Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Martes, 7 de agosto de 2018 Páx. 36590

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Industria Forestal

RESOLUCIÓN do 16 de xullo de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións de valorización das pequenas e medianas empresas da industria forestal galega e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2018 (código de procedemento IN500B).

A disposición adicional sexta da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, autoriza a creación da Axencia Galega da Industria Forestal (en diante, Xera) como axencia pública autonómica adscrita á consellería competente en materia de economía, que ten como fins xerais e obxectivos básicos actuar como un instrumento de xestión eficiente no exercicio de funcións relacionadas co impulso da actividade económica asociada ao sector forestal, coa mellora da competitividade e da innovación das empresas do sector e coa coordinación dos centros de investigación en materia forestal.

Nos termos recollidos no artigo 2 do Decreto 81/2017, do 3 de agosto, polo que se crea a Axencia Galega da Industria Forestal e se aproban os seus estatutos, desde Xera preténdese revalorizar a competitividade e a innovación das empresas forestais, con especial incidencia na segunda e seguintes fases de transformación.

Con este fin, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018, está consignado crédito por importe de 1.200.000 €, con cargo á aplicación orzamentaria 09.A4.741A.770.0, código de proxecto 2018 00006, para atender ás axudas da presente resolución.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas Xera, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto a aprobación das bases reguladoras para a concesión de subvencións da Xera dirixidas á valorización, potenciación, innovación e mellora das pequenas e medianas empresas da industria forestal de Galicia (código de procedemento IN500B).

2. Así mesmo, por medio desta resolución, convócanse estas subvencións en réxime de concorrencia competitiva para o ano 2018.

Artigo 2. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias as microempresas, pequenas e medianas empresas (peme) do sector da industria radicadas en Galicia que utilicen a madeira, a resina, a cortiza ou outros produtos forestais procedentes do monte, exceptuando os produtos agroalimentarios, como materia prima para a elaboración dos seus produtos. Para estes efectos, tomarase a definición de peme incluída no anexo I do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño de 2014. Segundo esta definición, pemes son aquelas empresas que ocupan a menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non excede os 43 millóns de euros.

2. As empresas deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Deberán cumprir a normativa ambiental, que se acreditará cunha declaración responsable da persoa solicitante de que a empresa cumpre coa dita normativa.

b) Deberán ter un seguro en vigor de responsabilidade civil para a actividade obxecto de axuda e un contrato de prevención de riscos laborais antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes.

c) Deberán estar inscritos no Rexistro de empresas do sector forestal (Resfor) e cos datos actualizados, de acordo co artigo 102 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia ou dados de alta nalgún código CNAE que acredite a realización de actividades obxecto de subvención na data da fin do prazo de solicitude.

3. Non poderán acadar a condición de persoa beneficiaria:

a) Aquelas persoas ou entidades solicitantes nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do artigo 2, punto 18 do Regulamento (UE) nº 651/2014 polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 y 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.

Para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas solicitantes deberán declarar na solicitude que non se atopan en situación de crise conforme a normativa comunitaria.

c) Aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente, tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Artigo 3. Proxectos subvencionables

1. Nos termos desta resolución, serán subvencionables os proxectos de investimento realizados por pequenas e medianas empresas descritas no artigo 2 desta resolución nos seus procesos de produción e que teñan como obxectivo aumentar a competitividade mediante procesos produtivos ou técnicas que permitan obter novos produtos ou produtos valorizados favorecendo a minoración do impacto ambiental.

2. As empresas solicitantes poderán presentar, como máximo, un proxecto ao abeiro desta resolución.

Artigo 4. Investimentos subvencionables

1. Para os efectos desta resolución, serán subvencionables:

a) Compra de maquinaria nova, sempre que estea adscrita a procesos produtivos novos ou a elaboración e fabricación de novos produtos, técnicas de secadura, preparación ou tratamento que supoñan a valorización de produtos existentes, incrementando o seu valor ou a extensión do seu catálogo.

b) Obras e instalacións necesarias para a correcta instalación e funcionamento dos investimentos obxecto de subvención.

c) Tecnoloxías da información e comunicación (TIC) expresamente ligadas aos procesos de valorización ou á produción de novos produtos ou técnicas que incrementen o valor unitario de seus produtos ou o seu catálogo.

d) Outros bens de equipamento que formen parte do activo da empresa e interveñan no proceso produtivo obxecto do proxecto.

e) Proxectos ou estudos de enxeñaría, ou deseño adscritos aos procesos ou técnicas anteriores, sempre que se acrediten xunto con investimentos en procesos produtivos.

2. Non serán subvencionables ao abeiro desta resolución:

a) Material funxible en xeral.

b) Envases e embalaxes, aínda cando sexan reutilizables.

c) Obras de reparación de edificios, agás que sexan necesarias para a correcta instalación e funcionamento dos investimentos obxecto de subvención.

d) Equipamentos de calefacción, climatización e ventilación, así como as instalacións que comporten.

e) Equipos e medios de transporte.

f) Mobiliario de oficina.

g) Investimentos non relacionados directamente coas actividades desenvolvidas pola persoa solicitante.

h) Os gastos de alugamento de instalacións e equipamentos, nin os investimentos financiados mediante arrendamento financeiro (leasing).

i) A man de obra propia e os materiais de igual procedencia.

j) As taxas por licenzas administrativas.

k) O imposto de valor engadido (IVE) e calquera outro imposto, agás que non sexa recuperable pola persoa beneficiaria.

l) Os gastos financeiros producidos como consecuencia do investimento.

m) Os xuros debedores.

n) Os investimentos que se atopen dentro do ámbito obxectivo da Resolución do 12 de abril de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2018 as axudas aos investimentos en tecnoloxías forestais, procesado, mobilización e comercialización de produtos forestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 (código de procedemento IN500A).

Artigo 5. Gastos subvencionables

1. De acordo co establecido no artigo 29.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse subvencionables os gastos e investimentos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actuación subvencionada.

2. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e, efectivamente pagados, entre o 1 de xaneiro de 2018 e a data de xustificación establecida no artigo 18 destas bases reguladoras. Para os efectos desta resolución, considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación determinado pola normativa reguladora da subvención.

3. Os proxectos e os investimentos deberán cumprir cos seguintes requisitos:

a) Deben ter por obxecto os conceptos recollidos no artigo 4 desta resolución.

b) Os investimentos realizaranse no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Deben executarse dentro do prazo de xustificación recollido na convocatoria.

d) O proxecto subvencionable deberá ser igual ou superior a 20.000 euros, excluídos impostos, taxas e arbitrios.

e) O beneficiario deberá adquirir en propiedade os bens obxecto de investimento. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes tamén deberán pasar a ser propiedade plena do beneficiario antes do remate do prazo de xustificación, debendo constar nese momento o pagamento das cantidades aprazadas.

f) Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para os contratos menores, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servizo ou entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou fornezan, ou salvo que o gasto se tivese realizado con anterioridade á data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. A elección entre as ofertas presentadas, que haberán de achegarse na xustificación, ou, se é o caso, na solicitude da subvención, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

g) Os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores.

h) Os orzamentos e facturas presentados deben desagregar cada un dos investimentos obxecto de subvención. Os conceptos xenéricos tales como «outros» non serán obxecto de subvención.

i) En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

j) Os investimentos subvencionados e as condicións que determinaron o outorgamento da subvención deberán manterse durante un período mínimo de catro anos.

k) En ningún caso se admitirán pagamentos en metálico.

Artigo 6. Baremación das solicitudes

A puntuación máxima que pode conseguir unha solicitude é de 300 puntos de acordo cos seguintes criterios:

a) Por características do proxecto (ata 100 puntos).

1º. Proxectos que teñan por obxecto a elaboración de produtos de utilización final: 50 puntos.

2º. Polo importe do proxecto (máximo 50 puntos):

– Entre 20.000,01 e 50.000 euros: 10 puntos.

– Entre 50.000,01 e 100.000 euros: 20 puntos.

– Entre 100.000,01 e 200.000 euros: 30 puntos.

– Máis de 200.000,01 euros: 50 puntos.

b) Por características da empresa (ata 100 puntos).

1º. Empresas con cadea de custodia certificada: 20 puntos.

2º. Empresas que utilicen polo menos un 60 % de materia prima certificada producida na Comunidade Autónoma de Galicia: 20 puntos.

3º. Empresas que dispoñan dun certificado de xestión da calidade conforme a normativa ISO ou similar: 20 puntos.

4º. Por número de empregados por conta allea e tempo indefinido en relación co total de empregados da empresa:

– Porcentaxe superior ao 75 %: 15 puntos.

5º. Empresas de nova ou recente creación constituídas nos doce meses anteriores á data de presentación da solicitude: 25 puntos.

c) Por compromisos de creación de emprego (ata 100 puntos).

1º. Empregos por conta allea e por tempo indefinido creados desde a data de presentación da solicitude ata a fin do período de xustificación: 8 puntos por cada emprego creado (máximo 40 puntos).

2º. Adicionalmente:

– Se a persoa contratada dispón da titulación oficial relacionada co posto: 2 puntos por cada emprego creado.

– Empregos por conta allea e por tempo indefinido de mulleres creados desde a data de presentación da solicitude ata a fin do período de xustificación: 4 puntos por cada emprego creado.

– Empregos por conta allea e por tempo indefinido de persoas con discapacidade ou outros colectivos en risco de pobreza ou exclusión social creados desde a data de presentación da solicitude ata a fin do período de xustificación: 6 puntos por cada emprego.

Artigo 7. Selección das solicitudes

Aprobaranse os proxectos por orde de maior a menor puntuación de acordo co baremo indicado no punto 2 deste artigo. En caso de empate na puntuación de corte, e que non haxa orzamento suficiente para conceder a axuda a todos os investimentos coa mesma puntuación, ordenaranse estes segundo a seguinte orde de prioridade e ata esgotar o orzamento:

a) Maior puntuación no criterio de valoración recollido no artigo 6.a).

b) En caso de empate, maior puntuación no criterio de valoración recollido no artigo 6.b).

c) Se aínda persiste o empate, data de presentación da solicitude.

Artigo 8. Financiamento

1. As axudas financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.A4.741A.770.0, código de proxecto 2018 00006, con 1.200.000 euros para o ano 2018.

2. Este orzamento pode verse incrementado con remanentes adicionais de acordo coas dispoñibilidades de crédito. En todo caso, as concesións limitaranse ás dispoñibilidades orzamentarias.

3. Xera poderá aumentar o orzamento dispoñible para o financiamento desta resolución, cando o incremento derive:

a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) Da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, unha vez aprobada a modificación orzamentaria que proceda.

Artigo 9. Intensidade e compatibilidade das axudas

1. Os investimentos subvencionaranse cunha axuda do 40 % dos gastos elixibles. A axuda máxima por solicitante limitarase a 200.000 euros.

2. O procedemento de concesión destas subvencións quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24.12.2013, L352/1). De acordo co artigo 3.2 do dito regulamento, o importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

3. Sen prexuízo do establecido no artigo 4.2.n), as subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán compatibles con outras axudas ou subvencións destinadas aos mesmos investimentos, tanto de orixe pública como privada, sempre que a intensidade máxima das axudas obtidas con fondos públicos non exceda o 100 % dos custos subvencionables.

Artigo 10. Solicitude e prazo de presentación

1. Para poder ser empresa beneficiaria destas axudas, deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo I desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 11.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. A presentación das solicitudes, que implica o coñecemento e a aceptación das bases reguladoras, realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, de conformidade co establecido nos artigos 14, puntos 2 e 3, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; no artigo 31 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación; e no artigo 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Considérase que todas as persoas solicitantes, ao exercer unha actividade económica, dispoñen de ferramentas informáticas cun coñecemento básico do seu funcionamento, polo que queda acreditado que teñen acceso e dispoñibilidade aos medios electrónicos necesarios.

Se algunha das empresas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderán empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. Toda a información sobre este procedemento está dispoñible na Guía de procedementos e servizos no enderezo https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos.

5. Só se poderá presentar unha solicitude por beneficiario.

6. No formulario de solicitude (anexo I) inclúense as seguintes declaracións responsables:

a) Declaración responsable da persoa solicitante de todas as axudas solicitadas e concedidas para a mesma finalidade ou os mesmos custos, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional.

b) Declaración responsable da persoa solicitante de todas as axudas suxeitas ao réxime de minimis percibidas nos tres últimos exercicios fiscais.

c) Declaración responsable de que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

d) Declaración responsable de que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que solicita a axuda.

e) Declaración responsable de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

f) Declaración responsable de non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Declaración responsable de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.f) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

h) Declaración responsable de que a empresa non está en crise, de acordo coa definición do artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014 polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.

i) Declaración responsable de que a empresa non está suxeita a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

j) Declaración responsable de que a empresa non está inmersa nun proceso de concurso de acredores.

k) Declaración responsable de que esta empresa cumpre coa normativa ambiental vixente.

l) Declaración responsable de que o número e porcentaxe de postos de traballo por conta allea e tempo indefinido na empresa é o recollido no cadro do anexo I.

m) Declaración responsable de que o importe e porcentaxe de materia prima certificada producida na Comunidade Autónoma de Galicia é o recollido no cadro do anexo I.

n) Declaración responsable de que desenvolverá en Galicia as actividades que ten asignadas no plan de traballo do proxecto para o que se solicita a axuda.

o) Declaración responsable de que a persoa solicitante coñece que os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, e que non concorren neles ningunha das prohibicións recollidas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 11. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar obrigatoriamente coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Documentación administrativa:

1º. Escritura de constitución e estatutos, debidamente inscritos no rexistro correspondente, e as súas modificacións posteriores.

2º. Poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, se é o caso, no rexistro competente.

3º. Declaración do imposto de sociedades referido ao último exercicio pechado ou declaración do imposto da renda das persoas físicas do último ano, no caso de autónomos.

4º. Certificación da condición de peme, segundo os anexos II.1, II.2 e II.3. Deberán estar cubertos todos os datos que sexan procedentes segundo o tipo de solicitante. Os datos económicos e de persoal serán referidos aos do último ano pechado.

5º. As tres ofertas que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, deba ter solicitado o beneficiario, de acordo co establecido no artigo 5.2.f) desta resolución, se é o caso. Os orzamentos deberán estar debidamente desagregados por conceptos e recoller de forma individualizada os importes.

6º. Licenza de actividade do concello ou, de ser o caso, acreditación da comunicación previa de inicio de actividade ou da apertura do establecemento.

7º. Planos e solicitude de licencia de obra ou comunicación previa no concello, no caso de obras e instalacións que así o requiran.

8º. Seguro en vigor de responsabilidade civil para a actividade obxecto de axuda e un contrato de prevención de riscos laborais.

9º. Documentación acreditativa da cadea de custodia certificada, se é o caso.

10º. Documentación acreditativa da relación de compras de materia prima realizadas pola entidade nos 12 meses anteriores á presentación da solicitude, se é o caso. Neste suposto deberase cubrir, en todo caso, o cadro do anexo I.

11º. Documentación acreditativa de dispor dun certificado de xestión da calidade, se é o caso.

12º. Informe de vida laboral da/das conta/s de cotización da empresa e/ou dos traballadores autónomos, correspondente aos doce meses anteriores á data de presentación da solicitude da axuda.

b) Documentación técnico-económica:

1º. Memoria do proxecto que se vai realizar (anexo III).

2º. Memoria detallada de cada unha das actuacións para as cales se solicita a subvención, que incluirá unha descrición detallada dos investimentos, obxectivos e valoración económica das actuacións que se pretenden executar.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada pola persoa interesada, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón deste.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas (anexo I):

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa solicitante.

c) NIF da entidade representante.

d) DNI/NIE da persoa representante.

e) IRPF da persoa solicitante.

f) Alta no IAE ou certificado da Axencia Estatal de Administración Tributaria.

g) Certificación da Axencia Estatal da Administración Tributaria de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias.

h) Certificación da Seguridade Social de estar ao día no cumprimento das obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

i) Certificado da Consellería de Facenda de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias.

2. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

3. No caso de que a persoa solicitante deba presentar estes certificados na fase de emenda, logo de que a consulta polo órgano xestor non obtivese resultado favorable, a data de expedición dos certificados pola Administración correspondente deberá ser posterior á data de consulta polo órgano xestor, o que se comunicará no requirimento de emenda da documentación.

Artigo 13. Órganos competentes

A Xerencia da Xera será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións en cada unha das edicións previstas nesta resolución. Corresponderalle ao director de Xera ditar a resolución de concesión.

Artigo 14. Instrución do procedemento e tramitación

1. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, ou non se lle xunta a documentación exixida, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución. Non se considerará emendable a falta de presentación ou a presentación fóra de prazo da solicitude de axuda e/ou da memoria do proxecto.

2. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co disposto no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse á persoa solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán avaliados por expertos e remitidos á comisión de valoración sinalada no artigo 15 desta resolución.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, no que se indicarán as causas desta.

6. O feito de non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Comisión de valoración

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de seleccionar as solicitudes de acordo coa valoración realizada, conforme o procedemento e os criterios establecidos no artigo 6.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) A persoa titular do departamento de xestión administrativa da Xera ou persoa en quen delegue.

b) Dúas persoas funcionarias con cargo de xefatura de sección da Xera ou persoas en quen deleguen.

c) Unha persoa funcionaria da Xera, que actuará como secretario/a, con voz e sen voto.

3. A comisión de valoración elaborará unha relación ordenada de todas as solicitudes que cumpren as condicións administrativas e técnicas establecidas nas bases reguladoras para adquirir a condición de beneficiario, con indicación da puntuación outorgada a cada unha delas.

Artigo 16. Resolución

1. Unha vez concluída a instrución, o órgano instrutor elevará a proposta de resolución e o informe emitido pola comisión de valoración ao director da Xera para ditar a resolución de concesión, que deberá estar debidamente motivada.

Na proposta de resolución figurarán, de xeito individualizado, as solicitudes propostas para obteren a subvención e especificarase a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos nestas bases reguladoras. Sinalarase, así mesmo, o importe da subvención para cada unha delas ou, se é o caso, a causa de denegación.

No expediente de concesión de subvencións tamén se fará constar o informe do órgano instrutor en que conste que da información que ten no seu poder se desprende que as persoas beneficiarias cumpren os requisitos necesarios para acceder ás axudas.

2. Á vista da proposta exposta e segundo o que dispón o artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao non seren tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados, o director da Xera ditará as correspondentes resolucións definitivas de concesión ou denegación que serán motivadas de acordo cos criterios de valoración establecidos.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Se transcorre o prazo máximo para resolver sen ditarse resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 17. Modificación da resolución

1. Se no transcurso da tramitación do expediente de axudas a persoa solicitante precisase introducir modificacións a este segundo o proxecto técnico, solicitará autorización da Xera, xustificando as razóns do cambio e acompañando a oportuna actualización do expediente que recolla as variacións do proxecto orixinal. O prazo para solicitar a modificación da resolución será ata un (1) mes anterior á finalización do prazo para a xustificación dos investimentos. Poderanse modificar as resolucións individuais de axuda, sempre que os novos elementos e circunstancias que motivan a modificación cumpran cos criterios de selección aplicados para a concesión das axudas, sen que poida supor discriminación a terceiros, non supoñan a modificación da puntuación acadada pola aplicación dos criterios de selección e nin supoñan unha minoración superior ao 30 % do custo proxecto concedido.

2. A modificación realizarase mediante resolución da Dirección da Xera, logo de instrución do correspondente expediente de modificación e proposta motivada da Xerencia desta axencia.

Artigo 18. Xustificación da subvención

1. O prazo de xustificación será ata o 30 de novembro de 2018, inclusive.

2. A presentación da solicitude de pagamento (anexo IV) realizarase unicamente por medios electrónicos, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. A documentación correspondente á xustificación do investimento presentarase igualmente de forma electrónica.

3. Xunto coa solicitude de pagamento, as persoas beneficiarias deberán presentar a seguinte documentación:

a) Copia das facturas ou documentos probatorios de valor equivalente. As facturas deberán cumprir coas seguintes requisitos:

1º. Deben desagregarse por conceptos.

2º. Se é o caso, deberán identificar a marca e o modelo dos equipamentos subvencionados e, de ser o caso, o número de serie.

3º. No caso de proxectos que comporten a execución de obras e/ou instalacións, a factura deberá detallar as unidades de obra executadas, con indicación para cada unha delas das correspondentes medicións, prezos unitarios e importes.

4º. A expedición das facturas e o seu contido axustarase ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

b) Xustificante bancario do pagamento pola entidade beneficiaria no que conste a data de pagamento, o número da factura obxecto de pagamento, o concepto facturado, a identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir coa persoa beneficiaria da axuda, e a identificación do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

c) Informe fotográfico dos investimentos executados. No suposto de investimentos que incorporen un número de serie, fotografía da correspondente placa identificativa.

d) Anexo V de declaración de axudas solicitadas para o mesmo investimento e de minimis.

e) Memoria dos investimentos realizados conforme o anexo VI.

f) Documentación xustificativa do cumprimento dos compromisos de creación de emprego:

1º. Informe de vida laboral da/das conta/s de cotización da empresa e/ou dos traballadores autónomos, correspondente aos doce meses anteriores á data de presentación da solicitude de cobramento.

2º. Relación do número de traballadores da empresa de acordo co cadro recollido no anexo VI desta resolución.

3º. Copia dos contratos de traballo correspondentes aos empregos creados, debidamente comunicados ao Servizo Público de Emprego, se é o caso.

g) Lista de xustificantes do investimento (anexo VII).

4. En todo caso, Xera poderá solicitar as aclaracións pertinentes á documentación presentada.

Artigo 19. Pagamento

1. Con carácter xeral, o aboamento das axudas realizarase unha vez que Xera considere xustificada a realización e o pagamento do proxecto e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.

2. Os órganos competentes de Xera poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, a Xera iniciará o correspondente procedemento de incumprimento.

Artigo 20. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada, e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Xera practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora e do procedemento administrativo común.

Artigo 21. Datos de carácter persoal

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia –Axencia Galega da Industria Forestal– coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en http://www.xunta.gal/información-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercitar outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Artigo 22. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Xera publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se puideren impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 23. Perda do dereito ao cobramento e reintegro

1. A entidade beneficiaria deberá cumprir cos obxectivos, actividades e comportamentos que fundamenten a concesión da axuda, así como os compromisos asumidos durante o tempo de duración da axuda. De non ser así, perderá o dereito ao seu cobramento e/ou, de ser o caso, procederá ao reintegro da subvención.

2. Son causas de perda do dereito ao cobramento o, se é o caso, de reintegro, as seguintes:

a) O falseamento, inexactitude ou omisión dos datos fornecidos polo beneficiario que servisen de base para a concesión da axuda ou ocultación daqueles datos que a impedisen.

b) O incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade, tarefas, compromisos ou condicións do proxecto inicial ou da finalidade para a cal a axuda foi concedida. No suposto de incumprimentos parciais, sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, Xera deberá resolver sobre o seu alcance e aplicará os seguintes criterios:

1º. No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables. Con carácter xeral, se o incumprimento superase o 70 % da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total.

2º. No caso de incumprimento dos compromisos de creación de emprego, con carácter xeral, suporá unha minoración do 20 % no importe da axuda concedida. Non obstante, se como consecuencia do incumprimento se perdesen todos os puntos por este concepto, o incumprimento será total.

c) O incumprimento da obrigación de xustificación, xustificación insuficiente, xustificación fóra do prazo establecido, falsidade, terxiversación ou ocultación nos datos ou documentos que serven de base para xustificar os investimentos subvencionables ou outras obrigacións impostas na resolución de concesión da axuda.

e) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigacións contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de axudas para a mesma finalidade ou os mesmos custos, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) O incumprimento dos prazos de mantemento da actividade, do emprego ou do investimento.

g) A obtención de financiamento de distintas procedencias ou concorrencia de subvencións por riba do custo das actividades subvencionadas.

h) Calquera das demais causas previstas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 24. Obrigas das persoas beneficiarias

1. Son obrigas das persoas beneficiarias:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto ou realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para comprobar a aplicación das axudas á finalidade que determinou a súa concesión, o cumprimento dos requisitos exixidos para a concesión e o pagamento da axuda e o mantemento das condicións establecidas nas bases reguladoras, a convocatoria e a resolución de concesión, para o cal achegará canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas para os efectos de poder comprobar o cumprimento do límite cuantitativo ao que fai referencia o artigo 9 desta resolución.

e) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Comunicar o carácter de financiamento público do proxecto nos termos recollidos no anexo VIII.

2. O incumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as indicadas na resolución de concesión de axuda, así como o encontrarse nas circunstancias previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ocasionará a perda de dereito á axuda.

Artigo 25. Réxime sancionador

Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 26. Fiscalización e control

As persoas beneficiarias destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice a Xera para o seguimento dos proxectos aprobados e do efectivo cumprimento das obrigas e compromisos do beneficiario fixados no artigo 14, e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 27. Comprobación de subvencións

1. A Xera comprobará a adecuada xustificación da subvención, así como a realización da actividade, o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención e das demais obrigas exixidas ás persoas beneficiarias das axudas.

2. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será de aplicación o establecido no artigo 60.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

3. Para todo o non previsto nos puntos anteriores, será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 28. Réxime de recursos

1. Contra as resolucións ditadas ao abeiro desta convocatoria, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución perante o presidente da Xera, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015.

2. Contra as resolucións de reintegro, que poñen fin á vía administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento contado desde o día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo, perante o director da Xera, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015.

Artigo 29. Información aos interesados

1. Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN500B, poderase obter información a través dos seguintes medios:

a) Na guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal

b) Páxina web oficial da Axencia Galega da Industria Forestal (www.xera.xunta.gal), na súa epígrafe de axudas.

c) No teléfono 881 99 54 76 da Axencia Galega da Industria Forestal.

d) No enderezo electrónico xera.ceei@xunta.gal

e) Presencialmente, na Axencia Galega da Industria Forestal, avda. Fernando de Casas Novoa, 38 (San Lázaro), 15781 Santiago de Compostela.

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia: 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

Artigo 30. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases, aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2018

José Ignacio Lema Piñeiro
Director da Axencia Galega da Industria Forestal

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file