Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Xoves, 23 de agosto de 2018 Páx. 38967

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 82/2018, do 2 de agosto, polo que se regula a Comisión de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva en materia de espectáculos públicos, consonte o establecido na Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma de Galicia, que mantén a reserva para o Estado das competencias relativas á seguridade pública e a facultade de ditar normas que regulen os espectáculos taurinos. A materia de espectáculos públicos abrangue as actividades recreativas, tal e como sinalou o Tribunal Constitucional no Auto 46/2001, do 27 de febreiro.

Para o pleno exercicio desta competencia, o Real decreto 1640/1996, do 5 de xullo, regula o traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia na dita materia e mediante o Decreto 336/1996, do 13 de setembro, asumíronse as funcións e os servizos transferidos.

Con base na dita atribución competencial, promulgouse a Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia. O artigo 10 desta norma legal crea a Comisión de Espectáculos Públicos e Actividades Recreativas de Galicia.

Esta comisión configúrase como órgano consultivo de estudo, coordinación, seguimento e asesoramento das administracións autonómica e local nas materias reguladas na lei citada e atribúeselle, como a primeira das súas funcións, a audiencia no procedemento de elaboración das disposicións de carácter xeral específicas que se teñan que ditar en desenvolvemento dela e na súa modificación.

Na elaboración desta disposición observáronse os trámites previstos na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na restante normativa de obrigado cumprimento, entre os cales cabe destacar a audiencia aos sectores afectados e a publicación do texto, para alegacións, no Portal de transparencia e goberno aberto.

Finalmente, e de conformidade con todo o exposto anteriormente, cómpre destacar que, coa aprobación deste decreto, se dá pleno cumprimento aos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia que constitúen os principios de boa regulación establecidos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34.5 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia, de acordo co Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dous de agosto de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Este decreto ten por obxecto a regulación da Comisión de Espectáculos Públicos e Actividades Recreativas de Galicia, en cumprimento do disposto no artigo 10 da Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia.

Artigo 2. Natureza xurídica

De conformidade co artigo 10.1 da Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, a Comisión de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia é o órgano consultivo de estudo, coordinación, seguimento e asesoramento das administracións autonómica e local nas materias reguladas pola dita lei.

Artigo 3. Adscrición

De acordo co artigo 10.3 da Lei 10/2017, do 27 de decembro, a Comisión estará adscrita á consellaría competente en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas.

Artigo 4. Funcións

1. De conformidade co artigo 10.2 da Lei 10/2017, do 27 de decembro, a Comisión de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia terá as funcións seguintes:

a) A audiencia no procedemento de elaboración das disposicións de carácter xeral específicas que se teñan que ditar en desenvolvemento da Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, e na súa modificación.

b) A formulación de propostas sobre a interpretación, a aplicación e a modificación das disposicións que regulan os espectáculos públicos e as actividades recreativas e mais os establecementos ou espazos abertos ao público.

c) A emisión dos informes que se lle soliciten con carácter facultativo sobre a interpretación, aplicación e modificación das disposicións que regulan os espectáculos públicos e as actividades recreativas e mais os establecementos ou espazos abertos ao público.

d) A elaboración de recomendacións para mellorar a actuación e promover a coordinación das administracións autonómica e local nas materias reguladas pola Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia.

e) A emisión de informe sobre o proxecto de orde de determinación do horario xeral de apertura e peche dos establecementos abertos ao público e de inicio e finalización dos espectáculos públicos e actividades recreativas.

2. No desenvolvemento de todas as funcións da Comisión terase en conta de xeito transversal a integración da perspectiva de xénero e a promoción da igualdade entre mulleres e homes, tendo en conta especialmente a prohibición de calquera forma de promoción ou publicidade que incite ao machismo ou á discriminación por razón de identidade de xénero ou opción sexual.

Artigo 5. Composición

1. A Comisión de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia estará composta por unha presidencia, unha vicepresidencia e quince vogalías.

2. A presidencia correspóndelle á persoa titular da consellería competente en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas.

3. A vicepresidencia será exercida pola persoa titular da dirección xeral competente en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas.

4. As vogalías estarán formadas por:

a) Sete vogalías en representación da Administración autonómica ou das súas entidades instrumentais, cuxas persoas titulares deberán ter rango de director/a xeral ou equivalente, dos centros directivos competentes nas materias seguintes:

Industria

Administración local

Cultura

Turismo

Comercio e consumo

Sanidade

Deportes

As persoas titulares das vogalías poderán delegar a vogalía nunha persoa funcionaria que ocupe un posto de nivel, como mínimo, de xefatura de servizo adscrito á respectiva dirección xeral ou órgano equivalente de que sexan titulares.

No caso de ausencia ou de enfermidade e, en xeral, cando concorra algunha causa xustificada, as persoas titulares das vogalías serán substituídas por aquelas designadas pola persoa titular do órgano superior de que depende a persoa titular da vogalía.

b) Dúas vogalías en representación da Federación Galega de Municipios e Provincias, por proposta da dita federación.

c) Seis vogalías en representación dos sectores de espectáculos públicos e actividades recreativas, veciñanza e consumidores e usuarios, que corresponderán a:

– Dúas persoas representantes das entidades máis representativas do sector dos espectáculos públicos.

– Dúas persoas representantes das entidades máis representativas do sector das actividades recreativas.

– Unha persoa representante das entidades da veciñanza máis representativas na Comunidade Autónoma de Galicia.

– Unha persoa representante das entidades de persoas consumidoras e usuarias máis representativas na Comunidade Autónoma de Galicia.

En caso de ausencia ou de enfermidade e, en xeral, cando concorra algunha causa xustificada, as persoas titulares das vogalías serán substituídas por aquelas designadas pola entidade a que representan.

5. A secretaría será exercida por unha persoa funcionaria ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma que ocupe un posto de traballo con nivel, como mínimo, de xefatura de servizo, que será nomeada pola persoa titular da consellería competente en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas e actuará con voz pero sen voto.

Nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade, a persoa que exerza a secretaría será substituída por outra persoa funcionaria que ocupe un posto de traballo con nivel, como mínimo, de xefatura de servizo, que será nomeada pola persoa titular da consellería competente en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas e actuará con voz pero sen voto.

6. De conformidade co artigo 10.4 da Lei 10/2017, do 27 de decembro, na composición da Comisión deberá procurarse unha presenza equilibrada entre mulleres e homes.

Artigo 6. Nomeamento das persoas membros da Comisión

As persoas titulares das vogalías serán nomeadas pola persoa titular da consellería competente en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas por proposta da Secretaría Xeral da Presidencia no ámbito da Presidencia da Xunta de Galicia respecto das vogalías en representación dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, das diferentes consellerías para os demais vogais en representación da Administración autonómica, da Federación Galega de Municipios e Provincias respecto das vogalías en representación da dita federación e respecto das vogalías previstas no artigo 5.4.c) por proposta da dirección xeral con competencia en materia de espectáculos públicos, tendo en conta o seu grao de participación na elaboración da Lei 10/2017, do 27 de decembro, a representatividade que as entidades posúan, así como o ámbito territorial que abranguen.

Artigo 7. Duración do mandato das persoas membros da Comisión e causas de cesamento

1. As persoas que posúan a condición de membro da Comisión por razón do seu cargo perderán a dita condición cando cesen no cargo.

2. O resto das persoas membros cesarán polas seguintes causas:

a) Pola finalización do seu mandato, que terá unha duración de cinco anos, que poderá ser renovado por idénticos períodos de tempo. Una vez finalizado o seu mandato, permanecerán no desempeño das súas funcións ata o nomeamento das novas persoas membros.

b) Incapacidade permanente, física ou mental, que inhabilite para o exercicio das funcións inherentes á condición de membro do órgano colexiado ou falecemento.

c) Perda das condicións que determinaron o seu nomeamento.

d) Renuncia.

e) Remoción por incumprimento grave das súas obrigas.

De se produciren algunha das causas relacionadas anteriormente, a nova persoa membro designada posuirá esta condición durante o tempo que reste ata o remate da duración do mandato.

3. A competencia para acordar o cesamento correspóndelle á persoa titular da consellería competente en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas.

Artigo 8. Presidencia

1. Correspóndelle á presidencia da Comisión:

a) Desempeñar a representación da Comisión.

b) Acordar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias e fixar a orde do día, tendo en conta, de ser o caso, as peticións das demais persoas membros formuladas coa suficiente antelación.

c) Presidir as sesións, moderar o desenvolvemento dos debates e suspendelos por causas xustificadas.

d) Dirimir co seu voto os empates para os efectos de adoptar acordos.

e) Visar as actas e certificacións dos acordos do órgano.

f) Exercer cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de persoa titular da presidencia da Comisión.

2. A persoa que exerza a presidencia sempre terá a condición de membro da Comisión.

3. Nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, a persoa titular da presidencia será substituída pola persoa titular da vicepresidencia.

Artigo 9. Vicepresidencia

Correspóndelle á vicepresidencia da Comisión:

a) Substituír a persoa titular da presidencia nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal que concorra naquela.

b) Exercer cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de persoa membro da Comisión.

Artigo 10. Membros

1. Correspóndelles ás persoas membros da Comisión:

a) Recibir, coa antelación mínima establecida no artigo 12, a convocatoria que conteña a orde do día das reunións. A información sobre os temas que figuren na orde do día estará á disposición das persoas membros da Comisión coa antelación referida.

b) Participar nos debates das sesións.

c) Exercer o seu dereito ao voto e formular o seu voto particular, así como expresar o sentido do seu voto e os motivos que o xustifican.

d) Non absterse nas votacións aquelas que, pola súa calidade de autoridades ou persoal ao servizo das administracións públicas, teñan a condición de persoas membros natos da Comisión en virtude do cargo que desempeñan.

e) Formular rogos e preguntas.

f) Obter a información precisa para cumprir as funcións asignadas.

g) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición.

2. As persoas membros da Comisión non poderán atribuírse as funcións de representación recoñecidas a esta, agás que expresamente lles fosen outorgadas por unha norma ou por acordo validamente adoptado, para cada caso concreto, polo propio órgano.

3. En caso de ausencia ou de enfermidade e, en xeral, cando concorra algunha causa xustificada, as persoas membros titulares do órgano colexiado serán substituídas polas súas persoas suplentes, se as houber.

4. As organizacións representativas de intereses sociais poderán substituír as súas persoas membros titulares por outras, acreditándoo ante á secretaría da Comisión.

Artigo 11. Secretaría

Correspóndelle á secretaría da Comisión:

a) Asistir ás reunións, con voz pero sen voto.

b) Efectuar a convocatoria das sesións da Comisión por orde da súa presidencia, así como as citacións ás súas persoas membros.

c) Recibir os actos de comunicación das persoas membros co órgano e, polo tanto, as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos de que deba ter coñecemento.

d) Preparar o despacho dos asuntos e redactar e autorizar as actas das sesións.

e) Expedir certificacións das consultas, ditames e acordos aprobados.

f) Velar pola legalidade formal e material das actuacións do órgano colexiado, certificar as actuacións deste e garantir que os procedementos e regras de constitución e adopción de acordos son respectadas.

g) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de persoa titular da secretaria.

Artigo 12. Funcionamento da Comisión

1. De conformidade co artigo 10.5 da Lei 10/2017, do 27 de decembro, a Comisión de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia reunirase, como mínimo, unha vez ao ano e sempre que sexa necesario.

2. A convocatoria expresará a orde do día, irá acompañada da documentación necesaria para a deliberación dos asuntos incluídos na orde do día e fixará o lugar, día e hora da reunión, en primeira e segunda convocatorias, separadas, polo menos, por trinta minutos de diferenza, en previsión de que na primeira convocatoria non se acade o quórum de constitución. A dita convocatoria será realizada e recibida polas persoas membros cunha antelación mínima de sete días.

3. Para a válida constitución da Comisión, para os efectos da realización de sesións, deliberacións e toma de acordos, en primeira convocatoria requirirase a asistencia da presidencia e da secretaría ou, se for o caso, das persoas que legalmente as substitúan e da metade, polo menos, das súas persoas membros.

4. En segunda convocatoria considerarase validamente constituída cando, ademais da presidencia e da secretaría, ou das persoas que as substitúan, asista, polo menos, unha cuarta parte das súas persoas membros.

5. A Comisión adoptará os acordos por maioría simple de votos e, en caso de empate, decidirá o voto de calidade da persoa titular da presidencia.

6. A persoa que exerza a presidencia da Comisión poderá convocar ás sesións desta, por iniciativa propia ou por solicitude de calquera das persoas membros, persoas expertas, persoal asesor técnico ou representantes empresariais, sociais ou sindicais que poidan ter interese sobre cuestións concretas que se vaian tratar, que asistirán ás sesións con voz pero sen voto.

7. Cando estiveren reunidos, de maneira presencial ou a distancia, a persoa titular da secretaría e todas as persoas membros do órgano colexiado ou, se for o caso, as persoas que as suplan, poderanse constituír validamente como órgano colexiado para a realización de sesións, deliberacións e adopción de acordos sen necesidade de convocatoria previa, cando así o decidan todos os seus membros.

8. Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día, salvo que asistan todos os membros do órgano colexiado e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

Artigo 13. Actas

1. De cada sesión que realice a Comisión a persoa titular da secretaría levantará a acta, que especificará necesariamente as persoas asistentes, a orde do día da reunión, as circunstancias do lugar e tempo en que se realizou, os puntos principais das deliberacións, así como o contido dos acordos adoptados.

2. Na acta figurará, por solicitude das respectivas persoas membros do órgano, o voto contrario ao acordo adoptado, a súa abstención e os motivos que a xustifiquen ou o sentido do seu voto favorable. Así mesmo, calquera persoa membro ten dereito a solicitar a transcrición íntegra da súa intervención ou proposta, sempre que se refira a algún dos puntos da orde do día e achegue no acto, ou no prazo que sinale a persoa titular da presidencia, o texto que se corresponda fielmente coa súa intervención, e farase constar así na acta ou unirase copia a esta.

3. As persoas membros que discrepen do acordo maioritario poderán formular voto particular por escrito no prazo de corenta e oito horas contado desde o momento en que a persoa titular da presidencia dea por finalizada a sesión, que se lle incorporará ao texto aprobado.

4. Cando as persoas membros do órgano voten en contra ou se absteñan, quedarán exentas da responsabilidade que, de ser o caso, poida derivar dos acordos.

5. As actas aprobaranse na mesma sesión ou na inmediata seguinte; no entanto, a persoa titular da secretaría poderá emitir certificación sobre os acordos específicos que se adoptasen, sen prexuízo da ulterior aprobación da acta.

Nas certificacións de acordos adoptados emitidas con anterioridade á aprobación da acta farase constar expresamente tal circunstancia.

6. A persoa titular da secretaría elaborará a acta co visto e prace da persoa titular da presidencia e remitiraa a través de medios electrónicos ás persoas membros da Comisión, que poderán manifestar polos mesmos medios a súa conformidade ou reparos ao texto, para os efectos da súa aprobación e, en caso afirmativo, considerarase aprobada na mesma reunión.

Artigo 14. Uso de medios electrónicos

1. A Comisión poderá convocar os seus membros, constituírse, realizar as súas sesións, adoptar acordos e remitir actas utilizando medios electrónicos.

2. Agás que non resulte posible, as convocatorias serán remitidas ás persoas membros da Comisión a través de medios electrónicos, facendo constar nelas a orde do día xunto coa documentación necesaria para a súa deliberación cando sexa posible, as condicións en que se vai celebrar a sesión, o sistema de conexión e, de ser o caso, os lugares en que estean dispoñibles os medios técnicos necesarios para asistir e participar na reunión.

3. A convocatoria poderá efectuarse por medios electrónicos sempre que permitan deixar constancia do seu envío e posta á disposición do destinatario, da recepción ou acceso polo interesado, das súas datas e horas, do contido íntegro e da identidade fidedigna do remitente e destinatario dela. As persoas integrantes da Comisión deberán facilitar un dispositivo electrónico e/ou un enderezo de correo electrónico que servirán para o envío do aviso do envío e posta á disposición da convocatoria.

4. Presumirase que se produciu a comunicación da convocatoria aos interesados unha vez que transcorran 24 horas hábiles da posta á súa disposición da convocatoria.

5. As sesións da Comisión poderán realizarse presencialmente ou a distancia, por medios electrónicos, cando os seus membros se encontren en distintos lugares, sempre que quede acreditada a identidade dos seus membros, ou persoas que os suplan, o contido das súas manifestacións, o momento en que estas se producen, así como a interactividade e intercomunicación entre eles en tempo real e a dispoñibilidade dos medios electrónicos durante a sesión.

6. Nas sesións a distancia ou non presenciais poderán utilizarse medios electrónicos, incluídos os telefónicos e correo electrónico, así como audioconferencias e videoconferencias.

Artigo 15. Grupos de traballo

1. A Comisión de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia constituirá, cando menos, os grupos de traballo seguintes:

a) Grupo de traballo do sector dos espectáculos públicos.

b) Grupo de traballo do sector das actividades recreativas.

2. En todo caso, a composición e o funcionamento dos grupos de traballo determinaraos a propia Comisión e formarán parte deles as diferentes entidades representativas dos dereitos e intereses dos diversos sectores e colectivos que abranguen os espectáculos públicos e as actividades recreativas aínda que non sexan membros da Comisión.

3. Corresponderalles aos grupos de traballo, entre outras funcións, a elaboración de propostas para o seu debate no seo da Comisión nas específicas materias que teñan atribuídas, así como a análise das disposicións de carácter xeral que teñan que ser sometidas á audiencia do órgano colexiado regulado neste decreto.

Artigo 16. Réxime xurídico

A Comisión de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia rexerase polos preceptos básicos sobre órganos colexiados da Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico de sector público, pola regulación sobre órganos colexiados contida na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, pola Lei 10/2017, do 27 de decembro, polo presente decreto e polas disposicións ditadas en desenvolvemento deste.

Disposición adicional única. Réxime económico

1. As actuacións do órgano colexiado regulado neste decreto non xerarán incremento das consignacións orzamentarias do órgano superior con competencias en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia.

2. As persoas membros da Comisión de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia non percibirán ningún tipo de indemnización en concepto de asistencia a reunións.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas para ditar as normas necesarias en desenvolvemento deste decreto no relativo á organización en materias propias do seu departamento.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor ao mes da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dous de agosto de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza