Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Venres, 17 de agosto de 2018 Páx. 38089

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 9 de agosto de 2018 pola que se publica o Convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga en materia de prevención e defensa contra incendios forestais para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias.

A Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestales de Galicia, atribúe no seu artigo 6 á Xunta de Galicia, para o seu exercicio polo Consello da Xunta de Galicia e a consellería competente en materia forestal, entre outras competencias, as relativas a establecer a política xeral de prevención e loita contra os incendios forestais; programar e executar actuacións de prevención e loita contra os incendios forestais; establecer as medidas de prevención e loita contra os incendios forestais que sexa necesario adoptar tanto pola Administración como polos particulares e asegurar o seu cumprimento; xestionar as redes primarias e terciarias de faixas de xestión de biomasa, coordinar as actuacións das administracións públicas e dos particulares nas tarefas de prevención e loita contra os incendios forestais e promover mecanismos de participación social nas ditas tarefas; e proceder á execución subsidiaria ou directa de traballos preventivos nos termos establecidos na lei.

Segundo o artigo 7 da devandita lei, corresponde aos concellos elaborar e aprobar os plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais; adoptar as medidas de prevención de incendios forestais que lles correspondan en terreos da súa titularidade; ordenar a execución das obras necesarias para conservar e manter o solo e a biomasa nas condicións precisas que eviten os incendios e, en particular, xestionar as redes secundarias de faixas de xestión da biomasa e as faixas laterais das redes viarias da súa titularidade.

Engade o artigo 7 da Lei 3/2007, do 9 de abril, que os concellos, no exercicio da competencia relativa a ordenar a execución das obras necesarias para conservar e manter o solo e a biomasa nas condicións precisas que eviten os incendios, poderán contar coa colaboración técnica e/ou económica da Xunta de Galicia, nos termos previstos no artigo 59 da devandita lei e consonte o establecido no artigo 331.1 da Lei 5/1997, do 5 de agosto, de Administración local de Galicia.

Con base nesta colaboración, con data do 9 de agosto de 2018, asinouse un convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga en materia de prevención e defensa contra incendios forestais para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias.

Este convenio ten por obxecto instrumentar a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, Seaga e a Fegamp cos concellos que voluntariamente se adhiran ao presente convenio, mediante o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nos montes e terreos forestais incluídos nas redes de faixas secundarias de xestión de biomasa.

A cooperación, que neste convenio se instrumenta, ten por fin garantir a prevención de incendios forestais, de modo que se acade a diminución do número de incendios forestais nas zonas de interface urbana e facilitar as actuacións de extinción, garantindo así o interese público da seguridade de persoas e de bens.

Tal como dispón o convenio, os concellos galegos que cumpran os criterios de prioridade poderán, mediante a súa adhesión voluntaria a este convenio, acceder ao sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias.

No exercicio 2018, primeiro ano de vixencia do convenio, as solicitudes de adhesión presentaranse dentro do prazo dun mes desde o día seguinte á publicación deste convenio de colaboración no Diario Oficial de Galicia.

A cláusula décimo cuarta do convenio dispón a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Tendo en conta o exposto, e en virtude das competencias conferidas,

DISPOÑO:

Primeiro. Publicar o convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga en materia de prevención e defensa contra incendios forestais para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias, como anexo a esta resolución.

Segundo. As solicitudes de adhesión a este convenio presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario do procedemento PR004A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e dirixido á Consellería do Medio Rural-Dirección Xeral de Ordenación Forestal, e xuntarase como documentación a solicitude de adhesión cuberta e asinada, que se recolle no anexo I do convenio.

Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2018

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural

ANEXO

Convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga
en materia de prevención e defensa contra incencios fortestais,
para o establecemento dun sistema público de xestión
da biomasa nas faixas secundarias

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2018.

Reunidos:

Pola Xunta de Galicia, Ángeles Vázquez Mejuto, conselleira do Medio Rural, en exercicio das atribucións conferidas no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia.

Pola sociedade mercantil pública autonómica, Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga), Pablo Arbones Manciñeira, en nome e representación daquela, en virtude das atribucións que lle confiren os seus estatutos.

Pola Federación Galega de Municipios e Provincias, o seu presidente, Alfredo L. García Rodríguez, que actúa en nome e representación daquela, en virtude das atribucións que lle confire o artigo 46.1.b) dos seus estatutos.

Todos as persoas intervenientes actúan coa representación que legal e regulamentariamente teñen conferida.

Expoñen:

Primeiro

O artigo 4 da lei básica estatal, Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, prevé a función social dos montes vinculada á produción de recursos naturais e servizos ambientais.

O importante valor que o monte cumpre para a nosa sociedade no seu conxunto está ameazado pola propagación de incendios forestais, que afectan a súa riqueza ambiental e paisaxística e as actividades agroforestais que se desenvolven no monte. Así mesmo, eses incendios están ameazando a seguridade das persoas e dos bens.

Como recorda a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, unha das áreas máis sensibles para a prevención dos incendios é da interface urbano-forestal, isto é, aquelas áreas que abranguen o perímetro común entre os terreos forestais e os núcleos de poboación habitados.

En outubro de 2017 púxose de novo en evidencia que en condicións meteorolóxicas extremas a intencionalidade incendiaria en Galicia se dispara cun nivel diario de novos lumes que, frecuentemente, superan os 100 lumes novos diarios.

Nestas condicións a dificultade de loita á vez cun elevado número de lumes simultáneos fai imprescindible o reforzo das medidas estruturais sobre o territorio, garantindo as descontinuidades no arboredo previstas na normativa, así como os espazos abertos arredor dos núcleos habitados e outras instalacións para garantir unha mellor defensa da seguridade dos galegos, nestas situacións de múltiples lumes simultáneos provocados con intención de queimar en condicións, sobre todo, de ventos fortes.

Nas circunstancias extraordinarias púxose de manifesto a necesidade de adoptar medidas adicionais para evitar estes incendios especialmente complexos polo risco que existe para as persoas e os bens, así como a conveniencia de que esas medidas se implementen nun contexto máis amplo que comprometa a colaboración das administracións públicas con competencias en prevención de incendios forestais e que comprometa tamén as persoas propietarias de terreos forestais que teñen a obriga de acometer esa prevención mediante a limpeza dos seus terreos.

Neste contexto, e a través do presente convenio, canalízase a cooperación entre a Administración local e a Administración autonómica como vía para acometer tarefas de claro interese público como é a de xestionar a biomasa vexetal con alto potencial combustible, especialmente nos terreos forestais que estean preto dos núcleos de poboación, asegurando a súa retirada con anterioridade á época de perigo de incendios polas persoas titulares das parcelas, así como, no caso de incumprimento destas obrigas esenciais, asegurar a súa execución subsidiaria, a través de procedementos áxiles, por parte das administración públicas.

Segundo

Conforme a Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, e dentro do sistema de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia, son esenciais as denominadas redes de faixas de xestión de biomasa, como conxunto de parcelas lineais do territorio, estratexicamente situadas, onde se garante a xestión da biomasa, é dicir, o control e a eliminación total ou parcial da biomasa forestal, mediante técnicas silvícolas adecuadas, co obxectivo principal de reducir o risco de incendio.

Nestas redes de faixas é competencia da Xunta de Galicia a xestión das redes primarias e terciarias de xestión de biomasa, e compete ás entidades locais a xestión das redes secundarias.

É obrigatorio nestas faixas a xestión da biomasa, entendida como aquelas operacións dirixidas a crear e a manter unha descontinuidade horizontal e vertical da carga de combustible no terreo forestal e na súa zona de influencia, a través do control ou da eliminación parcial ou total da biomasa vexetal.

As denominadas redes secundarias de xestión de biomasa teñen un ámbito e son de competencia municipal e posúen a función prioritaria de protexer os núcleos de poboación, as infraestruturas, os equipamentos sociais, as zonas edificadas, os parques e os polígonos industriais.

A definición dos espazos que integran as faixas secundarias debe facerse nos plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais e, dentro desas faixas, a obriga de xestión de biomasa compete ás persoas titulares do dereito de aproveitamento sobre as parcelas incluídas nesas faixas.

No suposto de incumprimento destas obrigas por parte dos particulares, compete aos concellos a comunicación da necesidade do seu cumprimento e advertir da execución subsidiaria da dita obriga pola Administración local con repercusión de custos, e, de ser o caso, comiso de especies arbóreas prohibidas que deba retirar a Administración.

Na situación actual dos montes galegos, que na súa maioría son montes de particulares, moitas veces con reducida superficie, e ás veces con problemas de titularidade ou con persoas titulares descoñecidas que dificultan esa xestión da biomasa forestal, púxose de manifesto que o incumprimento polas persoas particulares da súa obriga de xestión de biomasa determina que existan circunstancias especiais de perigo de que se orixine un incendio forestal e se estenda ás parcelas limítrofes.

Para evitar esta situación abordouse unha modificación lexislativa mediante a Lei 9/2017, de medidas fiscais e administrativas, que permitiu axilizar as actuacións de execución subsidiaria, mais resulta necesario continuar no labor de prevención dos incendios forestais, adoptando as actuacións necesarias para facilitar que as persoas titulares dos montes poidan cumprir as súas obrigas de xestión da biomasa contribuíndo a ese esforzo por parte das administracións competentes, naquelas zonas que reúnen circunstancias de especial perigo ou necesidade, de modo que se contribúa a normalizar actuacións que deben ser ordinarias e formar parte do adecuado coidado dos montes. E adoptando as actuacións necesarias para que a execución subsidiaria da xestión da biomasa nas faixas secundarias se adopte o antes posible.

Estímase que en Galicia as faixas secundarias poden superar as 130.000 ha. Destas pode considerarse que a metade están ocupadas por terreos que incumpren a normativa en vigor.

Un investimento mantido de 7,5 millóns de euros anuais (5.696.000 € no que resta do ano 2018) que permitiría actuar nunhas 16.000 ha de faixas secundarias, garantindo ata o ano 2021 actuar nas faixas secundarias dos concellos máis afectados polos lumes, tanto no que respecta aos terreos abandonados como naqueles de particulares que se adhiran á subscrición dun contrato de xestión de biomasa coa entidade xestora do sistema que se deseña no presente convenio.

As actuacións que se van desenvolver incluirán tamén o apoio aos concellos para a determinación das faixas secundarias de xestión de biomasa nos plans municipais de defensa contra os incendios.

Estes plans quedarán reflectidos a nivel de parcela catastral nun visor que no ano 2021 abranguerá todos os concellos de Galicia.

Terceiro

Conscientes da situación descrita, a Xunta de Galicia pon en marcha un Plan estratéxico de prevención de incendios forestais que inclúe varias medidas, entre elas a que se instrumenta a través deste convenio mediante a cooperación como vía para realizar unha misión de interese público, como é a prevención de incendios forestais mediante a xestión da biomasa nos concellos en que as faixas de xestión de biomasa poden ocasionar maiores problemas de incendios, medida que se instrumenta mediante o presente convenio.

Así, este convenio instrumenta esa cooperación nas tarefas de interese público, mediante o fomento da necesaria prevención de incendios por parte das persoas particulares, facilitando que cumpran coa súa obriga de xestión da biomasa dos seus montes. Así, e a través deste convenio, co fin de que os montes queden nun estado de ausencia de perigo para os bens e as persoas, aquelas persoas titulares de montes que se comprometan a formalizar coa entidade xestora do sistema un contrato de xestión da biomasa dos seus montes durante o prazo de vixencia deste convenio, aboando unha tarifa uniforme fixada por hectárea, beneficiaranse das vantaxes do sistema, que inclúen, a asunción polas administracións conveniantes dos maiores custos a que poida dar lugar a indicada xestión.

Instruméntase tamén a cooperación nas tarefas de interese público, mediante a cooperación para a execución subsidiaria da xestión da biomasa nos casos en que as persoas particulares non cumpran coas súas obrigas legais.

Cuarto

Son varios os fundamentos legais da cooperación entre administracións para poder acometer unha misión común de servizo público.

Así, e entre as competencias que, no relativo ás relacións coas entidades locais galegas, corresponden á Xunta de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 194 e 195 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, está a xenérica de cooperación e colaboración, que se podera levar a cabo mediante a subscrición de convenios.

En particular, o artigo 198 da Lei prevé que, coa finalidade da máis eficaz xestión e prestación dos servizos da súa competencia, a Xunta de Galicia e as entidades locais poden, mediante os convenios, coordinar as políticas de fomento dirixidas a un mesmo sector, executar puntualmente as obras ou os servizos da competencia dunha das partes, desenvolver actividades de carácter prestacional e adoptar as medidas oportunas para acadar calquera outra finalidade de contido análogo ás anteriores.

A Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, tamén regula unha específica colaboración entre a Xunta de Galicia e entidades locais na materia obxecto do presente convenio.

Así, o artigo 1 desta lei establece o seu obxecto de defender os montes ou os terreos forestais fronte aos incendios e protexer as persoas e os bens afectados por eles, promovendo a adopción dunha política activa de prevención coordinada de todas as administracións públicas de acordo coa lexislación galega en materia de emerxencias, baseada, entre outros aspectos, na actuación nos montes e nas áreas lindeiras mediante os tratamentos adecuados da biomasa e no establecemento das condicións para a protección dos asentamentos rurais respecto aos incendios forestais, no marco dunha política integral de desenvolvemento rural.

A lei atribúe no seu artigo 6 á Xunta de Galicia, para o seu exercicio polo Consello da Xunta de Galicia e a consellería competente en materia forestal, entre outras competencias, as relativas a establecer a política xeral de prevención e loita contra os incendios forestais; programar e executar actuacións de prevención e loita contra os incendios forestais; establecer as medidas de prevención e loita contra os incendios forestais que sexa necesario adoptar tanto pola Administración como polos particulares e asegurar o seu cumprimento; xestionar as redes primarias e terciarias de faixas de xestión de biomasa, coordinar as actuacións das administracións públicas e dos particulares nas tarefas de prevención e loita contra os incendios forestais e promover mecanismos de participación social nas devanditas tarefas; e proceder á execución subsidiaria ou directa de traballos preventivos nos termos establecidos na lei.

Segundo o artigo 7 da devandita lei, corresponde aos concellos elaborar e aprobar os plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais; adoptar as medidas de prevención de incendios forestais que lles correspondan en terreos da súa titularidade; ordenar a execución das obras necesarias para conservar e manter o solo e a biomasa nas condicións precisas que eviten os incendios e, en particular, xestionar as redes secundarias de faixas de xestión da biomasa e as faixas laterais das redes viarias da súa titularidade.

Engade o artigo 7 da Lei 3/2007, do 9 de abril, que os concellos, no exercicio da competencia relativa a ordenar a execución das obras necesarias para conservar e manter o solo e a biomasa nas condicións precisas que eviten os incendios, poderán contar coa colaboración técnica e/ou económica da Xunta de Galicia, nos termos previstos no artigo 59 da devandita lei e consonte o establecido no artigo 331.1 da Lei 5/1997, do 5 de agosto, de Administración local de Galicia.

O citado artigo 59, «Colaboración coas entidades locais», establece no seu número 1 que a Xunta de Galicia colaborará coas entidades locais para a prevención e extinción de incendios, ben a través de medios propios, ben por medio de mecanismos de apoio económico.

O número 2 do mesmo artigo dispón que a Xunta de Galicia incluirá nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma dotacións económicas para a subscrición de convenios de colaboración cos concellos para, entre outros aspectos, a realización de traballos preventivos nas vías e montes de titularidade municipal e para a xestión da biomasa das parcelas de propietario descoñecido.

Especialmente o artigo 8 da lei, «Cooperación administrativa», establece que as administracións públicas de Galicia colaborarán entre si e cooperarán nas tarefas de prevención e loita contra os incendios forestais, achegando os medios materiais, económicos e humanos á súa disposición nos termos da presente, lei.

Pola súa banda, o artigo 6 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE y 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, prevé unha especial fórmula de cooperación entre administracións públicas e as entidades con personalidade xurídica privada que sexan poderes adxudicadores, ao prever a cooperación vía convenio para establecer ou desenvolver unha cooperación entre as entidades participantes coa finalidade de garantir que os servizos públicos que lles incumben se prestan de modo que se logren os obxectivos que teñen en común, cooperación que debe estar guiada unicamente por consideracións relacionadas co interese público.

En cumprimento das anteriores previsións legais, e no marco da súa responsabilidade na xestión e na dirección do sistema de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia e na planificación estratéxica de prevención dos incendios forestais, a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, desexa cooperar cos concellos no exercicio das competencias que lles corresponden na prevención dos incendios forestais a través da xestión da biomasa e a retirada de especies arbóreas nas redes de faixas secundarias de xestión de biomasa, o que se instrumenta mediante a creación no presente convenio dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias.

O presente convenio, polo tanto, baséase nos principios de colaboración e cooperación entre administracións, polo que non afecta nin altera o sistema legal de distribución de competencias na materia, recollido na lexislación indicada e, en particular, non afecta as competencias locais nin supón a asunción pola Administración autonómica destas.

Quinto

No marco do indicado no punto anterior, o presente convenio prevé a adhesión voluntaria ao sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias nel previsto daqueles concellos interesados en obter a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma para o exercicio das súas competencias en relación coa xestión da biomasa e retirada de especies arbóreas nas redes de faixas secundarias de xestión de biomasa.

A adhesión cos concellos estará condicionada a que se cumpran os requisitos que se establecen no presente convenio e existan dispoñibilidades económicas suficientes.

Sexto

A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) é unha asociación sen ánimo de lucro constituída polos entes locais galegos que inclúe entre as súas finalidades a de participar en calquera asunto que garde relación cos intereses comúns dos entes locais que integran o dito territorio.

En particular, de acordo cos seus estatutos, a Fegamp poderá facilitar intercambios de información mutua e asesorar e asistir os seus membros.

A disposición transitoria terceira da Lei 5/1997, de Administración Local de Galicia, establece que a Federación Galega de Municipios e Provincias, recoñecida polas entidades locais como a entidade asociativa máis representativa e maioritaria, terá as facultades derivadas da súa representatividade.

Sétimo

Seaga é unha sociedade mercantil pública autonómica, a cal actúa en consideración de medio propio e de servizo técnico da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, atendendo a diversas actuacións, entre as que se encontran obras, traballos e prestación de servizos en materias forestais, conservación e protección do medio rural e ambiental, especialmente, destacando a súa intervención na prevención e loita contra os incendios forestais.

Cláusulas:

Primeira. Obxecto

1. Este convenio ten por obxecto instrumentar a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, Seaga, e a Fegamp, cos concellos que voluntariamente se adhiran ao presente convenio, mediante o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nos montes ou terreos forestais incluídos nas redes de faixas secundarias de xestión de biomasa.

2. A cooperación, que neste convenio se instrumenta, ten por fin garantir a prevención de incendios forestais, de modo que se acade a diminución do número de incendios forestais nas zonas de interface urbana, garantindo así o interese público da seguridade de persoas e de bens.

Segunda. Sistema público de xestión da biomasa

1. O sistema público de xestión da biomasa que se establece no presente convenio comprende:

a) A colaboración financeira da Administración xeral da Comunidade Autónoma para garantir a xestión da biomasa das parcelas incluídas nas faixas secundarias de xestión da biomasa incluídas nos concellos adheridos ao presente convenio.

b) A prestación por parte da Administración autonómica, de acordo co establecido no presente convenio, do sistema público de xestión da biomasa nos montes ou terreos forestais incluídos nas redes de faixas secundarias de xestión de biomasa mediante a formalización de contratos de xestión da biomasa cos titulares dos montes.

c) A colaboración técnica da Administración xeral da Comunidade Autónoma e os concellos para o exercicio das competencias que corresponden a estes de execución subsidiaria das obrigas de xestión da biomasa e para a retirada de especies arbóreas prohibidas regulada no artigo 22 da Lei 3/2007, por razóns de eficacia e por contar a Administración autonómica con medios técnicos adecuados para o seu desempeño.

Dentro da colaboración económica e da cooperación técnica prevista nos puntos anteriores, tamén se inclúe a prestación por parte da Administración autonómica de asistencia técnica e o apoio aos concellos adheridos para a tramitación por estes dos procedementos de aprobación de plans de prevención, delimitación de faixas e de execución subsidiaria da súa competencia.

2. En todo caso, o presente convenio non afecta nin altera o sistema legal de distribución de competencias na materia, recollido na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia e, en particular, non afecta ás competencias locais ni supón a asunción por parte da Administración autonómica destas.

3. En particular, o presente convenio efectúase ao abeiro do previsto no artigo 6 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, ao desenvolver, en particular, unha cooperación entre as entidades participantes coa finalidade de garantir unha prestación do servizo público que se configura co obxectivo da prevención e a loita contra os incendios forestais e se guía, unicamente, por consideracións relacionadas con interese público.

Terceira. Adhesión voluntaria a este convenio dos concellos

1. Calquera concello galego poderá, mediante a súa adhesión voluntaria ao presente convenio, acceder ao sistema público de xestión que se establece mediante o presente convenio e á colaboración técnica e económica prevista no seu marco, de acordo cos criterios de prioridade que se determinan a continuación por razóns das dispoñibilidades orzamentarias, atendendo a un maior risco de incendios forestais e por tanto de maior perigo para as persoas e os bens que voluntariamente se adhiran.

2. Para decidir a adhesión dos concellos e as actuacións anuais nos concellos adheridos teranse en conta os seguintes criterios de prioridade:

a) Municipios afectados por grandes incendios forestais no ano 2017 e nos 10 anos anteriores.

b) Municipios nos cales se activase a situación operativa 2 do Peifoga nos últimos 10 anos.

c) Municipios con parroquia/s de alta actividade incendiaria.

d) Municipios incluídos en zonas de alto risco de incendio forestal.

e) Municipios costeiros da provincia da Coruña incluídos nas zonas de influencia do vento do nordés.

f) Municipios que conten con Plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais nos cales se definan as faixas secundarias ou municipios que teñan realizadas as actuacións de determinación das faixas que sexan necesarias para permitir a directa aplicación das obrigas das persoas que resulten responsables derivadas do disposto no artigo 21 da Lei 3/2007, de acordo coa súa disposición transitoria terceira.

g) Municipios que teñan subscrito convenio para unha brigada municipal de prevención e extinción de incendios forestais coa Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

As condicións indicadas serán desenvolvidas pola comisión de seguimento do convenio, que aprobará un baremo para decidir sobre a adhesión dos concellos, sen prexuízo do establecido nesta cláusula para o primeiro ano de vixencia do convenio.

3. As solicitudes de adhesión serán dirixidas á Comisión de seguimento do convenio prevista na cláusula décima.

Nas solicitudes expresarase se o concello ten xa delimitadas as faixas secundarias de xestión da biomasa.

4. No exercicio 2018, primeiro ano de vixencia do convenio, decidiranse as adhesións e programaranse as actuacións tendo en conta as solicitudes que se presenten dentro do prazo dun mes desde a publicación do presente convenio de colaboración no Diario Oficial de Galicia.

No primeiro exercicio de vixencia do convenio, mentres a Comisión non aprobe o desenvolvemento dos criterios de prioridade e o baremo a que se refire esta cláusula, será suficiente que a Comisión adopte acordo motivado de valoración tendo en conta os criterios antes sinalados.

Para o exercicio 2019, o prazo de presentación de solicitudes iníciase unha vez rematado o prazo do exercicio 2018 e finalizará o 31 de decembro de 2018. Nos exercicios posteriores de 2020 e 2021 estará aberto o prazo e poderán presentarse as solicitudes de adhesión durante todo o exercicio anterior ao considerado, para os efectos da súa valoración e a decisión sobre a adhesión nos dous primeiros meses do indicado exercicio en que se realizarán as actuacións.

5. A valoración das solicitudes de adhesión e a determinación da preferencia para a adhesión no caso de concorrencia de solicitudes, de acordo cos criterios de prioridade sinalados, efectuaraa a Comisión de seguimento deste convenio, tendo en conta en todo caso unicamente criterios técnicos derivados das necesidades da prevención e loita contra os incendios forestais. A Comisión de seguimento adoptará o seu acordo expresando para cada concello as parroquias e a superficie consideradas en cada caso e propoñerá á persoa titular da Consellería do Medio Rural o ditado da resolución de aceptación ou de denegación da adhesión.

A consellería ditará resolución motivada sobre a adhesión, de acordo co criterio expresado pola Comisión de seguimento, que se notificará ao concello adherido. As solicitudes non atendidas unha vez aplicados os criterios de prioridade, se o concello así o solicita, poderán quedar en reserva para ser tidas en conta novamente en exercicios posteriores.

6. A solicitude de adhesión dos concellos ao sistema efectuarase de acordo co modelo que se recolle no anexo I e implicará a aceptación de todas as cláusulas do presente convenio sen posibilidade de reserva ou excepción. A formalización da solicitude de adhesión deberá ser autorizada polo órgano competente do concello.

7. A adhesión dos concellos estará en todo caso condicionada pola existencia das dispoñibilidades orzamentarias. A formalización da adhesión farase segundo o anexo IV.

8. Procurarase que a superficie total obxecto de xestión de biomasa prevista para os concellos adheridos sexa similar entre as distintas provincias.

Cuarta. Obrigas xerais dos concellos adheridos

Os concellos que por cumprir os requisitos sinalados na cláusula anterior se adhiran voluntariamente a este convenio, asumen as seguintes obrigas:

a) Aprobar o plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais previsto no artigo 16 da Lei 3/2007, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Así mesmo, en canto non se aprobe o plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais e a consecuente definición das faixas secundarias, o concello deberá realizar as actuacións de determinación das faixas que sexan necesarias para permitir a directa aplicación das obrigas das persoas que resulten responsables derivadas do disposto no artigo 21 da Lei 3/2007, de acordo coa súa disposición transitoria terceira.

b) Identificar para os efectos do previsto no presente convenio as persoas titulares das parcelas incluídas nesas faixas de xestión de biomasa, salvo nos casos en que se poida xustificar que, tras a consulta dos rexistros públicos e documentación en poder do concello, resultan descoñecidas.

c) Aprobar anualmente, durante todo o período de vixencia do convenio, un plan de actuacións relativas á xestión da biomasa vexetal e á retirada de especies arbóreas, que planifique, en particular, as actuacións municipais que resulten necesarias para dar cumprimento ao establecido polo artigo 22 da Lei 3/2007, do 9 de abril.

d) Recibir e remitir a Seaga as solicitudes das persoas titulares dos montes incluídos nas faixas secundarias de xestión de biomasa do seu municipio, para a formalización dos contratos de xestión de biomasa previstos neste convenio. As solicitudes achegaranse xunto coa documentación prevista no anexo II do convenio e logo de comprobación do cumprimento dos requisitos establecidos nel.

e) Realizar as achegas de financiamento que, de ser o caso, se tivese voluntariamente comprometido a realizar na súa adhesión.

Quinta. Colaboración financeira para a xestión da biomasa forestal dos montes incluídos nos concellos adheridos ao presente convenio

1. Conforme o previsto na cláusula segunda, letra a) deste convenio, a Consellería do Medio Rural comprométese a dar apoio financeiro para garantir a correcta xestión da biomasa forestal dos montes dos concellos adheridos aos cales se fai referencia na cláusula anterior mediante as achegas financeiras previstas no presente convenio.

Para os efectos do establecido no número anterior, a Consellería do Medio Rural achegará 5.696.000 € no exercicio 2018 con cargo á aplicación orzamentaria 13 02 551B 741.14 e un importe de 7.500.000 € anuais nos exercicios 2019, 2020 e 2021 con cargo a aplicación orzamentaria que corresponda.

Poderán facerse achegas das entidades locais mediante a creación dun fondo específico dentro do Fondo de Cooperación Local, achegas que incrementarían a dotación económica total do convenio na anualidade correspondente.

2. En todo caso, aqueles concellos que soliciten a adhesión e non se acorde esta por aplicación dos criterios de prioridade establecidos neste convenio poderán, de maneira voluntaria, adherirse a este convenio mediante a achega do 100 % do financiamento para a realización das actuacións de xestión de biomasa previstas no presente convenio, garantindo a súa execución independentemente da aplicación dos criterios de prioridade. Estas cantidades transferiranse á Administración autonómica nos prazos que se establezan no documento de adhesión que para tal efecto se establecerá.

Para tales efectos, e transcorrido o prazo previsto no documento de adhesión sen que o concello adherido efectuase a súa achega, a Xunta de Galicia aplicará o procedemento previsto nos artigos 57 e 58 da Lei de orzamentos para o ano 2018 relativos ao procedemento de compensación e retención do Fondo de Cooperación Local.

3. As achegas sinaladas no ordinal primeiro destinaraas a Administración xeral da Comunidade Autónoma a garantir a correcta xestión da biomasa forestal das parcelas de titularidade privada situadas nas faixas secundarias de xestión de biomasa, tanto daquelas cuxas persoas titulares formalicen o contrato de xestión de biomasa previsto no presente convenio, como daquelas en que deban realizarse actuacións de execución subsidiaria, sen prexuízo neste último caso da repercusión de custos ás persoas titulares, de acordo co procedemento legalmente establecido e sen prexuízo tamén de que para a execución subsidiaria se utilicen prioritariamente as cantidades afectas ao Fondo de Xestión da Biomasa e Retirada de Especies previsto na Lei 3/2007.

4. Atendendo ás necesidades de prevención e loita contra os incendios forestais, a Administración autonómica poderá reservar a contía de ata 250.000 euros anuais da súa achega ao presente convenio para actuacións de execucións subsidiarias en faixas primarias, e no cumprimento de normativa de distancias ou reacción fronte a plantacións ilegais.

Sexta. Réxime xurídico do sistema público de xestión da biomasa nos montes ou terreos forestais incluídos nas redes de faixas secundarias de xestión de biomasa mediante a formalización de contratos de xestión da biomasa cos titulares dos montes

1. De acordo co establecido na cláusula 2, letra b) deste convenio, a Administración autonómica realizará a prestación do sistema público de xestión da biomasa nas parcelas incluídas nas redes de faixas secundarias de xestión de biomasa dos concellos adheridos a este convenio mediante a formalización de contratos de xestión da biomasa cos titulares dos montes.

2. En particular, de acordo co disposto no artigo 33.1 da Lei 1/2015, de garantía de calidade nos servizos públicos, será aplicable a regulación e garantías establecidas no seu artigo 111, consideraranse servizo público as actividades de prestación previstas na presente cláusula, desenvolvidas pola Administración xeral da Comunidade Autónoma, no exercicio das súas competencias de prevención de incendios e xestión da biomasa, que asume como propias en virtude do presente convenio e conxunturalmente mentres estea este en vigor, sen prexuízo das competencias locais e das obrigas asumidas por estas de acordo co presente convenio, e poñeraas, baixo a súa responsabilidade, á disposición da cidadanía.

3. As actividades materiais de xestión da biomasa previstas na presente cláusula serán xestionadas pola Administración autonómica de forma directa mediante Seaga, como entidade instrumental pertencente ao sector público autonómico, sen prexuízo das obrigas que asumen as entidades locais en virtude do presente convenio.

4. O réxime xurídico da actividade prestacional prevista na presente cláusula desenvólvese no anexo II do convenio, no cal se precisan os seguintes aspectos:

a) O órgano administrativo competente para a prestación do servizo.

b) Alcance das prestacións en favor dos administrados e administradas. Os beneficiarios do servizo serán as persoas físicas ou xurídicas responsables legalmente de acordo coa Lei 3/2007 da xestión da biomasa vexetal nas faixas secundarias dos concellos adheridos ao presente convenio.

c) Modalidade de prestación do servizo mediante xestión directa a través de Seaga.

d) Definición da situación estatutaria das persoas usuarias do servizo a través da previsión dos seus dereitos e obrigas.

e) Estándares mínimos de calidade do servizo.

f) Os demais aspectos básicos de carácter xurídico, económico e administrativo que definen a actividade prestacional.

En particular, a formalización dos contratos con Seaga determinará a asunción por esta das obrigas das persoas responsables da xestión da biomasa de acordo coa Lei 3/2007, sempre que as indicadas persoas responsables cumpran o previsto no réxime xurídico da actividade prestacional e no contrato.

5. A Administración autonómica disporá, en todo caso, das potestades precisas para asegurar o bo funcionamento do servizo e garantir e regular a súa prestación, sen prexuízo do exercicio destas potestades, de ser o caso, conforme os acordos adoptados na Comisión de seguimento do presente convenio.

6. As relacións dos destinatarios da actividade prestacional prevista nesta cláusula con Seaga, formalizada a través do contrato de xestión da biomasa previsto no anexo III, terán natureza xurídico-privada.

A duración destes contratos será coincidente coa duración do presente convenio de colaboración.

Será obriga de Seaga, como prestador do servizo, formalizar o contrato con todas as persoas responsables da xestión da biomasa vexetal que cumpran os requisitos previstos no anexo II deste convenio, sen prexuízo da aplicación das previsións deste título e da tutela e garantía da posición da persoa destinataria da prestación pola Administración competente.

O modelo de contratos de xestión da biomasa recóllese no anexo III do convenio.

7. Para os efectos da sustentabilidade financeira do sistema público de xestión regulado na presente cláusula, establécese unha tarifa que deberán aboar as persoas responsables do cumprimento das obrigas da xestión da biomasa que formalicen o contrato regulado no réxime xurídico do servizo, consistente na cantidade de 350 euros por hectárea e ano.

Esta cantidade uniforme para todas as persoas responsables fíxase como inferior aos custos económicos totais das actividades prestadas, de acordo co réxime económico xurídico do servizo que se recolle no anexo II deste convenio, tendo en conta o interese público presente na prevención dos incendios forestais.

Deste modo, o custo total do servizo no que exceda a tarifa indicada será cuberto polas achegas da Administración xeral da comunidade autónoma e, de ser o caso, dos concellos, previstas na cláusula quinta do presente convenio.

As tarifas serán percibida por Seaga, como prestadora da actividade.

O réxime xurídico da actividade prestacional previsto no anexo II prevé que, nos casos de falta de pagamento da tarifa establecida no contrato como contraprestación a cargo das persoas responsables das obrigas de xestión da biomasa, as cantidades debidas terán a consideración de créditos de dereito público, de acordo co previsto no artigo 39 da Lei 1/2015, cuxa recadación na vía executiva corresponderá aos órganos competentes da Administración, atendida a situación estatutaria das persoas destinatarias das prestacións e a responsabilidade final da Administración sobre a actividade.

8. Seaga poderá prestar a actividade de xestión da biomasa mediante os seus propios medios técnicos, persoais ou materiais, ou proceder á contratación total ou parcial das obras e actividades materiais precisas para o cumprimento dos contratos de xestión da biomasa que formalice, de acordo co previsto na lexislación de contratos do sector público, sen prexuízo da súa responsabilidade na organización e xestión dos traballos e da súa calidade técnica, tendo sempre a consideración de poder adxudicador nos contratos que deba subscribir para realizar as prestacións obxecto do encargo.

Na súa contratación das obras e prestacións forestais derivadas do presente convenio, Seaga deberá promover, de conformidade coa normativa de contratación pública, a participación da pequena e mediana empresa mediante a división en lotes e demais instrumentos previstos na lexislación de contratos.

Os concellos poderán participar no procedemento de contratación cando se trate de contratos menores para os efectos de poder ter en conta na contratación as peculiaridades forestais de cada concello.

Seaga será compensada pola Administración autonómica dos custos derivados da súa actuación, de acordo co indicado nesta cláusula, na cantidade non cuberta pola tarifa fixada para os particulares, con cargo ás cantidades previstas na cláusula quinta deste convenio. Para tal efecto a Consellería do Medio Rural transferirá o importe correspondente logo de xustificación de Seaga dos custos soportados pola súa actuación.

Sétima. Réxime xurídico do sistema público de xestión da biomasa nos montes ou terreos forestais incluídos nas redes de faixas secundarias de xestión de biomasa mediante a cooperación técnica para a execución subsidiaria das obrigas de xestión de biomasa forestal

1. Conforme o previsto na cláusula segunda, letra c), deste convenio, xunto á colaboración financeira para a xestión da biomasa forestal, mediante o presente convenio instruméntase, dados os obxectivos que legalmente teñen en común para a prevención dos incendios e xestión da biomasa de acordo coa Lei 3/2007, a colaboración técnica da Administración xeral da comunidade autónoma e os concellos para o exercicio das competencias que corresponden aos concellos de execución subsidiaria das obrigas de xestión da biomasa e de retirada de especies arbóreas prohibidas regulada no artigo 22 da lei citada, por razóns de eficacia e por contar a Administración autonómica con medios técnicos adecuados para o seu desempeño.

2. Para estes efectos, están incluídas no presente convenio para os concellos adheridos as seguintes actuacións:

a) Realización das seguintes actuacións documentais que sirvan de base aos actos xurídicos que integran os procedementos de aprobación dos plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais, definición e determinación das faixas secundarias e de declaración polos concellos adheridos da obriga de execución subsidiaria:

– Elaboración técnica da documentación necesaria para a aprobación do plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais e en particular, para o labor necesario para determinar e definir as faixas secundarias de xestión de biomasa da súa competencia.

– Preparar tecnicamente as comunicacións que conforme o artigo 22 da Lei de prevención de incendios deben ser enviadas ás persoas responsables polos concellos lembrando a obriga de xestión de biomasa e retirada de especies arbóreas, advertindo da execución subsidiaria con repercusión de custos no caso de que non se cumpran as ditas obrigas e, de ser o caso, comiso das árbores.

– Elaboración técnica do anuncio para ser publicado no DOG e BOE con indicación dos datos catastrais da parcela cando non se puidese determinar a identidade das persoas responsables ou resulte infrutuosa a dita comunicación.

– Elaboración técnica dos documentos base dos actos administrativos para iniciar o procedemento de execución subsidiaria das obrigas de xestión da biomasa e retirada de especies arbóreas.

– Elaboración técnica dos documentos base para dar traslado da resolución de execución subsidiaria ao órgano competente para incoar o procedemento sancionador para que se incoe o dito procedemento e se adopte a medida cautelar de comiso das especies arbóreas prohibidas.

– Preparar os documentos necesarios para proceder á venda das ditas especies arbóreas comisadas.

– Elaborar os documentos que permitan delimitar as zonas de actuación prioritaria e urxente nas cales o incumprimento das obrigas de xestión de biomasa e retirada de especies arbóreas prohibidas habilite a Administración pública competente para proceder de modo inmediato á execución subsidiaria de tales obrigas, pola presenza de factores obxectivos de risco.

A realización das actuacións sinaladas efectuaraa a Administración autonómica sen contraprestación ou compensación de custos por parte dos concellos, no marco dos principios de colaboración e cooperación entre administracións, tendo en conta a finalidade das partes de lograr os obxectivos que teñen en común e as consideracións de interese público que guían a actuación, sen prexuízo do disposto no número 4 desta cláusula.

b) Realización material das actuacións de xestión de biomasa, derivadas da resolución de execución subsidiaria dos traballos de xestión de biomasa adoptada polos concellos adheridos. Esta actuación de execución subsidiaria comprenderá a redacción do proxecto para a execución subsidiaria se fose necesario polas características da actuación ou doutro documento técnico que deba servir de base ás actuacións, así como a elaboración do documento/liquidación de custos da execución subsidiaria, que comprenderá todos os gastos ocasionados como consecuencia dela.

3. A actuación da Administración autonómica prevista na presente cláusula non supón cesión da titularidade das competencias das entidades locais adheridas nin dos elementos substantivos do seu exercicio, e será responsabilidade do concello encomendante ditar cantos actos ou resolucións de carácter xurídico dean soporte nos que se integre a concreta actividade material obxecto desta cláusula.

4. Para os efectos das actuacións materiais de execución subsidiaria e de acordo co previsto no artigo 22.4 da Lei 3/2007, en virtude do presente instrumento de colaboración considerarase como Administración actuante a Administración xeral da comunidade autónoma, polo que as cantidades que, de ser o caso, se perciban da venda das especies arbóreas incluídas na execución subsidiaria se destinarán ao Fondo de Xestión da Biomasa e Retirada de Especies previsto no artigo 22 bis da Lei 3/2007. O destino deste fondo será o de sufragar os custos das execucións subsidiarias que teña que realizar a Administración forestal autonómica.

Así mesmo, Seaga, como Administración actuante nestes casos de execución subsidiaria, percibirá o importe dos custos de xestión repercutidos á persoa responsable, que comprenderá todos os gastos ou custos en que se incorra como consecuencia desta. En particular, de acordo co establecido no artigo 22.4 da Lei 3/2007, para a liquidación dos custos correspondentes a cada parcela a Administración terá en conta a cantidade resultante de aplicar a parte proporcional á cabida da parcela do importe do correspondente contrato, encomenda ou custo dos traballos realizados na zona de actuación.

5. As obrigas que a Administración autonómica asume de acordo coa presente cláusula serán xestionadas por Seaga, de acordo cos seus estatutos, e esta executaraas, xa sexa de forma directa polos seus propios medios persoais, técnicos e materiais ou mediante a súa contratación total ou parcial de acordo co disposto na lexislación de contratos do sector público, sen prexuízo da súa responsabilidade na organización e xestión dos traballos e da súa calidade técnica, tendo sempre a consideración de poder adxudicador nos contratos que deba subscribir para realizar as prestacións obxecto do encargo. Todo isto sen prexuízo de que en calquera momento poida a Administración autonómica decidir exercelas directamente mediante os seus propios servizos ou medios técnicos, personificados ou non, ou contratalas, segundo o establecido na indicada lexislación de contratos do sector público.

Na súa contratación das obras e prestacións forestais derivadas do presente convenio, Seaga deberá garantir, en particular, a participación da pequena e a mediana empresa, mediante a división en lotes e demais instrumentos previstos na lexislación de contratos, de acordo coa normativa aplicable en materia de contratación pública.

6. Seaga será compensada pola Administración autonómica dos custos derivados da súa actuación, de acordo co indicado nesta cláusula, con cargo ao importes establecidos na cláusula quinta deste convenio. Para estes efectos, a Consellería do Medio Rural transferiralle o custo das actuacións en que incorra para realizar as actuacións documentais que sirvan de base aos actos xurídicos que integran os procedementos de aprobación dos plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais, definición e determinación das faixas secundarias e de declaración polos concellos adheridos da abriga de execución subsidiaria.

7. Cando a identidade da persoa responsable non sexa coñecida no momento de proceder á execución subsidiaria e, polo tanto, non sexa posible a exixencia e recadación dos custos dos traballos, a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, como Administración actuante, asumirá aqueles con cargo aos seus orzamentos, para o efecto de ser considerada beneficiaria da expropiación forzosa por incumprimento da función social da propiedade regulada no artigo 22.9 da Lei 3/2007, do 9 de abril.

Oitava. Obrigas específicas dos concellos adheridos a este convenio na execución subsidiaria da obriga de xestión de biomasa

Serán obrigas dos concellos adheridos ao sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias establecido no presente convenio, ademais das que derivan do resto das cláusulas do convenio, en particular, as seguintes:

a) Acordar o inicio do procedemento de execución subsidiaria de execución de biomasa nos supostas previstos pola lei.

b) Ditar a declaración que poña fin ao procedemento.

c) Acordar a execución subsidiaria das actuacións de xestión de biomasa.

d) Enviar toda a información que se lle solicite por ser necesaria para a realización das actuacións previstas na cláusula anterior.

e) Dar a súa conformidade aos proxectos técnicos que se redacten de acordo coa cláusula anterior, sempre que se axusten aos requisitos legais e técnicos aplicables.

f) Informar das actuacións de execución que puidese realizar a persoa obrigada despois da orde de execución subsidiaria.

Novena. Programación das actuacións en cada concello ou parroquia

1. A priorización e a programación das actuacións en cada concello ou parroquia efectuaraas a Comisión de seguimento do convenio.

2. Actuarase prioritariamente nos supostos de concellos e parroquias en que as faixas secundarias estivesen delimitadas. Para estes casos, Seaga efectuará unha proposta de actuacións concretas por concello e parroquia, incluíndo un plan de traballos e partidas e o cálculo orzamentario do custo de execución.

No caso de que as faixas secundarias non estivesen determinadas nun concello ou parroquia, as primeiras actuacións irán dirixidas á súa delimitación, de tal modo que, en canto non se aprobe o plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais e a consecuente definición das faixas secundarias, exista unha determinación das faixas que permita a directa aplicación das obrigas das persoas que resulten responsables derivadas do disposto no artigo 21 da Lei 3/2007, de acordo coa súa disposición transitoria terceira.

3. A proposta indicada no número anterior será aprobada pola comisión de seguimento do convenio e daráselle traslado ao concello, para os efectos de que este proceda á publicación do proxecto de actuacións e parcelas nas cales se prevén.

O anuncio indicará a posibilidade de adhesión voluntaria dos propietarios ao sistema mediante a formalización dos contratos de xestión da biomasa. Así mesmo, recordarase o necesario cumprimento das obrigas legais dos responsables da xestión da biomasa de acordo coa Lei 3/2003 e advertirase da posibilidade de execución subsidiaria no caso de incumprimento das indicadas obrigas.

4. As adhesións voluntarias das persoas interesadas mediante a formalización do modelo de contrato de xestión da biomasa serán tramitadas polos concellos. Para estes efectos os concellos recibirán os modelos de contratos formalizados e, despois da análise da documentación presentada e da comprobación do seu axuste ao réxime xurídico do servizo, remitiraos a Seaga.

Seaga, despois de comprobar o cumprimento dos requisitos legais, comunicará ao particular a súa aceptación, momento en que asumirá as obrigas de xestión da biomasa. Os prazos de ingreso da tarifa do servizo establecidos no anexo II deste convenio computaranse desde a comunicación da aceptación de Seaga.

5. Competerá ao concello o inicio dos procedementos de execución subsidiaria de acordo coa Lei 3/2007 respecto das persoas responsables legais da xestión da biomasa que non procedan voluntariamente á indicada xestión e non estean adheridas ao sistema público. Para estes efectos, Seaga poderá realizar aos concellos as propostas correspondentes tendo en conta a evolución e as necesidades dos traballos.

6. Á vista dos informes que vaia realizando Seaga sobre o progreso dos traballos, a comisión de seguimento poderá reprogramar as actuacións no concello ou parroquia.

7. Os protocolos de organización e funcionamento derivados da presente cláusula poderán ser desenvolvidos e precisados pola comisión de seguimento do convenio para velar pola máxima eficacia e coordinación das actuacións.

8. Os concellos poderán realizar achegas financeiras extraordinarias para financiar de forma completa actuacións íntegras no seu territorio, por concello ou parroquias. Neste caso, aceptado o ofrecemento pola Comisión de seguimento do convenio, priorizaranse e programarase a realización destas actuacións de xestión de biomasa.

Décima. Comisión de seguimento

1. Para o seguimento do presente convenio constituirase unha Comisión de seguimento composta por dúas persoas designadas por cada parte. Os representantes da Fegamp actuarán como canle para que os concellos poidan formular calquera cuestión á comisión de seguimento.

2. A Comisión de seguimento, de acordo co establecido no artigo 49.1.f) da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, é o instrumento para o seguimento, a vixilancia e o control do convenio e dos compromisos adquiridos polas persoas asinantes, e exercerá as súas funcións de acordo co establecido nos artigos 51.c) e 52.3 daquela.

3. En particular, correspóndenlle á Comisión de seguimento as seguintes funcións:

a) Recibir as solicitudes de adhesión ao sistema.

b) Valorar as solicitudes de adhesión e a determinación da preferencia para a adhesión no caso de concorrencia de solicitudes, de acordo cos criterios de prioridade sinalados neste convenio, tendo en conta, en todo caso, unicamente criterios técnicos derivados das necesidades da prevención e loita contra os incendios forestais.

A Comisión de seguimento adoptará o seu acordo expresando por cada concello as parroquias e superficie consideradas en cada caso e proporá á persoa titular da Consellería do Medio Rural o ditado da resolución de aceptación ou denegación da adhesión.

c) Programar a realización das actuacións previstas neste convenio, expresando, no ámbito de cada provincia, a priorización da relación de concellos e de parroquias de actuación, indicando as superficies máximas de actuación para cada parroquia cada e a modalidade de actuación, voluntaria ou de execución subsidiaria.

d) Aprobar as actuacións no ámbito de cada concello e parroquia, priorizando as que xa teñen as faixas delimitadas.

e) Reprogramar e reaxustar, se é o caso, as actuacións previstas cada dous meses, tendo en conta os avances nos plans de traballo aprobados presentados por Seaga.

f) Despois de analizar os resultados deste convenio, as partes comprométense a analizar a repartición actual de competencias para poder acadar unha maior eficacia no eido preventivo e de seguridade da poboación, promovendo as modificacións legais que se consideren necesarias.

4. As partes do presente convenio e os concellos adheridos comprométense a intentar a resolución por mutuo acordo, no seo da comisión de seguimento, de cantas diferenzas resulten da interpretación e cumprimento deste convenio, sen prexuízo da competencia da orde xurisdicional contencioso-administrativa para o coñecemento de todas as cuestións e litixios que puidesen xurdir.

5. Dar conta dos acordos tomados e da evolución dos traballos realizados en cada concello.

Undécima. Vixencia

Este convenio ten vixencia desde a data da súa sinatura ata o día 31 de decembro de 2021, salvo denuncia de calquera das partes antes da súa finalización.

Duodécima. Causas de resolución

De conformidade co establecido no artigo 51.2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, son causas de resolución deste convenio:

a) A renuncia de calquera das partes, formulada por escrito cun mes de antelación á data en que desexe a súa finalización.

b) O incumprimento das cláusulas do convenio.

c) O mutuo acordo das partes.

Décimo terceira. Modificacións

As modificacións deste convenio formalizaranse mediante addenda, cos mesmos requisitos e coas mesmas condicións que se exixen para a súa aprobación.

Décimo cuarta. Publicidade

1. En cumprimento do disposto na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno de Galicia, e no Decreto 126/2006, do 20 de xullo, polo que se regula o Rexistro de Convenios da Xunta de Galicia, a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza remitirá os datos necesarios para a publicidade do convenio e informará na páxina web oficial da devandita subscrición cos seguintes datos básicos:

a) Identificación das partes que interveñen.

b) Importe do financiamento.

c) Data da sinatura.

d) Finalidade.

e) Período de vixencia.

2. A sinatura do convenio implica a autorización expresa para o tratamento necesario dos datos e publicidade referida no número anterior. As partes asinantes do convenio manifestan o seu consentimento para que os datos persoais que constan neste convenio, así coma o resto das especificacións que contén poidan ser publicados no Portal da Transparencia e Goberno Aberto da Xunta de Galicia.

3. Tamén se publicará este convenio no Diario Oficial de Galicia, tal como fai referencia a cláusula terceira punto 4.

Décimo quinta. Natureza e réxime xurídico

1. Este convenio ten natureza administrativa e rexerase polo establecido na Lei 40/2015, do 1 de outubro, quedando excluído do ámbito de aplicación da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, en virtude do establecido no seu artigo 6.1.

2. Este convenio obriga ao cumprimento do expresamente pactado, someténdose as partes ao acordado en todas as estipulacións, e como proba de conformidade asínase, en tantos exemplares como partes, no lugar e data arriba indicados.

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural

Alfredo L. García Rodríguez
Presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias

Pablo Arbones Manciñeira
Director xerente da Empresa Pública
de Servizos Agrarios Galegos, S.A.

ANEXO I

Modelo de adhesión ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga en materia de prevención e defensa contra incendios forestais, para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias

Don/dona (nome e cargo), en nome e en representación do Concello ................... en virtude das facultades conferidas ………………………………..

DECLARA:

Que o (órgano competente do Concello) acordou, con data ..... de ................ de 2018, solicitar a adhesión ao Convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga en materia de prevención e defensa contra incendios forestais, para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias.

MANIFESTA:

A vontade do (Concello) de adherirse formal e expresamente a todas e cada unha das cláusulas do convenio mencionado, asumindo as obrigas e compromisos derivados del e con suxeición plena a todas elas.

(Lugar, data e sinatura)

ANEXO II

Réxime xurídico do sistema público de xestión da biomasa vexetal e retirada de especies arbóreas nas redes de faixas secundarias de xestión de biomasa de competencia municipal

1. Administración prestadora do sistema público de xestión da biomasa vexetal e retirada de especies arbóreas nas redes de faixas secundarias de xestión de biomasa establecido en virtude do convenio de colaboración.

De acordo co establecido na cláusula 2, letra b) do convenio, a Administración autonómica realizará a prestación do sistema público de xestión da biomasa nas parcelas incluídas nas redes de faixas secundarias de xestión de biomasa dos concellos adheridos, mediante a formalización de contratos de xestión da biomasa cos titulares dos montes.

En particular, de acordo co disposto no artigo 33.1 da Lei 1/2015, de garantía de calidade no servizos públicos, será aplicable a regulación e garantías establecidas no seu artigo 111, e consideraranse servizo público as actividades de prestación previstas no presente anexo, desenvolvidas pola Administración xeral da comunidade autónoma, no exercicio das súas competencias de prevención de incendios e xestión da biomasa, que asume como propias en virtude do presente convenio e conxunturalmente mentres estea este en vigor, sen prexuízo das competencias locais e das obrigas asumidas por estas de acordo co convenio, e poñeraas, baixo a súa responsabilidade, á disposición da cidadanía.

1.2. A Administración autonómica, como administración responsable da prestación da actividade prestacional, disporá, en todo caso, das potestades precisas para asegurar o bo funcionamento do servizo e garantir e regular a súa prestación, sen prexuízo do exercicio destas potestades, de ser o caso, conforme os acordos adoptados na Comisión de seguimento do convenio.

1.3. As competencias administrativas sobre o servizo serán exercidas pola Dirección Xeral de Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural, ou o órgano directivo de nivel equivalente que, de ser o caso, asuma as súas competencias, a través das xefaturas territoriais da devandita consellería.

1.4. Corresponderá á Dirección Xeral de Ordenación Forestal a elaboración da carta do servizo, que será elevada para a súa aprobación á persoa titular da Consellería do Medio Rural, consonte o previsto polo artigo 42 da Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración.

2. Ámbito territorial e temporal de prestación do servizo.

2.1. O servizo será prestado nos termos municipais dos concellos adheridos ao convenio de que forma parte integrante este anexo, ou nas parroquias daqueles que se determinen nos instrumentos de adhesión ao convenio.

2.2. O servizo terá carácter temporal e a súa duración coincidirá co período a que se estende a vixencia do convenio.

3. Obxecto do servizo e alcance das prestacións ás persoas usuarias.

O servizo ten por obxecto a realización material dos traballos necesarios para dar cumprimento á obriga de xestión da biomasa vexetal e retirada de especies arbóreas das persoas responsables nas redes de faixas secundarias de xestión de biomasa de competencia municipal, de acordo coas instrucións técnicas impartidas pola Dirección Xeral de Ordenación Forestal e no ámbito territorial e temporal definido no número anterior.

4. Forma de xestión do servizo.

O servizo será xestionado directamente pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a través do seu medio propio personificado Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (en diante, Seaga), en colaboración cos concellos en cuxos termos municipais aquel se preste.

Seaga poderá prestar a actividade de xestión da biomasa mediante os seus propios medios técnicos, persoais ou materiais, ou proceder á contratación total ou parcial das obras e actividades materiais precisas para o cumprimento dos contratos de xestión da biomasa que formalice, de acordo co previsto na lexislación de contratos do sector público, sen prexuízo da súa responsabilidade na organización e xestión dos traballos e da súa calidade técnica, tendo sempre a consideración de poder adxudicador nos contratos que deba celebrar para a realización das prestacións obxecto do encargo.

5. Persoas usuarias do servizo.

5.1. Poderán acceder á condición de usuarias do servizo as persoas ás cales, consonte o artigo 21 ter da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, corresponde a responsabilidade da xestión da biomasa vexetal e a retirada de especies arbóreas nas redes de faixas secundarias de xestión de biomasa de competencia municipal incluídas no ámbito territorial de prestación do servizo definido no número 2.1.

5.2. Ás persoas usuarias do servizo seralles de aplicación o estatuto xeral das persoas usuarias recollido no artigo 38 da Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración, ademais dos restantes dereitos e obrigas establecidos na regulación do servizo e nos contratos de prestación deste.

6. Acceso ao servizo.

6.1. O acceso á prestación do servizo será voluntario para os propietarios e efectuarase mediante a formalización dos contratos de xestión da biomasa.

A adhesión poderá realizarse a partir da publicación polo concello do proxecto concreto de actuacións e parcelas en que se prevén, de acordo co indicado na cláusula novena do convenio “Programación das actuacións en cada concello ou parroquia”.

As adhesións voluntarias das persoas interesadas realizaranse mediante a formalización do modelo de contrato de xestión da biomasa e serán tramitadas polos concellos.

6.2. A presentación da solicitude de prestación do servizo realizarase no modelo normalizado de uso obrigatorio polas persoas interesadas, que será publicado no DOG o día da publicación deste convenio, preferentemente por medios electrónicos. En todo caso, as persoas xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica, así como as persoas representantes destas, estarán obrigadas a presentar a solicitude por medios electrónicos, consonte o establecido polo artigo 14.2, alíneas a), b) e d), da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

6.3. As solicitudes de prestación do servizo irán acompañadas dos seguintes documentos e datos:

a) Acreditación da propiedade do predio ou da titularidade do dereito de aproveitamento daquela, se correspondese a unha persoa distinta á propietaria.

No caso das comunidades propietarias de montes veciñais en man común, as solicitudes deben incluír o acordo previo da asemblea xeral da comunidade propietaria, ben por medio de copia da acta da asemblea, ben por medio de certificación expedida pola persoa titular da secretaría da comunidade.

b) Referencia catastral do predio.

c) Modelo de contrato previsto no anexo II do convenio formalizado pola persoa interesada.

6.4. Os concellos adheridos ao convenio analizarán a documentación presentada e comprobarán o seu axuste ao réxime xurídico do servizo. En particular, comprobarán que as solicitudes de prestación do servizo cumpran os requisitos establecidos no número anterior e se refiran a predios situados nas redes secundarias de faixas de xestión da biomasa da súa competencia incluídas no ámbito territorial de prestación do servizo definido no número 2.1.

No prazo máximo dun mes desde a entrada da solicitude no rexistro electrónico do concello, ou desde que a persoa emende as eventuais faltas ou xunte os documentos preceptivos, aquel dará traslado da solicitude á Seaga e notificarallo á persoa interesada.

6.5. Seaga, unha vez recibida unha solicitude de prestación do servizo nos termos previstos polo número anterior, despois de comprobar o cumprimento dos requisitos legais, comunicará á persoa solicitante a súa aceptación, remitíndolle copia do modelo de contrato recollido no anexo III formalizado tamén coa sinatura do órgano competente da sociedade pública, momento en que asumirá as obrigas de xestión da biomasa. Os prazos de ingreso da tarifa do servizo computaranse desde a comunicación da aceptación de Seaga.

6.6. Seaga comunicará ao concello correspondente a formalización de todo contrato de prestación do servizo, coa indicación da referencia catastral do predio a que se refira, así como as circunstancias posteriores que afecten a vixencia ou a eficacia do contrato.

7. Contido dos contratos de prestación do servizo: obrigas das partes.

7.1. As relacións dos destinatarios da actividade prestacional prevista no convenio con Seaga, formalizada a través do contrato de xestión da biomasa previsto no anexo III, terán natureza xurídico-privada.

Os contratos de prestación do servizo preverán que, na súa virtude, Seaga asume, para todos os efectos legais, a responsabilidade da xestión da biomasa vexetal e a retirada de especies arbóreas que correspondese á persoa usuaria no predio a que se refira o contrato durante todo o prazo de vixencia deste.

7.2. Como consecuencia do establecido no número anterior, os contratos de prestación do servizo incluirán as seguintes obrigas de Seaga:

a) Realizar anualmente os traballos necesarios para a xestión da biomasa vexetal e a retirada de especies arbóreas no predio a que se refira o contrato, consonte as instrucións técnicas da Dirección Xeral de Ordenación Forestal e nos prazos legalmente previstos. Estas instrucións técnicas garantirán a calidade, de acordo coa técnica forestal, dos traballos que se van realizar.

b) Cumprir todos os requisitos administrativos preceptivos para a realización dos traballos a que se refire a alínea anterior. Para estes efectos, os contratos de prestación do servizo incluirán expresamente a atribución a Seaga da representación da persoa usuaria ante as administracións públicas competentes.

c) Comunicar á persoa usuaria coa antelación suficiente o comezo da realización dos traballos, así como o remate destes no prazo máximo de dez días desde que se produza.

7.3. Os contratos de prestación do servizo incluirán as seguintes obrigas da persoa usuaria:

a) Facilitar o acceso ao predio a que se refira o contrato do persoal e os medios facultados por Seaga para a prestación do servizo, logo de comunicación cursada por aquela.

b) Non obstaculizar a realización dos traballos necesarios para a prestación do servizo.

c) Aboar a tarifa prevista no número 9.

8. Duración dos contratos de prestación do servizo.

Os contratos de prestación do servizo terán un prazo de vixencia único que se estenderá desde a data da súa formalización ata o 31 de decembro de 2021, coincidente coa duración do convenio de colaboración. Así mesmo, incluirán unha cláusula que subordinen a súa vixencia á do convenio de colaboración de que derivan.

9. Réxime económico de prestación do servizo.

9.1. Para os efectos da sustentabilidade financeira do sistema público de xestión, establécese unha tarifa que deberá ser obxecto de aboamento polas persoas responsables do cumprimento das obrigas da xestión da biomasa que formalicen o contrato regulado neste réxime xurídico do servizo, consistente na cantidade de 350 euros por hectárea e ano.

Esta cantidade, uniforme para todas as persoas responsables fíxase como inferior aos custos económicos totais das actividades prestadas, de acordo co réxime económico xurídico do servizo que se recolle, tendo en conta o interese público presente na prevención dos incendios forestais.

A tarifas serán percibida por Seaga, como prestadora material da actividade.

A contía da tarifa concretarase nos contratos de prestación do servizo en proporción á cabida do predio. Para estes efectos, atenderase á cabida consignada no título de propiedade daquela ou, na súa falta, á que figure no catastro inmobiliario.

9.2. A tarifa aboarase anualmente a Seaga polos medios que esta determine, os cales deberán incluír necesariamente os medios electrónicos de pagamento enunciados no artigo 98.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. O primeiro pagamento efectuarase dentro dos 10 días seguintes á comunicación da aceptación de Seaga e sinatura por esta do contrato de prestación do servizo, que preverá expresamente que a súa eficacia queda condicionada á realización daquel. Os pagamentos sucesivos efectuaranse no primeiro mes de cada ano natural en que se vaian levar a cabo os sucesivos traballos de prestación do servizo.

Nos casos de falta de pagamento da tarifa establecida no contrato como contraprestación a cargo das persoas responsables das obrigas de xestión da biomasa, as cantidades debidas terán a consideración de créditos de dereito público, de acorde co previsto no artigo 39 da Lei 1/2015, cuxa recadación na vía executiva corresponderá aos órganos competentes da Administración, atendida a situación estatutaria das persoas destinatarias das prestacións e a responsabilidade última da Administración sobre a actividade.

9.3. Os maiores custos que supoña a prestación do servizo con respecto á tarifa establecida neste número serán compensados a Seaga pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia de acordo co establecido no convenio de colaboración.

10. Responsabilidade derivada da prestación do servizo.

10.1. A formalización dos contratos con Seaga determinará a asunción por esta das obrigas das persoas responsables da xestión da biomasa de acordo coa Lei 3/2007, sempre que as indicadas persoas responsables cumpran o previsto no réxime xurídico da actividade prestacional e no contrato.

10.2. A responsabilidade polos danos e perdas ocasionados ás persoas usuarias ou a terceiras persoas polas operacións necesarias para a prestación do servizo exixirase á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia mediante reclamación administrativa dirixida á persoa titular da Consellería do Medio Rural.

11. Causas de suspensión e finalización anticipada da prestación do servizo.

11.1. Os contratos de prestación do servizo preverán como causas de suspensión da prestación deste o incumprimento polas persoas usuarias das obrigas recollidas no número 7.3. A suspensión da prestación do servizo deixará en suspenso a asunción por Seaga da responsabilidade da xestión da biomasa vexetal e a retirada de especies arbóreas que correspondese á persoa usuaria desde que se lle comunique a esta por calquera medio que permita ter constancia da súa recepción. Así mesmo, Seaga comunicará ao concello correspondente a suspensión da prestación do servizo.

11.2. Os contratos de prestación do servizo preverán como causas de resolución o incumprimento reiterado pola persoa usuaria das obrigas recollidas no número 7.3 e a desistencia da persoa usuaria, que dará dereito á devolución da tarifa, se se tivese aboado e non se tivesen realizado os traballos da anualidade a que corresponda. A resolución do contrato comporta a finalización da prestación do servizo e, xa que logo, a recuperación pola persoa usuaria da responsabilidade da xestión da biomasa vexetal e a retirada de especies arbóreas desde que se lle comunique por calquera medio que permita ter constancia da súa recepción. Así mesmo, Seaga comunicará ao concello correspondente a finalización da prestación do servizo.

12. Suxestións e queixas das persoas usuarias.

As persoas usuarias poderán presentar suxestións e queixas en relación coa prestación do servizo a Seaga, que estará obrigada a trasladalas á correspondente xefatura territorial da Consellería do Medio Rural, ou ben a esta última directamente. De tratarse dunha queixa, a xefatura territorial elaborará unha proposta de resolución que elevará á Dirección Xeral de Ordenación Forestal para a súa resolución e notificación ao interesado no prazo máximo dun mes desde o seu traslado a aquela ou a súa recepción, en caso de presentación directa.

ANEXO III

Modelo de contrato de xestión da biomasa no marco do sistema público de xestión da biomasa vexetal e retirada de especies arbóreas nas redes de faixas secundarias de xestión de biomasa

En ..., ... de ... de ...

Dunha parte, Don/Dona ..., maior de idade, con DNI núm. ... e domicilio en ..., núm. de teléfono ..., enderezo de correo electrónico ..., actuando en nome propio/en nome e representación de ..., como acredita mediante copia de escritura de poder bastante (en diante, a persoa usuaria).

Doutra parte, a Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (en diante, Seaga), representada por Don/Dona ...

Acordan formalizar o presente contrato, de xestión da biomasa, no marco do Sistema público de xestión da biomasa vexetal e retirada de especies arbóreas nas redes de faixas secundarias de xestión de biomasa, (en diante, o servizo) á persoa usuaria no predio con referencia catastral ..., situado no temo municipal de ... (en diante, o predio), baixo as seguintes cláusulas:

Primeira. Obxecto do servizo

O servizo ten por obxecto a realización material dos traballos necesarios para dar cumprimento á obriga legal de xestión da biomasa vexetal e retirada de especies arbóreas que corresponde á persoa usuaria no predio, de acordo coas instrucións técnicas impartidas pola Dirección Xeral de Ordenación Forestal da Xunta de Galicia.

Segunda. Obrigas de Seaga

Seaga asume, para todos os efectos legais, a responsabilidade da xestión da biomasa vexetal e a retirada de especies arbóreas que correspondese á persoa usuaria no predio durante todo o prazo de vixencia deste contrato.

Como consecuencia, Seaga obrígase a:

a) Realizar anualmente os traballos necesarios para a xestión da biomasa vexetal e a retirada de especies arbóreas no predio, consonte as instrucións técnicas da Dirección Xeral de Ordenación Forestal e nos prazos legalmente previstos.

b) Cumprir todos os requisitos administrativos preceptivos para a realización dos traballos a que se refire o parágrafo anterior. Para estes efectos, polo presente contrato a persoa usuaria atribúe a Seaga a súa representación ante as administracións públicas competentes.

c) Comunicar á persoa usuaria con antelación suficiente o comezo da realización dos traballos, así como o remate destes no prazo máximo de dez días hábiles desde que se produza.

Terceira. Obrigas da persoa usuaria

A persoa usuaria obrígase a:

a) Facilitar o acceso ao predio a que se refira o contrato do persoal e os medios facultados por Seaga para a prestación do servizo, logo de comunicación cursada por aquela.

b) Non obstaculizar a realización dos traballos necesarios para a prestación do servizo.

c) Aboar a tarifa prevista na cláusula quinta.

Cuarta. Duración do contrato

O contrato terá un prazo de vixencia que se estenderá desde a data da súa formalización ata o 31 de decembro de 2021, coincidente coa duración do Convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia a Fegamp e Seaga en materia de prevención e defensa contra incendios forestais, para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias, no que se soporta a prestación deste servizo. Así mesmo, a súa vixencia estará subordinada á do convenio de colaboración de que deriva.

Quinta. Tarifa pola prestación do servizo

1. A prestación do servizo realizarase a cambio dunha tarifa anual de ... euros, que é o resultado de multiplicar 0,0350 pola superficie do predio expresada en metros cadrados (... metros cadrados).

2. A tarifa aboarase a Seaga polos medios que esta determine, os cales deberán incluír necesariamente os medios electrónicos de pagamento enunciados no artigo 98.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O primeiro pagamento efectuarase dentro dos 10 días seguintes á comunicación da aceptación de Seaga e sinatura por esta do contrato de prestación do servizo. A eficacia deste contrato queda expresamente condicionada á realización do pagamento. Os pagamentos sucesivos efectuaranse no primeiro mes de cada ano natural en que se vaian levar a cabo os sucesivos traballos de prestación do servizo.

Nos casos de falta de pagamento da tarifa establecida no contrato, as cantidades debidas terán a consideración de créditos de dereito público, de acorde co previsto no artigo 39 da Lei 1/2015, cuxa recadación na vía executiva corresponderá aos órganos competentes da Administración, atendida a situación estatutaria das persoas destinatarias das prestacións e a responsabilidade última da Administración sobre a actividade.

Sexta. Responsabilidade de Seaga pola prestación defectuosa do servizo

A formalización dos contratos con Seaga determinará a asunción por esta das obrigas das persoas responsables da xestión da biomasa de acordo coa Lei 3/2007, sempre que as indicadas persoas responsables cumpran o previsto no réxime xurídico da actividade prestacional e no contrato.

Sétima. Causas de suspensión da prestación do servizo

Seaga poderá suspender a prestación do servizo en caso de incumprimento pola persoa usuaria das obrigas recollidas na cláusula terceira. A interrupción da prestación do servizo deixará en suspenso a asunción por Seaga da responsabilidade da xestión da biomasa vexetal e a retirada de especies arbóreas que correspondese á persoa usuaria desde que se lle comunique a esta por calquera medio que permita ter constancia da súa recepción. Así mesmo, Seaga comunicará ao concello correspondente a suspensión da prestación do servizo.

Oitava. Causas de resolución do contrato e finalización da prestación do servizo

1. Serán causas de resolución do contrato:

a) O incumprimento reiterado pola persoa usuaria das obrigas recollidas na cláusula terceira, apreciada por Seaga.

b) A desistencia da persoa usuaria, que dará dereito á devolución da tarifa, se se tivese aboado e non se tivesen realizado os traballos da anualidade a que corresponda.

2. A resolución do contrato comporta a finalización da prestación do servizo e, xa que logo, a recuperación pola persoa usuaria da responsabilidade da xestión da biomasa vexetal e a retirada de especies arbóreas desde que se lle comunique por calquera medio que permita ter constancia da súa recepción. Así mesmo, Seaga comunicará ao concello correspondente a finalización da prestación do servizo.

Novena. Suxestións e queixas da persoa usuaria

A persoa usuaria poderá presentar suxestións e queixas en relación coa prestación do servizo a Seaga, que estará obrigada a trasladalas á correspondente xefatura territorial da Consellería do Medio Rural, ou ben a esta última, directamente.

Décima. Marco xurídico do presente contrato e normativa complementaria

O presente contrato baséase no Convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia a Fegamp e Seaga en materia de prevención e defensa contra incendios forestais, publicado no Diario Oficial de Galicia de data......., para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias, e na adhesión formalizada a este sistema polo concello en que se encontra o predio xestionado.

Polo exposto, o réxime xurídico do presente contrato intégrase co réxime xurídico do servizo establecido no anexo II do indicado convenio.

En particular, de acordo co disposto no artigo 33.1 da Lei 1/2015, de garantía de calidade no servizos públicos, será aplicable a regulación e garantías establecidas no seu artigo 111, e consideraranse servizo público as actividades de prestación previstas no presente contrato, desenvolvidas pola Administración xeral da comunidade autónoma, no exercicio das súas competencias de prevención de incendios e xestión da biomasa, que asume como propias en virtude do presente convenio e, conxunturalmente, mentres estea este en vigor, sen prexuízo das competencias locais e das obrigas asumidas por estas de acordo co convenio, e poñeraas, baixo a súa responsabilidade, á disposición da cidadanía.

A Administración autonómica, como administración responsable da prestación da actividade prestacional, disporá, en todo caso, das potestades precisas para asegurar o bo funcionamento do servizo e garantir e regular a súa prestación, sen prexuízo do exercicio destas potestades, se é o caso, conforme os acordos adoptados na comisión de seguimento do convenio.

Sen prexuízo do indicado, as relacións dos destinatarios da actividade prestacional prevista neste contrato con Seaga, como xestora directa do servizo, terán natureza xurídicoprivada.

O contido deste contrato integrarase co réxime xurídico dos servizos públicos de titularidade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia previsto no capítulo I do título III da Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración. En particular, á persoa usuaria seralle de aplicación o estatuto xeral das persoas usuarias recollido no artigo 38 da devandita lei.

Undécima. Xurisdición competente

Para a resolución dos litixios que, de ser o caso, resulten deste contrato, as partes sométense aos xulgados e tribunais con xurisdición no municipio de ..., con renuncia expresa aos que, por foro propio, lles puidesen corresponder.

E, en proba de conformidade, asinan este documento, en dobre exemplar e para un único efecto, no lugar e data indicados ao inicio.

ANEXO IV

Modelo de formalización da adhesión ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga en materia de prevención e defensa contra incendios forestais, para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias

Ángeles Vázquez Mejuto, conselleira do Medio Rural, en exercicio das atribucións conferidas no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia.

Don/Dona (nome e cargo), en nome e en representación do Concello ................... en virtude das facultades conferidas ………………………………..

DECLARAN:

Primeiro. Que, con data .................., publicouse no Diario Oficial de Galicia o Convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga en materia de prevención e defensa contra incendios forestais, para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias.

Segundo. Que, con data ....................., o Concello presentou a solicitude de adhesión ao Convenio, regulada na súa cláusula terceira.

Terceiro. Que a Comisión de seguimento acordou, tras a súa valoración, a aceptación da adhesión, propoñendo a esta á persoa titular da Consellería do Medio Rural.

Cuarto. Que, a través da Resolución do ..... de ............... de 2018, a persoa titular da Consellería do Medio Rural acepta a adhesión do Concello ...............................................

Por todo o exposto,

MANIFESTAN:

Primeiro. Que, a través de esta acto, se formaliza a adhesión do Concello de ..................... ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga en materia de prevención e defensa contra incendios forestais, para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias.

Segundo. Que o Concello de ....................... asume con esta adhesión as obrigas e compromisos derivados de todas e cada unha das cláusulas do convenio mencionado, con suxeición plena a todas elas.

(Lugar e data)

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural

Alcalde do Concello de ........................