Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Venres, 20 de xullo de 2018 Páx. 34245

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 10 de xullo de 2018 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro e se procede á súa convocatoria para o ano 2018.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 29, atribúelle á comunidade autónoma a competencia, en concordancia co artigo 149.1.7 da Constitución española, para a execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, funcións e servizos correspondentes a este ámbito.

De acordo co disposto no Decreto 146/2016, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 177/2016, do 15 de decembro, en que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, que establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, correspóndelle a esta o exercicio das competencias e funcións relativas á xestión das políticas activas de emprego e, en concreto, a regulación específica, a convocatoria, a xestión e o control das axudas e subvencións do programa de axudas ás entidades sen ánimo de lucro para a contratación de persoas desempregadas.

Corresponde pois, á Consellería de Economía, Emprego e Industria, para o exercicio orzamentario 2018, a xestión das subvencións e axudas públicas das políticas activas de emprego, entre as cales están as medidas dirixidas, por unha banda, a fomentar a creación de emprego de calidade e, por outra, a incrementar a empregabilidade das persoas desempregadas, mellorando as condicións do mercado de traballo, no marco da Estratexia europea para o emprego e de acordo coa Axenda 20 para o Emprego, e no eido da colaboración institucional e do dialogo social entre o Goberno galego e os axentes económicos e sociais de Galicia.

Con todo, tamén é preciso deseñar e aplicar políticas activas orientadas á atención de colectivos específicos con especiais dificultades de inserción. Para iso resulta necesario contar coa colaboración das entidades sen ánimo de lucro para posibilitar e contribuír ao desenvolvemento, aproveitamento e dinamización do potencial económico, social e cultural da nosa Comunidade Autónoma, á vez que favorecer a creación de emprego, mediante a prestación gratuíta de servizos de interese xeral e social.

Así, para 2018 continúase coa implementación en Galicia dun programa autonómico, que non é outra cousa que unha adaptación do programa estatal, coherente co momento actual e cos requirimentos específicos da realidade do noso mercado laboral, como instrumento a través do cal se ofrece ás persoas desempregadas unha oportunidade para adquirir unha experiencia laboral que redunde na mellora da súa empregabilidade e que facilite a súa futura inserción no mercado de traballo, canalizando a práctica laboral adquirida cara a ocupacións que faciliten unha maior estabilidade no emprego.

Esta regulamentación autonómica é posible á vista do novo enfoque que deu ao deseño e á xestión das políticas activas de emprego o punto 2 da disposición derradeira décimo segunda da Lei 3/2012, do 6 de xullo, de medidas urxentes para a reforma do mercado laboral, da que resulta que as comunidades autónomas están habilitadas para o deseño e a execución de novos programas e medidas de políticas activas de emprego adaptados ás peculiaridades e características dos seus mercados de traballo locais que, en todo caso, deberán dirixirse ao cumprimento dos obxectivos que se establezan no Plan anual de política de emprego (PAPE) de cada ano, requisitos e condicións que se cumpren no presente caso.

O obxectivo fundamental desta orde é facilitar a mellora da empregabilidade das persoas traballadoras desempregadas a través da adquisición de experiencia profesional, obxectivo que non se desvirtúa, senón que se potencia, pois concentra os servizos que se van desenvolver e, por tanto, as contratacións, nun sector potencialmente xerador de emprego como é o dos servizos sociais, cada vez máis demandados pola sociedade e que precisan de profesionais con experiencia para cubrir as necesidades cada vez maiores neste ámbito.

As subvencións contidas nesta orde financiaranse con cargo á aplicación 09.40.322C.481.7 polo importe global de 8.100.000 euros, contida na Lei 8/2017, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo dos informes da Asesoría Xurídica da Área de Emprego, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, autorizada polo Consello da Xunta de Galicia a modificación da porcentaxe e dos importes máximos dos pagamentos anticipados e a exención da obriga de constituír garantías, e no exercicio das facultades que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e a súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e das condicións polas cales se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas e subvencións que, baixo a rúbrica xeral de programas de cooperación institucionais, están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro sinaladas no artigo 3, a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas e mulleres vítimas de violencia de xénero desempregadas para a realización de servizos de interese xeral e social (código do procedemento TR352A), co obxecto de proporcionarlles a experiencia e a práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.

Artigo 2. Financiamento

1. O financiamento destes programas efectuarase con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2018, a través dos créditos consignados na aplicación 09.40.322C.481.7 (código de proxecto 2015 00489), polo importe global de 8.100.000 euros.

2. Do importe total máximo destinaranse prioritariamente 3.000.000 euros para o financiamento da contratación de persoas traballadoras desempregadas en proxectos singulares, definidos no artigo 4. En caso de non se esgotar o crédito reservado nesta epígrafe, o crédito sobrante aplicarase á concorrencia competitiva entre o resto de solicitudes.

3. Os ditos créditos estimados poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Entidades beneficiarias. Requisitos

Poderán ser beneficiarias das axudas e subvencións previstas na presente orde as entidades sen ánimo de lucro inscritas como de iniciativa social no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais na data de publicación da presente convocatoria, cuxa actividade principal estea dirixida a desenvolver ou fomentar accións específicas para a inserción das persoas con discapacidade, en risco de exclusión social, maiores, familia, infancia, menores ou mulleres, de conformidade coas áreas de actuación recollidas no RUEPSS (comunidade, dependencia, discapacidade, inclusión, maiores, familia, infancia, menores e igualdade), sempre que non estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As entidades deberán dispoñer dun centro de traballo, entendendo por tal unha oficina ou delegación permanente que poida ser habilitada para o efecto, na Comunidade Autónoma de Galicia, distinta da sede social da entidade cando coincida co domicilio das persoas físicas que dirixen a entidade, en propiedade, arrendada ou cedida formalmente a esta.

Artigo 4. Requisitos dos servizos que se vaian prestar

1. Os servizos que se desenvolvan mediante a actividade das persoas traballadoras desempregadas deberán ser de interese xeral e social, e deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Seren prestados polas entidades beneficiarias en réxime de administración directa.

b) Que, na súa execución ou prestación, se favoreza a formación e a práctica profesionais das persoas desempregadas que se vaian contratar.

c) Que se presten ou executen no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Que a duración dos contratos das persoas desempregadas que desenvolvan a prestación dos servizos non supere os nove meses desde a súa data de inicio, cando a xornada sexa a tempo completo. En caso de contratacións a tempo parcial, do 50 ou do 75 %, esta duración máxima poderá estenderse ata os doce meses.

e) En todo caso, as entidades beneficiarias deberán acreditar que as persoas contratadas no marco deste réxime de axudas non están afectas ao desenvolvemento dunha actividade económica conforme o establecido pola xurisprudencia comunitaria.

2. Considérase que os servizos se desenvolven no marco de proxectos singulares se son promovidos por entidades que cumpran, como mínimo, unha das seguintes condicións:

a) Prestar servizos a entidades prestadoras de servizos sociais, no ámbito autonómico.

b) Prestar servizos a colectivos de máis dunha área de actuación (RUEPSS), no ámbito autonómico.

c) Prestar servizos a persoas con discapacidade, en risco de exclusión social, maiores, familia, infancia, menores ou mulleres, e ter 100 ou máis profesionais no seu cadro de persoal.

Artigo 5. Conceptos subvencionables

1. A subvención cobre os gastos salariais e de Seguridade Social das persoas traballadoras contratadas.

2. En ningún caso serán subvencionables os seguintes conceptos:

a) A indemnización prevista polo artigo 49.1.c) do Estatuto dos traballadores.

b) Os incentivos e complementos extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

c) As vacacións pagadas, pero non desfrutadas.

d) As horas extras ou traballos realizados fóra da xornada habitual de traballo.

e) Custos salariais en caso de baixas temporais.

3. No suposto de baixas temporais:

a) No caso de substitución da persoa traballadora titular, só serán subvencionables os custos que ocasiona a persoa traballadora substituta. A entidade beneficiaria da subvención deberá facerse cargo dos sobrecustos que estas substitucións leven consigo.

b) No caso de que non se substitúa a persoa traballadora titular, deberán reintegrarse os gastos salariais correspondentes ao período de baixa.

4. No suposto de reducións da xornada laboral:

a) No caso de contratar unha persoa traballadora adicional, só serán subvencionables os custos ata completar a redución da xornada. A entidade beneficiaria da subvención deberá facerse cargo dos sobrecustos que estas substitucións leven consigo.

b) No caso de que non se contrate unha persoa traballadora adicional para completar o período subvencionado, deberán reintegrarse os gastos salariais correspondentes á redución da xornada.

Artigo 6. Subvención: contía

1. A subvención que percibirán as entidades beneficiarias por realizar as contratacións consistirá nunha contía por cada unha delas, calculada tomando como referencia os custos salariais e de Seguridade Social das persoas que se van contratar, nos termos previstos no parágrafo seguinte.

2. A contía da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será igual ao resultado de multiplicar o número de persoas contratadas polo número de meses de duración do contrato e polo importe do módulo que corresponda en función do grupo de cotización á Seguridade Social, conforme a seguinte escala:

– Para o grupo de cotización 1: 2.175 €.

– Para o grupo de cotización 2: 1.963 €.

– Para o grupo de cotización 3: 1.935 €.

– Para o grupo de cotización 4: 1.875 €.

– Para o grupo de cotización 5: 1.756 €.

– Para o grupo de cotización 6: 1.732 €.

– Para o grupo de cotización 7: 1.637 €.

– Para o grupo de cotización 8: 1.576 €.

– Para o grupo de cotización 9: 1.512 €.

– Para o grupo de cotización 10: 1.488 €.

3. En caso de contratacións a tempo parcial, do 50 ou do 75 %, a contía da subvención reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada.

4. Para os efectos do incentivo á mobilidade xeográfica, a subvención será de 180 € mensuais por cada beneficiaria do programa de fomento da inserción laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero contratada que reúna os requisitos para percibila.

5. Establécense como límites á contratación de persoas traballadoras, en función do ámbito territorial de actuación recollido no RUEPSS e do número de centros da entidade declarados no anexo I, agás no caso de entidades con proxectos singulares, os seguintes:

a) Entidades con proxectos singulares: máximo 10. Este máximo poderá ampliarse ata 15 persoas, en caso de dispoñibilidade orzamentaria unha vez asignadas as solicitudes de persoas traballadoras sen cofinanciamento; neste caso, a entidade deberá cofinanciar o 30 % do custo destas persoas (desde a persoa 11ª ata a 15ª, é dicir, un máximo de 5 persoas cofinanciadas pola entidade, as cales deberán estar contratadas a xornada completa durante 9 meses), establecido no punto 2 deste artigo.

b) Autonómico con 3 ou máis centros de traballo localizados en 2 ou más provincias da Comunidade Autónoma de Galicia: máximo 8. Este máximo poderá ampliarse ata 10 persoas, en caso de dispoñibilidade orzamentaria unha vez asignadas as solicitudes de persoas traballadoras sen cofinanciamento; neste caso, a entidade deberá cofinanciar o 30 % do custo destas persoas (a 9ª e a 10ª persoa, é dicir, un máximo de 2 persoas cofinanciadas pola entidade, as cales deberán estar contratadas a xornada completa durante 9 meses), establecido no punto 2 deste artigo.

c) Autonómico que non cumpra os criterios da alínea b): máximo 6.

d) Provincial con 3 ou máis centros de traballo en Galicia: máximo 6.

e) Provincial que non cumpra os criterios da alínea d): máximo 4.

f) Comarcal ou municipal: máximo 3.

Establécese un límite máximo da contía da subvención por entidade de 210.000 €.

No caso de existiren remanentes orzamentarios tras a aplicación da repartición establecida no parágrafo anterior, poderanse incrementar os máximos establecidos nunha contratación adicional, comezando polas solicitudes que obtivesen a puntuación máis alta, ata esgotar o crédito dispoñible.

6. As subvencións previstas nesta orde serán incompatibles con outras subvencións ou axudas públicas, con independencia do seu importe, para a mesma finalidade, procedentes de fondos de políticas activas de emprego.

7. O importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade beneficiaria ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

Artigo 7. Presentación de solicitudes e prazo

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para emendala a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

A entidade deberá indicar no formulario normalizado o grupo de cotización a que pertencen as persoas traballadoras solicitadas.

Para cada unha das persoas traballadoras solicitadas, deberase establecer na solicitude unha lista priorizada de 3 códigos CNO a 4 díxitos, que facilite e axilice o proceso posterior de selección. Ademais, recoméndase que os CNO solicitados teñan dispoñibilidade de persoas solicitantes de emprego nas comarcas solicitadas ou en comarcas anexas, para o cal se pon á disposición das entidades a listaxe orientativa de persoas solicitantes, coa codificación prevista no Catálogo nacional de ocupacións –CNO– a 4 díxitos, na páxina web http://emprego.xunta.gal/portal/gl/buscador-ocupacions.html, para que as entidades poidan adaptar a solicitude á dita listaxe.

2. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

3. Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación incondicionada das presentes bases reguladoras.

5. Cada entidade, só poderá presentar unha solicitude, ben para desenvolver proxectos singulares ou ben para outros proxectos. No caso de presentación de varias solicitudes, só se terá en conta a última presentada, que deixará sen efecto e anulará todas as anteriores.

Artigo 8. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Xunto co formulario de solicitude (anexo I) deberá anexarse a acreditación da persoa que asinada a solicitude, en nome e representación da entidade, mediante a correspondente documentación de apoderamento, resolución, mandato, certificado expedido polo secretario ou secretaria, ou acta onde se determine a dita representación.

2. Forma parte da solicitude a declaración responsable que contén e que fai constar os aspectos seguintes:

a) O conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

c) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) O cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, especificamente, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

g) A disposición de financiamento suficiente para sufragar os custos do proxecto que terán que ser asumidos pola entidade, de ser o caso.

h) Que a actividade que vaian desenvolver as persoas traballadoras contratadas non está afecta ao desenvolvemento dunha actividade económica e está destinada á prestación de servizos de interese xeral e social, en relación co contido do servizo que se vai realizar.

i) Que a entidade solicitante non ten ánimo de lucro.

j) Que a actividade principal da entidade está dirixida a desenvolver ou fomentar accións específicas para a inserción das persoas con discapacidade, en risco de exclusión social, maiores, familia, infancia, menores ou mulleres, de conformidade coas áreas de actuación recollidas no RUEPSS (comunidade, dependencia, discapacidade, inclusión, maiores, familia, infancia, menores e igualdade).

k) Que a entidade dispón dun centro de traballo, entendendo por tal unha oficina ou delegación permanente que poida ser habilitada para o efecto, na Comunidade Autónoma de Galicia, distinta da sede social da entidade cando coincida co domicilio das persoas físicas que dirixen a entidade, en propiedade, arrendada ou cedida formalmente a esta.

l) Que a información da entidade recollida no RUEPSS é certa e está actualizada. En caso contrario, deberase indicar a información actual.

m) A área de actuación da entidade establecida no RUEPSS, a que se refire o artigo 14.4 na letra a).

n) O nivel de inserción laboral dos participantes nas tres convocatorias anteriores, a que se refire o artigo 14.4 na letra b).

o) O número de centros e a súa localización, a que se refire o artigo 14.4 na letra c).

p) A calidade e xestión das actuacións nas tres convocatorias anteriores, a que se refire o artigo 14.4 na letra d).

3. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electrónicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para emendala a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. Se do exame do expediente se comproba que a documentación non reúne os requisitos necesarios, é insuficiente ou non se achega na súa totalidade, faráselle un único requirimento á entidade solicitante para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fai, de acordo co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se considerará que desiste da súa petición, logo da correspondente resolución, que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– NIF da entidade solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude e achegar os devanditos documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á conta de correo que conste na solicitude para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Ao ser a notificación por medios electrónicos de carácter obrigatorio entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electrónicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería de Economía, Emprego e Industria publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 13. Datos de carácter persoal

Os datos persoais recollidos neste procedemento serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades e serán tratados na súa condición de responsable pola Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e dos contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, e reflectirase esta circunstancia no devandito formulario. Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se expón na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/exercicio-de-dereitos.

Artigo 14. Procedemento

1. O procedemento de concesión de axudas será o de concorrencia competitiva.

2. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Programas de Cooperación da Secretaría Xeral de Emprego.

3. Revisados os expedientes e completados, se é o caso, remitiranse á comisión de valoración para que esta, nun acto único, proceda a súa avaliación e informe, en que se concretará o resultado da avaliación efectuada á totalidade dos expedientes, tendo en conta que as propostas de resolucións se poderán tramitar en diversas fases, en función das dispoñibilidades orzamentarias.

Aqueles expedientes respecto dos cales nas primeiras fases non se formule proposta de resolución favorable á súa aprobación non se considerarán desestimados e o órgano instrutor teraos en consideración en futuras propostas de concesión, de conformidade co informe da comisión de valoración.

Para estes efectos, a Comisión de Valoración estará composta pola persoa responsable da Subdirección Xeral de Emprego, que a presidirá e, como vogais, pola persoa responsable da Subdirección Xeral de Orientación Laboral e unha persoa adscrita ao Servizo de Programas de Cooperación, que realizará as funcións de secretario/a.

Se, por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non pode asistir, será substituída pola persoa que para o efecto designe o órgano competente para resolver.

4. Dos proxectos presentados polas entidades que cumpran os requisitos sinalados no artigo 4 farase unha avaliación para o outorgamento da correspondente subvención, tendo en conta os seguintes criterios de valoración específicos:

a) Os servizos de maior interese xeral e social, segundo a área establecida no RUEPSS. Ata 30 puntos.

– Entidades prestadoras de servizos en materia de discapacidade (áreas de discapacidade e dependencia do RUEPSS): 30 puntos.

– Entidades prestadoras de servizos en risco de exclusión social (área de inclusión do RUEPSS): 20 puntos.

– Entidades prestadoras doutros servizos de interese xeral e social, tales como maiores, familia e infancia, mulleres e outros (áreas de maiores, familia, infancia, igualdade, menores e comunidade do RUEPSS): ata 15 puntos.

b) Maior nivel de inserción laboral. Ata 30 puntos. Entenderase por inserción laboral aquela que supoña a inserción por conta propia ou conta allea, na propia entidade solicitante da subvención ou noutras entidades con ou sen ánimo de lucro, das persoas traballadoras que participaron en proxectos aprobados nas tres últimas convocatorias inmediatamente anteriores, en programas de cooperación con entidades sen ánimo de lucro dirixidos a mellorar a empregabilidade e a inserción profesional, sempre que a duración do contrato sexa como mínimo de seis meses, nos dous anos seguintes á finalización do contrato subvencionado.

Valorarase a inserción laboral indefinida ata 20 puntos e a inserción laboral temporal ata 10 puntos, conforme os seguintes criterios:

1º. Entidades que recibiron subvencións para a contratación de 5 ou menos persoas desempregadas, de maneira acumulada nas tres últimas convocatorias:

i. Por cada persoa con contratación indefinida: 10 puntos.

ii. Por cada persoa con contratación temporal: 5 puntos.

2º. Entidades que recibiron subvencións para a contratación de entre 6 e 12 persoas desempregadas, de maneira acumulada nas tres últimas convocatorias:

i. Por cada persoa con contratación indefinida: 6 puntos.

ii. Por cada persoa con contratación temporal: 3 puntos.

3º. Entidades que recibiron subvencións para a contratación de 13 ou máis persoas desempregadas, de maneira acumulada nas tres últimas convocatorias:

i. Por cada persoa con contratación indefinida: 4 puntos.

ii. Por cada persoa con contratación temporal: 2 puntos.

c) Que teñan un ámbito de actuación superior ao municipal: ata 10 puntos. Valorarase tendo en conta o ámbito xeográfico recollido no RUEPSS (Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais) e o número de centros declarados no anexo I, agás no caso de entidades con proxectos singulares:

1º. Entidades con proxectos singulares: 10 puntos.

2º. As entidades de ámbito autonómico con 3 ou máis centros de traballo en 2 ou máis provincias da Comunidade Autónoma de Galicia: 10 puntos.

3º. As entidades de ámbito autonómico que non cumpran as condicións do parágrafo anterior: 5 puntos.

4º. As entidades de ámbito provincial con 3 ou máis centros de traballo en Galicia: 5 puntos.

5º. As entidades de ámbito provincial que non cumpran as condicións do parágrafo anterior: 3 puntos.

6º. As entidades de ámbito comarcal ou municipal: 2 puntos.

d) Que correspondan a entidades cunha mellor valoración en relación coa calidade e xestión das actuacións da presente convocatoria e das levadas a cabo ao abeiro das axudas e subvencións para o fomento do emprego, a través de programas de cooperación nas últimas tres convocatorias: ata 10 puntos. Valorarase tendo en conta os seguintes criterios:

1º. Actuacións realizadas a prol da calidade e da súa xestión levadas a cabo ao abeiro das axudas e subvencións para o fomento do emprego a través de programas de cooperación nas últimas tres convocatorias: ata 4 puntos. Valorarase a dispoñibilidade dun certificado de xestión da calidade vixente na data de publicación da convocatoria; a dispoñibilidade dunha metodoloxía ou plan para a acollida e adaptación das persoas incorporadas ao posto de traballo; o desenvolvemento de enquisas de calidade das actuacións e definición de accións de mellora; e o desenvolvemento de enquisas de seguimento da inserción das persoas desempregadas, unha vez finalizada a subvención.

2º. Dirección do proxecto e titorización do persoal subvencionado, por persoal técnico da propia entidade: 4 puntos.

3º. Complementariedade da práctica profesional das persoas traballadoras contratadas con formación ocupacional/información profesional impartida pola propia entidade: 2 puntos.

4º. Valorarase negativamente unha mala xestión por parte da entidade (por exemplo, reintegros ou perdas de dereito ao cobramento por causas directamente imputables á entidade, detección de datos non veraces, presentación de documentación incompleta con especial gravidade, renuncias a subvencións, incidencias nos procesos de selección por causas imputables á entidade, incidencias detectadas nas visitas in situ, etc.), que poderá restar ata 5 puntos.

Para o caso de que se produza un empate nas puntuacións obtidas en aplicación destes criterios, terán preferencia aquelas solicitudes en que se utilice a lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos.

5. Para a comparación das solicitudes presentadas establécese unha puntuación máxima de 80 puntos. Adxudicaranse, co límite fixado no artigo 6, dentro do crédito dispoñible, aquelas que obteñan maior valoración en aplicación dos criterios.

Artigo 15. Resolución

1. O órgano instrutor elevará o informe da comisión de valoración xunto coa proposta de resolución á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, que resolverá a concesión ou denegación da axuda, mediante resolución motivada e individualizada, por delegación da persoa responsable da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

2. O prazo máximo de resolución e notificación será de tres meses contados a partir do día seguinte ao remate do prazo de presentación da solicitude. Se no prazo indicado non existe resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo, de acordo co disposto no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A resolución pola que se conceda a subvención determinará, como mínimo, a denominación do proxecto aprobado, a data de inicio dos servizos, entendida esta como a data límite de realización de todas as contratacións, o tempo de realización do servizo, a contía da subvención que se vai outorgar e os demais requisitos exixibles para a súa percepción e seguimento.

4. A determinación da contía da subvención correspondente ao incentivo á mobilidade xeográfica das beneficiarias do programa de fomento da inserción laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero que reúnan os requisitos para percibilo, previsto na Orde do 2 de maio de 2006 pola que se regula o programa de fomento da inserción laboral das mulleres vítimas de violencia (DOG nº 89, do 10 de maio), realizarase, se é o caso, mediante resolución complementaria da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego.

5. As resolucións dos expedientes instruídos ao abeiro do disposto nesta orde esgotan a vía administrativa, polo que contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes computado desde o día seguinte ao da súa notificación, ou presentar directamente recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, conforme o disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

6. Os incrementos de crédito, así como o crédito liberado polas renuncias ou revogacións das subvencións outorgadas, destinarase á concesión de subvencións, se é o caso, daqueles proxectos que, por insuficiencia de crédito, non chegaron a obter subvención.

7. As subvencións concedidas ao abeiro desta orde publicaranse, con expresión da entidade beneficiaria, da contía e da finalidade no Diario Oficial de Galicia, na páxina web oficial da Consellería de Economía, Emprego e Industria e no Rexistro de Subvencións, de acordo co disposto na Lei xeral de subvencións e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

8. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 16. Requisitos e criterios para a selección das persoas traballadoras

1. As persoas traballadoras que sexan contratadas para a realización dos proxectos polos cales se outorgue a subvención deberán ser, en todo caso, persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupados e que estean dispoñibles para o emprego. Estes requisitos deberán cumprirse no momento da selección.

2. As persoas traballadoras que fosen contratadas por un período igual ou superior a seis meses, con cargo ás axudas concedidas polas ordes da Consellería de Economía, Emprego e Industria do 29 de decembro de 2015, do 5 de agosto de 2016, do 18 de xullo de 2017 e do 4 de outubro de 2017, no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro en materia de políticas activas de emprego, para a contratación de persoas traballadoras desempregadas, non poderán ser contratadas con cargo ás axudas previstas nesta orde.

3. As entidades beneficiarias da subvención solicitarán as persoas traballadoras que se necesiten mediante a presentación dunha oferta de emprego na oficina pública de emprego, nos modelos normalizados para o efecto, e farán referencia aos requisitos e características que deben reunir as persoas traballadoras que se contratarán para o adecuado desempeño das funcións inherentes aos postos de traballo ofertados. Deberase presentar unha por cada categoría profesional dentro de cada ocupación, que deberá responder á codificación prevista no Catálogo nacional de ocupacións –CNO– a 4 díxitos, de conformidade cos seguintes principios xerais:

a) A oferta na súa formulación non poderá conter elementos que poidan servir de base para calquera tipo de discriminación que non responda aos criterios preferenciais establecidos no parágrafo quinto ou que trate de favorecer os colectivos enumerados nel.

b) En ningún caso se poderá incluír nin admitir como criterio de emparellamento a posesión de experiencia laboral.

c) Poderán admitirse como criterios de emparellamento os relativos a titulación, formación e outro tipo de coñecementos, sempre que estean xustificados no expediente de solicitude e sexan coherentes coa resolución de concesión, para o cal deberán achegar á oficina de emprego a solicitude, a resolución e os anexos de concesión da subvención.

d) As ofertas deberán presentarse necesariamente na oficina pública de emprego que corresponda ao enderezo do centro de traballo do posto ofertado. Cando unha entidade dispoña de centros de traballo que se correspondan co ámbito territorial de máis dunha oficina de emprego, poderá concentrar a tramitación de todas as ofertas na oficina a que lle correspondan máis postos de traballo ofertados.

e) Con carácter xeral, as entidades deberán presentar as ofertas cunha antelación mínima de 15 días hábiles á data prevista para realizar as correspondentes contratacións. Presentáranse, en todo caso, coa suficiente antelación para que as oficinas de emprego poidan tramitalas.

f) Deberá presentar xunto coa oferta de emprego (unha por cada categoría profesional dentro de cada ocupación), a solicitude (anexo I), se é o caso debidamente corrixida, xunto coa correspondente notificación da resolución e anexos de concesión de subvención.

4. Unha vez recibida a oferta, realizarase unha sondaxe de demandantes en función das súas características, atendendo á maior adecuación ao posto de traballo ofertado. De ser posible, proporcionarase o número de persoas candidatas por posto de traballo que solicite a entidade beneficiaria, que non poderá ser inferior a dúas nin superior a dez.

A remisión de novas persoas candidatas só procederá cando a entidade xustifique documentalmente a súa necesidade por incumprimento dos requisitos da oferta ou por rexeitamento voluntario ou incomparecencia dos remitidos.

5. Terán preferencia, en todo caso, os colectivos con especiais dificultades de inserción laboral e, se é o caso, aqueles que teñan previsto a realización deste tipo de medidas no seu itinerario de inserción profesional, tales como:

a) Mulleres e, en especial, aquelas que acrediten a condición de vítimas de violencia de xénero.

b) Menores de 30 anos, en especial, as persoas demandantes do primeiro emprego, ou persoas sen cualificación profesional, ou persoas extuteladas.

c) Persoas en paro de longa duración.

d) Persoas con discapacidade.

e) Persoas desempregadas maiores de 45 anos.

f) Integrantes de colectivos desfavorecidos ou en risco de exclusión social, especialmente persoas beneficiarias da renda de integración social de Galicia.

6. Excepcionalmente, logo de solicitude debidamente xustificada por parte da entidade solicitante e logo de autorización expresa da Secretaría Xeral de Emprego, poderán utilizarse ofertas especiais con vinculación nominal cando se trate de seleccionar mulleres vítimas de violencia de xénero e/ou integrantes de colectivos desfavorecidos ou en risco de exclusión social, condición que se acreditará mediante as correspondentes certificacións ou informes elaborados por traballadoras ou traballadores sociais, se é o caso. As persoas seleccionadas polo procedemento descrito neste punto deberán, en todo caso, cumprir os requisitos establecidos nos números 1 e 2 deste artigo.

7. As persoas candidatas serán remitidas á entidade beneficiaria co fin de que esta realice a selección definitiva, que se lle deberá notificar, para o seu coñecemento, á correspondente oficina de emprego.

Artigo 17. Contratación das persoas traballadoras

1. Efectuada a selección das persoas traballadoras na forma prevista no artigo anterior, a entidade beneficiaria contrataraas utilizando necesariamente a modalidade de contrato de traballo temporal coas cláusulas específicas de traballos de interese social, tendo en conta que os contratos deberán formalizarse no prazo e nos termos establecidos na resolución concedente da subvención e, en todo caso, dentro do exercicio 2018.

2. Excepcionalmente, cando concorran causas debidamente xustificadas, a Secretaría Xeral de Emprego poderá autorizar o inicio dos servizos con posterioridade ao devandito prazo, logo da solicitude para o efecto da entidade beneficiaria.

3. As entidades darán de alta na Seguridade Social as persoas contratadas no código de conta de cotización que corresponda.

4. Os contratos de traballo subscritos coas persoas traballadoras seleccionadas deberán comunicarse á oficina de emprego correspondente, necesariamente a través do aplicativo Contrat@.

5. Para a comunicación dos contratos de traballo á correspondente oficina de emprego deberán terse en conta os seguintes requisitos:

a) Que as persoas contratadas cumpran os requisitos para ser beneficiarias destes programas.

b) Que se utilizase o modelo de contrato de traballo temporal coas cláusulas específicas de traballos de interese social.

c) Que se indique o número da oferta de emprego no campo correspondente da aplicación Contrat@.

6. En todo caso, as contratacións que incumpran calquera destes requisitos non se entenderán xustificadas e non poderán ser subvencionadas e, se é o caso, darán lugar á perda do dereito ao cobramento ou reintegro das axudas, de conformidade co disposto no artigo 23.

Artigo 18. Substitución de persoas traballadoras

1. Con carácter xeral, cando se produza a extinción do contrato ou a redución da xornada antes de que remate o período de tempo tomado como referencia para o cálculo da subvención, a entidade beneficiaria poderá contratar outra persoa durante o tempo que reste para que remate o período subvencionado e/ou durante a redución da xornada, sempre que a contratación se produza dentro dos 30 días seguintes ao da baixa/redución de xornada na Seguridade Social da inicialmente contratada.

2. No suposto de baixas temporais que se prevexa que sexan de duración superior a 30 días, a substitución só será posible logo de comunicación á Secretaría Xeral de Emprego.

3. A nova contratación deberá cumprir os requisitos exixidos na orde de convocatoria para as contratacións iniciais subvencionadas e deberá ser notificada á Secretaría Xeral de Emprego, con indicación da causa da baixa, nun prazo máximo de 15 días desde a correspondente contratación. Na notificación a entidade beneficiaria deberá achegar os seguintes documentos:

– No caso de extinción do contrato ou redución de xornada, recollido no número 1, parte da baixa ou modificación na Seguridade Social da persoa substituída, e no suposto de baixa temporal a que fai referencia o número 2, xustificación de duración superior a 30 días mediante o correspondente parte de baixa ou informe médico.

– Copia do parte de alta na Seguridade Social xunto co informe de datos de cotización (IDC) e contrato de traballo temporal coas cláusulas específicas de traballos de interese social da persoa substituta, formalizado e debidamente comunicado.

– Copia do certificado de selección da persoa substituta, no modelo publicado na web institucional da Xunta de Galicia http://emprego.ceei.xunta.gal/programas-de-cooperacion.

– Copia do documento de información da subvención debidamente asinado.

4. Tanto no caso de extinción como de substitución por suspensión do contrato ou por redución de xornada, a selección da nova persoa traballadora deberá levarse a cabo logo de solicitude á correspondente oficina de emprego do Servizo Público de Emprego de Galicia, salvo que se trate de candidatos remitidos por este na oferta inicial e cumpran a condición de demandante de emprego inscrito e desempregado no momento da súa contratación.

5. De non producirse a substitución ou cando, aínda producíndose, a suma dos distintos períodos de contratación referidos a este posto de traballo fose inferior ao período de tempo tomado como referencia para o cálculo da subvención, procederase á devolución do remanente da subvención polo importe correspondente. En ningún caso poderá producirse un incremento da subvención concedida e a entidade beneficiaria deberá facerse cargo dos sobrecustos que estas substitucións comporten.

Artigo 19. Pagamento

1. Poderase realizar o pagamento anticipado, como financiamento necesario para levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, nos termos previstos neste artigo.

O importe do pagamento anticipado será dun 90 % da subvención concedida. Para realizar este pagamento anticipado, as entidades beneficiarias quedan eximidas da obriga de constituír garantías, conforme o disposto no artigo 65.4.f) do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. Realizarase o pagamento final polo resto da subvención concedida, unha vez cumprido o obxecto para o cal foi concedida, que se xustificará mediante a presentación, na forma e nos prazos previstos nesta orde, da documentación xustificativa do pagamento final establecido no artigo 20.

3. Non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención mentres a entidade beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias –estatais e autonómicas– e da Seguridade Social, sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma

Artigo 20. Xustificación do pagamento final

1. O pagamento final da subvención farase efectivo unha vez cumprido o obxecto para o cal foi concedida, que se xustificará mediante a presentación da seguinte documentación, no prazo máximo de 45 días naturais desde a data de resolución da concesión e sempre antes do 20 de decembro:

a) Contratos de traballo, na modalidade de contrato de traballo temporal coas cláusulas específicas de traballos de interese social, formalizados e debidamente comunicados.

b) Partes de alta na Seguridade Social xunto co informe de datos de cotización (IDC).

c) Un certificado do órgano competente da entidade beneficiaria, en que conste:

– A formulación da correspondente oferta de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia, que especifique o número identificador desta e a relación nominal das persoas traballadoras desempregadas facilitadas por aquel, así como das persoas candidatas finalmente seleccionadas e contratadas.

– As retribucións salariais brutas das persoas traballadoras, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e mais as cotizacións empresariais á Seguridade Social. De ser o caso, deberanse identificar as persoas traballadoras obxecto de cofinanciamento.

d) A declaración responsable da entidade solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nin ser debedor por resolución de procedencia de reintegro.

e) Unha declaración complementaria do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

f) Unha fotografía do cartel informativo en que se reflicta a súa localización, nos termos sinalados no artigo 22.1.a).

g) Documentos de información ás persoas traballadoras da subvención, debidamente asinados.

Os certificados, declaracións, documentos e carteis informativos sinalados neste parágrafo deberán realizarse segundo os respectivos modelos que se publican na web institucional da Xunta de Galicia no enlace http://emprego.ceei.xunta.gal/programas-de-cooperacion.

2. O aboamento da subvención correspondente ao incentivo á mobilidade xeográfica das traballadoras contratadas beneficiarias do programa de fomento da inserción laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero farase efectivo unha vez que se comprobe que reúnen os requisitos para acceder a el e unha vez ditada a correspondente resolución complementaria de concesión de subvención, logo de fiscalización da proposta pola Intervención.

Artigo 21. Obrigas das entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias, ademais das establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberán cumprir as seguintes obrigas:

a) Aceptación da subvención no prazo de 10 días, de conformidade co disposto no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Transcorrido o citado prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

b) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

c) Aboar ás persoas contratadas os salarios que legal ou convencionalmente lles correspondan e sexan acordes coa súa categoría profesional e titulación, e asumir a diferenza entre a cantidade subvencionada e os custos salariais e de Seguridade Social totais.

d) Con independencia do cobramento ou non da subvención, deberán satisfacer no momento do seu vencemento e mediante transferencia bancaria as obrigas económicas que deriven do funcionamento dos proxectos subvencionados, especialmente as de carácter salarial.

e) Someterse ás actuacións de comprobación e control que poida efectuar a Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Para os efectos dun correcto seguimento do desempeño das tarefas subvencionadas, a entidade beneficiaria da subvención deberá manter unha planificación semanal permanentemente actualizada e respecto de cada unha das persoas traballadoras contratadas, no relativo ao lugar de realización do servizo e á distribución do tempo de traballo por día da semana. A dita planificación deberá estar á disposición da Administración actuante para achegala cando se lle requira.

f) Comunicarlle á Secretaría Xeral de Emprego, nun prazo de 5 días, aquelas modificacións substantivas que afecten a realización da actividade que vaian desenvolver as persoas traballadoras contratadas, co obxecto de que poida valorar se o seu carácter produce unha alteración substancial das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

g) Comunicarlle á Secretaría Xeral de Emprego a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional.

h) Reintegrar os fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 23 desta orde.

i) Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Seguimento

1. Coa fin de efectuar un seguimento adecuado da execución dos proxectos mediante as subvencións reguladas nesta orde, a entidade beneficiaria deberá someterse ao cumprimento das seguintes obrigas:

a) No lugar onde se realicen os servizos deberá figurar, de forma visible, un cartel informativo, no modelo normalizado establecido e publicado pola Secretaría Xeral de Emprego na web institucional da Xunta de Galicia no enlace: http://emprego.ceei.xunta.gal/carteis-informativos-programas-de-cooperacion, no cal constará o cofinanciamento por parte dos servizos públicos de emprego.

b) Utilizar os documentos de información ás persoas traballadoras da subvención no modelo normalizado na web institucional da Xunta de Galicia no enlace http://emprego.ceei.xunta.gal/programas-de-cooperacion.

2. Sen prexuízo da obriga de xustificación das subvencións percibidas nos termos establecidos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e na presente norma, as entidades beneficiarias das axudas deberán:

a) Manter un sistema de contabilidade separada ou unha codificación contable adecuada de todas as transaccións realizadas con cargo aos proxectos subvencionados, referidos a operacións da afectación da subvención á finalidade da súa concesión.

b) Manter unha pista de auditoría suficiente e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

c) Presentar ante a Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, no prazo máximo de dous meses, unha vez finalizada a execución dos proxectos subvencionados, a seguinte documentación:

– Unha memoria final sobre as actividades realizadas e a práctica profesional adquirida polas persoas traballadoras contratadas, que deberá conter, como mínimo, a descrición do proxecto subvencionado con especificación das actuacións realizadas, do nome, perfil profesional, categoría profesional pola que se contrataron as persoas traballadoras subvencionadas, e a práctica profesional adquirida por elas, a data de inicio e de fin do contrato, asinada tanto pola persoa traballadora como polo responsable da entidade.

– Extracto bancario xustificativo do ingreso do importe da subvención concedida.

– Un certificado de fin de servizo e anexos correspondentes segundo o modelo que se publica na web institucional da Xunta de Galicia no enlace http://emprego.ceei.xunta.gal/programas-de-cooperacion.

– Nóminas aboadas ás persoas traballadoras que se contraten e boletíns de cotización á Seguridade Social (recibo de liquidación de cotizacións e relación nominal de persoas traballadoras, ou documento equivalente expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social), así como os documentos bancarios correspondentes que acrediten o seu pagamento (transferencias bancarias, imprescindibles no caso das nóminas) e mais o modelo 190 (retencións e ingresos á conta do IRPF) e xustificantes do seu pagamento (modelo 111) correspondente ao período en que se desenvolveu o proxecto, unha vez que se dispoña deles.

– Documentación acreditativa do mantemento do sistema de contabilidade separada a que se refire o punto 2.a) deste artigo.

d) Control dos resultados obtidos. As entidades deberán realizar as seguintes tarefas:

– As entidades deberán facilitar unha base de datos coa información de contacto das persoas traballadoras contratadas no marco desta orde (nome, apelidos, DNI, correo electrónico e teléfono), co obxectivo de remitirlles desde a Secretaría Xeral de Emprego o cuestionario de avaliación da calidade da contratación, segundo o procedemento e o modelo que se facilite desde a Secretaría Xeral de Emprego.

– Aos seis e doce meses desde a súa finalización, as entidades remitirán, debidamente cuberto, o cuestionario de inserción laboral, así como unha base de datos coa información dos cuestionarios, segundo o modelo que se facilite desde a Secretaría Xeral de Emprego. Ademais, estarán obrigadas a proporcionar calquera outra información que se considere pertinente con tal finalidade.

e) Someterse ás actuacións de comprobación sobre o terreo que, con base na mostra seleccionada ou segundo criterios baseados no risco, realice o persoal técnico da Secretaría Xeral de Emprego.

Artigo 23. Perda do dereito ao cobramento e reintegro

Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que se deberá reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedirían: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

b) Incumprimento das condicións exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

c) Non realizar a actividade ou adoptar un comportamento contrario ao que fundamenta a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

d) Incumprimento da obriga de mantemento dun sistema de contabilidade separada ou unha codificación contable axeitada establecida no artigo 22.2.a): reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

e) En caso de ausencia total de pista de auditoría establecida no artigo 22.2.b), reintegro do 100 % do gasto subvencionado.

f) Incumprimento da obriga de presentación de documentación exixida no artigo 22.2.c): no caso de que non se presente ningunha documentación, procederá o reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado, e no suposto de presentación de parte da documentación exixida ou de que a documentación presentada sexa incorrecta, o importe que se deba reintegrar será proporcional ao gasto non xustificado.

g) Incumprimento da obriga de presentación de documentación exixida no artigo 22.2.d): reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

h) Incumprimento do prazo establecido na resolución de concesión para a presentación da documentación xustificativa para o pagamento sinalada no artigo 20.1: perda do dereito a cobramento do pagamento final e reintegro total do anticipo que se percibise.

i) Incumprimento da obriga de satisfacer mensualmente, mediante transferencia bancaria, os pagamentos de carácter salarial, con independencia do cobramento da axuda: reintegro do 100 % sobre o importe obxecto de atraso no aboamento.

j) Incumprimento das obrigas en materia de comunicación establecidas no artigo 22.1: reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

k) Procederá o reintegro total da axuda percibida, máis os xuros de demora, sen prexuízo da incoación de expediente sancionador e demais responsabilidades en que poida incorrer a entidade beneficiaria, no caso de non comunicar a obtención doutras axudas que financien as actuacións subvencionadas.

l) Procederá o reintegro do 10 % da axuda percibida, no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas para a mesma finalidade.

m) En caso de baixa temporal das persoas subvencionadas e se a entidade beneficiaria non devolveu o importe do salario en concepto de remanente, procederá o reintegro do importe dos días correspondentes á baixa temporal.

n) Incumprimento da obriga de manter unha planificación permanentemente actualizada de conformidade co artigo 20.1.e): procederá o reintegro do 10 % da subvención.

A obriga do reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Disposición adicional primeira

A concesión das axudas e subvencións reguladas nesta orde estará supeditada á existencia de crédito orzamentario na aplicación 09.40.322C.481.7 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018.

Disposición adicional segunda

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como as relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En caso de ausencia, vacante ou enfermidade da persoa responsable da Secretaría Xeral de Emprego as atribucións citadas no parágrafo anterior serán exercidas temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, de conformidade co réxime establecido na disposición adicional primeira do Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Disposición adicional terceira

As subvencións para a contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero terán sempre unha duración de doce meses, que deberá iniciarse dentro do exercicio 2018.

Disposición adicional cuarta

Por resolución da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego poderanse establecer os criterios necesarios para que, a través desta orde, en canto aos colectivos prioritarios, se poidan cumprir os obxectivos establecidos polo Servizo Público de Emprego de Galicia, de acordo coas directrices de emprego e as que poidan emanar do diálogo social e institucional en Galicia e demais normativa e acordos que, se é o caso, resulten de aplicación.

Disposición adicional quinta

Para os efectos de que poidan ser tidas en conta na valoración de solicitudes de exercicios posteriores, as oficinas de emprego comunicarán á Secretaría Xeral de Emprego as incidencias que se poidan producir nos procesos de selección, así como a relación de entidades que non lles comuniquen os resultados da selección, de conformidade co establecido no artigo 16.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2018

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file