Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 162 Luns, 27 de agosto de 2018 Páx. 39320

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

RESOLUCIÓN do 6 de agosto de 2018, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, pola que se dá cumprimento aos requisitos adicionais de publicidade establecidos nos artigos 82.2 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da dita lei, en relación co Plan básico autonómico de Galicia.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 26 de xullo de 2018, de conformidade co disposto nos artigos 50.8 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 102.8 do Regulamento da dita lei aprobado por Decreto 143/2016, do 22 de setembro, acordou aprobar definitivamente o Plan básico autonómico de Galicia, integrado polos seguintes documentos:

a) Memoria xustificativa dos seus fins, obxectivos e determinacións.

b) Planos de delimitación dos ámbitos de aplicación dos instrumentos de ordenación do territorio.

c) Planos de delimitación das afeccións sectoriais.

d) Plano de identificación dos asentamentos de poboación.

e) Ordenanzas tipo de edificación e uso do solo.

f) Catálogo.

De acordo co previsto nos artigos 82.2 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da dita lei, o acordo de aprobación definitiva do planeamento deberá publicarse, no prazo dun mes desde a súa adopción, no Diario Oficial de Galicia. Xunto coa publicación deste acordo, publicarase a referencia ao enderezo electrónico en que figurará o contido íntegro do plan a disposición do público.

Para tal efecto, a normativa e as ordenanzas do Plan básico autonómico incorpóranse como anexo ao Decreto 83/2018, do 26 de xullo, polo que se aproba definitivamente o Plan básico autonómico de Galicia, no que se sinala expresamente que o contido íntegro do Plan básico autonómico está dispoñible nos seguintes enderezos electrónicos:

Descargas: http://mapas.xunta.gal/visores/descargas-pba/

Visor: http://mapas.xunta.gal/visores/pba/

Así mesmo, consonte os artigos sinalados, deberá publicarse a indicación das medidas adoptadas para o seguimento dos efectos no ambiente da aplicación do plan e, cando proceda, o extracto elaborado con carácter previo á aprobación do documento, que incluirá os seguintes aspectos:

a) A xustificación da integración no plan dos aspectos ambientais.

b) A xustificación de como se tomaron en consideración no plan o estudo ambiental estratéxico, os resultados da información pública e das consultas e a declaración ambiental estratéxica, así como, se é o caso, as discrepancias xurdidas no proceso.

c) As razóns da elección da alternativa seleccionada, en relación coas alternativas consideradas.

En consecuencia e, en cumprimento do previsto nos artigos 82.2 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da dita lei,

RESOLVO:

Primeiro. Dar publicidade á presente resolución pola que se dá cumprimento aos requisitos adicionais de publicidade en relación co Plan básico autonómico de Galicia.

Segundo. En relación ao cumprimento dos aspectos exixidos polos citados artigos, sinálanse a continuación as cuestións requiridas, sen prexuízo de poder consultar toda a documentación que integra o expediente ambiental nos enlaces sinalados no corpo da presente resolución.

A. Medidas adoptadas para o seguimento dos efectos no ambiente da aplicación do Plan básico autonómico de Galicia.

O seguimento e avaliación do Plan básico autonómico de Galicia realizarase a través da análise dos seguintes indicadores, o que permitirá dispor de información permanente e actualizada sobre as repercusións das directrices de ordenación do territorio que promove.

Indicadores sobre o solo.

Variable

Aspecto

Indicador

Unidades

Solo

Cuberta do chan

Superficie agraria

% da superficie total

Superficie de pasteiros naturais

Superficie forestal

Superficie arbustiva forestal

Superficie natural

Superficie artificial

Superficie en desuso/abandonada

Superficie construída

Superficie de infraestruturas

Asentamentos

Asentamentos en relación a superficies de nova construción

Asentamentos en relación a superficies de novas infraestruturas

Agricultura e gandaría

Explotacións de gando

Cabezas de gando

Aproveitamento forestal

Ordenación

% superficie forestal ordenada/ sup. total

Especies autóctonas

% sup. especies autóctonas/sup. total

Erosión do chan pola auga

Perda de chan por erosión hídrica

Toneladas/ha/ano

Superficie agraria afectada

Hectáreas

Porcentaxe de superficie agraria afectada

% superficie agraria

Incendios forestais

Nº de incendios forestais

Superficie afectada

Hectáreas

Solos contaminados

Superficie de solos contaminados

Hectáreas

Porcentaxe de solos contaminados recuperados

% sobre total

Indicadores sobre a paisaxe, o patrimonio natural e o patrimonio cultural.

Variable

Aspecto

Indicador

Unidades

Paisaxe

Actuacións

Actuacións públicas e privadas na conservación, xestión e ordenación da paisaxe

Nº actuacións

Transformación

Porcentaxe de transformación da paisaxe

% superficie sobre total

Patrimonio natural

Áreas con limitacións

naturais

Total

%

Montaña

Outras

Superficie agraria

SAU total

Hectáreas

SAU ecolóxica certificada

%

SAU ecolóxica conversión

SAU baixa intensidade

%

SAU media intensidade

SAU alta intensidade

Bosques e outras terras forestais

Superficie total de bosques e outras terras forestais

Hectáreas

Aves en terras agrarias

Índice de aves en terras agrarias

Índice 2.000 = 100 (%)

Conservación da biodiversidade-hábitats relacionados con pasteiros

Favorable

% de valoración de hábitats

Desfavorable-inaxeitado

Desfavorable-malo

Descoñecido

Bosques protexidos

Clase 1.1. Sen intervención activa

% de superficie forestal

Clase 1.2. Mínima intervención

Clase 1.3. Conservación mediante xestión activa

Clase 2. Protección de paisaxes e elementos naturais específicos

Espazos protexidos de Galicia

Porcentaxe do territorio

% do territorio

Porcentaxe de SAU (incluído pasteiros naturais)

% SAU

Ordenación e xestión

Plans de ordenación e de xestión aprobados e en elaboración

Superficie natural protexida que conta cun plan de ordenación e xestión aprobado

% superficie natural

Actuacións públicas e privadas na conservación, xestión e ordenación de recursos naturais

Patrimonio cultural

Bens protexidos

Bens mobles

Bens inmobles

Rehabilitación

Espazos de interese histórico-cultural declarados, recuperados ou rehabilitados.

Ordenación

Actuacións públicas e privadas na conservación, xestión e ordenación de patrimonio cultural.

Patrimonio Mundial Unesco

Bens integrados en Unesco

Indicadores sobre a enerxía, o ciclo hídrico e o ciclo de materiais.

Variable

Aspecto

Indicador

Unidades

Ciclo hídrico

Dispoñibilidade da auga

Volume dispoñible per cápita

Litros/habitante/día

Captación e dispoñibilidade de auga

Miles m3

Distribución

Distribución auga por grandes grupos de usuarios

Litros/habitante/día

Consumo

Consumo de auga por sectores (servizos, industrial, agrícola e urbano).

Miles m3

Perdas

Porcentaxe de perdas nas redes de abastecemento e saneamento

%

Augas residuais

Recollida das augas residuais

Miles m3

Volume de augas residuais tratadas

Miles m3

Volume de auga reutilizada de augas residuais

Miles m3

Calidade

Calidade das augas, estado químico e estado ecolóxico

% de cumprimentos

Calidade das verteduras procedentes de augas residuais

% de cumprimentos

Superficie regada

SAU regada

%

Eficiencia do sistema de rega (goteo e aspersión)

SAU rega eficiente

%

Enerxía

Produción en enerxías renovables

Número de instalacións de enerxías renovables

Potencia eléctrica instalada de enerxías renovables

MW

Distribución

Distribución de enerxía eléctrica por sectores de uso

MWh

Consumo

Consumo de enerxía eléctrica en fogares e sectores de actividade

kWh

Consumo de gasolinas, gasóleos e fuelóleos

Toneladas

Ciclo dos materiais

Xeración de residuos

Produción declarada de residuos por tipo e grupo de actividade

Toneladas

RU recollidos

kg/habitante e ano

Recollida selectiva de papel

kg/habitante e ano

Recollida selectiva de envases

kg/habitante e ano

Recollida selectiva de vidro

kg/habitante e ano

Recollida selectiva de residuos eléctricos e electrónicos

kg/habitante e ano

Porcentaxe de RU reciclados-recuperados

%

Porcentaxe de RU rexeitados

%

Valorización de residuos

Materiais recuperados

Toneladas

Residuos incinerados

Toneladas

Eliminación de residuos

Residuos a vertedoiros

Toneladas

Dotación puntos limpos

Poboación con servizo de punto limpo

Nº habitantes

Indicadores sobre a atmosfera, o cambio climático e a mobilidade.

Variable

Aspecto

Indicador

Unidades

Atmosfera e cambio climático

Calidade do aire

Medio rural

Índice calidade

Medio urbano

Índice calidade

Emisións

Emisións de gases de efecto invernadoiro

CO2 equivalente (quilotoneladas)

Mobilidade

Tipo de vía

Lonxitude de estradas

Quilómetros

Lonxitude de vías de ferrocarril

Quilómetros

Lonxitude de itinerarios peonís preferentes

Quilómetros

Lonxitude de itinerarios ciclistas

Quilómetros

Lonxitude de vías de coexistencia

Quilómetros

Lonxitude itinerarios reservados ao transporte público

Quilómetros

Parque de vehículos

Densidade

Nº de vehículos por habitante e km2

Vehículos matriculados anualmente

Nº de vehículos/ano

Intensidade vehículos

Intensidade de vehículos nas estradas

Nº vehículos/día

Intensidade de vehículos nos núcleos urbanos

Nº vehículos/día

Uso do transporte

Persoas que se desprazan habitualmente en vehículo privado

%

Persoas que se desprazan habitualmente en vehículo público

%

Liñas de transporte público no rural

Liñas de transporte público nas zonas metropolitanas e urbanas

Emisións

Emisións de CO2 do sector transporte

CO2 equivalente (quilotoneladas)

Outros indicadores.

Variable

Aspecto

Indicador

Unidades

Socioeconomía

Poboación

Poboación total

Habitantes

Poboación medio rural

% do total

Poboación medio urbano

Poboación no litoral

Poboación no interior

Densidade de poboación

Hab./km2

Socioeconomía

Territorio

Territorio total

km2

Territorio rural

% do total

Territorio urbano

Territorio litoral

Territorio interior

Estrutura de idades

Poboación total > 15 anos

% poboación total

Poboación total 15-65 anos

Poboación total > 65 anos

Poboación rural > 15 anos

% poboación rural

Poboación rural 15-65 anos

Poboación rural > 65 anos

Poboación urbana > 15 anos

% poboación urbana

Poboación urbana 15-65 anos

Poboación urbana > 65 anos

Emprego

Taxa de emprego total (16-64 anos)

%

Taxa de emprego masculino (16-64 anos)

Taxa de emprego feminino (16-64 anos)

Taxa de emprego rural (16-64 anos)

%

Taxa de emprego urbana (16-64 anos)

%

Turismo

Establecementos hoteleiros e de turismo rural abertos por categoría

Nº establecementos

Prazas estimadas dos establecementos hoteleiros e de turismo rural por categoría

Nº prazas

Grao ocupación por prazas en establecementos hoteleiros e de turismo rural por categoría

% ocupación

Equipamentos e servizos básicos

Poboación conectada a rede abastecemento auga

% sobre total

Poboación conectada a sistema de saneamento

% sobre total

Superficie de zonas verdes, servizos básicos e equipamentos en relación á poboación

% sup./poboación total

Zonas verdes con especies autóctonas

% superficie

Vivenda

Construción de vivendas libres e protexidas

Vivendas baleiras e desocupadas

Vivendas rehabilitadas zonas urbanas

Vivendas rehabilitadas zonas rurais

Planificación territorial

Desenvolvemento e implantación

Número de PBM aprobados

que desenvolven o modelo territorial do PBA

Porcentaxe de PXOM actualizados incorporando os criterios do PBA

% sobre total PXOM aprobados previo a PBA

Porcentaxe de superficie ordenada segundo PBA

% sobre total

Número de concellos de menos de 5.000 habitantes que desenvolven o PBA

B. Extracto no que se inclúen os seguintes aspectos:

1. Integración dos aspectos ambientais e do estudo ambiental estratéxico no plan.

1.1. Xustificación da integración de criterios ambientais no plan.

A continuación realizarase unha xustificación dos criterios ambientais que foron incluídos tanto na parte xustificativa como na parte reguladora do Plan básico autonómico, en función das variables ambientais e das ordenanzas.

Aínda que se incorporaron pautas ambientais en varios puntos da normativa, unha proporción importante recóllese nas seccións de «condicións particulares» e especialmente na de «normas de protección e adaptación ao ambiente» presente na maioría das ordenanzas, segundo o artigo 100.3.e) do Decreto 143/2016, do 22 de setembro (RSLG), polo que se aproba o Regulamento que desenvolve a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG).

Para desenvolver o punto, de cada aspecto ambiental faise referencia ás medidas relacionadas contidas na normativa ou na memoria, e a continuación, engádense algunhas recomendacións vinculadas cos obxectivos ambientais do plan, que poden servir de directrices orientativas non só para a elaboración de plans básicos municipais, senón tamén para a redacción de futuros PXOM e como apoio para os plans xerais existentes.

Sobre o solo.

En relación á ocupación do solo, na memoria recórdase a necesidade de completar os baleiros urbanos e recuperar as edificacións existentes promovendo a concentración das actuacións cara ao interior dos núcleos fronte ás novas expansións; nas disposicións xerais do plan incorpórase a referencia de que a delimitación de solos urbanos e rurais nos plans básicos municipais deberá seguir criterios de contención e axustarse á realidade; na ordenanza de solo urbano residencial extensivo inclúense medidas para favorecer a compactidade dos núcleos; na de solo urbano industrial e terciario danse pautas para axardinar ou empregar os pavimentos axeitados nos espazos libres; e na de solo de núcleo rural tradicional exíxese que as novas edificacións completen as tramas rurais existentes e respecten e continúen as aliñacións consolidadas. Ademais, en varios puntos da normativa inclúese o requirimento de que as construcións se integren na topografía realizando os mínimos movementos de terra, e de que se realice nalgúns casos un estudo de detalle para a definición de tipoloxías e parámetros de ocupación do solo.

Neste sentido, é importante, ademais de promover a rehabilitación, axustar o consumo de solo ás características territoriais e socioeconómicas do ámbito, controlando non só as ocupacións visibles, senón tamén as ocupacións baixo rasante, que interfiren, entre outras cousas, na calidade e drenaxe dos solos. Doutra banda salientar os efectos positivos de promover que nunha parte das parcelas se manteñan os terreos sen ocupar e no seu estado natural.

En canto á forma de ocupación, destaca a posibilidade de que as novas intervencións sexan congruentes coa ocupación existente no núcleo, e que, especialmente no caso dos núcleos rurais tradicionais, as posibles reparcelacións respondan á estrutura parcelaria existente.

En canto á vocacionalidade dos ámbitos, nas disposicións xerais inclúense criterios sobre a xustificación das localizacións elixidas para os distintos usos, así como o tratamento das zonas de bordo entre as delimitacións dos distintos tipos de solo, con especial atención na implantación de usos produtivos. Estas cautelas trasládanse a outras ordenanzas, permitindo a posibilidade da creación de áreas de transición, especialmente cara aos solos rústicos. En concreto, na ordenanza de solo urbano industrial e terciario, exíxese á realización dunha análise dos bordos perimetrais, e proponse o establecemento de filtros de protección que favorezan a permeabilidade con outros usos. Na mesma liña, na ordenanza de espazos libres e zonas verdes inclúense criterios de idoneidade para a localización destes espazos, de forma que funcionen como área de transición e evitando que as localizacións sexan residuais.

Ademais de todo isto, sería recomendable que os instrumentos de planeamento que delimiten as distintas clases de solo no territorio, analicen a potencialidade e idoneidade do ámbito como base desa clasificación, especialmente no caso dos solos rústicos.

No tocante aos riscos naturais e tecnolóxicos, recóllense na planimetría certas áreas afectadas por riscos (áreas asolagables e instalacións Seveso), e na ordenanza de espazos libres e zonas verdes indícase que no seu acondicionamento primará a restauración ambiental de espazos degradados.

Do mesmo xeito que no parágrafo anterior, cómpre salientar a necesidade de que os planeamentos identifiquen as áreas afectadas por riscos naturais e antrópicos, para excluír ou limitar os usos neles.

Por outra banda, é importante o fomento de que certas actividades altamente transformadoras do territorio, como os usos extractivos, estean vinculadas á recuperación ambiental dos espazos que están a ocupar.

En relación aos usos do solo, na memoria indícase o interese por revitalizar os núcleos existentes a partir da implantación de usos compatibles co uso residencial.

Adicionalmente, sería favorable que se fomentase activamente a implantación de actividades complementarias nos solos de núcleo rural, e que se promovese tanto a diversificación dos usos como a potenciación das actividades vinculadas co aproveitamento dos recursos autóctonos. Sería axeitado tamén o axuste da oferta de dotacións ás necesidades do ámbito, así como a xustificación da implantación de novos usos, principalmente os relacionados con desenvolvementos industriais e residenciais.

Sobre a paisaxe.

A memoria do plan xa anticipa que as ordenanzas deben considerar a corrección de impactos negativos e procurar a máxima integración paisaxística.

A normativa inclúe unha gran cantidade de criterios de integración paisaxística, especialmente na ordenanza de disposicións xerais, promovendo a integración co contorno, a consideración de medidas desde a fase de proxecto, a exixencia dun nivel de acabado congruente e un axeitado tratamento estético e compositivo das construcións, a redución de impactos visuais e a evitación de elementos discordantes; establecéndose cautelas especiais no caso da publicidade, edificacións auxiliares, peches, redes de comunicación e de servizos e medianeiras vistas. Ademais, as medidas propostas aplícanse tanto ás edificacións en si mesmas como a partes ou conxuntos delas e as obras de urbanización, e van acompañadas da recomendación do emprego como referencia do Catálogo de guías paisaxísticas do Instituto de Estudos do Territorio.

Nalgunhas das ordenanzas concrétanse máis as indicacións. Na de solo urbano industrial e terciario propóñense pautas para suavizar o contraste visual debido a certos materiais ou o emprego de pantallas vexetais para ocultar elementos de grande impacto ou tamaño. Na de espazos libres e zonas verdes inclúese a necesidade de medidas correctoras de carácter ambiental, así como de cautelas á hora de elixir o mobiliario urbano. E nas ordenanzas de solo rural recoméndase un coidado especial na elección das luminarias, ínstase a respectar as características da arquitectura tradicional e incídese na posibilidade de descompoñer volumetricamente certas edificacións para acadar unha mellor integración morfolóxica.

Respecto a isto, podería ser aconsellable a análise das características paisaxísticas e elementos estruturadores dun ámbito determinado, así como a xustificación da integración paisaxística das implantacións e usos máis susceptibles de producir impactos visuais ou daquelas que se implanten nas áreas de máis fraxilidade visual.

Por outro lado, recordar a opción do emprego da vexetación como ferramenta integradora, a implementación de medidas de permeabilidade visual; especialmente no caso dos peches, e a posibilidade da realización de análises de impacto visual e integración cando sexan necesarios.

En relación á calidade paisaxística, mentres que a cartografía recolle as áreas de máis valor paisaxístico, a normativa incorpora en varias das súas ordenanzas medidas para o correcto tratamento dos paramentos de edificación principais, auxiliares e peches; cautelas sobre a formación de pantallas; a importancia da conformación de conxuntos homoxéneos e unitarios; medidas para a preservación dos valores e elementos característicos da paisaxe urbana e rural; así como pautas de deseño e acabado para as construcións e os espazos libres, reiterando a recomendación do emprego como referencia do Catálogo de guías paisaxísticas do Instituto de Estudos do Territorio.

A memoria incide tamén na importancia da procura de pequenos espazos de uso público que contribúan a manter e consolidar as visuais abertas sobre puntos de especial relevancia dos asentamentos ou cara á paisaxe circundante.

Neste punto, comentar que ademais de potenciar a lexibilidade do territorio conservando os fitos e os elementos físicos estruturadores, cómpre preservar a identidade propia non só dos asentamentos, senón tamén a das paisaxes agropecuaria e forestal, fomentando a diversidade e variedade das distintas paisaxes do territorio galego e promovendo a mellora de áreas de alta exposición visual.

Sobre o patrimonio natural.

Sobre a conservación do patrimonio natural, a memoria indica que a planificación deberá respectar o mantemento de elementos naturais para evitar a perda de valores ambientais, e as ordenanzas recollen a necesidade de conservar a biodiversidade territorial e minimizar a perda dos elementos de interese natural. Na ordenanza de espazos libres e zonas verdes afírmase ademais que unha das funcións destes espazos é a de protexer as áreas naturais que o requiran, e foméntase o plantado de arboredo e vexetación de especies axeitadas, así como a preservación das masas arbóreas existentes sempre que sexa posible.

En canto á biodiversidade, recóllense criterios para o fomento do uso de especies autóctonas e tradicionais en peches e espazos libres xunto coa evitación e eliminación das especies exóticas invasoras, así como cautelas no deseño de peches, infraestruturas e mobiliario urbano para evitar afectacións sobre a fauna e a flora.

Cómpre facer fincapé na importancia de facilitar a funcionalidade do sistema ambiental a través da protección de espazos complementarios aos xa protexidos, e neste sentido, os planeamentos a escala municipal poden resultar os axeitados para identificar e propoñer a protección destes espazos apoiándose no artigo 48.3 do RLSG. Ademais, é esencial fomentar a biodiversidade nos espazos libres públicos e privados, promover o uso sustentable dos recursos naturais e establecer criterios de rexeneración e recuperación de espazos e solos.

En relación coa fragmentación do territorio, a memoria recolle a posibilidade de que se conformen redes de zonas verdes de alto valor paisaxístico e ambiental, e afirma que o Plan básico autonómico debe facilitar que outros instrumentos urbanísticos poidan establecer áreas de conectividade verde. Por outra banda, a normativa indica que se deberá garantir e colaborar na funcionalidade ecolóxica.

Na ordenanza de espazos libres e zonas verdes promóvese que estas áreas se localicen nas franxas lindeiras ás canles co fin de protexer a súa marxe e os ecosistemas de ribeira, e fai referencia a que os corredores verdes incorporarán no seu percorrido espazos libres e equipamentos.

Neste sentido, sería beneficioso que os plans de ámbito municipal analicen e melloren o estado da conectividade ecolóxica do seu territorio; incorporando, entre outras medidas, recomendacións sobre a protección e mellora das canles e da vexetación de ribeira como corredores ecolóxicos, así como o fomento do mantemento do mosaico agroforestal para favorecer a interacción entre os ecosistemas. Ademais, sería beneficioso promover que os peches faciliten a creación de hábitats para especies vexetais e animais, así como a necesidade de que estes elementos construtivos non limiten os movementos da fauna permitindo a permeabilidade ecolóxica e tamén visual, xunto coa implantación de medidas para a redución da mortalidade da avifauna por colisión con certas infraestruturas.

Sobre o patrimonio cultural.

No tocante á conservación do patrimonio cultural, ademais de que o Plan básico autonómico incorpora un catálogo do patrimonio da comunidade, nas ordenanzas do plan indícase a necesidade da preservación tanto do patrimonio construído e edificacións tradicionais principais e adxectivas, como das tramas e camiños históricos, os peches tradicionais e o arboredo de interese cultural.

Tamén recomenda o uso da Guía de boas prácticas para a intervención nos núcleos rurais como referencia.

En relación a isto, cómpre recordar a importancia de promover a revitalización das zonas históricas, así como a identificación da rede de camiños tradicionais e dos elementos de valor patrimonial non recollidos no catálogo do Plan básico autonómico.

Do mesmo xeito, podería ser axeitado que os plans a escala municipal realicen un estudo do patrimonio cultural.

Sobre a integración do patrimonio cultural, a normativa indica que se deberá evitar a afectación sobre os bens protexidos, adoptando no seu caso as medidas protectoras e correctoras axeitadas, e incorpora cautelas específicas para as infraestruturas. Ademais, indica que as actuacións no contorno dun ben do patrimonio cultural, próximas aos Camiños de Santiago ou ás zonas máis visibles, deberán garantir a súa integración formal e ser compatibles tamén cos elementos configuradores da estrutura territorial tradicional (camiños, peches, cómaros, etc), circunstancia que deberá xustificarse.

Cómpre reiterar a importancia de garantir a contemplación do ben e de protexer as visuais máis características, así como de incorporar pautas de integración para as intervencións nas áreas de protección dos bens protexidos.

Sobre a atmosfera.

No que respecta á calidade do aire, recóllense criterios ao respecto das emisións dos usos industriais e proponse o fomento dunha rede de mobilidade sustentable.

En relación á contaminación acústica e lumínica o Plan básico autonómico establece que se debe ter en conta o ruído producido por certas actividades como a produtiva ou polas redes viarias, debéndose adoptar as medidas correctoras precisas para evitar molestias á poboación circundante. Inclúense tamén exixencias para reducir os impactos lumínicos por mor do alumeado público ou as instalacións publicitarias, que os plans básicos municipais incorporen a zonificación acústica do seu ámbito e que se establezan medidas concretas, sobre todo nas zonas de maior sensibilidade.

Cómpre recordar a importancia do establecemento de boas prácticas e medidas para garantir as baixas emisións á atmosfera e o control da súa contaminación, así como a redución das molestias ocasionadas pola contaminación acústica e lumínica doutras actividades como a aeroportuaria e as instalacións publicitarias.

Sobre o ciclo hídrico.

Respecto da calidade da auga propóñense criterios a favor da permeabilidade como pavimentacións que permitan o filtrado ou a exixencia de que as áreas non utilizadas en aparcadoiros queden axardinadas. En canto ao saneamento, recolle exixencias e recomendacións sobre as áreas residenciais e tamén sobre as industriais, como o pretratamento de certas verteduras.

Neste sentido, salientar a importancia de promover técnicas que favorezan a percolación dos solos; fomentando o mantemento do estado natural de parte dos terreos, a necesidade de estudar a calidade dos recursos hídricos dun territorio e favorecer a protección das canles, da vexetación ripícola e dos espazos ligados ao medio hídrico, evitando no posible as canalizacións dos cursos de auga.

Acerca do consumo de recursos hídricos, sinala a exixencia de que se xustifique a dispoñibilidade do recurso no ámbito e propón medidas de aforro e de reutilización.

Sobre a enerxía.

En canto ao consumo enerxético, a normativa do plan incorpora o requirimento de que o sistema de iluminación público permita o aforro e unha mellor eficiencia enerxética.

A este respecto recórdase a necesidade de que se promova o establecemento dun nivel mínimo de enerxías renovables e de autosuficiencia enerxética, de garantir a viabilidade da subministración para as planificacións propostas, de estender as medidas de aforro enerxético aos edificios públicos, de recomendar o emprego de criterios bioclimáticos nas actuacións e de fomentar a posibilidade do autoconsumo eléctrico en áreas rurais de difícil cobertura enerxética.

Sobre o ciclo de materiais.

En canto á xeración de residuos, o plan promove a recollida selectiva, a reutilización e a reciclaxe dos residuos urbanos e o fomento do uso de materiais de construción de orixe local. Incorpora tamén na normativa a exixencia de que as áreas industriais prevexan as dotacións necesarias para a xestión de residuos perigosos.

Sería recomendable que se garantise a capacidade de recollida e de xestión dos residuos na contorna na que se xeran, así como o establecemento dunha estratexia de utilización sustentable de materias, e a previsión das infraestruturas necesarias.

Sobre o cambio climático.

En relación á emisión de gases de efecto invernadoiro, a memoria xa recolle a necesidade de ter en conta o cambio climático, e incorpora na súa normativa a rede de mobilidade sustentable, que contribuirá na redución deste tipo de emisións, ademais do fomento do transporte individual non motorizado.

En calquera caso, sería beneficioso analizar a posibilidade de incorporar medidas de prevención, adaptación e mitigación do cambio climático na planificación, relacionadas coa mobilidade, o modelo de asentamentos e os distintos usos do solo.

Sobre a mobilidade.

Respecto das necesidades de mobilidade, como xa se comentou no parágrafo anterior, o plan inclúe o establecemento dunha rede de mobilidade sustentable conformada por unha serie de itinerarios que serven de conexión entre espazos libres, e recolle a necesidade de estudar o tráfico antes da implantación de certos usos.

Neste sentido, sería recomendable fomentar a análise das necesidades de mobilidade no ámbito e favorecer a mellora da eficiencia do transporte público xunto con outras medidas que contribúan á redución das necesidades de mobilidade.

1.2. Matriz resumo de integración ambiental.

Incorpórase a continuación unha táboa resumo dos criterios ambientais integrados na regulación do plan, concretando en que ordenanza concreta figuran.

Ben que a normativa conforma un único documento, para a elaboración deste punto tómase como base a clasificación de ordenanzas tipo establecida no RLSG, categorizándose na táboa da seguinte maneira:

Ordenanza 01: reguladora das disposicións xerais (títulos I a IV da normativa).

Ordenanza 02: reguladora do solo urbano consolidado. Uso residencial. Edificación intensiva (capítulo I do título V da normativa).

Ordenanza 03: reguladora do solo urbano consolidado. Uso residencial. Edificación extensiva (capítulo II do título V da normativa).

Ordenanza 04: reguladora de solo urbano consolidado. Uso industrial e terciario (capítulo III do título V da normativa).

Ordenanza 05: reguladora do solo destinado a equipamentos (capítulo IV do título V da normativa).

Ordenanza 06: reguladora do solo destinado a infraestruturas de redes de servizos (capítulo V do título V da normativa).

Ordenanza 07: reguladora do solo destinado a infraestruturas de comunicacións (capítulo VI do título V da normativa).

Ordenanza 08: reguladora do solo destinado a espazos libres e zonas verdes (capítulo VII do título V da normativa).

Ordenanza 09: reguladora do solo de núcleo rural tradicional (capítulo VIII do título V da normativa).

Ordenanza 10: reguladora do solo de núcleo rural común (capítulo IX do título V da normativa).

Ordenanza 11: de protección do solo rústico (capítulo X do título V da normativa).

Variable ambiental

Ordenanza

Variable

Parámetro

01

02

03

04

05

06

07

08

09

10

11

Solo

Ocupación do solo

Vocacionalidade de ámbitos

Exposición a riscos

Usos do solo

Paisaxe

Integración paisaxística

Calidade paisaxística

Patrimonio natural

Conservación do patrimonio

Fragmentación do territorio

Patrimonio cultural

Conservación do patrimonio

Integración do patrimonio

Atmosfera

Calidade do aire

Ruído e impacto lumínico

Ciclo hídrico

Calidade da auga

Consumo de recursos

Enerxía

Consumo enerxético

Ciclo materiais

Xeración de residuos

Cambio climático

Emisión de GEI e medidas

Mobilidade

Necesidades de mobilidade

2. Integración do documento de alcance e das consultas realizadas.

O día 17.7.2017 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático inicia o período de consulta do borrador do Plan básico autonómico e do documento inicial estratéxico, que finaliza o día 18.9.2017.

Neste prazo, segundo a información dispoñible na sede electrónica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, recíbense un total de 25 consultas:

– 11 procedentes de administracións públicas.

– 14 procedentes de particulares.

Por outro lado, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formula o documento de alcance para a Avaliación ambiental estratéxica ordinaria do Plan básico autonómico, por Resolución do 16 de outubro de 2017, en cumprimento do establecido no artigo 102.2 do RLSG.

A continuación incluirase a valoración realizada en relación ás cuestións ambientais contidas tanto no documento de alcance do estudo ambiental estratéxico como nas consultas recibidas.

2.1. Interpretación do documento de alcance.

O documento, despois de establecer os antecedentes e as consideracións legais, analiza as consideracións técnicas, que son as que se revisan a continuación.

2.1.1. Sobre as alternativas e a proposta inicial.

No punto 2 sobre as alternativas e proposta inicial, o documento de alcance indica que, ademais da alternativa 0 ou de non realización do Plan básico autonómico, as alternativas 1 e 2 diferéncianse no grao de detalle a acadar polo plan, pero que «a opción elixida non se corresponde con ningunha destas alternativas, senón que se trata dunha proposta intermedia que trata de forma xenérica certas partes do Plan e define outras con máis precisión».

Neste sentido, cómpre puntualizar que no documento inicial estratéxico non se concreta a alternativa elixida, senón que debido á imposibilidade de anticipar cal sería o grao de detalle que acadaría o plan, indica esa circunstancia cando propón que «a elección final da alternativa pode non corresponderse estritamente cunha delas, senón materializarse nunha proposta intermedia.», pero sen desbotar a posibilidade de que a alternativa elixida puidese ser a 1 ou a 2.

2.1.2. Sobre a integración dos aspectos ambientais en relación coa ocupación do territorio.

O documento de alcance indica que o Plan básico autonómico sentará as bases para que os plans básicos municipais delimiten o solo de núcleo urbano consolidado e o solo de núcleo rural, e que polo tanto «deberá concretar os criterios para estas delimitacións, atendendo a principios de racionalidade e sustentabilidade».

Considérase que o establecemento de criterios xerais para delimitar as distintas clases de solo resultaría beneficioso, sobre todo tendo en conta que os principais impactos ambientais se producirán por mor delas.

No relacionado co solo rústico, o documento de alcance recolle a recomendación do documento inicial estratéxico de que os plans básicos municipais realicen un estudo de capacidade de acollida e de idoneidade territorial para que os concellos poidan delimitar este tipo de solo de acordo coa súa vocación e uso.

Achéganse tamén aspectos sobre os espazos libres e zonas verdes para completar as distintas ordenanzas do plan.

Neste sentido, se ben os plans básicos municipais non establecerán novos desenvolvementos urbanísticos que requiran este tipo de estudos, considérase que unha análise desta natureza resulta beneficiosa para os planeamentos a escala municipal.

2.1.3. Sobre a integración dos aspectos ambientais en relación cos riscos.

O documento de alcance recolle o indicado no documento inicial estratéxico sobre a necesidade de que os plans básicos municipais identifiquen as zonas afectadas por riscos e espazos degradados e apunta que debería detallarse e trasladarse ao plan.

Esta suxestión é necesaria, principalmente no caso da identificación das áreas con riscos. No tocante a identificar os espazos degradados, compréndese que, aínda que sería algo recomendable, pode resultar complexo debido á amplitude do termo, ben que calquera esforzo neste sentido sería positivo.

Sinala tamén que o Plan básico autonómico deberá incorporar as determinacións establecidas na normativa sectorial do ruído.

En relación co radon, considera que sería axeitado telo en conta na documentación do plan.

O estudo ambiental estratéxico inclúe unha valoración ao respecto no punto de riscos, co fin de poder establecer recomendacións.

Sería conveniente que, se se dispón de información cartográfica, esta sexa incluída nas cartografías dos planeamentos municipais.

2.1.4. Sobre a integración dos aspectos ambientais en relación coa paisaxe.

O documento de alcance recolle os aspectos sinalados no informe do Instituto de Estudos do Territorio para mellorar a integración paisaxística, que se valorarán no punto 2.2.2 deste documento.

2.1.5. Sobre a integración dos aspectos ambientais en relación co patrimonio cultural.

O documento de alcance recolle os aspectos sinalados no informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural sobre o patrimonio cultural, que se valorarán no punto 2.2.1 deste informe.

2.1.6. Sobre a integración dos aspectos ambientais en relación co patrimonio natural.

En relación cos espazos naturais protexidos da Lei 9/2001, o documento de alcance indica que o Plan básico autonómico «debe prever que os plans básicos municipais deberán incluír estes ámbitos nos planos de información, clasificalos como SRPEN e estudar as afeccións directas ou indirectas das ordenacións propostas sobre estes espazos». E por outro lado, sobre a Rede Natura indica que as determinacións dos plans básicos municipais que a afecten deberán adoptar o contido do Plan director da Rede Natura 2000.

No tocante ás áreas complementarias de conservación o documento de alcance indica que o Plan básico autonómico «para evitar a fragmentación (…) debe prever que os plans básicos municipais identifiquen e delimiten ámbitos que complementen a funcionalidade dos espazos xa protexidos (determinación 7.2.1.b) das directrices de ordenación do territorio de Galicia)», e bota en falta que o plan identifique certos espazos complementarios.

Ademais, establece que o Plan básico autonómico deberá prever que os plans básicos municipais identifiquen e delimiten esas áreas complementarias mediante un estudo de detalle do seu territorio, adaptando e actualizando a información dispoñible sobre hábitats, humidais, especies ameazadas e corredores ecolóxicos, e suxire que os plans básicos municipais clasifiquen esas áreas como SRPEN.

Por un lado, reiterar que os plans básicos municipais, tal e como sinala a propia LSG, poden estar limitados á hora de completar a rede de espazos de interese natural. Dito iso, semella axeitado que os planeamentos a escala municipal realicen un estudo detallado dos solos co fin de determinar aqueles solos rústicos con maior valor ambiental.

Neste sentido, considérase recomendable que estes instrumentos clasifiquen como SRPEN todos os ámbitos que:

Xa deban ser incluídos directamente os que segundo o artigo 49.2.f) do RLSG teñan a consideración de «terreos sometidos a algún réxime de protección por aplicación da lexislación de conservación da natureza ou da lexislación reguladora dos espazos naturais, a flora e a fauna».

Estean englobados na listaxe das Áreas estratéxicas de conservación do anexo III das directrices de ordenación do territorio de Galicia.

Durante a elaboración do planeamento e como consecuencia do estudo detallado se observen que conteñen valores merecentes de especial protección ambiental, tomando como base o establecido no artigo 49.3 do RLSG.

En continuidade co indicado e en coherencia coas determinacións 7.1.2, 7.1.4, 7.2.1, 7.2.2 e 7.2.3 das directrices de ordenación do territorio de Galicia, considérase fundamental que o Plan básico autonómico, na medida do posible, recolla de forma axeitada e estruturada na súa cartografía as distintas capas relacionadas cos espazos naturais e co patrimonio natural en xeral, e incorpore criterios para que os plans básicos municipais poidan integrar esa información.

En relación á conectividade ecolóxica, o documento de alcance indica unhas medidas que deberán ser recollidas no plan para favorecer a circulación da fauna silvestre.

Considerarase axeitada a incorporación deste tipo de medidas nas ordenanzas dos planeamentos a escala municipal.

En canto ás especies exóticas invasoras (en diante, EEI), indica que «é necesario que o Plan básico autonómico fomente as especies autóctonas e considere especificamente esta problemática dentro dos contidos do estudo ambiental estratéxico» e que deberá incorporar nas ordenanzas condicionantes para evitar a súa dispersión.

En relación a isto, no estudo ambiental estratéxico incorpóranse tanto o fomento das especies autóctonas como os efectos sobre o ambiente das EEI por considerar que é unha medida clave de conservación do patrimonio natural. Con todo, a medida proposta de control operacional nos movementos de terra, considerarase moi concreta e pouco viable.

2.1.7. Sobre a integración dos aspectos ambientais en relación co ciclo hídrico.

O documento de alcance sinala referencias que o Plan básico autonómico xa recolle das súas ordenanzas, e refírese ao informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, que se valorará no punto 2.2.3 do presente documento.

2.1.8. Sobre a integración dos aspectos ambientais en relación coa mobilidade.

O documento de alcance indica certas medidas para favorecer a mobilidade sustentable e a continuidade dos itinerarios ciclistas e peonís, e propón ter en conta os camiños tradicionais existentes para ser incluídos na rede de mobilidade sustentable establecida no plan.

Sería recomendable que os planeamentos a escala municipal identifiquen e completen a rede de camiños tradicionais existentes dentro do termo municipal.

2.1.9. Sobre a integración dos aspectos ambientais en relación coa atmosfera e cambio climático.

O documento de alcance indica que «o Plan básico autonómico deberá recoller a necesidade de que os plans básicos municipais avalíen a pegada de carbono asociada, e establezan as medidas adecuadas para mitigar a súa incidencia sobre o cambio climático (…). Ademais, no caso dos concellos costeiros lembrarase a importancia de estudar os efectos da variación do nivel do mar no litoral e establecer posible medidas».

En relación a isto, incorporarase esta problemática no estudo ambiental estratéxico.

Por outro lado, considérase axeitado que os plans de ámbito municipal fomenten medidas tanto de mitigación como de compensación para o control dos efectos do cambio climático. Non obstante, valórase que solicitar aos concellos o cálculo da pegada de carbono supón un esforzo relevante dada as dificultades de avaliación que supón a definición do seu alcance e o rendemento do indicador obtido. Requiriría da concreción de alcances e metodoloxías de forma previa para asegurar a viabilidade de comparación e a axeitada definición de estratexias en función dos resultados acadados polo indicador requirido.

2.1.10. Sobre a integración dos aspectos ambientais en relación coa enerxía.

O documento de alcance indica que nas ordenanzas do Plan básico autonómico deberá promoverse o aforro enerxético e o emprego de enerxías renovables, para o que sinala unha serie de aspectos a incorporar na parte normativa do plan.

Fai referencia tamén á limitación da contaminación lumínica, que é unha problemática que se incorporará ao estudo ambiental estratéxico. Neste sentido, nos plans a escala municipal debería terse en conta este parámetro, principalmente naqueles espazos susceptibles de producir molestias non só á poboación, senón tamén á fauna e á flora, especialmente en relación ás especies ameazadas.

2.1.11. Sobre a integración dos aspectos ambientais en relación co ciclo de materiais.

O documento de alcance recolle o indicado no plan sobre necesidade de contribuír á xestión eficiente dos residuos a través do fomento dunha serie de medidas.

Considérase que os plans a escala municipal deberían considerar as necesidades dotacionais para asegurar a correcta xestión de residuos municipais e o fomento do cumprimento dos principios básicos da economía circular e sustentabilidade.

2.2. Interpretación das consultas realizadas.

2.2.1. Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

No informe, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (en diante, DXPC) comeza facendo unha descrición do Plan básico autonómico e da súa incidencia sobre o patrimonio cultural, indicando que «respecto das afeccións derivadas da normativa sectorial en materia de patrimonio cultural e natural o Plan básico autonómico deberá indicar os elementos e ámbitos obxecto de protección que estean contidos en catálogos e inventarios oficiais». A continuación propón una serie de recomendacións sobre a normativa do plan, sobre o contido do catálogo do Plan básico autonómico e sobre a identificación e denominación dos elementos patrimoniais e os seus contornos de protección na cartografía sinalando que «se debería singularizar a identificación dos bens segundo o seu nivel de protección (…) mantendo a calificación de «cultural» para diferencialo doutros bens catalogados que poden existir, como os bens naturais». Menciona tamén, na súa parte final, a necesidade de que os documentos de ordenación «que se redacten e desenvolvan a partir deste Plan básico autonómico deberán incluír un estudo completo e, se é o caso, unha prospección exhaustiva do patrimonio cultural que puidera existir no ámbito ordenado».

Respecto da identificación dos elementos patrimoniais, seguiranse as indicacións da DXPC sobre a normativa e a cartografía. Cómpre destacar que no informe se fai referencia tanto ao patrimonio cultural como ao natural contido nos catálogos oficiais, polo que semella necesario que este último figure tamén na documentación do plan, ben que a DXPC non indica pautas para a denominación deste tipo de elementos.

Por outro lado, en consonancia coa recomendación indicada polo informe da necesidade de que os plans de desenvolvemento do Plan básico autonómico incorporen un estudo completo sobre o patrimonio cultural, considérase unha exixencia razoable que debería estenderse a todos os plans de ámbito municipal.

2.2.2. Instituto de Estudos do Territorio.

No informe o Instituto de Estudos do Territorio fai unha serie de recomendacións sobre as ordenanzas do Plan básico autonómico, que se poderían resumir da seguinte maneira:

Sobre as construcións baixo rasante: indica que nas determinacións xerais do Plan básico autonómico se permite de forma xeral que as construcións baixo rasante ocupen a totalidade da parcela, suxeríndose que, para evitar efectos visuais negativos, se indique a «necesidade de respectar a rasante natural orixinal en toda a superficie de parcela».

Neste sentido, no estudo ambiental estratéxico recóllense non só os posibles efectos visuais negativos pola alteración da topografía natural do terreo, senón tamén os impactos debido á alteración do subsolo a través de sotos ou semisotos.

Ademais, na normativa do Plan básico autonómico inclúese a necesidade de respectar a topografía existente.

Sobre as novas redes: solicítase recoller na normativa do plan de forma explícita que sexan soterradas para atenuar o impacto sobre as paisaxes urbanas, sen prexuízo das excepcionalidades.

No estudo ambiental estratéxico valóranse os impactos visuais debido a este tipo de instalacións, e inclúense medidas nas ordenanzas do Plan básico autonómico.

Sobre a integración paisaxística: indícase que na regulación de centros de transformación e de construcións auxiliares, así como nas ordenanzas de solo urbano residencial intensivo, solo urbano residencial extensivo, solo urbano industrial terciario, de infraestruturas e servizos e de núcleo rural tradicional, se establezan cautelas de integración paisaxística co fin de evitar impactos na paisaxe e a aparición de construcións descontextualizadas no contorno.

No estudo ambiental estratéxico téñense en conta os impactos relativos á falta de integración paisaxística, e nas ordenanzas do Plan básico autonómico inclúense cautelas especiais para as edificacións auxiliares e as instalacións.

Sobre os peches: recoméndanse medidas de integración e a limitación da parte opaca a 1 metro nas ordenanzas de solo urbano residencial extensivo, e de solo de núcleo rural común.

Considérase axeitado incorporar medidas de integración dos peches nas ordenanzas do Plan básico autonómico, especialmente no caso dos núcleos rurais, para favorecer que os novos peches respecten as condicións dos elementos tradicionais preexistentes.

Sobre a publicidade: recoméndase limitar o impacto da publicidad das fachadas nos establecementos industriais e comerciais, especialmente en contornas rurais.

Considérase axeitada a redución de impactos debido á publicidade, e inclúense na normativa do Plan básico autonómico cautelas referidas a este tipo de instalacións.

En xeral: recoméndase que se teña en consideración o borrador das directrices de paisaxe, especialmente no caso das disposicións xerais e da ordenanza de solo rústico, así como o contido da Guía de boas prácticas para a intervención nos núcleos rurais, a Guía de caracterización e integración paisaxística de valados, e a Guía de cores e materiais de Galicia.

Nas ordenanzas do plan, inclúese de forma reiterada a recomendación do emprego destas guías.

Por outro lado, fai a valoración de que as ordenanzas do Plan básico autonómico «tampouco terán efectos paisaxísticos directos», ben que puntualiza que os plans básicos municipais «non terán a capacidade de axustar as especificacións das devanditas ordenanzas, polo que este contido do Plan básico autonómico si é susceptible de producir certos potenciais efectos», que na parte das conclusións aclara que será debido á «futura aplicación das ordenanzas (…) por medio de plans básicos municipais, ben de forma directa cun carácter subsidiario ou complementario do planeamento municipal».

Efectivamente, téñense en conta no estudo ambiental estratéxico os efectos producidos pola aplicación das ordenanzas, non só nos plans básicos municipais senón tamén de forma complementaria nos plan xerais existentes.

Enténdese que sería necesario dar a posibilidade de que se permita adaptar os parámetros das ordenanzas con base en estudos específicos que xustifiquen os cambios propostos pola súa adecuación á realidade de cada concello. Dotar de certa flexibilidade na aplicación das ordenanzas permitiría incrementar a capacidade de adaptación do Plan básico autonómico ás diferentes particularidades do territorio galego, reducindo a probabilidade e intensidades de potenciais impactos negativos no contorno.

2.2.3. Dirección Xeral de Saúde Pública.

No informe, a Dirección Xeral de Saúde Pública (en diante, DXSP) incide en dous temas:

Na necesidade de ter en conta a problemática da exposición ao radon, que debería plasmarse na cartografía xunto coas demais afeccións con incidencia no territorio, e ser un parámetro a ter en conta para evitar ou reducir os riscos naturais.

Esta problemática recóllese no estudo ambiental estratéxico na parte de riscos da avaliación ambiental, así como a súa relación coa xeoloxía.

Indica que para poder garantir unha vixilancia sanitaria axeitada de todas as augas utilizadas para abastecemento, sería necesario «ter rexistradas e xeorreferenciadas as captacións de auga que se están a utilizar, e evitar a contaminación e degradación destas e así contribuír á previsión e evitación da contaminación das augas superficiais e subterráneas e favorecer o funcionamento do ciclo hídrico», e insiste na necesidade de que a situación do abastecemento quede documentado nos plans que elaboren os concellos.

Tense en conta no estudo ambiental estratéxico a situación do abastecemento de auga no territorio galego. En relación a isto, cómpre indicar a necesidade de establecer medidas de protección das fontes existentes, xa que determinadas actuacións derivadas da planificación urbanística poden ter incidencia no estado dos acuíferos.

2.2.4. Axencia Galega de Infraestruturas.

No informe, a Axencia Galega de Infraestruturas incorpora unha listaxe das estradas autonómicas e os criterios de ordenación destas, recordando o indicado polas directrices de ordenación do territorio de Galicia sobre a necesidade de compactar os asentamentos e evitar os crecementos lineais.

Tense en conta a información contida no antedito informe.

2.2.5. Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

No informe, a Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, considera que o documento ambiental debería analizar os efectos do Plan sobre a estratexia galega de acuicultura, e na documentación do Plan básico autonómico debería actualizarse a normativa ao respecto, así como adecuar a denominación e incluír certos elementos na cartografía.

No estudo ambiental estratéxico tense en conta a relación do Plan coa estratexia galega de acuicultura, así como o resto de plans e estratexias da comunidade autónoma.

2.2.6. Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

O informe da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil achega un listado do marco normativo de referencia para que se teña en conta na elaboración do Plan básico autonómico.

Tense en conta a normativa achegada.

2.2.7. Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar.

No informe, a Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar informa de certos artigos da Lei de costas que deben ser considerados no Plan básico autonómico.

Tense en conta o indicado no informe.

2.2.8. Subdirección Xeral de Planificación Ferroviaria.

No informe, a Subdirección Xeral de Planificación Ferroviaria recorda a obriga de dar cumprimento á Lei do sector ferroviario.

Tense en conta o indicado no informe.

2.2.9. Portos do Estado.

No informe, Portos do Estado indica que o Plan básico autonómico deberá cualificar a zona de servizo dos portos estatais e o dominio público afecto ao servizo de sinalización marítima como Sistema xeral portuario, e que deberá eliminar calquera determinación que poida interferir nas competencias deste.

Neste sentido, cómpre recordar que o Plan básico autonómico non ordena o territorio, polo que non establece delimitacións nin clasificacións dos distintos tipos de solo.

2.2.10. Concello da Coruña.

Na súa consulta, o Concello da Coruña indica que existen certas deficiencias na cartografía e no catálogo de elementos patrimoniais.

Tense en conta o indicado no antedito informe para corrixir os erros detectados na documentación do Plan básico autonómico.

2.2.11. Concello de Vigo.

Na súa consulta, o Concello de Vigo indica que existen certas deficiencias na cartografía e no catálogo de elementos patrimoniais.

Tense en conta o indicado no antedito informe para corrixir os erros detectados na documentación do Plan básico autonómico.

2.2.12. Asociacións ecoloxistas.

Na súa consulta, as asociacións ecoloxistas (A Terra Non Se Vende, Galiza Non Se Vende, A Ría Non Se Vende, Salvemos Monteferro, Colectivo Ecoloxista Luita Verde, Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo e Asociación Ecoloxista Verdegaia) solicita que se teñan en conta as seguintes suxerencias:

Sobre os espazos naturais protexidos polas normas complementarias e subsidiarias de planeamento provinciais (en diante, NCSP): que se teña en conta a necesidade de incorporar estes espazos no Plan básico autonómico. Apunta tamén a que «os solapamentos de ambas redes (referíndose aos espazos protexidos das NCSP e á Rede Natura) en varios espazos deben considerarse como unha oportunidade para ampliar o ámbito dos espazos e facer efectiva dunha boa vez a súa debida protección».

Neste sentido, no artigo 28.1 das NCSP indícase que «as delimitacións dos espazos naturais relacionados no anexo 2 se entenderán vixentes ata a redacción do correspondente planeamento municipal, que definirá o tratamento e o ámbito preciso destes», polo que se pode considerar que os espazos dos concellos con planeamentos xerais aprobados con posterioridade ás NCSP, xa non están vixentes, e si o están as dos concellos sen planeamento ou con planeamento anterior á aprobación das NCSP.

Non obstante, podería ser recomendable unha revisión destes espazos naturais, que, segundo as directrices de ordenación do territorio de Galicia funcionan como punto de partida para a delimitación das «áreas complementarias dos espazos naturais protexidos», co fin de determinar cales xa figuran como espazos naturais protexidos pola normativa sectorial, e cales cómpre recollelos nos plans a escala municipal para evitar a súa desprotección, tendo en conta que a aprobación do Plan básico autonómico suporá a derrogación das NCSP.

Sobre a paisaxe: que se teñan en conta tanto o Catálogo de paisaxes de Galicia como as directrices de paisaxe.

Para a elaboración do estudo ambiental estratéxico considérase o contido de ambos os dous documentos.

Sobre a xestión das masas forestais: que se teñan en conta certos aspectos como o aproveitamento multifuncional do monte, a erradicación de todas as especies foráneas, ou a prohibición de todas as cortas a mata rasa, así como o emprego de equipos non agresivos co solo do monte.

Neste sentido, cómpre comentar que o Plan básico autonómico non regula este tipo de actividades, e é competencia da normativa sectorial.

Por outro lado, no estudo ambiental estratéxico recóllese a problemática das especies invasoras e os seus efectos xunto co necesario fomento das especies autóctonas, ademais da posta en valor das masas forestais desde o punto de vista ambiental.

Sobre a planificación territorial: inciden, entre outros temas, na necesidade de considerar a biodiversidade no territorio galego (tanto nos espazos agro-gandeiros-forestais e costeiros non protexidos como nos núcleos rurais e no medio urbano), de ter en conta o metabolismo dos asentamentos humanos (auga, enerxía, emisións, residuos, etc.) e de recoller a problemática do cambio climático.

En relación a isto, o estudo ambiental estratéxico considera, tanto no seu diagnóstico ambiental do territorio como na valoración dos efectos, a temática da biodiversidade, dos ciclos da auga, enerxía e residuos, e da atmosfera e do cambio climático.

2.2.13. Cámara Oficial Mineira de Galicia.

Na súa consulta (que presentan de forma idéntica outros seis particulares), a Cámara Oficial Mineira de Galicia solicita que se teñan en conta unha serie de alegacións que se resumen a seguir:

Que se evite a adopción de medidas ou instrumentos que limiten a actividade mineira e que se ponderen os intereses concorrentes no territorio.

Pola súa natureza o Plan básico autonómico non é un instrumento que propoña unha ordenación do solo nin estableza desenvolvementos urbanísticos, polo que se considera que non ten unha repercusión directa sobre ningún tipo de actividade sectorial.

Por outro lado, o plan recolle as distintas afeccións sectoriais con incidencia no ámbito, o que permite ter unha visión xeral de todas elas na mesma cartografía.

Que o Plan básico autonómico se adapte á Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, en relación á regulación e definición de usos e actividades.

O Plan básico autonómico, no tocante aos usos toma como punto de partida ás definicións do anexo I do RLSG.

Se permita a actualización da información contida no Plan básico autonómico e nos seus planos mediante consultas ás administracións competentes nos elementos ou afeccións concretas.

Segundo o artigo 30.4 do RLSG, «os cambios derivados de modificacións das afeccións sectoriais e da aprobación dos instrumentos de ordenación do territorio vincularán ao Plan básico autonómico, que terá que adaptarse a eles. Para tales efectos, a consellería competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo promoverá a actualización da súa cartografía en consonancia cos cambios operados».

Se respecten os dereitos mineiros e os perímetros de protección das augas minerais e termais nos termos exixidos pola súa normativa sectorial.

A cartografía do Plan básico autonómico inclúe os dereitos mineiros e procedeuse a corrixir os erros detectados a este respecto.

Sobre a integración paisaxística na ordenanza de solo rústico: que se incorpore unha referencia a que se fomentará a implantación de industrias e actividades vinculadas á explotación dos recursos naturais, e que se exceptúen as actividades produtivas da prohibición de instalar carteis ou outras estruturas que perturben a visión panorámica.

Neste sentido, cómpre comentar que o Plan básico autonómico non ordena o territorio e non ten como función o fomento do asentamento industrial e de desenvolvemento das actividades económicas. Non obstante, si debe establecer condicionantes para que as actividades permitidas, especialmente en solo rústico, non produzan novos impactos na medida do posible.

Sobre as condicións de edificación na ordenanza de solo rústico: solicítase que se poidan autorizar construcións que non se axusten aos parámetros establecidos, vinculadas a explotacións industriais autorizadas segundo a súa lexislación sectorial.

Por outro lado, o Plan básico autonómico non pode atender excepcións para actividades específicas.

Sobre as normas de protección na ordenanza de solo rústico: solicítase que se permita a implantación de usos industriais e produtivos unha vez que teñan sido autorizados pola lexislación sectorial.

O Plan básico autonómico non contradí os requirimentos da lexislación sectorial, polo tanto calquera proxecto industrial deberá cumprir coa lexislación vixente específica do sector no que se centra a actividade e ao mesmo tempo coa lexislación ambiental que sexa de aplicación, na que se establecen, entre outros, os criterios polos que unha actividade debe someterse a estudo de avaliación ambiental e definir as medidas preventivas para a redución do impacto sobre o medio.

3. Integración da declaración ambiental estratéxica.

Por Resolución do 29 de xuño de 2018 formúlase a declaración ambiental estratéxica do Plan básico autonómico coa que finaliza o procedemento ordinario da súa avaliación ambiental estratéxica.

Na declaración ambiental estratéxica, expóñense as consideracións legais e técnicas nas que se fundamenta a proposta sobre a viabilidade ambiental do Plan básico autonómico.

Nas consideracións técnicas faise unha exposición resumida do ámbito, contido e determinacións do Plan básico autonómico, e reflicte os resultados da participación pública e das consultas realizadas, para a seguir analizar a integración dos aspectos ambientais da proposta.

En xeral, as consultas recibidas incorporaron consideracións sobre a parte normativa e cartográfica do Plan básico autonómico.

Os concellos e distintas asociacións empresariais, culturais, veciñais e ambientais, así como empresas privadas e colexios profesionais, maioritariamente, solicitaron correccións sobre o listado de asentamentos, os topónimos municipais e incorporacións de elementos patrimoniais. Tamén se propuxo a incorporación na cartografía do Plan básico autonómico, de espazos complementarios a Rede Natura 2000 e complementar a delimitación da rede hidrográfica, infraestruturas, montes veciñais e áreas de concentración parcelaria. Alúdese a importancia de recuperar as zonas queimadas ou da substitución de especies exóticas invasoras.

Na declaración ambiental estratéxica faise unha análise da integración dos aspectos ambientais no Plan básico autonómico, valorando as distintas variables ambientais: ocupación do territorio, patrimonio natural, paisaxe, patrimonio cultural, ciclo hídrico, atmosfera, enerxía, cambio climático, mobilidade e ciclo de materiais.

Por último, respecto das medidas para seguimento ambiental considérase que estas deberían ser desenvoltas na tramitación dos plans básicos municipais.

4. Análise e elección da alternativa seleccionada.

4.1. Reflexión previa á proposta de alternativas.

Antes de analizar as distintas alternativas, cómpre recordar, como xa se indicou en puntos anteriores, que o Plan básico autonómico se trata dun instrumento que non propón ordenacións nin desenvolvementos urbanísticos. Debido a esta natureza, as alternativas que se estudan variarán en función do grao de profundidade e da flexibilidade que permita o documento para o seu desenvolvemento.

A decisión final estará fortemente condicionada pola viabilidade técnica, xa que, ao tratarse dun instrumento a escala da comunidade autónoma, acadar un grao de detalle excesivo pode resultar desproporcionado e incluso contraproducente, xa que certos aspectos terán máis sentido desenvoltos polos plans básicos municipais.

Previamente a abordar as alternativas, analizaranse os posibles graos de profundidade en función das tres partes de carácter normativo do plan.

En canto á cartografía.

Un primeiro nivel de detalle sería o de recoller as determinación dos instrumentos de ordenación do territorio, especialmente as directrices de ordenación do territorio de Galicia e o Plan de ordenación do litoral, plasmando as distintas áreas definidas por estas figuras de planeamento.

Un segundo nivel podería ser o da incorporación tamén doutra información adicional de índole sectorial que poida contribuír a unha mellor comprensión do territorio.

En canto ao catálogo.

Segundo o artigo 101.1 do RLSG, o Plan básico autonómico conterá un catálogo no que recolla todos os bens inmobles do patrimonio cultural, tanto os inscritos no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia como no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia, no ámbito da comunidade autónoma, no momento da súa aprobación inicial. Polo tanto, este podería ser un primeiro nivel de detalle.

E un segundo nivel, podería ser o de incluír tamén outros elementos con valores, aínda que non figuren nos catálogos oficiais, como xa indica o antedito artigo cando sinala que «así como aqueles que indique motivadamente a consellería competente en materia de patrimonio cultural, estean ou non incorporados no censo».

En canto ás ordenanzas.

No relativo ás ordenanzas, segundo o artigo 100.1 da RLSG o plan deberá incorporar unha ordenanza tipo de disposicións xerais e, como mínimo, as seguintes ordenanzas tipo particulares:

Ordenanza reguladora do solo urbano consolidado. Uso residencial. Edificación intensiva.

Ordenanza reguladora do solo urbano consolidado. Uso residencial. Edificación extensiva.

Ordenanza reguladora do solo urbano consolidado. Uso industrial e terciario.

Ordenanza reguladora do solo destinado a equipamentos.

Ordenanza reguladora do solo destinado a infraestruturas de redes de servizos.

Ordenanza reguladora do solo destinado a infraestruturas de comunicacións.

Ordenanza reguladora do solo destinado a espazos libres e zonas verdes.

Ordenanza reguladora do solo de núcleo rural tradicional.

Ordenanza reguladora do solo de núcleo rural común.

Ordenanza de protección do solo rústico.

Posteriormente, no punto 100.3 da devandita norma, indícanse as condicións que deben incluír estas ordenanzas.

Tendo isto en conta, o primeiro nivel de detalle podería ser o de definir estritamente aquelas ordenanzas exixidas pola normativa, mentres que un segundo nivel podería ser, ademais de detallar máis os condicionantes exixidos para cada ordenanza, incorporar exixencias en canto ás condicións ambientais e estéticas.

Por outro lado, a adaptabilidade da regulación do Plan básico autonómico a cada caso particular pode ser un aspecto esencial para evitar impactos non desexados. Neste sentido, dotar de certa flexibilidade as propias ordenanzas, de forma que en función de certos parámetros nos plans básicos municipais poida optarse por aplicar un subtipo ou outro de ordenanzas; ou dotar de flexibilidade a propia regulación, permitindo en certos casos e con base nunha análise detallada e xustificada, que o planeamento de desenvolvemento incorpore limitacións relacionadas coas características propias do lugar.

4.2. Alternativas propostas.

En primeiro lugar, comentar que non se achega cartografía asociada sobre o alcance das alternativas formuladas xa que as opcións teñen que ver principalmente co volume e grao de detalle da información que se vai incluír, aspectos que non poden ser plasmados graficamente.

Convén ter presente tamén que como as diferenzas entre alternativas non se basean en distintas propostas de ordenación senón en distintos graos de definición e de adaptabilidade do documento, a elección final da alternativa pode non corresponderse estritamente cunha delas, senón materializarse nunha proposta intermedia.

En calquera caso, establécense tres alternativas:

Alternativa 0.

Esta alternativa corresponderíase coa opción de non realizar o plan.

Dende o punto de vista urbanístico, isto suporía a continuidade da situación anterior, non compatible coa lexislación vixente, e implicaría, nos concellos sen PXOM aprobado, a aplicación do réxime urbanístico da disposición transitoria primeira da LSG respecto dos municipios sen planeamento.

O plan, como xa se indicou en puntos anteriores, nace co obxectivo de establecer un marco regulador básico que poida ser referencia para o planeamento urbanístico no ámbito da comunidade, e poida ser desenvolto a través dos plans básicos municipais para que os concellos con menos de 5.000 habitantes e que non conten con instrumento de planeamento urbanístico.

Alternativa 1.

Esta alternativa significaría a elaboración do Plan básico autonómico da forma máis xenérica, formalizando as determinacións das directrices de ordenación do territorio de Galicia e o Plan de ordenación do litoral, salvagardando as afeccións contidas nas normas sectoriais, identificando os asentamentos de poboación segundo o esquema proposto das directrices de ordenación do territorio de Galicia e indicando unhas ordenanzas tipo xenéricas dando traslado ás exixencias da LSG.

Basearíase na premisa de establecer un marco básico, cumprindo as exixencias normativas mínimas respecto ao seu contido, para logo ser desenvolto polos plans básicos municipais.

Alternativa 2.

Esta alternativa significaría a elaboración do Plan básico autonómico de forma máis exhaustiva e flexible.

Ademais do indicado na alternativa 1, incorporaríase información cartográfica adicional de carácter sectorial.

En canto ao catálogo, podería recoller elementos identificados con valores, aínda que non estivesen contidos nos instrumentos oficiais, a prol dunha maior protección.

Por último, en relación ás ordenanzas, acadaría un maior grao de detalle e flexibilidade; establecendo mecanismos que permitan acomodar os parámetros aos distintos asentamentos, en especial nos núcleos rurais, favorecendo unha maior adaptabilidade á hora de trasladalas aos plans básicos municipais.

4.3. Proceso de avaliación e selección da alternativa.

Neste punto cómpre reiterar a peculiaridade do Plan básico autonómico, que polo seu carácter non propositivo, non conta con alternativas de ordenación que se poidan avaliar desde o punto de vista ambiental.

Por iso, como xa se adiantou ao comezo do punto, os criterios de avaliación referiranse á forma de elaboración do documento en función da profundidade da información e da flexibilidade dos seus criterios.

En primeiro lugar, descártase a alternativa 0, xa que ambientalmente, debido aos maiores niveis de exixencia nesta materia que existen actualmente, tanto no ámbito comunitario como no estatal e autonómico, faise necesario o establecemento dun instrumento que recolla todas as afeccións, incorpore medidas para a protección do patrimonio natural e cultural, promova un desenvolvemento sustentable no territorio e que non prorrogue a situación de incerteza urbanística existente en parte da comunidade galega.

Comparando as alternativas 1 e 2, conclúese que, sempre que a viabilidade técnica o permita, e tendo en conta o volume de traballo que supón a elaboración dun planeamento a escala rexional, a opción máis axeitada ambientalmente é a alternativa 2, polos seguintes motivos:

En canto á profundidade da información: cumpriría co fin de formalizar un documento máis completo que puidese servir de referencia para a clasificación e categorización dos distintos tipos de solo nos plans básicos municipais, e como apoio aos PXOM vixentes, poñendo en valor o seu carácter complementario respecto destes instrumentos de planeamento. Ademais, a achega de información extra axudaría ao labor destes instrumentos, que poderían aproveitar mellor a vantaxe esencial que ofrece o Plan básico autonómico de superpoñer nun mesmo documento distintas afeccións de toda Galicia, permitindo formular os plans desde unha perspectiva supramunicipal.

En canto á flexibilidade: cumpriría coa posibilidade de permitir que os planes de desenvolvemento do Plan básico autonómico tomen como parámetros de referencia das ordenanzas os existentes en cada territorio ou asentamento. Isto suporía un funcionamento mellor tanto desde o punto de vista ambiental como urbanístico, ao aproveitar as posibilidades que ofrece o emprego da perspectiva rexional e a perspectiva municipal, e permitindo que esta última sexa a que acabe de definir pautas que deben ser determinadas a escala local, para evitar impactos pola rixidez da regulación do Plan básico autonómico.

Polo tanto, óptase pola realización da alternativa 2, segundo a cal:

En relación á cartografía, engádese información extra a través dunha serie de planos temáticos a escala 1:250.000, para, tal e como indica a memoria «como axuda para unha comprensión total da dimensión e do alcance do Plan básico autonómico».

En relación ao catálogo, sinálase no antedito documento que «se incorporaron aqueles elementos, que non estando incluídos nos supostos anteriores, deben ser protexidos en virtude do seu relevante valor patrimonial».

En relación ás ordenanzas, afírmase de novo na memoria que «ao comprender a totalidade do territorio de Galicia, estas ordenanzas non poden entrar en detalles», e engádese que «se decide con criterio práctico e pensando na aplicación real das ordenanzas, acoutar os parámetros urbanísticos aos mínimos indispensables para asegurar un axuste razoable da edificación sen que iso supoña entrar en contradicións polo uso de varios parámetros urbanísticos».

Neste sentido, comentar que en varias das ordenanzas non se fixan parámetros numéricos para a parcela mínima e a fronte mínima, e na ordenanza do solo rústico sinálase que «as condicións específicas, a maiores das anteriores poderán ser obxecto de regulación no seno dos plans básicos municipais, en función das características de cada concello».

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2018

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo