Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Venres, 10 de agosto de 2018 Páx. 37361

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 2 de agosto de 2018 pola que se regulan as bases para a concesión de bolsas de formación práctica en mercados emisores mediante a realización de prácticas de especialización en oficinas de turismo en mercados emisores durante os anos 2018 e 2019, e se procede á súa convocatoria.

BDNS (Identif.): 411484.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poden solicitar a concesión das bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos:

1. Nacionalidade: ser español/a ou nacional dun Estado membro da Unión Europea.

2. Titulación: estar en posesión, na data de aceptación da bolsa, dun grao universitario ou titulación homologada ou equivalente.

Poderán participar no proceso de selección aqueles candidatos que no momento de presentación das solicitudes teñan superadas todas as materias do grao e estean pendentes da presentación e defensa do traballo de fin de grao. Estes candidatos deberán acreditar estar en posesión do título universitario no momento de aceptación da bolsa. O título achegado non poderá ser anterior ao 31 de decembro de 2014.

Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros españois non estatais deberán estar validados ou recoñecidos oficialmente polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.

3. Linguas:

a) Galego: os solicitantes deberán acreditar o coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4.

b) Outras linguas:

b.1) Para as bolsas de Londres, París, Berlín, Os Ánxeles, Milán e São Paulo deberase acreditar o coñecemento da lingua oficial do país.

b.2) Para a bolsa de Bruxelas deberase acreditar o coñecemento das linguas francesa ou inglesa.

b.3) Para a bolsa de Cantón deberase acreditar o coñecemento das linguas chinesa ou inglesa.

O nivel de coñecemento acreditarase mediante o título da escola oficial de idiomas ou outras institucións oficiais dentro do Marco común europeo de referencia para as linguas (MCERL) e será o seguinte:

– Nivel B2 na lingua oficial do país para as bolsas de Londres, Berlín, Os Ánxeles e París.

– Nivel B2 en francés ou inglés para a bolsa de Bruxelas.

– Nivel B2 en chinés ou inglés para a bolsa de Cantón.

– Nivel B1 na lingua oficial do país para as bolsas de São Paulo e Milán.

4. En ningún caso poderán ser beneficiarios/as destas bolsas aqueles solicitantes que fosen adxudicatarios dela en edicións anteriores. Quedarán tamén excluídos da convocatoria aqueles solicitantes que fosen adxudicatarios das bolsas e que renunciasen a elas con posterioridade á súa aceptación.

Segundo. Obxecto

A aprobación das bases reguladoras e as condicións polas cales se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a concesión de oito bolsas de formación práctica especializada en mercados emisores, en réxime de concorrencia competitiva, nas seguintes cidades: Londres, París, Berlín, Os Ánxeles, São Paulo, Bruxelas, Cantón e Milán.

O programa formativo desenvolverase ao longo dos anos 2018 e 2019 cunha duración máxima de 10 meses, contados desde a data da incorporación das persoas bolseiras.

A data prevista de incorporación dos/das bolseiros/as aos seus destinos é o 1 de outubro de 2018 está condicionada á dispoñibilidade nas oficinas das consellerías de turismo en destino; en todo caso, manterase a duración total de 10 meses contados a partir da data de incorporación da persoa bolseira.

A Axencia Turismo de Galicia reserva para si a facultade, se existen circunstancias que o xustifiquen e o órgano competente de Turespaña está conforme, de adscribir os/as bolseiros/as a outras oficinas temporal ou definitivamente. No caso de que iso implique desprazamentos, a Axencia Turismo de Galicia faríase cargo deles.

Para poder ser beneficiario/a das bolsas deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo III desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 7.2 das bases reguladoras.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 2 de agosto de 2018 pola que se regulan as bases para a concesión de bolsas de formación práctica en mercados emisores mediante a realización de prácticas de especialización en oficinas de turismo en mercados emisores durante os anos 2018 e 2019, e se procede á súa convocatoria.

Cuarto. Financiamento

1. A Axencia Turismo de Galicia financiará estas bolsas con cargo ás aplicacións orzamentarias 04.A2.761A.480.0 (importes brutos da remuneración dos/das bolseiros/as) e 04.A2.761A.484 (cotas da Seguridade Social) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2018 e 2019. A contía máxima prevista será de douscentos un mil setecentos sesenta euros con noventa céntimos (201.760,90 euros), que se distribuirá do seguinte xeito:

Anualidade 2018:

04A2.761A.480.0: 109.131,94 euros.

04A2.761A.484.0: 1.001,76 euros.

Anualidade 2019:

04A2.761A.480.0: 89.289,77 euros.

04A2.761A.484.0: 2.337,44 euros.

2. A dotación económica das bolsas será a que se indica no seguinte cadro:

Cidade de destino

Nº de bolsas

Dotación euros (total)

Londres

1

28.735,90 €

París

1

22.960,60 €

Berlín

1

21.658,60 €

São Paulo

1

28.735,90 €

Os Ánxeles

1

24.451,70 € 

Bruxelas

1

28.735,90 €

Cantón

1

24.451,70 €

Milán

1

22.030,60 €

Na dotación de cada unha das bolsas están incluídos os gastos de desprazamento (ata e desde o lugar de destino) e o seguro médico, de accidentes e de responsabilidade civil obrigatorio.

3. Aboamento das axudas: realizaranse catro pagamentos unha vez recibidos de conformidade os documentos que se especifican a continuación a través do modelo normalizado que se inclúe como anexo VI desta resolución. O primeiro pagamento será do 20 % do importe total da bolsa e realizarase unha vez que a persoa bolseira estea incorporada efectivamente ao seu destino; os dous pagamentos seguintes serán do 35 %, respectivamente; o cuarto pagamento será o 10 % da bolsa, unha vez finalizadas as prácticas. En todos os pagamentos efectuarase a correspondente retención á conta do imposto sobre a renda das persoas físicas.

– Primeiro pagamento: para o seu aboamento é necesario achegar a seguinte documentación:

a) Escrito de aceptación da bolsa, onde conste o compromiso de cumprimento das normas e obrigas derivadas das bases desta convocatoria, segundo o modelo do anexo IV desta resolución.

b) Declaración responsable, segundo o modelo do anexo V desta resolución, de:

• Non ter ingresos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria ou percepción de prestación ou subsidio por desemprego.

• Non ter solicitada nin concedida ningunha outra subvención, axuda ou ingreso para este mesmo proxecto ou conceptos para os cales solicita a bolsa. No caso de que durante a vixencia da bolsa de formación concedida na Axencia Turismo de Galicia deixe de cumprir a condición anterior por pasar a percibir calquera xénero de compensación económica, obrígase expresamente a poñelo en coñecemento do devandito centro directivo e causará baixa na percepción da bolsa.

• Non ter sido adxudicataria/o da mesma bolsa de formación en edicións anteriores ou ter renunciado á bolsa con posterioridade á súa aceptación.

c) Copias das pólizas de seguro de asistencia sanitaria, de accidentes e responsabilidade civil, válidas no país onde se realicen as prácticas e que cubran a totalidade do período de duración da bolsa.

d) Copias do billete ata o lugar de destino.

e) Datos da conta bancaria.

– Pagamentos intermedios (segundo e terceiro): para o seu cobramento será requisito ter presentado:

a) Certificación, expedida polo director ou responsable da oficina onde se realicen as prácticas, conforme leva a cabo a súa actividade cun nivel de rendemento satisfactorio.

b) Informe trimestral ao que fai referencia o artigo 15 desta resolución.

– Pagamento final: para o cobramento do último pagamento hai que presentar:

a) Certificación, expedida polo director ou responsable da oficina onde se realicen as prácticas, no mesmo sentido do punto anterior.

b) Memoria realizada pola persoa bolseira, visada polo director ou responsable da oficina, cunha descrición das tarefas realizadas durante o período de formación e o balance dos resultados obtidos.

4. De conformidade co disposto no artigo 65.4.f) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), os/as beneficiarios/as das bolsas quedan exentos/as da obriga de constituíren garantía.

5. Durante o tempo de duración da bolsa, a persoa bolseira quedará incluída no réxime xeral da Seguridade Social, de acordo co establecido no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2018

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia