa ou persoas autónomas con persoas traballadoras: 3 puntos.

Pequena empresa: 2 puntos.

Mediana empresa: 1 punto.

2. Taxa de estabilidade do cadro de persoal da empresa beneficiaria, é dicir, a porcentaxe de persoas traballadoras fixas sobre o total de cadro de persoal da empresa. Máximo 5 puntos.

Ata un 30 %: 1 punto.

Máis dun 30 % e ata o 50 %: 2 puntos.

Máis dun 50 % e ata o 80 %: 4 puntos.

Máis dun 80 %: 5 puntos.

3. Cando a entidade solicitante pertenza ás seguintes actividades empresariais co CNAE 2009, valorarase con 5 puntos.

a) Silvicultura e explotación forestal, CNAE 02.

b) Industria da alimentación, CNAE 10.

c) Industria da madeira e da cortiza, salvo mobles; cestaría e espartaría, CNAE 16.

d) Fabricación de produtos metálicos, salvo maquinaria e equipamento, CNAE 25.

e) Fabricación de mobles, CNAE 31.

f) Recolla, tratamento e eliminación de residuos, CNAE 38.

g) Construción, CNAE 41.

h) Enxeñaría civil, CNAE 42.

i) Almacenamento e actividades anexas ao transporte, CNAE 52.

4. Incidencia no contorno xeográfico en que se desenvolva a actuación: con 2 puntos no caso de que a entidade teña o domicilio social nun concello rural. Son concellos rurais todos os concellos galegos agás os seguintes: A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Cambre, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Barbadás, Poio e Vigo.

5. Concederánselle 2 puntos á entidade solicitante que recibira un premio ou mención nos premios RSE Galicia, por superar todas as fases do programa Responsabilízate da Consellería de Economía, Emprego e Industria, ou ben que teña implantado un plan de igualdade, sempre e cando non sexa obrigatorio por así establecelo o convenio colectivo aplicable ou unha norma.

6. Concederánselle 1 punto á entidade solicitante que teña vixente unha certificación ou informe de verificación ou validación de códigos de conduta, normas ou estándares en materia de responsabilidade social empresarial.

Artigo 28. Criterios de desempate

No caso de empate na puntuación obtida, determinarase como criterio de desempate a puntuación establecida en cada un dos criterios de valoración segundo a orde de prelación establecida nos artigos 26 para as liñas 1 e 2 e no 27 para a liña 3 desta orde. No caso de persistir o empate, teranse en conta a data e a hora de presentación da solicitude.

Artigo 29. Resolución e recursos

1. A resolución dos expedientes corresponderalle á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que será notificada ás entidades interesadas no prazo de 10 días desde que se dite. Unha vez notificadas as resolucións, as entidades interesadas dispoñerán dun prazo de dez días para a súa aceptación; transcorrido este, sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. No momento en que se teña constancia da aceptación da subvención concedida, poderanse realizar pagamentos anticipados para as liñas 1 e 2, logo de solicitude en concepto de anticipo e de acordo coas seguintes condicións establecidas no artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Cando o importe da subvención non supere os 18.000 euros, ata o 80 % da subvención concedida.

b) Cando o importe da subvención concedida supere os 18.000 euros, poderanse conceder pagamentos dun 10 % adicional sobre o importe que exceda os 18.000 euros.

3. De acordo co sinalado no artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e tendo en conta que se trata dun procedemento baixo o réxime de concorrencia competitiva, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder dos 5 meses. Transcorrido o devandito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude.

4. As resolucións ditadas poñen fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición ante a Secretaría Xeral de Emprego, no prazo dun mes desde a súa notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas ou, directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

5. De conformidade co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a Consellería de Economía, Emprego e Industria publicará na súa páxina web e no DOG a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web.

Artigo 30. Práctica das notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal (https://notifica.xunta.gal), dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido; entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 31. Prazo de finalización e de xustificación das accións

1. Todas as accións deberán estar finalizadas con data límite do 31 de outubro de 2018, agás que na resolución de concesión se estableza unha data posterior.

2. No relativo á presentación da documentación xustificativa, a data límite será o 9 de novembro de 2018.

Artigo 32. Documentación requirida para a xustificación do pagamento das liñas 1 e 2

1. A acreditación da aplicación da subvención aos fins para os cales foi concedida realizarase mediante a presentación da xustificación económica e a xustificación técnica ou informe final dirixida á Secretaría Xeral de Emprego por calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Deberán achegar copia en soporte electrónico (CD, memoria usb ou similar) de toda a documentación presentada.

Toda a documentación entregada se presentará en folios separados sen a utilización de espiral para a súa encadernación.

A relación do alumnado dos cursos e das persoas asistentes ás xornadas para os cales se concedeu a axuda deberá ser entregada nun formato (tipo calc ou excel), que permita extraer datos para súa posterior consulta e que deberá incluír o nome, apelido, DNI ou NIE.

2. No caso de cofinanciamento deberase xustificar o importe calculado sobre o custo total xustificado, e deberá respectar a porcentaxe indicada no anexo II.

3. Deberá achegar os seguintes documentos:

a) Certificado da persoa responsable legal da entidade en que figure a mención das accións realizadas, o importe xustificado e a relación de facturas (anexo V).

b) Declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas para o mesmo proxecto ás distintas administracións públicas competentes ou ás súas entidades vinculadas ou dependentes, tanto as aprobadas como as pendentes de resolución, incluídas as resolucións correspondentes, e da cantidade que achega a entidade para o financiamento da acción, de ser o caso, así como o xustificante de pagamento do financiamento propio (anexo VI).

c) Xustificantes de gastos realizados durante as distintas fases de execución do proxecto, separando planificación e organización e realización efectiva da acción. Non se poderán presentar xustificantes de data posterior ao vencemento do prazo de xustificación.

4. A xustificación técnica ou informe final do proxecto será conforme o modelo do anexo VII.

5. Os documentos e demais accións que se realicen deberán levar a lenda «co financiamento de» e o anagrama da Xunta de Galicia (http://www.xunta.gal/identidade-corporativa/marca-principal) e o depósito legal, de ser o caso. Non seguir estes criterios determinará o non pagamento dos gastos.

6. Requisitos formais das facturas:

a) Deberán ser orixinais ou fotocopias compulsadas ou cotexadas e cada factura deberá conter unha explicación detallada do gasto en relación coa acción subvencionada, así como o prezo unitario de cada actividade da acción realizada, aplicable igualmente para o caso de subcontratar cun terceiro a execución parcial ou total.

b) Conterán os datos identificativos do/da expedidor/a (nome, apelidos, denominación ou razón social, NIF e enderezo), así como da entidade destinataria, que deberá ser a entidade subvencionada.

c) Incluirán o IVE correspondente ou o imposto equivalente. Cando a cota se repercuta dentro do prezo, deberá indicarse «IVE incluído», así como o lugar e a data.

d) Presentarase o comprobante bancario do seu pagamento (orixinal ou fotocopia compulsada ou cotexada). Se a transferencia engloba varias facturas, presentarase a relación destas. Non se admitirán xustificantes de aboamento en metálico. Os pagamentos mediante transferencia bancaria, salvo que sexan telemáticos, deberán vir conformados ou verificados pola entidade bancaria.

e) As facturas deberán indicar a conformidade da entidade beneficiaria coa prestación recibida. Esta conformidade manifestarase mediante selo para o efecto na propia factura, en que consten expresamente a conformidade co gasto, o nome e a sinatura da persoa responsable/coordinadora designada da entidade beneficiaria, ou mediante certificación da devandita conformidade, que fará referencia á presente orde, emitida pola persoa responsable/coordinadora designada, na cal figure a listaxe completa das facturas conformadas, que conterá obrigatoriamente a identificación da empresa (nome e NIF) o concepto da factura e o seu importe e que se xuntará aos orixinais ou copias compulsadas ou cotexadas das facturas.

Artigo 33. Xustificación segundo o tipo de gasto nas liñas 1 e 2

Os tipos de gastos adecuaranse ás accións realizadas e imputaranse cos límites que se establecen nos disposicións desta orde de convocatoria.

1. Gastos xerais de execución: achegarase orixinal ou copia compulsada ou cotexada da factura e o seu xustificante de pagamento. De ser o caso, achegarase coa solicitude de xustificación unha unidade física dos respectivos materiais elaborados. No caso dos gastos de publicidade e difusión, presentarase ademais documento gráfico ou material que acredite a súa realización: prensa, difusión en páxina web, díptico, cartel; os devanditos materiais, unha vez feita a comprobación pola Secretaría Xeral de Emprego, deberán ser retirados pola propia entidade nun prazo de dous meses desde o pagamento e, no caso de non retirarse, pasarán a ser propiedade da Administración.

2. Gastos derivados da subcontratación:

a) No suposto recollido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sempre que o importe do gasto subvencionable supere a contía establecida na lexislación vixente de contratos do sector público para os contratos menores deberán presentarse as correspondentes ofertas económicas.

b) Para xustificar este gasto presentarase o orixinal ou a copia compulsada ou cotexada da factura, coa explicación detallada do gasto e o prezo unitario de cada actividade relacionada coa acción, e o documento acreditativo do seu pagamento.

3. Gastos de persoal:

a) Persoal técnico propio: deberán presentar certificado da persoa representante legal da entidade no cal conste o número de horas da xornada de traballo ordinaria dedicada ao proxecto e o seu custo.

b) Persoal técnico contratado expresamente para o proxecto: terá que presentarse o contrato de traballo, no cal se indicará a data de inicio e fin da contratación e do servizo determinado.

c) Para xustificar os gastos deste persoal deberán presentar, así mesmo, o seguinte:

1º. Copia compulsada ou cotexada das nóminas de cada un dos meses que se imputan ao proxecto, acompañadas do xustificante do pagamento expedido pola entidade bancaria.

2º. Cadro en que figuren os cálculos realizados para obter o importe da imputación da subvención: horas, conceptos, importes, porcentaxes aplicadas, totais, nun formato (tipo calc ou excel), que permita extraer datos para súa posterior consulta

3º. Xustificantes correspondentes ás cotizacións da Seguridade Social (RLC e RNT, sistema de liquidación directa Proxecto Creta) e ás respectivas transferencias bancarias do seu pagamento.

4. Axudas de custo: deberán presentar o documento xustificativo do servizo que se realizou vinculado á acción, a súa efectiva liquidación e o xustificante de pagamento.

5. Gastos indirectos: certificado emitido pola persoa representante legal da entidade beneficiaria, sen prexuízo de que a Secretaría Xeral de Emprego solicite, en calquera momento, as correspondentes facturas e os documentos acreditativos do seu pagamento.

6. Gastos específicos das accións: orixinal ou copia compulsada ou cotexada da factura e o seu xustificante de pagamento.

Artigo 34. Memoria técnica das actividades das liñas 1 e 2

1. A xustificación técnica ou informe final axustarase ao modelo do anexo VII e especificará co máximo detalle as accións realizadas e a súa relación directa cos xustificantes do gasto:

a) Cando a actividade realizada sexan cursos ou xornadas de sensibilización, faranse constar a/as data/s, o lugar e o sitio de realización, o programa formativo, a descrición do colectivo destinatario, o profesorado; o material didáctico utilizado e entregado; copia dos relatorios e presentacións gráficas; o control de asistencia do alumnado asinado e documentos gráficos da actividade formativa.

2. O incumprimento do deber de presentar a xustificación técnica, así como a de incluír os aspectos antes sinalados, dará lugar ao non pagamento e/ou á revogación da axuda.

Artigo 35. Xustificación do gasto na liña 3

1. A beneficiaria deberá presentar:

a) Certificado da persoa representante legal da empresa en que figure a mención das accións realizadas, o importe xustificado e a relación de facturas (anexo VIII).

b) Orixinal ou fotocopia compulsada ou cotexada de todas as facturas e xustificantes de pagamento de todos os gastos imputables ao investimento subvencionado.

c) Deberá achegarse un informe do servizo de prevención, propio, alleo ou mancomunado ou do recurso preventivo, de ser o caso, en que se indique que a acción subvencionada para a mellora na adaptación, substitución ou adquisición solicitados, se adecúa ao plan de prevención e supón unha mellora na prevención de riscos laborais.

d) Evidencia gráfica do investimento efectuado.

e) Evidencia gráfica da colocación dun cartel informativo, de tamaño mínimo A3, que a beneficiaria debe colocar nun lugar visible para informar do apoio obtido pola Xunta de Galicia e no cal deberá levar a lenda «co financiamento de» e o anagrama da Xunta de Galicia (http://www.xunta.gal/identidade-corporativa/marca-principal). Non seguir estes criterios determinará o non pagamento dos gastos.

f) Declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas para o mesmo proxecto ás distintas administracións públicas, tanto as aprobadas como as pendentes de resolución, así como unha declaración das axudas de minimis obtidas no exercicio corrente e nos dous anteriores (anexo IX).

Artigo 36. Corrección de defectos da xustificación e pagamento

1. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen que a entidade beneficiara da subvención presentase a documentación exixida, requirirase para que a presente no prazo improrrogable de 10 días. Así mesmo, cando a Secretaría Xeral de Emprego na comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada pola/s beneficiaria/s, poñerao no seu coñecemento e concederalle un prazo de 10 días para a súa corrección. A falta de presentación da xustificación ou a non corrección no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención (artigos 45 e 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia).

2. Tras a recepción da documentación requirida procederase á revisión e valoración dos documentos xustificativos da execución. Unha vez feita a revisión, realizarase a proposta de pagamento ou a revogación da subvención.

3. Revisada a xustificación e sempre que esta se axuste ao disposto nesta orde, a Secretaría Xeral de Emprego emitirá as certificacións para poder facer efectiva a correspondente liquidación da axuda concedida.

4. Nas liñas 1 e 2 poderán acordarse pagamentos parciais a medida que as entidades beneficiarias xustifiquen as actividades xa realizadas. Estes pagamentos nunca serán superiores ao 80 % da subvención concedida.

5. De acordo co establecido no artigo 65.4.f) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en relación cos artigos 62.3 e 67 do mesmo corpo legal, quedan exonerados da constitución de garantías os beneficiarios e as beneficiarias de subvencións con cargo aos créditos orzamentarios correspondentes ao capítulo IV, transferencias correntes, destinados a familias e institucións sen fins de lucro.

Artigo 37. Obrigas das entidades beneficiarias

1. Executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

2. Antes do inicio das actividades, comunicar ao órgano instrutor calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos.

3. Comunicar a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público estatal ou internacional.

4. O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Economía, Emprego e Industria, ás de control financeiro que correspondan, de ser o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e ao Consello de Contas, ou a outros órganos que proceda, así como a obrigación de facilitar información, tal como establece o artigo 11.c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan necesarios, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

6. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

7. Dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento de programas, actividades, investimentos ou actuacións de calquera tipo que sexan obxecto de subvención nos termos regulamentariamente establecidos; en concreto, deberá consignarse a lenda «co financiamento de» e o anagrama da Xunta de Galicia (http://www.xunta.gal/identidade-corporativa/marca-principal) en todas as actividades de difusión, así como no material que se realice con motivo das actuacións realizadas ao amparo desta orde de convocatoria, e tamén deberá observarse o disposto na Lei 23/2011, do 29 de xullo, de depósito legal.

8. Calquera outra das obrigas establecidas nos artigos 11 e 45 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

9. Estarán obrigadas a ceder ao uso público, sen ánimo de lucro, todos aqueles materiais que resulten da execución do proxecto: manuais, dípticos, enquisas, conferencias, relatorios que se poidan aproveitar noutros sectores ou empresas.

10. Deberán estar, con independencia da súa contía, tanto antes de ditarse a resolución de concesión como de proceder ao cobramento das subvencións, ao día nas súas obrigas tributarias e sociais e non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

11. No caso da axuda para actividades de asesoramento e sensibilización en materia de prevención de riscos laborais de carácter intersectorial, un compromiso do solicitante en que se indique que os locais que vai ocupar estarán debidamente identificados.

12. As actividades subvencionables e os seus entregables elaborados pola entidade beneficiaria, así como a súa difusión, poderán realizarse en idioma galego e castelán pero, en todo caso, deberán ser realizados en galego.

Artigo 38. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 8 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 39. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a referida Secretaría Xeral Técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd.industria@xunta.gal.

Artigo 40. Gradación dos incumprimentos

De acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará serán os seguintes:

1. Procederá non realizar o pagamento ou o posterior reintegro da totalidade da axuda concedida, nos seguintes casos:

a) O incumprimento das obrigas ou compromisos regulados por esta orde e os aceptados pola beneficiaria.

b) O incumprimento das obrigas exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención, recollidas no artigo 37.

c) No caso de que non se presente ningunha da documentación exixida.

d) O incumprimento das obrigacións en materia de publicidade establecidas nesta orde.

e) A obtención da axuda falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que impidan a concesión.

f) O incumprimento mínimo de 8 alumnos/as nas accións formativas, conforme o establecido no artigo 8.2 desta orde.

g) Cando as actividades subvencionables e os seus entregables elaborados pola entidade beneficiaria, así como a súa difusión, non estean realizados en galego.

2. Procederá o pagamento parcial ou, a posteriori, o reintegro parcial, en proporción ao gasto non xustificado ou aos datos coñecidos despois do pagamento, nos seguintes supostos:

a) A presentación só de parte da documentación exixida ou se a dita documentación é incorrecta.

b) Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os cales se concedeu a axuda, e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro, en ambos os casos, na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado ou non xustificado.

Artigo 41. Modificación de resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión destas axudas ou subvencións e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, fóra dos casos permitidos nesta orde, ou que o importe supere o custo total da actividade subvencionada que desenvolverá a entidade beneficiaria poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, á súa revogación.

Artigo 42. Revogación

1. Procederá a revogación da axuda, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo das competencias que ten a Inspección de Traballo e Seguridade Social, en virtude do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 43. Seguimento e control

1. A Secretaría Xeral de Emprego poderá comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados.

2. Co fin de garantir o adecuado seguimento e control destas subvencións, comunicarase cunha antelación mínima de 10 días o inicio e a fin das accións de formación e de difusión, e de sensibilización e intercambio de experiencias ao enderezo: seguridade-saude-laboral@xunta.gal.

Disposición adicional primeira. Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispoñer, recoñecer a obrigación e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas entidades beneficiarias, respecto das resolucións de concesión de que derivan ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Disposición adicional segunda. Financiamento da orde

Ao abeiro do establecido na Lei 8/2017, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018, as axudas recollidas nesta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.40.324A.481.1, código de proxecto 2015 00507, cun crédito de 870.000 euros e con cargo á aplicación 09.40.324A.771.1, código de proxecto 2015 00507, cun importe de 620.000 euros.

Estas contías están recollidas na Lei 8/2017, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018.

Disposición derradeira primeira. Remisión normativa

En todo o non disposto nesta orde será de aplicación a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a Lei 8/2017, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia no ano 2018, a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, e o Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento dos servizos de prevención de riscos laborais, en canto lle sexa de aplicación e, con carácter supletorio, a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disposición derradeira segunda. Facultade de desenvolvemento

Autorízase a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e a execución desta disposición.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2018

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO VII

Modelo de xustificación técnica ou informe final do proxecto

O obxectivo de realizar un resumo do proxecto é facilitar a difusión, de ser o caso, dos seus resultados. Estes resumos proporcionarán ás persoas interesadas unha visión xeral do proxecto.

Neste documento preséntanse e explícanse os criterios de cobertura necesarios para a realización do resumo, así como o formato e a forma de presentalos, segundo o esquema seguinte:

A. Datos de identificación do proxecto:

1. Título: deberase indicar o título completo.

2. Autor/a ou autores/as: en primeiro lugar, deberase indicar o nome dos/as autores/as principais e, a continuación, o dos/as colaboradores/as.

3. Entidade subvencionada: nome completo da entidade e NIF.

4. Datas de realización: deberase indicar a data de inicio e fin do proxecto global.

5. Cronograma: deberase presentar un cronograma co desenvolvemento das distintas fases do proxecto.

6. Ámbito territorial: deberase sinalar a dimensión territorial.

6.1. Para proxectos de formación, número de localidades en que se realiza.

7. Persoas destinatarias: deberase sinalar a quen vai dirixido e se pertencen a un mesmo sector ou a diferentes sectores.

B. Sinopse:

Explicaranse os obxectivos e os aspectos máis relevantes do traballo. Así mesmo, explicaranse, brevemente os antecedentes, o desenvolvemento do proxecto e os obxectivos conseguidos, cunha pequena síntese dos resultados ou conclusións.

C. Metodoloxía:

Trátase de proporcionar a información o máis precisa e concreta posible sobre a forma de levar a cabo o proxecto. De ser o caso, debe explicarse o método de recollida da información ou da captación de participantes, obxectivos principais e específicos, variables ou temática principal que se vai analizar, técnicas de análises, sínteses de expoñer a información, datas de execución e persoas destinatarias.

D. Resultados:

Farase referencia aos resultados concretos e puntuais máis importantes da accións de formación, sensibilización e asesoramento.

E. Utilidade práctica dos resultados en relación coa prevención de riscos laborais:

Destacarase a achega que o traballo supón no campo da prevención de riscos laborais e se o proxecto vai ter continuidade nalgún aspectol. Cando sexa posible, realizarase unha prospectiva do proxecto.

F. Conclusións finais e posibles recomendacións:

Expoñeranse as conclusións deducidas dos resultados e sinalaranse, cando sexa pertinente, as oportunas recomendacións para a solución do problema estudado e a súa posible aplicación nas empresas.

G. Difusión e explotación de resultados:

Presentarase a información da produción científica do proxecto: bases de datos, programas informáticos, publicacións, relatorios... Tamén se incorporará unha breve descrición das accións de difusión que, se é o caso, se realizaron para difundir o proxecto, tanto ao seu inicio como ao seu final.

H. Recursos humanos e técnicos:

Sinalaranse as persoas participantes no proxecto e os medios técnicos que se precisaron.

Entre os recursos deberán figurar, de ser o caso, as subcontratacións realizadas con indicación das tarefas encomendadas e a xustificación da necesidade de recorrer a estas subcontratacións.

XUSTIFICACIÓN DE ACTIVIDADES DE GABINETES TÉCNICOS:

Os gabinetes técnicos deberán presentar unha ficha por cada unha das actuacións realizadas ao abeiro da presente orde, coa seguinte estrutura:

FICHA DE SEGUIMENTO DE ACTUACIÓNS DOS GABINETES TÉCNICOS:

Nome do técnico/a:................................................................................................................

Persoa traballadora/empresa asesorada:..............................................................................

Data:.......................................................................................................................................

Hora de inicio:..........................................................................................................................

Hora de finalización:................................................................................................................

Resumo da actuación realizada:

..................................................................................................................................................................................................................................................................................................................................................................................................................................................................................................................................................

missing image file
missing image file