Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Venres, 3 de agosto de 2018 Páx. 36031

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 31 de xullo de 2018 pola que se abre un novo prazo para a xustificación e avaliación do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais correspondente ao exercicio 2017, así como para a presentación do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais correspondente ao ano 2018.

O Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, publicado no Diario Oficial de Galicia do 30 de marzo de 2012, establece, no seu artigo 43.1, segundo a redacción dada a este precepto pola modificación do dito decreto aprobada no Decreto 148/2014, do 6 de novembro, publicado no Diario Oficial de Galicia número 228, do 27 de novembro de 2014, que unha vez finalizado o correspondente exercicio orzamentario e, en todo caso, co día límite do 31 de marzo do exercicio inmediatamente posterior, todas as corporacións locais financiadas consonte o dito decreto deberán presentar ante o órgano de dirección da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia con atribucións en materia de servizos sociais comunitarios a xustificación e avaliación da execución do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais así como o proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais, correspondente ao ano en curso. A esta data límite do 31 de marzo tamén fai referencia o artigo 58.6 do dito Decreto 99/2012, do 16 de marzo, na redacción dada polo antedito Decreto 148/2014, do 6 de novembro, para a presentación, de maneira integrada coa documentación correspondente á xustificación e avaliación do proxecto anual de servizos sociais, da certificación do órgano competente da corporación local acreditativa do gasto realizado para o desenvolvemento do servizo de axuda no fogar para persoas en situación de dependencia e demais datos que se lle requiran en relación coa xestión deste servizo.

Debido á necesidade de actualizar a aplicación informática a través da cal todas as corporacións locais teñen que elaborar necesariamente os formularios para a xustificación e avaliación da execución do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais correspondente ao exercicio 2017, así como para a presentación do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais correspondente ao exercicio 2018, mediante o cal as corporacións locais solicitan o financiamento para a prestación dos servizos sociais comunitarios da súa competencia, xa houbo que ampliar, no seu día, o prazo ordinario establecido ata o 30 de abril do 2018 mediante a Orde de 20 de marzo de 2018 (DOG núm. 60, do 26 de marzo).

Malia o anterior, cómpre recoñecer que o proceso para presentación telemática da documentación precisa para a xustificación e avaliación da execución do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais correspondente ao exercicio 2017 e mais para a presentación do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais correspondente ao exercicio 2018 estivo cheo de escollos e dificultades en múltiples e diversos trámites de recente implantación na aplicación (sinaladamente na sinatura electrónica da documentación correspondente, a través da sala de sinaturas, no envío da documentación correctamente asinada ao rexistro electrónico e, incluso, nalgúns momentos, fallou a propia dispoñibilidade da aplicación, dado que é unha aplicación web aloxada en servidores que, en ocasións, como nos derradeiros días do prazo, non teñen capacidade para atender a demanda de tantos usuarios simultaneamente) tentando, nun constante diálogo co equipo de soporte, de superar todas as dificultades a medida que se ían producindo.

Rematado o dito prazo e comezada a avaliación da documentación correspondente, malia que algunha foi presentada incluso máis dunha vez a requirimento do persoal avaliador, constátase que os sistemas de información e comunicación e, por tanto, dos procesos aos que dan soporte non funcionaron dun xeito adecuado que permita afirmar a fidelidade, autenticidade e integridade da documentación presentada, todo o cal ten como consecuencia a imposibilidade para o persoal avaliador de determinar e discernir cal foi a documentación correctamente asinada e presentada en prazo e cal non.

Por todo o anterior, e de maneira excepcional, tendo en conta todos os defectos e problemas expostos, de conformidade coa disposición derradeira segunda do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, que faculta a persoa titular da consellería competente no sistema galego de servizos sociais para ditar no ámbito das súas competencias cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación do dito decreto e, en concreto, para o desenvolvemento mediante unha orde dos aspectos procedementais relativos ao financiamento dos servizos sociais comunitarios das corporacións locais, e en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, desenvolvida polo Decreto 146/2016, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social,

RESOLVO:

Artigo único. Apertura de prazo

Abrir un novo prazo, con carácter excepcional, para a presentación da xustificación e avaliación da execución do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais correspondente ao exercicio 2017, así como para a presentación do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais correspondente ao exercicio 2018, ata o día 5 de outubro de 2018, incluído.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

A presente disposición entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2018

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social