Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Venres, 13 de xullo de 2018 Páx. 33385

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 4 de xullo de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a mellora, creación, recoñecemento e estruturación de agrupacións estratéxicas do Sistema universitario de Galicia e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2018.

Os diferentes plans de investigación da Xunta de Galicia, así como os seus instrumentos financeiros, veñen recoñecendo a importancia dunha investigación de fronteira, que xorde como consecuencia da agregación e integración das capacidades de diferentes grupos de investigación e do fomento da investigación cooperativa entre eles en ámbitos e estruturas organizativas ben definidas capaces de asumir novos retos e aumentar a súa capacidade competitiva.

Neste contexto, cómpre continuar a facilitar estímulos e medidas de apoio para que os grupos de investigación poidan aumentar as súas oportunidades de desenvolvemento e consolidación mediante a integración en estruturas organizativas de ámbito supragrupal, tales como redes, consorcios, institutos, agrupacións estratéxicas ou centros de investigación. A participación dos grupos neste tipo de entidades pretende favorecer: a cooperación e interrelación entre grupos para a creación de coñecemento de fronteira, a competitividade no acceso a fontes de financiamento, a mellora da calidade e do impacto da produción científica, a eficacia e a eficiencia no emprego dos recursos públicos, a optimización organizativa e o aumento da visibilidade da actividade desenvolvida dun xeito que dificilmente podería lograr o grupo de forma individual. Estas estruturas teñen por obxecto favorecer tanto a integración de capacidades dispersas como a competitividade máis alá do ámbito local e a satisfacción das demandas do ámbito produtivo.

Dentro da pluralidade de formas organizativas supragrupais, as agrupacións estratéxicas gozan dunha traxectoria continuada como liña de financiamento no contexto do I+D autonómico. Así, axudas destas características foron convocadas nas anualidades de 2008, 2009, 2012 e 2015 permitindo que varias agrupacións estratéxicas iniciasen un traballo cooperativo que, en moitos casos, rematou creando estruturas estables que superaron os límites da convocatoria propiamente ditos. Así, sete das agrupacións que recibiron financiamento como tales entre os anos 2008 e 2016 acadaron a condición de Centro Singular de Investigación de Galicia ou ben de Agrupación Estratéxica Consolidada nunha convocatoria realizada para tal efecto no ano 2016.

Á vista dos resultados positivos do programa considérase oportuno, polo tanto, realizar unha nova convocatoria de agrupacións estratéxicas dentro do conxunto de instrumentos dirixidos a fomentar a creación dunha contorna adecuada e atractiva para o desenvolvemento da actividade científica no Sistema universitario de Galicia (SUG). Con esta medida preténdese dotar o sistema da capacidade de liderado, estabilidade e dimensión necesaria en liñas ou áreas de investigación a longo prazo centradas en áreas prioritarias para Galicia e potenciar a integración e sinerxias dos proxectos científicos que se desenvolvan.

Por vez primeira, neste tipo de convocatoria convócanse dúas modalidades. Cunha delas preténdese apoiar a aquelas agrupacións que iniciaron o seu camiño no ano 2015 e que precisan dun maior grao de maduración para a consecución dos seus obxectivos. A outra modalidade pretende explorar as posibilidades de agregación de capacidades de investigación en novos ámbitos de interese para Galicia.

Complementariamente esta convocatoria quere contribuír a reducir o desequilibrio entre mulleres e homes dedicados á investigación no SUG, en cumprimento do compromiso de eliminación de discriminacións entre mulleres e homes que recolle o artigo 1 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade. Por iso, as axudas que se regulan nesta convocatoria terán en consideración a presentación e implementación dun Plan de xestión da diversidade de xénero na súa composición.

Atendendo a estas consideracións xerais e en virtude das súas competencias, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria procede a establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a mellora, creación, recoñecemento e estruturación de agrupacións estratéxicas do SUG e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2018.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde establece as condicións, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, para o acceso ás axudas para o desenvolvemento de agrupacións estratéxicas dentro do SUG, entendidas como estruturas organizativas de investigación máis eficientes mediante a integración estable dos recursos, capacidades e obxectivos dos actuais grupos de investigación. Estas agrupacións, definidas como tales polas universidades propoñentes, cun nivel de agregación superior ao grupo de investigación, terán por obxecto desenvolver unha actividade de investigación colaborativa estable e planificada con obxectivos propios.

Para tal fin establécense dúas modalidades:

Modalidade A: mellora das agrupacións estratéxicas de investigación recoñecidas e que xa foron obxecto das axudas concedidas ao abeiro da Orde do 26 de xuño de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a creación, recoñecemento e estruturación de agrupacións estratéxicas do Sistema universitario de Galicia.

A axuda destinarase a apoiar un programa de accións relacionadas coa axenda científica da agrupación, o fortalecemento da súa estrutura interna e o fomento da súa proxección cara ao exterior, a integración e o fortalecemento de sinerxias para unha mellor consecución dos seus fins.

Modalidade B: creación de novas agrupacións estratéxicas de investigación:

A necesidade da creación dunha nova agrupación quedará xustificada cando a súa actuación achegue unha contribución significativa aos seguintes obxectivos:

a) Carácter estratéxico e/ou singular da agrupación no contexto galego tomando en consideración o valor engadido que supón a súa creación e a contribución aos obxectivos fixados singularmente no marco da Estratexia de especialización intelixente para Galicia (RIS3) e noutras prioridades que poidan ser estratéxicas no contexto da comunidade autónoma. Nesta convocatoria a singularidade configura un parámetro básico de importancia no baremo das propostas, ao obxecto de evitar duplicidades e solapamentos que mingüen as capacidades do sistema.

b) Combinación e integración efectiva das capacidades e dos recursos dos grupos de investigación coa finalidade de acadar mellores resultados científicos e tecnolóxicos.

c) Realización de investigación estratéxica, colaborativa e interdisciplinar de calidade no contexto da comunidade autónoma e mellora da súa proxección no ámbito internacional.

d) Establecemento de estratexias comúns de xestión e transferencia de resultados de investigación.

e) Aproveitamento conxunto de infraestruturas, equipamento e espazos dispoñibles ou de nova creación do SUG.

f) Incorporación de novo persoal investigador en áreas que pola súa actividade científica e tecnolóxica, pola súa competencia na captación de recursos e polo seu valor estratéxico institucional así o requiran.

g) Incorporación racional e sustentable de persoal de apoio para o desenvolvemento de tarefas de xestión, comerciais, informáticas, de laboratorio ou outras similares que sexan necesarias para a realización máis eficiente da actividade investigadora.

h) Maior presenza de investigadores/as do SUG en programas de investigación e intercambio internacionais.

A axuda destinarase á elaboración dun plan estratéxico para o período 2018-2022, que incluirá os obxectivos que pretende acadar a agrupación a curto prazo (2020) e a medio prazo (2022), e ao desenvolvemento dun programa de actuacións para a posta en marcha e funcionamento ordinario da agrupación para o período 2018-2020.

Para ambas as dúas modalidades o código de procedemento é ED431E.

Artigo 2. Beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das axudas desta orde as universidades do SUG e destinaranas ás súas agrupacións estratéxicas, recoñecidas como tales polas propias universidades, que cumpran conxuntamente na data de peche da convocatoria os seguintes requisitos:

Modalidade A:

1. Que a agrupación xa fose obxecto de axuda na convocatoria do ano 2015 e que estea incluída no convenio do ano 2017 de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo para o financiamento de agrupacións estratéxicas de investigación.

2. Que a composición da agrupación respecte o ámbito temático, a pluralidade de liñas de actuación, a capacidade, a calidade e a coherencia coas que foron avaliadas ao remate da axuda do ano 2015.

3. A agrupación poderá aumentar ou minorar a masa crítica preexistente sempre que existan razóns científicas ou estratéxicas que así o aconsellen. Calquera destas opcións deberá estar debidamente xustificada na documentación que se presente. No caso de minoración da masa crítica deberá contarse ademais cun informe favorable dun órgano asesor externo e a produción científica xerada durante o período de actividade polo persoal investigador que abandona a agrupación non se terá en conta neste proceso de concorrencia competitiva.

Modalidade B:

1. Que a agrupación que se pretende crear inclúa, cando menos, 5 grupos de investigación do SUG.

O grupo deberá figurar inscrito nos rexistros da universidade na data de publicación desta convocatoria. A totalidade das persoas que compoñen o grupo integrarase na agrupación non admitíndose excepcións individuais.

Poderán integrarse na agrupación grupos e persoal investigador individual que non pertenza ás universidades do SUG.

A inclusión na agrupación de grupos ou capacidades doutras universidades do SUG distintas á da universidade propoñente, así como doutros organismos públicos de investigación da Comunidade Autónoma de Galicia será valorada positivamente.

Cada grupo ou investigador/a só poderá formar parte dunha solicitude.

As agrupacións que se propoñan non poderán integrar grupos de investigación ou investigadores/as individuais que formen parte dun centro de investigación singular ou dunha agrupación estratéxica consolidada financiadas con cargo á convocatoria de axudas da Xunta de Galicia para estas unidades de investigación supragrupais no ano 2016. Tampouco poderán integrarse grupos ou persoas que estean incluídos en centros que teñan o recoñecemento Severo Ochoa ou María de Maeztu.

2. Que presente un programa de actuación da agrupación, baseado nunha visión e misión claramente definidas, que manifesten credibilidade e viabilidade suficientes. Este programa será conformado ou reformulado durante o exercicio de planificación estratéxica e incluirá o contido que se detalla no artigo 6 desta orde.

Artigo 3. Contía e duración

As axudas serán de aplicación por un período de 3 anualidades de acordo coa seguinte desagregación:

Modalidade A: entre unha contía máxima de 600.000 € e unha mínima de 400.000 €.

Modalidade B: entre unha contía máxima de 500.000 € e unha mínima de 400.000 €.

En ambas as modalidades o importe global das axudas distribuirase asignando un 25 % do importe na primeira anualidade, un 40 % na segunda e un 35 % na última para cada unha das agrupacións que se concedan con cargo a estas axudas.

As agrupacións serán sometidas aos procesos de avaliación do rendemento que se describen no artigo 17. De non superar estas avaliacións, aplicarase o establecido no artigo 16 desta orde. Aquelas agrupacións que non obteñan unha cualificación final favorable non poderán presentar solicitude de axudas nos programas de fomento da actividade supragrupal (centros ou agrupacións) da Xunta de Galicia durante un período de dous anos a partir da data da avaliación.

Artigo 4. Conceptos subvencionables

Os importes das axudas irán destinados a financiar os seguintes conceptos, sempre que se relacionen coa actividade da agrupación:

1. Custo de contratación de persoal investigador ou auxiliar. Inclúese o custo de persoal dedicado de xeito específico ás funcións de xestión da agrupación.

2. Pequeno equipamento inventariable e material funxible.

3. Formación das persoas integrantes da agrupación relacionada coa actividade obxecto da axuda mediante estadías curtas cunha duración mínima de quince días e máxima de tres meses. Non se considerará neste punto o persoal colaborador externo dos grupos que integran a agrupación.

4. Viaxes e axudas de custo de membros da agrupación para a actividade obxecto da axuda, sempre que a contía non exceda o 20 % da axuda debidamente xustificada anualmente. Non se considerará neste punto o persoal colaborador externo dos grupos que integran a agrupación.

5. Investigadores/as visitantes.

6. Organización de actividades de difusión, así como presenza en medios de comunicación.

7. Ferramentas de xestión do coñecemento e a información, tales como aplicacións informáticas, bases de datos, etc.

8. Consultoría e asesoramento externo para deseñar e aplicar á estrutura de desenvolvemento e ao plan estratéxico da agrupación ou outros mecanismos de planificación.

9. Publicación dos resultados da investigación en aberto (sempre e cando sexan como consecuencia da actividade colaborativa e de integración da agrupación). Non son de aplicación nesta epígrafe os gastos de autoedición ou similares.

10. Gastos derivados da elaboración dun informe de auditoría por cada agrupación que obteña financiamento.

11. Custos indirectos ou gastos xerais que regulamentariamente exixe a universidade á agrupación solicitante, que non superarán o 20 % da axuda debidamente xustificada anualmente. Desa porcentaxe, 5 puntos destinaranse a financiar as subscricións de cada universidade ás publicacións electrónicas.

A Secretaría Xeral de Universidades poderá ditar instrucións específicas co fin de aclarar os conceptos subvencionables, así como a súa xustificación económica.

Admitiranse gastos e pagamentos realizados a partir da data da resolución de concesión.

Para a xestión destas axudas as entidades beneficiarias deberán someterse á disciplina de contratación pública nos termos previstos na lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

Artigo 5. Formalización e presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado ED431E (anexo IV), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Artigo 6. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Presentación da agrupación, incluíndo:

– Nome e acrónimo.

– Certificación da universidade propoñente dos grupos que a integran e a súa dependencia institucional (desagregando nominalmente e segundo a súa categoría profesional a totalidade de persoal que os compoñen) e/ou investigadores/as individuais que se adscriban.

– Nomeamento dunha persoa que liderará a agrupación e que actuará como coordinadora da actividade e contacto coa Administración durante a vixencia da axuda.

– Resumo dos obxectivos da agrupación e da xustificación da súa existencia.

b) Para as que optan pola modalidade A, deberán presentar unha memoria descritiva da traxectoria da agrupación no período 2015-2017, que sinale os resultados de investigación máis salientables, así como os fitos significativos ocorridos no avance da integración estratéxica e un programa de actuación do período 2018-2020 que incluirá:

1º. Resultados e traxectoria da agrupación no período de estruturación 2015-2017.

1º.1. Gobernanza, organización, xestión e monitorización:

– Coordinador: capacidade de liderado institucional e científico.

– Goberno: descrición do modelo de gobernanza.

– Organización: organigrama e descrición da estrutura organizativa (estrutura directiva, científica e de xestión).

– Monitorización: descrición dos mecanismos de monitorización e seguimento.

Deberase proporcionar unha descrición indicando se se realizaron cambios con respecto ao proposto no plan estratéxico, así como os pasos dados para a implementación efectiva dos mecanismos de goberno, estrutura organizativa e monitorización no período 2015-2017.

1º.2. Integración da agrupación a nivel científico:

– Descrición das actuacións realizadas para avanzar na integración da agrupación a nivel científico segundo o modelo definido no plan estratéxico.

1º.3. Implementación do plan estratéxico:

– Informe do grao de implementación do plan estratéxico.

– Efectos da aplicación do plan estratéxico sobre o funcionamento da agrupación, indicando as modificacións desta como resultado de aplicar as directrices do plan (ou das súas actualizacións).

2º. Programa de actuación 2018-2020.

2º.1. Recursos:

– Composición da agrupación, incluíndo a xustificación das modificacións da masa crítica con respecto ao período anterior.

– Medios materiais con que se conta e se pretende acadar.

2º.2. Axenda científica:

– Descrición da axenda de investigación (obxectivos científicos, liñas de traballo, principais proxectos e vinculación cos grupos de investigación).

– Modelo de organización científica.

2º.3. Programa de actuación.

– Obxectivos para dinamizar a agrupación no período 2018-2020, de acordo co plan estratéxico.

– Plan de actividades no período 2018-2020.

– Plan de xestión da diversidade de xénero.

– Cronograma para o período 2018-2020.

– Memoria económica desagregada para as anualidades 2018 a 2020.

– Previsión económica para o período 2018-2022, indicando os recursos externos que se espera captar e as previsibles fontes de financiamento, así como a identificación das convocatorias nacionais e internacionais de financiamento competitivas a que se espera concorrer.

c) Para as que optan pola modalidade B, deberán presentar unha memoria descritiva da estratexia de investigación e estruturación que vai seguir a agrupación que incluirá:

1º. Composición da agrupación e traxectoria científica.

1º.1. Composición e dotación de recursos humanos e técnicos da agrupación:

– Coordinador: capacidade de liderado institucional e científico.

– Grupos que a integran e a súa dependencia institucional indicando se son na actualidade grupos de referencia competitiva ou con potencial de crecemento do Programa para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas e outras accións de fomento nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema galego de I+D+i.

– Persoal de investigación, técnico e de xestión que compoñen os grupos, indicando o seu xénero e categoría profesional e se están financiados por programas autonómicos, nacionais ou internacionais.

– Outros integrantes da agrupación: grupos de investigación ou persoal investigador de fóra do SUG, colaboradores externos, empresas...

– Plan de xestión da diversidade de xénero.

– Infraestrutura e instalacións con que conta.

1º.2. Traxectoria investigadora, formación e transferencia (resultados obtidos no período 2015-2017):

– Produción científica: resumo de indicadores de produción científica (número de publicacións en Wos/Scopus, citas recibidas, publicacións en revistas Q1 y Q2), libros e capítulos de libros, outras publicacións destacadas. Contribucións en conferencias científicas internacionais e organización de eventos científicos.

– Formación: participación en programas de doutoramento e máster, número de teses lidas, indicando data, título, nome do/da doutor/a e nome do/a director/a.

– Carteira de proxectos activos indicando a fonte de financiamento (proxectos propios, colaborativos, contratos e convenios de valorización, participación en redes), programas de formación e desenvolvemento do talento, colaboracións destacadas...

– Transferencia e valoración: contratos de I+D, prestación de servizos tecnolóxicos, patentes, ingresos por licenza, creación de spin-off...

– Premios, recoñecementos ou cargos en organismos científicos, participación en consellos editoriais de revistas científicas indexadas en WoS ou Scopus...

2º. Formulación estratéxica.

2º.1. Definición, formulación estratéxica, visión, misión e modelo organizativo:

– Presentación: datos identificativos, definición incluíndo os principais ámbitos de investigación, carácter singular e aspectos destacados.

– Formulación estratéxica preliminar: contexto externo, debilidades e fortalezas da agrupación, obxectivos e eixos estratéxicos.

– Misión e visión da agrupación, entendidas como breves descricións conceptuais en que a agrupación define o que debe facer no momento actual para a atender a finalidade con que se crea e o que quere ser nun futuro próximo.

– Gobernanza e modelo organizativo: descrición dos mecanismos de gobernanza, modelo de organización científica e de xestión.

– Monitorización e avaliación estratéxica describindo os mecanismos e medidas de control para o seguimento e avaliación da estratexia e do funcionamento da agrupación.

2º.2. Axenda científica:

– Descrición da axenda coa visión do seu desenvolvemento a medio e longo prazo, indicando obxectivos científicos, liñas de traballo, proxectos...

– Modelo de organización científica.

2º.3. Programa de actuación e memoria económica:

– Plan de actividades no período 2018-2020.

– Cronograma para o período 2018-2020.

– Memoria económica desagregada para as anualidades 2018-2020.

– Previsión económica para o período 2018-2022, indicando os recursos externos que se espera captar e as previsibles fontes de financiamento, así como a identificación das convocatorias nacionais e internacionais de financiamento competitivas a que se espera concorrer.

d) Declaración das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin de todas as administracións públicas ou polos seus organismos ou sociedades (que se inclúe no anexo IV).

Toda a documentación indicada irá asinada pola autoridade que representa legalmente a universidade correspondente. A memoria descritiva irá asinada pola persoa encargada da coordinación científica da agrupación. Toda esta documentación que acompaña a solicitude deberá cubrirse segundo os modelos dispoñibles na internet no enderezo http://www.edu.xunta.gal.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supera os tamaños máximos establecidos ou ten un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa representante.

b) Certificado acreditativo de estar ao día das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

c) Certificado acreditativo de estar ao día de pagamento coa Seguridade Social.

d) Certificado acreditativo de estar ao día de pagamento coa Consellería de Facenda.

2. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as entidades solicitantes deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Instrución do procedemento

A instrución do procedemento de concesión destas axudas correspóndelle á Secretaría Xeral de Universidades, que comprobará que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde e exporá a lista de solicitudes admitidas e excluídas sinalando, se é o caso, as causas de exclusión, na internet no enderezo http://www.edu.xunta.gal (na epígrafe da Secretaría Xeral de Universidades).

Estas listas estarán expostas por un período de 10 días naturais e durante este prazo as universidades solicitantes poderán formular reclamacións para emendar erros e falta de documentos das persoas interesadas ante a Secretaría Xeral de Universidades, achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas da exclusión, considerarase que a universidade solicitante desiste da súa petición nos termos establecidos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sen prexuízo do disposto no punto anterior, poderá requirirse a universidade solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución dos procedementos.

Unha vez transcorrido o prazo para as emendas ou alegacións, a persoa titular da Secretaría Xeral de Universidades ditará unha resolución pola que se aproban as listas definitivas das solicitudes admitidas e excluídas, que se publicará na internet no enderezo http://www.edu.xunta.gal. Contra esta resolución as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Non axustarse aos termos da convocatoria, o incumprimento dos requisitos nela establecidos, a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada será causa de desestimación da solicitude presentada con independencia de que poidan acordarse outro tipo de actuacións.

A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Artigo 10. Avaliación e selección

1. A selección das agrupacións estratéxicas destinatarias das axudas realizarase a partir da suma das valoracións feitas por un panel de avaliadores/as e pola comisión de selección. O panel poderá asignar ata un máximo de 100 puntos a cada solicitude e a comisión de selección poderá asignar ata un máximo de 10 puntos a cada solicitude.

2. Para a composición do panel de avaliadores/as, que estará formado por expertos/as de fóra do SUG, poderase contar coa colaboración da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), e cubrirán, non só as principais áreas científicas de coñecemento e actividade das agrupacións estratéxicas que se avalíen, senón tamén aspectos estratéxicos, organizativos e funcionais.

3. A comisión de selección estará constituída por sete membros:

a) A persoa titular da Subdirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria da Secretaría Xeral de Universidades ou persoa en que delegue, que actuará como presidente/a da comisión.

b) Serán vogais da comisión:

1º. A persoa titular da Subdirección Xeral de Universidades da Secretaría Xeral de Universidades, ou persoa en que delegue.

2º. Un/unha xefe/a de servizo da Secretaría Xeral de Universidades.

3º. Tres persoas de recoñecido prestixio nas principais ramas de coñecemento das solicitudes presentadas a esta convocatoria, e/ou en ámbitos de estruturas de xestión da investigación, nomeadas polo/a presidente/a da comisión de selección.

4º. Un/unha xefe/a de servizo da Secretaría Xeral de Universidades, que actuará como secretario/a da comisión.

4. Os criterios de avaliación das solicitudes presentadas aparecen recollidos segundo a súa modalidade nos anexos I e II desta orde. Para garantir que as propostas financiadas teñan un nivel de calidade suficiente, só poderán recibir as axudas establecidas nesta convocatoria aquelas solicitudes que obteñan unha puntuación total igual ou superior a 60 puntos outorgados polo panel de avaliadores e igual ou superior a 6 pola comisión de selección.

5. A comisión de selección, sen prexuizo do disposto no artigo 19 desta convocatoria elaborará para o órgano instrutor un informe que inclúa o informe de avaliación do panel de avaliadores/as externos, as puntuacións outorgadas pola comisión de selección e unha prelación das solicitudes en función da dispoñibilidade de recursos e os obxectivos de ordenación, consolidación e articulación que suscita esta actuación ordenadas por orde de puntuación.

6. En función deste informe, o órgano instrutor elaborará a proposta de resolución, que incluirá para cada universidade beneficiaria, a relación de cada agrupación seleccionada co importe da axuda concedida.

Artigo 11. Resolución de concesión de axudas

1. A competencia para resolver estas axudas correspóndelle á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O órgano instrutor, elevará a proposta de resolución, que incluirá, para cada universidade beneficiaria, a relación de agrupacións seleccionadas co importe da axuda concedida.

2. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (http://edu.xunta.gal), pola cal se entenderán notificados para todos os efectos as persoas solicitantes, de conformidade co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Unha vez concedida a subvención, esta deberá ser aceptada pola universidade beneficiaria no prazo de 10 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, coas condicións específicas que recolle esta orde e as que, se for o caso, se inclúan na resolución e debe incluír xunto coa aceptación da axuda unha estimación orzamentaria en que se detallen e axusten as diferentes partidas de gasto para unha adecuada execución. No caso contrario, entenderase que o/a beneficiario/a renuncia á subvención e procederase conforme o que determina o artigo 42.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Todas as solicitudes serán resoltas no prazo máximo de 5 meses, contados desde a publicación da orde de convocatoria. A non resolución en prazo faculta as persoas interesadas para entender desestimadas as súas solicitudes.

A resolución expresa ou presunta que poña fin á vía administrativa, poderá ser impugnada polas persoas interesadas mediante recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 12. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (htpps://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Libramento da subvención

1. A subvención será librada á universidade solicitante a que pertenza a agrupación estratéxica, conforme a resolución de concesión e de acordo coa normativa vixente.

2. Para poder proceder ao libramento dos fondos será preciso que a universidade beneficiaria expida, na data límite do 30 de novembro do exercicio correspondente á anualidade de que se trate, a seguinte documentación:

a) Certificación expresiva da realización do gasto e do pagamento da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a que foi concedida, de acordo co artigo 27 da Lei 12/2014, do 30 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

b) Memoria explicativa do logro dos obxectivos da agrupación. Esta memoria explicativa irá asinada polo/a coordinador/a da agrupación.

c) Certificación das variacións na composición da agrupación durante a anualidade que se xustifica.

d) Informe de auditor/a inscrito/a como exercente no Rexistro Oficial de Auditores/as de Contas, que deberá manifestarse sobre os conceptos, período de realización e pagamento dos gastos presentados nesa anualidade. O informe de auditoría axustarase ao disposto na Orde EHA/1434/2007, do 17 de maio, pola que se aproba a norma de actuación dos/das auditores/as de contas na realización dos traballos de revisión das contas xustificativas de subvencións.

3. No suposto de que a entidade solicitante denegase expresamente a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia deberá achegar a documentación acreditativa de atoparse ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e de que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da comunidade autónoma

4. Segundo o establecido no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado perante o órgano administrativo competente, este requirirá o/a beneficiario/a para que no prazo improrrogable de dez días a presente. A falta de presentación da xustificación comportará a perda do dereito ao cobramento parcial ou total da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

5. Para poder efectuar cada pagamento, o/a beneficiario/a presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para o mesmo fin, das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades.

Poderán realizarse pagamentos anticipados que supoñan entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención e ata un máximo do 50 % da subvención concedida para cada anualidade. A concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada, logo de solicitude debidamente xustificada da entidade beneficiaria, que deberá realizarse nos tres meses seguintes á concesión da axuda na primeira anualidade e nos tres primeiros meses do ano para as seguintes anualidades.

Poderán realizarse pagamentos parciais á conta da liquidación final que xunto cos pagamentos anticipados en ningún caso poderán superar o 100 % da axuda concedida.

Nos proxectos plurianuais enténdese que os investimentos e pagamentos que se efectúen desde a data límite de xustificación da anualidade corrente ata final de ano corresponden á anualidade seguinte e, polo tanto, poderán presentarse como xustificante para o cobramento desa anualidade. No caso dos custos de contratación de persoal investigador ou auxiliar, os pagamentos das nóminas e seguridade social dos meses de outubro e novembro de cada anualidade poderán presentarse como xustificantes para o cobramento da anualidade seguinte.

Artigo 14. Modificación da resolución de concesión de axudas

Poderase modificar a resolución de concesión da axuda, tal como se especifica no artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando se alteren as condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, pola obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais. Por iso, cando a universidade beneficiaria reciba outros fondos coas mesmas finalidades que os establecidos nesta convocatoria, deberá comunicarllo á Secretaría Xeral de Universidades.

2. Poderase acordar a modificación da resolución de concesión por instancia do/da beneficiario/a, sempre que este presente a solicitude de modificación con anterioridade á data de finalización do prazo de xustificación desa anualidade e se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación da actividade subvencionable estea comprendida dentro da finalidade e dos requisitos das bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da subvención.

d) Que non sexan tidos en conta requisitos ou circunstancias que debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución tivesen lugar con posterioridade a ela.

A solicitude de modificación debe formularse polo representante da entidade beneficiaria e deberá motivar os cambios que se propoñen e debe xustificar a imposibilidade de cumprir as condicións expostas na resolución de concesión.

En ningún caso se admitirán cambios con data anterior á entrada en rexistro da solicitude de modificación.

O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado logo da instrución do correspondente expediente en que se lle dará audiencia ao interesado. A autorización de modificación deberá realizarse de forma expresa e notificaráselle ao interesado.

Artigo 15. Réxime de compatibilidade

As axudas concedidas son incompatibles con outras axudas ou subvencións coas mesmas finalidades que as establecidas na convocatoria. Tamén serán incompatibles coas axudas que poida convocar a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria do programa de centros singulares de investigación ou de agrupacións estratéxicas consolidadas ou asimilables. Por iso, cando a entidade beneficiaria ou agrupación reciba este tipo de fondos deberá poñelo en coñecemento da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e implicará a perda do dereito a seguir a percibir a axuda e a obriga de reintegrar as contías percibidas.

Artigo 16. Incumprimento, renuncias, reintegros e sancións

O incumprimento das obrigas contidas nesta orde ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución da concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de mora correspondentes.

Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Aos/as beneficiarios/as e agrupacións estratéxicas destinatarias das subvencións reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No caso de que o/a beneficiario/a ou a agrupación estratéxica renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase consonte o establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Avaliación do rendemento

Na modalidade B, antes dun ano desde a data de resolución da concesión da axuda, as universidades beneficiarias presentarán o Plan estratéxico sinalado no artigo 1 e, antes do remate da segunda anualidade, realizarase unha avaliación parcial do cumprimento dos obxectivos da agrupación, así como da calidade e viabilidade do Plan estratéxico. Para este fin, a Secretaría Xeral de Universidades poderá emitir unha instrución para unha mellor definición deste procedemento se o estima oportuno. Será preciso obter unha avaliación positiva nesta fase para acceder á ultima anualidade da axuda.

Para ambas as dúas modalidades, realizarase unha avaliación final ao remate da terceira anualidade. Nestas avaliacións teranse en conta, entre outros criterios, os indicadores que figuran na memoria descritiva da solicitude. De non superar estas avaliacións, aplicarase o establecido no artigo 16 (incumprimentos, renuncias, reintegros e sancións) desta orde. Aquelas agrupacións que non obteñan unha cualificación final favorable non poderán presentar solicitude de axudas nos programas de fomento da actividade supragrupal (centros ou agrupacións) da Xunta de Galicia durante un período de dous anos a partir da data da avaliación.

Artigo 18. Control

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

Complementariamente, e con independencia do sinalado no artigo 17, poderá solicitar de todas as universidades beneficiarias das axudas desta convocatoria documentación de seguimento sobre a evolución e actividade das agrupacións estratéxicas destinatarias das axudas, ata o remate do ano 2023, coa finalidade de comprobar o impacto das axudas concedidas.

Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da comunidade autónoma, nos termos que establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas, do Consello de Contas e doutros organismos autonómicos, estatais e europeos con funcións de control.

Artigo 19. Dotación orzamentaria

As axudas imputaranse á aplicación orzamentaria 10.40.561B.744.0 correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia de cada ano, coa seguinte desagregación:

Agrupacións estratéxicas

2018

2019

2020

Total

Modalidade A

450.000,00 €

720.000,00 €

630.000,00 €

1.800.000,00 €

Modalidade B

500.000,00 €

800.000,00 €

700.000,00 €

2.000.000,00 €

Os importes indicados corresponderán a fondos propios da comunidade autónoma. Dado que o financiamento destas axudas procede do Plan galego de financiamento universitario para o período 2016-2020.

Os créditos poderán redistribuírse entre as diferentes anualidades cando o volume de solicitudes presentadas e avaliadas favorablemente así o requira.

Estas axudas dado que están dirixidas a organismos de investigación de natureza pública sen ánimo de lucro e destinadas exclusivamente ao financiamento de actividades de I+D+i de carácter non económico non teñen a consideración de axudas de Estado para os efectos do número 1 do artigo 107 do Tratado de funcionamento da Unión Europea e do Marco comunitario sobre axudas estatais de investigación, desenvolvemento e innovación (2014/C 198/01). En todo caso, as universidades beneficiarias quedan obrigadas a destinar a axuda recibida a usos relacionados con actividades non económicas e relativos a actuacións de I+D+i conforme o establecido no artigo 2 do dito marco.

Artigo 20. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no dito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercitar outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira primeira. Remisión normativa

A presente orde sométese ao réxime de axudas públicas establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento que a desenvolve.

Disposición derradeira segunda. Recursos

Esta orde poderá ser recorrida mediante recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outrubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2018

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

Criterios de avaliación. Modalidade A

Criterios

Puntuación máxima

1º. Resultados e traxectoria da agrupación no período de estruturación 2015-2017. Ata un máximo de 60 puntos.

1º.1. Gobernanza, organización, xestión e monitorización.

20

– Coordinador/a da agrupación. Capacidade de liderado: institucional e científico.

Goberno: descrición do modelo de gobernanza (órganos, funcións e composición).

Organización: organigrama e descrición da estrutura organizativa:

– Dirección: descrición da estrutura directiva, perfil científico e profesional.

– Estrutura científica: modelo organización científica.

– Estrutura de xestión: descrición do esquema organizativo e funcional das áreas de xestión.

Monitorización: descrición dos mecanismos de monitorización e seguimento, con especial atención ao caso de comisións externas (composición, grao de implementación e executividade destas).

1º.2. Integración da agrupación a nivel científico:

– Actividade colaborativa.

– Melloras acadadas.

30

1º.3. Implementación do plan estratéxico:

– Relevancia do plan.

– Grao de implementación.

– Modificacións adaptativas.

10

2º. Programa de actuación 2018-2020. Ata un máximo de 40 puntos.

2º.1. Recursos:

-– Medios humanos (solvencia, coherencia, incremento da masa crítica, plan de xestión da diversidade de xénero).

– Medios materiais (con que se conta e os que se pretende acadar).

5

2º.2. Axenda científica:

– Descrición da axenda de investigación: obxectivos científicos, liñas de traballo, principais proxectos e vinculación cos grupos de investigación.

– Modelo de organización e estrutura científica en términos de coherencia coa axenda científica.

15

2º.3. Programa de actuación:

– Obxectivos para dinamizar a agrupación.

– Plan de actividades.

– Plan de xestión da diversidade de xénero.

– Cronograma.

– Memoria económica desagregada para as tres anualidades.

– Previsión para o período 2018-2022.

20

3º. Avaliación estratéxica da comisión de selección. Ata 10 puntos.

Harmonización da proposta coas prioridades derivadas da Estratexia RIS3 de Galicia, que figuran no anexo III desta orde.

2

Participación no equipo de grupos de investigación dos campus periféricos, isto é: Ferrol, Lugo, Pontevedra e Ourense. Participación de persoal investigador distinto ao da universidade propoñente.

3

Singularidade da agrupación no I+D+i universitario.

5

Puntuación total máxima

110

ANEXO II

Criterios de avaliación. Modalidade B

Criterios

Puntuación máxima

1º. Composición da agrupación e traxectoria científica. Ata un total de 40 puntos.

1º.1. Composición da agrupación e dotación de recursos humanos e técnicos.

Capacidades e infraestruturas dos grupos que forman a agrupación:

– Coordinador/a da agrupación. Capacidade de liderado: institucional e científico.

– Grupos que a integran e a súa dependencia institucional con indicación de se son na actualidade grupos con potencial de crecemento ou grupos de referencia competitiva do Programa de consolidación do SUG e con detalle da súa composición:

– Investigadores/as pertencentes aos grupos: sénior, titulares, posdoutorais, predoutorais, doutorandos, outros.

– Técnicos/as de laboratorio e auxiliares.

– Persoal de xestión: de proxectos, internacional, transferencia.

– Outros integrantes da proposta: colaboradores/as externos, grupos de investigación de fóra do SUG, empresas, persoal investigador externo...

– Plan de xestión da diversidade de xénero.

– Infraestruturas e instalacións con que se conta.

20

1º.2. Traxectoria investigadora, formación e transferencia: durante o período 2015-2017.

– Produción científica: resumo de indicadores de produción científica (número de publicacións en Wos/Scopus, citas recibidas, publicacións en revistas Q1 y Q2), libros e capítulos de libros, outras publicacións destacadas. Contribucións en conferencias científicas internacionais e organización de eventos científicos.

-– Formación: participación en programas de doutoramento e máster, número de teses lidas, indicando data, título, nome do/da doutor/a e nome do/da director/a.

– Carteira de proxectos activos indicando a fonte de financiamento (proxectos propios, colaborativos, contratos e convenios de valorización, participación en redes), programas de formación e desenvolvemento do talento, colaboracións destacadas...

– Transferencia e valoración: contratos de I+D, prestación de servizos tecnolóxicos, patentes, ingresos por licenza, creación de spin-off.

20

2º. Formulación estratéxica, axenda científica e programa de actuación. Ata un máximo de 60 puntos.

2º.1. Definición, estratexia e modelo organizativo.

10

– Definición principais ámbitos de investigación.

– Formulación estratéxica preliminar (obxectivos e eixes estratéxicos de actuación).

– Misión e Visión.

– Modelo organizativo.

– Mecanismos e medidas para o seguimento e avaliación da estratexia e do funcionamento da organización.

2º.2. Axenda científica.

20

– Descrición dos obxectivos científicos e liñas de traballo.

– Modelo de organización e estrutura científica.

2º.3. Programa de actuación 2018-2020.

30

– Plan de actividades (incorporación e desenvolvemento do talento, dotación de equipos e instalacións, captación de recursos...).

– Memoria económica desagregada para as tres anualidades.

– Cronograma.

– Previsión para o período 2018-2022 (co detalle dos recursos que se espera captar de programas ou de terceiras partes).

– Previsión dos resultados que se obterán nese período (cadro de indicadores).

3º. Avaliación estratéxica da comisión de selección. Ata 10 puntos.

Harmonización da proposta coas prioridades derivadas da Estratexia RIS3 de Galicia, que figuran no anexo III desta orde.

2

Participación no equipo de grupos de investigación dos campus periféricos, isto é: Ferrol, Lugo, Pontevedra e Ourense. Participación de persoal investigador distinto ao da universidade propoñente.

3

Singularidade da agrupación no I+D+i universitario.

5

Puntuación total máxima

110

ANEXO III

Liñas estratéxicas de investigación

Reto

Prioridade

Obxectivos

Xestión innovadora de recursos naturais e culturais

Valorización dos recursos do mar.

Poñer en valor os subgrupos e residuos vinculados ao mar, como os descartes da pesca ou os refugallos da industria conserveira.

Modernización da acuicultura, gandaría e sector agrario.

Modernizar a acuicultura, gandaría e sector agrario para xerar novos produtos e servizos de base tecnolóxica, principalmente a través da aplicación de coñecemento da biotecnoloxía e das TIC.

Mellora da obtención de enerxía a partir dos recursos naturais.

Diversificar o sector enerxético galego mellorando a explotación dos recursos naturais para obter enerxía, en especial a través da produción de biomasa, da enerxía undimotriz, das torres eólicas offshore e dos biocombustibles de orixe mariña.

Modernización do sector turístico e das industrias culturais a través das TIC, así como novas metodoloxías de estudo no ámbito da cultura.

Para lograr un posicionamento competitivo a nivel europeo establécese o obxectivo de modernizar o sector do turismo e das industrias culturais a través das TIC, así como a aplicación de novas metodoloxías e fórmulas innovadoras nos estudos culturais.

O modelo industrial da Galicia do futuro

Diversificación dos sectores industriais tractores.

A diversificación da actividade dos sectores industriais que exercen un papel tractor na economía galega, implementando medidas que fomenten un cambio de orientación nas empresas –maioritariamente pemes de capacidade tecnolóxica media-baixa– para favorecer modelos de negocio baseados na innovación e na tecnoloxía.

Mellora da competitividade industrial.

Potenciar a competitividade do sector industrial galego mediante a innovación nos procesos produtivos.

Impulso da economía do coñecemento.

Impulsar e fortalecer un sector tecnolóxico baseado na economía do coñecemento para reforzar a súa capacidade de tracción sobre o resto dos sectores estratéxicos galegos.

Novo modelo de vida saudable

Envellecemento activo.

Converter a Galicia na rexión líder do sur de Europa na aplicación de novas tecnoloxías no ámbito do envellecemento activo e da autonomía persoal, en especial para beneficio das persoas maiores afectadas por algunha discapacidade.

Prevención, diagnose e tratamento de enfermidades.

Continuar a facer de Galicia un referente na vangarda da prevención, diagnose e tratamento de enfermidades.

Alimentación saudable e segura.

A diversificación do sector alimentario para facer de Galicia un referente internacional da innovación en nutrición e en seguridade alimentaria como chaves para unha vida saudable.

missing image file
missing image file
missing image file