Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Luns, 9 de xullo de 2018 Páx. 32641

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 69/2018, do 21 de xuño, polo que se aproba o cambio de titularidade da estrada provincial EP-9204, avenida de Luis Rocafort (comunica paseo praia Silgar ata rotonda), cunha lonxitude total de 590 metros, a prol do Concello de Sanxenxo.

A teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

A estrada de titularidade provincial EP-9204, avenida de Luis Rocafort, constitúe unha das arterias principais do concello de Sanxenxo debido á súa situación, xa que comunica o paseo de Silgar co centro de Sanxenxo e coa estrada autonómica PO-308.

O Concello de Sanxenxo e a Deputación Provincial de Pontevedra asinaron un convenio o día 28 de abril de 2016 para a «urbanización da avenida Luis Rocafort-Sanxenxo». No convenio establécese que unha vez rematadas e recibidas as obras (29.12.2017), iniciarase a transferencia do viario a prol do Concello de Sanxenxo.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e un de xuño de dous mil dezaoito.

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade a prol do Concello de Sanxenxo da:

– Estrada provincial EP-9204 avenida de Luis Rocafort (comunica paseo praia Silgar ata rotonda) cunha lonxitude total de 590 metros.

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Sanxenxo deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire o presente decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponderanlle ao Concello de Sanxenxo, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e un de xuño de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda