Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Venres, 10 de agosto de 2018 Páx. 37367

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 26 de xullo de 2018 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que aproba as bases reguladoras do programa de apoio ao acceso ao financiamento operativo (activo corrente) das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca e as entidades financeiras adheridas (Re-solve 2018), e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do día 27 de xuño de 2018, acordou por unanimidade dos seus membros asistentes a aprobación das bases reguladoras do programa de apoio ao acceso ao financiamento operativo (activo corrente) das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca domiciliadas en Galicia (SGR) e as entidades financeiras adheridas (Re-solve 2018).

Na súa virtude e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro

Publicar as bases reguladoras para a habilitación dunha liña de reavais do Igape para facilitar o acceso ao financiamento operativo (activo corrente) das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Igape, as SGR e as entidades financeiras adheridas (Re-solve 2018), e procédese á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG524A).

Segundo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes por parte dos interesados no Igape comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 31 de outubro de 2018.

No caso de esgotamento da dispoñibilidade para a concesión de avais, o Igape publicará a dita circunstancia no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape www.igape.es co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes, de conformidade co establecido no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceiro. Dotación orzamentaria

Dotaranse provisións por importe máximo de 375.000,00 € para atender posibles falidos (partida orzamentaria 09.A1.741A.8900) do exercicio 2018.

As dotacións ao fondo de garantía de avais materializaranse cunha retención de crédito polo 10 % do importe máximo de cada reaval que conceda o Igape ante as SGR que subscriban o convenio asinado para o efecto no período de vixencia. Establécese un límite máximo de reavais de 3.750.000,00 €, respectando, xunto aos restantes avais concedidos ou que poida conceder o Igape, o límite de risco establecido pola Lei de orzamentos xerais da comunidade autónoma.

Anualmente, e mentres as operacións reavaladas estean en vigor, será rexistrada ao inicio de cada exercicio unha retención de crédito na partida orzamentaria indicada, aplicando a porcentaxe de provisión ao montante de reavais vivos. Durante o exercicio, esta retención de crédito será incrementada por cada reaval concedido, e minorarase, de ser o caso, en proporción aos reavais minorados conforme a información trimestral de avais vivos facilitada para tal efecto polas SGR.

En relación coas aportacións ao fondo de provisións técnicas das SGR, os créditos dispoñibles nesta convocatoria serán de 300.000,00 €, partida orzamentaria 09.A1.741A.7700, do exercicio 2018.

Cuarto

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2018

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras do programa de apoio ao acceso ao financiamento operativo (activo corrente) das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca domiciliadas en Galicia (SGR) e as entidades financeiras adheridas (Re-solve 2018)

O Igape, no cumprimento das súas funcións, enfoca os seus programas e iniciativas na procura do desenvolvemento do sistema produtivo galego, en especial, apoiando ás pequenas e medianas empresas.

Son estas as que atopan maiores dificultades para acceder ao financiamento adecuado ás súas necesidades, atopándose con maiores exixencias de garantías por parte das entidades financeiras como un dos principais obstáculos. Neste senso, o Igape vén apoiando, mediante axudas en forma de garantía, o acceso ao crédito promovendo liñas específicas que as reforcen ante as entidades financeiras.

Tendo en conta, ademais, que a principal necesidade que move ás pemes a solicitar crédito é a de financiar o seu activo corrente, o Igape puxo en marcha en 2009 o Plan Re-solve de apoio ao acceso ao financiamento operativo. Aínda que nos seus inicios o Plan Re-solve respondía a un escenario de forte restrición do crédito por parte das entidades financeiras, a utilidade do programa segue a estar vixente por canto hai pemes que seguen a ter dificultades para acceder ao crédito, como os emprendedores ou as empresas innovadoras e, en xeral, as pemes necesitan deste financiamento para desenvolver as súas operacións con normalidade, o que posibilita o seu crecemento e a creación de emprego. Nesta liña, proponse esta nova convocatoria de apoio do Igape consistente no reaval de ata o 25 % ante as SGR, como principais axentes prestameiros de avais financeiros.

Este programa do Igape para o apoio ao acceso ao financiamento operativo (activo corrente) das pemes, necesitará da instrumentación dun convenio de colaboración entre o Igape, as SGR e as entidades financeiras adheridas.

A convocatoria do programa deberá ser obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Igape.

A tramitación destes reavais exclúe a concorrencia competitiva con base o establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, por canto serán subvencionables todos os proxectos que cumpran os requisitos establecidos nas bases reguladoras, ata o esgotamento do crédito.

Xustifícase a excepcionalidade por canto neste caso non é necesaria a comparación de proxectos entre si, polo interese especial de apoiar calquera operación financeira que, cumprindo os requisitos especificados nas presentes bases, supoña dotar ás pemes beneficiarias da liquidez necesaria para poder financiar as súas operacións correntes e o seu crecemento.

Así mesmo, a concorrencia non competitiva é o mecanismo que permite que os proxectos subvencionables poidan ser atendidos coa debida dilixencia e, en todo momento, mantendo a posibilidade de solicitude aberta de xeito continuo.

Artigo 1. Obxecto

Estas bases regulan o contido e o procedemento de tramitación do programa de apoio dirixido a facilitar o acceso ao financiamento por parte das pemes do seu activo corrente.

Artigo 2. Beneficiarios do programa de apoio

1. Poderán acceder aos reavais previstos nestas bases as pequenas e medianas empresas, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado UE.

Tamén poderán acceder á condición de beneficiario as persoas físicas, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens, as sociedades civís, ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo as actividades ou se atopen na situación que motiva a concesión da axuda. Neste caso deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe da axuda que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiario lle correspondan á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos do artigo 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Neste caso, o préstamo deberá estar formalizado a nome da entidade e deberá ser asinado por cada un dos seus membros. No caso das cooperativas, o préstamo poderá estar asinado por un representante da entidade, logo de autorización dela, ou polos cooperativistas, que asumirán a débeda en proporción á súa porcentaxe de participación.

En calquera caso, deberán ter radicado o seu domicilio fiscal e desenvolver a súa actividade económica en Galicia.

2. En aplicación do artigo 49.b) da Lei 8/2017, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018, os solicitantes poderán acreditar o cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma ou ser debedor por resolución de procedencia de reintegro mediante unha declaración responsable que se cubrirá no formulario electrónico de solicitude.

3. Ademais, deberán cumprir os requisitos para obter a condición de beneficiario establecida no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e cumprir as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións, e non ser considerados empresas en crise, de acordo coa definición de empresa en crise establecida no número 18 do artigo 2 do Regulamento nº 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado da UE.

Artigo 3. Actividades incentivables

Considéranse atendibles todas as actividades, agás as excluídas nas letras c), d) e e) do artigo 1 do Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013) e para as empresas do sector pesqueiro no artigo 1 do Regulamento (CE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño de 2014) e para as empresas do sector agrícola no artigo 1 do Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013).

Artigo 4. Condicións e requisitos

Poderán acollerse a este programa de apoio aquelas pequenas e medianas empresas que formalicen un préstamo que se destine ao financiamento do seu activo corrente, entendendo como tal o pagamento de nóminas aos traballadores, tributos, cotas á Seguridade Social, gastos de alugamento, pagamentos a provedores e a acredores por prestación de servizos, cotas de débedas bancarias a longo prazo e cotas de leasing que venzan durante o período de disposición do préstamo formalizado ao abeiro desta liña, así como a cancelación anticipada de pólizas de crédito ou préstamos destinados á mesma finalidade, que venzan durante o devandito período de disposición. En ningún caso poderán aplicarse a financiar investimentos en inmobilizado ou en activos financeiros.

Artigo 5. Características das operacións de financiamento

1. Modalidade:

Préstamo.

2. Importe:

O importe do préstamo subsidiable será igual ou superior a 3.000,00 € e igual ou inferior a 500.000,00 €.

No caso de operacións de importe superior a 150.000,00 €, as operacións poderán ser coavaladas por máis dunha SGR adherida. Para estes efectos, todas as referencias destas bases ás operacións de aval e ás SGR descritas en singular, entenderanse realizadas en plural.

3. Prazo:

Serán atendibles, para os efectos das axudas establecidas nestas bases, os préstamos formalizados a un prazo non inferior a 3 anos e non superior a 7 anos, incluída unha carencia dun máximo de 2 anos.

4. Período de disposición:

O período máximo de disposición do préstamo subsidiable será ata a primeira cota de amortización ou, de ser inferior, de 1 ano desde a formalización.

Artigo 6. Tipos de xuro e comisións

1. O tipo de xuro nominal anual para as operacións de préstamo acollidas a estas bases e o seu sistema de variación establécense do seguinte xeito:

Tipo de referencia: será o euribor a prazo de 6 meses. As revisións faranse semestralmente.

Tipo adicional: será o que libremente pacten as partes sen que, en ningún caso, poida exceder de 2,5 puntos porcentuais.

O tipo de xuro nominal anual dos préstamos será, para cada semestre natural, o resultante de engadirlle ao tipo de referencia o tipo adicional que pacten as partes.

2. Se o euribor ao prazo establecido deixase de determinarse, aplicarase o que legalmente o substitúa.

3. As comisións máximas que a entidade financeira poderá repercutir en conceptos de apertura e estudo será do 0,60 %. Para as comisións de estudo e apertura, conxuntamente, a entidade financeira poderá estipular un mínimo de ata 30,00 €. Para estes efectos, non se considerará comisión o cobramento da tarifa de reclamación de posicións debedoras.

4. As SGR poderán cobrar ao cliente ata o 0,50 % en concepto de comisión de estudo, ata o 1,00 % en concepto de comisión de aval, calculado sobre o saldo vivo anual do importe avalado, e ata o 4,00 % do importe do financiamento avalado en concepto de aportación ao capital social da SGR, que se aboará ao inicio da operación. O cliente poderá solicitar o reembolso da participación social unha vez remate a súa relación coa SGR.

5. A garantía a favor das entidades financeiras será o aval da SGR adherida ao convenio, polo 100 % do risco.

6. As garantías a favor da SGR consistirán no reaval do Igape en cobertura de ata o 25 % do risco, e como garantía adicional poderán requirir garantías persoais, pero en ningún caso depósitos de activos líquidos ou financeiros que poidan detraer liquidez da empresa. As SGR tamén poderán contar con reavais e achegas de organismos públicos e outros dependentes da Administración.

Artigo 7. Axuda do Igape, compatibilidade e límite

1. Axuda en forma de garantía.

Consistirá no reaval do Igape durante a vixencia da operación de préstamo, en garantía de ata o 25 % do risco asumido pola SGR. Seguindo os criterios establecidos na Comunicación da Comisión 2008/C155/02 relativa á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE das axudas estatais outorgadas en forma de garantía, considérase como axuda indirecta a equivalente ao importe da prima non cobrada ao beneficiario.

Dentro do límite do 25 %, a cobertura do reaval do Igape outorgarase por unha porcentaxe que, sumado aos reavais doutros organismos, non superen o 80 % do risco asumido pola SGR.

2. Compatibilidade.

A concesión das axudas destas bases queda supeditada ao cumprimento da normativa vixente e, en especial, á da Unión Europea. Neses termos, serán compatibles con calquera outra axuda pública ou privada pero, en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poderán superar os límites máximos de intensidade de axuda establecidos pola Unión Europea.

A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Igape tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento da solicitude da axuda. Así mesmo, a SGR deberá comunicar ao Igape, a porcentaxe de reaval obtida doutros organismos, así como as axudas de minimis implícitas nel. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

3. Límites.

As axudas financeiras que se concedan ao abeiro destas bases terán a consideración de axuda de minimis e cumprirán co establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013), Regulamento (CE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño de 2014) e Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013).

Artigo 8. Tramitación das solicitudes

1. Forma e lugar de presentación das solicitudes:

Para presentar unha solicitude de axuda, o interesado deberá cubrir previamente un formulario descritivo da empresa, do proxecto e da operación financeira a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Deberá cubrir necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda. Este IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.

As solicitudes de axuda presentaranse mediante o formulario normalizado que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática e que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo. No formulario será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días para a súa emenda, transcorrido o cal se terán por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivamento.

Unha vez xerada a solicitude, deberase presentar por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizado co IDE (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, de acordo co establecido no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Considérase que todos os solicitantes, ao exercer unha actividade económica, dispoñen de ferramentas informáticas cun coñecemento básico do seu funcionamento, polo que queda acreditado que teñen acceso e dispoñibilidade aos medios electrónicos necesarios.

No caso de presentación da solicitude de xeito presencial, o Igape requirirá o solicitante para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Respecto da tramitación electrónica, os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido, tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Economía e Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG núm. 239, do 10 de decembro). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para os efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan a un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

Unha vez asinado o formulario de solicitude, mediante certificación dixital do presentador, e transferido este ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, con indicación dos 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

2. Xunto co formulario de solicitude presentarase a seguinte documentación:

a) No caso de persoas xurídicas:

– Escritura de constitución e dos estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e as súas modificacións posteriores.

– Poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, se é o caso, no rexistro competente.

b) No caso de entidades obrigadas a formular, aprobar e depositar contas anuais, contas anuais depositadas no Rexistro Mercantil –ou noutro rexistro, segundo proceda– correspondentes ao último exercicio pechado para o que se cumpriu o prazo de depósito legalmente establecido, xunto co informe de auditoría no caso de que a entidade estea obrigada a someter as súas contas a auditoría.

De acordo co disposto no artigo 28.3 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non será necesario presentar a documentación que xa se atope en poder do Igape, sempre que se manteña vixente e se identifique no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o que foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou no caso de que se constate a non validez desta, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

De conformidade co artigo 28 da citada Lei 39/2015, non se exixirá aos interesados a presentación de documentos orixinais. Deberán achegar as copias dixitalizadas dos documentos relacionados neste artigo. O solicitante responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, cando existan dúbidas derivadas da calidade da copia, poderase requirir ao interesado a exhibición do documento ou da información orixinal para o cotexo das copias por el achegadas. Tal solicitude deberá ser debidamente motivada.

Para achegar xunto co formulario de solicitude os documentos en formato electrónico o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos obtendo arquivos en formato PDF. A aplicación informática permitirá anexar estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento PDF ocupe máis do dito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.

3. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente.

4. A instrución e resolución do procedemento basearase nas declaracións contidas no formulario e na documentación achegada.

5. Unha vez rexistrada a solicitude, o Igape remitiralla á entidade financeira e á SGR, a través da extranet de entidades colaboradoras (http://extranet.igape.es).

No caso de que a SGR designada solicite o coaval da operación, deberá comunicalo a través da mesma extranet, no prazo dos 5 días seguintes á recepción da solicitude, indicando o importe da operación a coavalar e a SGR a que solicita o coaval.

Para estes efectos, as entidades colaboradoras terán que acreditar a súa solvencia técnica para acceder e xestionar a extranet de entidades colaboradoras, de acordo co establecido no artigo 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes (DOG núm. 241, do 17 de decembro).

6. As solicitudes de comunicación sobre a concesión da operación polas SGR e as entidades de crédito ao Igape presentaranse a través da extranet de entidades colaboradoras (http://extranet.igape.es). Esta vía electrónica será obrigatoria. O Igape reserva para si a potestade de introducir modificacións no funcionamento e na recollida de datos da extranet, co obxecto de mellorar a efectividade das interaccións entre entidades ou as actuacións de control que son propias do seu papel no convenio asinado para o efecto.

A autorización de acceso á extranet de entidades colaboradoras para este convenio darase de oficio para os usuarios que as SGR e as entidades financeiras teñan xa rexistrados para outros convenios, ben que é posible modificar estas autorizacións ou dar novas altas mediante a notificación do anexo II, que se deberá presentar a través do enderezo da internet http://www.tramita.igape.es, xunto coa copia do poder da persoa representante da entidade.

7. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, se a solicitude non reúne a documentación ou os datos exixidos nestas bases, requirirase o solicitante para que no prazo de dez días hábiles desde o seguinte ao requirimento se emende a falta, con indicación de que en caso contrario, teráselle por desistido da súa petición, e arquivarase o expediente logo da correspondente resolución.

8. A SGR deberá comunicar a súa decisión sobre a concesión do aval no prazo dos 25 días seguintes á recepción da solicitude, a través da extranet de entidades colaboradoras (http://extranet.igape.es).

9. A entidade financeira deberá comunicar a súa decisión sobre a concesión da operación financeira no prazo dos 35 días seguintes á recepción da solicitude, a través da extranet de entidades colaboradoras (http://extranet.igape.es).

10. Posteriormente, o Igape comunicará á SGR e á entidade financeira, a través desta mesma canle, a validación dos requisitos da solicitude da axuda financeira. A dita comunicación autoriza a formalización da operación financeira, sen que a dita remisión supoña un recoñecemento do dereito do solicitante a percibir finalmente a axuda.

