Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Luns, 9 de xullo de 2018 Páx. 32643

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 70/2018, do 21 de xuño, polo que se declara en concreto a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción do Plan de seguridade viaria de Galicia 2016-2020: mellora da seguridade viaria (MSV), na contorna do treito de concentración de accidentes na estrada PO-308, punto quilómetrico 8+700 a 12+700, de clave PO/17/144.06, nos concellos de Poio e Sanxenxo.

Antecedentes:

Primeiro. O día 29 de decembro de 2017 publicouse no Diario Oficial de Galicia (núm. 246) o Anuncio do 20 de decembro de 2017 polo que se somete ao trámite de información pública a separata para información pública do proxecto de construción do Plan de seguridade viaria de Galicia 2016-2020: mellora de seguridade viaria (MSV) na contorna do treito de concentración de accidentes na estrada PO-308, p.q. 8+700 a 12+700, de clave PO/17/144.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Segundo. Tras a análise das alegacións, certificados e informes presentados, o 12 de xuño de 2018 apróbase o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción do Plan de seguridade viaria de Galicia 2016-2020: mellora de seguridade viaria (MSV), na contorna do treito de concentración de accidentes na estrada PO-308, p.q. 8+700 a 12+700, de clave PO/17/144.06.

Este proxecto de construción ten por obxecto definir, xustificar e valorar as obras necesarias para levar a cabo unha serie de actuacións que permitan evitar ou mitigar a accidentalidade que se vén a producir nos últimos anos no treito considerado. O ámbito de actuación afecta aos términos municipais de Poio e, en menor medida, a Sanxenxo.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do número dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e un de xuño de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción do Plan de seguridade viaria de Galicia 2016-2020: mellora de seguridade viaria (MSV), na contorna do treito de concentración de accidentes na estrada PO-308, p.q. 8+700 a 12+700, de clave PO/17/144.06.

Santiago de Compostela, vinte e un de xuño dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda