Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Xoves, 5 de xullo de 2018 Páx. 32325

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 27 de xuño de 2018 pola que se fai público o incremento do crédito das axudas previstas na Orde do 23 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da axuda económica, a través da tarxeta Benvida, para as familias con fillas e fillos nados no ano 2017, e se procede á súa convocatoria.

A Orde do 23 de decembro de 2016, pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da axuda económica, a través da tarxeta Benvida, para as familias con fillas e fillos nados no ano 2017 e se procede á súa convocatoria, establece no seu artigo 2 que as axudas que se establecen no seu articulado se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 12.02.312B.480.1 recollida no Proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017. Dado que este programa se estende na súa execución ao ano 2018, trátase dun gasto plurianual e o importe destinado ás ditas axudas ascende á cantidade de 9.000.000 euros na anualidade de 2017 e de 9.000.000 euros na anualidade de 2018.

A devandita orde establece, ademais, que o crédito final resultante destinado a estas axudas se poderá incrementar no suposto de que sexa insuficiente para atender todas as solicitudes recibidas que cumpran os requisitos establecidos nesta orde e di, ademais, que o aumento veña derivado dalgún dos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O crédito para levar a cabo o incremento previsto nesta orde procede do remanente doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito.

Tendo en conta o volume de solicitudes recibidas e en liña cos obxectivos do Programa de apoio á natalidade posto en marcha pola Xunta de Galicia, deben articularse as medidas necesarias para garantir que todas as persoas solicitantes que cumpren os requisitos determinados na Orde do 23 de decembro de 2016 poidan recibir as axudas que lles corresponden, polo que é necesario incrementar o importe destinado á dotación orzamentaria consignada na orde de convocatoria mencionada.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

RESOLVO:

Artigo único. Incremento dos créditos

Increméntase o crédito destinado ao financiamento das axudas previstas na Orde do 23 de decembro de 2016, pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da axuda económica, a través da tarxeta Benvida, para as familias con fillas e fillos nados no ano 2017. O importe total do dito incremento, que se realizará na aplicación orzamentaria 12.02.312B.480.1, é de 124.800 €.

A publicación desta orde non supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2018

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social