Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Venres, 27 de xullo de 2018 Páx. 35023

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 13 de xullo de 2018 pola que se convocan os premios de educación secundaria obrigatoria ao esforzo e á superación persoal correspondentes ao curso 2017/18.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece entre os seus principios o de proporcionar unha educación de calidade para todo o alumnado independentemente das súas condicións e circunstancias, xunto coa equidade que garanta a igualdade de oportunidades para o pleno desenvolvemento da personalidade a través da educación. Así mesmo, determina que o sistema educativo se orientará, entre outros fins, á consecución dunha educación baseada na responsabilidade individual, no mérito e no esforzo persoal e, ao desenvolvemento da capacidade do alumnado para regular a súa propia aprendizaxe, confiar nas súas aptitudes e coñecementos, así como para desenvolver a creatividade, a iniciativa persoal e o espírito emprendedor.

O Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, dispón no seu artigo 9 que a educación secundaria obrigatoria ten por finalidade lograr que os alumnos e as alumnas adquiran os elementos básicos da cultura, nomeadamente nos seus aspectos humanístico, artístico, científico e tecnolóxico; desenvolver e consolidar neles/as hábitos de estudo e de traballo; preparalos/as para a súa incorporación a estudos posteriores e para a súa inserción laboral, e formalos/as para o exercicio dos seus dereitos e das súas obrigas na vida como cidadáns e cidadás.

Conscientes da importancia de recoñecer e valorar publicamente os méritos excepcionais baseados no esforzo e no traballo do alumnado que cursou cun excelente aproveitamento académico a educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, en exercicio das competencias atribuídas, por proposta da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, e de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Convócanse na Comunidade Autónoma de Galicia os premios de educación secundaria obrigatoria ao esforzo e á superación persoal (procedemento ED311E) correspondentes ao curso 2017/18.

2. A finalidade destes premios é dar recoñecemento público ao esforzo e dedicación do alumnado desta etapa educativa, reforzar aqueles aspectos que inciden na mellora do sistema educativo e xuntar excelencia con equidade, igualdade de oportunidades e posibilidades de desenvolvemento persoal.

Artigo 2. Número e características dos premios

1. Poderase conceder ata un máximo de 20 premios.

2. Cada premio estará dotado con 750 €, con cargo á partida orzamentaria 10.50.423A.480.1 dos orzamentos do ano 2018, cunha dotación global de 15.000 €.

3. A obtención destes premios non supón incompatibilidade coa obtención doutros.

Artigo 3. Requisitos de participación

Poderá optar aos premios de educación secundaria obrigatoria ao esforzo e á superación persoal o alumnado que reúna as seguintes condicións:

1. Ter rematado os estudos de cuarto curso de educación secundaria obrigatoria no curso 2017/18 nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia no réxime ordinario.

2. Estar proposto polo equipo docente para a expedición do título de graduado en educación secundaria.

3. Os alumnos e as alumnas que sexan candidatos/as ao premio deberán merecer un especial recoñecemento pola dedicación e esforzo demostrados ao longo da etapa en superar as súas dificultades, ben de tipo persoal, educativas e/ou do contorno familiar e sociocultural, polo que se fan merecedores de optar a esta modalidade de premios.

O perfil obxecto destes premios correspóndese con alumnado que procede de contornos socioculturais desfavorecidos ou de contornos familiares disfuncionais que supoñan desvantaxe manifesta de cara a conseguir rematar os seus estudos, ou en proceso de superación de enfermidades crónicas ou con discapacidades que condicionan o seu rendemento escolar, a súa relación persoal e a súa inserción social.

Artigo 4. Forma e prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día 22 de agosto de 2018 e rematará o día 21 de setembro de 2018, ambos os dous incluídos.

As solicitudes (anexo I) presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos e identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

A simple presentación da solicitude leva implícita a aceptación plena de todas as bases desta convocatoria e constitúe unha manifestación expresa de que a persoa solicitante reúne os requisitos exixidos para participar no procedemento, así como de que son veraces os datos que consigne nela.

Artigo 5. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas sempre que a persoa interesada expresase o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos:

a) Documento de identidade, DNI ou NIE do/a solicitante

b) Expediente dos estudos de educación secundaria obrigatoria cursados pola persoa solicitante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á AEAT.

d) Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á Atriga.

2. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 6. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizaren trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Opcionalmente, tamén se poderán tramitar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Procedemento dos centros docentes

1. Os centros docentes enviarán, de cada alumno/a que presente solicitude, os documentos que se relacionan a seguir:

a) Certificación académica dos estudos de educación secundaria obrigatoria (só no caso de que o alumnado non teña todo o seu expediente de ESO recollido na base de datos da aplicación XADE), onde se reflicta a cualificación final media, asinada polo/a secretario/a co visto e prace do/a director/a do centro en que se encontre o expediente académico.

b) Informe do perfil do alumnado solicitante redactado de acordo co indicado no artigo 11 desta orde. O dito informe será elaborado pola comisión establecida no artigo 10 desta orde e nel darase conta das especiais condicións da escolaridade do candidato ou da candidata ao premio.

2. Os centros docentes enviarán un correo electrónico por cada alumno/a solicitante dirixido ao enderezo premios@edu.xunta.es do Servizo de Avaliación e Calidade do Sistema Educativo, seguindo este procedemento:

No asunto da mensaxe indicarase a lenda Procedemento ED311E.-Premios ESO ao esforzo e á superación persoal 2017/2018. No corpo incluirase o código do/a alumno/a do cal se envía a documentación. O dito código será o que resulte de substituír por asteriscos os díxitos correspondentes ás posicións 3ª, 4ª, 5ª, 6ª e 7ª do seu DNI, e a relación de documentos. Estes enviaranse nun único arquivo adxunto comprimido cifrado cun contrasinal, que será acordado previamente co Servizo de Avaliación e Calidade do Sistema Educativo da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Artigo 9. Emenda e mellora da solicitude

A publicación da relación provisional do alumnado admitido e excluído realizarase nos lugares relacionados no artigo 17 desta orde.

De acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, unha vez publicadas as listaxes provisionais de admitidos/as e excluídos/as, requiriranse os/as interesados/as para que, nun prazo de dez (10) días, emenden a falta ou presenten os documentos preceptivos. De non o faceren, consideraranse desistidos/as da súa petición e arquivarase esta logo de resolución que se deberá ditar nos termos do artigo 21 da citada lei.

A publicación da relación definitiva do alumnado admitido e excluído realizarase nos lugares relacionados no artigo 17 desta orde.

Artigo 10. Comisión de centro para elaborar o informe co perfil do/a alumno/a

1. Nos centros educativos constituirase unha comisión formada pola dirección do centro, a xefatura de estudos, a xefatura do Departamento de Orientación e o/a titor/a do/da candidato/a durante o curso 2017/18 ou, na ausencia deste/a, un/unha profesor/a, preferentemente do/da alumno/a, nomeado/a pola dirección do centro educativo.

2. Esta comisión será a encargada de informar do perfil do alumnado que solicita participar neste premio, tendo en conta o esforzo persoal realizado e as súas dificultades persoais, educativas e/ou o contorno familiar e sociocultural. O informe realizarase sobre á base á que se refire o artigo 11 desta orde.

3. O acordo reflectirase en acta, que quedará arquivada no centro docente.

Artigo 11. Informe do perfil do/da alumno/a

Co fin de que a comisión de selección prevista no artigo 12 desta orde poida valorar os méritos dos solicitantes, no informe do perfil do/da alumno/a previsto no artigo 8.1.b) desta orde farase constar:

1. As dificultades persoais, educativas ou do contorno sociofamiliar da persoa candidata, que ao xuízo do equipo docente dificultaron o seu desenvolvemento educativo.

2. As medidas de apoio adoptadas polo centro educativo en relación coas necesidades educativas do alumno ou alumna e a súa repercusión no progreso escolar.

3. A persistencia do alumno ou da alumna no logro das competencias e dos obxectivos da etapa e a valoración do esforzo persoal para acadalos.

4. A descrición de calquera outra circunstancia que ao xuízo da comisión do centro educativo mereza ser tida en conta.

Artigo 12. Comisión de selección dos candidatos e das candidatas ao premio

1. Para valorar os méritos dos participantes, a persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa designará unha comisión formada por un presidente ou unha presidenta, e ata un máximo de seis vogais, coa categoría de subdirector/a xeral, xefe/a de servizo ou inspectores e inspectoras de Educación.

O presidente ou a presidenta deberá ser un subdirector xeral ou unha subdirectora xeral, ou un inspector ou unha inspectora de Educación.

Actuará como secretario/a, con voz e sen voto, un/unha funcionario/a da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

2. A comisión de selección, tendo en conta o informe requirido no artigo 11 desta orde, valorará as propostas presentadas atendendo ás dificultades persoais (ata 10 puntos):

a) Situacións relacionadas coa saúde e/ou desenvolvemento en xeral, ata 4 puntos.

b) Reunir algunha das circunstancias especificadas nos artigos 26, 27, 28 ou 31 do Decreto 229/2011, do 7 de decembro, que regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia, presentar dificultades educativas derivadas do contorno sociofamiliar e/ou atoparse en risco de exclusión social, ata 3 puntos.

c) Aproveitamento e esforzo, ata 3 puntos:

Ata dous puntos poderá acadarse coa nota media das cualificacións obtidas na etapa de educación secundaria obrigatoria. Para estes efectos, computarase a nota media multiplicada por 0,2.

Un punto por acreditar a continuidade dos seus estudos.

3. A valoración final expresarase con dous decimais, redondeada á centésima máis próxima e, en caso de equidistancia, á superior, e será o resultado de sumar as valoracións acadadas no número 2 deste artigo.

4. Para poder aspirar ao premio deberase obter, como mínimo, unha puntuación de cinco puntos na valoración final á cal se refire o número 2 deste artigo.

5. A comisión de selección resolverá os empates tendo en conta:

I. Maior puntuación no número 2.c) deste artigo.

II. Maior puntuación no número 2.a) deste artigo.

III. Maior puntuación no número 2.b) deste artigo.

6. De persistir o empate, a comisión de selección poderá celebrar un sorteo.

7. A comisión de selección poderá declarar premios desertos.

Artigo 13. Resolución provisional da concesión dos premios

1. A comisión fará pública as puntuacións provisionais obtidas polos candidatos e candidatas ao premio nos lugares relacionados no artigo 17 desta orde.

2. O alumnado participante, ou os seus pais/nais ou representantes legais, poderá presentar reclamación contra a puntuación obtida, no prazo de dez días a partir do seguinte ao da súa publicación.

Artigo 14. Resolución

1. Unha vez resoltas as reclamacións, a comisión de selección elaborará a acta coa proposta de adxudicación dos premios extraordinarios. Os resultados coas puntuacións definitivas dos aspirantes publicaranse nos lugares relacionados no artigo 17 desta orde. A acta orixinal quedará arquivada na Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

As reclamacións entenderanse resoltas e notificadas coa publicación das puntuacións definitivas.

2. A persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa elevará a proposta feita pola comisión de selección á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, quen emitirá a correspondente orde de adxudicación para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Os/as alumnos/as estarán identificados por un código alfanumérico.

3. O prazo máximo para notificar a resolución deste procedemento será de cinco meses desde o día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen que se notificase a correspondente resolución, o/a interesado/a poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 15. Recurso

A dita orde de adxudicación dos premios poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde tal publicación, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 16. Obrigas dos/as gañadores/as

1. O alumnado que obteña premio ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lles competen, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 3 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O alumnado gañador debe facilitar a titularidade dunha conta bancaria con 24 díxitos e declarar sobre a veracidade dos datos relativos á dita conta, en que se ingresará, mediante transferencia bancaria, a dotación do premio, segundo o modelo de anexo II. O importe do premio estará suxeito ás retencións que legalmente correspondan.

3. A persoa beneficiaria ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, tal como indican os artigos 14.1.j) e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Publicación e información

A relación de alumnado admitido e excluído e as puntuacións obtidas polos candidatos e candidatas publicaranse no portal educativo https://www.edu.xunta.gal e na páxina de inicio da aplicación https://www.edu.xunta.es/premioseso, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Cada alumno/a estará identificado por un código alfanumérico. Este código comunicaráselles ao/á alumno/a e ao centro educativo.

Artigo 18. Modificación da orde de adxudicación

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar á modificación da adxudicación do premio concedido, conforme o artigo 17.4 da Lei 9/2007.

Artigo 19. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira. Datos de carácter persoal

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas e esta circunstancia reflectirase no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www. xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición adicional segunda. Efectos económicos da comisión de selección

Para os efectos previstos no artigo 26 do Decreto 144/2011, a comisión de selección aterase á categoría correspondente que determine a Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Autorízase a persoa responsable da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar os actos e as medidas necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Impugnación

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde tal publicación, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2018

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file