Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Mércores, 4 de xullo de 2018 Páx. 32013

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 28 de xuño de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas urxentes de tipo social (AUXS) para evitar os cortes de subministración eléctrica aos consumidores vulnerables severos en risco de exclusión social, en réxime de concorrencia non competitiva, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 na Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento IN414D).

A Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia, atribúe, no seu artigo 27.23, á Comunidade Autónoma de Galicia a competencia exclusiva en materia de servizos sociais e, facendo uso desa atribución, regulou e desenvolveu o Sistema galego de servizos sociais, que ten como norma principal a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia. A lei define os servizos sociais como servizo público destinado a garantir a igualdade de oportunidades no acceso á calidade de vida e á participación social de toda a poboación mediante intervencións que permitan, entre outros obxectivos, facilitar recursos e itinerarios de integración social a quen se encontra en situación ou risco de exclusión social.

O artigo 1 do Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, dispón que esta é o órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponde o exercicio das competencias e funcións no ámbito, entre outros, da enerxía, de acordo co establecido na Constitución española e no Estatuto de autonomía de Galicia.

Por outra banda, o acceso á enerxía eléctrica é unha necesidade básica. O importe da factura eléctrica incrementouse considerablemente nos últimos anos, debido principalmente ao aumento dos custos fixos derivados do déficit de tarifa que se inclúen na factura eléctrica, e que non se poden reducir mediante un menor consumo enerxético. Este feito, unido ao contexto económico actual, dá lugar a que existan familias galegas que non dispoñan das posibilidades económicas mínimas para o pagamento da factura eléctrica.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria considera axeitado e conveniente levar a cabo actuacións encamiñadas a paliar estas dificultades nas familias galegas economicamente máis vulnerables deseñando, a través da presente orde, un programa de axudas que lles permita facer fronte ás facturas de electricidade, coa finalidade de asegurar o acceso continuado á subministración de enerxía eléctrica a este colectivo na nosa comunidade autónoma.

Estas axudas encádranse no marco da nova regulación estatal establecida no Real decreto 897/2017, do 6 de outubro, polo que se regula a figura do consumidor vulnerable, o bono social e outras medidas de protección para os consumidores domésticos de enerxía eléctrica.

O artigo 4 do dito real decreto denomina consumidor en risco de exclusión social o consumidor que reúna os requisitos para ser vulnerable severo, segundo o establecido no artigo 3, e que sexa atendido polos servizos sociais dunha Administración autonómica ou local que financie, polo menos, o 50 por cento do importe da súa factura, nos termos previstos no presente real decreto, o que será acreditado mediante documento expedido polos servizos sociais das referidas administracións públicas.

Así mesmo, no punto segundo do citado artigo 4 establece que a subministración a un consumidor que acredite os requisitos do punto anterior e estea acollido á tarifa de último recurso (TUR) correspondente será considerada subministración de electricidade esencial, de acordo co previsto no artigo 52.4.j) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico. A consideración de esencial implica que non se lle poderá cortar a subministración eléctrica.

A tramitación destas axudas realizarase en colaboración cos servizos sociais comunitarios básicos, de acordo co exposto nos artigos 9 a 11 e 60 e 61 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, e mais no artigo 84.2.a) da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, así como con base na asistencia recíproca entre administracións que establece o artigo 200 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, reguladora da Administración local de Galicia, e coa colaboración da Dirección Xeral de Inclusión Social.

No artigo 84.2.a) da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, establécese que lles corresponde aos concellos a detección das persoas en situación de exclusión e o asesoramento e información sobre os recursos existentes.

No mesmo sentido, os artigos 8 a 12 e 23 do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, insisten no papel dos servizos sociais comunitarios básicos, de titularidade municipal, como canle normalizada de acceso das persoas usuarias aos recursos e prestacións sociais, con funcións de detección e valoración das situacións de exclusión e risco de exclusión social. Desta maneira, consonte o previsto no artigo 37 do dito Decreto 99/2012, do 16 de marzo, os/as traballadores/as dos servizos sociais comunitarios, como profesionais de referencia das persoas usuarias, terán un papel colaborador moi importante na tramitación destas axudas.

Esta orde de axudas xestionarase preferiblemente de forma telemática, tendo en conta o elevado número de potenciais beneficiarios e considerando o fin social da axuda, coa finalidade de acadar unha maior axilidade na súa tramitación e pagamento, o que redundará de xeito beneficioso sobre os destinatarios da axuda.

En virtude do exposto, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Bases reguladoras e convocatoria

1. Esta orde da Consellería de Economía, Emprego e Industria establece as bases reguladoras, que se xuntan no anexo I, para a concesión de axudas urxentes de tipo social (AUXS) para evitar os cortes de subministración eléctrica aos consumidores vulnerables severos en risco de exclusión social, en réxime de concorrencia non competitiva, na Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento IN414D).

2. Así mesmo, por medio desta orde, convócanse as devanditas axudas para o ano 2018.

Artigo 2. Solicitudes. Lugar e prazo de presentación

1. Para poder ser persoa beneficiaria das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo de formulario normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 5 das bases reguladoras.

2. As solicitudes de axuda cubriranse a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou ben desde a ligazón https://axudascortes-subministracion.xunta.gal.

3. Unha vez validada a solicitude e sempre e cando existan fondos dispoñibles, a aplicación informática reflectirá o estado de «Reservada». O estado de «Reservada» significa que na aplicación se reservou a contía da axuda correspondente para esa solicitude, a expensas da comprobación do cumprimento dos requisitos exixidos na convocatoria.

4. As solicitudes en estado de «Reservada» disporán dun prazo máximo de cinco (5) días hábiles para a súa presentación. De non presentarse no referido prazo, cancelaranse na aplicación informática e anularase a reserva de fondos.

5. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica. Para a presentación das solicitudes por esta vía poderá empregarse o documento nacional de identidade electrónico ou os certificados dixitais emitidos polas autoridades de certificación Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT) e certificados camerales (Camerfirma).

6. Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en soporte papel, no rexistro do concello a que correspondan os servizos sociais comunitarios do domicilio da persoa solicitante, ou en calquera dos lugares ou rexistros establecidos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando necesariamente o formulario normalizado xerado pola aplicación informática https://axudascortes-subministracion.xunta.gal.

7. No suposto de que o peticionario non teña capacidade técnica ou económica, ou que por outros motivos non teña garantido o acceso e a dispoñibilidade dos medios tecnolóxicos precisos, a súa identificación ou autenticación poderá ser validamente realizada por empregado público, mediante o uso do sistema de sinatura electrónica de que estea dotado, segundo dispón o artigo 14 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, que regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades de ela dependentes. Para estes efectos, o peticionario poderá dirixirse ás oficinas de calquera das catro xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria, así como á Dirección Xeral de Enerxía e Minas ou ao/á seu/súa traballador/a social de referencia dos servizos sociais comunitarios municipais, para que lle fagan a solicitude.

O/a interesado/a, ou o seu representante, poderá autorizar expresamente os empregados públicos da Consellería de Economía, Emprego e Industria ou os/as traballadores/as sociais de referencia para a presentación electrónica da solicitude e da demais documentación que se debe achegar con ela, así como para a presentación da demais documentación necesaria derivada deste procedemento en canto a emendar ou xuntar os documentos preceptivos e demais documentación complementaria que se considere para o efecto.

Neste suposto, deberá acreditarse a representación expresa para a presentación da solicitude por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna, ou mediante declaración en comparecencia persoal do/da interesado/a perante un/unha funcionario/a da Administración en cuxo rexistro se presente a solicitude, segundo o modelo do anexo III desta orde.

8. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

9. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

10. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes. Estes modelos presentaranse a través da aplicación informática, desde https://axudascortes-subministracion.xunta.gal. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalas presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

11. O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 15 de decembro de 2018.

12. Porén, no suposto de que antes de finalizar o prazo de presentación de solicitudes se esgotase o crédito establecido na convocatoria, o órgano concedente acordará a inadmisión de solicitudes e publicará tal circunstancia no DOG e na páxina web da consellería.

13. A presentación fóra de prazo da solicitude implicará a súa inadmisión.

Artigo 3. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a un (1) mes.

Artigo 4. Financiamento e concorrencia

1. Con esta finalidade, na Lei 8/2017, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018, está consignado crédito por importe de 1.193.115 € na aplicación orzamentaria 09.20.733A.480.10 para atender as axudas da presente orde.

2. A procedencia dos fondos correspondentes ás achegas concedidas pola CEEI para o 2018 nesta aplicación é de fondos propios.

3. Poderase ampliar o crédito máximo destinado a esta convocatoria cando o aumento veña derivado:

a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) Da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

4. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, de ser o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

5. A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

6. En todo caso, a concesión de axudas queda condicionada á existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Artigo 5. Comunicación á Base de datos nacional de subvencións (BDNS)

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

Artigo 6. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN414D, poderase obter información adicional na Dirección Xeral de Enerxía e Minas e nas xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería: http://ceei.xunta.gal

b) Nos seguintes teléfonos:

A Coruña: 981 18 49 95 e 981 18 49 36.

Santiago: 981 95 70 24 e 981 54 55 74.

Lugo: 982 29 49 75 e 982 29 46 70.

Ourense: 988 38 67 10.

Pontevedra: 986 80 52 13 e 986 80 52 22.

Vigo: 986 81 75 61, 986 81 78 22 e 986 81 77 64.

c) No enderezo de correo electrónico: ceei.dxem.axudasenerxia@xunta.es.

d) Presencialmente.

Así mesmo, para cuestións xerais poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase o director xeral de Enerxía e Minas para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2018

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión de axudas urxentes de tipo social para evitar os cortes de subministración eléctrica aos consumidores vulnerables severos en risco de exclusión social (AUXS), en réxime de concorrencia non competitiva

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. Esta orde da Consellería de Economía, Emprego e Industria (en diante, CEEI) ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas urxentes de tipo social (en diante, AUXS) para o pagamento da factura eléctrica aos consumidores vulnerables severos en risco de exclusión social e, deste xeito, asegurar a este colectivo o acceso continuado á subministración de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que no seu artigo 19.2 establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Artigo 2. Actuacións, gastos subvencionables e contía das axudas

1. Os gastos subvencionables serán o 50 % do importe das facturas de electricidade (calculado segundo o establecido no artigo 12 do Real decreto 897/2017), correspondentes á vivenda habitual do solicitante acollido á tarifa de último recurso (TUR) para consumidor vulnerable severo, que estean pendentes de pagamento na data da solicitude e emitidas antes do 15 de decembro de 2018 por unha comercializadora de referencia (COR) que teña asinado un protocolo de colaboración coa Consellería de Economía, Emprego e Industria para evitar os cortes de subministración.

2. A contía da subvención será unha cantidade fixa máxima por solicitante de 250 €/ano, ou de 400 €/ano no caso de familias numerosas, que se irá pagando segundo a comercializadora remita as correspondentes facturas á Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

3. O importe da subvención regulada nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións das distintas administracións ou calquera dos seus entes público ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo total do gasto subvencionable.

Artigo 3. Beneficiarios

1. Poderán solicitar esta axuda as persoas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que teñan a consideración de consumidor vulnerable severo en risco de exclusión social.

2. Terán esta consideración aquelas persoas que reúnan os requisitos para ser consumidor vulnerable severo establecidos no artigo 3 do Real decreto 897/2017, do 6 de outubro, polo que se regulan a figura do consumidor vulnerable, o bono social e outras medidas de protección para os consumidores domésticos de enerxía eléctrica, cos límites de renda establecidos no punto 4 do citado artigo e, ademais, estean en risco de exclusión social. Esta situación deberá estar acreditada mediante certificado ou informe social expedido polos servizos sociais correspondentes.

3. Os requisitos que deben cumprir os beneficiarios da axuda son:

a) Ser residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Ser o titular do contrato de subministración eléctrica.

c) Ter contratada a tarifa de último recurso (TUR) con aplicación do bono social de consumidor vulnerable severo (desconto do 40 %), para o que deberán cumprir os límites de renda establecidos.

d) Estar en risco de exclusión social, o que será acreditado mediante certificado ou informe social expedido polos servizos sociais.

e) Non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario, recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións.

Artigo 4. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documento acreditativo de ser beneficiario do bono social para consumidor vulnerable severo. Poderá acreditarse mediante copia dunha factura en que figure aplicado o desconto do 40 % do bono social para consumidores vulnerables severos.

b) Certificado ou informe social emitido polos servizos sociais de que o solicitante está en risco de exclusión social (anexo IV).

c) De ser o caso, título de familia numerosa (só no caso de que o dito título non fose expedido pola Xunta de Galicia).

d) De ser o caso, autorización aos empregados públicos correspondentes para a presentación electrónica da solicitude e da documentación relativa a esta orde de axudas (anexo III). Neste caso deberá presentarse tamén o anexo II asinado polo solicitante.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 5. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) Certificado de residencia da persoa solicitante.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

c) Título de familia numerosa (no caso de que fose expedido pola Xunta de Galicia).

2. De acordo co disposto no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao tratarse de subvencións que non superan os 3.000 €, a acreditación do cumprimento das obrigas tributarias, coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma poderá facerse mediante unha declaración responsable do solicitante, que se presentará coa solicitude. Esta declaración será válida para os efectos da concesión e do pagamento da subvención.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 6. Órganos competentes

1. As xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Dirección Xeral de Enerxía e Minas serán os órganos competentes para a instrución do procedemento de concesión de subvencións.

2. Segundo o establecido no artigo 21.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o expediente de concesión de subvencións conterá o informe do órgano instrutor en que conste que da información que ten no seu poder se desprende que os beneficiarios cumpren todos os requisitos necesarios para acceder a elas.

3. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas será o órgano competente para formular a proposta de resolución, e correspóndelle ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria ditar a resolución de concesión.

Artigo 7. Instrución do procedemento

1. De acordo co artigo 71.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a instrución das solicitudes efectuarase seguindo a orde correlativa de entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación, sempre que exista consignación orzamentaria.

2. De conformidade co establecido artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se considerará que desiste na súa petición, logo da correspondente resolución.

3. Este requirimento de emenda tamén se fará se algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos datos das consultas realizadas conforme o artigo 5 ou no suposto de que sexa necesario achegar calquera outra documentación, logo de aplicarse o disposto na alínea d) do artigo 53 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 8. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 9. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas formulará a proposta de resolución, que se elevará ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria.

2. Á vista da proposta formulada, o conselleiro ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada, de acordo cos criterios establecidos na presente orde.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será dun (1) mes contado desde a data da solicitude. Se transcorre este prazo para resolver sen que se dite resolución expresa, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

5. As notificacións electrónicas realizaranse a través da aplicación informática, desde https://axudascortes-subministracion.xunta.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á conta de correo que conste na solicitude para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

6. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar, en todo caso, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

7. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

8. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto. Se o acto non fóra expreso, o solicitante poderá interpoñer recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 11. Modificación da resolución

Toda alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, tal e como se establece no artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Ademais, a Consellería de Economía e Industria poderá rectificar de oficio a resolución cando exista un erro material, de feito ou aritmético, tal e como se recolle o artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba el Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 12. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 13. Obrigas dos beneficiarios

A concesión da axuda comporta as seguintes obrigas:

a) Seguir as directrices que marca a orde de convocatoria.

b) Cooperar coa Administración en cantas actividades de inspección e verificación se leven a cabo, para asegurar o correcto destino da axuda.

c) As establecidas para os beneficiarios no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 14. Xustificación e pagamento das axudas

1. As axudas concedidas en concepto de AUXS para evitar a interrupción de subministración eléctrica non requirirán outra xustificación que a acreditación da condición de beneficiario, segundo o previsto no artigo 28.9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Tal condición debe acreditarse co cumprimento do estipulado no artigo 3 destas bases reguladoras, mediante a presentación da documentación estipulada no seu artigo 4. Logo da comprobación de que a dita documentación é correcta e de que o solicitante cumpre todos os requisitos exixidos para ter a condición de beneficiario, procederase ao pagamento segundo o establecido no artigo 60.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A CEEI pagará o 50 % das facturas eléctricas remitidas pola comercializadora de referencia (COR), segundo o establecido no artigo 12 do Real decreto 897/2017, do 6 de outubro, ata o importe máximo da subvención concedida. Este pagamento farase en nome do beneficiario e terá a consideración de «pagamento por terceiros». Para estes efectos, a persoa interesada autoriza no formulario de solicitude á súa comercializadora de electricidade a enviar os duplicados das facturas subvencionadas á Consellería de Economía, Emprego e Industria, para os efectos de proceder ao seu pagamento, de acordo co establecido no artigo 12 do Real decreto 897/2017, do 6 de outubro, polo que se regulan a figura do consumidor vulnerable, o bono social e outras medidas de protección para os consumidores domésticos de enerxía eléctrica.

3. O pagamento da axuda establecida nesta resolución farase na conta que indique a empresa comercializadora, que deberá permanecer activa mentres non se teña constancia da finalización do expediente. A Administración non se fará responsable da imposibilidade de efectuar o ingreso por causas alleas á propia tramitación do expediente.

Artigo 15. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativas aplicables, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases reguladoras seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Control

1. A Consellería de Economía, Emprego e Industria poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas así como, se é o caso, dos servizos da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 17. Publicidade

1. No prazo máximo de tres meses contados dende a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

2. Malia o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

3. Por outra banda, de acordo co establecido no artigo 15.2.d) da Lei de subvencións de Galicia, tampouco será necesaria a publicación dos datos do beneficiario pois pode ser contraria ao respecto e salvagarda do honor e a intimidade persoal e familiar das persoas físicas, en virtude do establecido na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, de protección civil do dereito ao honor, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

Artigo 18. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a suministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 19. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases observarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia, Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na demais normativa de aplicación.

Disposición adicional. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería de Economía, Emprego e Industria, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, e reflectirase esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Tamén se comunicarán os datos ás comercializadoras de electricidade de referencia, coa finalidade de evitar os cortes de subministración de enerxía eléctrica, para a súa consideración de consumidores vulnerables severos en risco de exclusión social, para os efectos establecidos no Real decreto 897/2017, do 6 de outubro, polo que se regulan a figura do consumidor vulnerable, o bono social e outras medidas de protección para os consumidores domésticos de enerxía eléctrica.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file