Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Mércores, 8 de agosto de 2018 Páx. 36730

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 78/2018, do 26 de xullo, polo que se regula a composición e o funcionamento da Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe.

O deporte, desde as súas primeiras expresións, é sinónimo de saúde, esforzo e superación. Con independencia da idade, dispoñibilidade, modalidade deportiva ou nivel de competición en que se realice deporte, as persoas buscan fundamentalmente estar nun estado de forma que lles garanta unha vida saudable e unha calidade de vida nas mellores condicións posibles, na procura de evitar problemas de saúde.

Conxuntamente coa procura de estar nunha boa condición física, a práctica deportiva realízase, nunha importante colectividade, co obxectivo da superación dunha serie de retos e metas individuais que se fixan para lograr unha mellora das marcas ou rexistros acadados nas distintas probas ou competicións en que se participe.

Dentro desta colectividade que busca a mellora das marcas e rexistros, atopámonos cunha colectividade máis reducida, pero non por iso menos importante, composta polos/as deportistas que buscan formar parte da alta competición ou xa forman parte dela.

Na consecución destes obxectivos, as persoas que realizan unha actividade deportiva deben ter como referencia sempre valores e condutas vinculadas ao xogo limpo, ao esforzo e dedicación persoal, empregando todas as ferramentas dispoñibles dentro dun marco de legalidade.

Así, o uso de instalacións, a dispoñibilidade de persoal adestrador e médico e resto de persoal dirixido a unha mellora na tecnificación, no rendemento e nas condicións de saúde dos/das deportistas, son elementos básicos para lograr eses obxectivos, que permiten pola súa vez que o resto da sociedade teña como exemplo e referencia aos/ás deportistas cando estes/as conseguen un éxito deportivo.

Na sociedade actual non é permisible que existan condutas que supoñen un ataque frontal e directo aos valores do deporte e, especialmente, as que teñen a súa orixe na dopaxe no deporte.

Nin a sociedade nin a Administración, nos seus distintos estamentos, poden permitir esas actividades que supoñen non soamente unha adulteración dos resultados deportivos senón que, ademais, poñen en grave risco a saúde e a vida dos/das deportistas, existindo lamentables exemplos das consecuencias desta práctica.

Aínda que nas súas orixes a dopaxe tiña unha condición máis individualizada, actualmente tense comprobado que existen verdadeiras redes e tramas organizadas onde se concentran fortes intereses económicos.

Ante esta situación, xa desde hai varios anos, véñense adoptando a nivel internacional e nacional distintas medidas, tanto normativas como convencionais, para loitar contra esta lacra no deporte, xa sexa mediante a adopción de medidas preventivas como de medidas represivas, coa esperanza de que a dopaxe desapareza da práctica deportiva.

Como principais fitos nesta materia a nivel internacional procede citar, por unha banda, a Conferencia Mundial sobre a Dopaxe no Deporte, celebrada en Lausana (Suíza) no ano 1999, na cal se puxo de manifesto a necesidade de afondar na colaboración entre poderes públicos e organizacións deportivas e de variar as políticas de erradicación da dopaxe seguidas ata entón, orientándoas á creación dun organismo internacional independente. Froito diso foi a constitución, ese mesmo ano, da Axencia Mundial Antidopaxe a cal, no ano 2003, elaborou o Código mundial antidopaxe, cuxa última versión actualizada entrou en vigor o 1 de xaneiro de 2015.

Por outra banda, é obrigada a cita da Convención internacional contra a dopaxe no deporte do ano 2005, a cal foi ratificada por España, e o correspondente instrumento de ratificación foi publicado no Boletín Oficial del Estado número 41, do 16 de febreiro de 2007. Conforme o artigo 4.1 da dita convención, os Estados parte comprométense a respectar os principios do Código mundial antidopaxe como base das medidas previstas no artigo 5 da convención.

No eido estatal, a principal norma na materia é a Lei orgánica 3/2013, do 20 de xuño, de protección da saúde do deportista e loita contra a dopaxe na actividade deportiva, a cal foi recentemente modificada polo Real decreto lei 3/2017, do 17 de febreiro, polo que se modifica a Lei orgánica 3/2013, do 20 de xuño, de protección da saúde do deportista e loita contra a dopaxe na actividade deportiva, e se adapta ás modificacións introducidas polo Código mundial antidopaxe de 2015.

Pola súa parte, o Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, no seu artigo 27.22, atribúelle á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva en materia de promoción do deporte.

Ao abeiro desta competencia, aprobouse a Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, cuxo obxecto é promover e coordinar o deporte na Comunidade Autónoma de Galicia, así como ordenar o seu réxime xurídico e a súa organización institucional, de acordo coas competencias que o Estatuto de autonomía e o resto do ordenamento xurídico lle atribúen á Comunidade Autónoma de Galicia. A devandita norma prevé expresamente no artigo 5.1, letras t) e u), a competencia da Administración autonómica para establecer unha política activa de protección da saúde do deportista e de loita contra a dopaxe no deporte, e para ditar as disposicións regulamentarias de desenvolvemento da lei.

De xeito máis específico, a Lei 3/2012, do 2 de abril, dedica o seu título VIII á actuación autonómica en materia de prevención e loita contra a dopaxe no deporte; regulación que, na súa interpretación e aplicación, se debe axustar ao réxime imposto pola normativa estatal e internacional de obrigado cumprimento, que se caracteriza polo seu carácter tremendamente cambiante na procura de adoptar medidas que dean resposta a cada unha das situacións e avances que se producen nesta materia.

En concreto, a través do presente decreto regúlase a composición e o réxime de funcionamento da Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe, dando cumprimento ao mandato de desenvolvemento normativo contido no número 3 do artigo 130 da Lei 3/2012, do 2 de abril.

A Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe estará adscrita ao órgano superior da Administración autonómica competente en materia de deporte, e desempeña as funcións previstas na Lei 3/2012, do 2 de abril, nos termos e co alcance derivados do necesario respecto á normativa estatal e internacional de obrigado cumprimento.

Este decreto estrutúrase en dous capítulos, cun total de vinte artigos, dúas disposicións adicionais, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras.

No capítulo I establécense o obxecto e a natureza desta comisión. Os dous artigos que o compoñen establecen o obxecto e a natureza desta comisión.

O capítulo II, relativo ás funcións, á composición e ao réxime de funcionamento da comisión, está integrado por dezaoito artigos nos cales se detallan as funcións da comisión, a súa composición, o nomeamento, o cesamento e a renuncia das persoas membros, a duración do mandato destas e os seus dereitos e obrigas. Ademais, prevese a posible participación de persoas asesoras expertas nas sesións da comisión, con voz e sen voto, e regúlase o réxime de funcionamento do órgano.

As disposicións adicionais regulan as axudas de custo que correspondan ás persoas membros da Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe que non teñan a condición de persoal ao servizo da Administración autonómica e disponse un prazo máximo de seis meses desde a entrada en vigor do decreto para a celebración da sesión constitutiva da comisión; a disposición derrogatoria recolle a derrogación das normas que resultan afectadas por esta norma e as disposicións derradeiras regulan a facultade de desenvolvemento da norma e a entrada en vigor.

Na tramitación do decreto respectouse o procedemento legal e as prescricións contidas nos artigos 40 a 44 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e o sector público autonómico de Galicia, contando con todos os informes preceptivos e dando trámite de audiencia á sociedade en xeral e aos integrantes do tecido deportivo en particular, así como ás organizacións colexiais con incidencia nesta materia.

A regulación contida nesta norma acredita a súa adecuación aos principios de boa regulación recollidos no artigo 129.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, de necesidade e eficacia (xa que esta norma busca erradicar as prácticas de dopaxe e incidir na formación e sensibilización da sociedade na loita contra estas prácticas), de proporcionalidade e seguridade xurídica (o contido da norma adecuase e sométese ás normas estatais e internacionais na materia e é coherente co ordenamento xurídico) e aos de transparencia e eficiencia.

Na súa virtude, por proposta do titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do vinte e seis de de xullo de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

Este decreto ten por obxecto regular a composición e o funcionamento da Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe.

Artigo 2. Natureza da Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe

1. A Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe é o órgano administrativo con competencias en materia de defensa da saúde do/da deportista e de prevención e control da dopaxe no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, nos termos previstos na Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, e na normativa estatal e internacional de obrigado cumprimento.

2. A Comisión adscríbese ao órgano superior da Administración autonómica competente en materia de deporte.

CAPÍTULO II

Funcións, composición e réxime de funcionamento da comisión

Artigo 3. Funcións da Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe

A Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe exercerá as funcións previstas na Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, nos termos e co alcance derivados do necesario respecto á normativa estatal e internacional de obrigado cumprimento.

Artigo 4. Composición

1. A Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe estará integrada por unha presidencia, unha vicepresidencia e trece vogalías.

2. Formarán parte da Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe:

a) En representación da Administración:

1ª. A persoa titular do órgano superior da Administración autonómica competente en materia de deporte, que exercerá a presidencia.

2ª. Unha persoa en representación do órgano superior da Administración autonómica competente en materia de deporte, que exercerá a vicepresidencia.

3ª. Unha persoa en representación do órgano superior da Administración autonómica competente en materia de saúde pública, designada pola persoa titular do departamento dese órgano.

4ª. Unha persoa en representación do órgano superior da Administración autonómica competente en materia de educación, designada pola persoa titular do departamento dese órgano.

b) En representación dos axentes da actividade deportiva:

1ª. Unha persoa que teña ou tivese licenza federativa de árbitro ou xuíz/xuíza designado/a pola persoa titular do órgano superior da Administración autonómica competente en materia de deporte.

2ª. Unha persoa por proposta e en representación das federacións deportivas galegas.

3ª. Unha persoa que teña ou tivese a condición de deportista federado designada pola persoa titular do órgano superior da Administración autonómica competente en materia de deporte.

c) En representación de corporacións de dereito público representativas de profesións relacionadas coas materias de competencia da comisión:

1ª. Unha persoa en representación do Consello de Colexios de Médicos de Galicia, por proposta do dito consello.

2ª. Unha persoa en representación do Colexio Oficial ou colexios oficiais de Farmacéuticos de Galicia.

3ª. Unha persoa en representación do Colexio Oficial ou colexios oficiais de Químicos de Galicia.

4ª. Unha persoa en representación do Colexio Oficial ou colexios oficiais de Enfermaría de Galicia.

Respecto das vogalías 2ª, 3ª e 4ª desta letra d), de existir, na Comunidade Autónoma de Galicia, un só colexio, a proposta será realizada por este. De haber máis dun colexio oficial, a proposta será formulada, para cada mandato, por un dos colexios, de xeito sucesivo e rotativo, seguindo a orde alfabética da súa denominación.

d) En representación das facultades de Ciencias da Actividade Física e do Deporte:

Dúas persoas expertas de recoñecido prestixio, designadas pola facultades dedicadas ao ensino universitario do deporte e da educación física no Sistema universitario galego.

e) Dúas persoas designadas pola persoa titular do órgano superior da Administración autonómica competente en materia de deporte entre persoas de recoñecido prestixio nos ámbitos científico-técnico, deportivo, médico ou xurídico.

3. Designarase, igualmente, unha persoa suplente por cada unha das persoas que ocupen as vogalías titulares e da vicepresidencia para os supostos de vacante, ausencia, enfermidade ou concorrencia dalgunha causa xustificada.

4. A Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe contará cunha secretaría. A persoa que ocupe a secretaría terá a condición de empregada pública ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma, e asistirá ás reunións da Comisión con voz pero sen voto. A designación e o cesamento, así como a substitución temporal da persoa que exerza a secretaría en supostos de vacante, ausencia, enfermidade ou concorrencia dalgunha causa xustificada, realizarase conforme o disposto no artigo 11.

Artigo 5. Nomeamento, aceptación e duración do mandato

1. A competencia para o nomeamento das vogalías e da vicepresidencia da Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe, tanto das persoas titulares como das suplentes, correspóndelle á persoa titular do órgano superior da Administración autonómica competente en materia de deporte.

2. Na composición da Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe procurase acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres.

3. Feito o nomeamento, este producirá efecto desde a aceptación. Para tal efecto, as persoas nomeadas deberán aceptar o nomeamento expresamente e por escrito, dentro do prazo dos quince días seguintes ao do nomeamento.

4. A duración do mandato das vogalias e da vicepresidencia da Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe será de catro anos, que se contarán a partir da data de nomeamento.

5. No caso de que a designación se faga en función do posto ocupado ou do cargo ou condición, o mandato manterase mentres se ocupe o posto ou se exerza o cargo ou a condición que determinou a designación.

6. De producirse algunha vacante, garantirase en todo momento a existencia, cando menos, dunha persoa suplente designada. En caso de vacante, a persoa suplente ocupará a vogalía durante o período restante para cumprir os catro anos de mandato da persoa que figuraba como titular.

7. Transcorrido o prazo de catro anos previsto no número 4, se por calquera causa se demora o nomeamento de novas vogalías ou da vicepresidencia da comisión, as persoas cesantes seguirán desempeñando as súas funcións ata o nomeamento dos novos membros.

Artigo 6. Cesamentos

Son causas de cesamento as seguintes:

a) Expiración do prazo do mandato.

b) Condena por delito en virtude de sentenza firme.

c) Incapacidade ou inhabilitación para ocupar cargo público declarada por resolución xudicial firme.

d) Por perda do posto ocupado, cargo ou a condición no caso de que a designación se faga en función do seu posto, cargo ou condición.

e) Por remoción por incumprimento grave das súas obrigas.

2. A competencia para o cesamento correspóndelle á persoa titular do órgano superior da Administración autonómica competente en materia de deporte.

Artigo 7. Renuncia

1. A renuncia voluntaria á condición de vogal ou da vicepresidencia da Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe deberá ser manifestada por escrito e será aceptada expresamente pola persoa titular do órgano superior da Administración autonómica competente en materia de deporte.

2. A renuncia non impedirá que a persoa que a formulou poida volver ser nomeada como vogal ou vicepresidenta da comisión.

Artigo 8. Dereitos e obrigas das persoas membros

Ás persoas membros da Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe correspóndelle:

a) Asistir ás sesións e participar nelas.

b) Exercer o seu dereito ao voto e formular o seu voto particular, así como expresar o sentido do seu voto e os motivos que o xustifican.

c) Cantos outros dereitos e deberes sexan inherentes á súa condición de membro dun órgano colexiado.

Artigo 9. Presidencia

1. Á persoa titular da presidencia, sen prexuízo dos demais dereitos, obrigas e funcións que ten como membro da Comisión, correspóndelle:

a) Representar a Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe.

b) Acordar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias.

c) Fixar a orde do día das sesións.

d) Presidir, abrir e levantar as sesións.

e) Dirixir as deliberacións, dando a palabra, moderar o desenvolvemento dos debates, suspender estes por causas xustificadas e limitar, se é o caso, a súa duración para permitir a participación de todas as persoas e de garantir a boa marcha das sesións.

f) Decidir co seu voto os empates que se poidan producir para os efectos de adoptar acordos.

g) Visar as actas e certificacións dos acordos da Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe.

h) As demais que sexan inherentes á súa condición de presidenta ou presidente.

2. A persoa titular da presidencia poderá delegar na persoa titular da vicepresidencia aquelas funcións propias que considere necesario e sexan susceptibles de delegación.

Artigo 10. Vicepresidencia

Sen prexuízo dos demais dereitos, obrigas e funcións que ten como membro da Comisión, as funcións da vicepresidencia serán, entre outras, as seguintes:

a) Substituír a persoa titular da presidencia en caso de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal.

b) As demais que lle sexan encomendadas pola presidencia.

Artigo 11. Secretaría

1. A Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe contará cun secretario ou unha secretaria designado/a pola persoa titular do órgano superior da Administración autonómica competente en materia de deporte de entre as persoas que teñan a condición de empregado/a pública ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma.

2. No caso de vacante, ausencia ou enfermidade ou outra causa xustificada, a persoa que exerza a secretaría será substituída por outra persoa que teña a condición de empregada pública ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma nomeada para estes efectos pola persoa titular do órgano superior da Administración autonómica competente en materia de deporte.

3. Correspóndelle ao secretario ou secretaria da Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe:

a) Asistir ás reunións, con voz pero sen voto.

b) Efectuar a convocatoria das sesións da Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe por orde da presidencia, así como as citacións ás persoas membros da Comisión.

c) Recibir os actos de comunicación das persoas membros coa comisión e, polo tanto, as notificacións, peticións de información ou datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos de que se deba ter coñecemento.

d) Velar pola legalidade formal e material das actuacións do órgano colexiado e garantir que os procedementos e as regras de constitución e adopción de acordos son respectadas.

e) Preparar de forma concisa e completa os expedientes para coñecemento das persoas membros da Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe.

f) Levar a repartición de asuntos e asignación de relatorios entre as persoas membros da Comisión, de acordo co sistema de quenda que aqueles establecesen.

g) Conservar e custodiar a documentación e arquivos da Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe.

h) Preparar o despacho dos asuntos e redactar e autorizar as actas das sesións.

i) Expedir certificacións das consultas, ditames e acordos aprobados.

j) Notificar ás persoas ou entidades interesadas as resolucións da Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe.

k) Cantas outras funcións sexan inherentes á condición de secretario ou secretaria da Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe.

4. O cesamento poderá acordalo a persoa titular do órgano superior da Administración autonómica competente en materia de deporte nos supostos seguintes:

a) Condena por delito en virtude de sentenza firme.

b) Incapacidade ou inhabilitación para ocupar cargo público declarada por resolución xudicial firme.

c) Por remoción.

Artigo 12. Persoas asesoras externas

1. A persoa que exerce a presidencia da Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe poderá convocar, por iniciativa propia ou por solicitude de calquera das persoas membros, ás sesións desta, en calidade de asesores, persoas que polo seu prestixio profesional, capacitación técnica e preparación teñan a consideración de expertos na materia.

2. As persoas mencionadas no número anterior asistirán ás reunións con voz pero sen voto.

Artigo 13. Axudas de custo

A pertenza á Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe ou a participación de persoas especializadas nela non dará lugar a ningunha retribución, pero as persoas membros da Comisión terán dereito ao aboamento de axudas de custo que procedan de acordo coa normativa aplicable.

Artigo 14. Sesións

1. A Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe reunirase en sesión ordinaria cantas veces sexa necesario para o exercicio das súas funcións e, como mínimo, dúas veces durante o ano natural.

2. En sesión extraordinaria poderá reunirse por iniciativa da presidencia ou por petición da metade máis unha das persoas membros da Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe.

Artigo 15. Convocatorias e quórum de constitución

1. As convocatorias serán realizadas por orde da presidencia cunha antelación mínima de sete días naturais. Na convocatoria deberase fixar o día, o lugar e a hora de celebración da sesión, así como a súa orde do día.

2. Quedarán dispensadas da devandita antelación mínima aquelas sesións que revistan urxencia. Neste caso, deberá garantirse que a recepción da convocatoria urxente polas persoas membros da Comisión se realiza cunha antelación mínima de 48 horas.

3. Cando estivesen reunidos, de maneira presencial ou a distancia, o secretario e todos os membros do órgano colexiado ou, se é o caso, as persoas que lles suplan, estes poderán constituírse validamente como órgano colexiado para a celebración de sesións, deliberacións e adopción de acordos sen necesidade de convocatoria previa cando así o decidan todos os seus membros.

4. Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día, salvo que asistan todos os membros do órgano colexiado e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

5. De conformidade co artigo 17.3 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, salvo que non resulte posible, as convocatorias serán remitidas ás persoas membros da Comisión a través de medios electrónicos e farase constar nelas a orde do día xunto coa documentación necesaria para a súa deliberación cando sexa posible, as condicións en que se vai a celebrar a sesión, o sistema de conexión e, se é o caso, os lugares en que estean dispoñibles os medios técnicos necesarios para asistir e participar na reunión.

6. Para a válida constitución da Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe, para os efectos de celebración de sesións, deliberacións e toma de acordos, requirirase a presenza das persoas que exercen a presidencia e a secretaría, ou as que as substituian, e a da metade, polo menos, das persoas membros da Comisión.

Artigo 16. Orde do día das sesións

1. As persoas membros da Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe poderán pedir á presidencia a inclusión dalgún punto na orde do día, sempre que se faga cunha antelación mínima de 15 días á convocatoria.

2. A denegación da petición de inclusión dun asunto na orde do día por non formular a dita petición coa antelación indicada notificaráselle á persoa membro que a formulou, con motivación da razón da denegación.

Artigo 17. Adopción de acordos

1. Os acordos da Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe serán adoptados por maioría simple de persoas membros da Comisión presentes; os empates dirimiranse mediante o voto de calidade da presidencia.

2. O sistema de votación responderá aos principios de voto directo e persoal.

3. As persoas membros da Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe poderán delegar o seu voto noutras persoas membros, agás nas deliberacións e acordos relativos a procedementos sancionadores.

Artigo 18. Votos particulares

1. As persoas membros da Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe poderán formular voto particular discrepante co acordo da maioría, sempre que o anuncien antes de levantarse a sesión.

2. Os votos particulares terán que remitirse por escrito, dentro dun prazo de corenta e oito horas desde a finalización da sesión, á secretaría da Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe.

Artigo 19. Actas

1. De cada sesión da Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe levantarase acta, a cal expresará o seguinte:

a) Orde do día da reunión.

b) Data, hora e lugar da sesión.

c) Nome e apelidos das persoas asistentes e representación que posúen.

d) Temas tratados, recollendo os puntos principais das deliberacións.

e) De conformidade co artigo 20.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, na acta figurará, por solicitude das persoas membros, o voto contrario ao acordo adoptado, a súa abstención e os motivos que a xustifiquen ou o sentido do seu voto favorable. Así mesmo, calquera membro ten dereito a solicitar a transcrición íntegra da súa intervención ou proposta, sempre que se refira a algún dos puntos da orde do día e achegue no acto, ou no prazo que sinale o presidente, o texto que se corresponda fielmente coa súa intervención, e farase constar así na acta ou uniráselle copia a esta.

2. As actas deberán ser asinadas pola secretaría co visto e prace da presidencia e serán sometidas á aprobación na mesma reunión ou na inmediata seguinte.

3. Quen acredite a titularidade dun interese lexítimo poderán dirixirse á secretaría para que lle sexa expedida certificación dos acordos adoptados.

Artigo 20. Réxime xurídico aplicable á organización e ao funcionamento da Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe

A Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe rexerase, no que atinxe á súa organización e funcionamento, pola Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, pola regulación sobre órganos colexiados contida na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, polo presente decreto e polo seu regulamento de réxime interno de funcionamento.

Disposición adicional primera. Axudas de custo ás persoas membros da Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe que non teñan a condición de persoal ao servizo da Administración autonómica

Será de aplicación, para a determinación das axudas de custo ás persoas membros da Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe que non teñan a condición de persoal ao servizo da Administración autonómica, o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 2 de decembro de 1995 ou, se for o caso, o acordo ou norma que o substitúa.

Disposición adicional segunda. Da sesión constitutiva

No prazo máximo de seis meses desde a entrada en vigor do decreto deberá celebrarse a sesión constitutiva da comisión.

Disposición derrogatoria única. Cláusula derrogatoria xeral

Quedan derrogadas cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido no presente decreto.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da consellería competente por razón da materia para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento do presente decreto no relativo á organización e materias propias da respectiva consellería.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor aos vinte días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e seis de xullo de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza