Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Venres, 13 de xullo de 2018 Páx. 33417

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

EXTRACTO da Orde do 4 de xullo de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a mellora, creación, recoñecemento e estruturación de agrupacións estratéxicas do Sistema universitario de Galicia e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2018.

BDNS (Identif.): 407360.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na base de datos nacional de subvencións (http://www.pap. minhap.gob.es/bdns/index).

Primeiro. Beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das axudas desta orde as universidades do SUG e destinaranas ás súas agrupacións estratéxicas, recoñecidas como tales polas propias universidades.

Segundo. Obxecto

Axudas para o desenvolvemento de agrupacións estratéxicas dentro do SUG, entendidas como estruturas organizativas de investigación máis eficientes mediante a integración estable dos recursos, capacidades e obxectivos dos actuais grupos de investigación. Estas agrupacións terán por obxecto desenvolver unha actividade de investigación colaborativa estable e planificada con obxectivos propios.

Para tal fin establécense dúas modalidades:

Modalidade A: mellora das agrupacións estratéxicas de investigación recoñecidas e que xa foron obxecto de axuda na convocatoria do ano 2015 e que estean incluídas no convenio do ano 2017 de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo para o financiamento de agrupacións estratéxicas de investigación.

A axuda destinarase a apoiar un programa de accións relacionadas coa axenda científica da agrupación, o fortalecemento da súa estrutura interna e o fomento da súa proxección cara ao exterior, a integración e o fortalecemento de sinerxias para unha mellor consecución dos seus fins.

Modalidade B: creación de novas agrupacións estratéxicas de investigación.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Contía

O importe total da convocatoria é de 3.800.000,00 €.

As axudas serán de aplicación por un período de 3 anualidades de acordo coa seguinte desagregación:

Modalidade A: entre unha contía máxima de 600.000 € e unha mínima de 400.000 €.

Modalidade B: entre unha contía máxima de 500.000 € e unha mínima de 400.000 €.

En ambas as modalidades o importe global das axudas distribuirase asignando un 25 % do importe na primeira anualidade, un 40 % na segunda e un 35 % na última para cada unha das agrupacións que se concedan con cargo a estas axudas.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2018

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria