Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Martes, 14 de agosto de 2018 Páx. 37969

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 27 de xullo de 2018, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se dá publicidade á convocatoria para a provisión dun posto do Concello da Coruña, polo procedemento de libre designación.

Mediante Acordo da Xunta de Goberno Local do 29 de xuño de 2018, o Concello da Coruña aprobou a convocatoria e bases para a cobertura, polo sistema de libre designación, do posto de secretaría de clase 1ª denominado oficial maior, reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional, que, tras a tramitación do oportuno expediente, as remitiu á Dirección Xeral de Administración Local para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e posterior remisión ao Ministerio de Política Territorial e Función Pública para os efectos da publicación no Boletín Oficial del Estado.

De acordo coa memoria proposta da Subdirección Xeral de Réxime Xurídico de Administración Local e tendo en conta as competencias conferidas polo artigo 15.e) da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e o artigo 22 do Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza,

RESOLVO:

Dar publicidade á convocatoria e ás bases que a rexerán, recollidas como anexo a esta resolución, para a provisión polo sistema de libre designación, do posto de oficial maior, reservado a funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional cuxas bases se anexan a este anuncio:

Corporación: Concello da Coruña.

Posto: oficial maior.

Subescala: secretaría.

Categoría: superior.

Nivel de complemento destino: 30.

Complemento específico anual: 40.741,54 euros.

Requisitos: os recollidos nas bases que figuran como anexo.

Coñecemento da lingua galega: nos termos do Decreto 103/2008, do 8 de maio.

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2018

Marta Fernández-Tapias Núñez
Directora xeral de Administración Local

ANEXO

Bases para o proceso selectivo dun oficial maior para o Concello da Coruña, polo sistema de libre designación, entre funcionarios de Administración local con habilitación nacional, subescala de secretaría, categoría superior

Primeira. De conformidade co disposto no artigo 99.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e co disposto no capítulo V do título II do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, apróbanse as bases específicas que rexerán a convocatoria de provisión do seguinte posto de traballo reservado a funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional:

Corporación: Concello da Coruña.

Denominación do posto: oficial maior.

Nivel de complemento de destino: 30

Complemento específico anual: 40.741,54 €.

Requisitos para o seu desempeño conforme a relación de postos de traballo e o Regulamento orgánico municipal deste concello: ser funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional, pertencente á subescala de secretaría, categoría superior.

Sistema de provisión: libre designación.

Segunda. Será requisito indispensable para concorrer á convocatoria ser funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, pertencentes á subescala de secretaría, categoría superior, de acordo co establecido na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora de bases de réxime local, e co disposto na relación de postos de traballo e no Regulamento orgánico municipal do Concello da Coruña e no capítulo V do título II do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional.

Conforme o artigo 36.2 do antedito Real decreto 128/2018, non poderán concorrer a esta convocatoria os funcionarios que se atopen comprendidos nos seguintes supostos:

a) Os funcionarios/as inhabilitados e os suspensos en virtude de sentenza ou resolución administrativa firme, se non transcorreu o tempo sinalado nelas de suspensión.

b) Os funcionarios/as destituídos a que se refire o artigo 148.5 do texto refundido das disposicións legais vixentes en materia de réxime local, aprobado polo Real decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril, respecto de postos da corporación onde se produciu a sanción, se non transcorreu o prazo establecido nela.

c) Os funcionarios/as que se atopan en situacións de excedencia voluntaria a que se refire o artigo 89.1.a) e b) do texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, se non transcorreu o prazo de dous anos desde o pase ás mesmas.

Terceira. Os aspirantes deberán acreditar que están en posesión do certificado de lingua galega, Celga 4 ou o seu equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia. Aqueles aspirantes que non acrediten estar en posesión do Celga 4 ou o seu equivalente deberán facer unha proba na cal se avaliará, co resultado de apto ou non apto, o grao de coñecemento do galego, que deberá ser equivalente ao exixido para o Celga 4.

Cuarta. A convocatoria será remitida ao órgano competente da Xunta de Galicia para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e remisión á Dirección Xeral de Función Pública do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas para a súa publicación no Boletín Oficial del Estado, conforme o artigo 46.2 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional.

Quinta. As instancias solicitando tomar parte no proceso selectivo dirixiranse ao alcalde e presentaranse no Rexistro Xeral do Concello debidamente cubertas, durante o prazo de quince (15) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial del Estado. Poderán, así mesmo, remitirse na forma determinada na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común.

Á instancia xuntarase a seguinte documentación:

a) Fotocopia do DNI.

b) Certificado que acredite o coñecemento de lingua galega, Celga 4 ou o seu equivalente.

c) Documentación acreditativa da titulación académica.

d) Documentación acreditativa da condición de funcionario/a da Administración local con habilitación de carácter nacional, subescala de secretaría, categoría superior.

e) Un curriculum vitae en que a persoa aspirante especifique, nun máximo de 5 páxinas (caras), a súa traxectoria profesional e os méritos que reúne para ocupar o posto, que deberán estar relacionados coas funcións atribuídas a este, tomando en consideración, principalmente, o establecido no artigo 133 do ROM da Coruña.

Deberán achegarse os documentos acreditativos dos méritos alegados mediante certificacións ou fotocopias compulsadas. Non serán valorados os méritos que non queden debidamente acreditados, en todos os seus aspectos, dentro do prazo de presentación de instancias.

Sexta. Concluído o prazo de presentación de solicitudes, a Xunta de Goberno, logo da constatación dos requisitos exixidos na convocatoria, e á vista da traxectoria profesional e os méritos acreditados polos aspirantes, adoptará o acordo de provisión correspondente, no prazo dun mes, e dará conta ao Pleno da Corporación.

O posto deberá ser adxudicado entre os candidatos que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria. En todo caso, deberá quedar acreditada, como fundamento da resolución adoptada, a observancia do procedemento debido.

Sétima. A resolución desta convocatoria será remitidas ao órgano competente da Xunta de Galicia e á Dirección Xeral de Función Pública do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, para os efectos oportunos.

Oitava. O prazo para a toma de posesión será o establecido no artigo 41 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional.

Novena. Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa, poderán os interesados interpoñer potestativamente recurso de reposición ante a Xunta de Goberno Local no prazo dun mes ou, se é o caso, recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados ambos prazos a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio no Diario Oficial de Galicia.