Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 162 Luns, 27 de agosto de 2018 Páx. 39365

IV. Oposicións e concursos

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 3 de agosto de 2018, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, pola que se convoca concurso de méritos para a selección e o nomeamento da dirección dos centros de formación náutica e marítimo-pesqueira desta consellería.

A Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, modifica os artigos 133, 134 e 135 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, relativos á selección da dirección dos centros docentes públicos que imparten os ensinos regulados nesta lei, os requisitos para ser candidatos a director e o procedemento de selección. No artigo 135.1 establécese que, para a selección das direccións nos centros públicos, as administracións educativas convocarán concurso de méritos e establecerán os criterios obxectivos e o procedemento de selección, así como os criterios de valoración dos méritos do candidato e do proxecto presentado.

Transcorridos varios anos desde a elección dos órganos de goberno dos centros de formación en materia marítima náutico-pesqueira dependentes da Consellería do Mar, proceso que se regulou por medio da Orde do 21 de marzo de 2013 (DOG núm. 71, do 12 de abril) procede convocar concurso de méritos para seleccionar as direccións dos centros que finalizan o seu mandato no actual curso académico 2017/18 e non solicitaron a correspondente prórroga e aquelas direccións que finalizan o seu mandato de carácter extraordinario ou accidental.

A convocatoria axústase ao previsto na Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, e na Orde do 18 de xullo de 2018 pola que se regulan os órganos de goberno dos centros de formación náutica e marítimo-pesqueira da Consellería do Mar.

Na súa virtude, esta dirección xeral no uso das facultades que lle confire o Decreto 39/2018, do 5 de abril, polo que se modifica o Decreto 168/2015, do 13 de novembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar (DOG núm. 221, do 19 de novembro)

DISPÓN:

Primeiro. Obxecto da convocatoria

O obxecto desta resolución é convocar o concurso de méritos para seleccionar e nomear as direccións dos centros oficiais de formación náutica e marítimo-pesqueira dependentes desta consellería e que son os seguintes: Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo, Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol e a Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira.

Para a presentación de solicitudes deberán empregarse os modelos normalizados correspondentes ao código do procedemento administrativo (PE002A), que están dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal

A selección realizarase de conformidade cos principios de igualdade, publicidade, mérito e capacidade.

Segundo. Requisitos para a selección da persoa titular da dirección do centro

1. As persoas aspirantes a participar no concurso de méritos para o nomeamento da dirección do centro deberán reunir, como mínimo, os seguintes requisitos:

a) Ser funcionario ou funcionaria de carreira na escala correspondente, con antigüidade mínima de 5 anos.

b) Ter impartido docencia directa como funcionario ou funcionaria de carreira, durante un período mínimo de 5 anos, nalgunha das ensinanzas que ofrece o centro a que se opta.

c) Presentar un proxecto de dirección.

d) Ter superado un curso de formación sobre o desenvolvemento da función directiva impartido por unha Administración educativa, directamente ou a través de entidades colaboradoras autorizadas.

Terceiro. Solicitudes e documentación complementaria necesaria para participar no concurso

Para a presentación das solicitudes deberá empregarse o modelo que aparece no anexo II desta resolución, e que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

As persoas candidatas para participar no proceso de selección deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa dos méritos académicos e profesionais alegados en relación co baremo que se publica como anexo I desta resolución, excepto aqueles que xa consten na base de datos de persoal.

b) Proxecto de dirección que inclúa os aspectos mencionados na letra c) do artigo 7 da Orde do 18 de xullo de 2018, ademais da xustificación do proxecto e análise de contexto do centro (véxase o anexo I).

O proxecto de dirección non excederá os 50 folios DIN A4, nun tipo de letra: Times New Roman (tamaño 12 puntos), espazo entre liñas: 1,5.

Así mesmo, os participantes no concurso de méritos remitirán ao centro unha copia do seu proxecto de dirección e terano á disposición do claustro de profesores e do Consello Escolar.

Cuarto. Presentación de solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (PE002A) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.gal

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes e documentación será de quince (15) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– Consulta do DNI/NIE da persoa solicitante.

– Consulta do DNI/NIE da persoa representante.

– Consulta do NIF da entidade representante.

– Consulta do expediente administrativo no servizo de persoal.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Sexto. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería do Mar, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta do cidadán.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, e esta circunstancia reflectirase no devandito formulario.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www. xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Sétimo. Comisión de selección para cada centro de ensino

1. Esta selección será realizada por unha comisión específica de cada centro de ensino que funcionará como órgano colexiado e estará constituída por:

a) Catro persoas representantes da Administración.

b) Dúas persoas representantes do profesorado elixidos polo claustro en reunión extraordinaria para estes efectos.

c) Unha persoa representante do Consello Escolar que non sexa profesor ou profesora, elixido en reunión extraordinaria para estes efectos.

No caso dos representantes do centro, o nomeamento realizarase logo da proposta do claustro de profesores/as e do Consello Escolar. Neste último caso, a proposta non poderá recaer nun alumno ou alumna menor de dezaseis anos.

A non elección de persoas representantes do claustro de profesorado ou do Consello Escolar non impedirá a constitución e actuación da comisión de selección.

2. A dirección xeral competente en materia de formación náutica e marítimo-pesqueira na Consellería do Mar nomeará as persoas membros da comisión de selección e os respectivos suplentes, e designará un presidente ou presidenta e un secretario ou secretaria. En ningún caso os candidatos ou candidatas á dirección poderán formar parte da comisión de selección.

Aos membros da comisión de selección seranlles de aplicación as normas sobre abstención e recusación previstas nos artigos 23 e 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

3. A composición da comisión de selección publicarase no portal web da Consellería do Mar e no taboleiro de anuncios do centro.

Oitavo. Funcións da comisión de selección e prazo de resolución

1. Recibidas as solicitudes, a comisión de selección comprobará que as persoas aspirantes reúnen os requisitos establecidos na correspondente convocatoria de concurso de méritos, e procederá a súa admisión ou, se é o caso, a súa exclusión.

2. Contra o rexeitamento da solicitude as persoas aspirantes poderán presentar reclamación ante a propia comisión seleccionadora, no prazo de cinco días hábiles contados desde o día seguinte ao da notificación do rexeitamento da solicitude.

3. A continuación valorará os méritos académicos e profesionais de cada persoa aspirante, e o proxecto presentado, de acordo co baremo que se publica no anexo I desta resolución. A cualificación do proxecto de dirección será a media aritmética das cualificacións de todos os membros presentes da comisión.

4. A comisión de selección poderá ter unha entrevista coas persoas candidatas, en que estas últimas defenderán o contido do proxecto de dirección. Nesta entrevista a comisión de selección poderá solicitar a clarificación de calquera dos aspectos contidos nel. Cando a comisión de selección decida a realización desta entrevista, deberá efectuala a todas e cada unha das persoas candidatas.

5. Finalmente, elaborará unha relación de persoas aspirantes coa puntuación total outorgada a cada persoa participante. Esa primeira relación considerarase provisional e será publicada no portal web da Consellería do Mar http://mar.xunta.gal/ e no taboleiro de anuncios do centro, e darase un prazo de dez (10) días de reclamación ante a propia comisión.

6. Transcorrido ese prazo de reclamacións e, se é o caso, resoltas estas, a comisión de selección no prazo máximo de tres meses, elaborará a relación definitiva de persoas aspirantes seleccionadas coa puntuación total outorgada e a indicación do centro para o cal son propostas, que será elevada ao órgano competente en materia de formación náutica e marítimo-pesqueira na Consellería do Mar.

7. No caso de producirse empates na puntuación total dos aspirantes, estes dirimiranse atendendo sucesivamente aos seguintes criterios:

a) Maior puntuación no proxecto de dirección.

b) Maior puntuación na epígrafe 2 do baremo.

c) Maior puntuación na epígrafe 1 do baremo.

8. A relación definitiva de persoas aspirantes seleccionadas, coa puntuación total outorgada pola comisión de selección, será publicada no portal web da Consellería do Mar e no taboleiro de anuncios do centro. Contra esa decisión da comisión de selección poderá interpoñerse recurso de alzada ante a dirección xeral competente en materia de formación náutica e marítimo-pesqueira da Consellería do Mar, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación nos lugares indicados anteriormente.

Noveno. Notificacións para actos de trámite individualizados que poidan xurdir no procedemento

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo. Proposta de nomeamento

A Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro elaborará a proposta de nomeamento das direccións de cada centro, en función da puntuación total outorgada ás persoas aspirantes pola comisión de valoración.

Décimo primeiro. Nomeamento

Con base na proposta do órgano competente en materia de formación náutica e marítimo-pesqueira, a persoa titular da Consellería do Mar nomeará director ou directora aquelas persoas candidatas seleccionadas e a resolución de nomeamento publicarase no portal web da Consellería do Mar http://mar.xunta.gal/ e no taboleiro de anuncios do centro. O nomeamento da dirección será por un período de catro anos e poderá renovarse, por períodos de igual duración, sempre que fose avaliado positivamente o traballo desenvolvido, de conformidade co regulado no artigo 9 da Orde do 18 de xullo de 2018.

A resolución de nomeamento porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor recurso potestativo de reposición, de conformidade co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, perante a persoa titular da Consellería do Mar, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte a aquel en que se faga pública a dita resolución, ou ben impugnala directamente ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se faga pública a dita resolución.

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2018

Susana Rodríguez Carballo
Directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro

ANEXO I

Méritos

Puntos

Documentación xustificativa

1. Antigüidade. Ata 3 puntos

1.1. Por cada ano de servizo como profesor/a nun centro de ensino náutico-pesqueiro

0,50

Fotocopia cotexada do título administrativo coas dilixencias das distintas posesións e cesamentos que tivese desde o seu nomeamento como funcionaria ou funcionario ou, se é o caso, dos correspondentes documentos de inscrición nos rexistros de persoal

2. Desempeño de cargos directivos. Ata 6 puntos

1. Por cada ano como director/a nun centro de ensino náutico-pesqueiro. Ata 3 puntos

A fracción de ano computarase a razón de 0,08 puntos por cada mes completo

Non se valorarán fraccións inferiores a 1 ano de servizo

1

Fotocopia cotexada do nomeamento, coas dilixencias da toma de posesión e cesamento ou, de ser o caso, certificación en que conste que neste curso continúa no cargo

2.2. Por cada ano como vicedirector/a, xefe/a de estudos ou secretario/a nun centro de ensino

náutico-pesqueiro. Ata 3 puntos

A fracción de ano computarase a razón de 0,04 puntos por cada mes completo

Non se valorarán fraccións inferiores a 1 ano de servizo

0,50

Fotocopia cotexada do nomeamento, coas dilixencias da toma de posesión e cesamento ou, de ser o caso, certificación en que conste que neste curso continúa no cargo

3. Méritos académicos e outros. Ata 4 puntos

3.1. Por cada título de doutor/a

1

Fotocopia cotexada do título ou certificación do aboamento dos dereitos de expedición, de acordo co previsto na OM do 8 de xullo de 1988 (BOE do 13 de xullo)

3.2. Por cada título de licenciado/a, enxeñeiro/a, arquitecto/a ou equivalente, distinto do alegado para o ingreso no corpo

0,50

Fotocopia cotexada do título ou certificación do aboamento dos dereitos de expedición, de acordo co previsto na OM do 8 de xullo de 1988 (BOE do 13 de xullo)

3.3. Por cada título de diplomado/a universitario/a ou equivalente, distinto do alegado para o ingreso no corpo

0,25

Fotocopia cotexada do título ou certificación do aboamento dos dereitos de expedición, de acordo co previsto na OM do 8 de xullo de 1988 (BOE do 13 de xullo)

3.4. Pola participación en cursos de formación sobre dirección e organización de centros, calidade, administración electrónica e ferramentas informáticas relacionadas coa xestión educativa, prevención de riscos laborais, idiomas e igualdade

A valoración dos cursos será de 0,02 puntos por cada 10 horas

Ata 2

Certificado destes en que conste de modo expreso o número de horas de duración do curso. No caso dos organizados polas institucións sen ánimo de lucro, deberá acreditarse de forma que faga fe o recoñecemento ou a homologación

4. Polo proxecto de dirección

Puntuación por epígrafes do proxecto de dirección:

Xustificación do proxecto (2,5 puntos)

Análise do contexto (2,5 puntos)

Obxectivos (3 puntos)

Liñas de actuación (5 puntos)

Avaliación (4 puntos)

Ata 17

Orixinal deste

missing image file
missing image file