Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Luns, 3 de setembro de 2018 Páx. 39867

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Orde do 13 de agosto de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2018-2019. Programa II: axudas para a creación de postos de traballo, a súa adaptación e asistencia técnica a CEE (procedementos TR341E e TR341N).

BDNS (Identif.): 413197.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Serán beneficiarios deste programa os CEE cualificados sen ánimo de lucro polo Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co artigo 10 do Decreto 200/2005, do 7 de xullo. Exceptúase o caso de asistencia técnica para informe de auditoría sobre a conta xustificativa recollida no artigo 40.d) a que poderán optar todos os CEE inscritos no Rexistro Administrativo de CEE da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Así mesmo, poderán ser beneficiarias aquelas entidades que, na data de presentación da solicitude de axudas, teñan solicitado a súa cualificación como centro especial de emprego ou ampliación de novos centros de traballo.

Segundo. Obxecto

O obxecto deste programa é incentivar a creación de postos de traballo indefinidos, financiar as adaptacións dos postos de traballo e as asistencias técnicas que precisen os CEE sen ánimo de lucro, mediante o financiamento parcial de iniciativas ou proxectos técnica, económica e financeiramente viables que xeren emprego estable, para traballadores e traballadoras con discapacidade na Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceiro. Tipos de axuda

1. Neste programa recóllense tres liñas de axudas:

1.1. Subvención a proxectos de creación de postos de traballo de carácter indefinido en función do investimento en activo fixo (procedemento TR341E).

Finánciase a creación de postos de traballo indefinidos para persoas con discapacidade inscritas como demandantes de emprego non ocupadas ou pola transformación en indefinidos dos contratos temporais, nos CEE sen ánimo de lucro.

Establécese unha contía base de 12.000 euros por cada posto de traballo creado con carácter indefinido e a xornada completa, que será proporcional á xornada de traballo. O importe desta contía poderá incrementarse na porcentaxe dun 25 % por cada unha das seguintes circunstancias (acumulables entre si): ser muller, emigrante, maior de 45 anos, ter unha discapacidade con especiais dificultades de inserción ou ter o centro de traballo nun concello rural.

A contía máxima que poderá percibir un CEE por posto de traballo creado é de 27.000 euros. Cada CEE poderá solicitar axuda por un máximo de 25 postos de traballo.

1.2. Subvención para adaptación de postos de traballo (procedemento TR341N).

Finánciase á adaptación de postos de traballo ás persoas con discapacidade e a eliminación de barreiras arquitectónicas nos CEE sen ánimo de lucro.

A contía será de 2.000 euros por cada posto adaptado.

1.3. Subvención por asistencia técnica (procedemento TR341N). Consta de 4 modalidades:

a) Axuda para a contratación de persoal de dirección.

b) Axuda para a obtención das certificacións de calidade e as súas sucesivas renovacións.

c) Axudas de asistencia técnica consistentes en estudos, informes, asesoramento ou auditorías económicas e sociais.

d) Asistencia técnica para auditoría da conta xustificativa dos programas I e III.

A contía máxima por CEE será de 15.000 euros para as letras a), b) e c) no seu conxunto e 3.000 euros para a letra d).

2. O gasto realizado tanto no investimento en activo fixo como na adaptación de postos de traballo ou na asistencia técnica, excluídos o IVE ou, de ser o caso, os impostos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, é subvencionable ata 100 % do gasto realizado para os CEE cualificados sen ánimo de lucro. O gasto da auditoría para a conta xustificativa dos programas I e III é subvencionable ata o 80 % nos CEE con ánimo de lucro e ata o 100 % nos centros que carezan de lucro.

Cuarto. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 13 de agosto de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2018-2019.

Quinto. Importe

Para a concesión destas axudas destínase un millón douscentos mil euros (1.200.000 euros), repartidos por anualidades.

Ano 2018: seiscentos mil euros (600.000 euros).

Ano 2019: seiscentos mil euros (600.000 euros).

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 20 de setembro de 2018. Non obstante, se o período de presentación resulta inferior a un mes, as solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Sétimo. Período subvencionable e xustificación das axudas

O período subvencionable comprende desde o 1 de xullo de 2018 ata o 30 de xuño de 2019:

a) Con cargo á anualidade 2018 subvencionaranse os postos creados entre o 1 de xullo de 2018 e o 30 de novembro de 2018.

A xustificación desta axuda deberá realizarse como máximo o 10 de decembro de 2018.

b) Con cargo á anualidade 2019 subvencionaranse os postos creados entre o 1 de decembro de 2018 e o 30 de xuño de 2019.

Neste caso a xustificación da axuda deberá realizarse como máximo o 30 de agosto de 2019.

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2018

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria