Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Martes, 21 de agosto de 2018 Páx. 38741

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 3 de agosto de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións dos programas de fomento de mellora da eficacia enerxética e sustentabilidade en vivendas e de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas do Plan estatal de vivenda 2018-2021, e se convocan para o ano 2018, con carácter plurianual.

No Boletín Oficial del Estado núm. 61, do 10 de marzo de 2018, publicouse o Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021. Neste novo Plan de vivenda mantense a aposta polo fomento do alugamento e da rehabilitación iniciada polo Plan estatal 2013-2016. No ámbito específico da rehabilitación, regúlanse os programas de fomento da mellora da eficiencia enerxética e da sustentabilidade en vivendas e de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas.

No artigo 5 do citado Real decreto sinálase que corresponde aos órganos competentes das comunidades autónomas a tramitación e resolución dos procedementos de concesión e pagamento das axudas dos distintos programas do Plan, unha vez que se teña recoñecido o dereito das persoas beneficiarias a obtelas dentro das condicións e límites establecidos neste real decreto.

Por outra banda, a Comunidade Autónoma de Galicia comparte o criterio de establecer políticas públicas de rehabilitación e renovación do parque de vivendas de Galicia, atendendo a criterios de accesibilidade, de sustentación, de aforro enerxético, de mellora da calidade e de conservación dos elementos singulares das construcións existentes.

Con base no anterior, dítase esta resolución, onde se conteñen as bases reguladoras das citadas dúas liñas de axudas de rehabilitación e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2018, con carácter plurianual. Estas actuacións de rehabilitación poderán realizarse en vivendas e en edificios de tipoloxía residencial colectiva, situados tanto en ámbitos urbanos como rurais.

Esta resolución axústase ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

RESOLVO:

I. Disposicións xerais.

Primeiro. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán a concesión das seguintes axudas de rehabilitación (código de procedemento VI422E) previstas no Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021:

a) Liña A, axuda ao fomento de mellora da eficacia enerxética e da sustentabilidade en vivendas; a súa finalidade é financiar obras de mellora da eficiencia enerxética e da sustentabilidade, con especial atención á envolvente edificatoria.

b) Liña B, axuda ao fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas; a súa finalidade é financiar obras de conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas liñas de axudas para a anualidade 2018, con carácter plurianual.

3. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, de acordo co artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Definicións

Para os efectos da aplicación desta resolución, os termos incluídos neste artigo interpretaranse co significado e alcance seguintes:

a) Edificio de tipoloxía residencial colectiva: edificio composto por máis dunha vivenda, cuxo uso predominante sexa o residencial e onde cada vivenda conte coa correspondente referencia catastral.

b) Vivenda unifamiliar: vivenda situada nun edificio independente, cuxo uso predominante sexa o residencial e no que non existe ningunha outra vivenda, e que conte coa correspondente referencia catastral. As vivendas unifamiliares poden ser illadas ou agrupadas en fila.

c) Residencia habitual e permanente dunha unidade de convivencia: domicilio en que constan empadroados os seus integrantes.

d) Unidade de convivencia da persoa beneficiaria: conxunto de persoas que habitan e gozan dunha vivenda de forma habitual e permanente e con vocación de estabilidade, con independencia da relación que exista entre todas elas. Unha unidade de convivencia pode estar composta por varias unidades familiares. A composición da unidade familiar será a que se estableza na normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas (en diante, IRPF).

e) Persoa maior de 65 anos: aquela que na data de presentación da solicitude teña 65 ou máis anos.

f) Persoa menor de 35 anos: aquela que na data de presentación da solicitude non teña cumprido os 35 anos.

g) Persoa con discapacidade: interpretarase de conformidade co Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social.

h) Agrupación de persoas propietarias: é a agrupación, formalmente constituída, de persoas propietarias de edificios de tipoloxía residencial colectiva que reúnen os requisitos establecidos polo artigo 396 do Código civil e que non outorgasen o título constitutivo da propiedade horizontal. Estas agrupacións deberán dispoñer do seu correspondente número de identificación fiscal.

i) Indicador público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM): é o indicador definido no Real decreto-lei 3/2004, do 25 de xuño, para a racionalización da regulación do salario mínimo interprofesional e para o incremento da súa contía; considerarase unha unidade de medida para a determinación da contía dos ingresos familiares, no seu cómputo anual, incluíndo dúas pagas extras. Para os efectos destas axudas, tomarase en consideración o IPREM do ano que se especifique na correspondente convocatoria.

II. Bases reguladoras.

Terceiro. Requisitos das actuacións

1. Para poder ser subvencionables, as actuacións deberán ser realizadas en vivendas unifamiliares, en edificios de vivendas de tipoloxía residencial colectiva e nas vivendas situadas nestes edificios, sempre que estivesen finalizados antes do 1 de xaneiro de 1996.

2. Será requisito específico das actuacións que se realicen nas vivendas unifamiliares ou nas vivendas situadas en edificios de tipoloxía residencial colectiva que estas constitúan o domicilio habitual e permanente das súas persoas propietarias ou, de ser o caso, das persoas arrendatarias, no momento de solicitar a axuda deste programa.

3. Serán requisitos específicos das actuacións que se realicen en edificios de vivendas de tipoloxía residencial colectiva os seguintes:

a) Que, polo menos, o 70 % da súa superficie construída sobre rasante teña uso residencial de vivenda, excluída a planta baixa e/ou plantas inferiores, se ten ou teñen outros usos compatibles.

b) Que, polo menos, o 50 % das vivendas constitúan o domicilio habitual das persoas propietarias ou arrendatarias no momento de solicitar as axudas. Non se terá en conta este requisito, cando se trate dun propietario único que tivese que proceder ao realoxamento dos inquilinos para efectuar a rehabilitación, se ben deberá xustificar esta circunstancia, así como o compromiso de destinar as vivendas obxecto da rehabilitación ao domicilio habitual das persoas arrendatarias.

c) Que as actuacións conten co acordo da comunidade ou agrupación de comunidades de persoas propietarias ou da agrupación de persoas propietarias. Este requisito non se exixirá cando a propiedade do edificio corresponda a unha soa persoa física ou xurídica.

4. Cando sobre un mesmo elemento ou sistema construtivo se soliciten axudas que resulten subvencionables polas dúas liñas de axudas, deberán identificarse e desagregarse, debéndose adscribir a unha soa das dúas liñas.

5. As resolucións de convocatoria poderán incluír requisitos específicos relativos ao inicio e finalización das actuacións de rehabilitación.

6. O prazo para executar as obras virá fixado na resolución de concesión da subvención, sen que poida exceder de vinte e catro meses, contados desde a data de notificación da citada resolución. Este prazo poderase ampliar excepcionalmente, ata os vinte e seis meses, cando se trate de obras da liña A), para a mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade nos edificios de tipoloxía residencial colectiva, ou de actuacións que afecten a 40 ou máis vivendas.

Cando o prazo de execución fixado na resolución de concesión fose inferior ao sinalado no parágrafo anterior, este poderá ampliarse ata o citado prazo máximo, logo de solicitude da persoa ou entidade interesada, se concorresen causas que a xustifiquen e sempre que se conte coa correspondente dotación orzamentaria.

7. Para os efectos da determinación do custo total das actuacións subvencionables poderanse incluír as actuacións preparatorias que se teñan realizado antes da data da presentación da solicitude, o custo da redacción dos proxectos, os honorarios dos profesionais que interveñan, os informes técnicos e certificados necesarios e os gastos derivados da tramitación administrativa e outros gastos xerais similares, sempre que todos eles estean debidamente xustificados. No custo total das obras non se incluirán os gastos derivados de impostos, taxas e tributos. Na resolución de convocatoria estableceranse os límites temporais para subvencionar, de ser o caso, os custos correspondentes a execución de obras que fosen facturados e aboados con anterioridade á súa publicación.

8. O custo das actuacións subvencionables, incluíndo os gastos sinalados no número anterior, non poderán superar os custos medios do mercado, os cales se determinarán de conformidade coa última edición publicada da Base de prezos da construción de Galicia 2017 ou normativa que a substitúa.

9. Nas actuacións de reparación, rehabilitación ou conservación de fachadas, carpintaría exterior ou cuberta das edificacións seguiranse os criterios fixados na Guía de cor e materiais elaborada pola Xunta de Galicia.

Cuarto. Actuacións subvencionables da liña A), para o fomento da mellora da eficiencia enerxética e da sustentabilidades das vivendas

1. Consideraranse actuacións subvencionables da liña A) as seguintes:

a) A mellora da envolvente térmica da vivenda ou do edificio para reducir a súa demanda enerxética de calefacción ou refrixeración, mediante actuacións en fachada, cuberta ou calquera paramento da dita envolvente, de mellora do seu illamento térmico; a substitución de carpintarías e acristalamentos dos ocos e o cerramento ou acristalamento das terrazas con teito ou outras, incluíndo a instalación de dispositivos bioclimáticos e de sombreamento.

Nestas edificacións débese conseguir unha redución da demanda enerxética anual global, sobre a situación previa as ditas actuacións de, polo menos, un 35 % nas zonas D e E e un 25 % na zona C, correspondentes a zonas de clasificación climática establecidas no Código técnico da edificación (en diante, CTE). A dita redución poderase alcanzar de xeito conxunto ou complementario, de calefacción e refrixeración referida a certificación enerxética. Para a xustificación da demanda enerxética na situación previa e posterior a estas actuacións propostas, poderanse utilizar os programas informáticos recoñecidos conxuntamente polos ministerios con competencias en materia de Fomento e Enerxía, Turismo e Axencia Dixital que se atopan no Rexistro Xeral de Documentos Recoñecidos para a Certificación da Eficiencia Enerxética dos Edificios.

b) A instalación de sistemas de calefacción, refrixeración, produción de auga quente sanitaria e ventilación para o acondicionamento térmico ou o incremento da eficiencia enerxética dos xa existentes, mediante actuacións como: a substitución de equipos de produción de calor ou frío; a instalación de sistemas de control, regulación e xestión enerxética; o illamento térmico das instalacións de distribución e transporte ou a substitución dos equipos de movemento dos fluídos caloportadores; a instalación de dispositivos de recuperación de enerxías residuais; a implantación de sistemas de arrefriado gratuíto por aire exterior e de recuperación de calor do aire de renovación e a conexión de vivendas a redes de calor e frío existente, entre outros.

Para a xustificación da redución do consumo de enerxía primaria non renovable, poderase utilizar calquera dos programas informáticos recoñecidos conxuntamente polos ministerios con competencias de Fomento e Enerxía, Turismo e Axencia Dixital que se atopan no Rexistro Xeral de Documentos Recoñecidos para a Certificación da Eficiencia Enerxética dos Edificios.

c) A instalación de equipos de xeración ou que permitan a utilización de enerxías renovables como a enerxía solar fotovoltaica, biomasa ou xeotermia que reduzan o consumo de enerxía convencional térmica ou eléctrica da vivenda. Incluirá a instalación de calquera tecnoloxía, sistema, ou equipo de enerxía renovable, como paneis solares térmicos e solucións integrais de aerotermia para climatización e auga quente sanitaria, co fin de contribuír á produción de auga quente sanitaria demandada pola vivenda, ou a produción de auga quente para as instalacións de climatización.

Para a xustificación da mellora do consumo de enerxía primaria renovable, poderase utilizar calquera dos programas informáticos recoñecidos conxuntamente polos ministerios con competencias en materia de Fomento e Enerxía, Turismo e Axencia Dixital que se atopan no Rexistro Xeral de Documentos Recoñecidos para a Certificación da Eficiencia Enerxética dos Edificios.

d) As actuacións que melloren o cumprimento dos parámetros establecidos no documento básico do CTE, protección contra o ruído (DB-HR).

A xustificación da mellora de protección contra o ruído poderase realizar mediante as opcións do DB-HR ou cunha medición da situación posterior á actuación elaborada por un laboratorio ou entidade, de acordo co artigo 10.3 do Decreto 106/2015, de 9 de xullo, sobre contaminación acústica de Galicia.

e) As actuacións que melloren o cumprimento dos parámetros establecidos no documento básico do CTE, de salubridade (DB-HS) ou, na súa falta, as que afecten a elementos cuxo tratamento permita reducir de forma efectiva no interior da edificación a media anual de concentración de radón a niveis inferiores a 300 Bq/m3 ou en que, sen alcanzar o devandito nivel, se reduza a concentración inicial en, polo menos, nun 50 %.

A xustificación destas melloras faranse mediante os procedementos que se establezan no documento básico do CTE, de salubridade (DB-HS) ou, na súa falta, en virtude das medicións de comprobación dos correspondentes niveis, de acordo co establecido nas guías de seguridade 11.01 e 11.04, do Consello de Seguridade Nuclear.

2. Nos edificios de tipoloxía residencial colectiva, ademais das anteriores actuacións, serán subvencionables as seguintes:

a) A mellora da eficiencia enerxética das instalacións comúns de ascensores e iluminación, do edificio ou da parcela, mediante actuacións como a substitución de lámpadas e luminarias por outras de maior rendemento enerxético, xeneralizando, por exemplo, a iluminación LED, instalacións de sistemas de control de acceso e regulación do nivel de iluminación e aproveitamento da luz natural.

b) A mellora das instalacións de subministración e instalación de mecanismos que favorezan o aforro de auga, así como a implantación de redes de saneamento separativas no edificio e doutros sistemas que favorezan a reutilización das augas grises e pluviais no propio edificio ou na parcela ou que reduzan o volume de vertedura ao sistema público de rede de sumidoiros.

c) A mellora ou acondicionamento de instalacións para a adecuada recollida e separación dos residuos domésticos no interior dos domicilios e nos espazos comúns das edificacións.

d) O acondicionamento dos espazos privativos da parcela, co obxecto de mellorar a permeabilidade do chan, adaptar a xardinaría a especies de baixo consumo hídrico, optimizar os sistemas de rega e outras actuacións bioclimáticas.

e) As actuacións que fomenten a mobilidade sustentable nos servizos e nas instalacións comúns dos edificios ou urbanizacións, tales como a instalación de puntos de recarga de vehículos eléctricos nos aparcadoiros ou a adecuación de zonas e instalacións de aparcadoiros de bicicletas.

f) As instalacións de fachadas ou cubertas vexetais.

g) A instalación de sistemas de domótica e/ou sensórica.

Quinto. Actuacións subvencionables da liña B), para o fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas

1. Consideraranse actuacións subvencionables da liña B), para o fomento da conservación, as seguintes actuacións:

a) As relativas ao estado de conservación da cimentación, da estrutura e das instalacións.

b) As relativas ao estado de conservación de cubertas, azoteas, fachadas e medianeiras, incluíndo procesos de desamiantado.

c) As relativas á adecuación interior da vivenda unifamiliar, agrupada en fila ou en edificio de tipoloxía residencial colectiva, ás condicións mínimas de funcionalidade, habitabilidade, seguridade e hixiene legalmente exixidas.

2. Consideraranse subvencionables da liña B), para a mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade, as seguintes actuacións:

a) A instalación de ascensores, salvaescaleiras, ramplas ou outros dispositivos de accesibilidade, incluíndo os adaptados ás necesidades de persoas con discapacidade sensorial ou intelectual, así como a súa adaptación, unha vez instalados, á normativa sectorial correspondente.

b) A instalación ou dotación de produtos de apoio, tales como guindastres ou artefactos análogos, que permitan o acceso e uso por parte das persoas con discapacidade a elementos comúns do edificio, de ser o caso, tales como xardíns, zonas deportivas, piscinas e outros similares.

c) A instalación de elementos de información ou de aviso, tales como sinais luminosos ou sonoros, que permitan a orientación no uso de escaleiras, ascensores e do interior das vivendas.

d) A instalación de elementos ou dispositivos electrónicos de comunicación entre as vivendas e o exterior, tales como vídeo porteiros e análogos.

e) A instalación domótica e doutros avances tecnolóxicos para favorecer a autonomía persoal de persoas maiores ou con discapacidade.

f) Calquera intervención que facilite a accesibilidade universal nos espazos do interior das vivendas unifamiliares ou en edificios de tipoloxía residencial colectiva, así como nas súas vías de evacuación. Inclúense obras dirixidas á ampliación de espazos de circulación dentro da vivenda que cumpran coas condicións do CTE no referido a vivenda accesible, así como para mellorar as condicións de accesibilidade en baños e cociñas.

g) Calquera intervención que mellore o cumprimento dos parámetros establecidos no documento básico do CTE, de seguridade de utilización e accesibilidade (DB-SUA).

Sexto. Persoas e/ou entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta resolución:

a) As persoas físicas, así como as persoas xurídicas de natureza privada, xa sexan propietarias de vivendas unifamiliares, de edificios de tipoloxía residencial de vivenda colectiva e das vivendas ubicadas nestes edificios.

b) As comunidades de persoas propietarias, así como as agrupacións de comunidades de persoas propietarias, constituídas conforme o disposto polo artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal.

c) As agrupacións de persoas propietarias.

d) As sociedades cooperativas compostas por agrupacións de persoas propietarias de vivendas ou edificios que reúnan os requisitos establecidos no artigo 396 do Código civil e non outorgasen o título constitutivo de división horizontal, así como por persoas propietarias que conforman comunidades ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias, constituídas conforme o disposto no artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal.

e) As empresas construtoras, arrendatarias ou concesionarias de edificios, así como as cooperativas, que acrediten a dita condición mediante contrato coa propiedade que lles outorgue a facultade expresa para acometer as obras de rehabilitación obxecto das dúas liñas de axudas previstas nesta resolución.

f) As persoas físicas arrendatarias dunha vivenda que asuman, en virtude dun acordo coa persoa arrendadora, o custo das actuacións de rehabilitación que correspondan, a cambio do pagamento da renda.

2. No caso das axudas da liña A), para obras de mellora da eficiencia enerxética e a sustentabilidade, tamén poderán ser beneficiarias as empresas de servizos enerxéticos.

3. Para que as persoas físicas sexan beneficiarias deberán posuír a nacionalidade española. No caso das persoas estranxeiras deberán ter residencia legal en España.

4. Non poderán obter a condición de persoas ou entidades beneficiarias aquelas que estean incursas nalgunha das causas previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, xeral de subvencións, no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou a quen se lle revogase algunha das axudas contidas neste ou en anteriores plans de vivenda por causas imputables á persoa ou entidade solicitante.

5. No caso de que a persoa solicitante sexa unha comunidade ou agrupación de comunidades de propietarios/as ou agrupación de persoas propietarias, os requisitos sinalados nos números anteriores deberán cumprirse por todos os seus membros.

6. As persoas e/ou as entidades beneficiarias deberán destinar o importe íntegro da axuda ao pagamento das correspondentes actuacións. Cando se trate de comunidades e agrupacións de comunidades de persoas propietarias ou agrupación de persoas propietarias, esta regra resultará igualmente de aplicación, con independencia de que, tanto o importe desta como o custo das obras, deba repercutirse nas persoas propietarias de vivendas e locais, de conformidade coas regras previstas na lexislación de propiedade horizontal.

Non obstante o disposto no parágrafo anterior, cando algún dos membros da comunidade ou da agrupación de comunidades de persoas propietarias ou de agrupación de persoas propietarias incorra nunha ou varias das prohibicións establecidas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, non se atribuirá á devandita persoa propietaria a parte proporcional que lle correspondería da axuda recibida, que se ratearía entre os restantes membros da comunidade ou agrupación de comunidades de persoas propietarias ou da agrupación de persoas propietarias.

