Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Venres, 6 de xullo de 2018 Páx. 32421

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 14 de xuño de 2018 pola que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Médicos de Ourense.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asumiuse polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia, correspondendo á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza as competencias nesta materia, en virtude do Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da dita consellería.

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón no seu artigo 16 que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, aprobación e modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico. O artigo 18 da mesma norma establece a obrigatoriedade de comunicar á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións.

Dando cumprimento a esta disposición, o Colexio Oficial de Médicos de Ourense acordou en asemblea xeral a aprobación dos seus estatutos, que foron presentados ante a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para os efectos da súa aprobación definitiva, despois da cualificación de legalidade, en cumprimento do establecido no artigo 18 da Lei 11/2001, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tendo en conta o exposto, verificada a adecuación á legalidade dos devanditos estatutos, en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Aprobar os estatutos do Colexio Oficial de Médicos de Ourense, co contido que figura como anexo á presente orde.

Artigo 2. Publicación e inscrición

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derrogatoria. Derrogación dos estatutos anteriores

Quedan derrogados os estatutos anteriores, aprobados pola Orde do 25 de marzo de 2008, e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto na presente orde.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2018

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

TÍTULO I

Disposicións xerais

Capítulo I

Natureza xurídica, representación, ámbito territorial e sede

Artigo 1. Natureza xurídica do Colexio Oficial de Médicos da Provincia de Ourense

1. O Colexio Oficial de Médicos da Provincia de Ourense, integrado na Organización Médica Colexial (OMC), é unha corporación de dereito público, amparada e regulada pola Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, e pola Lei 2/1974, do 13 de febreiro, sobre colexios profesionais, con personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins.

2. O funcionamento e o réxime xurídico, no ámbito da súa competencia, rexeranse pola Lei de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, pola lexislación básica existente na materia, polos presentes estatutos e as súas normas de desenvolvemento e, no non previsto nos presentes estatutos, será de aplicación supletoria o disposto nos estatutos xerais da OMC e nos estatutos do Consello Galego de Colexios Oficiais de Médicos.

3. O Colexio Oficial de Médicos da Provincia de Ourense goza, separada e individualmente, de plena capacidade xurídica e de obrar; pode adquirir a título oneroso ou lucrativo, allear, vender, gravar, posuír e reivindicar toda clase de bens; contraer obrigacións e, en xeral, ser titular de toda clase de dereitos, executar ou soportar calquera acción xudicial, reclamación ou recurso en calquera vía (administrativa, económico-administrativa, etc.) ou xurisdición (civil, penal, laboral, contencioso-administrativa), e mesmo os recursos extraordinarios de revisión e casación no ámbito da súa competencia.

Artigo 2. Representación

1. A representación legal do Colexio Oficial de Médicos de Ourense, tanto en xuízo como fóra del, recaerá no/na seu/súa presidente/a, quen se atopará lexitimado/a para outorgar poderes xerais ou especiais a procuradores, letrados da súa asesoría xurídica ou calquera clase de mandatarios, logo de acordo previo da comisión permanente ratificado pola Xunta Directiva.

2. Correspóndelle ao Colexio Oficial de Médicos de Ourense a representación exclusiva da profesión médica, da actividade profesional dos colexiados e das colexiadas e a defensa dos seus intereses profesionais, no ámbito da provincia de Ourense.

Agrupa, de conformidade co que dispoña a lexislación básica do Estado, todos os médicos e médicas que, de acordo coas leis vixentes, exerzan a súa profesión na provincia de Ourense, en calquera das súas modalidades, ben de forma independente ou ben ao servizo da Administración central do Estado, da Comunidade Autónoma, local ou institucional ou de calquera outra entidade pública ou privada, sempre que a súa titulación sexa condición exixible para o desempeño da súa actividade ou acceso ao cargo, coas excepcións que impoña a lexislación estatal.

3. O emblema do Colexio Oficial de Médicos de Ourense é o propio escudo da cidade co engadido dun bastón de mando cunha serpe enroscada sostido por un león: na parte inferior faise constar a lenda «Ilustre Colexio Oficial de Médicos de Ourense». O Pleno da Xunta Directiva poderá modificar ou substituír a imaxe corporativa colexial.

Artigo 3. Ámbito territorial e sede

O Colexio Oficial de Médicos de Ourense ten como ámbito territorial a provincia de Ourense e a súa sede colexial, que constitúe o seu domicilio actual, está na capital da provincia, na rúa Xoán XXIII, nº 19, entr., 32003 Ourense.

Capítulo II

Fins, funcións e competencias

Artigo 4. Fins

A. Son fins fundamentais do Colexio Oficial de Médicos de Ourense:

1. A ordenación, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, do exercicio da profesión médica, a representación exclusiva desta e a defensa dos intereses profesionais dos colexiados, así como tamén dos intereses dos usuarios en relación cos servizos que prestan os colexiados. Todo iso sen prexuízo da competencia da Administración pública, estatal ou autonómica, por razón da relación estatutaria, laboral ou funcionarial.

2. A salvagarda e observancia dos criterios éticos e normas deontolóxicas da profesión médica e da súa dignidade e prestixio, en conformidade cos códigos elaborados pola Organización Médica Colexial, polo Consello Galego de Colexios de Médicos ou polo propio Colexio Oficial de Médicos de Ourense.

3. A adopción das medidas necesarias para evitar a intrusión profesional.

4. A colaboración cos poderes públicos e organismos oficiais ou privados na consecución do dereito á protección da saúde dos habitantes da Comunidade Autónoma de Galicia e a máis eficiente, xusta e equitativa regulación da asistencia sanitaria e do exercicio da medicina, así como cantos corresponde e sinala a lexislación, estatal e autonómica, sobre colexios profesionais.

B. Son outros fins do Colexio Oficial de Médicos de Ourense:

1. A promoción, por todos os medios ao seu alcance, da constante mellora dos niveis científico, cultural, económico e social dos colexiados, para cuxo efecto poderá organizar e manter toda clase de actividades, institucións e sistemas de previsión e protección social.

2. Especial atención dedicará á actualización profesional dos seus colexiados a través de cursos e outras actividades de formación médica continuada xestionada polo Colexio e tamén en colaboración cos organismos públicos e privados que procedan e, en especial, coas universidades e sociedades científicas de ámbito internacional, nacional, rexional ou local, para o que se establecerán os oportunos convenios ou acordos.

3. Facilitarlles aos colexiados os servizos que poidan demandar e, especialmente, aqueles que faciliten o exercicio profesional en condicións vantaxosas de mercado, para o que adoptará as medidas que en cada momento considere oportunas e poderá xestionar a contratación de calquera clase de seguros.

4. Todas aquelas competencias específicas que lle permitan levar a cabo a ordenación e o control do exercicio da profesión médica.

Artigo 5. Funcións

O Colexio Oficial de Médicos de Ourense, para alcanzar os seus obxectivos, ten as funcións determinadas pola lexislación vixente e as que sexan obxecto dos correspondentes convenios de colaboración. En particular, e a título enunciativo, cítanse as seguintes:

a) Asumir a representación e a defensa da profesión médica e dos médicos da provincia ante a Administración, institucións, tribunais, entidades e particulares, con lexitimación para ser parte en cantos litixios afecten a profesión. Para eses fins, defenderá os dereitos e a dignidade dos colexiados que representa, proporcionando o debido amparo colexial, se fosen obxecto de vexación, menoscabo ou desconsideración en cuestións profesionais.

b) Examinar e denunciar as cuestións relacionadas coa intrusión da profesión e exercer as accións que as leis establezan para evitala, sen prexuízo das actuacións de inspección e sanción a que está obrigada a Administración.

c) Levar o censo de profesionais e o rexistro de títulos, con cantos datos de toda índole se consideren necesarios para unha mellor información e elaborar as estatísticas que se consideren convenientes para a realización de estudos, proxectos e propostas relacionados co exercicio da medicina.

d) Ordenar a actividade profesional dos colexiados, velar pola ética, deontoloxía e dignidade profesional, así como polo respecto debido aos dereitos dos pacientes.

e) Exercer a potestade disciplinaria na orde profesional e colexial, incluíndo as sociedades profesionais nos termos previstos na Lei 2/2007, do 15 de marzo, para sancionar actos que impliquen unha competencia desleal no ámbito profesional e/ou económico co resto dos colexiados, cometan infraccións deontolóxicas ou abusen da súa posición de profesional fronte aos pacientes.

f) Exercer cantas funcións lles sexan encomendadas polas administracións públicas e colaborar con estas mediante a realización de estudos e informes.

g) Cooperar na formulación da política sanitaria e dos plans asistenciais e na súa execución, participando en cantas cuestións afecten ou se relacionen coa promoción da saúde e a asistencia sanitaria.

h) Participar nos órganos consultivos da Administración en materia sanitaria, cando aquela o requira ou así o establezan as disposicións aplicables.

i) Organizar cursos de formación ou perfeccionamento para os colexiados, actividades e servizos comúns de carácter profesional, cultural, asistencial, de previsión e análogos que sexan de interese para os colexiados.

j) Velar polos dereitos e intereses sanitarios da poboación e polo dereito á protección da saúde dos cidadáns e o dereito á información e libre elección de asistencia polos pacientes, para cuxos efectos o Colexio promoverá os estudos e as actuacións que considere oportunos.

k) Colaborar coas universidades na elaboración dos plans de estudo e preparar a información necesaria para facilitar o acceso á vida profesional dos novos colexiados.

l) Colaborar e participar activamente co resto de colexios profesionais, de cara a fortalecer a posición dos colexios profesionais ante a sociedade e ante os seus membros.

m) Facilitarlles aos xulgados e tribunais a relación de colexiados que poidan ser requiridos para participar como peritos en asuntos xudiciais, nos termos previstos no artigo 341 da Lei 1/2000, do 7 de xaneiro, de axuizamento civil, así como emitir informes ou ditames cando foren requiridos por calquera xulgado ou tribunal.

n) Aprobar os seus estatutos e regulamentos de réxime interior.

o) Subscribir todo tipo de acordos e establecer relacións de cooperación con entidades públicas e privadas, sempre que redunden en beneficio xeral da profesión.

p) Intervir nos procedementos de arbitraxe naqueles conflitos que por motivos profesionais se susciten entre colexiados ou nos cales o colexio sexa designado para administrar a arbitraxe, de conformidade coa Lei 60/2003, do 23 de decembro, de arbitraxe. Ademais, constitúe un dos seus obxectivos o impulso da mediación conforme o artigo 5 da Lei 5/2012, do 6 de xullo, de mediación civil e mercantil.

q) Requirir dos colexiados e das colexiadas o cumprimento dos seus deberes éticos ou legais de contido profesional.

r) Atender as solicitudes de información sobre os seus colexiados e colexiadas e sobre as sancións firmes a eles/elas impostas, así como as peticións de inspección ou investigación que lles formule calquera autoridade competente dun Estado membro da Unión Europea, nos termos previstos na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, en particular no que se refire a que as solicitudes de información e de realización de controis, inspeccións ou investigacións estean debidamente motivadas e que a información obtida se empregue unicamente para a finalidade para a cal se solicita.

s) Todas aqueloutras funcións que sexan beneficiosas para os intereses dos profesionais e dos usuarios dos seus servizos que se encamiñen ao cumprimento dos obxectivos colexiais, dentro do marco da lexislación vixente.

Artigo 6. Competencias

O Colexio Oficial de Médicos da Provincia de Ourense asume, no seu ámbito territorial, todas as competencias que a lexislación vixente lle outorga e, independentemente destas, a autoridade que dunha maneira expresa lle delegue a Administración co fin de cumprir as funcións que se lle asignan nestes estatutos en todo o que afecte a saúde pública, a ordenación do exercicio da medicina e a conservación dos seus valores éticos.

Artigo 7. Portelo único

1. O Colexio Oficial de Médicos de Ourense dispoñerá dunha páxina web e colaborará coas administracións públicas no necesario para que, a través do portelo único mencionado na Lei sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, os profesionais poidan realizar todos os trámites necesarios para a colexiación e para darse de baixa nun colexio, a través dun único punto, por vía electrónica e a distancia. Concretamente, as organizacións colexiais farán o necesario para que a través deste portelo único os profesionais poidan:

a) Obter toda a información e formularios necesarios para o acceso e exercicio da súa actividade profesional.

b) Presentar toda a documentación e solicitudes necesarias.

c) Coñecer o estado de tramitación dos procedementos en que teñan a condición de interesado/a e recibir a correspondente notificación dos actos de trámite preceptivos e da súa resolución polo colexio profesional, incluída a notificación dos expedientes disciplinarios cando non fose posible por outros medios.

d) Convocar os colexiados ás xuntas xerais ordinarias e extraordinarias e darlles coñecemento da actividade pública e privada do colexio profesional.

2. A través do referido portelo único, o Colexio Oficial de Médicos de Ourense ofreceralles aos consumidores e usuarios a información seguinte, a cal deberá ser clara, inequívoca e gratuíta:

a) Os medios e condicións de acceso aos rexistros públicos de profesionais colexiados.

b) As vías de reclamación e os recursos que poderán interpoñerse en caso de conflito entre un colexiado e un destinatario do servizo profesional.

c) O acceso ao Rexistro de Colexiados, que estará permanentemente actualizado e no cal constarán, polo menos, os datos seguintes: o nome e apelidos dos profesionais colexiados, o número de colexiación, os títulos académicos oficiais, o enderezo profesional e a situación de habilitación profesional.

Capítulo III

Relacións coa Administración pública

Artigo 8. Relacións coa Administración do Estado

O Colexio Oficial de Médicos de Ourense relacionarase e colaborará coa Administración do Estado a través do ministerio competente en materia de sanidade e consumo por intermedio do Consello Xeral de Colexios de Médicos de España como integrante na Organización Médica Colexial. O anterior sen prexuízo da facultade, que posúe como corporación de dereito público de relacionarse directamente coa devandita Administración.

Artigo 9. Relacións coa Administración Autónoma de Galicia

O Colexio Oficial de Médicos de Ourense relacionarase coa Administración da Comunidade de Galicia a través da consellería competente en materia de colexios profesionais, en cuestións relativas a aspectos corporativos e institucionais e a través da consellería competente en materia de sanidade en cuestións relativas á profesión e actividade médica, directamente ou a través do Consello Galego de Colexios de Médicos.

Artigo 10. Recoñecemento e distinción

O Colexio Oficial de Médicos de Ourense gozará do amparo da lei e do recoñecemento das distintas administracións públicas.

O Colexio Oficial de Médicos de Ourense terá o tratamento de «Ilustre» e o/a seu/súa presidente/a de «Ilustrísimo/a».

TÍTULO II

Capítulo I

Órganos de goberno

Artigo 11. Órganos de goberno

Os órganos de goberno do Colexio Oficial de Médicos de Ourense son:

– A Asemblea Xeral de Colexiados.

– A Xunta Directiva.

– O/a presidente/a.

Capítulo II

Asemblea Xeral de Colexiados

Artigo 12. Natureza

A Asemblea Xeral está formada por todos os colexiados e as colexiadas, constitúe o órgano supremo de representación colexial e a Xunta Directiva deberalle dar conta a ela da súa actuación.

Os acordos adoptados na Asemblea Xeral serán vinculantes para todos os colexiados.

A mesa da Asemblea Xeral estará composta polos membros da Xunta Directiva. Estará presidida e dirixida polo/a presidente/a do Colexio ou, de ser o caso, polo/a vicepresidente/a asistido/a polo/a secretario/a xeral da corporación ou, de ser o caso, polo/a vicesecretario/a.

Artigo 13. Constitución

A Asemblea Xeral estará constituída pola totalidade das persoas colexiadas en plena posesión dos seus dereitos colexiais.

A mesa da Asemblea Xeral estará composta polos membros da Xunta Directiva.

A Asemblea Xeral estará presidida e dirixida polo/pola `presidente/a do Colexio ou, de ser o caso, polo/a vicepresidente/a asistido/a polo/a secretario/a xeral da corporación ou, de ser o caso, polo/a vicesecretario/a.

Artigo 14. Funcionamento

1. A Asemblea Xeral convocarase, con carácter ordinario e preceptivamente, como mínimo, dúas veces ao ano; a primeira, no transcurso do primeiro trimestre, e nela presentaranse, para a súa aprobación, a liquidación e o balance de contas do exercicio anterior pechadas en 31 de decembro; e a segunda, no último trimestre, a que se presentará para a súa aprobación o proxecto de orzamento anual de ingresos e gastos do exercicio seguinte.

2. A Asemblea Xeral poderá ser convocada con carácter extraordinario pola Xunta Directiva co voto favorable das dúas terceiras partes dos seus membros e, preceptivamente, cando o solicite, polo menos, un vinte e cinco por cento dos colexiados, neste caso xuntando á solicitude a orde do día da devandita convocatoria.

3. A convocatoria da Asemblea Xeral faraa por escrito o/a secretario/a xeral, co visto e prace do/a presidente/a, e conterá o día, a hora e o lugar de reunión, a que se fixará as correspondentes á primeira e á segunda convocatoria, e mais a orde do día. Se as circunstancias tecnolóxicas o permiten, a convocatoria tamén se fará por vía telemática a través do portelo único. A convocatoria será remitida cunha antelación mínima de quince días naturais, salvo no caso de ser extraordinaria, que poderá ser convocada con 48 horas de antelación.

4. A Asemblea Xeral entenderase validamente constituída en primeira convocatoria cando estean presentes a metade máis un dos colexiados e colexiadas. En segunda convocatoria quedará constituída media hora máis tarde, calquera que sexa o número de colexiados e colexiadas presentes.

5. As reunións da asemblea, que serán presididas polo/a presidente/a, desenvolveranse de conformidade coa orde do día, e non poderán tratarse asuntos non incluídos nela. Á orde do día poderáselle engadir calquera punto de interese cando o soliciten, mediante escrito dirixido ao/á presidente/a, polo menos o 10 % dos colexiados, cunha antelación mínima de dez días naturais á celebración da reunión. O/a presidente/a poderá dispoñer a presenza de calquera persoa experta cando o considere conveniente para informar dalgún tema de debate. A rolda de intervencións na asemblea deberá ser admitida pola presidencia e non será obxecto de discusión nin de votación.

6. Para a validez dos acordos será necesario o voto favorable da maioría simple de asistentes; en caso de empate, decidirá o voto de calidade do/da presidente/a. Soamente se exixirá unha maioría cualificada cando así o dispoñan os presentes estatutos.

7. As votacións poderán ser á man alzada ou secretas mediante papeleta. Serán, en todo caso, secretas mediante papeleta cando así o decida o/a presidente/a ou cando así o aprobe á man alzada a maioría simple de colexiados e colexiadas asistentes. Non será válido o voto delegado ou por correo.

8. Para a validez da realización das sesións e da adopción de acordos será necesario que asistan o/a presidente e o/a secretario/a ou as persoas que legalmente os substitúan.

9. Do desenvolvemento da Asemblea Xeral levantará acta o/a secretario/a, que subscribirá xunto co/coa presidente/a os acordos adoptados, que serán difundidos entre a colexiación polos medios de comunicación habituais de que dispón o Colexio. As actas especificarán, necesariamente, o número de asistentes, a orde do día, as circunstancias do lugar e do tempo en que tivo lugar, os puntos principais das intervencións e das deliberacións e o contido dos acordos adoptados. As actas poderanse someter á súa aprobación por decisión da presidencia na mesma ou na seguinte sesión; non obstante, o/a secretario/a poderá emitir certificación sobre os acordos específicos que se adoptasen sen prexuízo de ulterior aprobación da acta farase constar expresamente esta circunstancia na certificación. A acta e os acordos enviaranse a todos os colexiados nun prazo non superior a 30 días.

10. Salvo que expresamente se acorde outra cousa, os acordos terán efectos desde a data en que se adopten.

Artigo 15. Competencias

Constitúen competencias exclusivas da Asemblea Xeral de colexiados e colexiadas a adopción dos seguintes acordos:

a) A aprobación dos estatutos do Colexio e a súa modificación.

b) A aprobación dos orzamentos anuais de ingresos e gastos, cuxo proxecto lle presente a Xunta Directiva.

c) A aprobación do balance e da liquidación orzamentaria, pechados en 31 de decembro de cada ano.

d) A aprobación da conta xeral de tesouraría, que será enviada coa convocatoria e que se presentará co peche do exercicio de cada ano.

e) Fixar o importe das cotas colexiais ordinarias e extraordinarias, así como o da cota de entrada, e acordar derramas.

f) Supervisar a actuación da Xunta Directiva.

g) Aprobar as normas reguladoras e de control do exercicio profesional que lle someta o Pleno da Xunta Directiva.

h) Aprobar os acordos que a Xunta Directiva adopte sobre compra, venda ou arrendamento dos inmobles do Colexio, sen cuxa aprobación non poderán levar a cabo.

i) Moción de censura ao presidente e á Xunta Directiva ou a calquera dos seus membros.

j) Por proposta do Pleno da Xunta Directiva, aprobar por maioría absoluta dos presentes na asemblea o nomeamento ou a contratación daquelas persoas físicas ou xurídicas, calquera que sexa a natureza xurídica de vinculación contractual, nalgún dos seguintes supostos: 1) que a contratación supere en cómputo anual, por todos os conceptos, un custo superior aos vinte mil euros; 2) que supoña a vinculación de persoas físicas ou xurídicas que teñan ou tivesen algún conflito xudicial co Colexio Oficial de Médicos de Ourense.

k) O Pleno da Xunta Directiva someterá á aprobación da Asemblea os asuntos que, ao seu criterio, merezan esta atención por razón da súa específica transcendencia colexial e profesional.

l) Cantas competencias lle atribúan as leis.

Artigo 16. Moción de censura

A moción de censura deberá ser proposta mediante escrito dirixido á presidencia do Colexio, asinado, polo menos, polo 25 % das persoas colexiadas.

Recibida a solicitude de moción de censura, terá lugar unha sesión extraordinaria do Pleno da Xunta Directiva para convocar asemblea xeral extraordinaria, en que figurarán como únicos puntos da orde do día a intervención da Presidencia e a votación desta.

Entre a solicitude de moción de censura e a realización da asemblea non poderá transcorrer máis dun mes.

A asemblea xeral extraordinaria convocada para o efecto quedará validamente constituída en primeira convocatoria coa presenza de maioría simple de colexiados e, en segunda, coa presenza do vinte e cinco por cento das persoas colexiadas. Será presidida polo/a presidente/a ou polo seu substituto regulamentario.

Para a aprobación da moción de censura e o consecuente cesamento da Xunta Directiva será necesario o voto favorable de dous terzos dos asistentes á sesión.

Para o caso de aprobarse a moción de censura, a Xunta Directiva continuará en funcións, coa obriga de convocar eleccións no prazo máximo de dous meses desde a celebración da asemblea xeral extraordinaria.

Capítulo III

Xunta Directiva

Artigo 17. Constitución da Xunta Directiva

A Xunta Directiva estará constituída:

– Polo Pleno.

– Pola Comisión Permanente.

A composición da Xunta Directiva respectará a Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, que establece que ningún sexo poderá superar o 60% nin quedar por baixo do 40 %.

Artigo 18. Constitución do Pleno

O Pleno da Xunta Directiva estará integrado polos seguintes membros:

a) Presidente/a.

b) Vicepresidente/a 1º.

c) Vicepresidente/a 2º.

d) Secretario/a.

e) O/A vicesecretario/a.

f) O/A tesoureiro/a.

g) Un mínimo de 5 e un máximo de 7 vogais.

Artigo 19. Constitución da Comisión Permanente

A Comisión Permanente estará integrada polos seguintes membros:

a) Presidente/a.

b) Os vicepresidentes.

c) Secretario/a.

d) Vicesecretario/a.

e) Tesoureiro/a.

Poderá ser convocado á Comisión Permanente calquera outro membro do Pleno da Xunta Directiva cando deban tratarse asuntos da súa especial incumbencia.

Artigo 20. Funcións do Pleno da Xunta Directiva

Son competencias do Pleno da Xunta Directiva do Colexio Oficial de Médicos da Provincia de Ourense:

1. A convocatoria de eleccións para cubrir cargos da Xunta Directiva.

2. Velar polo cumprimento dos fins do colexio e porque todas as persoas colexiadas cumpran as normas de ética e deontoloxía da profesión médica.

3. Exercer as accións e actuacións oportunas para evitar a intrusión.

4. A designación de membros da Xunta Directiva cando os seus cargos queden vacantes durante a segunda metade do mandato, por proposta do presidente ou de calquera outro membro do Pleno. Se a vacante se produce na primeira metade do mandato, convocaranse eleccións para o devandito cargo.

5. A convocatoria da Asemblea Xeral e a confección da correspondente orde do día.

6. A creación ou suspensión de seccións colexiais, comisións e servizos.

7. O nomeamento dos membros da comisión deontolóxica e a creación doutras comisións, así como a designación dos seus membros.

8. Outorgar distincións e premios, a concesión do nomeamento de colexiado/a de honra e a concesión de medallas e demais distincións establecidas.

9. A aprobación e a proposta á asemblea do proxecto de orzamento de ingresos e gastos e da liquidación de orzamentos e suplementos de crédito.

10. A planificación e a determinación dos recursos económicos propios e extraordinarios da entidade colexial.

11. Acordar a admisión de colexiados/as e coñecer das baixas e das súas causas, así como aprobar a validación periódica colexial.

12. Defender os colexiados no desempeño das funcións da profesión cando o considere procedente e xusto.

13. Programar, dirixir, coordinar e controlar cursos de formación profesional e as actividades e servizos colexiais.

14. En xeral, a administración e disposición de bens, coa limitación que fixan os presentes estatutos e os orzamentos xerais.

15. A interpretación das normas dos presentes estatutos.

16. Solicitar auditorías técnico-administrativas externas e designar auditores sobre asuntos económicos e racionalización de postos de traballo con respecto ao funcionamento interno do colexio médico.

17. Propoñerlle á asemblea a contratación das persoas físicas ou xurídicas na forma e nos supostos a que se refire o artigo 15.j) destes estatutos.

18. Con carácter xeral, todas as funcións que lle atribúen ao Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense, como colexio profesional, a Lei de colexios profesionais e a Lei de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, salvo aquelas que estean atribuídas á Asemblea Xeral de Colexiados polas leis e polos presentes estatutos.

Artigo 21. Funcións da Comisión Permanente

Son competencias da Comisión Permanente da Xunta Directiva:

1. En materia de colexiación, acordar as altas e as baixas de colexiados/as.

2. Aprobar a validación periódica da colexiación (VPC), da cal se lle dará conta ao Pleno da Xunta Directiva.

3. Coñecer o exercicio profesional en Ourense de colexiados/as doutras provincias.

4. Sinalar as horas de visita e despacho da Secretaría Xeral.

5. Designar colexiados/as honoríficos/as.

6. Autorizar os gastos por costas xudiciais.

7. Resolver diverxencias profesionais entre colexiados/as.

8. Conceder o adiamento no pagamento das cotas.

9. Acordar a apertura de informacións previas, de expedientes disciplinarios e a designación do instrutor e secretario dos procedementos.

10. Acordar a baixa de colexiado sempre que se cumpra a lexislación vixente.

11. Autorizar a cancelación de sancións.

12. Propoñerlle ao Pleno o nomeamento dos membros das comisións e outros cargos de designación.

13. Propoñerlle ao Pleno as disposicións e normas que procedan para a aplicación e o desenvolvemento dos presentes estatutos.

14. Resolver asuntos administrativos de trámite.

15. As competencias do Pleno da Xunta Directiva, cando razóns de urxencia aconsellen o seu exercicio, do cal lle dará conta ao Pleno da Xunta Directiva, para a ratificación da decisión adoptada, na sesión máis inmediata do Pleno que teña lugar.

Artigo 22. Reunións do Pleno e da Comisión Permanente

1. O Pleno reunirase ordinariamente polo menos seis veces ao ano, e extraordinariamente cando o solicite polo menos un terzo dos seus compoñentes ou cando as circunstancias así o aconsellen, a xuízo da Presidencia.

As convocatorias do Pleno faraas o/a secretario/a xeral, tras o mandato previo do/da presidente/a, que fixará a orde do día, con oito días naturais de antelación polo menos. Sinalaranse o día e a hora en primeira e en segunda convocatoria, a orde do día e o lugar da celebración, e notificarase por calquera medio de comunicación.

A convocatoria de sesións urxentes poderá facerse cunha antelación de corenta e oito horas, mediante telegrama, fax e polos medios telemáticos que permitan acreditar o seu envío, recepción e o seu contido.

Para que poidan adoptarse validamente acordos en primeira convocatoria será requisito indispensable que concorra a maioría dos membros que integran o Pleno da Xunta Directiva. En segunda convocatoria, que terá lugar polo menos media hora máis tarde, serán válidos os acordos coa condición de que concorran polo menos cinco membros integrantes do Pleno. Tanto en primeira como en segunda convocatoria terán que estar presentes o/a presidente/a e o/a secretario/a ou quen legalmente os substitúan. Os acordos adoptaranse por maioría simple, tanto en primeira como en segunda convocatoria e, en caso de empate nas votacións, decidirá, con voto de calidade, o/a presidente/a.

A asistencia ás sesións será obrigatoria, salvo causa xustificada.

A presidencia poderá convidar os plenos calquera colexiado/a, ben por iniciativa propia ou ben por petición expresa do/da colexiado/a, e a súa asistencia non implicará dereito a voto. Os colexiados/as e asesores invitados ao Pleno poderán ser oídos se así o considera a Presidencia, e abandonarán a reunión cando esta llelo ordene.

Os acordos serán executivos desde a súa adopción, sen prexuízo dos recursos que contra eles procedan.

Calquera membro da Xunta Directiva poderá solicitar a inclusión de determinados asuntos na orde do día, o que levará a efecto mediante comunicación escrita dirixida á Presidencia, polo menos tres días antes de que sexa cursada a convocatoria, facendo constar o tema, os antecedentes e a documentación que considere que debe achegarse.

Poderán debaterse e ser obxecto de acordo no Pleno da Xunta Directiva aqueles temas que, aínda que non fosen previamente incluídos na orde do día, polas súas características peculiares e a súa urxencia así o considere a maioría dos membros do Pleno.

Cando a urxencia do asunto así o aconselle, o/a presidente/a poderá incluír na orde do día o novo asunto que se vaia tratar, cunha antelación de 24 horas.

2. A Comisión Permanente reunirase, por citación do/da presidente/a, coa frecuencia que os asuntos requiran ou cando o soliciten por escrito tres dos seus membros.

A convocatoria faraa o/a secretario/a xeral, por escrito, con corenta e oito horas de antelación, sinalando día e a hora para a reunión en primeira e en segunda convocatoria, a orde do día e mais o lugar da reunión. En caso de urxencia, a convocatoria poderá facerse con menor antelación e por calquera medio de comunicación.

A Comisión Permanente quedará validamente constituída coa asistencia do/da presidente/a e do/da secretario/a ou das persoas que legalmente os substitúan e, polo menos, dous dos seus membros, e os acordos adoptaranse por maioría simple dos asistentes. Dos acordos daráselle conta ao Pleno na primeira reunión que teña lugar.

Durante a sesión soamente se poderán tratar os asuntos da orde do día.

Calquera membro da Comisión Permanente poderá solicitar a inclusión de determinados asuntos na orde do día, o que levará a efecto mediante comunicación escrita dirixida á Presidencia, polo menos tres días antes de que sexa cursada a convocatoria, facendo constar o tema, os antecedentes e a documentación que coide pertinente.

Poderán debaterse e ser obxecto de acordo na Comisión Permanente aqueles temas que, aínda que non fosen previamente incluídos na orde do día, polas súas características peculiares sexan considerados de urxencia e así o acorde a maioría.

Sen prexuízo do exposto, cando a urxencia así o aconselle, o/a presidente/a poderá incluír na orde do día algún asunto para tratar cunha antelación de 24 horas.

3. O/a secretario/a levantará acta de cada sesión do Pleno e da Comisión Permanente da Xunta Directiva, que será asinada por el/ela e polo/a presidente/a para a súa autenticidade; especificará necesariamente os asistentes, a orde do día da reunión, as circunstancias do lugar e tempo en que tivo lugar, os puntos principais das intervencións e deliberacións e o contido dos acordos adoptados, e someterase á súa aprobación por decisión do/da presidente/a na seguinte sesión; con todo, o/a secretario/a poderá emitir certificación sobre os acordos específicos que se adoptasen, sen prexuízo da ulterior aprobación da acta, circunstancia que se fará constar expresamente.

Capítulo IV

Cargos da Xunta Directiva

Artigo 23. Do/da presidente/a

O/a presidente/a velará polo cumprimento das prescricións legais e regulamentarias e dos acordos e disposicións que dite o Consello Galego de Colexios de Médicos, a Asemblea Xeral e a Xunta Directiva. As disposicións adoptadas no exercicio das súas funcións, segundo as facultades que lle confiren estes estatutos, deberán ser acatadas sen prexuízo das reclamacións que contra elas procedan.

Ademais, corresponderanlle as seguintes funcións:

1. Presidir todas as reunións dos órganos de goberno colexial –ordinarias e extraordinarias– e calquera outra reunión de colexiados a que asista.

2. Nomear as comisións por proposta, de ser o caso, da Asemblea Xeral, do Pleno da Xunta Directiva ou da Comisión Permanente, e presidilas se o considera conveniente.

3. Convocar, abrir, dirixir e levantar as sesións.

4. Asinar as actas que lle corresponda, despois de seren aprobadas.

5. Solicitar dos centros administrativos correspondentes os datos que necesite para cumprir os acordos dos órganos de goberno, e ilustralos nas súas deliberacións e resolucións.

6. Autorizar o documento que aprobe a Xunta Directiva como xustificante de que o facultativo está incorporado ao Colexio.

7. Autorizar os informes e as comunicacións que se lles dirixan ás autoridades, corporacións ou particulares.

8. Autorizar as contas correntes bancarias, as imposicións que se fagan e os talóns ou cheques para retirar cantidades.

9. Visar as certificacións que expida o/a secretario/a.

10. Aprobar os libramentos e as ordes de pagamento e os libros de contabilidade.

11. Velar co maior interese pola boa conduta profesional dos colexiados e das colexiadas e polo decoro do Colexio.

12. Asinar, en representación do Colexio, os acordos, convenios e contratos que concerte a corporación con terceiros, logo da aprobación do Pleno da Xunta Directiva.

13. Exercer cantas funcións e prerrogativas estean establecidas nas disposicións legais e regulamentarias vixentes e as demais previstas nestes estatutos.

Artigo 24. Dos vicepresidentes

Os vicepresidentes levarán a cabo todas aquelas funcións que lles confira o/a presidente/a, asumindo as deste/a en caso de ausencia, enfermidade ou abstención, sen necesidade de xustificación ante terceiros.

Por estar vacante a Presidencia por calquera causa, o/a vicepresidente/a primeiro/a exercerá a Presidencia ata a terminación do mandato.

O/a vicepresidente/a segundo/a levará a cabo as funcións que lle confira o/a presidente/a, e asumirá as do/da vicepresidente/a primeiro/a en caso de ausencia, enfermidade ou abstención deste/a. De estar vacante a vicepresidencia primeira, ocuparaa ata a terminación do mandato, salvo o disposto no artigo 20.4 destes estatutos.

Artigo 25. Do/da secretario/a xeral

Independentemente das outras funcións que deriven destes estatutos, das disposicións vixentes e das ordes procedentes da Presidencia, correspóndelle ao/á secretario/a xeral:

1. Redactar e dirixir os oficios de citación para todos os actos do Colexio, segundo as ordes que reciba da Presidencia e coa anticipación debida.

2. Redactar as actas da Asemblea Xeral e das reunións que realice a Xunta Directiva, en Pleno e en Comisión Permanente, con expresión dos membros que asistan, coidando de que se copien, despois de aprobadas, no libro ou arquivo informático correspondente, e asinalas co presidente.

3. Levar os libros ou arquivos informáticos que se precisen para o mellor e máis ordenado servizo; deberá existir un en que se anoten as sancións que se lles impoñen aos colexiados.

4. Recibir e dar conta ao presidente de todas as solicitudes e comunicacións que se remitan ao Colexio.

5. Asinar co presidente o documento acreditativo de que o médico está incorporado ao Colexio.

6. Expedir as certificacións que soliciten os interesados.

7. Redactar anualmente a memoria que reflicta as vicisitudes do ano, que se deberá ler na Asemblea xeral ordinaria.

8. Asumir a dirección dos servizos administrativos e do persoal do Colexio, conforme coas disposicións destes estatutos, e sinalar, de acordo coa Comisión Permanente, as horas que haberá de dedicar a recibir visitas e a despacho da Secretaría.

9. Informar o Pleno da Xunta Directiva das decisións adoptadas en materia de servizos administrativos e de persoal do colexio.

10. Exercer cantas funcións estean establecidas nas disposicións legais e regulamentarias vixentes e as demais previstas nos presentes estatutos.

O cargo de secretario será retribuído, ou non, segundo acordo do Pleno da Xunta Directiva. En caso de que se acorde a súa retribución, serao coa asignación que acorde a Xunta Directiva, e que figurará no orzamento colexial.

Artigo 26. Do/da vicesecretario/a

O/a vicesecretario/a, conforme acorde a Xunta Directiva, auxiliará no traballo o/a secretario/a, asumindo as súas funcións en caso de ausencia, enfermidade, abstención ou vacante, sen necesidade de xustificación ante terceiros.

Artigo 27. Do/da tesoureiro/a

Corresponden ao/á tesoureiro/a as seguintes funcións:

1. Dispoñer o necesario para que a contabilidade do Colexio se leve de conformidade co procedemento ou coas normas legais e estatutarias vixentes.

2. Asinar, conxuntamente co presidente, todos e cada un dos gastos e investimentos que, aprobados no orzamento, se executen no Colexio, así como as contas correntes bancarias e imposicións que se fagan; para estes efectos, librará os cheques e demais instrumentos de pagamento para retirar cantidades.

3. Presentar, anualmente, dentro do primeiro trimestre de cada ano, ao Pleno da Xunta Directiva e á Asemblea Xeral, a memoria económica xunto co balance, a conta de resultados e a liquidación orzamentaria, pechados en 31 de decembro do ano anterior, para a súa aprobación ou rexeitamento.

4. Presentar, anualmente, dentro do último trimestre de cada ano, ao Pleno da Xunta Directiva e á Asemblea Xeral, o proxecto de orzamento de ingresos e gastos, para a súa aprobación ou rexeitamento.

5. Asinar os balances e estados financeiros que se deduzan da contabilidade.

6. Controlar, dunha maneira regular e periódica, os fondos líquidos do Colexio en bancos, asegurándose de que se fai unha xestión prudente e eficaz destes.

7. Controlar e supervisar os investimentos do Colexio, informando regularmente da súa marcha e resultados a Xunta Directiva.

8. Controlar e supervisar o contido económico dos contratos subscritos polo Colexio con terceiros, informando regularmente da súa marcha e resultados a Xunta Directiva.

Para o desempeño de todas ou parte das anteriores funcións, o/a tesoureiro/a poderá contar, logo da aprobación previa do Pleno da Xunta Directiva, cos apoios de persoal técnico e medios materiais que sexan necesarios.

Artigo 28. Dos vogais

Os vogais participarán activamente no Pleno da Xunta Directiva, correspondéndolles, ademais, aquelas funcións que lles encomende a Xunta Directiva. A actividade e as funcións dos vogais comprenderán todas as áreas profesionais e, como mínimo, comprenderán as seguintes seccións:

a) Médicos en formación, posgrao e emprego precario.

b) Médicos xubilados.

c) Médicos de hospitais.

d) Médicos de atención primaria.

e) Médicos de medicina privada.

f) Médicos de administracións públicas.

g) Cantas áreas profesionais consideren os órganos de goberno en consonancia coa evolución da profesión.

Capítulo V

Réxime electoral

Artigo 29. Condicións para ser elixible

1. Son condicións para ser elixible:

a) Ser español/a e estar colexiado/a no Colexio Oficial de Médicos de Ourense.

b) Estar ao día no pagamento das cotas colexiais.

c) Figurar no censo que, cada catro anos como mínimo, deberá elaborar o Colexio, e que deberá ser exposto aos colexiados nas oficinas colexiais cunha anterioridade non inferior a dous meses antes da convocatoria prevista de eleccións.

d) Non estar incurso/a en prohibición ou impedimento legal.

e) Non posuír cargo do Goberno ou da Administración pública, central, autonómica, local ou institucional de carácter executivo, así como cargos directivos de empresas de asistencia colectiva.

f) Estar en activo ou exercer a profesión dentro dos cinco anos anteriores á convocatoria de eleccións.

2. Por prohibición ou impedimento legal enténdese estar condenado por sentenza firme que implique a inhabilitación ou suspensión para cargos públicos mentres estas subsistan, e ser sancionado/a disciplinariamente en calquera colexio de médicos mentres non fose rehabilitado/a.

3. O período de mandato dos membros da Xunta Directiva será de catro anos.

4. O cargo de presidente/a da Xunta Directiva terá unha limitación temporal de dúas lexislaturas, limitación non extensible aos demais membros da Xunta Directiva, que poderán ser reelixidos, e mesmo optar ao cargo de presidente.

Artigo 30. Censo electoral

1. Cada catro anos, como mínimo, o Colexio Oficial de Médicos da Provincia de Ourense elaborará unha lista provisional do censo de colexiados, que será exposta cunha antelación non inferior a dous meses antes da convocatoria de eleccións.

2. A lista provisional quedará exposta ata a data de convocatoria das eleccións e durante o devandito período os colexiados poderán solicitar as alteracións ou rectificacións que consideren oportunas logo da correspondente xustificación documental. Todas as reclamacións que se interpoñan en vía administrativa deberán ser resoltas antes do quinto día posterior á convocatoria de eleccións. Unha vez transcorrido o devandito termo, considerarase definitivo o censo electoral, que será custodiado pola xunta electoral.

3. Se se convocasen eleccións antes do termo do mandato de catro anos, utilizarase o censo electoral vixente no día da convocatoria.

4. Cada candidatura terá dereito a unha copia do censo electoral definitivo, que lle será facilitado pola xunta electoral. Coa sinatura do documento que se lle presente comprometerase a cumprir e respectar as disposicións vixentes en materia de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 31. Convocatoria de eleccións

A convocatoria de eleccións correspóndelle ao Pleno da Xunta Directiva. O colexio daralle conta da convocatoria ao Consello Galego de Colexios de Médicos coa debida antelación.

O Pleno da Xunta Directiva deberá convocar obrigatoriamente eleccións con dous meses de antelación, polo menos, ao termo do seu mandato de catro anos, e nas datas dos demais supostos establecidos nestes estatutos. A convocatoria realizarase por correo ordinario e daráselle a debida publicidade na páxina web, prensa, taboleiros de anuncios da sede colexial, etc.

A convocatoria sinalará a data de votación, que non poderá superar os dous meses desde a convocatoria, así como o prazo para a presentación de candidaturas, que durará polo menos vinte días naturais.

Artigo 32. Forma de elección

Todos os candidatos a membros da Xunta Directiva se presentarán en forma de listas pechadas, que serán votadas por todos os colexiados que figuren no censo electoral, mediante sufraxio universal, libre, directo e secreto. Nas listas figurarán os candidatos e canditas a presidente/a, vicepresidentes, secretario/a, vicesecretario/a, tesoureiro/a-contador/a e vogais.

Artigo 33. Xunta electoral

O Pleno da Xunta Directiva, na reunión que acorde a convocatoria de eleccións nomeará a xunta electoral, que estará formada por tres membros e os seus respectivos suplentes, elixidos por sorteo entre todos os colexiados e colexiadas con dereito a voto, e actuará de presidente/a a persoa de maior idade e de secretario/a a de menos idade. Non poderá formar parte da xunta electoral nin das mesas electorais quen pertenza á xunta directiva vixente nin as persoas que se presenten nas candidaturas.

A xunta electoral constituirase dentro dos seis días naturais seguintes ao seu nomeamento e a partir dese momento presidirá o proceso electoral e velará polo seu desenvolvemento correcto e democrático.

Serán funcións da xunta electoral:

1ª. Fixar o horario da votación no día sinalado pola Xunta Directiva na convocatoria de eleccións.

2ª. Aprobar e publicar os censos electorais.

3ª. Admitir, proclamar e publicar as distintas candidaturas.

4ª. Aprobar o modelo oficial das papeletas de votación, así como os sobres que as deben conter e a acreditación para poder exercer o voto por correo.

5ª. Nomear os membros da mesa ou mesas electorais.

6ª. Proclamar os candidatos e as candidatas elixidos.

7ª. Resolver motivadamente calquera queixa ou reclamación que se presente durante o proceso electoral ou contra o seu resultado no prazo máximo de tres días naturais, contra cuxa resolución o reclamante poderá interpoñer recurso no prazo dun mes ante o Consello Galego de Colexios de Médicos, o que non suspenderá o proceso electoral nin a votación, proclamación e toma de posesión das persoas elixidas, salvo que así o acordase o Consello Galego de Colexios de Médicos mediante resolución expresa e motivada.

Artigo 34. Calendario electoral

Desde a convocatoria de eleccións, na data que sinale a Xunta Directiva, abrirase o prazo de presentación de candidaturas, que durará vinte días naturais, e a xunta electoral deberá proclamar no día seguinte a relación de candidatos e candidatas que reúnen as condicións de elixibilidade. A Xunta Directiva deberá prever que as votacións se realicen non antes de vinte días nin máis aló dun mes, desde a proclamación de candidatos e candidatas.

Artigo 35. Presentación e aprobación de candidaturas

As candidaturas presentaranse na sede colexial en listas pechadas, dentro do prazo que sinale o calendario electoral, con relación nominal dos candidatos e de cargos elixibles, debidamente asinadas por todos os candidatos e con designación dun representante, e a xunta electoral deberá estender a correspondente dilixencia de presentación.

Dentro do día hábil seguinte ao do remate do prazo para a presentación de candidaturas, a Xunta Electoral reunirase e elaborará a relación dos candidatos que reúnan as condicións de elixibilidade e o día seguinte hábil, publicaraa no taboleiro da sede do colexio e na súa páxina web, con comunicación directa e por escrito a cada un dos candidatos presentados, e abrirá un prazo de cinco días naturais para formular reclamacións.

Transcorrido o prazo de reclamacións ou, de ser o caso, resoltas as formuladas, o día seguinte hábil a xunta electoral proclamará a relación definitiva dos candidatos e publicaraa, igualmente, no taboleiro da sede do colexio e na súa páxina web, para coñecemento dos electores e con comunicación directa a cada un dos candidatos proclamados.

No caso de que se presentase unha soa candidatura, a xunta electoral, logo da comprobación previa de que os candidatos reúnen os requisitos de elixibilidade, proclamaraos electos, sen que proceda ningunha votación.

Artigo 36. Procedemento electivo

1. A elección dos membros da Xunta Directiva será por votación, en que poderán tomar parte todos os colexiados e colexiadas con dereito a voto, tras a acreditación previa da súa identidade, e que se atopen no último censo publicado. O voto poderá ser emitido persoalmente ou por correo certificado na mesa electoral ou, de ser o caso, nas mesas electorais que a cadaquén corresponda segundo as normas de demarcación funcional ou territorial que estableza a xunta electoral. O voto persoal anulará o voto emitido por correo.

Regulamentariamente poderanse establecer as condicións para o exercicio do voto por medios electrónicos, informáticos ou telemáticos.

2. A mesa electoral ou, de ser o caso, as mesas electorais estarán constituídas no lugar, día e hora que se fixe no calendario electoral. Os colexiados membros de cada mesa serán tres titulares e tres suplentes, elixidos por sorteo entre o censo electoral de cada unha delas; actuará de presidente/a o/a que de entre eles designe a xunta electoral e de secretario/a o membro de menos idade. Para a válida constitución e actuación das mesas electorais é necesaria a presenza de tres dos seus membros, xa sexan titulares ou suplentes.

3. Calquera candidatura poderá nomear un/unha interventor/a na mesa ou mesas electorais, a quen a xunta electoral lle entregará a correspondente acreditación de asistencia e participación.

4. O voto poderá ser emitido persoalmente ou por correo, na forma que a continuación se establece:

A) Aqueles colexiados con dereito a voto que na data da votación non se atopen no distrito electoral, ou que non poidan acudir, poderán emitir o seu voto da seguinte maneira:

• Cada elector/a deberá solicitarlle persoalmente ao Colexio as papeletas e sobres electorais ata vinte días antes do día da votación; a xunta electoral remitiralle ao/á colexiado/a os sobres e as papeletas mediante correo certificado con xustificante de recepción, e dentro dos tres días seguintes á solicitude persoal realizada polo/a colexiado/a.

• Unha vez que o/a colexiado/a elector/a teña escollida ou, de ser o caso, cuberta a papeleta de voto, introduciraa no sobre e pecharao. Os sobres, dentro doutro maior que conterá a palabra «Eleccións», remitiránselle por correo certificado ao secretario do Colexio, incluíndo unha copia do carné de colexiado/a, documento nacional de identidade ou pasaporte. Admitiranse os sobres chegados ao Colexio ata a hora sinalada para o final da votación, e destruiranse –sen abrir– os que se reciban con posterioridade. Para garantir o segredo do voto, os sobres especiais, confeccionados polo Colexio, conterán no seu exterior a seguinte inscrición «Contén papeletas para a elección na Xunta Directiva do Colexio Oficial de Médicos de Ourense», e os datos relacionados co nome e apelidos, número de colexiado e a sinatura irán nun sobre intermedio e, dentro deste, cada un dos sobres que conteñan a papeleta. Aberto o sobre exterior, o secretario recoñecerá a sinatura que o colexiado inseriu no intermedio, así como que previamente o colexiado tería solicitado o voto por correo. Custodiará o sobre intermedio cos sobres especiais sen abrir, e no momento en que comece a elección entregarallos ao presidente da mesa. Previamente tería elaborado un censo cos votos recibidos por correo. A Xunta Electoral reserva para si a posibilidade de arbitrar normas ampliadas de cautela e prescrición con respecto á custodia deste voto, entre as que se atopan o control e a custodia notarial.

• Finalizada a votación, o presidente da mesa asegurarase de que ningún dos votantes por correo teña votado persoalmente (pois, neste caso, quedará invalidado), e sacará todos os sobres especiais contidos nos intermedios, para posteriormente abrilos ao mesmo tempo e introducilos nas urnas.

B) Chegada a hora sinalada para concluír a votación, o presidente da mesa anunciará esta circunstancia en voz alta, aínda que admitirá os votos dos electores que se atopen no local, e, acto seguido, a mesa abrirá á os sobres que conteñan o voto por correo e introduciraos na urna, logo da comprobación previa de que reúnen os requisitos formais e de que o/a elector/a está incluído/a no censo electoral, e rexeitará aqueles cuxo/a elector/a votase persoalmente, e a continuación votarán os interventores e os membros da mesa electoral.

C) Serán nulas todas as papeletas que conteñan emendas, engadidos, borranchos ou riscaduras, ou que non correspondan ao modelo oficial.

D) Finalizada a votación, a mesa electoral ou, de ser o caso, as mesas electorais –a porta pechada– procederán ao escrutinio público dos votos obtidos por cada candidatura (enténdese que, iniciado o reconto, non poderá entrar nin saír do lugar de escrutinio ningunha das persoas que entrase previamente); unha vez concluído, redactarase unha acta asinada por todos os seus membros, que se elevará á xunta electoral e, seguidamente, o seu presidente proclamará a candidatura que obtivese maior número de votos. En caso de empate, repetirase o proceso electoral.

E) Proclamados os candidatos e as candidatas electos, a xunta electoral fixará, dentro do prazo máximo de quince días naturais desde a proclamación, o día da toma de posesión dos membros da nova Xunta Directiva, que así o farán logo do xuramento ou promesa previos de cumprir lealmente o cargo respectivo e de gardar segredo das deliberacións da Xunta Directiva, que quedará constituída, e nese momento cesarán os substituídos.

F) O/a presidente/a da xunta electoral comunicaralles ás consellerías competentes en materia de colexios profesionais e sanidade, ao Consello Xeral Colexios de Médicos de España e ao Consello Galego de Colexios de Médicos o nomeamento e a toma de posesión dos membros da nova Xunta Directiva no prazo de cinco días naturais desde a súa constitución.

Artigo 37. Cesamento

Os membros da Xunta Directiva cesarán polas causas seguintes:

1. Finalización ou termo do prazo para o cal foron elixidos.

2. Renuncia.

3. Nomeamento para un cargo do Goberno ou da Administración pública, central, autonómica, local ou institucional de carácter executivo, así como para cargos directivos de empresas de asistencia colectiva.

4. Condena por sentenza firme que implique a inhabilitación para o desempeño da profesión médica.

5. Sanción disciplinaria firme por falta grave ou moi grave, non rehabilitada.

6. Perda das condicións de elixibilidade.

7. Por decisión da Asemblea Xeral en que se aprobe unha moción de censura nos termos e no procedemento establecidos nos presentes estatutos.

8. A ausencia persistente e non xustificada ás convocatorias da Xunta Directiva.

Cando se produzan vacantes de cargos na Xunta Directiva, salvo o da Presidencia, poderá a propia Xunta Directiva designar os colexiados que, reunindo os requisitos de elixibilidade, deban de substituír temporalmente os cesantes, coa condición de que a vacante se produza durante a segunda metade do mandato. De producirse a vacante na primeira metade do mandato, convocarase elección para o cargo vacante. No caso de que se produza o cesamento de máis da metade dos membros da Xunta Directiva, será o Consello Galego de Colexios de Médicos quen adopte as medidas que coide convenientes para completar provisionalmente os cargos vacantes cos colexiados máis antigos que reúnan os requisitos de elixibilidade. A xunta provisional así constituída exercerá as súas funcións ata que tomen posesión os designados como resultado das eleccións que se realizarán conforme o establecido nestes estatutos e nun período máximo de seis meses.

Ao cubrirse estes cargos por elección, a súa duración alcanzará soamente ata o próximo período electoral.

En cumprimento do establecido no artigo 32.3 da Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, cando se produza a renovación ordinaria, total ou parcial dos órganos directivos, isto é, da Xunta e presidente, deberá realizarse a auditoría sobre o estado e a situación económica do colexio profesional.

Capítulo VI

Comisión de etica e deontoloxía

Artigo 38. Natureza e composición

No Colexio Oficial de Médicos de Ourense existirá unha comisión de ética e deontoloxía médica integrada, polo menos, por cinco membros designados polo Pleno da Xunta Directiva mediante votación secreta.

Os nomeamentos terán unha duración de catro anos, que se iniciará coa constitución de cada Xunta Directiva e que finalizará ao termo do mandato desta.

Son condicións para ser membro da Comisión:

• Estar a exercer a profesión ou estar xubilado/a exercéndoa.

• Non estar sancionado/a nin sometido/a a expediente disciplinario.

• Non ser condenado/a mediante sentenza firme en procedemento xudicial por responsabilidade profesional.

• Ser persoa de recoñecido prestixio profesional.

• Non ser membro da Xunta Directiva.

A comisión elixirá entre os seus membros un presidente e un secretario e estará validamente constituída cando estean presentes, polo menos, a metade máis un dos seus membros; os acordos tomaranse por maioría co voto de calidade do presidente en caso de empate. De cada reunión levantarase unha acta, que asinarán presidente e secretario e se lle remitirá copia á Xunta Directiva.

Artigo 39. Funcións

É función da comisión deontolóxica asesorar a Xunta Directiva en todos aqueles asuntos en que esta considere oportuno o seu ditame, que será preceptivo nos seguintes casos:

• Cuestións en que, por versar sobre deontoloxía médica, deban aplicarse os principios do código deontolóxico.

• Con anterioridade e con carácter previo á imposición de calquera tipo de sanción a un/unha colexiado/a cando se trate de aspectos deontolóxicos.

• Asesoramento ao Pleno da Xunta Directiva sobre materia de publicidade médica e, en xeral, sobre os casos de competencia desleal.

• Promoción de accións encamiñadas á mellora no exercicio da profesión en materias de ética e deontoloxía.

Para cuestións ou materias específicas, a comisión poderá pedir o asesoramento e mesmo a asistencia ás súas sesións de especialistas ou profesionais non membros.

De cada sesión, cuxa convocatoria corresponde á Presidencia, levantarase acta, que será asinada por aquel/a e polo/a secretario/a, e unha copia seralle remitida á Xunta Directiva do Colexio.

A comisión deontolóxica e de ética entregaralle á Xunta Directiva os seus ditames e informes sobre as denuncias e cuestións que lle sexan presentadas, cos límites do respecto á intimidade das persoas e á lexislación sobre protección de datos de carácter persoal. Os ditames non terán carácter vinculante.

A comisión deontolóxica e de ética disporá dun servizo destinado a médicos e a cidadáns, para consulta sobre actuacións médicas valorables deontoloxicamente.

Capítulo VII

Colexiación

Artigo 40. Obrigatoriedade da colexiación

1. Será requisito indispensable para o exercicio da profesión médica na provincia de Ourense, en calquera das súas modalidades, a incorporación previa ao Colexio Oficial de Médicos de Ourense nos termos establecidos na normativa estatal reguladora sobre a obrigatoriedade da colexiación.

2. De toda inscrición, alta ou baixa, daráselles conta inmediatamente ao Consello Galego de Colexios Oficiais de Médicos e ao Consello Xeral de Colexios Oficiais de Médicos.

3. Aos profesionais que, pertencendo a distinto colexio, exerzan nesta provincia de Ourense, o Colexio non lles poderá exixir comunicación nin habilitación ningunha, nin o pagamento de contraprestacións económicas distintas daquelas que exixan habitualmente aos seus colexiados pola prestación dos servizos de que sexan beneficiarios e que non se atopen cubertos pola cota colexial.

No caso de desprazamento temporal dun profesional doutro Estado membro da Unión Europea para exercer nesta provincia precisarase dunha comunicación previa ao Colexio, e iso sen prexuízo do disposto na normativa vixente en aplicación do dereito comunitario relativa ao recoñecemento de cualificacións.

Para o exercicio efectivo da función de control da actividade dos colexiados, adoptarán os sistemas de cooperación administrativa entre autoridades competentes previstos na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio.

4. Enténdese como obrigatoria a pertenza ao colexio onde se exerza a profesión con carácter habitual.

5. De conformidade co disposto no artigo 3.3 da Lei 2/1974, de colexios profesionais, abondará coa incorporación a un colexio, que será o do domicilio profesional único ou principal, para exercer en todo o territorio español.

Artigo 41. Colexiación potestativa

Calquera médico/a que non exerza a profesión e que desexe pertencer ao Colexio Oficial de Médicos de Ourense poderá incorporarse a el como colexiado/a.

Artigo 42. Solicitude de colexiación

1. Para ser admitido/a no Colexio Oficial de Médicos de Ourense achegaranse xunto coa solicitude unha foto en cor, DNI, datos de conta bancaria composta de vinte díxitos e IBAN para a domiciliación de recibos, teléfono de contacto, enderezo postal e enderezo electrónico. Así mesmo, é imprescindible o título de grao en Medicina e Cirurxía e o de especialista –se o for–, ou copia cotexada destes; os que non recibisen a titulación de grao ou especialidade deberán presentar certificación da reitoría da universidade segundo a Orde ministerial do 18 de xullo de 1989 ou norma que a substitúa; así mesmo, deberá ser aboada a cota de entrada que en cada momento estableza a Xunta Directiva e, de ser o caso, a asemblea, e cubrir a solicitude correspondente e o resto de documentos ou requisitos administrativos que a Xunta Directiva acorde.

2. Para os estranxeiros comunitarios, ademais dos requisitos establecidos no parágrafo anterior (substitúese o DNI por tarxeta de residencia), é necesario que acheguen o título orixinal coa súa tradución para o castelán, e concesión de recoñecemento de título orixinal. Así mesmo, é necesaria certificación expedida pola autoridade competente do país de orixe, legalizada por vía diplomática, de non estar nin ter estado inhabilitado/a para o exercicio da medicina (artigo 7.1 do Real decreto 1691/1989). Os estranxeiros non comunitarios deberán achegar e cumprir os requisitos que se establecen neste parágrafo e no anterior aínda que, en lugar de DNI ou tarxeta de residencia, deberán achegar orixinal do pasaporte e copia compulsada. O anterior sen prexuízo da exixencia da documentación que determine a lexislación vixente en cada momento.

3. Cando o/a solicitante proceda doutra provincia, deberá presentar ademais o certificado de baixa expedido polo colexio de orixe, certificación de que está ao día no pagamento das cotas colexiais no colexio de orixe, e que non figura inhabilitado/a temporal ou definitivamente para o exercicio da profesión; no certificado de baixa do colexio de orixe deberá indicarse que o traslado é para o Colexio Oficial de Médicos de Ourense. Non se exixirá certificación de baixa do colexio de orixe en caso de dobre colexiación.

4. O/a solicitante fará constar se se propón exercer a profesión, o lugar e a modalidade, acompañará os títulos de especialista oficialmente expedidos, recoñecidos ou homologados polo ministerio que corresponda se vai exercer como médico/a especialista.

5. A Xunta Directiva acordará, no prazo máximo dun mes, se a solicitude de inscrición cumpre ou non os requisitos estatutarios, e nese prazo realizará as comprobacións que crea necesarias acerca da solicitude de inscrición, e poderá requirir do/da solicitante documentos e aclaracións complementarias.

6. Para o caso dos médicos recentemente graduados que aíndan non recibisen o título de licenciado/a en Medicina, será suficiente para ser admitidos no Colexio Oficial Médicos de Ourense o pagamento acreditativo de taxas para a expedición do titulo ou o certificado académico de ter cursado a licenciatura.

7. Os médicos estranxeiros, sen prexuízo do que establezan as disposicións vixentes en cada caso, estarán sometidos ao mesmo réxime de colexiación que os españois e deberán achegar a preceptiva homologación do seu título.

8. O acceso e exercicio da profesión de médico rexerase polo principio de igualdade de trato e non-discriminación, en particular por razón de orixe racial ou étnica, relixión ou conviccións, discapacidade, idade ou orientación sexual, nos termos da sección III do capítulo III do título II da Lei 62/2003, do 30 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e da orde social.

Artigo 43. Denegación de colexiación

A solicitude de colexiación será denegada nos seguintes casos:

1. Cando os documentos presentados coa solicitude de ingreso sexan insuficientes ou ofrezan dúbidas sobre a súa lexitimidade e non se completasen ou emendasen no prazo de dez días hábiles que se sinale e requira para o efecto ou cando o/a solicitante falsease os datos e documentos necesarios para a súa colexiación.

2. Cando o/a peticionario/a non acredite ter satisfeito as cotas de colexiado/a no Colexio Oficial de Médicos de procedencia ou, de ser o caso, nos colexios oficiais de médicos a que siga incorporado/a.

3. Cando tivese sufrido algunha condena por sentenza firme dos tribunais que no momento da solicitude o/a inhabilite para o exercicio profesional.

4. Cando fose expulsado/a doutro colexio oficial de médicos sen ter sido rehabilitado/a.

5. Cando ao formular a solicitude, se atopase suspenso/a do exercicio da profesión en virtude de corrección disciplinaria imposta polos órganos competentes doutro colexio oficial de médicos, do Consello Galego de Colexios de Médicos ou do Consello Xeral de Colexios de Médicos de España.

Obtida a rehabilitación ou desaparecidos os obstáculos que se opuxesen á solicitude de colexiación, esta deberá aceptarse sen dilación.

Se no prazo previsto no artigo 42.5 destes estatutos (un mes desde a solicitude) o Pleno da Xunta Directiva acordar denegar a colexiación pretendida, comunicarallo por escrito ao/á interesado/a dentro dos dez días naturais seguintes á data do acordo denegatorio, expresando os fundamentos deste e os recursos previstos nestes estatutos.

Artigo 44. Trámites posteriores á admisión

Admitido/a o/a solicitante no Colexio Oficial de Médicos de Ourense, expediráselle a tarxeta profesional de identidade correspondente, e daráselles conta da súa inscrición ao Consello Xeral de Colexios de Médicos de España e ao Consello Galego de Colexios de Médicos no modelo de ficha normalizada que estes teñan establecida.

Así mesmo, o Colexio abrirá un expediente en que se consignarán o seu nome e apelidos, o seu documento nacional de identidade, o seu número de colexiado/a, o domicilio, os títulos académicos e de especialidades médicas que posúa, o lugar ou centro en que presta os seus servizos médicos e a actuación profesional, e o/a colexiado/a estará obrigado a facilitar en todo momento os datos precisos para manter actualizados os devanditos antecedentes.

Artigo 45. Perda da condición de colexiado/a

1. A condición de colexiado/a perderase:

a) Por falecemento.

b) Por baixa voluntaria en caso de non-exercicio.

c) Por condena firme que implique como pena principal ou accesoria a de inhabilitación para o exercicio da profesión.

d) Por sanción firme acordada en expediente disciplinario.

2. Cando a baixa sexa por vontade do/da colexiado/a en caso de non-exercicio profesional, a dita vontade deberá ser comunicada mediante escrito asinado polo/a interesado/a, en que deberá indicarse o motivo, xuntando á solicitude o xustificante do pagamento da cota colexial do trimestre en curso, e con entrega do carné de colexiado/a. A baixa será aprobada pola Comisión Permanente na primeira reunión que teña lugar desde a solicitude escrita, sen que esta produza efectos ata a súa aprobación. A aprobación da baixa terá lugar coa condición de que non exista obriga de estar colexiado conforme a lexislación vixente.

3. Cando a baixa sexa por imposición da sanción, esta só poderá levarse a efecto, logo de expediente disciplinario previo, mediante resolución firme do órgano correspondente. Non obstante o anterior, o Pleno da Xunta Directiva poderá acordar preventivamente a suspensión de colexiación mediante resolución motivada se, en caso de non adoptarse a dita medida, se lle puidese ocasionar un prexuízo á institución colexial ou a terceiros.

4. A baixa no Colexio en ningún caso levará a extinción da responsabilidade que o/a colexiado/a contraese co Colexio.

5. O Colexio levará un rexistro de baixas, do cal se lles dará periodicamente conta ao Consello Galego de Colexios de Médicos e ao Consello Xeral de Colexios de Médicos de España.

Artigo 46. Clases de colexiados

Para os fins destes estatutos, os colexiados clasificaranse en:

• Con exercicio.

• Sen exercicio.

• Honoríficos.

• De honra.

Serán colexiados con exercicio cantos practiquen a medicina en calquera das súas diversas modalidades.

Serán colexiados sen exercicio aqueles médicos que, desexando pertencer voluntariamente ao Colexio Oficial de Médicos de Ourense, non exerzan a profesión.

Serán colexiados honoríficos os médicos que cumprisen setenta anos e os que, cumpridos sesenta e cinco anos de idade, non continúen no exercicio activo da profesión. Terán a mesma condición os colexiados que se atopen en situación de invalidez que non permita o exercicio profesional, ou de incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez, e deberán acreditarse documentalmente as ditas situacións. Os colexiados honoríficos estarán exentos de aboar as cotas colexiais.

Serán colexiados de honra aqueles médicos que realizasen un labor relevante e meritorio en relación coa profesión médica, e esta categoría será puramente honorífica e acordada na Asemblea Xeral por proposta do Pleno.

Cando polos seus relevantes méritos o colexiado se faga acredor de superior distinción, poderá ser elevado á consideración de colexiado de honra.

Así mesmo, poderá ser nomeado colexiado de honra toda persoa que polos seus méritos así o acorde a Xunta Directiva.

Artigo 47. Dereitos dos colexiados

Os colexiados terán os seguintes dereitos:

1. Participar na xestión corporativa e, por tanto, exercer os dereitos de petición, de voto, de promover moción de censura e de acceso aos postos e cargos directivos mediante os procedementos e cos requisitos que os presentes estatutos establecen.

2. Ser defendidos, por petición propia, polo Colexio cando sexan vexados ou perseguidos con motivo do exercicio profesional.

3. Ser representados e apoiados polo Colexio e pola súa Asesoría Xurídica, logo de solicitude previa á Xunta Directiva, cando necesiten presentar reclamacións fundadas ás autoridades, tribunais, entidades públicas ou privadas e en cantas diverxencias xurdan en ocasión do exercicio profesional.

4. Non ser limitado no exercicio profesional, salvo que este non discorra por unha correcta canle ética e deontolóxica ou por incumprimento das normas que estes estatutos regulan.

5. Non soportar outras cargas corporativas que as sinaladas polas leis, por estes estatutos ou as validamente acordadas pola Asemblea Xeral.

6. Recibir gratuitamente as publicacións e circulares colexiais que emita o Colexio Oficial de Médicos de Ourense.

7. Pertencer ás institucións de protección social da Organización Médica Colexial (Padroado de orfos de médicos e Padroado de protección social) e a aqueloutros que poidan establecerse no futuro.

8. En xeral, utilizar os servizos colexiais que por acordo do Pleno da Xunta Directiva preste en cada momento a corporación aos seus colexiados.

Artigo 48. Deberes dos colexiados

Os colexiados terán os seguintes deberes:

1. Cumprir o disposto nos estatutos xerais e particulares, así como acatar as decisións do Colexio Provincial, do Consello Galego de Colexios Médicos e do Consello Xeral sen prexuízo dos recursos a que poida ter dereito o colexiado.

2. Actuar de conformidade cos principios e o contido do código de ética e deontoloxía médica.

3. Levar coa máxima lealdade as relacións co Colexio e cos outros colexiados, e comunicarlle a aquel calquera vexación ou atropelo a un compañeiro no exercicio profesional de que teñan noticia.

4. Comunicarlle ao Colexio os cargos que ocupen en relación coa súa profesión e as especialidades que exerzan co seu título correspondente, para os efectos de que quede constancia nos seus expedientes persoais.

5. Comunicar igualmente os seus cambios de residencia e domiciliación bancaria nun prazo máximo de dous meses desde que se produza o cambio.

6. Observar as prescricións do código de ética e deontoloxía médica para a publicación de noticias ou actuacións médicas para difundir por calquera medio e publicidade.

7. Cumprir calquera requirimento que lles faga o Colexio e, especificamente, prestar apoio ás comisións ás que fosen incorporados.

8. Tramitar por conduto do Colexio Oficial de Médicos de Ourense, que lle dará curso co seu preceptivo informe, toda petición ou reclamación que haxan de formular ao Consello Galego de Colexios de Médicos e ao Consello Xeral de Colexios de Médicos de España.

9. Aceptar e cumprir fielmente os cargos, en caso de ser designados para seren membros da xunta electoral ou das mesas electorais, así como para ser instrutor ou secretario nos expedientes disciplinarios que se incoasen e calquera outro labor para o que fosen nomeados pola Xunta Directiva do Colexio ou polos seus órganos de goberno.

10. Estar ao día no pagamento das cotas colexiais acordadas pola Asemblea Xeral para o sostemento das cargas e servizos do Colexio.

11. Certificar o estado de saúde, enfermidade, grao de incapacidade ou defunción exclusivamente a través dos impresos oficiais editados pola OMC.

12. Cumprir coas normas de ética e deontoloxía.

13. Darlle conta ao Colexio das denuncias ou queixas que formule ou pretenda formular contra algún compañeiro, autoridade sanitaria, administrativa ou xudicial.

Artigo 49. Prohibicións

Ademais das prohibicións contidas no código de ética e deontoloxía médica, de rigorosa observancia, todo colexiado absterase de:

1. Ofrecer a eficacia garantida de procedementos curativos ou de medios persoais que non fosen previamente contrastados por entidades científico-médicas de recoñecido prestixio.

2. Tolerar ou encubrir a quen, sen posuír o título de médico, trate de exercer a profesión médica no ámbito territorial deste Colexio.

3. Tolerar ou encubrir o médico que exerza a profesión médica no ámbito territorial deste Colexio Oficial de Médicos sen a preceptiva inscrición.

4. Poñerse de acordo con calquera outra persoa ou entidade para lograr fins que sexan ilícitos ou atentatorios contra a corrección profesional.

5. Empregar reclutadores de clientes e realizar actuacións que supoñan unha competencia desleal.

6. Vender aos pacientes, utilizando a súa condición de médico, drogas, herbas medicinais, produtos farmacéuticos ou especialidades propias.

7. Prestarse a que o seu nome figure como director facultativo ou asesor de centros de curación, industrias ou empresas relacionadas coa medicina, que non dirixan ou asesoren persoalmente ou que non se axusten ás leis vixentes e ao código de ética e deontoloxía médica.

8. Aceptar remuneracións ou beneficios directos ou indirectos en calquera forma, das casas de medicamentos, utensilios de cura, balnearios, sociedades de augas minerais ou medicinais, ópticas, etc., en concepto de comisión, como propagandista ou como provedor de clientes, ou por outros motivos que non sexan de traballos encomendados de conformidade coas normas vixentes.

9. Empregar para o tratamento dos seus enfermos medios non controlados cientificamente e simular ou finxir a aplicación de elementos diagnósticos e terapéuticos.

10. Realizar prácticas dicotómicas.

11. Compartir os honorarios médicos sen coñecemento de quen os aboa, percibilos por actos non realizados e, en xeral, realizar calquera acto ou práctica dicotómica.

12. Desviar os enfermos das consultas públicas de calquera índole cara á consulta particular con fins interesados.

13. Exercer a medicina cando se evidencien manifestamente alteracións orgánicas, psíquicas ou hábitos tóxicos que o/a incapaciten para o devandito exercicio, logo do recoñecemento médico pertinente.

14. Realizar publicidade enganosa e desleal relacionada coa saúde que atente contra a lexislación vixente na materia.

15. Exercer a profesión en calquera das súas modalidades no ámbito da provincia de Ourense sen estar inscrito/a no Colexio Oficial de Médicos de Ourense, sempre que tal exixencia de colegiación sexa imposta pola lei e polos presentes estatutos.

Artigo 50. Diverxencias entre colexiados

As diferenzas de carácter profesional que puidesen xurdir entre colexiados, ou entre estes e os usuarios dos seus servizos, logo da solicitude dos interesados, serán sometidas á xurisdición e ulterior resolución do Pleno da Xunta Directiva, despois do informe previo, de ser o caso, da comisión de ética e deontoloxía médica.

Capítulo VIII

Sociedades profesionais

Artigo 51. Das sociedades profesionais

1. De conformidade co disposto na Lei 2/2007, do 15 de marzo, de sociedades profesionais, deberán inscribirse no Rexistro de Sociedades Profesionais do Colexio Oficial de Médicos de Ourense aquelas sociedades profesionais cuxa inscrición no Rexistro Mercantil fose comunicada de oficio polo rexistrador mercantil. A inscrición no Rexistro de Sociedades Profesionais realizarase na forma, nas condicións e cos efectos que se regulan no artigo 8.4) da citada Lei 2/2007, do 15 de marzo.

2. As sociedades profesionais inscritas deberán pagar as cotas de entrada e as mensuais na cantidade e na forma que determine a Xunta Directiva.

3. As sociedades profesionais só estarán sometidas ao réxime de dereitos e obrigas que se establece nos estatutos respecto dos colexiados en canto lles sexa de aplicación por imperativo da Lei de sociedades profesionais e así o dispoña a Asemblea Xeral.

4. As sociedades profesionais estarán sometidas ao réxime sancionador previsto nestes estatutos.

5. O Colexio Oficial de Médicos de Ourense comunicaralle ao rexistrador mercantil calquera incidencia que se produza despois da constitución da sociedade profesional que impida o exercicio profesional a calquera dos seus socios colexiados.

Capítulo IX

Réxime económico e financeiro

Artigo 52. Competencias

A economía do Colexio é independente da doutros organismos da organización médica colexial, e é autónomo na xestión e administración de bens e libre de adquirir compromisos de índole económica. O patrimonio e os recursos do Colexio serán administrados pola súa Xunta Directiva. O tesoureiro exercerá funcións de ordenador de pagamentos, e as súas ordes estarán autorizadas polo presidente.

Artigo 53. Confección e liquidación do orzamento

O Colexio Oficial de Médicos de Ourense confeccionará anualmente, de maneira detallada e expresa, o proxecto de orzamento dos seus ingresos e gastos, así como o de investimentos, que deberá ser presentado pola Xunta Directiva durante o último trimestre de cada ano á aprobación da Asemblea Xeral.

Para o caso de que non se aprobase o proxecto de orzamentos de ingresos, gastos e investimentos presentado á Asemblea pola Xunta Directiva, consideraranse automaticamente prorrogados os orzamentos do exercicio anterior, ata a aprobación duns novos orzamentos.

Así mesmo, dentro do primeiro trimestre de cada ano, a Xunta Directiva deberá presentar ante a Asemblea Xeral o balance, a conta de resultados e a liquidación orzamentaria, pechados en 31 de decembro do ano anterior, para a súa aprobación ou o seu rexeitamento.

Previamente, os devanditos estados financeiros, acompañados dos xustificantes de ingresos e gastos efectuados, quedarían á disposición de calquera colexiado/a que o requira.

En aplicación do principio de transparencia na súa xestión, o Colexio Oficial de Médicos de Ourense elaborará anualmente a memoria anual na forma e nas condicións previstas no artigo 11 da vixente Lei de colexios profesionais.

Artigo 54. Recursos económicos

Os recursos do Colexio Oficial de Médicos da Provincia de Ourense serán de carácter ordinario e extraordinario.

1. Serán recursos ordinarios:

a) Os rendementos dos bens e dereitos que constitúen o seu patrimonio.

b) Os dereitos que se establezan para a elaboración remunerada de informes, ditames, estudos, recoñecementos de sinaturas e outros servizos.

c) Os dereitos de incorporación ou habilitación, se se establecesen, as cotas ordinarias e extraordinarias, incluídas as derramas, a participación asignada aos certificados, os selos autorizados e os impresos de carácter oficial.

d) O libramento de certificacións fidedignas.

e) Os dereitos de intervención profesional.

f) Calquera outro que legalmente poida asimilarse aos anteriores.

2. Serán recursos extraordinarios:

a) Os donativos ou subvencións de procedencia pública ou privada.

b) Os bens que a título hereditario ou por calquera outra causa sexan incorporados ao patrimonio colexial.

c) Os que proveñan das sancións económicas.

d) En xeral, cantos poidan arbitrarse e que, a xuízo da Xunta Directiva do Colexio, poidan resultar eficaces para o mellor cumprimento dos obxectivos colexiais, sempre que os devanditos recursos non sexan nin abusivos nin discriminatorios.

Artigo 55. Cotas de entrada

Os colexiados e as sociedades profesionais satisfarán, ao inscribirse no Colexio, unha cota de entrada cuxo importe non poderá superar en ningún caso os custos asociados á tramitación da inscrición.

Artigo 56. Cotas ordinarias

Os colexiados con ou sen exercicio veñen obrigados a satisfacer as cotas fixadas.

Non se lle poderá librar certificación colexial, nin aínda estando de baixa, ao colexiado moroso.

A Xunta Directiva está facultada para conceder o adiamento do pagamento de cotas e débitos nas condicións que acorde en cada caso particular.

Artigo 57. Cotas extraordinarias

Por acordo da Asemblea Xeral poderán establecerse cotas extraordinarias, que serán satisfeitas obrigatoriamente polos colexiados. Estas poderán ser únicas, en forma de derrama, ou periódicas, polo tempo que se determine.

Artigo 58. Recadación de cotas

A cota de entrada aboarase no momento da inscrición no Colexio. As cotas ordinarias e as extraordinarias, de ser o caso, cobraranse trimestralmente mediante domiciliación bancaria.

Artigo 59. Gastos

a) Os gastos de Colexio serán os necesarios para o sostemento dos servizos, sen que poida efectuarse pagamento ningún non previsto no orzamento aprobado, salvo casos xustificados, nos cales, e tendo en conta das disposicións de tesouraría, a Xunta Directiva poderá acordar a habilitación dun suplemento de crédito, logo da aprobación previa da Asemblea Xeral.

b) Sen a autorización expresa do presidente ou do tesoureiro non poderá realizarse gasto ningún. Correspóndelles ao presidente e ao tesoureiro, actuando conxuntamente, a función de intervención e sinatura de todos e cada un dos gastos que, aprobados no orzamento, se efectúen no colexio, así como do seu posterior proceso de pagamento, mediante a sinatura da correspondente orde de pagamento instrumentalizada mediante cheque, transferencia ou calquera outro medio habitual na práctica mercantil.

Non obstante o anterior, co obxecto de axilizar o proceso burocrático e administrativo, o presidente ou o tesoureiro poderán delegar as referidas funcións noutro membro da Xunta Directiva, coas limitacións e ata a contía que en cada caso se acorde, de maneira total ou parcial, mediante o outorgamento dos correspondentes poderes, e logo do coñecemento e da aprobación previos do Pleno da Xunta Directiva.

Na caixa do Colexio existirá a cantidade necesaria para facer fronte aos seus pagamentos, e estes negociaranse, sempre que sexa posible, cunha entidade bancaria.

c) Os gastos que ocasione o exercicio dos cargos colexiais serán aboados polo Colexio nas contías e condicións que regule o Pleno da Xunta Directiva. O mesmo criterio observarase nos supostos en que calquera colexiado sexa designado polo órgano de goberno do Colexio para a realización da función concreta que se lle asigne.

Artigo 60. Contraprestacións económicas por servizos prestados ao Colexio

Correspóndelle ao Pleno da Xunta Directiva desenvolver as normas de réxime interno que regulen os gastos en que poida incorrer por conta do Colexio calquera membro da Xunta Directiva, colexiado ou persoal do Colexio cando realice funcións de representación ou de servizo a este, e as ditas partidas deberán quedar reflectidas nos orzamentos anuais.

Artigo 61. Morosidade

1. O/a colexiado/a que non aboe as cotas de entrada, ordinarias ou extraordinarias, será requirido/a polo tesoureiro do Colexio para facelas efectivas, e concederáselle para o efecto un prazo prudencial dun mes. Se a situación de falta de pagamento se prolonga máis de tres meses contados desde o requirimento, poderá recargarse o importe debido nun 20 % a partir dese terceiro mes, e nunca con carácter retroactivo. Para proceder á recarga será preceptivo concederlle ao interesado un prazo de audiencia de dez días hábiles, co fin de coñecer e valorar as razóns desa situación de morosidade.

2. Transcorridos seis meses desde o requirimento de pagamento, e de se manter a situación de morosidade, o Colexio, a través da súa Xunta Directiva, comunicaralle a situación ao seu centro de traballo, sen prexuízo de que o Colexio cobre os débitos, recargas e gastos orixinados.

3. O Pleno da Xunta Directiva queda facultado para decidir, en cada momento, as accións que poida emprender para exixir dos colexiados morosos o cumprimento das súas obrigas, mesmo por vía xudicial.

A suspensión do exercicio da profesión e/ou a reclamación xudicial non libera o/a colexiado/a do pagamento das cotas que se continúen devindicando.

4. O Pleno da Xunta Directiva está facultado para conceder adiamentos de pagamento de cotas e establecer convenios particulares para regularizar situacións de morosidade, nas condicións que se acorden en cada caso particular.

5. Non se pode conceder a baixa colexial sen que o colexiado estea ao día no pagamento das súas cotas colexiais nin se poderá librar certificación colexial, nin sequera a de baixa, ao colexiado moroso, salvo acordo expreso da Xunta Directiva e por causas excepcionais, debidamente acreditadas e fundamentadas nos presentes estatutos.

6. O colexiado moroso non poderá pertencer a ningún órgano de goberno, órgano colexial, comisión ou grupo de traballo, nin tampouco ser elector nin elixible.

Artigo 62. Liquidación de cotas

Das cotas de entrada e das cotas colexiais ordinarias destinarase ao Consello Xeral de Colexios de Médicos de España e ao Consello Galego de Colexios de Médicos a cantidade que corresponda segundo a porcentaxe establecida nos seus respectivos estatutos ou, de ser o caso, aprobada polas súas asembleas xerais.

Artigo 63. Destino dos bens en caso de disolución

En caso de disolución do Colexio Oficial de Médicos da Provincia de Ourense, o Pleno da Xunta Directiva nomeará unha comisión liquidadora composta dos colexiados que designe, a cal, no caso de haber bens e valores sobrantes, despois de satisfacer as débedas, os adxudicará a entidades benéficas e/ou de previsión oficial da Organización Médica Colexial, preferentemente dentro do seu ámbito territorial.

Capítulo X

Certificados médicos

Artigo 64. Certificados médicos oficiais

Os médicos colexiados deberán utilizar obrigatoriamente para certificar os impresos oficiais editados e distribuídos para tal fin polo Consello Xeral ou Consello Galego de Colexios Oficiais de Médicos, calquera que sexa a finalidade da certificación e o organismo, centro, establecemento ou corporación en que deba de producir efecto.

A expedición dos certificados é gratuíta por parte dos médicos, pero estes percibirán, cando proceda, os honorarios que fixen libremente polos actos médicos que teñan que efectuar para expedilos.

O Colexio Oficial de Médicos de Ourense inspeccionará a obrigatoriedade e o uso do certificado médico oficial e comunicaralle ao Consello Xeral ou ao Consello Galego de Colexios de Médicos as infraccións que se comproben, acreditadas mediante o acta oportuna, para que este adopte as medidas pertinentes, sen prexuízo das atribucións sancionadoras que lle competen sobre os seus colexiados.

Capítulo XI

Réxime disciplinario

Artigo 65. Principios xerais

1. Os colexiados incorrerán en responsabilidade disciplinaria nos supostos e nas circunstancias establecidas nestes estatutos.

2. O réxime disciplinario establecido nestes estatutos enténdese sen prexuízo das responsabilidades de calquera outra índole en que os colexiados poidan incorrer.

3. Non poderán impoñerse sancións disciplinarias senón en virtude de expediente instruído para estes efectos, de conformidade co procedemento establecido no presente capítulo. Con todo, non será preceptiva a instrución previa de expediente para impoñer sancións motivadas pola comisión de faltas cualificadas de leves tras a audiencia do interesado.

4. A potestade sancionadora correspóndelle á Xunta Directiva do Colexio Oficial de Médicos de Ourense, que deberá solicitar previamente, de ser o caso, informe reservado da comisión deontolóxica antes da resolución do expediente en caso de incoación. Con todo, o axuizamento e a sanción das faltas cometidas polos membros dos seus órganos de goberno será competencia do Consello Galego de Colexios de Médicos.

5. Os acordos sancionadores serán inmediatamente executivos, sen prexuízo dos recursos que procedan. Con todo, no caso de que a dita execución poida ocasionar prexuízo de imposible ou difícil reparación, ou de que a impugnación se fundamente nalgunha causa de nulidade de pleno dereito, a Xunta Directiva poderá acordar, de oficio ou por instancia de parte, a suspensión da execución do acordo recorrido.

6. O Colexio Oficial de Médicos de Ourense levará un rexistro de sancións, e daralles conta á Consellería de Sanidade ou, de ser o caso, á consellería competente da Xunta de Galicia, ao Consello Galego de Colexios de Médicos e ao Consello Xeral de Colexios de Médicos de España, nun prazo máximo de quince días naturais desde a súa firmeza, de todas as sancións que impoña por faltas graves ou moi graves, coa remisión dun extracto do expediente.

Igualmente, daralle conta das sancións ao Colexio Oficial de Médicos a que estea incorporado o sancionado.

7. Todo colexiado ten dereito de acceso ao seu expediente.

Artigo 66. Faltas disciplinarias

As faltas disciplinarias clasifícanse en leves, menos graves, graves e moi graves.

1. Son faltas leves:

a) O incumprimento das normas establecidas sobre documentación colexial.

b) A neglixencia en lle comunicar ao Colexio as vicisitudes profesionais para a súa anotación no expediente persoal.

c) A desatención respecto dos requisitos ou peticións de informes solicitados polo Colexio.

d) A infracción neglixente das normas contidas no Código de Ética e Deontoloxía Médica cando non supoña falta grave.

2. Son faltas menos graves:

a) Non corresponder á solicitude de certificación ou información sobre o estado de saúde ou enfermidade e asistencia prestada nos termos éticos cando iso supoña perigo para o enfermo.

b) O abuso manifesto na fixación de honorarios profesionais.

c) Non emitir, sempre que así estea establecido legal ou regulamentariamente, as certificacións nos impresos oficiais editados e distribuídos pola Organización Médica Colexial.

d) A reiteración de faltas leves dentro dos seis meses seguintes á data da súa corrección.

3. Son faltas graves:

a) Exercer unha competencia ou título que non se posúa.

b) A indisciplina deliberadamente rebelde fronte aos órganos de goberno colexiais e, en xeral, a falta grave de respecto a aqueles.

c) Os actos e omisións que atenten contra a moral, o decoro, a dignidade, o prestixio e a honorabilidade da profesión ou que sexan contrarios ao respecto aos colexiados.

d) A infracción grave do segredo profesional por culpa ou neglixencia con prexuízo para terceiro.

e) O incumprimento das normas sobre restrición de estupefacientes e a explotación de toxicomanías.

f) A emisión de informes ou a expedición de certificados con falta á verdade.

g) Incorrer nunha actuación profesional constitutiva de competencia desleal.

h) A falta de pagamento das cotas colexiais unha vez transcorridos seis meses desde o requirimento de pagamento.

i) O incumprimento deliberado dos deberes contidos no Código de Ética e Deontoloxía Médica sempre que non constitúa falta moi grave.

j) Exercer a profesión na provincia de Ourense sen comunicarllo previamente ao Colexio a través do Colexio Oficial de Médicos a que se estea incorporado; a comunicación deberá realizarse na forma que establezan os estatutos xerais da Organización Médica Colexial e, de ser o caso, os do Consello Galego de Colexios de Médicos, se así o dispuxesen os devanditos estatutos.

k) O incumprimento dos deberes sinalados nos números 2, 3, 4, 7, 8, 9 e 12 do artigo 48 dos presentes estatutos.

l) Incorrer nas prohibicións establecidas nos números 1, 2, 4, 5, 6, 7, 8, 9, 11 e 15 do artigo 49 dos presentes estatutos.

m) A reiteración de faltas menos graves durante os seis meses seguintes á súa corrección.

4. Son faltas moi graves:

a) Calquera conduta constitutiva de delito doloso en materia profesional.

b) A violación dolosa do segredo profesional.

c) O atentado contra a vida humana e outros dereitos fundamentais da persoa con ocasión do exercicio profesional.

d) A desatención maliciosa ou intencionada aos enfermos.

e) Tolerar ou encubrir a quen, sen posuír o título de médico, trate de exercer a profesión.

f) A comisión dunha falta grave cando no ano inmediatamente anterior fose sancionado pola comisión doutras dúas do mesmo carácter e cuxa responsabilidade non se extinguise a teor do establecido nestes estatutos.

5. O incumprimento dos deberes establecidos no artigo 48 destes estatutos, a incursión en calquera das prohibicións sinaladas no artigo 44 ou o incumprimento das normas do código deontolóxico, que non estean especificados nos números 1, 2, 3 e 4 do presente artigo serán cualificados por similitude aos incluídos nos números citados deste artigo.

Artigo 67. Sancións disciplinarias

1. Por razón das faltas, a que se refire o artigo precedente, poden impoñerse as seguintes sancións:

a) Amoestación privada.

b) Apercibimento por oficio.

c) Suspensión da colexiación.

d) Expulsión do Colexio.

2. As faltas leves serán corrixidas coa sanción de amoestación privada ou apercibimento por escrito.

3. As faltas menos graves sancionaranse con apercibimento por oficio.

4. As faltas graves sancionaranse coa suspensión do exercicio profesional por tempo inferior a un ano.

5. A comisión de falta cualificada como moi grave sancionarase con suspensión do exercicio profesional por tempo superior a un ano e inferior a dous.

6. A sanción de expulsión do Colexio levará anexa a inhabilitación para incorporarse a calquera outro mentres non sexa expresamente autorizado polo Consello Xeral. Esta sanción soamente poderá impoñerse pola reiteración de faltas moi graves e o acordo que determine a súa imposición deberá ser adoptado pola maioría do Pleno da Xunta Directiva, coa asistencia das dúas terceiras partes dos membros que o compoñen.

7. Para a imposición de sancións o Pleno da Xunta Directiva deberá graduar motivadamente a responsabilidade do inculpado en relación coa natureza da infracción cometida, a súa transcendencia e as demais circunstancias modificativas da responsabilidade, tendo potestade para impoñer a sanción adecuada, de ser máis dunha a que se estableza para cada tipo de faltas.

8. En caso de sanción por falta moi grave que afecte o interese xeral, poderáselle dar publicidade na prensa colexial.

Artigo 68. Extinción da responsabilidade disciplinaria

1. A responsabilidade disciplinaria do colexiado extínguese:

a) Por morte do inculpado.

b) Por cumprimento da sanción.

c) Por prescrición da infracción.

d) Por prescrición da sanción ou por acordo do Colexio ratificado polo Consello Galego de Colexios Médicos.

Se durante a tramitación do procedemento disciplinario se produce o falecemento do inculpado, ditarase unha resolución que declare extinguida a responsabilidade e arquivaranse as actuacións.

A baixa no Colexio non extingue a responsabilidade disciplinaria contraída durante o período de alta, aínda que determina a imposibilidade de executar a sanción que se acorde. En tal caso, concluirase o procedemento disciplinario mediante a resolución que proceda e, en caso de sanción, a súa execución quedará en suspenso ata o momento en que o colexiado cause novamente alta no Colexio Oficial de Médicos de Ourense, sen prexuízo de que se lles comunique esta circunstancia ao Consello Xeral de Colexios Médicos e ao Consello Galego de Colexios Médicos para a adopción das medidas que procedan.

2. As infraccións moi graves prescribirán aos tres anos, as graves aos dous anos e as menos graves ou leves ao ano.

O prazo de prescrición comezará a contarse desde que se cometeu a infracción.

A prescrición interromperase pola notificación ao colexiado afectado do acordo de apertura do procedemento disciplinario. O prazo volverá computarse se o procedemento disciplinario permanecese paralizado durante máis dun mes, por causa non imputable ao colexiado imputado.

3. As sancións impostas por faltas moi graves prescribirán aos tres anos, as impostas por faltas graves aos dous anos e as impostas por faltas menos graves ou leves ao ano. O prazo de prescrición da sanción por falta de execución desta comezará a contar desde o día seguinte a aquel en que adquira firmeza a resolución pola cal se impón a sanción.

Interromperá a prescrición da sanción a iniciación, con coñecemento do interesado, do procedemento de execución, e volverá transcorrer o prazo se aquel está paralizado durante máis dun mes por causa non imputable ao infractor.

Artigo 69. Rehabilitación

1. As faltas entenderanse rehabilitadas de oficio, coa consecuente cancelación da nota no seu expediente persoal, polo transcurso do prazo de tres anos para as moi graves, de dous anos para as graves, e dun ano para as menos graves e leves, contado desde o cumprimento da sanción ou, de ser o caso, desde a súa prescrición, con excepción da falta sancionada con expulsión.

2. Non obstante o anterior, os sancionados poderán solicitar a súa rehabilitación nos seguintes prazos, contados desde o cumprimento da sanción ou, de ser o caso, desde a súa prescrición:

a) Se for por falta leve ou menos grave, aos seis meses.

b) Se for por falta grave, ao ano.

c) Se for por falta moi grave, aos dous anos.

A rehabilitación solicitaráselle ao Pleno da Xunta Directiva do Colexio e este, logo do informe da comisión de ética e deontoloxía médica e de examinar as alegacións da solicitude e a súa xustificación, acordaraa se así o considera.

3. No caso de expulsión, unha vez transcorridos dous anos contados desde a firmeza do acordo sancionador, poderáselle solicitar ao Pleno da Xunta Directiva a rehabilitación, alegando a súa xustificación e achegando probas da rectificación de conduta.

O Pleno da Xunta Directiva, logo do informe da comisión de ética e deontoloxía médica e de ponderar as alegacións e as probas achegadas, adoptará a rehabilitación, se así o considera, mediante votación secreta e por acordo das dúas terceiras partes dos que asistan á reunión e que, pola súa vez, sexan polo menos a metade dos membros que o integran.

4. Os trámites da rehabilitación levaranse a cabo da mesma maneira que para o axuizamento e a sanción das faltas.

5. O Colexio Oficial de Médicos de Ourense comunicaralle á Consellería de Sanidade ou, de ser o caso, á consellería competente da Xunta de Galicia, ao Consello Galego de Colexios Médicos e ao Consello Xeral de Colexios de Médicos de España o acordo de rehabilitación que, se é o caso, se adopte.

Igualmente, comunicaralles a rehabilitación aos colexios oficiais de médicos a que o rehabilitado se atope incorporado.

Artigo 70. Procedemento sancionador

1. O procedemento iniciarase de oficio ou por instancia de parte, sempre mediante acordo do órgano competente, ben por propia iniciativa ou ben por denuncia.

2. A Xunta Directiva do Colexio, ao ter coñecemento dunha suposta infracción, poderá decidir a instrución dunha información previa antes de acordar a incoación de expediente ou, de ser o caso, o arquivamento das actuacións, ben sen imposición de sanción por sobresemento ou ben dalgunha das previstas para corrixir faltas leves.

3. Unha vez decidido o procedemento, o órgano que acordou a súa iniciación poderá adoptar as medidas provisionais que considere oportunas para asegurar a eficacia da resolución que se puidese ditar, se existisen elementos de xuízo suficientes para iso. Non se poderán tomar medidas provisionais que poidan causar prexuízos irreparables aos interesados, ou ben que impliquen a violación de dereitos amparados polas leis.

4. A Xunta Directiva, ao acordar a incoación do expediente, designará como instrutor outro colexiado. O designado deberá ter maior antigüidade no exercicio profesional que o expedientado ou, na súa falta, polo menos dez anos de colexiación. Poderase tamén designar secretario ou autorizar o instrutor para nomealo entre os colexiados.

5. Seranlles de aplicación ao instrutor e ao secretario as normas de abstención e recusación dos artigos 28 e 29 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Para os efectos do exercicio do dereito de recusación, os nomeamentos de instrutor e secretario seranlle comunicados ao expedientado, que poderá facer uso de tal dereito dentro do prazo de dez días a partir do recibo da notificación.

6. O expedientado pode nomear un colexiado para que actúe de defensor ou home bo, o que lle será dado a coñecer, e disporá dun prazo de dez días hábiles a partir da recepción da notificación, para lle comunicar á Xunta Directiva o citado nomeamento, e xuntar a aceptación deste por parte do interesado. O defensor asistirá a todas as dilixencias propostas polo instrutor e poderá propoñer a práctica doutras en nome do seu defendido.

Así mesmo, o expedientado poderá acudir asistido de letrado.

7. Compételle ao instrutor dispoñer a achega dos antecedentes que considere necesarios e ordenar a práctica de cantas probas e actuacións conduzan ao esclarecemento dos feitos ou a determinar as responsabilidades susceptibles de sanción.

8. O instrutor formularalle ao expedientado o prego de cargos, en que se apuntarán con precisión os que contra el aparezan, os feitos imputados, a falta presuntamente cometida e as sancións que puidesen serlle aplicadas, e concederáselle un prazo improrrogable de dez días a partir da notificación para que a conteste e propoña as probas que considere convenientes ao seu dereito. Unha vez contestado o prego de cargos, ou transcorrido o referido prazo de dez días, o instrutor admitirá ou rexeitará as probas propostas e acordará a práctica das admitidas e de cantas outras actuacións considere eficaces para o mellor esclarecemento dos feitos.

9. Rematadas as actuacións, o instrutor, dentro do prazo máximo de catro meses desde a data de incoación, formulará unha proposta de resolución en que se fixarán con precisión os feitos, se fará a súa valoración para determinar a falta que considere cometida, se precisará a responsabilidade do inculpado e, de ser o caso, a sanción que se impoñerá. A proposta de resolución notificaráselle ao inculpado para que no prazo de dez días, con vista do expediente, poida alegar canto considere oportuno na súa defensa.

10. Remitidas así as actuacións á Xunta Directiva do Colexio inmediatamente despois de recibido o escrito de alegacións presentado polo expedientado, ou de transcorrido o prazo para facelo, aquela resolverá o expediente na primeira sesión que se realice, logo de oír o asesor xurídico do Colexio, se o houber, e a comisión de ética e deontoloxía, e notificaralle ao interesado a resolución que se adopte nos seus termos literais.

11. O prazo máximo de duración dos procedementos será de seis meses, contados entre o acordo de incoación e a notificación da resolución que, de ser o caso, recaia. No que se refire á suspensión e á ampliación de prazos serán de aplicación ao procedemento as disposicións da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

12. A Xunta Directiva do Colexio poderá devolver o expediente ao instrutor para a práctica daquelas dilixencias que, sendo omitidas, considere que resulten imprescindibles para a decisión. En tal caso, antes de lle remitir de novo o expediente á Xunta Directiva, daráselle vista do actuado ao inculpado co fin de que, no prazo de oito días, alegue canto coide conveniente.

13. A resolución pola que se poña fin ao expediente sancionador deberá de ser motivada, e nela non se poderán aceptar feitos ou fundamentos destes distintos dos que serviron de base ao prego de cargos e á proposta de resolución, sen prexuízo da súa distinta valoración.

14. Contra a resolución que poña fin ao expediente o interesado poderá interpoñer recurso de alzada, no prazo dun mes, ante o Consello Galego de Colexios de Médicos.

15. Contra a resolución ditada polo Consello Galego de Colexios de Médicos o interesado poderá recorrer ante a xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 71. Vinculacións coa orde xurisdicional penal

1. Cando a Xunta Directiva do Colexio teña coñecemento, estando un procedemento disciplinario en instrución, de que se está tramitando un proceso penal sobre os mesmos feitos, solicitará do órgano xudicial unha comunicación sobre o estado da causa.

2. Recibida a comunicación, e se existe identidade de suxeitos, feitos e fundamentos entre a posible falta disciplinaria e a infracción penal que puidese corresponder, a Xunta Directiva do Colexio acordará a suspensión do procedemento ata que se dite resolución xudicial.

3. Se non se iniciase o procedemento en vía colexial e só se estivesen instruíndo dilixencias previas, para decretar a suspensión mentres se resolve o proceso penal deberá acordarse previamente a incoación do procedemento.

4. En todo caso, os feitos declarados probados pola resolución xudicial penal firme vinculan o Colexio respecto do procedemento disciplinario, sen prexuízo da diferente valoración xurídica e, de ser o caso, sanción.

Capítulo XII

Réxime xurídico

Artigo 72. Consideracións xerais

1. O Colexio Oficial de Médicos de Ourense é plenamente competente no seu ámbito territorial para o exercicio das funcións que lle atribúen a lexislación sobre colexios profesionais, os estatutos da OMC, os do Consello Galego e estes mesmos. A competencia é irrenunciable e exercerana precisamente os órganos colexiais que a teñan atribuída como propia, salvo os casos de delegación, substitución ou avocación previstos legalmente.

2. O Colexio Oficial de Médicos de Ourense, como corporación de dereito público, está suxeito ao dereito administrativo en canto aos acordos e actos de natureza administrativa será de aplicación a estes, se non está previsto nos presentes estatutos, o establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. As cuestións de índole civil e penal quedan sometidas ao réxime xurídico correspondente, así como as relacións do seu persoal, que se rexerán pola lexislación laboral.

Artigo 73. Eficacia

Os acordos ou os actos colexiais de regulación interna son públicos e deberán estar dotados da publicidade adecuada dentro do ámbito colexial; os demais acordos ou actos colexiais serán validos e producirán efectos desde a data en que se diten, salvo que se dispoña individualmente outra cousa.

A eficacia dos acordos e actos colexiais prodúcese desde a súa publicación ou publicidade, aínda que poderá demorarse cando o exixa o contido do acto ou quede supeditado á súa notificación.

Poderáselles outorgarse eficacia retroactiva aos actos que sexan ditados en substitución doutros anulados e cando produzan efectos favorables para o interesado, sempre que os supostos de feito necesarios existisen na data a que se retrotraia a eficacia do acto, e este non lesione dereitos ou intereses lexítimos de terceiros.

Artigo 74. Nulidade e anulabilidade

1. Son nulos de pleno dereito os actos dos órganos colexiais que incorran nalgún dos supostos que establece o artigo 47 da Lei 39/2015, do 1 de outubo, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Son anulables os actos dos órganos colexiais que incorran nalgún dos supostos establecidos no artigo 48 da citada lei.

Artigo 75. Recursos

1. Os actos e resolucións adoptados polos órganos de goberno do Colexio sometidos ao dereito administrativo poñen fin á vía administrativa, sen prexuízo do disposto no número seguinte.

2. Os colexiados e as persoas con interese lexítimo poderán formular recurso de alzada ante o Consello Galego de Colexios de Médicos contra os acordos e actos suxeitos a dereito administrativo da Asemblea Xeral e da Xunta Directiva, dentro do prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación ou, de ser o caso, da notificación aos colexiados ou ás persoas a quen afecte.

3. O recurso será presentado ante a Xunta Directiva do Colexio Oficial de Médicos de Ourense, que deberá elevalo, cos seus antecedentes e co informe que proceda, ao Consello Galego de Colexios de Médicos, dentro dos dez días seguintes á data de presentación.

4. O recorrente poderá solicitarlle ao Consello Galego de Colexios de Médicos a suspensión do acordo ou acto impugnado, que poderá acordala ou denegala motivadamente.

5. No caso de que o Consello Galego de Colexios de Médicos non adopte acordo resolutorio expreso do recurso dentro dos tres meses seguintes ao da súa interposición, entenderase desestimado.

6. Contra a desestimación presunta do recurso interposto ante o Consello Galego de Colexios Médicos, ou contra a desestimación expresa, o interesado poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a notificación da resolución.

7. O disposto nos números anteriores enténdese sen prexuízo da competencia que lle corresponde á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, para coñecer dos recursos que se interpoñan contra os actos e acordos do Colexio cando este exerza funcións administrativas delegadas pola devandita Administración.

Capítulo XIII

Garantías dos cargos colexiais

Artigo 76. Consideración dos cargos

Dada a natureza de corporacións de dereito público dos colexios profesionais, recoñecidos pola lei e amparados polo Estado, o cumprimento das obrigacións correspondentes aos cargos electivos terá, para efectos corporativos e profesionais, a consideración e carácter de cumprimento de deber representativo colexial.

Para todos os efectos, os membros da Xunta Directiva terán a consideración de autoridade no desempeño das súas funcións e competencias.

Artigo 77. Facultades

A designación para un cargo colexial de orixe electiva faculta o seu titular para exercelo libremente durante o seu mandato, e comprende as seguintes facultades:

a) Expresar con total liberdade as súas opinións nas materias concernentes á esfera da representación colexial.

b) Promover as accións que procedan para a defensa dos dereitos e intereses colexiais confiados ao seu cargo.

c) Reunirse cos restantes membros dos órganos de goberno corporativo, de conformidade coas normas estatutarias, para deliberar, acordar e xestionar sobre temas de actividade colexial.

d) Ser protexido contra calquera acto de usurpación, abuso ou inxerencia que afecte o exercicio libre da súa función.

e) Obter dos órganos colexiais competentes a información, o asesoramento e a cooperación necesarios nas tarefas do seu cargo.

f) Dispoñer, de acordo coas disposicións aplicables en cada caso, das facilidades precisas para interromper a súa actividade profesional cando as exixencias da súa representación colexial así o impoñan.

g) Non ser obxecto de sanción ou persecución como consecuencia do desempeño das súas funcións colexiais, sempre que estas se desenvolvan de acordo coa lei e co resto do ordenamento xurídico vixente.

Artigo 78. Ausencias e desprazamentos no servizo

Para os efectos do artigo anterior, os colexiados asumirán a cobertura dos servizos correspondentes ao cargo representativo, nos supostos de desprazamentos por causas corporativas dos seus titulares, nas mesmas condicións que as substitucións oficiais.

A asistencia dos cargos electivos de representación ás reunións regulamentarias convocadas polas entidades colexiais terá os efectos sinalados, en cada caso, polas disposicións vixentes.

A organización colexial, ao cursar as convocatorias que correspondan en uso das súas facultades, procurará moderar as ausencias de maneira que se produzan as menores perturbacións. En todo caso, o cargo representativo deberá darlle conta á autoridade correspondente da necesidade da súa ausencia do posto de traballo, xustificando coa convocatoria o motivo da falta de presenza e anunciándoo coa posible antelación.

TÍTULO III

Capítulo I

Estatutos colexiais

Artigo 79. Estatutos colexiais e a súa modificación

Os presentes estatutos do Colexio Oficial de Médicos de Ourense foron aprobados pola súa Asemblea Xeral de Colexiados.

Para a modificación dos estatutos colexiais seguirase o seguinte procedemento:

1. Será necesaria a previa solicitude das dúas terceiras partes do Pleno da Xunta Directiva ou do 15 % do censo total de colexiados, e a solicitude debería ir acompañada da redacción do proxecto de modificación, total ou parcial, dos estatutos.

2. O Pleno da Xunta Directiva acordará darlles traslado da modificación proposta a todos os colexiados para que, no prazo de quince días hábiles, elaboren e presenten por escrito as emendas que consideren.

3. Unha vez terminado o período de presentación de emendas, o Pleno da Xunta Directiva convocará a Asemblea Xeral de Colexiados nun prazo máximo de trinta días para a aprobación, se é o caso, da modificación estatutaria proposta.

4. Na Asemblea Xeral abrirase unha quenda de defensa da modificación estatutaria proposta e das emendas cursadas por escrito e, transcorrida a quenda, someterase a votación para a súa aprobación. De ser o caso, na modificación estatutaria incluiranse as emendas aprobadas.

5. A aprobación da modificación estatutaria e das emendas presentadas requirirá o voto afirmativo de dous terzos de colexiados asistentes na Asemblea Xeral.

6. Unha vez aprobado, de ser o caso, o proxecto de modificación estatutaria pola Asemblea Xeral, remitiráselle á Consellería de Presidencia e Administración Territorial da Comunidade de Galicia para a cualificación de legalidade, inscrición no Rexistro de Colexios Profesionais e publicación.

Capítulo II

Réxime de disolución

Artigo 80. Disolución do colexio

A disolución do Colexio Oficial de Médicos de Ourense adoptarase cando se cumpran os seguintes requisitos:

1. Que o permita a lei.

2. Tras a comunicación previa á Consellería da Presidencia da Xunta de Galicia, ao Consello Galego de Colexios Médicos e ao Consello Xeral de Colexios Médicos de España.

3. Por acordo da Asemblea Xeral de Colexiados, mediante o voto favorable das dúas terceiras partes desta e por iniciativa motivada do cincuenta por cento do total dos colexiados.

4. Que a asemblea constituída para a disolución estea constituída pola asistencia das dúas terceiras partes dos colexiados; para a validez do acordo requirirase o voto favorable dun número de asistentes que supere o cincuenta por cento da totalidade dos colexiados.

Será de aplicación neste capítulo o disposto no artigo 63 destes estatutos, para regular o destino dos bens do Colexio en caso de disolución.

Disposición adicional única

En todo o non previsto expresamente nestes estatutos será de aplicación supletoria o disposto nos estatutos xerais da OMC e do Consello Galego de Colexios Médicos.

Disposición transitoria única

Os membros dos órganos de goberno do Colexio Oficial de Médicos de Ourense, na data de aprobación destes estatutos, continuarán exercendo os seus cargos ata o termo do mandato para o cal foron elixidos conforme os estatutos anteriormente vixentes.

Disposición derradeira

Os estatutos do Colexio Oficial de Médicos de Ourense foron aprobados pola Asemblea Xeral e entrarán en vigor o día seguinte ao da súa publicación oficial.

Quedan expresamente derrogados os anteriores estatutos.

Cláusula de linguaxe non sexista.

As persoas que redactaron os estatutos do Colexio Oficial de Médicos de Ourense, no seu compromiso de velar pola igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, manifestan que, malia que ao longo do texto se usou ás veces o masculino xenérico para englobar a homes e mulleres, evitando así desdobramentos contínuos coas formas masculina e feminina, en ningún caso este uso debe ser considerado como discrimintario por razón de sexo.