Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Xoves, 5 de xullo de 2018 Páx. 32327

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 28 de xuño de 2018 pola que se aproba inicialmente a primeira revisión do Plan forestal de Galicia e se abre o trámite de información pública.

O Decreto 166/2015, do 13 de novembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, establece no seu artigo 1 que lle corresponden as competencias en materias de montes e prevención e defensa contra incendios forestais consonte o establecido no Estatuto de autonomía, nos termos sinalados na Constitución española.

De conformidade co disposto nos artigos 72 e 73 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, a aprobación e, de ser o caso, a revisión ou modificación do Plan forestal de Galicia debe axustarse ao procedemento previsto no artigo 21 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia para os programas coordinados de actuación, entre os cales se encontra o Plan forestal de Galicia.

No Diario Oficial de Galicia o 23 de xuño de 2016 publicouse a Resolución do 10 de xuño de 2016, da Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 9 de xuño de 2016 de inicio do procedemento da elaboración da primeira revisión do Plan forestal de Galicia.

O proceso de avaliación ambiental estratéxica comezou coa elaboración do documento de inicio, que tivo entrada o 2 de agosto de 2016 na entón denominada Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio. Tras o período de consultas, elaborouse o documento de alcance, remitido ao promotor o 31 de outubro de 2016.

Seguindo o procedemento establecido na mencionada Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, procede agora a aprobación inicial da primeira revisión do Plan forestal de Galicia, que será publicada no Boletín Oficial del Estado (BOE), no Diario Oficial de Galicia e nun xornal dos de maior difusión na Comunidade Autónoma, e someterase aos trámites de información pública e audiencia dos concellos, entidades, corporacións e organismos públicos afectados. Así mesmo, no trámite de avaliación ambiental estratéxica ordinaria, o artigo 21 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, establece un trámite de información pública que será, como mínimo, de corenta e cinco días hábiles.

Á vista do anteriormente exposto, no exercicio das facultades que me confire o artigo 3 do Decreto 166/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, e o artigo 34 da Lei 1/1983, do 12 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

Dispoño:

Primeiro. Aprobar inicialmente a primeira revisión do Plan forestal de Galicia, incluíndo o seu estudo ambiental estratéxico.

Segundo. Publicar esta orde no Diario Oficial de Galicia, no BOE, así como nun xornal de maior circulación na Comunidade Autónoma.

Terceiro. Someter a información pública a primeira revisión do Plan forestal de Galicia aprobado inicialmente con todos os documentos que o integran, incluído o estudo ambiental estratéxico, durante o prazo de 3 meses contados a partir da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Durante o citado prazo, a documentación da primeira revisión do Plan forestal de Galicia poderá ser examinada na Dirección Xeral de Ordenación Forestal. Así mesmo, tamén poderá ser consultada no enderezo electrónico http://mediorural.xunta.gal/areas/forestal/ordenacion/plan_forestal_de_galicia/

Cuarto. Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2018

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural