Pola Resolución do 26 de setembro de 2017, da Xerencia de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés (DOG nº 199, do 19 de outubro), convocouse a provisión, polo sistema de avaliación colexiada, do posto de xefatura da Sección de Anestesioloxía e Reanimación no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.
En virtude das competencias atribuídas polo Decreto 43/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde (DOG nº 47, do 7 de marzo), e a Orde do 28 de setembro de 2011 pola que se desenvolve a Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés e se delegan competencias nos seus órganos directivos (DOG nº 188, do 30 de setembro), modificada pola Orde do 5 de xullo de 2012 (DOG nº 139, do 20 de xullo), esta Xerencia
RESOLVE:
Primeiro. Adxudicar o posto de Xefatura da Sección de Anestesioloxía e Reanimación no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra a Yolanda Sanduende Otero, DNI *****990C, aspirante que acadou a maior puntuación.
Segundo. O/a aspirante deberá cesar na praza que desempeñe dentro dos tres días hábiles seguintes a aquel en que se publique a resolución no Diario Oficial de Galicia.
A toma de posesión do posto de traballo adxudicado deberá efectuarse dentro dos tres días hábiles seguintes ao do cesamento, se a praza desempeñada e o posto adxudicado son da mesma área de saúde, ou no prazo de quince días hábiles, se son de distinta área de saúde. Para estes efectos, entenderase por praza desempeñada a efectivamente ocupada, con independencia de que sexa en condición de destino definitivo, adscrición ou destino provisional ou comisión de servizos.
Se así o permiten as necesidades do servizo, e por petición motivada do/da interesado/a, os prazos a que se refiren os parágrafos anteriores poderán ser prorrogados polo órgano convocante.
O prazo de toma de posesión e a súa prórroga terán a condición de servizo activo, e os correspondentes haberes percibiranse de conformidade co que estableza a orde sobre confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica.
1. Entenderase que solicita excedencia voluntaria por interese particular, e será declarado/a nesa situación polo órgano competente quen non se incorpore ao posto adxudicado no prazo establecido.
Terceiro. O/a aspirante seleccionado/a obterá un nomeamento para o desempeño do posto por un período inicial de catro anos de duración. Antes da finalización do referido período, o/a profesional seleccionado/a será avaliado/a para os efectos da súa prórroga, por idéntico período, ou remoción. Neste último caso, darase previamente audiencia ao/á interesado/a.
Cuarto. Contra a presente resolución poderá interpoñerse recurso de alzada ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución, segundo o establecido nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
(*) Ocúltase parcialmente o número do DNI para preservar os datos de carácter persoal, de acordo coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro.
Pontevedra, 22 de agosto de 2018
José Ramón Gómez Fernández
Xerente de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés