Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Xoves, 12 de xullo de 2018 Páx. 33145

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

ORDE do 11 de xullo de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de axudas destinadas a persoas en situación de orfandade como consecuencia da explosión de material pirotécnico producida en Tui o 23 de maio de 2018.

O pasado 23 de maio de 2018 produciuse a explosión de material pirotécnico na parroquia de Paramos en Tui. A magnitude da deflagración causou danos persoais, así como cuantiosos danos materiais. Para facerlles fronte, publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 104, do 1 de xuño, o Decreto 55/2018, do 31 de maio, de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados pola explosión de material pirotécnico producida en Tui o 23 de maio de 2018.

No artigo 6 do citado decreto indícase que se lles concederán, coa finalidade de atender as súas necesidades, axudas as persoas que se encontren en situación de orfandade como consecuencia dos falecementos que teñan a súa causa na dita explosión.

As axudas outorgaranse de forma directa por mor do interese público, social, humanitario derivado das excepcionais circunstancias que concorren neste caso, e concederanse nos termos e nas condicións establecidos nestas bases reguladoras.

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e a convocatoria da concesión das axudas destinadas a atender as necesidades das persoas que se encontren en situación de orfandade como consecuencia dos falecementos que se produciron a consecuencia da explosión de material pirotécnico en Tui o 23 de maio de 2018. Estas axudas teñen carácter indemnizatorio co fin de asegurar que estas persoas que se atopan en situación de orfandade poidan desenvolver a súa vida en condicións similares ás que tiñan con anterioridade á dita explosión.

Esta orde axústase ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 3 do Decreto 30/2017, de 30 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda e o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

ACORDO:

Bases reguladoras

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar as axudas destinadas a atender as necesidades das persoas que se encontren en situación de orfandade como consecuencia dos falecementos que teñan a súa causa na explosión de material pirotécnico producida en Tui o 23 de maio de 2018. Código de procedemento administrativo FA101A.

Artigo 2. Procedemento de concesión

Estas axudas outorgaranse mediante o réxime de concesión directa de acordo co establecido no artigo 19.4.c) da lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no artigo 3 do Decreto 55/2018, do 31 de maio, de medidas urxentes para a reparación de danos causados pola explosión de material pirotécnico producida en Tui o 23 de maio de 2018.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

Serán beneficiarias directas destas axudas as persoas en situación de orfandade como consecuencia da explosión de material pirotécnico producida en Tui o 23 de maio de 2018.

Artigo 4. Forma, lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

A solicitude deberá estar asinada polo beneficiarios e, nos casos en que sexa menor de idade, polo seu representante legal.

2. O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 5. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento e comprobación de datos e notificacións

Deberase achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Acreditación da representación do solicitante, se fose o caso.

b) Libro de familia ou documento que acredite a relación de parentesco dos solicitantes cos falecidos.

c) Certificado de defunción dos pais da persoa beneficiaria.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa beneficiaria.

b) DNI/NIE da persoa representante, se fose o caso.

2. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

3. Dada a natureza destas axudas e consonte o establecido no artigo 3.3 do Decreto 55/2018, do 31 de maio, exceptúanse as persoas beneficiarias das axudas da acreditación do cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 7. Tramitación e resolución das axudas

1. A Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio ou persoa que teña atribuída a competencia instruirá os expedientes realizando de oficio, de ser o caso, cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales elaborará a proposta de aprobación.

2. Se a solicitude de axuda non reúne os requisitos previstos, ou non se presenta cos documentos preceptivos, requirirase á persoa interesada para que, no prazo de dez días, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fai, considerarase que desiste da súa petición, logo da correspondente resolución, de conformidade co disposto nos artigos 68.1 e 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. A persoa titular desta consellería ou en quen delegue, vista a proposta, ditará a correspondente resolución de concesión da subvención e o seu importe previsto, segundo os criterios establecidos nesta orde. O prazo para resolver e notificar rematará o 15 de setembro de 2018. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase e notificase a correspondente resolución, a persoa solicitante poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo de acordo co disposto no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 8. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de efectuar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel).

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Réxime de recursos

1. A convocatoria desta axuda, as súas bases e todos cantos actos administrativos deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. As resolucións expresas ou presuntas ditadas en aplicación desta orde esgotan a vía administrativa; e contra elas poderase interpor potestativamente recurso de reposición, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, se é expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos; ou ben poderán ser impugnadas directamente ante o órgano xurisdicional contencioso administrativo competente nos prazos legalmente establecidos.

Artigo 10. Incompatibilidade

Sen prexuízo do establecido no artigo 2 do Decreto 55/2018, do 31 de maio, as axudas previstas neste capítulo serán compatibles coas indemnizacións de calquera seguro así coma coas subvencións de calquera outra Administración pública para as mesmas finalidades.

Artigo 11. Contía da axuda

A contía máxima das axudas para cada beneficiario será de trinta mil euros (30.000,00 €).

Artigo 12. Transparencia bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, a Consellería de Facenda publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 á que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 13. Financiamento e pagamento

1. As axudas económicas reguladas neste artigo faranse efectivas con cargo á aplicación 23.01.621A.480.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018, por un importe total máximo de sesenta mil euros (60.000,00 €).

2. O pagamento das axudas reguladas nesta orde efectuarase unicamente na conta bancaria que as persoas solicitantes fagan constar no anexo I. Esta conta ten que permanecer activa mentres non se teña constancia da finalización do expediente. A Consellería de Facenda non se fará responsable da imposibilidade de efectuar o ingreso por causas alleas á propia tramitación do expediente.

Disposición adicional. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia –Secretaría Xeral Técnica do Patrimonio da Consellería de Facenda– coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

A fin de darlle a publicidade esixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme ao descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercitar outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira primeira. Execución

Facúltase á persoa titular da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio para que dite os actos necesarios para a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2018

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda

missing image file
missing image file