7. Para a determinación dos ingresos das persoas físicas beneficiarias e das súas unidades de convivencia partirase das contías da base impoñible xeral e do aforro, reguladas nos artigos 48 e 49, respectivamente, da Lei 35/2006, de 28 de novembro, do IRPF, correspondente á declaración ou declaracións presentadas no período impositivo que se defina na correspondente convocatoria. De non dispoñer da correspondente declaración, deberanse acreditar os ingresos mediante a presentación dunha declaración responsable, acompañada da documentación establecida no ordinal noveno.

Sétimo. Contía das axudas

1. Para a liña A), de fomento da mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade en vivendas:

a) A contía unitaria básica da axuda por vivenda unifamiliar non poderá superar os 12.000 euros. A contía máxima da subvención será de 18.000 euros, se na unidade de convivencia da persoa solicitante, propietaria ou arrendataria, promotora da actuación e residente na vivenda, hai unha persoa con discapacidade, e de 24.000 euros, se a discapacidade da persoa é dalgún dos seguintes tipos: con parálise cerebral, con enfermidade mental, con discapacidade intelectual ou con discapacidade do desenvolvemento, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 % ou con discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.

b) A contía máxima da subvención total que se conceda por edificio de tipoloxía residencial colectiva ou por vivenda situada neste tipo de edificios en ningún caso poderá superar o importe de multiplicar 8.000 euros por cada vivenda e 80 euros por cada metro cadrado de superficie construída de local comercial ou outros usos compatibles.

Para poder computar a contía establecida por cada metro cadrado de uso comercial ou outros usos será necesario que o predio correspondente participe nos custos de execución da actuación.

A contía máxima da subvención que se conceda por vivenda en edificio de tipoloxía residencial colectiva será de 12.000 euros, se na unidade de convivencia da persoa solicitante propietaria ou arrendataria, promotora da actuación e residente na vivenda, hai unha persoa con discapacidade e de 16.000 euros, se a discapacidade da persoa é dalgún dos seguintes tipos: con parálise cerebral, con enfermidade mental, con discapacidade intelectual ou con discapacidade do desenvolvemento, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 % ou con discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.

2. Para liña B), de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas:

a) A contía máxima da subvención para as actuacións de conservación non poderá superar os 3.000 euros por vivenda e 30 euros por metro cadrado de superficie construída de local comercial ou outros usos compatibles, cando se solicita só para actuacións de conservación.

b) A contía máxima da subvención para actuacións de mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade ou conxuntamente para estas últimas e para actuacións de conservación será 8.000 euros por vivenda e 80 euros por metro cadrado de superficie construída de local comercial ou outros usos compatibles.

Para poder computar a contía establecida por cada metro cadrado de uso comercial ou outros usos será necesario que os predios correspondentes participen nos custos de execución da actuación.

A axuda máxima para actuacións de mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade ou cando se realicen conxuntamente con actuacións de conservación será de 14.000 euros por vivenda, se na unidade de convivencia da persoa propietaria ou arrendataria, promotora da actuación e residente na vivenda, hai unha persoa con discapacidade, e de 17.000 euros se a discapacidade da persoa é dalgún dos seguintes tipos: con parálise cerebral, con enfermidade mental, con discapacidade intelectual ou con discapacidade do desenvolvemento, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 % ou con discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.

3. Ás axudas unitarias básicas sinaladas inicialmente nos números 1 e 2 deste artigo poderán sumarse 1.000 euros de axuda unitaria complementaria por vivenda para edificios de tipoloxía residencial colectiva ou en vivendas unifamiliares que estean declaradas ben de interese cultural (en diante, BIC), estean catalogados ou conten con protección integral no instrumento de ordenación urbanística correspondente. Neste caso e se ademais se trata de actuacións da liña A), de fomento da mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade en edificios de tipoloxía residencial colectiva, tamén poderán sumarse 10 euros de axuda unitaria complementaria por cada metro cadrado de superficie construída de uso comercial ou outros usos compatibles.

4. De conformidade co artigo 61 do Real decreto 109/2018, do 9 de marzo, as axudas unitarias previstas nos números 1 e 2 deste artigo incrementaranse nun 25 %, cando as persoas beneficiarias sexan menores de 35 anos e as actuacións se realicen en concellos de menos de 5.000 habitantes.

5. A contía máxima das subvencións non poderá superar o 40 % do custo subvencionable da actuación, que se poderá incrementar ata o 75 % do custo subvencionable, cando os ingresos da unidade de convivencia da persoa propietaria ou arrendataria, promotora da actuación e residente na vivenda sexan inferiores a tres veces o IPREM. Esta porcentaxe do 75 % do custo subvencionable tamén se aplicará no caso de actuacións para a mellora da accesibilidade, se na unidade da convivencia da persoa solicitante, propietaria ou arrendataria, promotora da actuación e residente na vivenda, hai unha persoa con discapacidade ou maior de 65 anos.

6. Cando as beneficiarias das axudas sexan empresas construtoras, arrendatarias ou concesionarias dos edificios, así como cooperativas que non estean compostas por agrupacións de persoas propietarias de vivendas ou edificios que reúnan os requisitos establecidos no artigo 396 do Código civil e non outorgasen o título constitutivo de división horizontal nin por persoas propietarias que conforman comunidades ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias constituídas, conforme o disposto no artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, a contía da axuda non poderá superar o 40 % do custo subvencionable.

Oitavo. Solicitudes

1. A solicitude realizarase mediante a presentación do modelo que se incorpora como anexo I a esta resolución, que está dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Deberá dirixirse á área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda ou o edificio.

2. As persoas ou entidades obrigadas a relacionarse a través de medios electrónicos, así como as súas persoas representantes deberán presentar a súa solicitude electronicamente, de acordo co establecido no artigo 14.2.b) e d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. No caso de que presentasen as súas solicitudes presencialmente, requiriráselle para que as emenden a través da súa presentación electrónica. Nestes casos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. As persoas físicas deberán presentar a súa solicitude preferiblemente por vía electrónica. Tamén poderán presentala en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

4. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

5. No modelo de solicitude a persoa ou entidade solicitante realizará as seguintes declaracións:

a) Declaración de que non obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de solicitar ou obter algunha outra axuda, deberá indicar cales e a súa contía.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida para esa mesma finalidade, así como o seu importe.

c) Declaración de que non se lle revogou algunha das axudas contidas neste ou en anteriores plans de vivenda por causas imputables á persoa ou entidade solicitante.

d) Declaración responsable de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

e) Declaración de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e ao artigo 9 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

f) Declaración de que todos os datos da súa solicitude son certos.

Noveno. Documentación necesaria para a tramitación do procedemento

1. Coa solicitude deberase achegarse a seguinte documentación:

a) De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa física ou xurídica ou entidade solicitante. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados

b) Escritura pública ou nota simple rexistral da/s vivenda/s no caso de persoas físicas solicitantes ou de agrupacións de persoas propietarias.

c) Copia da escritura da división horizontal inscrita no Rexistro da Propiedade, no caso das comunidades ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias.

d) Proxecto asinado por técnico competente ou, se non fose preciso para a autorización das obras, memoria descritiva das actuacións que se vaian realizar, que deberán identificar o edificio ou a vivenda, incluír fotografías onde se amosen os elementos que se rehabilitarán, así como o orzamento desagregado e detallado do investimento. Ademais deberán incorporar, se fose o caso, a xustificación do cumprimento da súa adecuación ao CTE e demais normativa de aplicación e, para as actuacións da liña A), os correspondentes documentos xustificativos do seu cumprimento definidos no ordinal cuarto.

e) Informe técnico con data anterior á presentación da solicitude de axuda, que acredite a necesidade da actuación.

f) Certificado do inicio das obras, no caso de obras iniciadas con anterioridade á data da publicación da resolución da convocatoria e sempre que se admita esta posibilidade.

g) Licenza municipal de obras, no caso de que sexa necesaria pola actuación que se vaia realizar. No suposto de non contar aínda coa licenza, achegarase a correspondente solicitude de licenza.

h) Comunicación previa ao concello, cando a actuación non estea sometida a licenza. No caso de ter transcorridos máis de quince días hábiles, contados desde a data da presentación da comunicación previa ao concello, esta deberá vir acompañada dunha declaración responsable da actuación de non ter sido requirido para a súa subsanación.

i) No caso de edificios declarados BIC, catalogados ou que conten con protección integral no instrumento de ordenación urbanística correspondente, documentación xustificativa destas circunstancias.

2. No caso de que a solicitante sexa unha persoa física propietaria ou arrendataria dunha vivenda unifamiliar ou unha vivenda en edificio de tipoloxía residencial colectiva ou unha comunidade ou agrupación de comunidades de persoas propietarias ou agrupación de persoas propietarias ou sociedades cooperativas compostas por as entidades o persoas sinaladas anteriormente, deberán presentar ademais, de ser o caso, a documentación seguinte:

a) Anexo II, de declaración responsable e comprobación de datos das persoas partícipes no custo subvencionable das obras e das persoas integrantes da súa unidade de convivencia.

b) Anexo III, de declaración responsable de ingresos das persoas integrantes da unidade de convivencia, no caso de non estar obrigados a presentar a declaración do IRPF, acompañada da seguinte documentación:

– Certificado de retribucións e retencións da empresa ou empresas nas cales estivese de alta no devandito exercicio.

– Certificado de pensións ou prestacións periódicas emitido polo correspondente organismo oficial, no caso de non ser outorgadas polo INSS.

– Certificado das entidades bancarias de rendementos do capital mobiliario.

c) Certificado de discapacidade das persoas partícipes nas obras e/ou das persoas integrantes das súas unidades de convivencia, no caso de non emitirse pola Xunta de Galicia.

d) Copia do contrato de alugamento na vivenda obxecto da actuación, con indicación da súa referencia catastral, para o caso de persoas arrendatarias promotoras da actuación.

e) Acordo asinado coa persoa propietaria onde conste a autorización para executar as obras e que a persoa arrendataria asume o custo destas, a cambio do pagamento da renda. Neste acordo deberá constar expresamente que entre as partes non existe parentesco en primeiro ou segundo grao de consanguinidade ou de afinidade nin que son socias ou partícipes de ningunha entidade conxunta.

f) Anexo IV, de certificado do acordo da comunidade ou agrupación de comunidades de persoas propietarias, do acordo da agrupación de persoas propietarias, ou do acordo do órgano reitor das sociedades cooperativas compostas polas entidades ou persoas sinaladas anteriormente, de solicitar a correspondente axuda, de nomear á persoa que as represente na tramitación do expediente e que, ademais, conteña o número de vivendas e a superficie total construída dos locais comerciais do edificio, con indicación da súa referencia catastral e das vivendas e locais que participan na actuación.

3. No caso de que a solicitante sexa unha empresa construtora, arrendataria ou concesionaria dos edificios, ou unha empresa de servizos enerxéticos e/ou sociedades cooperativas non compostas por comunidades ou agrupación de comunidades de persoas propietarias ou agrupación de persoas propietarias, deberán achegar, ademais da documentación sinalada no punto 1, a seguinte:

a) De ser o caso, certificado do acordo do órgano competente da entidade de solicitar a axuda.

b) Escritura de constitución e/ou estatutos vixentes, debidamente inscritos nos rexistros públicos correspondentes.

c) Xustificante do pagamento do último recibo do imposto de actividades económicas na actividade económica relacionada coa actuación obxecto da súa solicitude.

d) Contrato vixente, formalizado coa persoa propietaria ou propietarias do edificio que acrediten, segundo o caso, a relación xurídica existente entre a propiedade e a entidade solicitante, así como que a citada entidade solicitante está autorizada expresamente para poder executar as actuacións obxecto da axuda.

4. No caso de que a persoa promotora sexa unha persoa propietaria única dun edificio de tipoloxía residencial colectiva, deberá achegar ademais a seguinte documentación:

a) Memoria xustificativa da necesidade de realoxo das persoas inquilinas para efectuar a rehabilitación obxecto da solicitude de subvención, no caso de non cumprir o requisito de residencia establecido no ordinal terceiro punto 3.b) desta resolución.

b) Compromiso de destinar as vivendas obxecto de rehabilitación ao alugamento durante un período mínimo de 5 anos, contado desde a data de finalización das obras.

Décimo. Forma de presentación da documentación complementaria

1. As persoas xurídicas e as entidades, así como as súas persoas representantes obrigadas a relacionarse a través de medios electrónicos deberán presentar a documentación complementaria a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co establecido no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. No caso de que se presentara a documentación complementaria presencialmente, requiriráselles para que a emenden a través da súa presentación electrónica. Nestes casos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

2. As persoas físicas deberán presentar a documentación complementaria preferiblemente por vía electrónica. Tamén poderán presentala en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Para o caso de que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

4. As persoas ou entidades solicitantes responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas. Excepcionalmente, o IGVS poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o seu cotexo coa copia electrónica presentada.

5. No caso de que os documentos que se vaian presentar superen os tamaños máximos establecidos na sede electrónica ou teñan un formato non admitido, deberán seguirse para a súa presentación as instrucións da sede electrónica da Xunta de Galicia sinaladas no seguinte enderezo: https://sede.xunta.gal/axuda/como-podo

Décimo primeiro. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento nacional de identidade (en diante, DNI), número de identidade de estranxeiro (en diante, NIE) ou, de ser o caso, número de identificación fiscal (en diante, NIF) da persoa ou entidade solicitante e, de ser o caso, da persoa representante.

b) DNI ou NIE das persoas partícipes no orzamento protexible das obras, no suposto de actuacións promovidas por comunidades ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias ou pola agrupación de persoas propietarias.

c) DNI ou NIE das persoas membros das unidades de convivencia das persoas propietarias partícipes no orzamento protexible das obras.

d) Certificado de empadroamento da persoa solicitante ou, de ser o caso, das persoas que sexan membros de comunidades ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias ou pola agrupación de persoas propietarias e que participen no orzamento das obras, así como das persoas que compoñen as súas unidades de convivencia.

e) Certificados acreditativos de non ter débedas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (en diante, AEAT), coa Seguridade Social e/ou coa Comunidade Autónoma de Galicia, da persoa ou entidade solicitante ou, de ser o caso, das persoas que sexan membros de comunidades e agrupacións de comunidades de persoas propietarias ou pola agrupación de persoas propietarias que participen no orzamento protexible das obras, así como das persoas que compoñen as súas unidades de convivencia.

f) Certificado da renda expedido pola AEAT, da persoa solicitante ou, de ser o caso, das persoas que sexan membros de comunidades ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias ou pola agrupación de persoas propietarias e que participen no orzamento protexible das obras, así como das persoas que compoñen as súas unidades de convivencia.

g) Certificado do nivel de renda expedido pola AEAT, da persoa solicitante ou, de ser o caso, das persoas que sexan membros de comunidades ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias ou pola agrupación de persoas propietarias e que participen no orzamento protexible das obras, así como das persoas que compoñen as súas unidades de convivencia.

h) Certificado catastral de titularidade correspondentes á persoa solicitante ou, de ser o caso, das persoas que sexan membros de comunidades ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias ou agrupación de persoas propietarias.

i) Consulta descritiva e gráfica dos datos catastrais da vivenda ou vivendas en que se van levar a cabo as actuacións, que acredite o seu uso e o ano de construción, para as actuacións promovidas por comunidades ou por agrupación de comunidades de persoas propietarias ou por agrupacións de persoas propietarias ou polas sociedades cooperativas compostas polas entidades ou persoas sinaladas anteriormente, ou pola persoa física propietaria.

j) Alta no imposto de actividades económicas na actividade económica relacionada coa actuación obxecto da súa solicitude.

k) Permiso de residencia legal da persoa solicitante, cando sexa estranxeira, no caso de que fagan constar na solicitude que lle é de aplicación esta circunstancia.

l) Certificado das prestacións do Rexistro de Prestacións Sociais Públicas, incapacidade temporal e maternidade do Instituto Nacional da Seguridade Social, da persoa ou entidade solicitante ou, de ser o caso, das persoas que sexan membros de comunidades e agrupacións de comunidades de persoas propietarias ou pola agrupación de persoas propietarias que participen no orzamento protexible das obras, así como das persoas que compoñen as súas unidades de convivencia, no caso de que fagan constar na solicitude que lle é de aplicación esta circunstancia.

m) Certificado das percepcións da renda de integración social de Galicia da persoa solicitante ou, de ser o caso, das persoas que sexan membros de comunidades e agrupacións de comunidades de persoas propietarias ou pola agrupación de persoas propietarias que participen no orzamento protexible das obras, así como das persoas que compoñen as súas unidades de convivencia, no caso de que fagan constar na solicitude que lle é de aplicación esta circunstancia.

n) Importes das prestacións de desemprego percibidos pola persoa solicitante ou, de ser o caso, das persoas que sexan membros de comunidades e agrupacións de comunidades de persoas propietarias ou pola agrupación de persoas propietarias que participen no orzamento protexible das obras, así como das persoas que compoñen as súas unidades de convivencia, no caso de que fagan constar na solicitude que lle é de aplicación esta circunstancia.

ñ) Certificado acreditativo da discapacidade, para o suposto de que o documento deba ser expedido pola Xunta de Galicia, da persoa solicitante ou, de ser o caso, das persoas que sexan membros de comunidades ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias ou das agrupacións de persoas propietarias e que participen no orzamento protexible das obras, así como das persoas que compoñen as súas unidades de convivencia en que concorra a dita circunstancia e fagan constar na solicitude que lle é de aplicación. No suposto de tratarse dun documento non expedido pola Xunta de Galicia, deberá achegarse a correspondente documentación.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente, sempre que non se modificasen as súas circunstancias e a persoa interesada outorgue o seu consentimento expreso para que sexan consultados ou obtidos os ditos documentos, segundo o Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas, no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos, DOUE do 4 de maio).

3. No caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Décimo segundo. Órganos competentes para instruír e resolver o procedemento

1. A instrución do procedemento é competencia da área provincial do IGVS onde estea situado o edificio ou a vivenda en que se realicen as actuacións.

2. Corresponde á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver sobre a concesión das axudas solicitadas.

Décimo terceiro. Procedemento de concesión e requirimentos de emenda

1. O procedemento iniciarase de oficio, en réxime de concorrencia non competitiva, mediante a publicación da correspondente resolución de convocatoria.

2. O prazo de presentación de solicitudes será establecido na correspondente convocatoria.

3. Se a solicitude presentada non reunise os requisitos exixidos no ordinal oitavo e/ou non fose acompañada da documentación relacionada no ordinal noveno, requirirase a persoa ou a entidade solicitante para que no prazo de dez (10) días hábiles emende a falta e/ou achegue os documentos preceptivos, coa indicación de que, se así non o fixese, teráselle por desistido da súa petición, de conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

4. De conformidade co establecido nos artigos 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os requirimentos de emenda poderanse facer mediante publicación no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará na páxina web do IGVS.

5. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, a persoa ou a entidade solicitante poderá ser requirida para que presente cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

6. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, a persoa ou entidade solicitante non poderá modificar a súa solicitude, aumentando o importe do custo das actuacións nin variando os tipos de actuacións que se realicen.

7. O órgano instrutor remitirá o expediente ao servizo técnico das áreas provinciais para a elaboración dun informe, en que se definirá a tipoloxía das actuacións requiridas, o prazo máximo de execución e o orzamento da actuación.

8. Unha vez completado o expediente e logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, a persoa titular da correspondente área provincial do IGVS emitirá informe sobre o cumprimento dos requisitos e elevará a proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, quen resolverá o que segundo en dereito proceda.

Décimo cuarto. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas ou as entidades interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos logo da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos, accedendo á carpeta do cidadán da persoa ou da entidade interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas non estean obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo quinto. Resolución e recursos

1. O prazo para resolver a concesión da axuda será de tres (3) meses, contados desde a data de presentación da solicitude. Finalizado o citado prazo establecido sen que se dite e notifique a resolución, as persoas ou entidades solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

2. A resolución estimatoria indicará as actuacións subvencionables, o seu custo, a contía da subvención concedida, as condicións que se deberán cumprir para a execución da obra, así como o prazo para a súa finalización.

Para o caso de que a subvención se configurase con carácter plurianual, a resolución de concesión fixará os importes da subvención correspondentes a cada unha das anualidades, que deberán ser xustificados na forma sinalada no ordinal décimo oitavo desta resolución. O importe dos pagamentos á conta non poderá ser superior, en ningún caso, ao 80 % do total da subvención, nin superar o importe máximo de 18.000 euros, nin exceder da anualidade prevista para cada exercicio orzamentario na resolución de concesión.

3. Para os efectos da concesión das axudas, terase en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes no rexistro da correspondente área provincial do IGVS; considerarase data de presentación aquela en que a solicitude quedase validamente presentada, por terse cuberto na forma correcta e vir acompañada da totalidade dos documentos exixidos nesta resolución e na convocatoria. Non obstante o anterior, se as citadas solicitudes, dentro do prazo previsto na correspondente convocatoria para a súa presentación, fosen complementadas co achegamento da licenza ou, de ser o caso, da declaración responsable, terán como data de presentación aquela en que se achegase a citada documentación. As solicitudes que, vencido o prazo de presentación, fosen complementadas nos termos indicados, considéranse, en aras á prelación que se indica no parágrafo seguinte, como en posesión de solicitude de licenza ou, de ser o caso, de simple comunicación previa.

Dentro das solicitudes presentadas, terán prioridade aquelas que, dentro do prazo de presentación de solicitudes, conten con licenza de obras ou comunicación previa, acompañada da declaración responsable prevista no ordinal noveno punto 1.h) e, finalmente, as que só conten con solicitude de licenza ou con comunicación previa.

4. Contra a resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS. O prazo de interposición deste recurso será dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

Décimo sexto. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou, de ser o caso, a obtención concorrente doutras subvencións e axudas, fóra dos casos permitidos por esta resolución, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da subvención ou a súa revogación.

2. En todo caso, a modificación da resolución de concesión realizarase nos termos do artigo 35 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Décimo sétimo. Causas de denegación

1. Será causa de denegación da solicitude de subvención o incumprimento dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras e no resto da normativa que resulte de aplicación.

2. Así mesmo, serán denegadas aquelas solicitudes que non dispoñan de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución. O criterio que, de ser o caso, se utilizará para os efectos de determinar respecto a que expedientes se esgota o crédito será o previsto no ordinal décimo quinto número 3.

Décimo oitavo. Xustificación da subvención

1. As persoas ou as entidades beneficiarias deberán comunicar á correspondente área provincial do IGVS o remate das obras relativas a cada unha das anualidades previstas na resolución de concesión. A comunicación deberá realizarse nun prazo máximo de quince (15) días, contado, ben desde o día seguinte ao da finalización das obras, ben desde o remate do prazo máximo fixado na resolución de concesión da subvención para a terminación de cada anualidade das obras. A comunicación realizarase mediante a presentación do anexo V desta resolución.

2. A comunicación de execución parcial de obras deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Certificado de inicio das obras no caso de que non se presentase con anterioridade.

b) Memoria económica xustificativa do custo das actuacións realizadas, en que se faga constar o cumprimento das actuacións da anualidade que lle corresponda xustificar. Conterá a relación clasificada de gastos polas actuacións realizadas, coas correspondentes facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, onde consten a identificación do acredor, o seu importe e a súa data de emisión, así como os documentos que xustifiquen o seu pagamento. Para estes efectos, o seu pagamento deberá xustificarse mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados polo solicitante.

c) Memoria explicativa das obras realizadas asinada, se fose o caso, por persoa técnica competente.

d) Fotografías que mostren as obras realizadas.

e) Copia de tres orzamentos, de conformidade co establecido no artigo 31 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, no suposto de que o importe do gasto subvencionable da actuación supere a contía de 40.000 euros. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme a criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

f) Licenza de obras, no caso de actuacións sometidas a este réxime, sempre que non se achegase con anterioridade.

g) Declaración responsable da persoa solicitante de non ter sido obxecto de requirimento por parte do concello, no caso de actuacións sometidas ao réxime de comunicación previa. Para o caso de ter sido requirido, acreditación da persoa solicitante de que o dito requirimento foi atendido.

3. A comunicación final das obras deberá ir acompañada, ademais de coa documentación sinalada no punto anterior, coa seguinte documentación.

a) Certificado de finalización das obras e, cando proceda, as correspondentes autorizacións administrativas polas instalacións realizadas.

b) Declaracións doutros ingresos ou subvencións que financien a actividade subvencionada, con indicación do seu importe e da súa procedencia, de ser o caso.

c) No caso de actuacións da liña A), de mellora de eficiencia enerxética e sustentabilidade:

– Certificado de eficiencia enerxética obtido unha vez realizadas as actuacións en que se acredite a redución da demanda ou de consumo, emitido por técnico competente.

– Acta de medición que acredite a mellora das condicións de protección fronte ao ruído, se non se xustifica previamente mediante as opcións recollidas no documento básico de protección fronte ao ruído do CTE.

– Acta de medición da situación unha vez finalizadas as obras, que acredite o cumprimento da reducción de forma efectiva da concentración da media anual do radon no interior da vivenda, de non utilizar as solucións que recolla o documento básico de salubridade-protección fronte ao radón do CTE.

4. Esta documentación presentarase na mesma forma que a solicitude e a documentación complementaria.

5. Transcorridos os prazos indicados sen que as persoas ou entidades beneficiarias presenten a documentación xustificativa da anualidade correspondente, o órgano instrutor requiriralla para que a presente nun prazo improrrogable de dez (10) días.

6. En ningún caso se admitirá a presentación de documentación xustificativa, parcial ou final, da subvención con posterioridade ao 30 de novembro de cada unha das anualidades comprendidas na resolución de concesión, salvo que o requirimento sinalado no número anterior se fixese dentro dos dez (10) días anteriores a esa data.

7. No caso de que o ritmo de execución das obras fose diferente ao establecido na resolución de concesión, poderán reaxustarse as anualidades, logo de solicitude da persoa ou da entidade beneficiaria conforme o establecido no ordinal décimo cuarto desta resolución, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, sempre que exista dispoñibilidade orzamentaria para a súa realización.

8. No caso de non terse presentado a xustificación da anualidade correspondente nos prazos indicados, nin se tivera concedido un reaxuste das anualidades, perderase o dereito ao cobramento da parte da subvención correspondente á citada anualidade, o que será notificado á persoa ou ás entidades beneficiarias a través da oportuna resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

9. Unha vez presentada a documentación xustificativa e logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, a persoa titular da área provincial do IGVS emitirá certificado acreditativo das verificacións realizadas, en que se detallarán expresamente os principais requisitos exixidos nas bases reguladoras e o alcance das comprobacións practicadas e elevará unha proposta de pagamento á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, quen resolverá en atención aos recursos económicos dispoñibles.

Décimo noveno. Pagamento da subvención

Os pagamentos da subvención realizaranse mediante transferencia bancaria na conta de titularidade da persoa ou entidade beneficiaria, sinalada para estes efectos no anexo I.

Vixésimo. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias

Ademais das recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as persoas e as entidades beneficiarias terán as seguintes obrigas:

a) Executar a totalidade das actuacións subvencionadas dentro dos prazos máximos que se establezan na respectiva resolución de concesión, cumprindo as condicións e prescricións que nela se establezan.

b) Xustificar a execución coas facturas e documentos bancarios de pagamento en que se identifiquen as persoas ou as entidades beneficiarias.

c) Someterse ás actuacións de comprobación e inspección que o IGVS considere pertinentes ao longo do proceso de execución.

d) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

e) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

f) Subministrar ao IGVS, previo requirimento para o efecto, de conformidade co artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas no título I da citada lei.

g) No caso de propietario único do edificio, destinar as vivendas obxecto de rehabilitación ao alugamento durante un período mínimo de 5 anos, contado desde a finalización das obras.

h) Estar ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social no momento en que se aboen as subvencións.

i) As demais obrigas que se derivan desta resolución.

Vixésimo primeiro. Perda e reintegro da subvención

1. Serán causa de perda e reintegro da subvención, ademais das previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o incumprimento das obrigas recollidas no ordinal anterior. Así mesmo, poderá ser causa de perda da subvención a non comunicación ao órgano instrutor de calquera modificación das circunstancias determinantes do recoñecemento da subvención.

2. O incumprimento ou a falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da subvención comportará, ademais das sancións que puidesen corresponder, o reintegro da subvención percibida, incrementada co xuro legal correspondente desde o seu pagamento, máis o 25 %, segundo establece o artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. Conforme o artigo 36.2 da Lei 9/2007, do 13 xuño, os membros da comunidade de persoas propietarias e as persoas propietarias de edificios formalmente agrupadas que non tivesen outorgado o título constitutivo de propiedade horizontal responderán solidariamente da obrigación de reintegro, en proporción á súa respectiva participación na actuación.

4. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e, de ser o caso, para facer efectiva a devolución, será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Vixésimo segundo. Compatibilidades e incompatibilidades das subvencións

1. As persoas beneficiarias deste programa poderán compatibilizar estas axudas con outras subvencións concedidas para a mesma finalidade procedentes doutras administracións ou institucións, sempre que o importe de todas elas non supere o custo total das actuacións.

2. Non obstante o anterior, non poderán obter o financiamento correspondente a este programa as persoas beneficiarias das axudas do Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural, do Programa de fomento do parque de vivenda en alugamento e do Programa de fomento de vivendas para persoas maiores e persoas con discapacidade.

Vixésimo terceiro. Notificacións

1. As persoas xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica están obrigadas a recibir as notificacións das resolucións e demais actos administrativos por medios electrónicos. Para estes efectos, no anexo I deberán optar pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida unha opción diferente.

2. No caso das persoas físicas, as notificacións das resolucións e demais actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. Non obstante, deberán manifestar expresamente no anexo I a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). Sen prexuízo do anterior, poderán comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos. As notificacións que se practiquen en papel tamén estarán á disposición da persoa interesada a través da sede electrónica da Xunta de Galicia para que poida acceder ao seu contido de forma voluntaria.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude para estes efectos. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda a este.

5. Se a notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, o IGVS practicará a notificación por calquera outro medio dos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Vixésimo cuarto. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no DOG.

III. Convocatoria da anualidade 2018, con carácter plurianual.

Vixésimo quinto. Obxecto

A convocatoria para solicitar as subvencións da liña A), de fomento de mellora da eficacia enerxética e sustentabilidade en vivendas, e para a liña B), de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas, rexeranse polo establecido nesta resolución.

Vixésimo sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará, en todo caso, no momento de esgotamento do crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Vixésimo sétimo. Orzamento

1. As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo ás aplicacións orzamentarias 08.80.451A.770.2 e 08.80.451A.780.6 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, coa seguinte repartición plurianual:

Liñas de axudas

Aplicación

Importe 2018

Importe 2019

Importe 2020

Total

Liña A, de fomento de mellora da eficacia enerxética e sustentabilidade en vivendas

08.80.451A.770.2

Proxecto 2018 0005

100.000

100.000

100.000

300.000

08.80.451A.780.6

Proxecto 2018 0005

1.520.000

1.520.000

1.520.000

6.060.000

08.80.451A.780.6

Proxecto 2018 0001

500.000

500.000

500.000

Liña B, de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas

08.80.451A.770.2

Proxecto 2018 0006

100.000

100.000

100.000

300.000

08.80.451A.780.6

Proxecto 2018 0006

1.400.000

1.400.000

1.400.000

5.700.000

08.80.451A.780.6

Proxecto 2018 0002

500.000

500.000

500.000

Total

4.120.000

4.120.000

4.120.000

12.360.000

2. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación por resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, tendo efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. A concesión das axudas estará supeditada ao efectivo financiamento por parte do Ministerio de Fomento, no marco do Plan estatal 2018-2021.

Vixésimo oitavo. Efectos retroactivos das axudas

As actuacións obxecto de financiamento non poderán estar iniciadas con anterioridade do 1 de xaneiro de 2018, de conformidade coa disposición transitoria terceira do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, e non poderán estar finalizadas con carácter previo á publicación desta resolución no DOG.

Vixésimo noveno. Datos fiscais e valor do IPREM para a concesión das axudas

Os datos fiscais que se avaliarán nesta convocatoria para a concesión das axudas serán os do exercicio económico 2017. Para a valoración das solicitudes utilizarase o valor do IPREM dese mesmo ano.

Trixésimo. Información básica sobre protección de datos de carácter persoal

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-IGVS coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e actualizar a información e contidos da carpeta do cidadán.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercitar outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Trixésimo primeiro. Remisión normativa

En todo o non recollido nesta resolución aplicarase o disposto nas seguintes normas:

a) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

b) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

c) Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal 2018-2021.

Trixésimo segundo. Habilitación para o desenvolvemento

Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta resolución, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisos para a xestión deste programa de axudas.

Trixésimo terceiro. Eficacia

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2018

Ethel María Vázquez Mourelle
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file