Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Mércores, 18 de xullo de 2018 Páx. 34015

III. Outras disposicións

Fondo Galego de Garantía Agraria

EXTRACTO da Resolución do 9 de xullo de 2018 pola que se regula o procedemento para a concesión das axudas para a subministración de froitas frescas, castañas e leite líquido de consumo ao alumnado de centros escolares e se convocan para o curso escolar 2018/19, e a convocatoria da declaración de participación para o curso escolar 2019/20.

BDNS (Identif.): 407949.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias e destinatarias

Poderán solicitar a axuda as persoas físicas ou xurídicas que exerzan a actividade de produción e/ou comercialización dos produtos subvencionables sinalados no anexo I da resolución, cuxas empresas ou establecementos estean dados de alta no correspondente rexistro sanitario oficial (Rexistro Xeral Sanitario de Empresas Alimentarias e Alimentos-RXSEAA, ou Rexistro Galego Sanitario de Empresas e Establecementos-Regasa) e que reúnan os requisitos establecidos na resolución.

Será destinatario final da axuda o alumnado que asista regularmente aos centros ou establecementos escolares, administrados ou recoñecidos polas autoridades competentes da Comunidade Autónoma de Galicia, que pertenza aos seguintes niveis de ensino:

a) Educación infantil.

b) Educación primaria.

c) Educación secundaria obrigatoria.

Segundo. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a tramitación e concesión das axudas para a subministración de froitas frescas, castañas e leite líquido de consumo ao alumnado de centros escolares, a convocatoria das axudas para o curso escolar 2018/19 e a apertura do prazo de presentación das declaracións de participación para o curso 2019/20.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Resolución do 9 de xullo de 2018 pola que se regula o procedemento para a concesión das axudas para a subministración de froitas frescas, castañas e leite líquido de consumo ao alumnado de centros escolares e se convocan para o curso escolar 2018/19, e a convocatoria da declaración de participación para o curso escolar 2019/20.

Cuarto. Importe

O importe aplicable en euros/kg para a subministración e distribución dos produtos, incluídos os custos de loxística e repartición, é o establecido no anexo I da resolución.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes de axuda

O prazo de presentación será ata o 20 de setembro de 2018 incluído.

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2018

Belén María do Campo Piñeiro
Directora do Fondo Galego de Garantía Agraria