Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Martes, 7 de agosto de 2018 Páx. 36529

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 3 de xullo de 2018, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o apoio á creación e ao funcionamento das escolas de nais e pais reguladas pola Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa.

A Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa, establece na súa disposición adicional sétima que a Administración educativa impulsará nos centros educativos a creación de escolas de nais e pais, contando cos recursos humanos dos departamentos de orientación e dos centros de formación, para fomentar a participación das familias no proceso educativo e mellorar a convivencia.

O Decreto 8/2015, do 8 de xaneiro, que desenvolve a Lei 4/2011, establece no seu artigo 27 que cando así se determine no plan de convivencia de cada centro e cos requisitos que se establezan naquel documento, poderán crearse as escolas de nais e pais para propor iniciativas tendentes a previr e resolver conflitos de convivencia, mellorar a convivencia e fomentar o respecto mutuo e a tolerancia no centro educativo. As referidas propostas serán elevadas ao consello escolar de cada centro e serán recollidas na memoria anual da Comisión de Convivencia.

As escolas de nais e pais, como recurso e espazo facilitador da participación das familias, representan unha oportunidade para a mellora da calidade na relación familias-escolas, que constitúe un piar fundamental para calquera sistema educativo que aspire á calidade e que sexa inclusivo e de excelencia. En consecuencia, no deseño das liñas estratéxicas do sistema educativo en Galicia tense en conta a perspectiva da participación das familias. Neste sentido, inciativas da Administración educativa desenvolvidas a través dos programas vinculados á educación dixital, ao plurilingüismo ou á inclusión contan coa implementación, por impulso institucional, ben de novas escolas de nais e pais ou ben de programas que se van desenvolver nas xa existentes, para vehiculizar e facilitar a participación e o diálogo, a información, a formación e a implicación nos proxectos educativos.

Co obxecto de promover a creación e o efectivo funcionamento das escolas de nais e pais previstas na lexislación vixente e nas iniciativas vinculadas a programas educativos institucionais, como modo de garantir a convivencia pacífica e a participación das nais, dos pais e dos representantes legais, como integrantes de pleno dereito da comunidade educativa, na vida do centro, é necesario marcar as directrices de actuación que definirán o seu funcionamento e o apoio que recibirán por parte dos centros da Rede de formación permanente do profesorado.

Para tal fin, e de acordo co anteriormente exposto, como director xeral,

DISPOÑO:

Primeiro. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto establecer directrices para a creación e funcionamento das escolas de nais e pais previstas na Lei 4/2011 e no Decreto 8/2015 que a desenvolve, así como determinar os apoios que poderán recibir por parte dos centros da Rede de formación permanente do profesorado.

Segundo. Concepto e ámbito

As escolas de nais e pais creadas ao abeiro da Lei 4/2011 e reguladas nesta resolución concíbense como un espazo de diálogo, formación e información, tanto por parte de persoal experto como de formación entre iguais, e mais como un espazo de reflexión da comunidade educativa en xeral e, nomeadamente, das nais, dos pais e dos/as titores/as legais do alumnado do centro, polo que non terán natureza xurídica independente da do propio centro ao que están adscritas.

Terceiro. Apoio á creación

1. De acordo co previsto nos artigos 13 e 27 do Decreto 8/2015, todos aqueles centros que así o decidan poderán crear escolas de nais e pais, para o que contarán co apoio dos centros de formación e recursos no marco dun plan de formación permanente do profesorado en centros educativos.

2. A Administración educativa poderá establecer de oficio escolas de nais e pais vinculadas á implantación nos centros de programas educativos de formación ou innovación.

Cuarto. Escolas de nais e pais creadas por iniciativa dos centros educativos

Os centros educativos poderán crear, de acordo co seu plan de convivencia, escolas de nais e pais. As normas específicas do seu funcionamento recolleranse no plan de convivencia do centro e o seu fin prioritario será propor iniciativas tendentes a previr e resolver conflitos de convivencia, mellorar a convivencia e fomentar o respecto mutuo e a tolerancia no centro educativo. As referidas propostas serán elevadas ao consello escolar de cada centro e serán recollidas na memoria anual da Comisión de Convivencia.

Ademais, poderán realizar outras actividades de formación e reflexión orientadas ao coñecemento e apoio aos programas educativos e de innovación que se desenvolvan no centro, como modo de mellorar a súa eficacia e avanzar cara á mellora continua da calidade educativa nos centros.

Quinto. Escolas de nais e pais creadas no marco de proxectos de formación ou innovación

1. A Administración educativa poderá establecer na convocatoria de programas educativos a necesidade de contar cunha escola de nais e pais nos centros beneficiarios.

2. Con carácter xeral estas escolas de nais e pais estarán vinculadas a un plan de formación permanente do profesorado.

3. O seu obxectivo principal será mellorar a convivencia e a participación no marco do programa ou programas educativos en cuestión, favorecendo o coñecemento e a colaboración por parte das familias na súa implantación e no seu desenvolvemento. Pola súa natureza, vinculada a un proxecto concreto, non será necesario incluílas no plan de convivencia do centro e funcionarán no marco estrito do Plan de formación permanente do profesorado.

4. Se, unha vez creadas o centro considera de utilidade a súa implicación noutros procesos de mellora da convivencia máis alá dos procesos formativos previstos neste apartado, deberá proceder de acordo co establecido no artigo 4 desta resolución.

Sexto. Autorización de actividades

As actividades formativas de escola de nais e pais poderán solicitarse ao longo de todo o curso aos centros de formación e recursos correspondentes, e estarán suxeitas á súa aprobación con base en requisitos de organización, de calidade e orzamentarios.

Sétimo. Réxime económico e de certificacións

1. As actividades formativas que o centro desenvolva no marco das escolas de nais e pais enmarcaranse económica e organizativamente no Plan de formación permanente do profesorado do centro.

2. Cando o profesorado do centro participe nas actividades da escola de nais e pais do seu propio centro, poderá certificar como asistente cando a actividade de escola de nais e pais sexa coincidente con algunha das actividades para profesorado do Plan de formación permanente do profesorado en centros educativos; ou como persoa relatora, de ser o caso, segundo proceda. En ningún caso poderá recibir compensación económica pola súa participación como relator en actividades do seu propio centro.

Oitavo. Seguimento

A inspección educativa e os centros de formación e recursos farán o seguimento das actividades formativas no marco do Plan de formación permanente do profesorado.

O centro educativo e, en última instancia a inspección educativa, farán o seguimento das actividades de mellora da convivencia realizadas segundo o previsto no artigo 4 desta resolución mediante a memoria anual da Comisión de Convivencia.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2018

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa