Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Luns, 3 de setembro de 2018 Páx. 39871

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Orde do 13 de agosto de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2018-2019. Programa III: axudas ao mantemento do custo salarial nos CEE (procedemento TR341M).

BDNS (Identif.): 413216.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Os centros especiais de emprego que figuren inscritos como tales no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, a súa organización e funcionamento (DOG núm. 138, do 19 de xullo), sempre que se cumpran as condicións e os requisitos establecidos no capítulo IV das bases reguladoras.

Así mesmo, poderán ser beneficiarias aquelas entidades que, na data de presentación da solicitude de axudas, teñan solicitado a súa cualificación como centro especial de emprego ou ampliación de novos centros de traballo.

Segundo. Obxecto

O obxecto deste programa é axudar aos CEE para manter os postos de traballo dos traballadores e das traballadoras con discapacidade mediante o financiamento parcial dos seus custos salariais.

Terceiro. Contía e condicións da subvención

1. Subvencionarase ata un importe do 50 % do salario mínimo interprofesional, para os postos de traballo ocupados polas persoas cun grao de discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33 %.

2. No caso de persoas con discapacidade incluídas nos supostos do artigo 5.3 das bases reguladoras da subvención, as contías serán equivalentes ao 60 % do SMI.

3. O cálculo da subvención farase en función do SMI establecido polo Consello de Ministros para o ano 2018 no Real decreto 1077/2017, do 29 de decembro (publicado no BOE do 30 de decembro).

4. O importe da subvención incluirá a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias ao ano.

5. No suposto de contratos de traballo a tempo parcial, a subvención experimentará unha redución proporcional á xornada laboral realizada.

Cuarto. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 13 de agosto de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2018-2019.

Quinto. Importe

Para a concesión destas axudas destínanse dez millóns cincocentos cincuenta e cinco mil euros (10.550.000 euros) coa seguinte distribución por anualidades.

Anualidade 2018: tres millóns setecentos cincuenta mil euros (3.750.000 euros).

Anualidade 2019: seis millóns oitocentos mil euros (6.800.000 euros).

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 20 de setembro de 2018. Non obstante, se o período de presentación resulta inferior a un mes, as solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Sétimo. Período subvencionable e xustificación das axudas

Con cargo á anualidade 2018 subvencionaranse as mensualidades de xullo a outubro de 2018. As axudas xustificaranse como máximo o 10 de decembro de 2018.

Con cargo á anualidade orzamentaria de 2019: mensualidades de decembro de 2018 e, se é o caso, a segunda paga extraordinaria do ano 2018, as mensualidades de xaneiro a xuño de 2019 e, se é o caso, a primeira paga extraordinaria do ano 2019. As axudas xustificaranse, como máximo, o 30 de agosto de 2019.

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2018

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria