Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Xoves, 9 de agosto de 2018 Páx. 36980

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 24 de xullo de 2018 pola que se modifica a autorización do Centro de Estudios Marcote, de Vigo.

O representante da titularidade do Centro de Estudios Marcote, de Vigo (Pontevedra), solicita a autorización para impartir, na modalidade semipresencial e/ou a distancia, o ciclo formativo de grao medio (CM) Vídeo disc-jockey e son e o ciclo formativo de grao superior (CS) Animacións 3D, xogos e contornos interactivos.

O centro está autorizado para impartir na modalidade presencial as ensinanzas que solicita impartir na modalidade semipresencial e/ou a distancia en virtude da Orde do 18 de setembro de 2015 (DOG do 6 de outubro).

A Orde do 5 de novembro de 2010, publicada no Diario Oficial de Galicia do 11 de novembro de 2010, establece, con carácter experimental, a ordenación da formación profesional inicial polo réxime para persoas adultas nas modalidades a distancia e semipresencial.

Logo da tramitación do expediente de acordo co establecido no Decreto 133/1995, do 10 de maio, de autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias, e coa Orde do 20 de setembro de 1995 que o desenvolve, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificación da autorización

Autorizar na modalidade semipresencial e/ou a distancia, o CM Vídeo disc-jockey e son e CS Animacións 3D, xogos e contornos interactivos, no centro que se sinala a seguir:

Denominación xenérica: centro privado.

Denominación específica: Centro de Estudios Marcote.

Código: 36019116.

Enderezo: avenida da Ponte, 82.

Localidade: Vigo.

Concello: Vigo.

Provincia: Pontevedra.

Titular: Centro de Estudios Marcote, S.L.

Composición resultante:

a) Bacharelato: 2 unidades da modalidade de Ciencias e 2 unidades da modalidade de Artes.

b) Formación profesional:

• 1 CM Vídeo, disc-jockey e son (2 unidades para 30 alumnos/as cada unha).

• 1 CS Animacións 3D, xogos e contornos interactivos (2 unidades para 30 alumnos/as cada unha).

• 1 CS Caracterización e maquillaxe profesional (2 unidades para 30 alumnos/as cada unha).

• 1 CS Iluminación, captación e tratamento de imaxe (2 unidades para 30 alumnos/as cada unha).

• 1 CS Produción de audiovisuais, radio e espectáculos (2 unidades para 30 alumnos/as cada unha).

• 1 CS Realización de proxectos audiovisuais e espectáculos (2 unidades para 30 alumnos/as cada unha).

• 1 CS Son para audiovisuais e espectáculos (2 unidades para 30 alumnos/as cada unha).

Modalidalidade semipresencial e/ou a distancia:

• 1 CM Vídeo, disc-jockey e son.

• 1 CS Animacións 3D, xogos e contornos interactivos.

Artigo 2. Ordenación académica

1. Ás ensinanzas autorizadas no artigo 1.1 desta orde aplicaráselle, en canto sexa adecuado á súa natureza, o previsto na Orde de 5 de novembro de 2010 pola que se establece, con carácter experimental, a ordenación da formación profesional inicial polo réxime para as persoas adultas nas modalidades a distancia e semipresencial.

2. O desenvolvemento dos módulos profesionais organizarase sobre a base da titoría individual e colectiva, que serán atendidas directamente polo profesorado de cada módulo. A titoría individual realizarase preferentemente de forma telemática; a colectiva terá carácter presencial coa intervención directa do profesorado, nas instalacións do centro docente.

A asistencia ás titorías presenciais nas instalacións do centro educativo, terá carácter voluntario para o alumnado.

3. Ao longo do período lectivo correspondente, o profesorado de cada módulo profesional realizará un seguimento do desenvolvemento do proceso de ensino e aprendizaxe, utilizando para iso os instrumentos e os procedementos de recollida de información previamente establecidos na programación dos módulos, que deberán ser coñecidos polo alumnado.

A avaliación da aprendizaxe do alumnado será continua a través das actividades que se programen e harmonizarase con probas presenciais teórico-prácticas para cada avaliación parcial, de carácter obrigatorio para o alumnado, e axustadas aos resultados de aprendizaxe e aos criterios de avaliación dos currículos dos módulos profesionais. Ao finalizar o desenvolvemento de cada módulo, realizarase unha proba presencial final de carácter global. Esta proba terá que realizala o alumnado que non superase o módulo mediante as probas presenciais parciais que se realicen ao longo do curso.

4. O profesorado que imparta nas modalidades de distancia e semipresencial disporá das competencias necesarias para o manexo da plataforma de formación a distancia e para realizar o seguimento do proceso de ensino-aprendizaxe do alumnado.

Artigo 3. Inicio da actividade

Para a posta en funcionamento das ensinanzas que se autorizan, a Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de Pontevedra, logo do informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación do profesorado que impartirá docencia nos devanditos ciclos, así como o equipamento.

Artigo 4. Inscrición no Rexistro de Centros

Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5. Modificación da autorización

O centro queda obrigado ao cumprimento da normativa vixente e a solicitar a oportuna revisión cando deba modificarse calquera dos datos que sinala a presente orde.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo de un mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben, directamente, o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2018

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria