Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Luns, 13 de agosto de 2018 Páx. 37821

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 30 de xullo de 2018 pola que se modifica a Orde do 5 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a concellos de Galicia e ás súas entidades públicas con personalidade xurídica propia e ás agrupacións de concellos, para o equipamento e mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018.

O día 17 de xaneiro de 2018 (DOG núm. 12) publicouse a Orde do 5 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a concellos de Galicia e ás súas entidades públicas con personalidade xurídica propia e ás agrupacións de concellos, para o equipamento e mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018.

No artigo 13.1 da dita orde establecíase que os beneficiarios das axudas quedan obrigados a acreditar a realización dos proxectos subvencionados e a xustificar a totalidade do orzamento antes do 30 de setembro de 2018; en caso de non xustificarse a totalidade do orzamento do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción.

Tendo en conta a data de resolución das ditas axudas, motivada polo longo proceso de avaliación e resolución, xunto á complexidade da execución dos proxectos, e coa fin de facer viables os procesos de execución e xustificación dos investimentos por parte das entidades beneficiarias, sen que con iso se cause prexuízos a terceiros, considérase necesario ampliar o prazo de xustificación.

Visto o anterior,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 5 de decembro de 2017

Modifícase o artigo 13.1 da Orde do 5 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a concellos de Galicia e ás súas entidades públicas con personalidade xurídica propia e ás agrupacións de concellos, para o equipamento e mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018, que quedaría redactado como segue:

Artigo 13. Xustificación

1. Os beneficiarios das axudas quedan obrigados a acreditar a realización dos proxectos subvencionados e a xustificar a totalidade do orzamento antes do 30 de outubro de 2018; en caso de non xustificarse a totalidade do orzamento do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción. En calquera caso, o beneficiario deberá xustificar unha porcentaxe mínima do 50 % do importe total do investimento subvencionable; de non alcanzarse ese mínimo, enténdese que non se lograron os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, determinarase a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2018

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria