Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Xoves, 26 de xullo de 2018 Páx. 34902

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 12 de xullo de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o financiamento de actividades de demostración e accións de información para o sector agroforestal e agroalimentario, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2018.

A Consellería do Medio Rural é o órgano da Administración galega ao cal lle corresponde propor e executar as directrices xerais no ámbito rural, englobando as competencias en materia de agricultura, gandaría, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estruturas rurais, industrias agroalimentarias e forestais, montes, prevención e defensa dos incendios forestais.

O Regulamento (UE) nº 1305/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, establece para o período de programación 2014-2020, axudas a actividades de demostración e accións de información incluídas Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 aprobado pola Unión Europea mediante a Decisión comunitaria do 18 de novembro de 2015: C (2015) 8144.

Ademais, publicouse o Regulamento delegado (UE) nº 807/2014 da Comisión, do 11 de marzo de 2014, que completa o Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e da Comisión, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e introduce disposicións transitorias, e o Regulamento de execución (UE) nº 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, que establece as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), que foi modificado polo Regulamento de execución (UE) nº 669/2016 da Comisión, do 28 de abril de 2016.

Por outra parte, publicouse o Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o financiamento, xestión e seguimento da política agraria común, polo que se derrogan os regulamentos (CE) nº 352/78, (CE) nº 164/94, (CE) nº 2799/98, (CE) nº 814/2000, (CE) nº 1290/2005 e (CE) nº 485/2008 do Consello e as normativas que o detallan en maior profundidade: o Regulamento delegado (UE) nº 640/2014 da Comisión, do 11 de marzo de 2014, que completa o Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que respecta ao sistema integrado de xestión e control e ás condicións sobre a denegación ou retirada dos pagamentos e sobre as sancións administrativas aplicables aos pagamentos directos, á axuda ao desenvolvemento rural e á condicionalidade e o Regulamento de execución (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, que establece as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, ás medidas de desenvolvemento rural e á condicionalidade.

As axudas establecidas na presente orde teñen por obxecto fomentar e impulsar unha mellor aprendizaxe e mellorar a capacitación profesional de agricultores, gandeiros e silvicultores que mellore a competitividade e rendibilidade das súas explotacións para a obtención de produtos de calidade, o emprego de métodos de produción compatibles co medio e a conservación e mellora da paisaxe, á vez que se fomenta a iniciativa empresarial de mocidade e mulleres para potenciar o asentamento da poboación e a remuda xeracional, a mellora da xestión das explotacións para aumentar a súa competitividade, o respecto das normas de condicionalidade, así como a diversificación das actividades no medio rural e a igualdade entre homes e mulleres.

Estas axudas están cofinanciadas pola Unión Europea co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, o Estado Español e a Comunidade Autónoma de Galicia, e desenvoltas na submedida 1.2 de actividades de demostración do PDR de Galicia 2014-2020.

En consecuencia, e de acordo co disposto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia, e demais normativa de aplicación

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións destinadas a financiar actividades de demostración e accións de información orientadas a persoas con relación profesional ou con expectativa de incorporación nos sectores produtivos da agricultura, da gandaría, da industria agroalimentaria e da cadea forestal-madeira, dirixidas, en especial, á mocidade e mulleres do medio rural, orientadas a persoas en idade laboral, en activo ou con expectativa de incorporación en sectores produtivos relacionados coa agricultura e a silvicultura, así como facilitar a innovación e a incorporación de novas tecnoloxías e coñecementos aos ditos sectores, coa finalidade de procurar un aumento da produtividade e eficiencia das explotacións agrarias e forestais e das empresas agroalimentarias, e convocar estas axudas, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, parao ano 2018. O seu código de procemento é o MR330B.

2. Para o apoio a estas actividades de demostración e accións de información dotaranse orzamentariamente por separado os seguintes grupos/colectivos de beneficiarios:

a) Axudas para as actividades de demostración e accións de información baixo a submedida 1.2, destinada a actividades cuxos asistentes sexan polo menos o 60 % mulleres.

b) Axudas para as actividades de demostración e accións de información baixo a submedida 1.2, destinada a grupos ou colectivos non comprendidos na letra a).

3. Non se financiará ningunha actividade de investigación nin campos de ensaio.

Artigo 2. Beneficiarias das axudas

Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta orde as entidades privadas, con sede na Comunidade Autónoma de Galicia (entre elas, cooperativas ou outras entidades asociativas agrarias), que teñan entre as súas finalidades a formación e/ou información ao sector que teñan acreditada experiencia de dous anos na organización de actividades de información e/ou demostración en materias relacionadas cos sectores agrícolas, gandeiros, forestais ou agroalimentarios.

Disporán dos medios adecuados e do persoal cualificado para a execución das actividades obxecto da subvención. Titulación universitaria de grao superior ou medio en materias agrarias ou afíns requiridas, segundo se especifica no punto 3.1 de requisitos do beneficiario.

Deberán acreditar experiencia concreta no ámbito da actividade que se vai a desenvolver segundo se especifica no punto 3.1 de requisitos do beneficiario.

Artigo 3. Requisitos das beneficiarias

1. As entidades beneficiarias das actividades de demostración e accións de información deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) A beneficiaria deberá ter unha sede no territorio autónomo de Galicia.

b) A documentación de constitución da entidade debe ter como obxecto ou finalidade a formación ou o desenvolvemento do medio rural galego.

c) Contar coas licenzas e autorizacións administrativas correspondentes.

d) Cumprir coas súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

e) Contar cun responsable de formación, cun nivel de titulación universitaria de grao medio ou superior, ou con experiencia profesional acreditada no ámbito da actividade que desenvolva a entidade.

O persoal docente de prácticas deberá contar, como mínimo, coa titulación de formación profesional dos ciclos medio ou superior da familia agraria ou asimilados.

Poderán ser docentes/relatores de accións de demostración os titulares de explotacións agrarias, titulares forestais ou dunha empresa agroalimentaria que acrediten unha experiencia no sector mínima de 5 anos.

f) Acreditar experiencia de polo menos 2 anos na organización de actividades de información e/ou demostración en materias relacionadas cos sectores agrícolas, gandeiros, forestais ou agroalimentarios, ou acreditar unha actividade produtiva ou profesional nalgún dos sectores agrícolas, gandeiros, forestais ou agroalimentarios de, polo menos, 5 anos.

g) Dispor dunha póliza de seguros de responsabilidade civil referente ás instalacións onde se realizarán as actividades e da póliza de seguro de accidentes e responsabilidade civil que cubra a totalidade do persoal docente ou relator e dos asistentes, que deberá estar a nome da entidade beneficiaria.

h) Posuír personalidade xurídica propia e suficiente capacidade de obrar e non estar inhabilitada para a obtención pública ou para contratar co Estado, coas comunidades autónomas ou outros entes públicos.

i) Non incorrer nalgunha das circunstancias relacionadas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Os consellos reguladores das denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario que aínda non teñan acadada personalidade xurídica de seu, por non ter adaptados os seus regulamentos ao establecido na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, poderán solicitar as axudas reguladas pola presente orde sempre que cumpran co recollido no punto 3 do artigo 8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Deberán reunir os requisitos establecidos no PDR de Galicia 2014-2020, o cal recolle que poderán ser beneficiarios da medida a Administración autonómica, polas actividades que organice baixo a súa propia iniciativa e as entidades públicas ou privadas que teñan entre as súas finalidades a formación e/ou información ao sector e teñan acreditada experiencia na organización de actividades de información e/ou demostración en materias relacionadas cos sectores agrícolas, gandeiros, forestais ou agroalimentarios.

Artigo 4. Actividades subvencionables

1. Actividades de demostración: sesión práctica para ilustrar unha tecnoloxía, o uso de maquinaria nova ou significativamente mellorada, un novo método de protección dos cultivos ou dunha técnica específica de produción. Estas actividades poden tomar a forma, por exemplo, de campos de demostración. A actividade levarase a cabo nas explotacións ou noutros lugares, como centros públicos e privados onde se leven a cabo actividades relacionadas coa agricultura, gandaría, forestal e agroalimentarias.

2. Accións de información: actividades de difusión de información de interese para os sectores da agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e silvicultura. Poden tomar a forma de accións de divulgación, congresos, feiras, xornadas de portas abertas, información en medios impresos e electrónicos ou sesións informativas.

3. A temática das actividades subvencionables versará sobre as seguintes materias:

– Accións dirixidas á incorporación das TIC aos procesos produtivos e/ou de xestión
e/ou información.

– Actividades formativas de innovación en procesos agrarios.

– Xestión empresarial. Emprendemento. Xestión comercial. Comercio exterior.

– Reestruturación de explotacións.

– Seguridade alimentaria, calidade, prevención de riscos e ambiente na industria alimentaria.

– Agricultura ecolóxica.

– Control integrado de pragas.

– Eficiencia na xestión e uso dos recursos naturais.

– Restauración, preservación e mellora de ecosistemas.

– Uso eficiente de maquinaria agrícola.

– Enerxías renovables.

– Medidas agroambientais.

– Biodiversidade: rede Natura 2000.

Artigo 5. Gastos subvencionables

1. Serán subvencionables os gastos directamente relacionados coa organización, realización e impartición das actividades de demostración e accións de información e, en particular, os seguintes conceptos, que se deberán xustificar logo de realizar a actividade (ata unha prima máxima que marca o artigo 6.1).

a) Custos directos de persoal: gastos de profesorado ou relatores.

b) Gastos en medios e material didáctico, textos e materiais dun só uso para os asistentes, así como o material funxible empregado durante as actividades.

c) Gastos de alugamento de aulas, instalacións e de maquinaria requiridos polo desenvolvemento da actividade.

d) Gastos de transporte e aloxamento motivados pola realización de viaxes didácticas previstas nas actividades.

e) Custos de investimento directamente vinculados coa actividade de demostración e información, para o cal se terá en conta o artigo 45 do Regulamento (UE) nº 1305/2013. Neste caso, unicamente se considerarán subvencionables os custos de amortización correspondentes á duración do proxecto de demostración e durante o período de demostración, calculados de acordo cos principios contables xeralmente aceptados e ata un máximo de 20.000 euros.

f) Gastos derivados do pagamento de entradas, guía e intérprete no caso de que a visita orixinase ese tipo de gasto.

g) Gasto de publicidade da actividade.

h) O IVE só será subvencionable no caso de que sexa real e definitivamente soportado polo beneficiario e, polo tanto, non recuperable. Para tal fin, cubrir a declaración xurada (anexo I), de non ser así considerarase non subvencionable.

i) Con base no establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o beneficiario poderá subcontratar, total ou parcialmente a actividade, xustificando debidamente a non dispoñibilidade de medios propios para levala a cabo (anexo I).

2. Serán gastos subvencionables os que se executen con posterioridade á publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e sexan xustificados no prazo sinalado para iso.

3. As accións de demostración e información que se integren nos cursos previstos na submedida 1.1 Formación Profesional e adquisición de competencias valoraranse de xeito independente e complementaria, evitando duplicidade de pagos. Todos os custos se aboarán na entidade beneficiaria que presta o servizo, de tal xeito que os custos imputados a participantes serán aboados previamente por ela aos interesados. En todo caso, observarase o establecido pola instrución elaborada pola autoridade de xestión AX05 2014_2020.

Artigo 6. Contía das axudas e participación

A determinación da contía das axudas realizarase en función do número de solicitudes presentadas e da dispoñibilidade orzamentaria, de acordo cos criterios de priorización que se establecen no artigo 16. Ademais, teranse en conta os importes seguintes por liña de axuda:

1. A prima básica máxima será de 1.000 euros por organización da actividade para un máximo de 20 horas (se a duración é menor, aplicarase a redución correspondente). Por cada participante suplementario concederase un máximo de 50 euros. O máximo da axuda será de 2.150 euros para unha actividade de 20 horas (1.000 euros de prima básica á cal se poderá sumar ata un máximo de 1.150 euros no caso da admisión de participantes suplementarios).

As actividades de demostración e accións de información terán unha duración mínima de 5 horas e unha duración máxima de 20 horas. Ademais, será necesario un número mínimo de 10 participantes (e, en casos excepcionais, de 7 participantes debidamente xustificado na solicitude) para a aprobación destas accións e actividades. O cálculo das axudas efectuarase en función destes parámetros: número de horas e número de participantes.

2. Concederase unha axuda de ata un máximo de 8.000 euros por entidade e ano para actividades de demostración e accións de información.

Só serán elixibles as actuacións destinadas ás persoas vinculadas profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, ou con expectativa de incorporación, en especial mozos ou mulleres do medio rural.

Todos os participantes que non estean recollidos no parágrafo anterior non computarán para os efectos de valoración e xustificación de pagamento.

3. No suposto de organización de visitas para as actividades de demostración e accións de información, financiarase o 100 % dos gastos de desprazamento nun medio de transporte colectivo; estas visitas terán unha duración máxima de 2 días, a razón de máximo un día por cada dez horas de actividade, e deberá de xustificarse a oportunidade e necesidade do uso dese transporte concreto nos termos seguintes:

Debido á variabilidade dos prezos segundo a época do ano e lugar de destino non se fixa un máximo para os gastos de desprazamento que serán financiados ao 100 %, sempre e cando sexan debidamente xustificados; deberá ser xustificada a elección do medio de transporte tendo en conta os prezos do mercado máis vantaxosos. Establécese a seguinte orde de prioridade do uso dos distintos medios de transporte:

– Tipo 1. Transportes colectivos con tarifas públicas.

– Tipo 2. Transportes colectivos sen tarifas públicas, neste caso deberase asegurar a moderación de gasto escollendo o prezo de mercado máis vantaxoso (deberase presentar, como mínimo, tres orzamentos).

– Tipo 3. Transporte particular.

O uso dun medio de transporte comprendido no tipo 2 implica a xustificación de non dispoñibilidade dun transporte do tipo 1, ou a presentación dun orzamento máis vantaxoso. Así mesmo, o uso dun transporte de tipo 3 implicará a xustificación da non dispoñibilidade dun transporte dos tipos 1 e 2, ou a presentación dun orzamento máis vantaxoso. De non ser xustificados nestes termos os gastos de desprazamentos, non se considerarán elixibles.

Artigo 7. Financiamento das axudas

1. As axudas económicas para actividades de demostración e información faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 13.02.422L.770.0, o código de proxecto 201600214, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, para o ano 2018. A contía total máxima para esta liña de axuda alcanza o total de 301.592,32 euros que se repartirán en dúas anualidades: no ano 2018 o crédito destinado á subvención é de cento sesenta e un mil cincocentos oitenta euros con corenta e dous céntimos (161.580,42 euros), e para o ano 2019 é de cento corenta mil once euros con noventa céntimos (140.011,90 euros).

2. A repartición estimada segundo o colectivo de destinatarios é:

a) Actividades con participación de a lo menos o 60 % de mulleres, 80.790,21 euros para o ano 2018 e 70.005,95 euros para anualidade 2019.

b) Actividades non incluídas na epígrafe anterior, 80.790,21 euros para o ano 2018 e 70.005,95 euros para anualidade 2019.

3. A contía indicada poderá incrementarse en función das solicitudes presentadas e sempre que teña lugar unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa, segundo as exixencias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O aludido incremento debe publicarse no DOG e na páxina web da Consellería do Medio Rural (www.xunta.gal/medio-rural).

4. As axudas están financiadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural nun 75 %, con fondos propios da Xunta de Galicia nun 22,5 % e con fondos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación nun 2,5 %.

Artigo 8. Aplicación da normativa comunitaria sobre axudas públicas

Ás axudas reguladas nesta orde seranlles de aplicación os artigos 14 e 81 do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). Igualmente, aplicaránselle os artigos 42, 107, 108 e 109 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea (TFUE).

As axudas de transferencia de coñecementos e actividades de información no sector forestal están comunicadas polo Estado español e concedidas de conformidade co artigo 38 do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, polo que se declaran determinadas categorías de axudas nos sectores agrícola e forestal en zonas rurais compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do TFUE.

Artigo 9. Compatibilidade das axudas

O importe das axudas reguladas na presente orde en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou de entes privados, nacionais ou internacionais, o orzamento solicitado e serán incompatibles coa percepción de axudas comunitarias para o mesmo fin en virtude do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ás axudas de desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural ou doutros fondos comunitarios.

Artigo 10. Órgano responsable da tramitación

O órgano responsable da instrución dos expedientes das axudas recollidas nesta orde será a Subdirección Xeral de Formación e Innovación Agroforestal.

Artigo 11. Obriga de relacionarse electronicamente

Nos termos previstos no artigo 14.2 da Lei 39/2015, as persoas xurídicas están obrigadas a relacionarse a través de medios electrónicos coas administracións públicas.

Tendo en conta o anterior, tanto a presentación das solicitudes de axuda como os demais trámites necesarios para a xestión deste procedemento administrativo, incluídos os requirimentos de emenda e as notificacións, faranse a través de medios electrónicos, nos termos previstos nestas bases reguladoras.

Artigo 12. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As solicitudes estarán dirixidas á Dirección Xeral de Ordenación Forestal e serán presentadas pola entidade solicitante, que debe cumprir o disposto no artigo 1 da presente orde, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte da súa publicación no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.gal, de acordo co establecido no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requeriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. As entidades que, reunindo os requisitos sinalados nesta orde, desexen realizar as actividades descritas no artigo 4 desta orde, deberán formalizar a correspondente solicitude no modelo normalizado que se publica como anexo I. Os modelos de solicitude, independentemente da súa publicación como anexos a esta orde, poden atoparse na Guía de procedementos e servizos do enderezo https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos

5. Só poderá presentarse para esta convocatoria unha solicitude por NIF, que poderá ter unha ou máis actividades.

6. A solicitude será subscrita polo representante da entidade, segundo o anexo I desta convocatoria.

Artigo 13. Documentación complementaria necesaria para tramitar o procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Ficha técnica de cada actividade solicitada, segundo o modelo que figura no anexo II desta orde, debidamente cuberta.

b) Historial profesional da persoa designada como responsable da acción que se vai realizar que conteña: titulación, profesión, experiencia e vinculación coa actividade que cómpre desenvolver. Ademais, cadro de profesorado ou relatores que as vaian impartir, acompañado da copia do título académico, currículo e relación das materias que vai impartir cada un.

c) Memoria explicativa da acción para a cal se solicita a axuda, que deberá desenvolver os seguintes contidos: antecedentes, obxectivos, contidos, duración, medios propios da entidade que se empregarán na súa realización, beneficios da actividade, persoas a que vai dirixida, experiencia da entidade neste tipo de actividades, calendario detallado da actividade, orzamento desagregado das actuacións para as que solicita a subvención, especificando, para cada actividade, os distintos conceptos de gasto e datas estimadas nas que se producirán as xustificacións de gasto, de ser o caso, medios didácticos e humanos que se empregarán e lugar e calendario detallado da actividade.

d) Memoria explicativa das características da entidade solicitante e medios persoais e materiais dos que dispón para o desenvolvemento de actividades.

e) Copia da póliza de seguro de responsabilidade civil referente ás dependencias onde se realizarán as actividades e copia da póliza do seguro de accidentes e de responsabilidade civil que cubra a totalidade do persoal docente ou relator e do alumnado ou compromiso de subscribilo, que deberá estar a nome da entidade beneficiaria.

Deberá incluírse, se é o caso, documentación acreditativa da relación de aseguramento do profesorado.

f) Declaración responsable sobre o obxecto social da entidade (anexo I) xunto coa copia dos estatutos fundacionais ou constitutivos da entidade solicitante, na cal apareza recollido o seu obxecto social.

g) Documento acreditativo da personalidade e certificación da inscrición no rexistro correspondente da entidade solicitante.

h) Declaración responsable acreditando a representatividade suficiente para asinar a solicitude (anexo I) xunto co documento acreditativo da dita representatividade.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica, por parte da persoa solicitante ou representante, supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

6. Aquelas solicitudes en que falte a documentación solicitada, requirirase o solicitante para que, no prazo de dez (10) días hábiles achegue a documentación que falte.

7. Se a documentación achegada está incompleta, requirirase o solicitante para que, nun prazo de dez días hábiles, que comezará a contar o día seguinte ao de recepción do requirimento, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se non o fixer, se terá por desistido da súa petición, e procederase ao arquivamento das actuacións despois da notificación da resolución en tal sentido, de acordo co establecido nos artigos 21 e 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 14. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) Certificado de estar ao día do pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

c) Certificado de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social.

d) Certificado de estar ao día do pagamento de obrigas tributarias coa Atriga.

2. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 15. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A través da carpeta do cidadán dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, os interesados poderán relacionarse electronicamente coa Administración competente e realizar os trámites necesarios para a tramitación do procedemento, consultar o seu estado de tramitación e coñecer os actos de trámite realizados con indicación do seu contido, así como da data en que foron ditados.

Artigo 16. Avaliación das solicitudes

1. Para avaliar as solicitudes presentadas teranse en conta os seguintes criterios de puntuación:

I. Calidade técnica da proposta (máximo 30 puntos).

a) Programación da actividade. Este criterio fundaméntase na importancia que teñen as actividades prácticas á hora de realizar accións de transferencia de coñecementos:

– Máis de 50 % horas prácticas: 10 puntos.

b) Accións de innovación. Este criterio ten especial incidencia na área focal 2A (mellorar os resultados económicos das explotacións facilitando a reestruturación e modernización destas).

– Novas alternativas produtivas: 10 puntos.

– Desenvolvemento de novos procesos ou tecnoloxías: 10 puntos.

II. Temática da proposta (máximo 60 puntos):

a) Actividades de demostración de proxectos innovadores. Con este criterio preténdese incentivar e fomentar a innovación aplicada a distintas e diversas actividades no ámbito rural. Aplícase, en concreto, no ámbito da área focal 1A (fomentar a innovación, cooperación e o desenvolvemento da base de coñecemento nas zonas rurais) e da área focal 2A (mellora os resultados económicos das explotacións e facilita a súa reestruturación e modernización con obxecto de incrementar a súa orientación cara o mercado, así como a diversificación agrícola):

– Incorporación das TIC: 10 puntos.

– Xestión empresarial, emprendemento, xestión comercial, reestruturación das explotacións: 5 puntos.

– Produción ecolóxica: 5 puntos.

– Control integrado de pragas: 5 puntos.

– Eficiencia na xestión e uso dos recursos naturais: 5 puntos.

– Restauración, preservación e mellora de ecosistemas: 5 puntos.

– Uso eficiente de maquinaria agrícola: 5 puntos.

– Enerxías renovables: 5 puntos.

– Medidas agroambientais: 5 puntos.

b) Accións que proveñan de iniciativas de cooperación. Este criterio aplícase, en concreto, baseándose na área focal 1A (fomentar a innovación, cooperación e desenvolvemento da base de coñecemento nas zonas rurais):

– Por cada explotación colaboradora: 2 puntos.

– Por cada empresa colaboradora: 3 puntos.

– Por cada entidade asociativa colaboradora: 5 puntos.

III. Desenvolvemento de accións en zonas de montaña ou desfavorecidas, en aplicación do Regulamento (UE) nº 1305/2013 (máximo 10 puntos):

a) Accións que se desenvolvan en zonas de montaña: 10 puntos.

b) Accións que se desenvolvan noutras zonas con limitacións naturais: 5 puntos.

IV. Tipoloxía dos destinatarios. Este criterio fundaméntase nos obxectivos da área focal 2B (facilitar a entrada no sector agrario de agricultores adecuadamente formados e en particular para a remuda xeracional). En aplicación do artigo 7 do Regulamento (UE) nº 1305/2013, así como as restantes directivas europeas de aplicación para a igualdade de xénero (máximo 35 puntos):

– Mulleres e mozos/as agricultores/as: 30 puntos.

– Persoas con situación acreditada de estar en risco de pobreza e/ou exclusión social: 5 puntos.

2. A solicitude de axuda deberá acadar un limiar mínimo de puntuación de 41 puntos que se corresponderá co 30 % da puntuación máxima total que se poida acadar no procedemento de selección (135 puntos) en función dos criterios de selección aplicados.

Seleccionaranse aquelas actuacións que obteñan unha maior puntuación como resultado de aplicar os criterios de selección. No caso de empate resolverase segundo as solicitudes obtivesen maior puntuación nos criterios e na orde seguinte:

1º. Actividades de innovación.

2º. Temática das actividades de demostración.

3º. Accións que proveñan de iniciativas de cooperación.

4º. Accións que se desenvolvan en zonas de montaña.

A selección das solicitudes en función dos criterios establecidos nesta submedida será realizada a través dunha comisión de valoración, nomeada para os efectos polo órgano competente. A actuación da dita comisión como órgano colexiado estará suxeita ao establecido na Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público.

Artigo 17. Resolución e notificacións

1. A resolución de concesión das axudas corresponderalle ao director xeral de Ordenación Forestal, por delegación da conselleira do Medio Rural, logo da avaliación das solicitudes por unha comisión. A dita avaliación conterá unha relación priorizada das solicitudes que se propoñen para ser financiadas co seu correspondente orzamento, e a relación de solicitudes que se consideran non financiables. Conforme o artigo 21.3 e 4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o informe de avaliación debe incluír o resultado da avaliación das solicitudes efectuada de conformidade cos criterios de valoración establecidos nas bases reguladoras e convocatoria.

1.1. A avaliación das solicitudes e determinación da contía da axuda será realizada por unha comisión. Para avaliar as solicitudes a comisión aplicará os criterios expostos no artigo 16. Para determinar a contía da axuda a cada beneficiario, a comisión aplicará a metodoloxía que se recolle no artigo 6 desta orde. A dita comisión actuará como un órgano colexiado constituído polos seguintes membros:

a) Presidenta: a subdirectora xeral de Formación e Innovación Agroforestal, ou a persoa en que delegue.

b) Secretario/a: un/unha funcionario/a da Dirección Xeral de Ordenación Forestal, nomeado/a polo director xeral, que actuará con voz e voto.

c) Vogais: tres funcionarios/as nomeados/as, respectivamente, polo mesmo director xeral de Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural.

1.2. Se, por calquera causa, no momento en que a comisión de avaliación teña que examinar as solicitudes, algún dos seus integrantes non puider asistir, será substituído polo funcionario que, para o efecto, designe o director xeral de Ordenación Forestal.

2. A resolución deberá ser notificada aos beneficiarios de forma individualizada de acordo co previsto nos artigos 40 e 42 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo da publicación no Diario Oficial de Galicia das subvencións concedidas, de conformidade co establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A dita notificación deberá informar os beneficiarios de que a medida se subvenciona en virtude dun programa cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e enmárcanse dentro do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, medida 1, submedida 1.2, áreas focais 1A, 1C, 2A e 2B e tamén a obriga do beneficiario en cuestión de publicidade, establecida no anexo III do Regulamento (UE) nº 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, que foi modificado polo Regulamento de execución (UE) nº 669/2016 da Comisión, do 28 de abril de 2016.

2.1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2.2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á conta de correo que conste na solicitude para os efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

2.3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

2.4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación se que se acceda ao seu contido.

2.5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro da presente convocatoria será de 3 meses contados a partir do día seguinte ao desta publicación. De non mediar resolución expresa no devandito prazo, as solicitudes poderán entenderse desestimadas.

4. A Subdirección Xeral de Formación e Innovación Agroforestal poderá solicitar calquera aclaración ou documento que considere necesario para a correcta tramitación do expediente.

5. Non se concederán nin pagarán subvencións a solicitantes ou beneficiarios que non estean ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria e coa Seguridade Social, ou que teñan débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Para eses efectos, a presentación da solicitude de axuda implica a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións acreditativas correspondentes da Axencia Estatal da Administración Tributaria, Tesouraría Xeral da Seguridade Social e Consellería de Facenda. A acreditación de non estar incurso nas prohibicións que impiden obter a condición de beneficiario comprobarase antes de resolver as solicitudes de subvención.

6. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas, de ser o caso.

7. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención. Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería do Medio Rural.

Artigo 18. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Poderase acordar a modificación da concesión por instancia do beneficiario, sempre que se presente a solicitude de modificación con anterioridade á data de finalización do prazo de xustificación das actividades obxecto de subvención, que nestas axudas coincide co prazo para a súa realización, e se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial non supuxesen a denegación da subvención.

3. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo director xeral de Ordenación Forestal por delegación da conselleira do Medio Rural logo da instrución do correspondente expediente no cal se lle dará audiencia ao interesado.

Artigo 19. Aceptación e renuncia

Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, os beneficiarios disporán de 10 días hábiles para a súa aceptación desde a notificación desta, transcorrido o cal sen que producise manifestación expresa, se entenderá tacitamente aceptada.

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao disposto no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, o director xeral de Ordenación Forestal, por delegación da conselleira, ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da mesma lei.

Artigo 20. Obrigas dos beneficiarios

1. Sen prexuízo das demais obrigas que resulten do capítulo III do título preliminar do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios das subvencións concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigados a:

a) Facer constar en todos os documentos e publicidade da actividade o anagrama da Xunta de Galicia, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), o emblema da Unión Europea vinculado coa declaración: «Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural: Europa inviste no rural» e unha referencia á axuda do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural. Así mesmo, no desenvolvemento da dita actividade, infórmaselles aos participantes que está financiada pola Consellería do Medio Rural, polo MAPA e polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural.

En relación coa impartición das accións deberán figurar, sempre en lugar visible, a publicidade da actividade e o cartel da cofinanciación (anexo VII) permanecendo expostos ao longo da celebración da dita actividade (aulas, instalacións, talleres, autobús...).

Todas as actividades de información e publicidade que se desenvolvan ao abeiro desta orde deberán de levarse a cabo de acordo co anexo III do Regulamento (UE) nº 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1305/2013, e co disposto na estratexia de información e publicidade do PDR 2014-2020 de Galicia. O beneficiario deberá recoñecer o apoio do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural mostrando:

– O emblema da Unión.

– Unha referencia á axuda do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural.

Durante a realización da operación, o beneficiario informará o público da axuda obtida do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, presentando no sitio web do beneficiario para uso profesional, no caso de que exista tal sitio, unha breve descrición da operación cando poida establecerse un vínculo entre o obxecto do sitio web e a axuda presentada pola operación, en proporción ao nivel de axuda cos seus obxectivos e resultados destacando a axuda financeira da Unión.

Os carteis, paneis ou placas e sitios web levarán unha descrición do proxecto ou da operación e os elementos descritos anteriormente. Esta información ocupará, como mínimo, o 25 % do cartel, da placa ou da páxina web.

b) Comunicarlle á Subdirección Xeral de Formación e Innovación Agroforestal calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar o desenvolvemento da actividade.

c) Conforme o disposto no artigo 66.1.c) do Regulamento (UE) nº 1305/2013, o beneficiario da axuda deberá levar un sistema de contabilidade separado ou ben un código contable axeitado para todas as transaccións relativas á operación subvencionada.

d) Someterse ás actuacións de supervisión e control que en calquera momento poidan acordar os servizos competentes da Subdirección Xeral de Formación e Innovación Agroforestal tanto no relativo ao desenvolvemento da actividade como á súa xestión e tramitación administrativa.

e) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control. A maiores, ao tratarse de axudas cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, os beneficiarios deberán someterse aos específicos controis administrativos, sobre o terreo e a posteriori, segundo o recollido no Regulamento (UE) nº 809/2014.

f) O Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello establece no seu artigo 71 o compromiso por parte dos beneficiarios de proporcionar á autoridade de xestión, aos avaliadores ou a outros organismos en que a dita autoridade delegase a realización destas tarefas, toda a información necesaria para poder realizar o seguimento e avaliación do programa, en particular, en relación co cumprimento de determinados obxectivos e prioridades.

2. Dez días antes do inicio das actividades, as entidades beneficiarias remitirán á Subdirección Xeral de Formación e Innovación Agroforestal, e adiantarán a dita comunicación por correo electrónico transferenciatecnoloxica.cmr@xunta.gal ou fax 981 54 66 99, na que se consignen os seguintes datos:

a) Planificación temporal e horaria do programa das actividades que se vaian realizar, datas exactas de inicio e remate e enderezo completo do lugar en que se desenvolverán.

b) A confirmación do persoal técnico que vai impartir a actividade.

c) Datos persoais, enderezo e teléfono da persoa responsable da coordinación e xestión directa da actividade.

d) Solicitude de asistencia de cada alumno, segundo o modelo que se xunta como anexo III.

Calquera cambio sobre as actividades concedidas deberá ser solicitado por instancia do beneficiario e non poderán realizarse de non ter aprobación expresa polo órgano competente. E en todo caso, deberán respectar os prazos establecidos neste punto.

3. Ao rematar a actividade formativa, as entidades beneficiarias terán a obriga de remitirlle á Subdirección Xeral de Formación e Innovación Agroforestal a seguinte documentación:

a) Xustificantes detallados do gasto segundo se indica no artigo 21.

b) Copia dos controis de presenza nas horas lectivas dos asistentes, segundo o modelo que se xunta como anexo IV, que serán asinados por quen imparta cada actividade de demostración ou de información e polo persoal coordinador das accións subvencionables.

c) Un exemplar da publicidade empregada no curso cos anagramas correspondentes de cada publicación que se realice e do material didáctico utilizado ou distribuído entre os asistentes.

d) Seguimento das actividades subvencionables segundo o modelo que se xunta como anexo V, debidamente cuberto.

e) Unha enquisa acreditativa da avaliación da calidade da formación impartida, segundo o anexo VI.

Artigo 21. Xustificación e pagamento das subvencións

1. Para a xustificación e pagamento das subvencións procederase conforme o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así coma na instrución elaborada pola Autoridade de Xestión AX06 2014_2020.

2. Con carácter xeral, a xustificación da axuda de cada unha das actividades realizarase dentro dos quince días seguintes á súa finalización e coa data límite do 31 de outubro de 2018 na anualidade 2018 e do 31 de outubro de 2019 na anualidade 2019.

A documentación correspondente á xustificación do investimento presentarase igualmente de forma electrónica.

3. A xustificación da axuda para cada tipo de gasto subvencionable realizarase de acordo coas seguintes normas:

a) Presentación das copias dos recibos ou facturas correspondentes aos gastos de profesorado ou relatores acompañados da copia do xustificante de ingreso ou transferencia bancaria na conta de cada perceptor. Ao confeccionar o recibo terase en conta a retención aplicable no imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF).

Para os gastos de formadores ou relatores, estes non superarán a contía de 60 euros/hora. Unicamente en casos excepcionais, debidamente motivados e fundamentados no nivel de dificultade técnica e na calidade académica do docente, se poderá exceder a anterior contía económica ata un máximo de 100 euros/hora.

b) Presentación das copias das facturas xustificativas dos gastos realizados. Xunto coas copias das facturas, presentaranse os seus correspondentes xustificantes de pagamento.

c) Con carácter xeral, os gastos xustificaranse mediante recibo, factura ou outros documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, xunto co xustificante de ingreso ou transferencia bancaria na conta de cada perceptor.

d) Non se admitirán os pagamentos en metálico. Con carácter excepcional, admitiranse pagamentos en metálico cando o seu importe, individual ou en conxunto por provedor, non supere os 100 euros, neste caso o pagamento xustificarase mediante certificación expresa, asinada, datada e cuñada polo provedor, na cal se faga constar a recepción do importe facturado e o medio de pagamento empregado, así como o compromiso do provedor de someterse ás actuacións de control e comprobación na súa contabilidade da realidade do pagamento. Esta certificación acompañará a factura preceptiva.

e) As facturas deberán ter os distintos conceptos que inclúa e o IVE desagregados, ademais de reunir o resto dos requisitos sinalados no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o regulamento das obrigas de facturación.

f) Remitirán unha memoria final en que resuman, de forma detallada, as actividades desenvolvidas.

4. De acordo co establecido no artigo 48.2.e) do Regulamento de execución (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que respecta á aplicación dos procedementos de control e á condicionalidade en relación coas axudas ao desenvolvemento rural, os controis administrativos das solicitudes de axuda incluirán, entre outras cousas, a moderación dos custos propostos, que se avaliará mediante un sistema adecuado de avaliación. Para todos os gastos incluídos na solicitude de axuda deberanse solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación, e presentar coa solicitude de axuda. As ofertas presentadas para cada gasto deberán cumprir os seguintes requisitos:

– Deberán proceder de empresas que teñan como obxecto social a fabricación ou subministración dos bens ou servizos incluídos na oferta.

– Non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas, nin co solicitante, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público.

– Deberán incluír como mínimo o NIF, nome e enderezo da empresa oferente, o nome ou razón social da empresa solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados. Para que a descrición dos conceptos se considere detallada deberá incluír, no caso de subministración de maquinaria e equipamentos, a súa marca, modelo, así como características técnicas, e no caso de prestación de servizos, a descrición detallada destes.

Non se considerarán admisibles as ofertas presentadas que non reúnan estes requisitos, o que poderá dar lugar a exclusión como subvencionable do gasto xustificado con esa oferta.

A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme a criterios de eficiencia e economía e debe xustificarse expresamente nunha memoria a elección, baseada nos criterios sinalados, cando non recaia na proposta económica más vantaxosa. No caso de non ser así, considerarase como importe máximo subvencionable para ese concepto o correspondente á proposta económica máis vantaxosa.

Excepcionalmente, no caso de conceptos subvencionables que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren, a moderación de custos poderá xustificarse alternativamente mediante un informe dun taxador, perito ou dun organismo público autorizado no que se determine xustificadamente o seu valor de mercado.

Non se considerarán subvencionables os gastos en que non se xustifique a moderación de custos conforme os requisitos sinalados neste apartado.

Naqueles casos de custos de pouca contía (máximo de 300 euros), poderase substituír o sistema de comparación de ofertas diferentes pola referencia a prezos de mercado ou a bases de datos de prezos. Cómpre recordarlle que os custos, con independencia da súa contía, deberán analizarse mediante un sistema de avaliación axeitado como custos de referencia, facendo unha actualización periódica de bases de datos, un comité de expertos ou a comparación de ofertas diferentes. Neste último caso, deberá comprobarse que as ofertas son auténticas e non de compracencia (contido idéntico, erros idénticos, aparencia sinxela, etc.), de provedores reais e independentes, que estean o suficientemente detalladas e inclúan os mesmos elementos para seren comparables.

Malia o anterior, segundo o recollido no artigo 24.2 do Regulamento 65/2011 e o artigo 30.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o órgano xestor poderá comprobar en calquera dos tres sistemas de moderación o valor de mercado dos gastos.

5. No momento da xustificación final do gasto o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das subvencións solicitadas das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes, así como doutros entes públicos ou privados, tanto das aprobadas e concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo obxecto que corresponde ás subvencións reguladas nesta orde.

Artigo 22. Controis administrativos e in situ

1. A Consellería do Medio Rural poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións. O cumprimento de todos os compromisos contraídos e das obrigas legais estará sometido a control. As actividades de control consistirán tanto en controis administrativos como en inspeccións in situ, segundo o Regulamento (UE) nº 809/2014.

2. O expediente correspondente a cada beneficiario das axudas conterá toda a información relativa aos resultados dos controis administrativos e, de ser o caso, das inspeccións in situ que xustifiquen que a concesión destas axudas se axustou ao que establece a normativa comunitaria que os regula.

3. Seralles de aplicación ás axudas recollidas nesta orde o referido ao réxime de controis, reducións e exclusións reguladas no Regulamento (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, ás medidas de desenvolvemento rural e á condicionalidade.

A contía da subvención que se pagará calcularase con base no que resulte subvencionable durante os controis administrativos da xustificación e a solicitude de pagamento presentada polo beneficiario.

O organismo competente examinará a solicitude de pagamento presentada polo beneficiario e determinará os importes subvencionables de acordo co seguinte:

a) O importe que pode concederse ao beneficiario en función exclusivamente da solicitude de pagamento.

b) O importe que pode concederse ao beneficiario tras os controis da solicitude de pagamento.

Se o importe establecido en virtude da letra a) supera o importe establecido en virtude da letra b) en máis dun 10 %, aplicarase unha sanción ao importe establecido en virtude da letra b). O importe da sanción será igual á diferenza entre os dous importes citados, pero non irá máis alá da retirada total da axuda.

Non obstante, non se aplicará ningunha sanción se o beneficiario pode demostrar que non é responsable da inclusión do importe non subvencionable.

Artigo 23. Recursos

1. A convocatoria desta axuda, as súas bases e todos cantos actos administrativos deriven dela poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecida na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. As resolucións expresas ou presuntas ditadas en aplicación desta orde porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a conselleira do Medio Rural no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se o acto non for expreso, o solicitante e outros posibles interesados poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Cando o acto non é expreso, de acordo coa STC 52/2014 a interposición do recurso contencioso-administrativo non está previsto ao prazo de caducidade previsto no artigo 46.1 da LXCA.

Artigo 24. Incumprimento, reintegros e sancións

1. A normativa comunitaria de aplicación será Regulamento (UE) nº 640/2014 da Comisión, do 11 de marzo de 2014, polo que se completa o Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que respecta ao sistema integrado de xestión e control e ás condicións sobre a denegación ou retirada dos pagamentos e sobre as sancións administrativas aplicables aos pagamentos directos, á axuda ao desenvolvemento rural e á condicionalidade, e a modificación realizada polo Regulamento de execución (UE) nº 2017/1242 da Comisión, do 10 de xullo de 2017, ao Regulamento (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, ás medidas de desenvolvemento rural e á condicionalidade.

2. O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde ou dos obxectivos da actividade subvencionada, a non adopción do comportamento que fundamenta a concesión da subvención, a obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen, o incumprimento da obriga de xustificación ou a xustificación insuficiente, a duplicidade de axudas con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado ou de calquera outra administración pública, así como as demais circunstancias previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, constituirán causas determinantes de reintegro da subvención polo beneficiario, xunto cos xuros de demora.

3. Aos beneficiarios das subvencións seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previstas na citada Lei 9/2007. Así mesmo, seralles aplicable o procedemento de reintegro de acordo co Regulamento de execución (UE) nº 809/2014 da Comisión.

4. En caso de pagamento indebido, o beneficiario quedará obrigado a reembolsar o importe en cuestión, ao cal se lle engadirá, se é o caso, os xuros calculados en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para o beneficiario indicado na orde de recuperación, que non poderá fixarse en máis de sesenta días, e a data de reembolso ou dedución.

5. Para a aplicación de controis, reducións, sancións e exclusións nas medidas de desenvolvemento rural non establecidas no sistema integrado do período 2014-2020, polo Fondo Español de Garantía Agraria ditou a Circular de coordinación 32/2017. Recórdase tamén a aplicación neste ámbito a Circular de coordinación 8/2018 relativa ao Plan nacional de controis das medidas de desenvolvemento rural non establecidos no ámbito do sistema integrado do período 2014-2020.

Artigo 25. Transparencia e bo goberno nos procedementos de subvencións e axudas

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 á cal se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria par o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 26. Lexislación de aplicación

En todo o non previsto nesta orde observarase o sinalado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, no Regulamento (UE) nº 1305/2013, do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, e nos regulamentos (UE) nº 809/2014, (CE) nº 1303/2013, (UE) nº 807/2014, o Regulamento delegado (UE) nº 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), o Regulamento (UE) nº 640/2014 da Comisión, do 11 de marzo de 2014, polo que se completa o Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que respecta ao sistema integrado de xestión e control e ás condicións sobre a denegación ou retirada dos pagamentos e sobre as sancións administrativas aplicables aos pagamentos directos, á axuda ao desenvolvemento rural e á condicionalidade, o Regulamento de execución (UE) nº 2017/1242 da Comisión que modifica o Regulamento de execución (UE) nº 809/2014 polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento e do Consello no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, ás medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade, e o Regulamento (UE) nº 2017/2393 do Parlamento Europeo e do Consello, do 13 de decembro de 2017, polo que se modifican os regulamentos (UE) nº 1305/2013, (UE) nº 1306/2013, (UE) nº 1307/2013, (UE) nº 1308/2013 e (UE) nº 652/2014.

Artigo 27. Información aos/ás interesados/as

1. Sobre este procedemento administrativo poderase obter información adicional na Dirección Xeral de Ordenación Forestal, presencialmente ou a través dos seguintes medios:

a) Na epígrafe de axudas da páxina web da Consellería do Medio Rural:
www.xunta.gal/medio-rural

b) Nos seguintes teléfonos da Dirección Xeral de Ordenación Forestal: 981 54 66 62 e 981 54 66 74.

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outros procedementos, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012 (desde Galicia) e 902 12 00 12 (desde o resto do Estado).

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos carácter persoal

Os datos persoais recollidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería do Medio Rural coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a súa actualización da información e contidos da carpeta do cidadán.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Disposición adicional segunda. Marco programático da orde

As axudas reguladas na presente orde forman parte do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 aprobado por Decisión de Execución da Comisión C (2015) 8144, do 18 de novembro de 2015, polo que a presente convocatoria e as súas bases deben axustarse ao contido do programa.

Disposición adicional terceira. Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvención (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para a aplicación

Autorízase o director xeral de Ordenación Forestal para ditar as instrucións necesarias que permitan a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en efecto

Esta orde producirá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2018

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file