Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Venres, 17 de agosto de 2018 Páx. 38131

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 3 de agosto de 2018, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se dá publicidade da solicitude de modificación do prego de condicións da denominación de orixe Monterrei.

O Pleno do Consello Regulador da denominación de orixe Monterrei aprobou na súa reunión do 5 de xullo pasado unha proposta de modificación puntual dos requisitos aplicables á produción e comercialización destes viños, para a súa tramitación de conformidade co establecido na normativa europea, estatal e autonómica.

A solicitude de modificación afecta o rendemento de extracción do mosto e a descrición das características organolépticas destes viños. Ademais, aprovéitase a circunstancia para facer algunha modificación formal relativa á actualización de referencias normativas que, polo paso do tempo, quedaran desfasadas.

Todos estes cambios no prego de condicións terían a consideración de modificacións de «menor importancia», de acordo co artigo 20.4 do Regulamento (CE) núm. 607/2009 da Comisión, do 14 de xullo, polo que se establecen determinadas disposicións de aplicación do Regulamento (CE) núm. 479/2008 do Consello, no que atinxe ás denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, aos termos tradicionais, á etiquetaxe e á presentación de determinados produtos vitivinícolas.

Polo que se refire ao rendemento de extracción, preténdese modificar á alza, ata os 74 litros de viño por cada 100 quilogramos de uvas. Este cambio xustifícase en que a moderna tecnoloxía empregada na elaboración de viños permite obter rendementos de extracción máis elevados que os actualmente admitidos sen detrimento da calidade.

No que respecta á modificación dos descritores das características organolépticas, a xustificación está na necesidade de que estes sexan o máis obxectivos posible, fuxindo dunha caracterización hedónica e, por tanto, subxectiva, que dificulta o proceso de acreditación dos ensaios conducentes á certificación dos viños da denominación de orixe.

Tanto o rendemento de extracción como os descritores organolépticos recóllense no prego de condicións e tamén no documento único que serviron de base para a inscrición desta denominación de orixe no rexistro europeo e a solicitude de modificación debe someterse a un proceso preliminar de publicidade para eventuais oposicións a nivel do Estado membro antes da súa tramitación aos servizos da Comisión Europea. Así o recolle o Regulamento (UE) núm. 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se crea a organización común de mercados dos produtos agrarios, que establece que os procedementos nacionais de oposición deben garantir unha publicación adecuada da solicitude e fixar un prazo mínimo de dous meses desde a data da publicación durante o cal calquera persoa física ou xurídica que teña un interese lexítimo e resida ou estea establecida no seu territorio poida impugnar a modificación proposta presentando unha declaración debidamente motivada.

A normativa estatal reguladora desta materia é o Real decreto 1335/2011, do 3 de outubro, polo que se regula o procedemento para a tramitación das solicitudes de inscrición das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas no rexistro comunitario e a oposición a elas, modificado polo Real decreto 149/2014, do 7 de marzo. De acordo co artigo 8.6 desta disposición, unha vez comprobado que a solicitude cumpre os requisitos establecidos na normativa reguladora, debe darse publicidade desta mediante a publicación no Boletín Oficial del Estado, para o inicio do prazo de presentación de eventuais oposicións. A publicación deberá incluír a dirección da páxina web oficial onde se atoparán o novo prego de condicións e o documento único. Para as denominacións de orixe e indicacións xeográficas cuxo ámbito abrangue máis dunha comunidade autónoma, e que, por tanto, son da competencia da Administración xeral do Estado, o devandito real decreto fixou un período de oposición de dous meses, pero non fixou prazo para as de ámbito autonómico por seren competencia das comunidades autónomas.

Por último, a normativa reguladora da materia no ámbito autonómico é o Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores. Este decreto establece un procedemento para a publicidade e oposición no relativo ás solicitudes de inscrición de novas denominacións de orixe ou indicacións xeográficas, e tamén para as modificacións dos pregos de condicións das existentes, pero limitado aos produtos alimentarios, xa que no momento da súa aprobación, para as denominacións de orixe e indicacións xeográficas vitivinícolas, aínda non era de aplicación a normativa europea que exixe este trámite. O período para a presentación de oposicións que establece no caso das devanditas denominacións de orixe e indicacións xeográficas do ámbito alimentario é de dous meses.

De acordo co artigo 30.I.4 do Estatuto de autonomía de Galicia, esta comunidade autónoma ten a competencia exclusiva, en colaboración co Estado, en materia de denominacións de orixe. Esta competencia, para os produtos de orixe agraria, é exercida pola Consellería do Medio Rural a través da Dirección Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, de acordo co que se establece no Decreto 166/2015, do 13 de novembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da devandita consellería, modificado pola disposición derradeira primeira do Decreto 52/2018, do 5 de abril, polo que se crea a Axencia Galega da Calidade Alimentaria e se aproban os seus estatutos.

Por todo o anterior, cumpridos os preceptivos trámites regulamentarios e vistas as disposicións citadas,

RESOLVO:

Ter por comprobada a documentación e continuar o procedemento de tramitación da solicitude de modificación do prego de condicións da denominación de orixe protexida Monterrei, e dar publicidade á devandita solicitude mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia do documento único onde se recolle o resumo dos datos do prego de condicións. O devandito documento único, que figura como anexo desta resolución, inclúe un vínculo á páxina web da Consellería do Medio Rural onde se atopa o texto íntegro do devandito prego de condicións, no cal figuran sinalados os cambios respecto da versión vixente.

Tamén se dará publicidade da solicitude mediante un anuncio no Boletín Oficial del Estado, que incluirá os vínculos á páxina web da Consellería do Medio Rural onde se atoparán o contido do prego de condicións e do documento único.

Desde o día seguinte ao da publicación máis tardía de ambas iniciarase o cómputo dun prazo de dous meses para que calquera persoa, física ou xurídica, que estea establecida ou resida legalmente en España, cuxos lexítimos intereses considere afectados, poida opoñerse ao rexistro da devandita modificación mediante a correspondente declaración de oposición, dirixida á Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, da Consellería do Medio Rural (Edificios Administrativos de San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante a Consellería do Medio Rural, de conformidade co previsto nos artigos 115, 120 e 121 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2018

Belén Mª do Campo Piñeiro
Directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

ANEXO

Denominación de orixe protexida (DOP) Monterrei

Documento único

1. Nome e tipo.

a) Denominación que debe rexistrarse:

Monterrei.

b) Tipo de indicación xeográfica:

DOP – Denominación de orixe protexida.

2. Categorías de produtos vitícolas.

Viño (1).

3. Descrición dos viños.

1) Viños brancos.

• Breve descrición textual:

– Fase visual: limpo e brillante. Cor desde o amarelo pálido ata o dourado.

– Fase olfactiva: olores de froitas dalgunha das seguintes series: froitas de árbore ou froitas tropicais.

– Fase gustativa: aromas de froitas dalgunha das seguintes series: froitas de árbore ou froitas tropicais. Equilibrado en alcohol-acidez. Persistencia media ou alta.

• Características analíticas xerais:

– Grao alcohólico volumétrico total máximo (en % vol): non se define.

– Grao alcohólico volumétrico adquirido mínimo (en % vol): 11.

– Acidez total mínima: 4,5 en gramos por litro expresada en ácido tartárico.

– Acidez volátil máxima (en miliequivalentes por litro): 12,5.

– Contido máximo total de anhídrido sulfuroso (en miligramos por litro): 160.

2) Viños tintos.

• Breve descrición textual:

– Fase visual: limpo e brillante de capa media ou alta. Cor que vai desde o vermello violáceo ata o vermello castaño.

– Fase olfactiva: olores de froitas dalgunha das seguintes series: froitos vermellos ou froitos negros.

– Fase gustativa: aromas de froitas dalgunha das seguintes series: froitos vermellos ou froitos negros. Equilibrado en relación alcohol-acidez. Persistencia media ou alta.

• Características analíticas xerais:

– Grao alcohólico volumétrico total máximo (en % vol): non se define.

– Grao alcohólico volumétrico adquirido mínimo (en % vol): 11.

– Acidez total mínima en gramos/litro expresado en ácido tartárico: 4,5.

– Acidez volátil máxima en miliequivalentes/litro de ácido acético: 13,33.

– Contido máximo total de anhídrido sulfuroso (en miligramos/litro): 150.

3) Viños brancos barrica, crianza, reserva e gran reserva.

• Breve descrición textual:

– Fase visual: limpo e brillante. Cor desde o amarelo pálido ata o dourado.

– Fase olfactiva: olores de froitas dalgunha das seguintes series: froitas de árbore ou froitas tropicais e ademais tamén debe ter olores especiados ou tostados.

– Fase gustativa: aromas de froitas dalgunha das seguintes series: froitas de árbore ou froitas tropicais e ademais tamén deben ter aromas especiados ou tostados. Equilibrado en relación alcohol-acidez. Persistencia media ou alta.

• Características analíticas xerais:

– Grao alcohólico volumétrico total máximo (en % vol): non se define.

– Grao alcohólico volumétrico adquirido mínimo (en % vol): 11,5.

– Acidez total mínima (en gramos/litro expresado en ácido tartárico): 4,5.

– Acidez volátil máxima (en miliequivalentes/litro de ácido acético): 18.

– Contido máximo total de anhídrido sulfuroso (en miligramos/litro): 160.

4) Viños tintos barrica, crianza, reserva e gran reserva.

• Breve descrición textual:

– Fase visual: limpo e brillante de capa media ou alta. Cor que vai desde o vermello violáceo ata o vermello castaño.

– Fase olfactiva: olores de froitas dalgunha das seguintes series: froitos vermellos ou froitos negros e ademais tamén debe ter olores especiados ou tostados.

– Fase gustativa: aromas de froitas dalgunha das seguintes series: froitos vermellos ou froitos negros e ademais tamén debe ter aromas especiados ou tostados. Equilibrado en relación alcohol-acidez. Persistencia media ou alta.

• Características analíticas xerais:

– Grao alcohólico volumétrico total máximo (en % vol): non se define.

– Grao alcohólico volumétrico adquirido mínimo (en % vol): 12.

– Acidez total mínima (en gramos/litro expresado en ácido tartárico): 4,5.

– Acidez volátil máxima (en miliequivalentes/litro de ácido acético): 20.

– Contido máximo total de anhídrido sulfuroso (en miligramos/litro): 150.

4. Prácticas vitivinícolas.

a) Prácticas enolóxicas esenciais.

a.1) Prácticas enolóxicas específicas.

– Nas elaboracións, polo menos o 60 % das uvas serán das variedades dona branca, godello e treixadura en brancos e mencía e merenzao en tintos.

– O rendemento en extracción non será superior a 74 litros de viño por 100 kg de uva.

– Non se permite a utilización de prensas continuas.

– Está prohibido o emprego de máquinas esmagadoras de acción centrífuga de alta velocidade.

– Non se permiten prácticas de prequentamento da uva ou de quentamento dos mostos ou dos viños en presenza dos bagazos.

– Non se poderán utilizar anacos de madeira de carballo na elaboración e posteriores procesos

a.2) Práctica cultural.

– A densidade de plantación estará obrigatoriamente entre 3.000 cepas por hectárea como mínimo e 5.000 cepas por hectárea como máximo.

b) Rendementos máximos.

– 12.000 quilogramos de uvas por hectárea.

– 84,36 hectolitros de viño por hectárea.

5. Zona delimitada.

O territorio delimitado está dividido en dúas subzonas:

– Val de Monterrei, que inclúe parte dos termos municipais de Castrelo do Val, Monterrei, Oímbra e Verín; e

– Ladeira de Monterrei, que está formada polo termo municipal de Vilardevós e parte dos termos municipais de Castrelo do Val, Oímbra, Monterrei, Verín e Riós.

Todo o territorio está na provincia de Ourense, na Comunidade Autónoma de Galicia.

6. Principais uvas de vinificación.

Brancas: treixadura, godello e dona branca.

Tintas: merenzao e mencía.

7. Descrición do/dos vínculo/s.

O clima, con baixas precipitacións e elevadas temperaturas durante o verán e fortes oscilacións térmicas día-noite durante a maduración, é óptimo para o desenvolvemento das variedades de vide utilizadas, que son maioritariamente variedades autóctonas seleccionadas ao longo dos anos.

Tamén a elección dos mellores terreos e o uso de técnicas de cultivo adaptadas ás variedades e á zona, en particular os sistemas de condución e de poda, para un adecuado control do potencial vitivinícola, inciden nas características dos viños, de aromas florais e afroitados e equilibrados no gusto.

8. Outras condicións esenciais.

a) Envasamento na zona delimitada.

O envasamento terá lugar na zona xeográfica delimitada.

b) Disposicións adicionais relativas á etiquetaxe.

Nas etiquetas figurará o nome da denominación con caracteres de 4 mm de altura como mínimo.

Todos os envases que se destinen ao consumo irán provistos dunha precinta ou contraetiqueta numerada que será subministrada polo Consello Regulador. A dita contraetiqueta incluirá o logotipo da denominación de orixe, que figura como anexo II no prego de condicións.

Referencia á publicación do prego de condicións:

http://mediorural.xunta.gal/fileadmin/arquivos/alimentacion/produtos_calidade/2018/Pliego_de_condiciones_DOP_MONTERREI_agosto_2018_CCC.pdf