11. No caso de non recibir resposta da entidade financeira ou da SGR nos prazos establecidos, ou se a resposta dalgunha ou de ambas as entidades é denegatoria, ordenarase o arquivamento do expediente.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE/NIF da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE) da entidade solicitante.

2. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Resolución

1. Unha vez recibida a solicitude e comunicada pola SGR e pola entidade financeira a súa posición, a solicitude será avaliada polos servizos técnicos do Igape en función dos datos relativos á operación declarados no formulario anexo a ela e da documentación achegada. Unha vez avaliada a solicitude, a persoa titular da Dirección da Área de Financiamento elevará a proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, que resolverá por delegación do Consello de Dirección.

2. Na resolución de concesión farase constar o importe do préstamo e o seu prazo de vixencia e carencia, así como a axuda en forma de garantía polo reaval que se prestará á SGR.

3. Na resolución denegatoria farase constar o motivo da denegación. Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto no artigo 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. De acordo coas características do programa, o procedemento de concesión tramitarase en concorrencia non competitiva. As solicitudes resolveranse por orde de entrada das solicitudes completas no Igape, e ata esgotarse as dispoñibilidades orzamentarias aprobadas, circunstancia que se publicará mediante resolución no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape www.igape.es. O esgotamento do crédito conlevará a inadmisión de posteriores solicitudes.

Artigo 11. Notificación, silencio administrativo e recursos

1. O Igape notificaralle ao solicitante e comunicaralles á entidade financeira e á SGR a concesión ou denegación da operación, de acordo co establecido no artigo 24 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A notificación efectuarase só por medios electrónicos nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Os solicitantes deberán acceder á páxina web do Igape no enlace de tramitación electrónica para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción telemático).

As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido. En tal caso, farase constar no expediente tal circunstancia e darase por efectuada a notificación.

Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, o Igape efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. O prazo máximo para notificar a resolución do procedemento será de dous meses desde a data de presentación completa da solicitude no Igape. O dito prazo poderá ser suspendido nos supostos establecidos no artigo 22 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Transcorrido tal prazo sen que se notifique resolución expresa, poderá entenderse desestimada.

3. Contra a resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, se fose expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto. Potestativamente, poderase interpoñer recurso de reposición ante a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución se fose expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que de acordo co establecido nestas bases reguladoras se produza o acto presunto, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da citada Lei 39/2015.

Artigo 12. Publicación

1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía, Emprego e Industria incluirán as axudas concedidas ao abeiro destas bases e as sancións que como consecuencia delas puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a súa remisión ás entidades financeiras e ás SGR para os efectos da formalización da operación, e da referida publicidade.

2. De acordo co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará as axudas concedidas ao abeiro destas bases na súa páxina web www.igape.es e no Diario Oficial de Galicia, expresando a norma reguladora, o beneficiario, o crédito orzamentario, a contía e a finalidade da axuda, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do beneficiario e da súa publicación nos citados medios. A publicación no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións. Con todo, cando os importes das axudas concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000,00 €, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das axudas concedidas na páxina web do Igape.

3. De acordo co establecido no artigo 5 do Real decreto 1149/2011, do 29 de xullo, polo que se establece e regula o rexistro español de axudas de minimis no sector pesqueiro (BOE nº 223, do 16 de setembro), no caso de que o beneficiario sexa unha empresa do sector pesqueiro, o Igape publicará a subvención concedida ao abeiro destas bases no citado rexistro expresando a información a que se fai referencia no anexo I deste real decreto.

4. De acordo co establecido no artigo 20.4 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións, non requirirá o consentimento do beneficiario.

5. Segundo o establecido na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, os beneficiarios están obrigados a subministrar toda a información necesaria para que o Igape poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da lei. As consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4.4 da devandita lei.

Artigo 13. Formalización da operación financeira

1. Unha vez recibida a solicitude no Igape, este poderá autorizar a formalización da operación financeira, previamente á resolución de concesión. A dita autorización comunicarase á SGR e á entidade financeira a través da «Extranet de entidades colaboradoras» (http://extranet.igape.es), de acordo co establecido no artigo 8 das presentes bases.

a) A formalización do préstamo antes da resolución de concesión non implica o recoñecemento de ningún dereito ou cualificación do expediente respecto á concesión solicitada.

b) No contrato de préstamo formalizado anticipadamente de acordo co previsto na epígrafe anterior, deberanse mencionar, polo menos, os seguintes aspectos: que se presentou a solicitude de axuda financeira no Igape, con indicación da data de rexistro de entrada neste Instituto, e que o préstamo quedará acollido ás axudas establecidas nas presentes bases nos termos e condicións establecidas na resolución de concesión que, no seu día, se dite. Ademais, o contrato deberá indicar as condicións financeiras non suxeitas a estas bases, para o caso de que o Igape resolva denegatoriamente.

c) No suposto de que a resolución de concesión que, de ser o caso, se dite, contemple unhas condicións diferentes das indicadas na autorización de formalización anticipada, deberá incluírse un anexo ao documento de préstamo, intervido por fedatario público, en que se fagan constar as características establecidas na dita resolución.

2. Se o préstamo se formaliza con posterioridade á data de notificación da resolución de concesión, deberá recoller a mención de estar acollido ás axudas previstas nestas bases.

3. O prazo máximo para a formalización do préstamo ou, de ser o caso, para a adaptación da póliza ás condicións da resolución de concesión do Igape, será de 2 meses contados desde o día seguinte ao da data de notificación da concesión ao beneficiario.

Finalizado o dito prazo sen que se formalizase ou adaptase, ditarase resolución en que o solicitante se terá por renunciado e ordenarase o arquivamento do expediente, salvo que, logo de solicitude razoada de prórroga deste, presentada no Igape dentro do prazo e acreditando a conformidade da SGR e da entidade financeira, o Igape autorice a dita prórroga.

4. Non será necesaria a formalización contractual do reaval, abonda para obrigar ao Igape e á entidade beneficiaria do reaval a resolución de concesión e a formalización do aval coa SGR. A póliza de aval que se formalice entre a SGR e a empresa avalada deberá facer constar a existencia do reaval do Igape e as súas características.

Artigo 14. Procedemento en caso de execución dos reavais do Igape

1. No caso de falta de pagamento por parte do titular do préstamo, e tras un período de 180 días en que tanto a entidade financeira como a SGR efectuaran as oportunas xestións para a súa regularización, será suficiente o requirimento escrito da entidade financeira prestamista á SGR para que esta liquide o capital pendente de amortizar, máis os xuros de demora xerados, calculados a un tipo que non poderá superar en 4 puntos o establecido no artigo 6.1 destas bases reguladoras.

2. A SGR non aboará os xuros de demora se realiza o pagamento dentro do prazo de cinco días hábiles contados desde a notificación do requirimento escrito da entidade financeira.

3. Unha vez que a operación resultase falida, a SGR deberá comunicar ao Igape tal circunstancia. Logo desta comunicación, o Igape recoñecerá as obrigas de pagamento correspondentes aos falidos comunicados no mes anterior, e procederá no mesmo momento ao pagamento das obrigas recoñecidas, con cargo aos seus propios orzamentos.

4. As SGR obríganse á execución dos bens e dereitos do prestameiro, asumindo os gastos do proceso e reintegrando ao Igape segundo o establecido na epígrafe seguinte.

5. O Igape participará no recobramento da SGR proporcionalmente ao risco reavalado, unha vez deducidos os gastos do proceso por ela soportados, así como nos importes obtidos na transmisión dos bens ou dereitos adxudicados en pagamento de débedas que teñan a súa orixe en operacións reavaladas, xa sexa en virtude de acordos extraxudiciais (dacións en pagamento, cesión de bens, permutas, etc.) ou por procedementos xudiciais.

Ao final de cada exercicio económico, as SGR ingresarán no Igape, na conta que este designe, os importes que lle correspondan segundo o previsto no parágrafo anterior, con indicación da operación a que corresponde, o importe obtido polo recobramento ou pola transmisión, así como un detalle do cálculo do importe resultante que se debe ingresar ao Igape.

Artigo 15. Información periódica. Custodia da documentación

1. As SGR remitirán trimestralmente ao Igape unha relación dos avais en vigor outorgados ao abeiro destas bases reguladoras, detallando, polo menos, para cada un deles, os seguintes datos: beneficiario, importe formalizado, risco en vigor, risco avalado por CERSA e, se é o caso, risco avalado por outras entidades, importe incurso en morosidade, provisións dotadas e, de ser o caso, importe considerado falido.

2. As SGR terán que custodiar e ter á disposición do Igape toda a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos necesarios para a concesión do reaval, a que reflicta as incidencias sobrevidas nas operacións reavaladas e, especialmente, a establecida nestas bases, durante un período de cinco anos desde a súa cancelación.

Artigo 16. Modificacións

1. O beneficiario queda obrigado a comunicarlle ao Igape calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente á execución dos fins para os que foi concedida a axuda. En particular, deberá remitir unha declaración complementaria das axudas recibidas para a mesma operación no momento en que sexa comunicada calquera concesión e sempre coa presentación da solicitude de cobramento.

2. O beneficiario da axuda poderá solicitar, de forma motivada, a modificación da resolución con carácter previo á formalización da operación. Unha vez formalizada a operación só se admitiran solicitudes relativas ao troco de titularidade. No caso de que a modificación afecte aos datos declarados no formulario, deberá cubrir previamente un novo formulario na aplicación informática e obter un novo código IDE. Este IDE incluirase na solicitude de modificación que se dirixirá á persoa titular da Dirección Xeral do Igape.

3. A persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección, poderá acordar as modificacións da resolución nos aspectos tidos en conta para a concesión da axuda relativos ao importe e características do préstamo atendible, importe reavalado e titularidade, sempre que a modificación non prexudique a terceiros, e os novos elementos ou circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda.

O cambio de beneficiario deberá acreditarse documentalmente, así como a subrogación na totalidade dos dereitos e obrigas derivados do proxecto subvencionado e, especificamente, da operación subsidiada. Presentarase a solicitude asinada polo novo titular, xunto co consentimento do anterior beneficiario.

En ningún caso a resolución de modificación implicará aumentar a contía da subvención inicialmente aprobada.

4. No caso de modificacións da operación financeira unha vez formalizada, e que supoñan unha mellora solicitada pola empresa (carencia intermedia, diferencial, etc), poderá levarse a cabo sen autorización previa do Igape. Con todo, a SGR e/ou a entidade financeira deberán comunicala. As ditas modificacións non suporán, en ningún caso, a revisión á alza das axudas concedidas.

5. A obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, ou a súa revogación, no caso de que os ditos cambios supoñan o incumprimento dos requisitos establecidos para os proxectos ou beneficiario.

6. O Igape poderá rectificar de oficio a resolución cando dos elementos que figuren nela se deduza a existencia dun erro material, de feito ou aritmético.

Artigo 17. Reintegros, incumprimentos e sancións

1. Procederá o reintegro por parte do beneficiario do compoñente de axuda do reaval concedido con motivo da súa operación de préstamo, xunto cos xuros de demora xerados desde o pagamento, nos seguintes casos:

a) Incumprimento parcial:

Sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro de xeito proporcional aos destinos do préstamo deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados na resolución de concesión, debendo reintegrarse a cantidade correspondente ao compoñente de axuda do reaval, na dita proporción.

b) Incumprimento total:

1º. Con carácter xeral, se o incumprimento nos destinos do préstamo supón un importe de préstamo atendible inferior ao mínimo establecido nestas bases reguladoras, deberán reintegrarse todas as cantidades aboadas, en concepto de compoñente de axuda do reaval e os seus xuros de demora.

2º. Obter a axuda sen reunir as condicións requiridas nas bases reguladoras.

3º. Cando non permitan someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas.

2. Procederá o reintegro, total ou parcial por parte das SGR da compensación devengada ao seu favor segundo o artigo 21 destas bases, no suposto do incumprimento das condicións impostas na resolución de concesión, nas bases reguladoras e no convenio de colaboración, respecto das características e tipo de xuro e comisións da operación de préstamo.

3. O procedemento para declarar o incumprimento e reintegro de cantidades axustarase ao disposto nos capítulos I e II do título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, sendo competente para a súa resolución a persoa titular da Dirección Xeral do Igape. Contra a súa resolución caberá recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela nos dous meses seguintes á súa notificación e, potestativamente, recurso de reposición ante a persoa titular da Dirección Xeral do Igape no mes seguinte á súa notificación.

4. Sen prexuízo do establecido nos números anteriores, os beneficiarios, as entidades financeiras e as SGR colaboradoras sométense ao réxime de infraccións e sancións establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño), e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 18. Modificación das condicións financeiras e comisións de aval en caso de incumprimento

As SGR e as entidades financeiras poderán pactar nas correspondentes pólizas e contratos de garantía que sexan de aplicación diferentes condicións ás estipuladas nestas bases, no suposto de que o Igape resolva o incumprimento de condicións do prestameiro.

Artigo 19. Control

Tanto as SGR como as entidades financeiras adheridas e os beneficiarios das operacións de financiamento quedan obrigados a someterse ás actuacións de control que se efectúen por parte do Igape ou polos órganos internos ou externos de control da Comunidade Autónoma de Galicia, para verificar o cumprimento dos requisitos e finalidades das operacións financeiras acollidas a estas bases.

O Igape requirirá ás SGR, con base nas técnicas de mostraxe, copia das escrituras ou pólizas de préstamo avaladas e, de ser o caso, ao beneficiario e/ou entidade financeira a remisión dos xustificantes dos destinos del, comprobándose para estes efectos polo Igape un mínimo do 10 % dos expedientes con axudas aprobadas.

Artigo 20. Adhesión mediante convenio de entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca colaboradoras

1. O Igape convidará a adherirse ao convenio de colaboración no cal se regulen os compromisos das partes ás SGR domiciliadas en Galicia e a todas aquelas entidades financeiras que, tendo acreditada unha presenza significativa en Galicia, así como a súa solvencia (a solvencia entenderase acreditada se prestaron servizos financeiros para o investimento das pequenas e medianas empresas durante os últimos tres anos e se comprometen a desenvolver os procedementos necesarios para o bo fin da tramitación das operacións, por todos os medios dispoñibles, humanos e técnicos, para facilitarlle o acceso a esta liña de financiamento), colaborasen co Igape nos seus programas de subsidiación ao tipo de xuro de préstamos e créditos e noutros de apoio ao acceso ao financiamento. Así mesmo, poderán instar a súa adhesión todas aquelas SGR domiciliadas en Galicia e as entidades financeiras que, demostrando unha implantación significativa en Galicia, estean acreditadas polo Banco de España e dispoñan dos medios técnicos adecuados para asegurar a correcta tramitación dos expedientes conforme o establecido no convenio asinado para o efecto, nestas bases e nos seus anexos.

As ditas entidades xustificarán mediante declaración responsable o cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade colaboradora no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, asumindo as obrigas do artigo 12 do citado texto legal.

2. A adhesión formalizarase mediante a sinatura, por apoderado con facultades bastantes, da declaración que se xunta como anexo III a estas bases, que se deberá presentar a través do enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. O Igape dará conta ao resto das entidades adheridas da existencia de cada novo partícipe no convenio e publicarao no Diario Oficial de Galicia.

3. As entidades colaboradoras adheridas ao convenio relaciónanse no anexo IV a estas bases.

Artigo 21. Compensación á SGR

O Igape aboará ás SGR colaboradoras neste programa un 2 % da contía subsidiable do principal dos prestamos formalizados establecida na resolución de concesión, en concepto de compensación económica segundo o previsto no artigo 13.2.m) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O convenio de colaboración que para tal efecto se subscriba regulará o procedemento de liquidación e o destino desta achega.

Artigo 22. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento, así como para informar ás persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia. Os datos serán comunicados ás entidades financeiras e SGR para o estudo da operación financeira.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito nas presentes bases reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Artigo 23. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o disposto no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, no Decreto 284/1994, do 15 de setembro, de regulamento de avais do Igape, e nos decretos 132/1995, do 10 de maio, e 302/1999, do 17 novembro, que o modifican, na Orde da Consellería de Economía e Industria do 27 de agosto de 2009 (DOG nº 173, do 3 de setembro), pola que se desenvolve o número 5 do artigo 2 do Decreto 284/1994, no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013), no Regulamento (CE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño de 2014), no Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013), e no resto da normativa que resulte de aplicación.

En canto ao cómputo de prazos, estarase ao disposto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administración públicas.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO IV

Relación de entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca adheridas

Programa de apoio ao acceso ao financiamento operativo (activo corrente) das pemes

Caixas

Bancos

SGR

– Caixa Rural Galega, Sociedade Cooperativa de Crédito Limitada Galega

– Bankinter, S.A.

– Afianzamientos de Galicia, Sociedad de Garantía Recíproca (Afigal, SGR)

– Caixabank, S.A.

– Sociedad de Garantía Recíproca de la Pequeña y Mediana Empresa de Pontevedra y Ourense (Sogarpo, SGR)