BDNS (Identif.): 410330.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).
Primeiro. Beneficiarios
1. Poderán ser beneficiarias, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta resolución:
a) Asociacións sen ánimo de lucro representativas da industria forestal.
b) Agrupacións empresariais innovadoras (AEI).
c) Colexios profesionais cando as accións subvencionables se correspondan co seu obxecto e fins sociais, a teor do disposto nos seus estatutos.
Segundo. Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto a aprobación das bases reguladoras que rexerán a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a organización de accións formativas non regradas e de divulgación que impulsen o coñecemento e destaquen a importancia estratéxica da industria forestal, a competitividade, o deseño e innovación e o desenvolvemento sostible, en concordancia coa Estratexia de Formación da Industria Forestal (código de procedemento IN501A).
2. A finalidade desta resolución é mellorar e reforzar as habilidades profesionais para incrementar a competitividade e o coñecemento en todas as fases da cadea de valor, así como colaborar coa finalidade das asociacións do sector. Estas axudas teñen como obxectivo estratéxico contribuír a unha concienciación colectiva baseada na percepción da industria forestal como unha industria estratéxica, innovadora, moderna e reconciliada co ambiente, favorecendo a participación dos axentes clave na divulgación da utilidade da madeira.
Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria
Resolución do 16 de xullo de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2018, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas para a organización de accións formativas non regradas e de divulgación que impulsen o coñecemento, a competitividade e a innovación da industria forestal de Galicia.
Cuarto. Contía
Estas axudas financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.A4.741A.481.0, código de proxecto 2018 00006, con 300.000,00 euros para o ano 2018.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte á publicación desta resolución.
Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2018
José Ignacio Lema Piñeiro
Director da Axencia Galega da Industria Forestal