Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Luns, 3 de setembro de 2018 Páx. 39782

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 13 de agosto de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2018-2019.

No marco establecido nos artigos 40 e 49 da Constitución española; no Real decreto lexislativo 3/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de emprego; nos obxectivos de crecemento e emprego da Unión Europea, conforme a Estratexia europea de emprego, e no respectivo Plan anual de política de emprego (PAPE) e co obxectivo de que a Comunidade Autónoma de Galicia acade uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social e de cohesión no territorio, é preciso adoptar políticas que promovan a calidade dun modelo de desenvolvemento económico que favoreza a capacidade de toda a sociedade galega para crear emprego, en especial para aquelas persoas cuxa integración laboral supón máis dificultades, como son as persoas con discapacidade.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 29, atribúelle á Comunidade Autónoma, en concordancia co artigo 149.1.7 da Constitución española, competencia para a execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, funcións e servizos correspondentes a este ámbito.

O artigo 37 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, establece que será finalidade da política de emprego aumentar as taxas de actividade, de ocupación e inserción laboral das persoas con discapacidade, así como mellorar a calidade do emprego e dignificar as súas condicións de traballo, combatendo activamente a súa discriminación. Para iso, as administracións públicas competentes fomentarán as súas oportunidades de emprego e promoción profesional no mercado laboral e promoverán os apoios necesarios para a busca, a obtención e o mantemento do emprego, así como o retorno a este.

De conformidade co Decreto 168/1984, do 15 de novembro, de asunción de funcións e servizos, correspóndelle á Comunidade Autónoma a xestión de calquera tipo de axudas, subvencións e préstamos que realizaba a Unidade Administradora do Fondo Nacional de Protección ao Traballo. Así mesmo, mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, a Comunidade Autónoma de Galicia asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego (Inem) no ámbito do traballo, o emprego e a formación.

De acordo co disposto no Decreto 146/2016, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; no Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia e no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, correspóndelle a esta o exercicio das anteriores competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Consonte o anterior, correspóndelle a esta consellería a regulación específica, a convocatoria, a xestión e o control das axudas e subvencións para a integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego (en diante, CEE), e das subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos CEE.

As persoas con discapacidade poden exercer o seu dereito ao traballo a través do emprego ordinario, nas empresas e nas administracións públicas, incluídos os servizos de emprego con apoio; do emprego protexido en CEE e en enclaves laborais e do emprego autónomo.

O artigo 43 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social define os CEE como aqueles cuxo obxectivo principal é realizar unha actividade produtiva de bens ou de servizos, participando regularmente nas operacións do mercado, e que teñen como finalidade asegurar un emprego remunerado para as persoas con discapacidade, e a prestación de servizos de axuste persoal e social que requiran os seus traballadores e as súas traballadoras con discapacidade, ao mesmo tempo que é un medio de integración do maior número de persoas traballadoras con discapacidade ao réxime de traballo normal.

Os CEE están declarados como entidades prestadoras de servizos de interese económico xeral (artigo 5.4 da Lei 5/2011, do 29 de marzo, de economía social, segundo a redacción dada pola Lei 31/2015, do 9 de setembro, pola que se modifica e actualiza a normativa en materia de autoemprego e se adoptan medidas de fomento e promoción do traballo autónomo e da economía social). Son iniciativas empresariais que combinan a viabilidade económica empresarial coa inserción laboral do maior número de persoas con discapacidade e, en todo caso, como mínimo o 70 % do total do cadro de persoal. Polo tanto, os CEE dan resposta a unha necesidade social esencial e executan unha obriga de servizo público na Comunidade Autónoma de Galicia, como é a integración social e laboral das persoas con discapacidade.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, en concordancia co desenvolvemento doutras medidas no ámbito social, e na execución das políticas activas de emprego e no marco da Axenda 20 para o emprego, establece accións específicas para a inserción das persoas con discapacidade, que teñen por obxecto a mellora da súa empregabilidade e, coordinadamente, o establecemento de medidas para a súa inserción normalizada no mercado de traballo, pois entende que o acceso ao emprego é un elemento decisivo para a integración deste colectivo na economía e na sociedade nun sentido amplo.

Neste sentido configúranse as axudas deste texto normativo que ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria bianual 2018-2019 das axudas a centros especiais de emprego, co fin de garantir a empregabilidade das persoas con discapacidade.

No capítulo I establécense as normas xerais e no capítulo V convócanse as axudas para os anos 2018 e 2019. Regúlanse tres programas ou liñas de axudas claramente diferenciadas cuxas condicións específicas se determinan nos capítulos II a IV.

No capítulo II establécense as bases reguladoras específicas do Programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional, que consiste na subvención parcial dos custos salariais e da Seguridade Social do persoal indefinido destas unidades que apoiarán as persoas con discapacidade que teñan máis dificultades de integración sociolaboral.

Dadas as características e tipoloxía dos CEE na Comunidade Autónoma de Galicia, a Xunta de Galicia recolleu como programa propio do Plan anual de políticas de emprego (en diante, PAPE) as actuacións complementarias en materia de axudas a CEE, o que permite establecer melloras respecto do recollido na normativa estatal.

No capítulo III regúlase o Programa de integración laboral das persoas con discapacidade en CEE que recolle axudas para os CEE sen ánimo de lucro de creación de postos de traballo de carácter indefinido, axudas á adaptación dos postos e eliminación de barreiras arquitectónicas e axudas de asistencia técnica. Establécense incentivos complementarios para a creación de emprego indefinido para determinados colectivos máis desfavorecidos. Estas melloras recóllense como programas propios da Comunidade Autónoma de Galicia no PAPE.

O capítulo IV ten por obxecto regular a compensación económica pola prestación do servizo de interese económico xeral desenvolvida polos CEE, mediante o financiamento parcial dos custos salariais dos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade.

Este capítulo determina as condicións das axudas ao mantemento dos postos de traballo das persoas traballadoras con discapacidade apoiando o custo salarial mediante o financiamento dun 50 % do salario mínimo interprofesional (SMI).

Cómpre salientar o incentivo adicional do SMI para as persoas traballadoras con discapacidade nos CEE con especiais dificultades de inserción laboral, que tamén se configura como un programa propio da Comunidade Autónoma de Galicia no PAPE.

O procedemento de concesión das axudas non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que, de acordo coa finalidade e o obxecto do programa, non resulta necesario realizar, nun único procedemento, a comparación e a prelación das solicitudes presentadas, senón que a concesión das axudas se realiza pola comprobación da concorrencia na entidade solicitante dos requisitos establecidos, e así ata o esgotamento do crédito orzamentario, conforme o previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En calquera das modalidades de axudas que prevé esta orde, os centros beneficiarios poderán acollerse ao sistema de pagamento anticipado do gasto sen necesidade de constituír garantías.

Consecuentemente con todo o anterior, unha vez consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo dos informes da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, e autorizado polo Consello da Xunta de Galicia o compromiso plurianual e a exención da obriga de constituír garantías para os pagamentos anticipados, así como a modificación das porcentaxes máximas destes, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto, finalidade, principios de xestión

1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e a convocatoria plurianual das subvencións aos centros especiais de emprego (CEE) establecidas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, co fin de garantir a empregabilidade das persoas con discapacidade, a través dos seguintes programas:

a) Programa I: programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos CEE regulado no capítulo II (procedemento TR341K).

b) Programa II: programa de axudas a proxectos de creación de postos de traballo de carácter indefinido, a adaptación dos postos e asistencias técnicas nos CEE, regulado no capítulo III (procedementos TR341E e TR341N).

c) Programa III: programa de axudas ao financiamento parcial do custo salarial das persoas con discapacidade nos CEE, regulado no capítulo IV (procedemento TR341M).

2. A xestión destes programas realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

c) Eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

Artigo 2. Financiamento

1. Os programas regulados nesta orde están financiados con fondos finalistas do Estado recibidos do Servizo Público de Emprego Estatal.

2. A concesión das subvencións previstas nesta orde estará limitada á existencia de crédito orzamentario e ao límite dos compromisos plurianuais que se poidan adquirir ao abeiro do artigo 58.1.b) do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, logo da autorización do compromiso plurianual por parte do Consello da Xunta.

3. Se é o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, publicarase mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas aos programas desta orde.

4. Os créditos consignados na convocatoria poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento de emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais.

5. Poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Artigo 3. Beneficiarios das subvencións

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións que se regulan nesta orde os CEE que, na data da solicitude da subvención, figuren inscritos como tales no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia e a súa organización e funcionamento (DOG núm. 138, do 19 de xullo), sempre que se cumpran as condicións e os requisitos establecidos para cada tipo de axuda nos capítulos II a IV desta orde. Igualmente, os centros de traballo para os que se solicite subvención deberán contar coa autorización administrativa prevista no artigo 7 do devandito decreto.

Así mesmo, poderán ser beneficiarias aquelas entidades que na data de presentación da solicitude de axudas, teñan solicitado a súa cualificación como centro especial de emprego ou ampliación de novos centros de traballo. Consideraranse accións ou gastos subvencionables os realizados desde a data da solicitude de cualificación dentro do período que se estableza na convocatoria. En todo caso, para o seu pagamento será necesario acreditar a dita cualificación e a inscrición da entidade no Rexistro de Centros Especiais de Emprego da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para ser beneficiario, o CEE deberá acreditar o cumprimento da porcentaxe mínima do 70 % de persoas con discapacidade contratadas respecto do total do cadro de persoal. Nesta porcentaxe non se inclúe o persoal sen discapacidade dedicado á prestación de servizos de axuste persoal e social. Entenderase por servizos de axuste persoal e social os de rehabilitación, terapéuticos, de integración social, culturais e deportivos que procuren ao traballador ou traballadora con discapacidade do centro especial de emprego unha maior rehabilitación persoal e mellor adaptación da súa relación social.

Os CEE sen personalidade xurídica propia para seren beneficiarios terán que ter unha xestión diferenciada da súa entidade titular polo que deberán levar unha contabilidade separada da dita entidade e ter unha conta de cotización da Seguridade Social propia do CEE.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarios os CEE en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. Tampouco poderán obter a condición de beneficiarios os CEE solicitantes que estean excluídos do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o disposto nos artigos 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

4. A xustificación por parte dos CEE solicitantes de non estaren incursos nas prohibicións contidas nos números 2 e 3 anteriores para obteren a condición de beneficiarios realizarase mediante declaración responsable no anexo de solicitude de cada tipo de axuda.

Artigo 4. Persoas destinatarias finais

A integración laboral por medio de centros especiais de emprego vai dirixida a persoas desempregadas ou ocupadas que teñan un grao de discapacidade recoñecido superior ou igual ao 33 %, que teñan un contrato laboral co CEE ou que sexan socias traballadoras no caso de que o CEE sexa unha cooperativa e que desempeñen o seu posto de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

No programa I, as persoas destinatarias finais son as persoas con discapacidade con especiais dificultades para a súa inserción sociolaboral, tal e como se definen no artigo 5.3.

Artigo 5. Definicións

Para os efectos das axudas previstas nesta orde, entenderase por:

1. Persoas con discapacidade: aquelas que teñan recoñecida, pola Administración competente, unha discapacidade nun grao igual ou superior ao 33 %.

A comprobación da condición de persoas con discapacidade realizaraa directamente o órgano xestor das axudas; agás que fose recoñecida por outra Administración distinta da propia da Comunidade Autónoma de Galicia, suposto en que deberá achegarse a resolución de recoñecemento da discapacidade.

De acordo co disposto no artigo 4 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, considerarase que presentan unha discapacidade igual ou superior ao 33 % as persoas pensionistas da Seguridade Social que teñan recoñecida unha pensión de incapacidade permanente no grao de total, absoluta ou grande invalidez e as persoas pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión por xubilación ou de retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade. Nestes supostos a acreditación do grao de discapacidade realizarase conforme o previsto no Real decreto 1414/2006, do 1 de decembro, polo que se determina a consideración de persoa con discapacidade para os efectos da Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade (BOE núm. 300, do 16 de decembro de 2006), mediante algún dos seguintes documentos:

a) Resolución do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) recoñecendo a condición de pensionista por incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez, ou certificado de ser perceptor de incapacidade.

b) Resolución do Ministerio de Facenda ou do Ministerio de Defensa recoñecendo unha pensión de xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade, ou certificado de ser perceptor destas pensións.

Nestes casos, para a determinación do tipo de discapacidade psíquica terase en conta a certificación que emita o organismo competente para o seu recoñecemento (o Instituto Nacional da Seguridade Social, o Ministerio de Facenda ou o Ministerio de Defensa) en que se recoñeza a incapacidade por concorrencia de parálise cerebral, de enfermidade mental ou de persoa con discapacidade intelectual.

Así mesmo, nestes casos a acreditación do grao de discapacidade superior ao 33 % realizarase mediante a resolución ou o certificado de recoñecemento do órgano competente da Administración autonómica que corresponda.

2. Persoas desempregadas: aquelas que figuren inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego e que carezan de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social na data da súa alta na Seguridade Social.

A comprobación da inscrición no Servizo Público de Emprego como demandante de emprego, na data de alta na Seguridade Social dos traballadores e traballadoras con discapacidade, realizaraa directamente o órgano xestor das axudas.

Igualmente, a comprobación de carecer de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social na data da súa alta na Seguridade Social, das persoas que se incorporan á empresa como traballadoras polas que se solicita a subvención, realizaraa directamente o órgano xestor das axudas.

3. Persoas con discapacidade con especiais dificultades para a súa inserción laboral, as persoas que se atopen nalgún dos seguintes supostos:

a) Persoas con parálise cerebral, persoas con enfermidade mental ou persoas con discapacidade intelectual, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

b) Persoas con discapacidade física ou sensorial cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.

4. Persoa emigrada retornada: de acordo co establecido nos artigos 53 e 54 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, terán a condición de persoa galega retornada as persoas galegas e nacidas en Galicia que, residindo fóra de España, retornen á Comunidade Autónoma galega. Para os efectos previstos nesa lei asimílanse a persoas galegas retornadas os cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal e os fillos e fillas das persoas galegas e nacidas en Galicia con residencia no estranxeiro que, residindo fóra de España, se establezan na Comunidade Autónoma de Galicia.

5. Concello rural: aquel que non conta con ningunha zona densamente poboada a nivel de parroquia (ZDP), segundo a clasificación publicada polo Instituto Galego de Estatística (https://www.ige.eu/web/mostrar_paxina.jsp?paxina=003003001& idioma=gl). Para estes efectos, considéranse concellos rurais todos os concellos galegos agás os seguintes: Cambre, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Lugo, Barbadás, Ourense, Poio, Pontevedra e Vigo.

6. Centros especiais de emprego sen ánimo de lucro: os que estean cualificados con esta condición polo Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co artigo 10 do Decreto 200/2005, do 7 de xullo.

7. Persoas traballadoras: as persoas vinculadas ao CEE por un contrato laboral ou as persoas socias traballadoras no caso de que o CEE sexa unha cooperativa.

Artigo 6. Competencia

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas e subvencións previstas nesta orde, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, corresponderalle:

1. Á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego cando se trate de solicitudes dos programas I e II.

2. Ás persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria, cando se trate de solicitudes do programa III, referidas a centros de traballo radicados na respectiva provincia.

Artigo 7. Normativa aplicable

As solicitudes, a tramitación e a concesión destas axudas axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 8/2017, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; na Orde do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, do 16 de outubro de 1998, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas e subvencións públicas destinadas ao fomento da integración laboral das persoas con discapacidade en CEE; no Real decreto 357/2006, do 24 de marzo, polo que se regula a concesión directa de determinadas subvencións nos ámbitos do emprego e da formación profesional ocupacional; no Real decreto 469/2006, do 21 de abril, polo que se regulan as unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos CEE, e nesta orde.

Artigo 8. Solicitudes e prazos

1. As solicitudes de subvención deberán presentarse por separado para cada un dos programas regulados nos capítulos II, III e IV desta orde.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados (anexos I, IV, VI ou VIII, segundo o tipo de axuda de que se trate) dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De acordo co disposto no artigo 31 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, de acompañamento dos orzamentos para o ano 2017, a xustificación da concorrencia das circunstancias indicadas no devandito artigo para establecer a obriga de relacionarse electronicamente coa Administración na presentación das persoas físicas vén motivada polo feito de que as entidades beneficiarias a que vai dirixida esta orde de subvencións son as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídos os autónomos, as sociedades civís e as comunidades de bens, as asociacións, as fundacións e outras entidades sen ánimo de lucro e os centros especiais de emprego. Todas elas, incluídas as persoas autónomas, exercen unha actividade económica e dispoñen de ferramentas informáticas cun coñecemento básico do seu funcionamento, en calquera actividade comercial que realicen.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

As solicitudes de subvención deberán presentarse xunto coa documentación complementaria sinalada nesta orde para cada programa, e dirixiranse ao órgano competente para resolver.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave, Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Para a presentación de solicitudes as persoas ou entidades beneficiarias poderán contar co asesoramento dos axentes de emprego e desenvolvemento local da rede coordinada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

2. O prazo de presentación das solicitudes para cada un dos programas previstos nesta orde establecerase en cada convocatoria de axudas e será como mínimo dun mes.

O prazo de presentación de solicitudes comezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro do mes.

Artigo 9. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Ás solicitudes xuntaranse a documentación complementaria sinalada nos artigos 32, 41 e 47, para cada un dos programas de axudas desta orde, salvo que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 53.d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sempre que se faga constar a data e o órgano ou dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

3. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante supere os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación destes de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaños máximos admitidos da documentación complementaria para cada procedemento.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código do rexistro.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os tramites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación dos procedementos regulados nesta orde deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación dos procedementos regulados nesta orde consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Seguridade Social a entidade solicitante.

e) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia a entidade solicitante.

f) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Axencia Estatal Tributaria a entidade solicitante.

g) Informe da vida laboral das persoas con discapacidade do CEE e informe da vida laboral das persoas traballadoras polas que se solicita a subvención, de ser o caso.

h) Inscrición como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego relativo ás persoas polas que se solicita a subvención e ás cales lles sexa de aplicación esta circunstancia.

i) Certificado de discapacidade emitido pola Xunta de Galicia, relativo ás persoas polas que se solicita a subvención e ás persoas con discapacidade destinatarias finais da subvención, de ser o caso.

j) DNI ou NIE das persoas con discapacidade do CEE e das persoas traballadoras polas que se solicita a subvención, de ser o caso.

k) Certificado das prestacións que figuran no Rexistro de Prestacións Sociais Públicas das persoas con discapacidade do CEE cuxo certificado non sexa emitido pola Xunta de Galicia.

2. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia, segundo o establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. A comprobación do cumprimento dos requisitos das persoas traballadoras polas que se solicita a subvención efectuarase mediante a cesión de datos realizada pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social, polo Servizo Público de Emprego de Galicia e a Consellería de Política Social, de conformidade co previsto no artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; nos artigos 11.2 e 21 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal; no artigo 10.4.c) do Regulamento de desenvolvemento da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, aprobado polo Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, e nos artigos 14.1.b) e 20.2.e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 12. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial e no Diario Oficial de Galicia a relación das empresas/entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiaras e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. As persoas interesadas teñen dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 13. Procedemento de concesión e fase de instrución

1. O procedemento de concesión das axudas non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que, de acordo coa finalidade e obxecto dos programas, non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión das axudas se realizará pola comprobación da concorrencia na persoa ou entidade solicitante dos requisitos establecidos e en función da orde de entrada da solicitude no rexistro electrónico da Xunta de Galicia (terase en conta data e hora de presentación) ata o esgotamento do crédito orzamentario, conforme o previsto no Real decreto 357/2006, do 24 de marzo, polo que se regula a concesión directa de determinadas subvencións nos ámbitos do emprego e da formación profesional ocupacional, e o disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O órgano instrutor dos expedientes realizará as actuacións necesarias para determinar o coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

Son órganos instrutores:

– A Subdirección Xeral de Economía Social da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, para os programas I e II (procedementos TR341E, TR341N e TR341K).

– O Servizo de Emprego e Economía Social das xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria para o programa III de subvencións ao custo salarial (procedemento TR341M).

3. A unidade administrativa encargada da instrución do expediente comprobará se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirá a persoa interesada para que nun prazo de dez (10) días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará á persoa ou entidade interesada desistida da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da antedita lei.

4. A instrución completarase incorporando ao expediente a información que conste na Subdirección Xeral de Economía Social da Consellería de Economía, Emprego e Industria, sobre as autorizacións administrativas e inscricións no rexistro como CEE, así como o seu recoñecemento e inscrición como centro especial de emprego sen ánimo de lucro, conforme o previsto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, e a súa organización e funcionamento.

5. O órgano instrutor comprobará de oficio o cumprimento da porcentaxe do 70 % do cadro de persoal de persoas con discapacidade mediante a consulta das certificacións de discapacidade emitidas pola Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade ou polo Rexistro de Prestacións Sociais Públicas, segundo os casos.

6. Durante a fase de instrución solicitaranse os informes á Inspección de Traballo, necesarios para o pagamento das axudas reguladas nesta orde.

Artigo 14. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á conta de correo que conste na solicitude para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderase rexeitada cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Resolución e recursos

1. Logo da fiscalización pola Intervención das propostas emitidas polos órganos instrutores do procedemento, as resolucións serán ditadas polo órgano competente para resolver, por delegación da persoa titular da Consellería Economía, Emprego e Industria e deberán serlles notificadas aos solicitantes.

As resolucións deberán ser sempre motivadas e nelas acordarase o outorgamento da axuda ou ben a non concesión, a desistencia ou a renuncia ao dereito.

As resolucións de concesión indicarán o período subvencionado e o importe concedido por cada anualidade ou anualidades e incluirán como anexo a relación dos traballadores e das traballadoras con discapacidade do centro especial de emprego tidos en conta para o cálculo da contía da subvención, así como a súa xornada laboral, o tipo de contratación e a duración dos contratos temporais.

Así mesmo, as resolucións do programa I indicarán o persoal da unidade de apoio subvencionado, a súa xornada e o número de persoas con discapacidade que deben atender.

2. O importe da subvención concedida poderá ser obxecto de modificación en función da documentación presentada para a xustificación do pagamento final da subvención e poderá dar lugar, se é o caso, a que se dite a resolución revogatoria que corresponda se o importe xustificado é inferior ao concedido inicialmente.

Nas axudas dos programas I e III (unidades de apoio e custo salarial) poderán ditarse resolucións complementarias se o importe xustificado é superior ao concedido, por aumentar o número de contratos ou a xornada laboral das persoas traballadoras con discapacidade.

3. As resolucións complementarias ou revogatorias dos programas I e III poderán ditarse en calquera das seguintes circunstancias:

a) Unha vez xustificada a axuda concedida para cada anualidade. As resolucións complementarias da primeira anualidade poderán financiarse con cargo aos créditos da segunda.

b) Para as axudas do programa I en calquera momento en que o solicite o CEE beneficiario, sempre que se acredite un incremento mínimo do 25 % do número de persoas traballadoras con discapacidade con especiais dificultades para a súa inserción laboral con contrato indefinido.

c) Para as axudas do programa III:

– En calquera momento en que o solicite o CEE beneficiario, sempre que acredite un incremento mínimo do 25 % do número de persoas traballadoras con discapacidade con contrato indefinido.

– Cando o Consello de Ministros aprobe un incremento do SMI, sempre e cando se faga constar na convocatoria.

En calquera caso, as resolucións complementarias quedarán supeditadas á existencia de crédito adecuado e suficiente.

4. O prazo para resolver e notificar a resolución será de tres meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, de acordo co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Con anterioridade á interposición do dito recurso, poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro.

5. Notificada a resolución polo órgano competente, as entidades propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez (10) días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 16. Xustificación

1. A xustificación por parte dos CEE beneficiarios do cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención e da aplicación dos fondos percibidos documentarase mediante conta xustificativa.

Nos programas I e III será con entrega de informe de auditor conforme o estipulado no artigo 50 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A conta xustificativa acompañarase dun informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas dependente do Instituto de Contabilidade e Auditoría de Contas. O auditor de contas levará a cabo a revisión da conta xustificativa de conformidade cos criterios sinalados nos parágrafos 3 e 4 deste artigo.

O rendemento da conta xustificativa farase por anualidades e deberá incorporar a documentación que se exixa na resolución de concesión e a que se relaciona nos artigos 33, 42 e 48 desta orde, segundo o programa de que se trate.

2. A documentación xustificativa para o pagamento da axuda deberá presentarse como máximo na data que estableza cada convocatoria. Non obstante, se o prazo desde a notificación da resolución ata a data establecida como límite para xustificar resulta ser inferior a dez (10) días, o prazo será de dez (10) días contados desde a dita notificación.

Excepcionalmente, e por causas debidamente xustificadas, o órgano concedente poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación, que non exceda a metade deste. O acordo de ampliación deberá ser notificado ás persoas ou entidades beneficiarias.

Transcorrido o prazo establecido para a xustificación sen ter presentado esta ante o órgano administrativo competente, este requirirá a persoa ou entidade beneficiaria para que, no prazo improrrogable de dez (10) días, a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

3. A determinación dos gastos subvencionables realizarase conforme co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Considéranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen durante o período subvencionable.

As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento que establece as obrigas de facturación e deberán estar emitidas no período que estableza a convocatoria.

4. Considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación. Só se admitirá como documentación xustificativa do pagamento dos gastos a transferencia bancaria, a certificación bancaria ou extracto bancario de pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo.

No recibo/extracto bancario deberá constar: o número de conta e a titularidade das persoas ou entidades receptoras e emisoras dos pagamentos (que deberán coincidir coas beneficiarias das axudas) así como o concepto e o importe (IVE incluído) do pagamento. Os mesmos datos deberán constar no caso de xustificantes bancarios emitidos a través da internet. Os datos dos xustificantes bancarios de pagamento deberán coincidir exactamente cos da factura ou os do recibo de salarios, segundo a axuda de que se trate.

Se o importe reflectido no documento bancario non coincide por existir varios pagamentos agrupados, deberá presentarse unha desagregación onde poidan identificarse os pagamentos en cuestión.

Todo isto sen prexuízo das particularidades exixidas para a xustificación das axudas ao custo salarial no capítulo IV desta orde.

Artigo 17. Pagamento da subvención

1. O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación da documentación que se exixa de forma expresa na resolución de concesión, xustificativa da realización da actividade para a cal se concedeu a subvención.

O pagamento da axuda efectuarase de forma nominativa a favor das persoas ou entidades beneficiarias.

2. Poderán realizarse pagamentos anticipados do gasto para cada anualidade, con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para levar a cabo as actuacións inherentes ás subvencións recollidas nesta orde nos termos e condicións previstos para cada axuda nos artigos 35, 44 e 49 e sempre que o CEE o solicite marcando esta opción no anexo de solicitude ou mediante escrito dirixido ao órgano xestor da axuda en calquera momento anterior á data límite de xustificación das axudas para cada anualidade.

3. O importe dos anticipos non poderá exceder a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

Para realizar estes pagamentos anticipados as entidades beneficiarias quedan eximidas da obriga de constituír garantías, conforme o disposto no artigo 67.4 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. O pagamento final da axuda terá lugar cando se liquide o expediente, unha vez xustificadas as dúas anualidades e ditadas as resolucións complementarias ou revogatorias que procedan.

Se a contía xustificada é inferior á anticipada procederá o reintegro das cantidades cobradas indebidamente, que o CEE poderá ingresar de maneira voluntaria segundo o previsto no artigo 22.

5. Cando a documentación xustificativa da axuda se presente na súa integridade xunto coa solicitude de subvención, a opción dos/das interesados/as, poderán tramitarse conxuntamente a concesión e o pagamento da axuda.

6. Non poderá realizarse en ningún caso o pagamento da subvención:

a) Mentres o CEE non estea ao día do cumprimento das súas obrigas tributarias –estatais e autonómicas– e da Seguridade Social, sexa debedor en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

b) Mentres o CEE non se atope ao día no cumprimento da obriga de presentar, ante o Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a memoria anual prevista no artigo 8 do Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, e a súa organización e funcionamento. O cumprimento desta obriga será comprobado de oficio polo órgano xestor das subvencións.

c) Mentres non haxa informe favorable da Inspección de Traballo sobre a necesidade de adaptación ou de medios especiais de protección persoal, no caso do pagamento das axudas para a adaptación de postos de traballo recollidas no artigo 39. No suposto de que o dito informe non sexa favorable, ditarase unha resolución revogatoria.

Artigo 18. Incompatibilidades

1. En ningún caso o importe das subvencións concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, concedidos por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, supere o custo total da actividade que vaia desenvolver a persoa ou entidade beneficiaria.

2. As subvencións do custo salarial previstas no capítulo IV desta orde serán incompatibles para a mesma persoa traballadora con discapacidade coas establecidas para as unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos CEE reguladas no capítulo II, no suposto dunha persoa traballadora con discapacidade integrante da unidade de apoio á actividade profesional.

Artigo 19. Obrigas xerais dos centros especiais de emprego

a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Consellería de Economía, Emprego e Industria, así como a calquera outra actuación sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

f) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

Agás aquelas entidades beneficiarias que pola normativa vixente estean exentas da obriga de levar a cabo unha contabilidade, terán a obriga de acreditar que levan unha contabilidade separada ou un código contable adecuado para os gastos obxecto da subvención.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria con fondos recibidos do Servicio Público de Empleo Estatal (SEPE).

De acordo con esta obriga, o centro especial de emprego deberá anunciar que está sendo subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e o SEPE no seu domicilio social e nos seus centros de traballo. Para isto incorporarán un rótulo visible ao público incluíndo o nome do centro, a expresión «centro especial de emprego» e o logotipo da Xunta de Galicia, o do SEPE e o do Ministerio de Emprego e Seguridade Social. Os formatos que se utilicen serán os proporcionados pola Secretaría Xeral de Emprego, que constan na web da Consellería de Economía, Emprego e Industria ou na seguinte ligazón directa: http://traballo.xunta.es/publicidade-centros-especiais-de-emprego.

Así mesmo, deberá informar as persoas traballadoras respecto da subvención do seu contrato.

i) Ter levado a cabo a organización preventiva, a auditoría, se procede, e o plan de prevención, de acordo co previsto na Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais e a normativa regulamentaria de desenvolvemento.

j) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

k) Someter a auditoría as contas anuais correspondentes ao exercicio en que recibisen subvencións ou axudas públicas por un importe total acumulado superior a 600.000 euros, e naqueles exercicios en que se realicen operacións ou se executen investimentos correspondentes ás ditas subvencións ou axudas, conforme o establecido no texto refundido da Lei de auditoría de contas, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2011, do 1 de xullo, e o Regulamento que o desenvolve, aprobado polo Real decreto 1517/2011, do 31 de outubro.

l) Agás aquelas entidades beneficiarias que pola normativa vixente estean exentas da obriga de levar a cabo unha contabilidade, as entidades beneficiarias teñen a obriga de acreditar que levan unha contabilidade separada ou un código contable axeitado para os gastos obxecto da subvención.

m) Estar ao día no cumprimento das obrigas rexistrais, previstas no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, e a súa organización e funcionamento; en especial, cumprir coas obrigas de comunicación previstas no seu artigo 7 e coa obriga de presentar a memoria anual ante a Subdirección Xeral de Economía Social da Consellería de Economía, Emprego e Industria, co contido e no prazo establecido no seu artigo 8.

n) Presentar, como máximo o 15 de febreiro do ano seguinte á publicación de cada convocatoria, na Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria (Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela, A Coruña) a seguinte documentación:

1º. Para cumprir co establecido no artigo 13 do Real decreto 2273/1985, do 4 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de CEE, os centros beneficiarios das subvencións con cargo a esta orde deberán remitir a información identificativa do centro, as relacións nominais dos traballadores e das traballadoras con discapacidade e sen discapacidade en 31 de decembro do ano da convocatoria, segundo os modelos de impresos Mem./1, 2, 3, 4 e 5 que constan na páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria, ou na seguinte ligazón directa: http://traballo.xunta.es/seguimento-cadro-persoal-centros-especiais-de-emprego.

2º. Os centros que realicen contratos previstos no Real decreto 364/2005, do 8 de abril, polo que se regula o cumprimento alternativo con carácter excepcional da cota de reserva en favor de traballadores e traballadoras con discapacidade, presentarán unha relación coa tipoloxía das accións realizadas e os recursos aplicados durante o ano da convocatoria de acordo co artigo 4.1 do citado real decreto.

3º. No caso de que o CEE asinase contratos co sector público, en cumprimento da cota de reserva obrigatoria de contratos a que se refire o artigo 26 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público, remitirase unha relación en que consten todos os contratos en vigor durante o ano da convocatoria, indicando o seu inicio e remate, cando se trate dunha prórroga, a Administración ou consellería asinante, o importe e o seu obxecto.

4º. Cando existan traballadores ou traballadoras procedentes do CEE cun contrato indefinido ou cun contrato de traballo superior a 6 meses subscritos por empresas do mercado ordinario de traballo, presentarase a relación das ditas persoas traballadoras, os sectores en que se realizaron eses contratos así como a súa duración.

5º. Certificación de realización do plan de prevención de riscos laborais a que se refire o artigo 16 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

Artigo 20. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.

Artigo 21. Revogación e reintegro

1. Procederá a revogación das subvencións establecidas nesta orde, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos indicados expresamente nos artigos 34 e 43 desta orde.

A declaración xudicial ou administrativa de nulidade ou anulabilidade da resolución de concesión, de acordo co procedemento e causas establecidas no artigo 32 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, levará aparellada a obriga de devolver as cantidades percibidas.

2. De conformidade co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o importe que se vai reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) A obtención da subvención falseando os datos, feitos ou documentación, así como as condicións requiridas para a concesión ou ocultando aquelas que o impedisen: reintegro do 100 % da subvención concedida.

b) O incumprimento da finalidade, requisitos e condicións exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro do 100 % da subvención concedida.

c) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación previstas no artigo 19.c) desta orde, o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, previstas nas letras f) e g) do artigo 19, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados: reintegro do 100 % da subvención concedida.

d) O incumprimento da obriga en materia de publicidade do financiamento público, mediante a colocación do rótulo visible ao público, conforme o previsto no artigo 19.h): reintegro do 2 % da subvención concedida.

Non obstante, no suposto de resultar aínda posible o cumprimento desta obriga, o órgano xestor poderá requirir a entidade beneficiaria para que incorpore o rótulo, nun prazo non superior a quince (15) días, con expresa advertencia de que o seu incumprimento implicará o inicio do expediente declarativo da procedencia do reintegro.

e) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos, públicos ou privados, que financien as actividades subvencionadas: reintegro do 5 % da axuda concedida.

f) A percepción das subvencións polas persoas traballadoras das unidades de apoio á actividade profesional, coa percepción da subvención do custo salarial pola mesma persoa con discapacidade integrante da unidade de apoio á actividade profesional: reintegro do 100 % da subvención concedida.

g) O incumprimento da obriga de entregar a documentación indicada nas letras m) e n) do artigo 19: reintegro do 100 % da axuda concedida.

Para os efectos de entender incumprida a obriga de presentación da documentación indicada nesta letra, o órgano concedente, unha vez vencido o prazo indicado no artigo 19 (15 de febreiro do ano seguinte á convocatoria) requirirá ao CEE para que remita a devandita documentación no prazo improrrogable de quince (15) días, apercibíndoo de que, se así non o fixer, procedería o inicio de expediente de reintegro do 100 % das axudas percibidas nesa convocatoria.

3. A entidade beneficiaria deberá reintegrar o exceso de financiamento, público ou privado, respecto do custo total da actividade subvencionada. Cando se produza exceso das subvencións percibidas de distintas entidades públicas respecto do custo da actividade, e estas fosen compatibles entre si, a entidade beneficiaria deberá reintegrar o exceso xunto cos xuros de demora, unindo as cartas de pagamento á correspondente xustificación. O reintegro do exceso farase a favor das entidades concedentes en proporción ás subvencións concedidas por cada unha delas.

4. O procedemento de reintegro substanciarase conforme o previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. As obrigas de reintegro establecidas neste artigo enténdense sen prexuízo da posible cualificación dos feitos como infracción administrativa e incoación do expediente sancionador, de acordo cos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 22. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta bancaria ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número de expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 23. Seguimento e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Economía, Emprego e Industria levará a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento do programa.

Para realizar estas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Consellería de Economía, Emprego e Industria para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

2. O órgano competente para resolver poderá comprobar en todo momento a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, as entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Artigo 24. Adecuación á normativa de axudas de Estado

1. Os CEE decláranse entidades prestadoras de servizos de interese económico xeral, de conformidade co artigo 5.4 da Lei 5/2011, do 29 de marzo, de economía social, segundo a redacción dada pola Lei 31/2015, do 9 de setembro, pola que se modifica e actualiza a normativa en materia de autoemprego e se adoptan medidas de fomento e promoción do traballo autónomo e da economía social (BOE núm. 217, do 10 de setembro).

As axudas que se regulan no capítulo IV desta orde, en forma de compensacións, pola prestación dos servizos de integración laboral das persoas con discapacidade nos CEE, son compatibles co mercado interior, dado que se outorgan de conformidade co establecido na Decisión da Comisión do 20 de decembro de 2011, relativa á aplicación do artigo 106, apartado 2, do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas estatais en forma de compensación por servizo público concedidas a algunhas empresas encargadas da xestión de servizos de interese económico xeral (DOUE L núm. 7, do 11 de xaneiro de 2012).

O parámetro establecido para determinar a compensación económica pola prestación do servizo de interese económico xeral é o salario mínimo interprofesional vixente, consistindo a contía da axuda nun 50 % do salario mínimo interprofesional (SMI) así como a contía adicional que, de ser o caso, se estableza na convocatoria para as persoas cun tipo de discapacidade de entre os recollidos no artigo 5.3. Esta contía sufraga unha parte dos gastos ocasionados aos CEE pola prestación dos servizos. Por tratarse dunha contía previamente determinada, que en ningún caso poderá exceder o custo económico dos servizos prestados, non resulta necesario establecer parámetros para evitar e recuperar posibles compensacións excesivas, agás a comprobación da concorrencia e compatibilidades das subvencións.

2. En canto ás axudas que se recollen nos capítulos II e III réxense polo Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (DOUE L núm. 187, do 26 de xuño de 2014). O dito regulamento, no seu artigo 34 establece como custos subvencionables, entre outros, os custos de adaptación das instalacións, os custos salariais do persoal exclusivamente durante o tempo que se dedique a asistir as persoas traballadoras con discapacidade, e os custos de construción, instalación ou modernización das unidades de produción da empresa.

En todo caso, a intensidade da axuda non poderá superar o 100 % dos custos subvencionables indicados.

Non se poderán conceder estas axudas cando se dean os supostos recollidos nos artigos 1 e 4 do citado Regulamento 651/2014.

3. O CEE que perciba axudas ao abeiro dos programas I e II desta orde deberá declarar que se cumpren todas as condicións previstas no dito artigo 34 do citado Regulamento 651/2014, que non está incurso nalgún dos supostos de exclusión que nel se relacionan, e que non supera o limiar máximo establecido (dez millóns de euros por empresa e ano). A dita declaración farase nun primeiro momento coa solicitude da axuda e, posteriormente, cando se presente a xustificación para o pagamento entregando debidamente cuberto o anexo XIII.

CAPÍTULO II

Programa I: Programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional (procedemento TR341K)

Artigo 25. Obxecto e finalidade

O obxecto deste programa é subvencionar os custos salariais e da Seguridade Social por conta da empresa derivados da contratación indefinida do persoal traballador das unidades de apoio á actividade profesional, no marco dos servizos de axuste persoal e social dos CEE, previstos no artigo 43 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, como instrumentos de modernización destes servizos de axuste.

A finalidade deste programa é promover a integración laboral das persoas con discapacidade con maiores dificultades de inserción mediante o seu emprego nos CEE da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 26. Concepto de unidade de apoio á actividade profesional

Enténdese por unidades de apoio á actividade profesional os equipos multiprofesionais enmarcados dentro dos servizos de axuste persoal e social dos CEE que, mediante o desenvolvemento das funcións previstas no artigo 27 desta orde, permiten axudar a superar as barreiras, obstáculos ou dificultades que as persoas traballadoras con discapacidade dos ditos centros teñen no proceso de incorporación a un posto de traballo, así como a permanencia e progresión neste.

Artigo 27. Funcións das unidades de apoio á actividade profesional

O persoal integrado nas unidades de apoio á actividade profesional definidas no artigo anterior desenvolverá as seguintes funcións:

a) Detectar e determinar, logo da valoración de capacidades da persoa e a análise do posto de traballo, as necesidades de apoio para que a persoa traballadora con discapacidade poida desenvolver a súa actividade profesional.

b) Establecer as relacións precisas co contorno familiar e social das persoas traballadoras con discapacidade, para que este sexa un instrumento de apoio e estímulo ao traballador ou traballadora na incorporación a un posto de traballo e á estabilidade neste.

c) Desenvolver cantos programas de formación sexan necesarios para a adaptación da persoa traballadora ao posto de traballo, así como ás novas tecnoloxías e procesos produtivos.

d) Establecer apoios individualizados para cada traballadora ou traballador e posto de traballo.

e) Favorecer e potenciar a autonomía e independencia das persoas traballadoras con discapacidade, principalmente, no seu posto de traballo.

f) Favorecer a integración de novas persoas traballadoras ao centro especial de emprego mediante o establecemento dos apoios adecuados para tal fin.

g) Asistir a persoa traballadora do centro especial de emprego no proceso de incorporación a enclaves laborais e ao mercado ordinario de traballo.

h) Detectar e intervir nos posibles procesos de deterioración evolutiva das persoas traballadoras con discapacidade co fin de evitar e atenuar os seus efectos.

Artigo 28. Persoal destinatario final do programa

1. O persoal destinatario final deste programa serán as traballadoras e os traballadores con discapacidade dos CEE que se encontren nalgún dos supostos que se describen no artigo 5.3.

2. As unidades de apoio á actividade profesional poderán prestar servizo tamén aos traballadores e traballadoras con discapacidade do centro especial de emprego que non inclúa o punto anterior, sempre e cando a dedicación a este persoal traballador non menoscabe a atención do persoal incluído no punto anterior.

Artigo 29. Entidades beneficiarias das subvencións

Poderán ser beneficiarios das subvencións que se regulan neste programa os CEE da Comunidade Autónoma de Galicia que cumpran, ademais dos requisitos sinalados no artigo 3, os seguintes:

a) Que formen parte do seu cadro de persoal de traballadores e/ou traballadoras co tipo e grao de discapacidade establecido no artigo 5.3 desta orde.

b) Que dispoñan de unidades de apoio á actividade profesional, que teñan a composición establecida no artigo 31 desta orde.

Artigo 30. Conceptos subvencionables e contía

1. As subvencións establecidas neste programa destinaranse a financiar os custos salariais e da Seguridade Social por conta da empresa derivados da contratación indefinida do persoal traballador das unidades de apoio á actividade profesional nos CEE, para o desenvolvemento das funcións descritas no artigo 27.

2. Estas subvencións concederanse por anualidades nos termos indicados na convocatoria e terase en conta para o cálculo da contía destas o número de traballadoras e traballadores con discapacidade que estean nos supostos indicados no artigo 5.3 e a composición da unidade de apoio á actividade profesional acreditados no momento da presentación da solicitude.

3. A contía base da subvención establécese en 2.400 € anuais por cada persoa traballadora apoiada, co tipo e grao de discapacidade indicados no artigo 5.3 con contrato por tempo indefinido ou mediante contrato temporal de duración igual ou superior a seis meses.

A axuda reducirase proporcionalmente en función da duración dos contratos das persoas traballadoras con discapacidade tidos en conta para o cálculo da subvención segundo o punto anterior, cando teñan unha duración inferior ao ano, así como en función da duración da xornada no suposto de que o contrato sexa a tempo parcial.

No suposto de que nun mesmo mes se produzan variacións na duración da xornada laboral da persoa con discapacidade atendida pola unidade de apoio, soamente se terá en conta para calcular a contía que se concederá nesa mensualidade a porcentaxe da xornada laboral inferior.

4. Serán subvencionables os custos salariais, incluídos os da Seguridade Social correspondentes ás mensualidades que se indiquen en cada convocatoria de axudas. Nos CEE cualificados sen ánimo de lucro a porcentaxe máxima subvencionable será o 100 % destes custos, e nos centros que non estean cualificados como tales subvencionarase como máximo o 80 %.

5. A contía da subvención en ningún caso poderá exceder o fixado no convenio colectivo de aplicación para o posto de traballo do persoal traballador da unidade de apoio á actividade profesional.

Artigo 31. Composición das unidades de apoio á actividade profesional

1. Os centros especiais de emprego que accedan a estas subvencións deberán dispoñer de unidades de apoio á actividade profesional cuxa composición se establecerá de acordo cos módulos que se indican a seguir:

a) Ata 15 persoas traballadoras con discapacidade das indicadas no artigo 5.3, unha persoa profesional técnica de grao medio ou superior, ou con coñecementos e/ou experiencia equiparables, polo menos, ao 20 % da súa xornada, e 1 persoa encargada de apoio á produción a tempo completo, ou o número de persoas que correspondan proporcionalmente se a contratación se realiza a tempo parcial.

b) De 16 a 30 persoas traballadoras, 1 persoa profesional técnica de grao medio ou superior, ou con coñecementos e/ou experiencia equiparables, polo menos, ao 80 % da súa xornada, e 2 persoas encargadas de apoio á produción a tempo completo, ou as que correspondan proporcionalmente se a contratación se realiza a tempo parcial.

c) De 31 a 45 persoas traballadoras, 2 persoas profesionais técnicas de grao medio ou superior, ou con coñecementos e/ou experiencia equiparables, unha delas a tempo completo e a outra, polo menos, ao 50 % da súa xornada, e 3 persoas encargadas de apoio á produción a tempo completo, ou o número de persoas que correspondan proporcionalmente se a contratación se realiza a tempo parcial.

d) De 46 a 60 persoas traballadoras, 2 persoas profesionais técnicas de grao medio ou superior, ou con coñecementos e/ou experiencia equiparables, a tempo completo e 4 persoas encargadas de apoio á produción a tempo completo, ou o número de persoas que correspondan proporcionalmente se a contratación se realiza a tempo parcial.

e) De 61 a 75 persoas traballadoras, 3 persoas profesionais técnicas de grao medio ou superior, ou con coñecementos e/ou experiencia equiparables, dúas delas a tempo completo e a outra, polo menos, ao 50 % da súa xornada, e 5 persoas encargadas de apoio á produción a tempo completo, ou o número de persoas que correspondan proporcionalmente se a contratación se realiza a tempo parcial.

f) Para máis de 75 persoas traballadoras, establecerase o cadro de persoal da unidade de apoio á actividade profesional proporcionalmente, segundo os criterios anteriormente expresados.

2. Cando o número de persoas traballadoras co tipo e grao de discapacidade establecido no artigo 5.3 ao que se dirixe o servizo non se corresponda cos topes de cada módulo, o tempo de dedicación do persoal das unidades de apoio á actividade profesional será proporcional ao número das ditas persoas traballadoras con discapacidade.

3. A entidade beneficiaria deberá acreditar o mantemento da proporcionalidade exixida na composición dos módulos establecidos neste capítulo durante todo o período subvencionado. Cando por causas xustificadas se produzan vacantes do persoal que integra estas unidades, deberán ser cubertas co fin de manter a proporcionalidade establecida anteriormente.

4. Non se terán en conta para o cálculo da composición das unidades de apoio á actividade profesional e, por tanto, non serán subvencionables, as persoas titulares dos centros especiais de emprego, ou as que ocupen cargos de dirección e xestión neles.

Artigo 32. Documentación complementaria

As solicitudes (anexo I) deberán ir acompañadas da seguinte documentación complementaria:

a) Poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da entidade.

b) Memoria que recolla a titularidade do centro, enderezos dos centros de traballo, actividades que desenvolve, cumprimento ou non dos seus obxectivos económicos e de axuste persoal e social e as causas que o motivaron.

c) Memoria descritiva das funcións que vai desenvolver a unidade de apoio á actividade profesional, e cada un dos traballadores e traballadoras que a integran, segundo as recollidas no artigo 27 desta orde. Esta memoria deberá incluír, cando menos, os obxectivos, recursos, orzamento, fases de implantación e sistemas de avaliación dos resultados. Deberán identificarse os traballadores e traballadoras da unidade de apoio á actividade profesional que prestan os apoios ás persoas con discapacidade, describirá detalladamente as accións de apoio que cada un deles desenvolve, indicando o tempo e xornada de traballo destinados a estas funcións. Deberán engadirse os cronogramas, follas de verificación ou seguimento, indicadores de resultados ou calquera outra ferramenta que empregue o centro para avaliar a realización e consecución dos obxectivos dos apoios.

d) Certificación do cadro de persoal do centro especial de emprego segundo o modelo do anexo II, ordenada alfabeticamente por apelidos, referida ao primeiro mes polo que se solicita a subvención.

e) Documentación relativa ao persoal indefinido que forma parte da unidade de apoio á actividade profesional e polo que se solicita a subvención:

– Certificación da relación do persoal que forma parte da unidade de apoio, segundo o modelo anexo III, referida ao primeiro mes polo que se solicita a subvención.

– Orzamento de gastos relativos aos custos salariais e da Seguridade Social do persoal da unidade de apoio.

– Currículo xunto cos documentos que acrediten a súa formación e experiencia.

– Informe de datos para a cotización (IDC) da Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

– Contratos de traballo do persoal da unidade de apoio.

f) Relación nominal das persoas traballadoras (RNT) incluídas na cotización á Seguridade Social relativa ás persoas con discapacidade a que se refire o artigo 5.3 que van ser atendidas polo persoal da unidade de apoio.

g) Certificación de discapacidade das persoas traballadoras con discapacidade polas cales se calcula a subvención, no caso de que a discapacidade fose recoñecida fóra de Galicia.

h) Información sobre a comprobación de datos das persoas con discapacidade do CEE (anexo XI).

Artigo 33. Documentación xustificativa

Para os efectos de proceder ao pagamento final da subvención, o CEE beneficiario deberá presentar a conta xustificativa correspondente ás mensualidades que determine a convocatoria para cada anualidade e nos prazos que nela se establezan, que incluirá a seguinte documentación:

a) Memoria asinada pola persoa responsable do centro especial de emprego, e polo persoal de apoio á actividade profesional, xustificativa do cumprimento dos obxectivos previstos pola unidade de apoio á actividade profesional no desenvolvemento das súas funcións. Esta memoria deberá incluír:

– Descrición detallada das accións de apoio que cada unha das persoas traballadoras da unidade de apoio á actividade profesional prestaron ás persoas con discapacidade, indicando o tempo e a xornada de traballo destinados a estas funcións.

– Cronogramas, follas de verificación ou seguimento do apoio realizado.

– Indicadores de resultados ou calquera outra ferramenta que empregou o centro para avaliar a realización e consecución dos obxectivos.

b) Respecto do persoal das unidades de apoio subvencionado e das mensualidades que correspondan á anualidade que se xustifica:

– Certificación da relación do persoal que forma parte da unidade de apoio do CEE, segundo modelo do anexo III.

– Relación detallada por mensualidades dos gastos relativos aos custos salariais e da Seguridade Social do persoal da unidade de apoio, cuxo total coincidirá coa certificación do anexo III.

– Para o suposto de novas contratacións será necesario presentar, ademais, os contratos de traballo.

c) Certificación asinada pola persoa responsable do centro especial de emprego, e polo persoal de apoio á actividade profesional, da imputación da súa xornada á unidade de apoio á actividade profesional.

d) Informe sobre a conta xustificativa elaborado por un auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas dependente do Instituto de Contabilidade e Auditoría de Contas. Este informe debe conter información sobre a realidade dos gastos incluídos na relación da letra b) cuxos xustificantes non fosen entregados con anterioridade e conter, como mínimo, manifestación expresa acerca dos seguintes aspectos:

– Verificación da adecuación do custo salarial das persoas traballadoras subvencionadas ao convenio colectivo aplicable.

– Verificación da existencia de recibos de salarios e documentos de transferencia bancaria que xustifiquen o pagamento das mensualidades a que se refiren os gastos declarados.

– Verificación da existencia de relación nominal das persoas traballadoras (RNT) incluídas na cotización á Seguridade Social e recibo de liquidación de cotizacións (RLC), así como os documentos bancarios de transferencia acreditativos do seu pagamento, das mensualidades a que se refiren os gastos declarados.

– Verificación da existencia dunha contabilidade separada dos gastos subvencionados e da subvención concedida, así como dunha contabilidade diferenciada da entidade titular, no caso de que o CEE non teña personalidade xurídica propia.

e) Declaración comprensiva do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (segundo o modelo do anexo XIII).

f) Documentación acreditativa (fotografías ou documentos equivalentes) do cumprimento das obrigas de difusión a que se refire o artigo 19.h) desta orde (colocación de rótulo).

g) Declaración do cumprimento por parte do CEE da obriga de informar as persoas traballadoras da unidade de apoio á actividade profesional acerca da subvención do seu contrato (segundo o modelo do anexo XII).

Artigo 34. Obrigas e reintegros específicos do Programa I

Son obrigas das entidades beneficiarias das subvencións previstas neste capítulo, ademais das xerais recollidas no artigo 19, as seguintes:

a) Manter os postos de traballo obxecto da subvención polo período subvencionable. Cando se produzan vacantes do persoal que integra as unidades de apoio á actividade profesional, deberán ser cubertas co fin de manter a proporcionalidade establecida no artigo 31 deste capítulo. A cobertura do novo posto terá que realizarse no prazo dun mes desde a data da baixa, feito que deberá ser comunicado pola entidade beneficiaria á Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

No suposto de non manter os postos de traballo obxecto da subvención polo total do período subvencionable ou de non manter a proporcionalidade establecida no artigo 31 desta orde, procederá a revogación parcial da subvención concedida.

b) Manter no seu cadro de persoal o número de persoas con discapacidade, en función das cales se concedeu a subvención, segundo o establecido no artigo 31 desta orde. No suposto de diminución deste número de persoas traballadoras con discapacidade, ou da duración dos contratos ou da súa xornada de traballo, procederá a revogación parcial da subvención concedida.

Artigo 35. Pagamento

Sempre que así o solicite a entidade beneficiaria, efectuarase o pagamento anticipado da subvención concedida para cada anualidade consonte a seguinte porcentaxe: 100 % na primeira anualidade e 90 % na segunda.

No suposto de que a contía xustificada en cada anualidade fose superior ou inferior á concedida, ditaranse as resolucións complementarias ou revogatorias que procedan con respecto á resolución inicial e a diferenza poderá compensarse con cargo aos créditos da segunda anualidade.

CAPÍTULO III

Programa II: Programa de axudas para a creación de postos de traballo, a súa adaptación e asistencia técnica a CEE (procedementos TR341E e TR341N)

Artigo 36. Obxecto e entidades beneficiarias

O obxecto deste programa é incentivar a creación de postos de traballo indefinidos, financiar as adaptacións dos postos de traballo e as asistencias técnicas que precisen os CEE mediante o financiamento parcial de iniciativas ou proxectos técnica, económica e financeiramente viables que xeren emprego estable, para traballadores e traballadoras con discapacidade na Comunidade Autónoma de Galicia.

Serán beneficiarios deste programa os CEE cualificados sen ánimo de lucro polo Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co artigo 10 do Decreto 200/2005, do 7 de xullo. Exceptúase o caso de asistencia técnica para informe de auditoría sobre a conta xustificativa recollida no artigo 40.d), a que poderán optar todos os CEE inscritos no Rexistro Administrativo de CEE da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 37. Tipos de axuda e disposicións comúns

1. Neste programa recóllense tres liñas de axudas:

a) Subvención a proxectos de creación de postos de traballo de carácter indefinido en función do investimento en activo fixo (procedemento TR341E).

b) Subvención para adaptación de postos de traballo (procedemento TR341N).

c) Subvención por asistencia técnica (procedemento TR341N).

2. O gasto realizado tanto no investimento en activo fixo como na adaptación de postos de traballo ou na asistencia técnica, excluídos o IVE ou, de ser o caso, os impostos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, é subvencionable ata o 100 % do gasto realizado para os CEE cualificados sen ánimo de lucro. O gasto realizado en asistencia técnica para informe de auditoría sobre a conta xustificativa recollida no artigo 40.d) será subvencionable ata o 100 % para CEE cualificados sen ánimo de lucro e ata o 80 % para os demais centros especiais de emprego. En ambos os casos teranse en conta as contías máximas de subvención que se establecen nos artigos 38 a 40 en función da liña de axuda de que se trate.

3. En ningún caso o importe das axudas concedidas poderá superar o importe total do custo ocasionado.

4. Non será subvencionable o imposto sobre o valor engadido ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación. Os gastos poderán ser computados sempre que as facturas estean expedidas a nome do CEE.

5. Cando o importe do gasto que se toma como referencia da subvención supere a contía establecida para os contratos menores na normativa reguladora da contratación pública en vigor no momento da solicitude de ofertas, o CEE estará obrigado a solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á realización da obra, entrega do ben ou a prestación do servizo, agás que se xustifique debidamente a imposibilidade de obtelas. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme a criterios de eficiencia e economía, e deberase xustificar expresamente a elección cando esta non recaia na oferta economicamente máis vantaxosa.

6. No caso de que o CEE teña algunha vinculación societaria coa empresa/entidade que realice a obra ou subministre ou preste o servizo de asistencia técnica, deberá presentar coa solicitude unha memoria xustificativa dos beneficios da contratación con esa entidade/empresa, en que se exprese que a contratación se realiza conforme as condicións normais de mercado; así mesmo e en todo caso, calquera que sexa o importe, presentarán tres orzamentos, dous deles de empresas que non teñan ningún tipo de relación co CEE. A elección entre as ofertas presentadas axustarase aos criterios sinalados no parágrafo anterior.

Artigo 38. Proxectos de creación de postos de traballo de carácter indefinido (procedemento TR341E)

1. Aqueles CEE cualificados sen ánimo de lucro que presenten proxectos que se consideren de recoñecido interese social poderán beneficiarse dunha axuda á creación de postos de traballo de carácter indefinido calculada en función do investimento en activo fixo que se realice, excluídos os impostos que graven a adquisición. Subvencionarase:

– A creación de novos postos de traballo indefinidos para persoas con discapacidade inscritas como demandantes de emprego non ocupadas no servizo público de emprego.

– A transformación en indefinidos dos contratos temporais de fomento de emprego de persoas con discapacidade ou dos contratos de duración determinada ou temporais, incluídos os formativos.

2. Para que sexa subvencionable o proxecto de creación, tanto os contratos indefinidos ou as transformacións como o gasto subvencionable deberán realizarse nos períodos que indique a convocatoria.

3. Cada un dos centros de traballo do CEE poderá solicitar un máximo de 25 postos.

4. As iniciativas e proxectos referentes aos CEE que soliciten as axudas recollidas neste artigo deberán reunir viabilidade técnica, económica e financeira e supor a creación de emprego estable. Así mesmo, deberán xustificar adecuadamente o investimento que implica o proxecto, que deberá estar directamente relacionado co posto ou postos de traballo creados.

Unicamente serán subvencionables aqueles novos postos de traballo que sexan cubertos por persoas con discapacidade con contrato indefinido e que supoñan un incremento respecto ao cadro de persoal fixo de persoas con discapacidade que tiña o centro no último expediente concedido de axudas a proxectos de creación.

5. Para os efectos das axudas reguladas nesta orde, considerarase como investimento en activo fixo o recollido como tal no Plan xeral contable.

No caso de vehículos, será subvencionable a adquisición dos vehículos comerciais ou industriais necesarios e de uso exclusivo para o desenvolvemento da actividade empresarial ou profesional, e os automóbiles de turismo que sexan empregados nos desprazamentos profesionais por representantes ou axentes comerciais, os empregados na venda a domicilio, na prestación de servizos de transporte de viaxeiros, de ensino de condutores e os empregados en servizos de vixilancia.

En ningún caso se terán en conta os contratos de arrendamento financeiro nin outras figuras xurídicas afíns que non concedan á entidade solicitante o pleno dominio ou titularidade inicial do investimento.

6. A contía máxima das axudas establecidas neste artigo determínase con base nas seguintes regras:

1ª. Establécese unha contía base de 12.000 € por cada posto de traballo creado con carácter indefinido e a xornada completa. O importe desta contía será proporcional á xornada de traballo que conste no contrato de traballo indefinido ou na transformación.

2ª. O importe anterior poderá incrementarse nas porcentaxes que se sinalan a seguir (acumulables entre si), cando se dean as seguintes circunstancias:

a) Un 25 % se a persoa contratada é unha muller.

b) Un 25 % se a persoa contratada ten unha discapacidade con especiais dificultades de inserción segundo o expresado no artigo 5.3.

c) Un 25 % se a persoa contratada é maior de 45 anos.

d) Un 25 % se a persoa contratada ten a condición de emigrante conforme establece o artigo 5.4.

e) Un 25 % no caso de que o centro de traballo na que se incorpora a persoa traballadora estea situado nun concello rural segundo a definición do artigo 5.5.

3ª. A contía máxima que poderá ser concedida por esta liña de axudas será de 27.000 € por cada posto creado.

Artigo 39. Adaptación de postos de traballo (procedemento TR341N)

Establécese unha subvención para a adaptación de postos de traballo e para a eliminación de barreiras arquitectónicas. Será requisito para a concesión desta axuda que se acredite a necesidade da adaptación ou eliminación de barreiras arquitectónicas para manter o posto de traballo en atención á discapacidade da persoa pola cal se solicita a subvención.

A contía será de 2.000 € por cada posto adaptado.

A necesidade da adaptación ou dos medios especiais de protección persoal deberá contar co informe favorable da Inspección de Traballo e Seguridade Social.

Artigo 40. Asistencia técnica (procedemento TR341N)

A asistencia técnica deberán prestala empresas ou persoas físicas especializadas que reúnan garantía de solvencia profesional. Poderá consistir nalgunha das modalidades seguintes:

a) Contratación de persoal de dirección, sempre que o CEE teña como mínimo 10 persoas traballadoras. Esta axuda poderá concederse como máximo en dúas convocatorias.

b) Custos derivados da obtención das certificacións de calidade e as súas sucesivas renovacións. A axuda para a implantación quedará condicionada á obtención da certificación de calidade.

c) Nos casos de creación dun centro de traballo (creación dun novo CEE ou ampliación do centro de traballo, coa debida cualificación do Rexistro Administrativo de CEE de Galicia) ou nos casos de diversificación da actividade do centro suficientemente acreditada poderán outorgarse axudas de asistencia técnica consistentes en:

– Estudos de viabilidade, organización, comercialización e outros de natureza análoga.

– Labores de asesoramento nas diversas áreas de xestión empresarial, excluídas as tarefas que, pola súa natureza, teñan carácter ordinario e continuado na actividade da empresa.

– Auditorías e informes económicos, sempre que estes non se realicen de xeito obrigatorio por unha disposición que así o exixa.

– Auditorías sociais que permitan á empresa avaliar a súa eficacia social e o seu comportamento ético en relación cos seus obxectivos, de maneira que poida mellorar os seus resultados sociais e solidarios e dar conta deles a todas as persoas comprometidas pola súa actividade.

d) Poderase conceder unha axuda para a realización do informe de auditoría sobre a conta xustificativa das axudas recollidas nos programas I e III desta orde.

As axudas por asistencia técnica teñen os seguintes límites para cada CEE:

– 15.000 € para as modalidades das letras a), b) e c) anteriores, no seu conxunto.

– 3.000 € para a modalidade da letra d) anterior.

Artigo 41. Documentación complementaria

1. Xunto coa solicitude das axudas recollidas neste capítulo (procedemento TR341E –anexo IV– e procedemento TR341N –anexo VI–) deberase presentar a seguinte documentación común:

a) Poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da entidade.

b) Memoria que recolla a titularidade do centro, enderezos dos centros de traballo, actividades e cumprimento ou non dos seus obxectivos económicos e de axuste persoal e social e, de ser o caso, as causas que motivaron o seu incumprimento.

c) Certificación de discapacidade das persoas traballadoras con discapacidade do CEE, no caso de que a discapacidade fose recoñecida fóra de Galicia.

d) Información sobre a comprobación de datos de todas as persoas traballadoras con discapacidade do CEE (anexo XI).

e) Orzamento detallado do gasto (ou facturas pro forma) con calendario de execución en que especificará claramente o gasto que se imputará a cada anualidade, en función do período subvencionable que se indique en cada convocatoria.

f) De ser o caso, as 3 ofertas e as memorias mencionadas no artigo 37, números 5 e 6.

2. Documentación específica para as subvencións en función do investimento en activo fixo (procedemento TR341E –anexo IV–):

a) Certificación da relación do cadro de persoal do CEE, segundo o modelo do anexo V.

b) Memoria ampliada do proxecto de creación do cadro de persoal e do investimento relacionado cos postos de traballo creados e antecedentes. Deberá constar, como mínimo, de:

– Plan de investimentos en activos fixos e xustificación da súa necesidade para a creación dos postos.

– Estudo económico-financeiro de viabilidade do proxecto.

3. Documentación específica para as subvencións de adaptación de postos de traballo (procedemento TR341N –anexo VI–):

a) Certificación da relación do cadro de persoal do CEE, segundo o modelo do anexo VII.

b) Memoria explicativa do obxecto da axuda e xustificación da súa necesidade, así como do investimento necesario.

4. Documentación específica para a axuda de asistencia técnica TR341N –anexo VI–):

a) Certificación da relación do cadro de persoal do CEE, segundo o modelo do anexo VII.

b) Memoria explicativa que conteña:

– Modalidade de asistencia solicitada.

– Xustificación da necesidade dos estudos, informes, asesoramento ou auditorías.

– Acreditación da diversificación da actividade, se é o caso.

– Cando se trate de estudos ou de asesoramento, un índice do seu contido.

c) Memoria da entidade e/ou currículo da persoa que vai prestar o servizo.

Artigo 42. Documentación xustificativa da axuda

1. De non terse achegado con anterioridade, coa conta xustificativa presentarase a seguinte documentación común:

a) Relación asinada das facturas e outros documentos xustificativos dos gastos realizados, en que deberán constar:

– Número de orde.

– Número de factura ou outra referencia identificativa do documento.

– Concepto de gasto a que se refire.

– Importe da factura ou documento xustificativo.

– Porcentaxe de imputación á subvención.

– Importe que se xustifica.

b) Facturas ou outros documentos xustificativos do gasto, así como xustificantes bancarios de pagamento, identificados e ordenados segundo a relación a que se refire a letra anterior. Nos xustificantes bancarios deberá constar claramente a persoa emisora e perceptora e o concepto do gasto.

No caso de adquisición de bens inmobles, achegarase certificado dun taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial en que se acredite que os fondos que hai que xustificar corresponden á adquisición de bens inmobles.

c) Declaración comprensiva do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (segundo o modelo do anexo XIII).

d) De ser o caso, extracto do balance provisional contable da entidade beneficiaria, asinado e selado, que permita verificar a contabilidade separada dos gastos subvencionados e da subvención concedida. Os documentos contables que se xunten deben incluír as contas ou subcontas en que se contabilizaron os gastos imputados, as datas e os números de asentos contables. Estes documentos contables poden ir xunto cunha breve descrición sobre a sistemática de contabilización dos gastos.

e) Documentación acreditativa (fotografías ou documentos equivalentes) do cumprimento das obrigas de difusión a que se refire o artigo 19.h) desta orde (colocación de rótulo).

2. Cando se trate dalgunha das axudas a proxectos de creación do cadro de persoal de CEE, recollidas no artigo 38 desta orde (procedemento 341E), achegarase:

a) Documentación acreditativa da contratación e alta na Seguridade Social, das persoas con discapacidade que ocupan os novos postos de traballo creados con carácter estable.

b) Certificación actualizada na data de presentación desta documentación, da relación do cadro de persoal do centro especial de emprego (segundo o modelo do anexo V).

3. Documentación específica para axudas de asistencia técnica (procedemento TR341N):

a) Cando se trate de contratación de persoal de dirección, xuntaranse recibos de salarios aboados e contrato de traballo.

b) No caso da elaboración de estudos ou informes, presentarase copia deles.

c) Certificación de calidade obtida.

Artigo 43. Obrigas e reintegros específicos do Programa II

Nas axudas por creación de emprego estable, engádense ás obrigas xerais as seguintes obrigas específicas:

a) Destinar a subvención ao plan de investimento polo cal se concedeu a axuda. No caso de que se dea un destino distinto ás axudas concedidas, procederá o reintegro do 100 % da subvención concedida.

b) Manter os postos de traballo creados con carácter indefinido un mínimo de 2 anos. No caso de cesamentos da actividade laboral por baixa voluntaria da persoa traballadora ou despedimento procedente, deberá substituírse a vacante polo tempo que reste ata completar os dous anos conservando as mesmas características polas cales se lle concedeu a axuda (tipo de xornada e contrato), tendo en conta os incentivos sinalados no artigo 38.6. De non facelo, procederá o reintegro da parte proporcional. A substitución farase nun prazo máximo de 3 meses e deberá comunicarse ao órgano xestor da axuda no mesmo prazo.

c) O despedimento improcedente das persoas traballadoras obxecto de subvención antes de que transcorran dous anos dará lugar ao reintegro do 100 % da axuda.

d) Para os efectos do seguimento da estabilidade no emprego, o CEE deberá presentar na Secretaría Xeral de Emprego, cada 6 meses desde a concesión de axudas, a relación nominal das persoas traballadoras (RNT) incluídas na cotización á Seguridade Social e recibo de liquidación de cotizacións (RLC), así como os documentos bancarios de transferencia acreditativos do seu pagamento (ata completar o período de 2 anos). No caso de incumprimento desta obriga procederá o reintegro do 10 % da axuda concedida.

e) Dispoñer dos informes favorables da Inspección de Traballo sobre a necesidade de adaptación ou de medios especiais de protección persoal, nos casos de axudas á adaptación de postos de traballo, e presentar declaración responsable do CEE de idoneidade do posto de traballo e compatibilidade coa discapacidade da persoa traballadora.

Artigo 44. Pagamento

Poderán concederse pagamentos anticipados por importe do 90 % da cantidade concedida en cada anualidade para calquera das axudas concedidas ao abeiro do Programa II regulado neste capítulo, sempre que así o solicite o CEE.

No caso das axudas para a creación de postos de traballo con carácter indefinido (artigo 38), para o pagamento do anticipo será preciso que o beneficiario presente a seguinte documentación:

– Contratos de traballo correspondentes aos postos creados.

– Se é o caso, certificado de emigrante retornado, expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno, baixa consular ou calquera outra documentación que acredite fidedignamente a residencia no exterior e a data de retorno a España. No caso de alegar algunha relación de parentesco coa persoa nacida en Galicia, documentos xustificativos do nacemento en Galicia da persoa traballadora contratada e, ademais, documentación que acredite o vinculo con esta.

Se, á vista da documentación presentada pola entidade beneficiaria para o pagamento final da axuda, queda xustificada unha contía inferior á da subvención inicialmente concedida, ditarase resolución de perda parcial do dereito ao cobramento por minoración da contía xustificada e o pagamento realizarase pola parte proporcional da contía efectivamente xustificada.

CAPÍTULO IV

Programa III: axudas ao mantemento do custo salarial nos CEE (procedemento TR341M)

Artigo 45. Obxecto

O obxecto deste programa é axudar aos CEE a manter os postos de traballo dos traballadores e das traballadoras con discapacidade que desempeñen postos de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia mediante o financiamento parcial dos seus custos salariais.

Artigo 46. Conceptos subvencionables e contía

1. Poderá concederse unha subvención do custo salarial correspondente aos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade e que estean de alta na Seguridade Social.

2. Non se concederá esta subvención por ningún concepto salarial correspondente á mensualidade na cal o traballador ou traballadora con discapacidade estivese prestando servizos a través de dous ou máis contratos de natureza temporal. Para estes efectos, non se considerará contrato temporal o de interinidade que teña por obxecto substituír persoas traballadoras con discapacidade.

No suposto de cesamento da relación laboral no mesmo mes, observarase o disposto na regra segunda do punto seguinte.

3. A contía da subvención determinarase de acordo coas seguintes regras:

Primeira. Subvencionarase ata un importe do 50 % do salario mínimo interprofesional correspondente ás mensualidades indicadas na convocatoria, para os postos de traballo ocupados polas persoas cun grao de discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33 %.

En cada convocatoria poderán establecerse porcentaxes adicionais de financiamento do SMI para determinados colectivos.

Segunda. O importe da subvención incluirá a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias ao ano.

No suposto de cesamento da relación laboral, as subvencións incluirán as liquidacións que correspondan pola parte proporcional da paga extra e as vacacións dos períodos subvencionables.

Terceira. No suposto de contratos de traballo a tempo parcial, a subvención experimentará unha redución proporcional á xornada laboral realizada.

No suposto de que nun mesmo mes se produzan variacións na duración da xornada laboral do traballador ou da traballadora con discapacidade, soamente se terá en conta para calcular a contía que se concederá nesa mensualidade a porcentaxe da xornada laboral inferior.

Cuarta. Cando o traballador ou traballadora estea en situación de incapacidade temporal, o importe da subvención salarial referirase exclusivamente aos días en que o pagamento lle corresponda integramente ao centro especial de emprego, de conformidade co que dispoña a normativa da Seguridade Social ou o convenio colectivo de aplicación.

Quinta. É subvencionable o período de vacacións anuais retribuído e cotizado, no cal se incluirá, así mesmo, o período en que o traballador ou a traballadora con discapacidade estea en situación de incapacidade temporal.

4. Non se subvencionará a contratación de novos traballadores ou traballadoras con discapacidade cando os postos de traballo que ocupen quedasen vacantes como consecuencia dun despedimento declarado ou recoñecido improcedente dunha persoa traballadora con discapacidade pola cal se concedeu a subvención ao abeiro desta orde.

Artigo 47. Documentación complementaria

Coa solicitude (anexo VIII) deberá presentarse a documentación que se relaciona:

a) Poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da entidade.

b) Certificación da relación do cadro de persoal con discapacidade do centro especial de emprego de alta na Seguridade Social ordenada alfabeticamente por apelidos, en función dos cales se vai realizar o cálculo da resolución de concesión referida ao primeiro mes polo cal se solicita a subvención; así como o importe da subvención que se solicita (segundo o modelo do anexo IX).

c) Documentación das novas persoas traballadoras con discapacidade contratadas con respecto á convocatoria anterior a aquela en que se recibise subvención por este programa: contratos de traballo e informe de datos para a cotización IDC.

d) Relación nominal das persoas traballadoras con discapacidade do CEE, incluídas na cotización á Seguridade Social (RNT) o primeiro día do mes do período subvencionable.

e) Certificación de discapacidade das persoas traballadoras con discapacidade do CEE, no caso de que a discapacidade fose recoñecida fóra de Galicia.

f) Información sobre a comprobación de datos das persoas con discapacidade do CEE (anexo XI).

Artigo 48. Documentación xustificativa da axuda

1. Mensualmente presentarase a documentación xustificativa da axuda indicada nos puntos seguintes, referida á mensualidade inmediata anterior ao mes en que se presenta:

a) Certificación da relación do cadro de persoal con discapacidade (segundo o modelo do anexo X).

b) Relación nominal das persoas traballadoras incluídas na cotización á Seguridade Social (RNT), así como todas as variacións de datos á Seguridade Social

c) De ser o caso, contratos de traballo e informe de datos para a cotización (IDC) das persoas traballadoras con discapacidade do CEE polas cales se solicita a subvención contratadas no mes que se xustifica.

d) Nos supostos de incapacidade temporal, achegarase parte de baixa e alta.

2. O pagamento final da subvención quedará condicionado á presentación da conta xustificativa, que deberá conter:

a) Informe sobre a conta xustificativa elaborado por un auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas dependente do Instituto de Contabilidade e Auditoría de Contas, que deberá conter manifestación expresa acerca dos seguintes aspectos:

– Verificación da adecuación do custo salarial das persoas traballadoras subvencionadas ao convenio colectivo aplicable.

– Verificación da existencia de recibos de salarios e documentos de transferencia bancaria que xustifiquen o seu pagamento, referidos ás persoas incluídas nas certificacións mensuais do cadro de persoal.

– Verificación da existencia de relación nominal das persoas traballadoras (RNT) incluídas na cotización á Seguridade Social e recibo de liquidación de cotizacións (RLC), así como os documentos bancarios de transferencia acreditativos do seu pagamento, das mensualidades subvencionadas.

– Verificación da existencia dunha contabilidade separada dos gastos subvencionados e da subvención concedida, así como dunha contabilidade diferenciada da entidade titular, no caso de que o CEE non teña personalidade xurídica propia.

b) Documentación acreditativa (fotografías ou documentos equivalentes) do cumprimento das obrigas de difusión a que se refire o artigo 19.h) desta orde (colocación de rótulo).

c) Declaración do cumprimento por parte do CEE da obriga de informar as persoas traballadoras con discapacidade acerca da subvención do seu contrato (segundo o modelo do anexo XII).

d) Declaración comprensiva do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (segundo o modelo do anexo XIII).

Artigo 49. Pagamento

O órgano xestor, sempre que así o solicite a entidade beneficiaria, proporá o pagamento anticipado da subvención concedida para cada anualidade: 100 % na primeira e 90 % na segunda.

No suposto de que a contía da subvención xustificada en cada anualidade fose superior ou inferior á concedida, ditaranse as resolucións complementarias ou revogatorias que procedan con respecto á resolución inicial e a diferenza poderá compensarse con cargo aos créditos da segunda anualidade.

CAPÍTULO V

Convocatoria bianual das axudas a CEE: 2018-2019

Artigo 50. Financiamento 2018-2019

1. O orzamento total destinado ás axudas a centros especiais de emprego para as anualidades 2018 a 2019 será de 12.460.000 €. As subvencións reguladas nesta orde financiaranse con cargo aos créditos previstos na Lei 8/2017, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018, e coa seguinte distribución inicial de importes de créditos por anualidades e programas ou liñas de axudas:

Programas

Procedementos

Aplicación orzamentaria

Código
de proxecto

Importe anual do crédito

Total convocatoria

2018

2019

Programa I: Unidades de apoio

TR341K

09.40.324C.470.3

2018 00099

270.000 €

340.000 €

610.000 €

09.40.324C.481.3

2018 00099

40.000 €

60.000 €

100.000 €

Total Programa I

310.000 €

400.000 €

710.000 €

Programa II: Creación, adaptación dos postos e asistencia técnica

TR341E TR341N

09.40.324C.470.3

2018 00099

585.000 €

585.000 €

1.170.000 €

TR341E TR341N

09.40.324C.481.3

2018 00099

15.000 €

15.000 €

30.000 €

Total Programa II

600.000 €

600.000 €

1.200.000 €

Programa III: Custo salarial persoas con discapacidade

TR341M

09.40.324C.470.4

2018 00099

3.410.000 €

6.300.000 €

9.710.000 €

09.40.324C.481.4

2018 00099

340.000 €

500.000 €

840.000 €

Total Programa III

3.750.000 €

6.800.000 €

10.550.000 €

Total convocatoria

4.660.000 €

7.800.000 €

12.460.000 €

2. De producirse remanentes de crédito na asignación inicial para o financiamento de cada aplicación orzamentaria, proxecto ou programa, procederase á reasignación das contías sobrantes para atender as necesidades de crédito doutras aplicacións, proxectos e/ou programas. As reasignacións levaranse a cabo, logo das modificacións orzamentarias pertinentes, sen necesidade de facer unha nova publicación.

Artigo 51. Prazos e presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 20 de setembro de 2018. Non obstante, se o período de presentación resulta inferior a un mes, as solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Para a presentación de solicitudes teranse en conta as seguintes condicións:

Programas I e III: presentarase unha única solicitude por cada centro de traballo por todas as mensualidades subvencionables para a concesión da axuda, especificando a contía de cada anualidade.

Programa II: presentarase unha solicitude por cada un dos centros de traballo do CEE para cada unha das axudas indicadas no artigo 37, diferenciando claramente a contía solicitada para cada anualidade. Consideraranse axudas diferenciadas, para estes efectos:

– A creación de postos de traballo indefinidos.

– A adaptación de postos.

– A asistencia técnica (contratación de persoal de dirección).

– A asistencia técnica (certificacións de calidade).

– A asistencia técnica (asesoramento, auditorías e informes por creación ou diversificación).

– A asistencia técnica (auditoría da conta xustificativa).

No caso do programa III, pola complexidade da solicitude desta axuda, aconséllase que, con carácter previo á tramitación da solicitude na sede electrónica, se use a aplicación informática de axuda facilitada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria na súa páxina web, na epígrafe de Axudas e subvencións ou na seguinte ligazón directa: https://www.xunta.es/axudastr, unicamente para cubrir os anexos (IX e X) que se xuntan á solicitude, convertelos en formato PDF e anexalos no momento da presentación da solicitude a través da sede electrónica.

Artigo 52. Período subvencionable

O período subvencionable comprenderá desde o 1 de xullo de 2018 ata o 30 de xuño de 2019.

– Anualidade 2018: accións subvencionables desde o 1 de xullo de 2018 ao 30 de novembro de 2018.

– Anualidade 2019: accións subvencionables desde o 1 de decembro de 2018 ao 30 de xuño de 2019.

Artigo 53. Prazos e medios de xustificación

As datas máximas de presentación da documentación xustificativa da axuda serán:

– Anualidade 2018: 10 de decembro de 2018.

– Anualidade 2019: 30 de agosto de 2019.

A conta xustificativa presentarase polos mesmos medios que se presenta a solicitude.

A xustificación mensual do programa III establecida no artigo 48 das bases reguladoras presentarase no prazo máximo de corenta (40) días contado desde o último día do mes de referencia. Para a dita xustificación aconséllase utilizar o aplicativo indicado no artigo 51 a través da páxina https://www.xunta.es/axudastr ou, de ser o caso, polos medios que se establezan na resolución de concesión.

Artigo 54. Particularidades no Programa III (custo salarial)

1. O cálculo da subvención farase en función do SMI establecido polo Consello de Ministros para o ano 2018 no Real decreto 1077/2017, do 29 de decembro (publicado no BOE do 30 de decembro).

Á porcentaxe adicional a que se refire o artigo 46.3, regra primeira, será o 10 % do SMI, para as persoas con discapacidade que estean incluídas nalgún dos supostos do artigo 5.3, de xeito que para este colectivo na convocatoria 2018 se financiará o 60 % do SMI.

2. As 14 mensualidades que se subvencionan distribuiranse por anualidades do seguinte xeito:

– Con cargo á anualidade orzamentaria de 2018: concederanse as mensualidades de xullo a novembro do ano 2018.

– Con cargo á anualidade orzamentaria de 2019: mensualidades de decembro de 2018 e, se é o caso, a segunda paga extraordinaria do ano 2018, as mensualidades de xaneiro a xuño de 2019 e, se é o caso, a primeira paga extraordinaria do ano 2019.

3. Para os CEE que rateen as pagas extraordinarias o importe da subvención incluirá a parte proporcional da segunda paga extraordinaria de 2018 e a primeira de 2019.

Para os CEE que non rateen as pagas extraordinarias, a subvención incluirá as pagas extraordinarias polos períodos do 1 de xullo ao 31 de decembro de 2018, e do 1 de xaneiro ao 30 de xuño de 2019.

4. No caso de que exista crédito adecuado e suficiente na anualidade 2019, poderán realizarse resolucións complementarias para asumir a porcentaxe que corresponda segundo o incremento do SMI que aprobe o Consello de Ministros para o ano 2019.

Disposición adicional primeira. Acreditación do cumprimento das condicións exixidas

A Consellería de Economía, Emprego e Industria poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas para os diferentes tipos de axudas previstas nesta orde.

Disposición adicional segunda. Información básica sobre protección de datos persoais

1. Os datos persoais obtidos na tramitación dos procedementos regulados nesta orde serán tratados, na súa condición de responsable, pola Xunta de Galicia –Consellería de Economía, Emprego e Industria– coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión destes procedementos e a actualización da información e dos contidos da carpeta do cidadán, de conformidade co establecido no Regulamento (UE) 2016/679, do 27 de abril.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, e reflectirase esta circunstancia no devandito formulario.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos , así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición adicional terceira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria nas persoas titulares das xefaturas territoriais, no ámbito das súas respectivas provincias, e na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispor, recoñecer a obriga e propor os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente cobradas, respecto das resolucións concesorias de que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Así mesmo, apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para a tramitación e resolución dos expedientes de desconcentración dos créditos necesarios para o financiamento desta orde.

En caso de ausencia, vacante ou enfermidade da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, as atribucións citadas no parágrafo anterior serán exercidas, temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, pola persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral ou, na súa falta, pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, de acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2018

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file