Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Xoves, 9 de agosto de 2018 Páx. 36985

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 6 de agosto de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan cen bolsas para a mocidade do exterior, co fin de cursar estudos de formación profesional de grao superior que se inicien no curso académico 2018/19 nun centro con ensinanzas sostidas con fondos públicos de Galicia (ED333A).

O Estatuto de autonomía de Galicia, nos seus artigos 1.2 e 4.3, establece que a Comunidade Autónoma de Galicia asume como tarefa principal a defensa da identidade de Galicia e a promoción da solidariedade entre todos os integrantes do pobo galego, configurando como un principio reitor da súa política social e económica facer efectivo o dereito das persoas galegas a viviren e traballaren na súa propia terra.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece a competencia plena para regular e administrar o ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolven.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (BOE do 4 de maio), establece nos seus artigos 39 a 44 os principios xerais, os obxectivos, os contidos, os títulos e as validacións da formación profesional integrada no sistema educativo español.

O obxectivo principal deste programa é incentivar o retorno dos/das galegos/as do exterior, non só dos/das emigrados/as, senón tamén dos/das seus/súas descendentes, favorecendo a súa incorporación e a dos/das seus/súas fillos/as nos centros de ensino secundario da nosa comunidade autónoma, así como no Sistema universitario de Galicia.

Trátase de que os/as mozos/as galegos/as que residan no exterior veñan a Galicia cursaren un ciclo de grao superior de formación profesional que lles permita incorporarse ao mercado laboral galego logo de remataren os estudos.

A través deste programa preténdese tamén que a sociedade galega se enriqueza cos coñecementos e as experiencias profesionais internacionais que acheguen estes/as galegos/as que residiron ou naceron no estranxeiro e que agora retornan a Galicia, ao mesmo tempo que se reforza a súa vinculación con esta comunidade autónoma.

Na súa virtude, en uso das atribucións que lle foron concedidas á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto da convocatoria

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases e convocar o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de cen bolsas (100) para a mocidade do exterior, co fin de cursar un ciclo de grao superior de formación profesional sostido con fondos públicos nun centro da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Para a concesión destas bolsas é necesario que se acredite estar matriculado/a no primeiro curso dun ciclo de grao superior de formación profesional en réxime ordinario ou de formación profesional dual, no curso 2018/19.

3. Este procedemento habilitarase na Guía de procedementos e servizos co código ED333A.

Artigo 2. Persoas beneficiarias

Poderán concorrer a esta convocatoria os/as cidadáns/as galegos/as residentes no exterior e que cumpran os requisitos académicos de acceso a un ciclo de grao superior de formación profesional.

Artigo 3. Requisitos

1. Requisitos que se deberán cumprir e acreditar no prazo de presentación de solicitudes:

a) Ser menor de 30 anos.

b) Estar en posesión da nacionalidade española.

c) Residir no estranxeiro no ano da solicitude.

d) Acreditar un mínimo de dous anos de residencia no estranxeiro inmediatamente anteriores á data final do prazo de presentación da solicitude.

e) Ser emigrante nado/a en Galicia ou ter residido en Galicia de maneira continuada durante dez anos con nacionalidade española antes de emigrar, ou ser descendente por consanguinidade dunha persoa que cumpra algunha destas condicións, e ter nacido no estranxeiro.

f) Cumprir os requisitos académicos de acceso a ciclos de grao superior de formación profesional.

2. Os requisitos, en todo caso, deberanse cumprir e acreditar na data de concesión da bolsa:

a) No caso das persoas nacidas no estranxeiro, estar vinculado/a (residencia legal) a un concello galego.

b) Estar matriculado/a no curso 2018/19 nun ciclo de formación profesional de grao superior sostido con fondos públicos, de réxime ordinario ou de formación profesional dual.

3. Logo de concedida a axuda, o cobramento desta estará condicionado aos criterios establecidos no artigo 4 desta orde.

Artigo 4. Dotación e contía da axuda

A consellería destinará, con cargo á aplicación orzamentaria 10.50.422M.480.1, un total dun millón de euros a estas axudas para cen bolsas (100), cunha contía de 10.000 euros cada unha. A distribución dos pagamentos será a que se amosa na táboa e estará condicionada aos requisitos de matriculación e rendemento académico. A dotación total da bolsa por ano é a seguinte:

a) 300.000 euros no ano 2018.

b) 500.000 euros no ano 2019.

c) 200.000 euros no ano 2020.

No caso de non cumprir os requisitos de promoción a 2º curso e, xa que logo, non poder matricularse no 2º curso do ciclo, non se percibirá a axuda do segundo ano.

Distribución dos pagamentos

Curso 2018/19 (5.000 euros)

1º pagamento, do 60 %, no 1º trimestre

3.000 euros

Estar matriculado/a

2º pagamento, do 40 %, no 2º trimestre

2.000 euros

Ter aprobado o 70 % dos módulos da 1ª avaliación

Curso 2019/20

(5.000 euros)

1º pagamento, do 60 %, no 1º trimestre

3.000 euros

Estar matriculado/a

2º pagamento, do 40 %, no 2º trimestre

2.000 euros

Ter aprobado o 70 % dos módulos da 1ª avaliación

Artigo 5. Forma, prazo e lugar de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado, que figura como anexo I desta resolución a título informativo, dispoñible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

3. Quen non posúa DNI ou NIE ou certificado electrónico aceptado pola sede electrónica da Xunta de Galicia poderá presentar a solicitude presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán presentar por vía electrónica, xunto coa solicitude, a seguinte documentación:

a) Pasaporte ou outro documento acreditativo da identidade e nacionalidade española, para as persoas solicitantes que non teñan DNI (documento nacional de identidade) español.

b) Documentación acreditativa da residencia actual no estranxeiro.

c) Documentación xustificativa do tempo de residencia no estranxeiro durante un mínimo de dous anos ininterrompidos inmediatamente anteriores á data de fin do prazo de presentación da solicitude.

d) Documentación acreditativa da súa vinculación con Galicia: do nacemento en Galicia ou a residencia nesta comunidade autónoma de maneira continuada durante dez anos con nacionalidade española antes de emigrar ou, de ser o caso, de ser descendente dunha persoa que cumpra algunha destas condicións, e do seu nacemento no estranxeiro.

e) Certificado do expediente académico homologado onde se reflicta a nota para o acceso.

2. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

3. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica.

4. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As copias de documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. Todos os documentos que se acheguen deberán ser oficiais e estar expedidos polas autoridades competentes, de acordo co ordenamento xurídico do país de que se trate. Cando os documentos achegados ao expediente polas persoas solicitantes estean nun idioma distinto do galego ou do español, deberase presentar tradución deles en calquera destes idiomas.

Artigo 7. Comprobación dos datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa solicitante, de ser o caso.

b) DNI /NIE/NIF da persoa ou entidade representante, de ser o caso.

2. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación do documento correspondente.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Órganos competentes e instrución do procedemento

1. A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa será o órgano competente para instruír o procedemento de concesión das bolsas, e correspóndelle ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ditar a correspondente resolución.

2. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes e examinadas estas e a documentación complementaria, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria exporá as listaxes provisionais de solicitudes admitidas e excluídas, nas cales se sinalarán os motivos de exclusión, a través da súa publicación na súa páxina web.

3. As persoas excluídas disporán dun prazo de cinco días hábiles para emendar a falta ou achegar os documentos preceptivos. Transcorrido este prazo sen que se emenden os erros ou se achegue a documentación preceptiva, considerarase que a persoa interesada desiste da súa petición, nos termos e nas condicións que se establecen no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 10. Comisión de Valoración

1. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes que cumpran os requisitos establecidos na convocatoria, consonte os criterios obxectivos fixados no seguinte artigo.

2. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

– Presidencia: a persoa titular da Subdirección Xeral de Formación Profesional ou persoa en quen delegue.

– Catro vogais, con categoría de subdirector/a xeral, xefe/a de servizo ou membro da Inspección Educativa.

– Secretaría: actuará como secretario/a unha persoa asesora desta consellería, con voz pero sen voto.

3. A Comisión de Valoración constituirase na sede da Subdirección Xeral de Formación Profesional. O seu funcionamento rexerase polo disposto na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 11. Criterios de valoración e procedemento de selección

1. Para a concesión das bolsas farase unha comparativa entre as solicitudes presentadas que cumpran os requisitos establecidos na convocatoria e establecerase unha prelación entre elas, de acordo cos criterios de valoración que se determinan a seguir.

2. A Comisión de Valoración examinará as solicitudes presentadas e avaliará os méritos acreditados documentalmente. A puntuación máxima será de 13 puntos, conforme este baremo:

a) Posuír o título de bacharelato ou equivalente para os efectos de acceso a ciclos: 5 puntos.

b) Posuír o título de técnico de grao medio de formación profesional: 3 puntos.

c) Posuír a certificación de superación das probas de acceso a ciclos superiores ou outras vías de acceso a ciclos de grao superior: 2 puntos.

d) Outras titulacións: 1 punto.

– Título universitario.

– Título de técnico superior ou de técnico especialista.

e) Vinculación con Galicia: ata 2 puntos.

1) Nado/a en Galicia ou que reside en Galicia de maneira continuada durante dez anos antes de emigrar: 2 puntos.

2) Fillo/a dunha persoa sinalada no punto anterior, nado/a no estranxeiro: 1,5 puntos.

3) Outras persoas descendentes de persoas sinaladas no punto e.1): 1 punto.

3. Para o caso de empate na puntuación obtida, daráselle prioridade a quen teña unha nota media máis alta no requisito de acceso a ciclos; en segundo lugar, a maior vinculación con Galicia e, en terceiro lugar, a data de nacemento máis recente.

4. A lista de persoas candidatas ordenada polas puntuacións outorgadas publicarase na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 12. Adxudicación das axudas

Á vista da documentación presentada e do crédito dispoñible, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa elaborará a correspondente proposta de adxudicación das axudas e enviaralla á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que resolverá o que proceda, nos termos previstos no artigo 34 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 13. Publicación das axudas

1. Publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a resolución pola cal se resolve a convocatoria destas bolsas, coa lista de persoas beneficiarias, a lista de suplentes, así como a lista de solicitudes denegadas.

2. Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través do portal da formación profesional http://www.edu.xunta.es/fp.

3. Neste caso, a publicación das persoas beneficiarias terá os mesmos efectos que a notificación, segundo se establece no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. As persoas interesadas poderán entender desestimadas as solicitudes de non se ditar resolución expresa no prazo de cinco meses contados desde o día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes.

5. O número máximo de persoas adxudicatarias será de cen e corresponderase con aquelas que, tendo xustificada a súa matrícula nun ciclo de grao superior de formación profesional ofrecido nesta convocatoria en réxime ordinario ou de formación profesional dual, obtivesen as maiores puntuacións.

Artigo 14. Xustificación e pagamento das axudas

1. O pagamento das bolsas farase logo de publicada a resolución da concesión das bolsas no DOG.

2. As axudas faranse efectivas en dous pagamentos, segundo consta no artigo 4 desta orde, directamente á persoa beneficiaria, a través da conta bancaria aberta en España e indicada para tal efecto no anexo I.

3. A persoa beneficiaria presentará, no momento da solicitude, unha declaración responsable complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a mesma finalidade (anexo I), das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

4. A persoa beneficiaria está obrigada a lle comunicar á entidade concedente ou, de ser o caso, á entidade colaboradora a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

Artigo 15. Aceptación ou renuncia

1. Unha vez concedidas as axudas, deberanse aceptar expresamente e xustificaranse as xustificacións que acrediten o cumprimento dos requisitos do artigo 3.2.

2. A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para o cal se poderá utilizar o anexo II.

3. No caso de que se comunicase a renuncia, o órgano competente para resolver ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. No caso de que as persoas adxudicatarias renuncien á bolsa ou causen baixa por calquera outro motivo, poderán ser substituídas pola persoa seguinte na orde de puntuación que figure na lista de suplentes.

Artigo 16. Prazo de duración do procedemento de concesión

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás persoas interesadas será de cinco meses, que comenzará a contar desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, a solicitude poderase entender desestimada, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias das bolsas convocadas nesta resolución quedan obrigadas a:

a) Incorporarse aos estudos do ciclo superior de formación profesional en réxime ordinario ou en formación profesional dual e residir durante o curso académico completo na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Destinar a axuda á finalidade para a cal se concede, asistir ás actividades lectivas e superar polo menos o 70 % dos módulos.

c) Comunicar o enderezo para os efectos de notificacións, correo electrónico e teléfono de contacto en Galicia, así como os cambios que se poidan producir neles.

d) Comunicar por escrito á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a renuncia á bolsa, así como calquera modificación substancial que afecte as condicións desta.

e) Abrir unha conta bancaria en España na cal figure como titular.

f) Participar nas accións de fomento do emprego ou de inserción laboral que se desenvolvan nesta comunidade autónoma.

g) Asistir ás reunións ou actividades que organice a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para o desenvolvemento do programa.

h) Someterse aos requisitos legais e regulamentos que recolle a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións de Galicia, en concreto ás recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que respecto da xestión de fondos pode efectuar o departamento que concede a subvención, ás de control financeiro que realice a Intervención da Comunidade Autónoma e aos procedementos fiscalizadores do Consello de Contas e do Tribunal de Contas.

i) Comunicarlle á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

j) Subministrar á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria das obrigas previstas no título I da citada lei.

2. A persoa beneficiaria está obrigada ao reintegro, total ou parcial, da subvención ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, logo do procedemento establecido no artigo 77 e seguintes do citado Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

3. A persoa beneficiaria está obrigada a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lles correspondan.

4. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no seu artigo 3.1 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 18. Compatibilidade das axudas

Estas axudas son compatibles con outras de carácter xeral, aínda que o importe total recibido nunca poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da actividade subvencionada.

Artigo 19. Perda das axudas

1. A falsidade dos datos ou a falsificación dos documentos que se presenten, calquera que sexa o momento en que se demostre a inexactitude, terá como consecuencia a perda de todos os dereitos das persoas solicitantes que incorran en tal situación e a devolución total da contía percibida, ademais das responsabilidades que procedesen, seguindo o procedemento establecido no artigo 77 e seguintes do citado Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. Calquera alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 20. Adaptación

Esta orde adáptase ás normas que lle son aplicables da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ás que figuran no regulamento desta lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar as medidas e os actos necesarios para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Réxime de recursos

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición ante a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira terceira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/protección-datos-persoais.

Disposición derradeira cuarta. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2018

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file