Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Mércores, 11 de xullo de 2018 Páx. 32942

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 29 de xuño de 2018, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (código de procedemento PR949A).

A práctica deportiva, a nivel competitivo, caracterizase pola necesidade de contar cunha serie de equipamentos deportivos que faciliten e melloren as condicións en que os deportistas desenvolven a súa modalidade ou especialidade.

Tendo en conta a importancia que as entidades deportivas sen ánimo de lucro teñen nesa actuación do fomento da práctica deportiva, faise preciso arbitrar un sistema de axudas públicas dedicadas á adquisición de equipamentos, co fin de contribuír na modernización e actualización do material deportivo necesario para o adecuado exercicio da práctica deportiva de que dispoñen as citadas entidades.

O Estatuto de autonomía de Galicia recolle, no seu artigo 27.22, a competencia da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción do deporte. De conformidade cos parámetros de actuación establecidos na Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, e segundo as atribucións que lle son conferidas polo Decreto 76/2017, do 28 de xullo, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral para o Deporte establece as presentes bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a entidades deportivas sen ánimo de lucro de Galicia para a adquisición de equipamentos deportivos.

Esta resolución dá cumprimento aos principios de publicidade, libre concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

Por outra banda, as subvencións reguladas na presente resolución tramitaranse polo procedemento ordinario de concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, conforme as previsións establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións.

En virtude do exposto, e en exercicio das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria de subvencións da Secretaría Xeral para o Deporte, en réxime de concorrencia competitiva, para a adquisición de equipamentos deportivos que se recollen no anexo II, Relación de equipamento (código de procedemento PR949A).

2. Mediante esta resolución convócanse as devanditas subvencións para o ano 2018.

Artigo 2. Financiamento

1. Para o exercicio económico de 2018, o crédito orzamentario para financiar estas axudas é de 275.000,00 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 04.40.441A.780.1, Convocatoria para equipamento deportivo ás entidades deportivas, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018.

2. Este crédito orzamentario poderase incrementar como consecuencia dunha xeración, ampliación, incorporación de crédito ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

3. Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura dun novo prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver e para xustificar.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Para a convocatoria do exercicio económico de 2018, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o derradeiro día do mes.

Artigo 4. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Certificación do órgano colexiado competente da entidade deportiva (anexo IV).

b) Memoria xustificativa e méritos (anexo V).

2. A documentación complementaria deberá presentarase electronicamente. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 5. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Atriga.

2. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 6. Publicación dos actos

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as notificacións dos requirimentos e resolucións administrativos nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web
http://deporte.xunta.gal/

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, a Secretaría Xeral para o Deporte publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se puideren impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 9. Recursos

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderanse interpor os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso potestativo de reposición ante a secretaria xeral para o Deporte, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. Recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Secretaría Xeral para o Deporte, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e dos contidos da carpeta do cidadán.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas e esta circunstancia reflectirase no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da a Secretaría Xeral para o Deporte para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2018

Marta Míguez Telle
Secretaria xeral para o Deporte

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva,
de subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos

Base 1ª. Obxecto

O obxecto destas bases reguladoras é establecer o réxime das axudas para a adquisición de equipamentos deportivos.

Base 2ª. Réxime xurídico

1. O procedemento de concesión destas subvencións axustarase ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 8/2017, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018, no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos (200.000,00 euros nun período de tres anos) establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24 de decembro de 2013, L352/1).

Base 3ª. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser entidades beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro destas bases reguladoras os clubs deportivos galegos, sociedades anónimas deportivas e as federacións deportivas galegas.

2. Estas entidades, ademais dos requisitos xerais establecidos na normativa de subvencións, deberán reunir os seguintes requisitos.

– Figurar inscritas no Rexistro de Entidades Deportivas da Xunta de Galicia na data de publicación da convocatoria anual de subvencións.

– Ter actualizados os seus estatutos ás disposicións vixentes en materia deportiva.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias sinaladas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Base 4ª. Equipamentos deportivos subvencionables

1. Só resultará susceptible de ser subvencionada a adquisición de equipamento deportivo inventariable, para ser destinado á participación en competicións deportivas oficiais ou á realización de adestramentos.

2. Os equipamentos deportivos subvencionables serán os que figuran no anexo II, relación de equipamento.

Base 5ª. Intensidade da axuda

A subvención será do 50 % do gasto subvencionable; a porcentaxe restante será achega da entidade beneficiaria, ata esgotar o crédito dispoñible atendendo á orde de prelación das persoas beneficiarias.

Non obstante o anterior, o importe total da axuda que se conceda non poderá superar a cantidade máxima de 5.000,00 euros por club nin os 10.000,00 euros por federación deportiva.

Base 6ª. Compatibilidade e acumulación de axudas

As subvencións que se regulan nesta resolución son compatibles con outras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou de ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sen prexuízo da obriga de comunicar ao órgano concedente a súa obtención. O importe total da axuda non poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo final xustificado do investimento para o cal se concedeu. No caso de superar o custo final xustificado, minorarase a axuda regulada nesta resolución na contía que exceda o custo final xustificado.

Base 7ª. Financiamento

1. Estas axudas serán financiadas con cargo á aplicación orzamentaria e código de proxecto e polo importe que para cada exercicio publique a Secretaría Xeral para o Deporte.

2. Destinarase o 25 % do orzamento total de cada convocatoria anual de subvención ás federacións deportivas galegas.

No caso de que non se esgote o crédito destinado aos clubs ou ás federacións, a cantidade resultante incrementará o orzamento destinado ás outras entidades.

Base 8ª. Solicitudes

1. As solicitudes irán dirixidas á Secretaría Xeral para o Deporte segundo o modelo normalizado que se inclúe como anexo III. Deberá presentarse unha única solicitude por cada posible beneficiario. A súa presentación implica o compromiso de someterse ás normas reguladoras da subvención establecidas nesta resolución.

Na solicitude, a persoa solicitante fará constar:

a.1. O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos para os mesmos equipamentos solicitados ao abeiro desta resolución e o compromiso de comunicar cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

a.2. Que a entidade deportiva non está incursa en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiaria dunha subvención.

2. Xunto coa solicitude, a persoa solicitante deberá achegar a seguinte documentación:

a) Certificación emitida polo/a secretario/a da entidade deportiva solicitante, segundo o modelo do anexo IV, na cal se faga constar o acordo do órgano colexiado competente da entidade deportiva polo cal se solicita a subvención para as actuacións que se pretenden executar ao abeiro desta resolución.

Este acordo deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes e deberá expresar todos os equipamentos que integran a solicitude e o orzamento de cada equipamento, así como o orzamento total.

b) Memoria xustificativa da necesidade dos equipamentos para os cales solicitan subvención e méritos (anexo V), asinada polo/a representante da entidade deportiva.

4. Terá a condición de documentación mínima a recollida no punto 2.b) e a súa non presentación dará lugar a inadmisión da solicitude.

5. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderalle requirir á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada nun parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Base 9ª. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez finalizado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a cinco meses, contados a partir do día seguinte ao do remate da presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo para resolver sen que se dite resolución expresa, as/os interesadas/os poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Base 10ª. Órgano competente

A Secretaría Xeral para o Deporte será o órgano competente para a concesión da subvención.

Base 11ª. Instrución do procedemento

1. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, agás no caso da documentación mínima que se debe achegar coa solicitude, requirirase a entidade interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se non o fai así, se considerará que desiste na súa petición, logo da correspondente resolución.

2. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido no artigo 45.1.a) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os requirimentos citados de emenda poderanse facer mediante publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte. Se a instrución do procedemento o aconsella, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web pola notificación individualizada, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

a) As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

b) As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

c) Neste caso, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

d) As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

e) Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderase requirir a entidade solicitante para que xunte cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que cumpran todos os requisitos e reúnan toda a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración.

5. As solicitudes que non cumpran os requisitos exixidos nestas bases e, de ser o caso, na convocatoria anual de axudas, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

6. As notificacións dos requirimentos e resolucións administrativas efectuaranse mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Base 12ª. Comisión de valoración

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións aos interesados.

2. A comisión de valoración estará composta por 5 membros:

– Presidencia: subdirector/a da Secretaría Xeral para o Deporte.

– Vogais:

O/a director/a do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

Dous/dúas xefes/as do Servizo de Deportes das xefaturas provinciais da Secretaría Xeral para o Deporte.

Un/unha técnico/a deportivo/a da Secretaría Xeral para o Deporte.

– O/a xefe/a do Servizo de Deporte Escolar da Secretaría Xeral para o Deporte, que fará as funcións de secretario/a, con voz e voto.

3. O funcionamento desta comisión está sometido ao disposto para os órganos colexiados na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Base 13ª. Criterios de valoración

1. A proposta de outorgamento da subvención será formulada pola comisión unha vez aplicados os seguintes criterios de valoración:

A) Equipamento deportivo: máximo 65 puntos.

1) Equipamento de competición oficial e de adestramento específico: 20 puntos.

2) Equipamento de adestramento non específico: 10 puntos.

3) Carros e remolques para o transporte de elementos de competición oficial e de adestramento específico: 10 puntos.

4) Outros elementos para o transporte de elementos de competición oficial e de adestramento específico: 5 puntos.

5) O uso do material subvencionado nun centro de tecnificación: 20 puntos.

No caso de solicitudes que conteñan varios equipamentos do mesmo tipo, soamente recibirán a puntuación por un deles.

B) Méritos deportivos da entidade: ata 60 puntos.

Na valoración deste criterio, terase en consideración:

1) Estrutura deportiva: valorarase a participación nas categorías absolutas e previa á absoluta (é a categoría de idade en que se desenvolve a competición deportiva anterior á categoría absoluta) en competicións oficiais, no ano anterior á convocatoria:

– Ámbito internacional: 20 puntos.

– Ámbito estatal: 15 puntos.

– Ámbito autonómico: 10 puntos.

– Ámbito local: 5 puntos.

Neste criterio, soamente se terá en consideración o ámbito principal de actuación de maior importancia e que se desenvolva polo formato de liga ou similar.

2) Logros deportivos (criterio soamente aplicable aos clubs): valorarase a obtención de determinados resultados nas categorías absolutas e previa á absoluta (é a categoría de idade en que se desenvolve a competición deportiva anterior á categoría absoluta) en competicións oficiais, no ano anterior á convocatoria. No caso dos deportes individuais, valoraranse os logros dos deportistas que teñan licenza federativa polo club que presenta a solicitude.

a) Deportes colectivos:

– Campión de Europa de clubs: 20 puntos.

– Subcampión de Europa de clubs: 15 puntos.

– Campión de España de clubs: 10 puntos.

– Subcampión de España de clubs: 5 puntos.

b) Deportes individuais:

– Campión de Europa: 20 puntos.

– Subcampión de Europa: 15 puntos.

– Campión de España: 10 puntos.

– Subcampión de España: 5 puntos.

3) Número de deportistas da entidade con recoñecemento vixente como deportista galego de alto nivel ou deportista de alto nivel, na data de publicación da convocatoria: 5 puntos por deportista.

C) Apoio á non discriminación (soamente para clubs): valorarase contar cunha porcentaxe de deportistas con licenza federativa de ambos os sexos:

– Ter unha porcentaxe entre o 30-45 % de deportistas do sexo que menos licenzas formen parte do club: 20 puntos.

– Ter unha porcentaxe entre o 20-29 % de deportistas do sexo que menos licenzas formen parte do club: 15 puntos.

– Ter unha porcentaxe inferior ao 20 % de deportistas do sexo que menos licenzas formen parte do club: 5 puntos.

D) Axudas recibidas da Secretaría Xeral para o Deporte no ano anterior á convocatoria.

1) Clubs.

– Axudas de menos de 500 euros: 20 puntos.

– Axudas de 501 a 1.000 euros: 15 puntos.

– Axudas de 1.001 a 2.500 euros: 10 puntos.

– Axudas de máis de 2.500 euros: 5 puntos.

2) Federacións deportivas galegas.

– Axudas de menos de 50.000 euros: 20 puntos.

– Axudas de 50.001 a 100.000 euros: 15 puntos.

– Axudas de 100.001 a 150.000 euros: 10 puntos.

– Axudas de 150.001 euros a 200.000 euros: 5 puntos.

– Axudas de máis de 200.000 euros: 0 puntos.

Base 14ª. Proposta de resolución

1. Unha vez valoradas as solicitudes, a comisión elaborará unha relación dos expedientes ordenada por orde de prelación entre as solicitudes presentadas de maior a menor puntuación en aplicación dos criterios de baremación establecidos no artigo anterior, e remitirá unha proposta de resolución á secretaria xeral para o Deporte que inclúa aquelas entidades beneficiarias ata o esgotamento do crédito orzamentario consignado.

2. No caso de producirse empate entre as entidades solicitantes que reúnan os requisitos valorarase, para o seu desempate, o criterio da alínea a) e, se persiste o empate, o criterio b) e así sucesivamente.

3. A proposta de resolución expresará de forma motivada a relación de clubs e federación deportivas galegas para os cales se propón a concesión da axuda, coa identificación da persoa beneficiaria, puntuación obtida no proceso de baremación, importe da axuda proposta e equipamento subvencionado.

De ser o caso, contará cunha relación de persoas beneficiarias admitidas que non acadaron a subvención polo esgotamento do orzamento dispoñible, que conformarán a lista de espera. O órgano xestor poderá acordar activar a lista de espera no suposto de que algunha entidade beneficiaria renuncie á subvención concedida ou decaia no dereito á súa percepción; neste caso, os créditos liberados poderán asignarse por orde decrecente de puntuación ás entidades beneficiarias admitidas que non obtivesen subvención por esgotamento do crédito previsto.

4. A proposta de resolución expresará tamén, de forma motivada, a relación de entidades beneficiarias para as cales se propón a denegación, inadmisión ou desistencia da solicitude presentada.

Base 15ª. Resolución

1. A persoa titular da Secretaría Xeral para o Deporte, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada, e expresará, cando menos, o equipamento que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, se é o caso, a causa de denegación ou inadmisión.

A dita resolución, de conformidade co establecido no artigo 45.1.a) da mesma lei, será notificada mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás persoas interesadas será de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, as/os interesadas/os poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Base 16ª. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente resolución de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderanse interpor os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Secretaría Xeral para o Deporte, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se a resolución non for expresa, o solicitante e outros posibles interesados poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que a resolución debería ter sido ditada.

b) Recurso contencioso-administrativo, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Base 17ª. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión da subvención poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario. Cumpriranse, en todo caso, os seguintes requisitos:

1º. Que a actividade, conduta ou modificación do investimento estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

2º. Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

3º. Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supoñan a denegación da axuda ou subvención.

3. A entidade beneficiaria deberá solicitar a modificación mediante instancia dirixida ao titular da Secretaría Xeral para o Deporte, acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos sinalados no punto anterior, cun límite de 40 días hábiles antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento subvencionado, sen prexuízo do disposto no artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo órgano concedente despois da instrución do correspondente expediente, en que se dará audiencia ás entidades interesadas na forma prevista no artigo 18 destas bases.

Base 18ª. Renuncia

A renuncia á subvención, debidamente motivada, poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A persoa titular da Secretaría Xeral para o Deporte ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da mesma lei.

Base 19ª. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas do beneficiario:

1º. Cumprir o obxectivo que fundamenta a concesión da subvención.

2º. Xustificar, ante o órgano concedente, o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a adquisición do equipamento deportivo e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

3º. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente, ou a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

4º. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, especificando aquelas axudas de minimis obtidas, para os efectos de poder comprobar o cumprimento do límite cuantitativo a que fan referencia estas bases. Así mesmo, comunicar a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención.

5º. Acreditar, con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión, que está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega, nos termos previstos no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6º. Manter os investimentos subvencionados coa axuda outorgada e a aplicación dos fondos recibidos, durante un período de dous anos desde a súa concesión.

7º. Reintegrar os fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

8º. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

9º. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a que se atopen vinculadas, logo de requerimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

10º. Outorgar premios, trofeos ou outros recoñecementos nas mesmas condicións, categorías e contías aos practicantes de ambos os sexos nas competicións e eventos que organicen nos dous anos seguintes a data de concesión da axuda.

Base 20ª. Obrigas específicas de publicidade

As persoas beneficiarias deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. En concreto, as persoas beneficiarias das axudas deberán facer constar o cofinanciamento dos equipamentos adquiridos ao abeiro desta axuda con fondos da Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral para o Deporte. Para isto empregarán adhesivos ou distintivos similares coa lenda «Proxecto cofinanciado», acompañada do escudo normalizado da Xunta de Galicia.

Base 21ª. Xustificación da subvención

1. O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación dunha solicitude de pagamento, segundo o anexo VI, polas entidades beneficiarias, nos lugares sinalados no artigo 3 da convocatoria.

Nesa solicitude a persoa beneficiaria fará constar:

O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, e o compromiso de comunicar de contado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

De haber outros ingresos ou subvencións que financien a actividade subvencionada, deberá incluírse unha relación detallada de tales ingresos ou subvencións, con indicación do importe e da súa procedencia.

2. Xunto coa solicitude de pagamento, a persoa beneficiaria deberá achegar a documentación seguinte:

a) Certificación responsable asinada polo/a secretario/a da entidade deportiva beneficiaria segundo o anexo VII desta resolución, en que conste:

1º. A aprobación polo órgano competente da xustificación da subvención, na cal se faga constar de forma detallada:

a. O cumprimento da finalidade da subvención.

b. Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada, coa seguinte relación: identificación do/da acredor/a, número de factura ou documento equivalente, importe, data de emisión e data de pagamento.

2º. Que, segundo informe do tesoureiro da entidade deportiva beneficiaria, se anotou na contabilidade do gasto correspondente á adquisición do equipamento subvencionado.

3º. Que, segundo informe do/da secretario/a da entidade deportiva beneficiaria, a adquisición de equipamentos se realizou seguindo o seguinte procedemento:

– Solicitude de tres ofertas, de conformidade co establecido no artigo 48.2.f) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

– Que a elección entre as ofertas recaeu na proposta económica máis vantaxosa.

– Que as solicitudes das ofertas, a elección e o pagamento do equipamento se realizaron con posterioridade á publicación da convocatoria da subvención e este foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación.

b) Relación clasificada de gastos (anexo VIII) e facturas xustificativas dos investimentos realizados, coa xustificación dos pagamentos, que deberá acreditar que se fixeron cos requisitos exixidos no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de subvencións de Galicia.

Os investimentos xustificaranse con facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa, en orixinal ou copias auténticas electrónicas.

Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia auténtica electrónica dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.

Non obstante, no presente procedemento admitiranse os documentos en papel ou copias debidamente compulsadas debido a circunstancias funcionais e/ou tecnolóxicas derivadas da implantación progresiva por parte da Administración xeral da Comunidade Autónoma en relación coa organización da emisión das copias auténticas electrónicas.

A xustificación dos pagamentos acreditarase a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento comprendido entre a data de publicación da convocatoria e a data límite da xustificación do proxecto. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, así como o número de factura obxecto do pagamento e a data deste. Non se admitirán os pagamentos en efectivo.

Así mesmo, non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

3. O prazo máximo de xustificación rematará o 30 de outubro de cada ano, agás que na convocatoria se determine outra data.

4. A presentación da solicitude de pagamento de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento e, neste caso, deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

5. A Secretaría Xeral para o Deporte poderá solicitar calquera documentación necesaria para a correcta verificación da subvención.

6. A falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, sen prexuízo do previsto nos artigos 45.2 e 45 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Base 22ª. Pagamento

1. Unha vez recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da Secretaría Xeral para o Deporte, antes de proceder ao seu pagamento, realizarán as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. O libramento da subvención aboarase nun único pagamento, mediante transferencia bancaria á entidade financeira ao número de conta designado polo beneficiario e na cal debe figurar como titular a entidade beneficiaria da axuda.

3. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución de concesión, sempre que estea garantida a consecución do obxecto.

Base 23ª. Incumprimento, reintegros e sancións

1. Nos supostos de falta de xustificación, de concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 33 da Lei de subvencións de Galicia ou de incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención, incluíndo a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

Procederá o reintegro parcial da axuda concedida cando, ao non cumprir a obriga de manter o investimento durante dous anos, se aproxime de maneira significativa a ela, entendendo como tal ter mantido o investimento durante, polo menos, dezaoito meses e que a persoa beneficiaria acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos seus compromisos. A contía que se reintegrará será proporcional ao tempo que reste para o cumprimento dos dous anos.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda deste dereito será o establecido no artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia.

3. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da dita Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Base 24ª. Control

1. A Secretaria Xeral para o Deporte poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Á parte do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Base 25ª. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000,00 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, e será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte.

Base 26ª. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Regulamento desta lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e modificado pola Lei 5/2000, do 28 de decembro; na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia vixente na anualidade; no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24 de decembro de 2013, L352/1) e no resto da normativa que resulte de aplicación.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da secretaria xeral para o Deporte para ditar as resolucións e instrucións que sexan precisas para o desenvolvemento e a execución desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Anexos

O anexo II de equipamentos subvencionables poderá modificarse na resolución que anualmente se publique para a convocatoria de axudas.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

ANEXO II

Relación de equipamentos

A) Equipamentos deportivos subvencionables para clubs e federacións.

1. Material de transporte de material deportivo: carros, remolques ou outros elementos para o transporte de elementos de competición e de adestramento específico.

2. Material de ximnasio: halteres, barras, discos, pesas, andeis de barras, ergómetros, colchonetas.

3. Material de adestramento e competición:

a) Moqueta de ximnasia, tapices e tatamis homologadas pola federación internacional.

b) Zorras e cintas de arrastre, discos de caucho, colchóns, bandas elásticas de rolo, balóns medicinais, balóns fitball, escaleiras de velocidade e cinto lastrado.

c) Postes de soporte e redes de bádminton, pádel, tenis, voleibol.

d) Taboleiros de xadrez.

e) Remos e remoergómetro.

f) Parapetos para tiro con arco e dianas ou albos para tiro (exceptúanse os pratos).

g) Rolos de quecemento.

h) Material de orientación.

i) Balizas, boias de flotación, liña de separación de flotadores, aros salvavidas.

j) Embarcacións de competición.

k) Cordas e arneses.

l) Xavelinas, pértegas, discos, pesos e martelos.

4. Material sanitario: caixa de primeiros auxilios, desfibrilador.

Para federacións.

Ademais do material anterior, as federacións poderán solicitar os seguintes equipamentos deportivos:

a) En deportes de contacto: petos electrónicos, cascos electrónicos, receptor Wi-Fi e cargadores. Taboleiros visualizadores electrónicos de puntuacións, cos maletíns, baterías e carga batería recargables.

b) Marcadores portátiles.

c) Xogos de chave e bolos.

d) Cadeiras para xuíces/árbitros.

B) Terán a consideración de equipamentos específicos:

Os recollidos no punto A.1,3.a), c), d), e), f), h), j) e l).

Os recollidos no punto A.2 para modalidade de halterofilia.

Os recollidos no punto A.3.k) para as modalidades de montañismo e espeleoloxía.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file