Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Luns, 9 de xullo de 2018 Páx. 32721

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 28 de maio de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción da ampliación da central hidroeléctrica de Ponteliñares, no río Limia, promovida pola empresa Hidráulica de Loureiro Enorsa, S.L., no concello de Porqueira (expediente IN408A 2016/13-3 AT).

Antecedentes de feito.

Primeiro. Por Resolución da Confederación Hidrográfica do Norte do 15 de xuño de 1989, outorgouse a favor de Energía Ourensana, S.A., a concesión para aproveitar 21.000 l/s de auga do río Limia, nos concellos de Bande e Porqueira (Ourense), con destino á produción de enerxía eléctrica.

Segundo. O 17.7.1991, a Confederación Hidrográfica do Norte modificou a resolución mencionada no punto anterior e reduciu o caudal concedido a 16.000 l/s.

Terceiro. O 21.11.1991, a Comisión Galego de Medio Ambiente emitiu informe favorable sobre a documentación ambiental do proxecto achegada polo promotor e ampliou, así mesmo, as medidas ambientais impostas pola Confederación Hidrográfica do Norte nas mencionadas resolucións do 15 de xuño de 1989 e do 17 de xullo de 1991.

Cuarto. O 8.12.1991, a Dirección Xeral de Industria autorizou a instalación, declarou, en concreto, a utilidade pública e aprobou o proxecto de execución da central hidroeléctrica de Ponteliñares (en diante, a central).

Quinto. O 15.4.1993 a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Ourense autorizou a posta en marcha e funcionamento das instalacións da central.

Sexto. O 26.6.1995, a Dirección Xeral de Enerxía do Ministerio de Industria y Enerxía inscribiu á central no Rexistro de Instalacións de Produción en Réxime Especial, co número RE-95F-12. Posteriormente, o 13.7.1995 a mencionada dirección xeral remitiu á Dirección Xeral de Industria a ficha de inscrición da central, que queda inscrita no Rexistro de Instalacións de Produción en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, co número RE-95-07.

Sétimo. O 5.6.2000, a Confederación Hidrográfica do Norte resolveu a transferencia do aproveitamento de Energía Ourensana, S.A. a Hidráulica de Loureiro Enorsa, S.L., como consecuencia da fusión de ambas as sociedades, mediante a absorción da primeira pola segunda.

Oitavo. O 20.5.2003, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas autorizou o cambio de titularidade e a subrogación dos dereitos e obrigas concedidas á central a favor de Hidráulica de Loureiro Enorsa, S.L. (en diante, o promotor).

Noveno. O 2.7.2003, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas modificou a inscrición no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, para facer constar o novo titular. Posteriormente, o 16.3.2005 o mencionado órgano modificou de novo a referida inscrición para actualizar o réxime económico aplicable á instalación.

Décimo. O 5.2.2015, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil autorizou ao promotor un aumento de potencia incluído na concesión de auga do aproveitamento hidroeléctrico de 16.000 l/s do río Limia, con destino á produción de enerxía eléctrica na central.

Décimo primeiro. O 17.10.2016, o promotor solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción para a ampliación da central, consistente na instalación dun terceiro grupo.

Décimo segundo. Pola Resolución do 26 de outubro de 2016, da Xefatura Territorial de Ourense, sometéronse a información pública as peticións de autorización administrativa previa e de construción do proxecto de ampliación da central. A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia de Ourense, ambos do 21.11.2016, permanecendo exposta ademais nos taboleiros de anuncios do Concello de Porqueira e da mencionada xefatura territorial.

Décimo terceiro. O 12.12.2016, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil autorizou a modificación de características da concesión do aproveitamento hidroeléctrico de Ponteliñares e aumentou o prazo de finalización da concesión e reversión ao Estado ata o 1.1.2033, e outorgou un prazo de 12 meses para a finalización das obras da instalación da nova turbina.

Décimo cuarto. O 20.12.2016, a Xefatura Territorial de Ourense da Consellería de Economía, Emprego e Industria emitiu informe técnico favorable sobre o proxecto de execución da ampliación da central.

Décimo quinto. O 3.5.2017, esta dirección xeral comunicoulle ao promotor a necesidade de solicitar ao xestor da rede de distribución a validación dos dereitos de acceso e conexión para o aumento da potencia instalada que suporía a nova turbina proxectada (1 MW).

Décimo sexto. O 30.6.2017, o promotor achegou resposta de Unión Fenosa Distribución, S.A. na cal se lle denega o acceso solicitado, atendendo a criterios de seguridade, regularidade e calidade das subministracións. O promotor manifesta o seu desacordo coa dita resposta xa que a instalación dunha terceira turbina non supón unha modificación das características da vertedura eléctrica no punto de conexión da central, ao non ter sido modificadas as condicións da concesión de auga e, polo tanto, non poder aumentar a potencia eléctrica producida na central. En consecuencia, solicita que se outorgue a autorización administrativa para a terceira turbina na central.

Décimo sétimo. O 30.1.2018, e co obxecto de poder instalar a nova turbina proxectada sen aumentar a potencia instalada total, o promotor solicitou a autorización para a redución de potencia das turbinas existentes, achegando o documento Reducción de potencia de turbinas na central hidroeléctrica de Ponteliñares e instalación de tercera turbina, asinado polo enxeñeiro industrial Juan Ramón Fernández Jorge. Neste documento descríbense as actuacións proxectadas para reducir a potencia unitaria das turbinas existentes desde os 2.500 kW ata os 2.000 kW.

Décimo oitavo. O 1.3.2018, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria emitiu informe sobre as actuacións propostas polo promotor para a redución de potencia das turbinas existentes.

Décimo noveno. O 2.3.2018, o promotor achegou documentación complementaria en resposta ao requirimento desta dirección xeral do 23.2.2018.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver o presente procedemento en virtude do artigo 19 do Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e do artigo único, punto 1.b).1º, do Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. O artigo 21 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, establece que a posta en funcionamento, modificación, peche temporal, transmisión e peche definitivo de cada instalación de produción de enerxía eléctrica estará sometida, con carácter previo, ao réxime de autorizacións establecido no artigo 53 da mesma lei.

Pola súa parte, o artigo 53 da mencionada lei establece que para a posta en funcionamento de novas instalacións de transporte, distribución, produción e liñas directas ou modificación das existentes se requirirá das autorizacións administrativas previa e de construción, así como da autorización de explotación, unha vez executado o proxecto.

Terceiro. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo co que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a autorización administrativa previa para a ampliación da central hidroeléctrica de Ponteliñares, promovida por Hidráulica de Loureiro Enorsa, S.L., situada no concello de Porqueira (Ourense).

Segundo. Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución composto polos documentos Proxecto de instalación de terceira turbina na central de Ponteliñares, río Limia, T.M. de Bande e Porqueira (Ourense). Outubro 2016 e Redución de potencia de turbinas na central hidroeléctrica de Ponteliñares e instalación de terceira turbina. Xaneiro 2018, ambos os dous redactados polo enxeñeiro industrial Juan Ramón Fernández Jorge, colexiado nº 462 do Colexio Oficial de Enxeneiros Industriais de Galicia, e o primeiro deles visado polo dito colexio o 11.10.2016 co número de visado electrónico 20162659. Estes documentos recollen as seguintes actuacións e novas instalacións:

1. Modificación das instalacións actuais: redución da potencia unitaria, de 2.500 kW a 2.000 kW, das dúas turbinas existentes, mediante a instalación dun tope físico da apertura do distribuidor da máquina. Con esta modificación, as características destas turbinas serán as seguintes:

• Fabricante: Sulzer (actualmente Andritz Hydro).

• Tipo de turbina: Francis horizontal.

• Salto neto: 40,6 metros.

• Potencia: 2.000 kW.

• Velocidade: 375 rpm.

2. Principais instalacións proxectadas:

a) 1 turbina tipo Crossflow, para un caudal máximo de 2,5 m3/s, cunha velocidade de xiro de 255 rpm e unha potencia máxima de 1.000 kW.

b) 1 alternador síncrono trifásico de 1.000 kVA de potencia nominal, cunha velocidade de xiro de 1.000 rpm e 400 V de tensión de xeración.

c) 1 transformador de 1.250 KVA de potencia nominal e relación de transformación 0,4/20 kV.

d) Liña de media tensión a 20 kV, en condutor de aluminio RHZV 12/20 kV de 95 mm2, de interconexión entre os bornes do transformador e as barras de 20 kV existentes na central.

e) Os correspondentes equipamentos de control, seccionamento, manobra, medida e protección.

3. Orzamento de execución por contrata das novas instalacións: 571.200 euros.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto que por esta resolución se aproba e referido no punto segundo da parte dispositiva desta.

Segunda. Hidráulica de Loureiro Enorsa, S.L. asegurará o correcto mantemento e vixilancia das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñen as condicións regulamentarias de seguridade.

Terceira. En todo momento deberá cumprirse canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, aprobado polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio, así como o resto da normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

Cuarta. Para introducir modificacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a previa autorización desta dirección xeral. Pola súa banda, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Ourense poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberá comunicarlle a este centro directivo todas as resolucións que dite en aplicación da devandita facultade.

Quinta. O prazo para a posta en marcha das instalacións será de doce meses contados a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución. Se transcorrido o dito prazo aquela non tiver lugar, producirase a caducidade desta autorización.

Sexta. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Ourense inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento dos compromisos contraídos por Hidráulica de Loureiro Enorsa, S.L.

Conxuntamente coa solicitude da autorización de explotación das instalacións, o promotor deberá presentar ante a dita xefatura territorial, certificado do fabricante da limitación de potencia das turbinas preexistentes (potencia unitaria de 2.000 kW).

Sétima. Con carácter previo á posta en servizo da instalación, o órgano competente verificará o cumprimento dos condicionados impostos nesta resolución.

Oitava. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

Novena. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Décima. O titular e/ou explotador da instalación deberá inscribila no Rexistro Administrativo de Instalacións de produción de Enerxía Eléctrica, para o cal acreditará o cumprimento das condicións previstas no Real decreto 413/2014, do 6 de xuño, polo que se regula a actividade de Produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e residuos.

Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia de Ourense, de acordo co establecido no artigo 128 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2018

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas