Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Venres, 7 de setembro de 2018 Páx. 40229

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 24 de agosto de 2018 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas do maior e se convocan en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2018 e 2019.

De acordo co artigo 50 da Constitución española, os poderes públicos garantirán, mediante pensións adecuadas e periodicamente actualizadas, a suficiencia económica aos cidadáns durante a terceira idade. Así mesmo, e con independencia das obrigas familiares, promoverán o seu benestar mediante un sistema de servizos sociais que atenderán os seus problemas específicos de saúde, vivenda, cultura e lecer.

O artigo 148.1.20 da Constitución española establece que as comunidades autónomas poderán asumir competencias, entre outras, en materia de asistencia social. Ao abeiro do dito precepto, o artigo 27.23 do Estatuto de autonomía para Galicia atribúelle a esta comunidade autónoma competencia exclusiva en materia de servizos sociais.

Neste marco competencial, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia. Entre outros aspectos, a lei regula a forma en que se prestarán os servizos sociais, e permítelles ás persoas físicas e xurídicas privadas, sexa de iniciativa social ou de carácter mercantil, a posibilidade de crear centros de servizos sociais, así como xestionar programas e prestacións desta natureza, de conformidade co establecido polo lexislador e, en todo caso, cumprindo os requisitos de calidade e demais condicións que estableza a normativa reguladora dos servizos sociais de Galicia.

En consonancia co anterior, esta orde de convocatoria diríxese a apoiar a posta en marcha dunha experiencia piloto nos concellos de Galicia cunha poboación menor de 5.000 habitantes, dando preferencia a aqueles en que non existan recursos de atención a persoas maiores, destinada a contribuír na atención e prevención da dependencia para manter e mellorar a calidade de vida, ofrecendo unha atención integral e personalizada a persoas maiores de 60 anos en situación de dependencia moderada e severa, grao I e grao II.

A casa do maior preséntase como alternativa cando na contorna non existan recursos de atención para este colectivo ou cando o internamento nese tipo de institucións non sexa desexado, procurando o mantemento no medio social habitual coa finalidade de que as ditas experiencias piloto poidan garantir a futura posta en marcha eficiente de servizos de atención en pequenos grupos, de maneira flexible e con garantías de seguridade e calidade.

Con esta actuación aténdense as necesidades de atención das familias e favorécese a equidade no acceso aos servizos con independencia do lugar de residencia.

Por outra banda, impulsarase e apoiarase a prestación destes servizos de atención aos maiores mediante fórmulas de autoemprego e de economía social, que demostraron ser eficaces para a dinamización económica local e, consecuentemente, para a fixación de poboación ao territorio.

Con esta estratexia preténdense crear oportunidades vitais para reter e atraer poboación nova ao rural galego e fomentar o reequilibrio territorial, aspectos ambos especialmente importantes en territorios afectados polo declive demográfico, como as áreas rurais de Galicia, concretamente as de interior, onde a fixación da poboación se presenta como unha cuestión prioritaria e as oportunidades laborais como un alicerce de desenvolvemento.

A xestión desta experiencia piloto realízase por convocatoria pública de axudas baixo o procedemento de concorrencia competitiva.

Esta orde de convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas para a posta en marcha de experiencias piloto destinadas á atención de mulleres e homes maiores de 60 anos de idade, en situación de dependencia moderada e severa, grao I e grao II respectivamente, mediante o establecemento da casa do maior nos concellos de menos de 5.000 habitantes.

Por medio desta orde convócanse as ditas axudas para a posta en marcha do proxecto piloto de casas do maior durante os anos 2018 e 2019, cun máximo de 15 mensualidades.

O código do procedemento regulado nesta orde é o BS212A.

Artigo 2. Características do proxecto

1. A casa do maior, como fórmula destinada a contribuír na atención e prevención da dependencia para manter e mellorar a calidade de vida, ofrecerá unha atención integral e personalizada a persoas maiores de 60 anos en situación de dependencia moderada e severa, grao I e grao II, respectivamente, a cal comprenderá a atención específica das súas necesidades básicas de alimentación, hixiene e tempo libre, de tal modo que se procure o seu mantemento no medio social habitual evitando o internamento en institucións cando isto non sexa o desexado ou cando non existan preto do seu domicilio habitual. A este respecto deseñarase e organizarase un ambiente e trato familiar no que se dea resposta ás necesidades derivadas da idade e da situación de dependencia da persoa usuaria.

2. Este proxecto piloto desenvolverase, sen prexuízo do establecido para o servizo de manutención, con carácter gratuíto na modalidade de atención diúrna e de luns a venres durante todo o ano, excepto os días festivos e un mes de cada doce, no que a casa do maior permanecerá pechada por vacacións.

3. Salvo as excepcións previstas no punto anterior, o proxecto debe manterse en funcionamento ininterrompidamente durante todo o ano, polo que é necesario contar cunha persoa que substitúa a titular no caso de enfermidade ou algunha situación de emerxencia.

4. A atención prestada comprenderá a manutención, a hixiene, o desenvolvemento de actividades de lecer e/ou adestramento cognitivo.

5. Os maiores poderán acudir ao centro un máximo de oito horas diarias nun horario flexible que se pactará co/coa profesional que desenvolva o proxecto piloto. En función deste, servirase a comida, o almorzo e/ou a merenda, segundo proceda.

6. Cada casa do maior terá un máximo de cinco prazas.

As persoas maiores que acudan á casa do maior deberán estar en todo caso empadroa/as no concello en que esta se situase ou nun limítrofe onde non existan recursos de atención ás persoas maiores de acordo co establecido no artigo 1 desta orde.

7. Para acceder ao financiamento previsto é necesario que se atenda a un mínimo de dous maiores, número mínimo que non poderá reducirse.

Para estes efectos, non se terá en conta o período de tempo que transcorra entre a notificación da adxudicación de praza á persoa usuaria e a ocupación efectiva dela.

Artigo 3. Financiamento

1. Ás subvencións obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de 1.360.637 €, distribuído en anualidades, que se imputará ás aplicacións orzamentarias que se indican:

Aplicación

2018

2019

12.04.312E.470.0

242.837,00 €

667.800,00 €

12.04.312E.770.0

180.000,00 €

270.000,00 €

Total:

422.837,00 €

937.800,00 €

2. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha transferencia de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, de ser o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que procede. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas para pór en marcha unha casa do maior as persoas físicas que se establezan como empresarios autónomos ou que constitúan cooperativas de traballo asociado que reúnan os seguintes requisitos:

a) Estar en posesión, ou contar, polo menos, cunha persoa socia que o estea, no caso de cooperativas de traballo asociado, de calquera das titulacións que se recollen a continuación, ou equivalentes, ou da formación ou experiencia seguinte:

1º. Grao en Medicina.

2º. Grao en Enfermaría.

3º. Título de técnico en Coidados Auxiliares de Enfermaría establecido polo Real decreto 546/1995, do 7 de abril, ou os títulos equivalentes de técnico Auxiliar de Clínica, técnico Auxiliar de Psiquiatría e técnico Auxiliar de Enfermaría, que se establecen no Real decreto 777/1998, do 30 de abril, ou, de ser o caso, calquera outro título que se publique cos mesmos efectos profesionais.

4º. Título de técnico en Atención a Persoas en Situación de Dependencia, regulado polo Real decreto 1593/2011, do 4 de novembro, ou o título equivalente de técnico de Atención Sociosanitaria, establecido polo Real decreto 496/2003, do 2 de maio ou, de ser o caso, calquera outro título que se publique cos mesmos efectos profesionais.

5º. Título de técnico superior en Integración Social, establecido polo Real decreto 1074/2012, do 13 de xullo, ou o título equivalente de técnico superior en Integración Social, establecido no Real decreto 2061/1995, do 22 de decembro, para aqueles profesionais que na data de publicación do presente acordo, estean traballando na categoría profesional de asistente persoal ou auxiliar de axuda a domicilio.

6º. O certificado de profesionalidade de Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes en Institucións Sociais, regulado polo Real decreto 1379/2008, do 1 de agosto ou, de ser o caso, calquera outro certificado que se publique cos mesmos efectos profesionais.

7º. O certificado de profesionalidade de Atención Sociosanitaria a Persoas no Domicilio, regulado polo Real decreto 1379/2008, do 1 de agosto, ou o equivalente certificado de profesionalidade da ocupación de auxiliar de axuda a domicilio, regulado no Real decreto 331/1997, do 7 de marzo ou, de ser o caso, calquera outro certificado que se publique cos mesmos efectos profesionais.

8º. Diploma que acredite a realización de cursos de formación integral e/ou complementaria para futuros profesionais da casa do maior. O curso terá unha duración de 30 horas e será impartido pola Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade.

b) Residir en concellos cunha poboación inferior a 5.000 habitantes de acordo co previsto no artigo 1 desta orde ou telo feito nos cinco anos anteriores á posta en marcha da experiencia piloto.

c) Contar cun inmoble en condicións de accesibilidade nunha das poboacións mencionadas na letra anterior ou dispor del con anterioridade á posta en marcha da experiencia piloto. O citado inmoble estará dotado do seguintes recursos:

1º. Sistema de calefacción que cubra todas as estadías dedicadas ao desenvolvemento da actividade subvencionada e conte coa protección de elementos calefactores precisa para evitar as queimaduras por contacto ou outros riscos para a integridade dos maiores.

2º. Sistema de iluminación adecuado.

3º. Unha zona para a preparación, almacenamento e conservación de alimentos dotada cos elementos necesarios para prestar o servizo de manutención.

4º. Unha zona de comedor habilitada para o efecto.

5º. Unha zona diferenciada para o descanso e a hixiene:

Contará cunha sala de estar para a realización de actividades individuais ou grupais que posibilite a convivencia e integración social. A súa superficie nunca será inferior a 12,5 metros e deberá dispor de iluminación e ventilación natural.

Contará como mínimo con dous servizos hixiénicos diferenciados, un para cada sexo. Deberán estar dotados de axudas en paredes e sanitarios, así como timbre de chamada con conexión ás zonas comúns. O chan será antiescorregadizo e de fácil limpeza e as portas terán un dispositivo fácil de peche e apertura, de forma que sexa totalmente accesible.

Ambas as zonas deberán estar situadas preferiblemente na planta baixa ou primeira con fácil acceso ao exterior e ser totalmente accesibles.

6º. Barras, axudas e timbre.

7º. As zonas de acceso adecuaranse tanto ao transporte adaptado como aos usuarios en cadeiras de rodas.

8º. Un mobiliario e equipamento que permita a cobertura das necesidades específicas das persoas maiores usuarias, adecuándose ás súas características.

9º. Dispor dun plan de actuación cos maiores para atender eventuais emerxencias que se poidan producir na casa do maior.

d) Acreditar unha revisión médica anual. No caso de cooperativas de traballo asociado, esta revisión médica deberá estar referida á/ás persoa/s social/is que desenvolva/an o proxecto.

2. O requisito establecido na letra a) do punto anterior, con excepción do punto 8º, así como o certificado médico acreditativo do estado de saúde, deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

En canto ao requisito do punto 1.a).8º, o promotor do proxecto deberá comprometerse á súa realización nun prazo máximo de 6 meses desde a entrada en vigor da presente orde, mediante a emisión dunha declaración responsable nos termos previstos no artigo 11.

O resto dos requisitos previstos no punto anterior deste artigo deberán acreditarse no prazo de dous meses desde a recepción da resolución de concesión, ampliable a tres para os supostos de constitución dunha cooperativa de traballo asociado.

Todos os requisitos previstos no número 1 deberán manterse durante o período de permanencia da actividade. Respecto das cooperativas de traballo asociado, de non estaren, constituídas no momento de presentación da solicitude, deberán iniciar os trámites para a súa constitución.

3. As persoas solicitantes deberán acreditar mediante declaración responsable que non están incursas en ningunha das causas de prohibición previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiarias.

Artigo 5. Permanencia mínima da actividade subvencionada

O período mínimo de permanencia da actividade empresarial subvencionada será de 5 anos contados desde a data de posta en marcha da experiencia piloto.

Entenderase como data de posta en marcha a data da resolución de concesión da axuda.

Exceptúanse deste requisito aqueles supostos en que causas de forza maior allea á vontade do/da profesional ou cooperativa que o leve a cabo ou a falta de demanda impidan o desenvolvemento da actividade nas condicións establecidas no artigo 2.7.

Artigo 6. Accións e gastos subvencionables

1. Serán subvencionables ao abeiro desta convocatoria as seguintes actuacións:

a) A reforma e adaptación da vivenda destinada a servir de casa do maior, así como o seu equipamento e dotación material nos termos previstos no artigo 4 desta orde.

b) A prestación da atención individualizada dos maiores de 60 anos con dependencia graos I e II, nas condicións previstas no artigo 2 desta orde.

2. Os gastos previstos na letra a) do punto 1 deste artigo para ter o carácter de subvencionables deberán ser necesarios.

Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servizo ou entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que os realicen, presten ou fornezan, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado. Así mesmo, deberán estar pagados con anterioridade á finalización do período de xustificación previsto para cada anualidade.

3. Os gastos previstos deberán ser especificados na solicitude, coa súa planificación por anualidades.

4. En ningún caso serán considerados gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

Artigo 7. Tipos de axuda e contías

1. As axudas para gastos de investimento consistirán nunha subvención de ata o 100 % dos gastos elixibles, cun límite máximo global por casa do maior de 15.000 euros. Consideraranse como elixibles aqueles gastos, en que o promotor incorra para a reforma e adaptación da vivenda destinada a servir de casa do maior, así como o seu equipamento e dotación material sempre que sexan necesarios.

2. A axuda polo desenvolvemento do proxecto piloto consistirá nunha achega económica de 19.600 €/ano en forma de prima destinada a apoiar esta iniciativa emprendedora ao comezo da súa andaina, que se liquidará nos termos previstos no artigo 24 desta orde. Este importe, que se percibirá anualmente, minorarase proporcionalmente no ano 2018 en función dos meses efectivos de desenvolvemento.

3. Adicionalmente, no caso de que as persoas usuarias da casa do maior fagan uso do servizo de manutención, os beneficiarios das axudas desta orde percibirán un máximo de 100 euros mensuais para un período mensual de 20 días a razón dun máximo de 5 € por persoa e día, sempre que se efectuase un servizo completo.

Para ese efecto, o beneficiario da axuda deberá acreditar o número de usuarios beneficiarios deste servizo mediante a cobertura do anexo VII.

Artigo 8. Procedemento e réxime de aplicación

O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Estas axudas ampáranse no réxime de minimis establecido no Regulamento (UE) 1407/2013, da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro). Esta circunstancia farase constar expresamente na resolución de concesión. Por tanto, de recibir a persoa física ou xurídica outras axudas baixo o réxime de minimis, deberase garantir que non se supera o límite de 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

Artigo 9. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado.

2. No caso de percibirse outras axudas, deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

3. En ningún caso o importe das axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo do investimento ou dos gastos de mantemento da actividade.

4. As persoas solicitantes deberán presentar, xunto coa solicitude, unha declaración comprensiva de todas as axudas e subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma finalidade, usando o formulario establecido para o efecto nesta orde, o cal terán que volver enviar actualizado sempre que varíe a situación inicialmente declarada.

Artigo 10. Solicitudes

1. As persoas ou cooperativas de traballo asociado que desexen acollerse aos beneficios desta convocatoria deberán formalizar a súa solicitude a través do modelo normalizado que se publica como anexo I desta orde e dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

2. As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade e presentaranse preferiblemente por vía electrónica.

A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas.

Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, será requerida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a corrección.

Para a presentación das solicitudes poderá utilizarse calquera dos mecanismos de identificación e firma admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluíndo o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

4. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos esixidos nestas bases reguladoras, o órgano responsable da tramitación requirirá as persoas interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou presenten os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se terán por desistidas da súa petición, logo de correspondente resolución, nos termos previstos polo artigo 21 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5. A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Documentación

1. Con cada solicitude, as persoas interesadas deberán achegar a seguinte documentación:

a) Copia da documentación acreditativa de estar en posesión de calquera das titulacións ou das formacións recollidas no artigo 4.1.a). No caso de cooperativas de traballo asociado, esta documentación deberá estar referida á/ás persoa/as social/is que desenvolverá/án o proxecto piloto.

En relación co curso de formación a que fai referencia o artigo 4.1.a), punto 8º, a persoa interesada non estará obrigada a achegar documento acreditativo da súa realización, e a Administración poderao comprobar en calquera momento.

No caso de que aínda non se realizase o curso de formación integral e/ou complementaria, o promotor debe presentar unha declaración responsable en que se comprometa á súa realización, nos termos previstos no anexo I.

b) Certificado médico oficial acreditativo do estado de saúde. No caso de cooperativas de traballo asociado, esta documentación deberá estar referida á/ás persoa/as social/is que desenvolverá/án o proxecto piloto.

c) Memoria descritiva en que se recolla a localización xeográfica e o número potencial de persoas maiores usuarias e se xustifique a súa necesidade e oportunidade, apoiada na análise da contorna e nos datos oficiais de poboación publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) dos últimos tres anos.

d) Proposta pedagóxica básica asinada pola/as persoa/as que desenvolverá/an o proxecto piloto que, en todo caso, deberá abordar os seguintes contidos: período de adaptación, a alimentación, a hixiene, hábitos de autonomía persoal e a programación xeral dunha xornada.

e) Descrición do equipamento e materiais que se empregarán no desenvolvemento do proxecto (características e composición).

f) Planos a escala e cotados do estado actual do inmoble acompañados de fotografías de todas as estadías coa proposta das adaptacións que se realizarán, de ser o caso. De realizar obras, planos a escala representativos do estado reformado.

g) Protocolos de actuación coas persoas maiores: protocolo de caídas, de hixiene persoal, atención e coidados, suxestións e reclamacións…

h) Orzamento desagregado dos gastos de investimento segundo o establecido no anexo III.

i) Documentación acreditativa da inscrición ininterrompida na oficina de emprego como demandante de emprego durante 12 ou máis meses, de ser vítima de violencia de xénero ou do grao de discapacidade, de ser o caso, para os efectos da valoración dos criterios establecidos no artigo 15. A acreditación do grao de discapacidade, só no suposto de non autorizar a súa consulta respecto da demanda de emprego, considerarase interrompida se se traballou durante un período acumulado de 90 ou máis días nos 365 anteriores á data de solicitude.

j) Anexo V cuberto cos datos da persoa que se vaia encargar do desenvolvemento do proxecto, no suposto de tratarse de persoas xurídicas.

k) Documentación acreditativa da dispoñibilidade do inmoble durante o período subvencionado (escritura de propiedade, contrato de arrendamento ou documento de cesión).

l) Informe dos servizos técnicos municipais sobre as condicións de habitabilidade ou documentación técnica elaborada por profesional habilitado.

m) Fotografías das adaptacións realizadas.

n) Datos de identificación da persoa que se encargará de substituír a responsable do desenvolvemento do proxecto piloto nos supostos de ausencia, enfermidade ou emerxencia, así como orixinal ou copia cotexada da documentación recollida no articulo 4.1.a).

ñ) Alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda e Administracións públicas, de ser o caso.

o) Xustificante de contratar unha póliza de seguro por un importe mínimo de 15.000 euros, que garanta a cobertura das continxencias de responsabilidade civil, danos a terceiras persoas e accidentes que puidesen xerarse por feitos o circunstancias ocorridos como consecuencia da súa estadía nel ou das actividades propias que se realicen no exterior.

Os interesados non estarán obrigados a achegar documentos que foran elaborados por calquera Administración nin aqueles que xa foran presentados anteriormente, sempre que o interesado exprese o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos eses documentos. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á proposta de resolución.

2. A documentación prevista nas letras l) a o) do punto 1 deste artigo poderá presentarse ben no momento da solicitude co anexo I, ben no prazo de dous meses (ou de tres, no caso de cooperativas de traballo asociado) previsto no artigo 4.2 desta orde, xunto co anexo II.

3. A Consellería de Política Social reserva para si a facultade de solicitar a información complementaria que considere conveniente para a correcta definición, avaliación, seguimento e comprobación da solicitude presentada.

4. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación presencialmente, será requerida para que a emende mediante a súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. De conformidade coa normativa de protección de datos, para tramitar este procedemento consultaranse os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento nacional de identidade (DNI)/número de identidade de estranxeiro/a (NIE) ou número de identificación fiscal (NIF), en función de que a persoa solicitante sexa física ou xurídica.

b) Documento nacional de identidade (DNI)/número de identidade de estranxeiro/a (NIE) da persoa representante.

c) Documento nacional de identidade (DNI)/número de identidade de estranxeiro/a (NIE) da persoa que vai desenvolver o proxecto piloto (anexo V).

d) Certificado de estar ao día no cumprimento das obrigacións tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Títulos oficiais universitarios e títulos oficiais non universitarios mencionados no artigo 4.1.a) da persoa solicitante ou da que vaia desenvolver o proxecto piloto no suposto de cooperativas de traballo asociado.

f) Empadroamento da persoa solicitante ou da que vai desenvolver o proxecto piloto no suposto de cooperativas de traballo asociado.

g) Alta no imposto de actividades económicas.

h) Alta na Seguridade Social no réxime especial de autónomos.

i) Certificado de discapacidade, de ser o caso, para os efectos da valoración dos criterios recollidos no artigo 15.

j) Acreditación da condición de vítima de violencia de xénero, de ser o caso.

2. Os servizos recollidos nas letras d), g), h), i) e j) consultaranse tanto para a persoa solicitante como para a persoa que vai desenvolver o proxecto piloto.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten documentos correspondentes.

Artigo 13. Instrución

1. A instrución do procedemento corresponde ao órgano competente en materia de sistemas de acceso e admisión nos centros e servizos para as persoas dependentes, maiores e con discapacidade, quen realizará as correspondentes propostas de resolución.

2. As axudas concederanse baixo o réxime de concorrencia competitiva, mediante a comparación e prelación das solicitudes presentadas de acordo cos criterios de selección e valoración fixados nestas bases, segundo a puntuación obtida e respectando o límite orzamentario dispoñible. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderase requirir a persoa solicitante para que acompañe cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitar e resolver do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, para aquelas que reúnan todos os requisitos e acompañen a documentación necesaria, solicitarase un informe da Dirección Xeral competente para comprobar que non existe neste ningún recurso común de atención ás persoas maiores ou, no seu defecto, a inexistencia de centros de día. Feita esta comprobación, as que cumpran este aspecto serán remitidas á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo 14.

5. Os expedientes que, tras o trámite de emenda, non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación ou, de ser o caso, non a presenten nos modelos normalizados quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase ao arquivamento, sen posibilidade de emenda, das solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na convocatoria.

6. A proposta de concesión da subvención realizarase conforme o informe emitido pola comisión de valoración prevista no artigo 14 e recollerá a orde de puntuación e o importe da axuda que corresponda a cada solicitude ata esgotar o crédito dispoñible.

7. Nos supostos de resolución condicionada previstos no artigo 14.7 desta orde, unha vez transcorrido o prazo establecido no artigo 4.2 desde a súa notificación sen recibir a documentación pendente, ou se recibida non acredita o cumprimento de todos os requisitos establecidos nesta convocatoria, o órgano instrutor formulará a correspondente proposta de revogación da resolución de concesión.

Artigo 14. Comisión de valoración

1. Conforme o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, constituirase como órgano colexiado unha comisión de valoración que, de acordo cos criterios de baremación de solicitudes establecidos, realizará a selección e emitirá o correspondente informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada, con indicación da puntuación e da axuda aplicable en cada caso.

2. A comisión rexerase polo establecido na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, no relativo aos órganos colexiados, e estará integrada polos seguintes membros:

a) A persoa titular da Subdirección Xeral competente en materia de sistemas de acceso e admisión nos centros e servizos para as persoas dependentes ou persoa que a substitúa, que actuará como presidente/a.

b) A persoa titular do servizo competente en materia de tramitación e seguimento da admisión en centros e servizos para as persoas maiores en situación de dependencia.

c) Un/unha funcionario/a designado pola persoa titular da presidencia, que actuará como secretario/a.

Se, por calquera causa, a persoa titular do servizo competente ou o/a secretario/a que compoñen a comisión de valoración non puidese asistir cando esta se reúna para o exame das solicitudes, será substituída polo/a funcionario/a designado para estes efectos pola persoa que exerza a presidencia.

3. O órgano instrutor, por solicitude da comisión de valoración e motivadamente, poderá requirir das persoas solicitantes información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.

4. A avaliación realizarase segundo os últimos datos oficiais publicados polo IGE e do que resulte da documentación presentada coa solicitude ou obtida de oficio polo órgano instrutor respecto das circunstancias recollidas na letra a) do artigo 15.1.

Nos casos de solicitudes con igualdade de puntuación, terase en conta, para os efectos de resolver o empate, a puntuación obtida criterio a criterio, seguindo a orde en que figuran relacionados, comezando polo primeiro, ata que se produza o desempate; no caso de se esgotaren os criterios e persistir o empate, a preferencia determinarase pola data de presentación da solicitude.

5. Unha vez avaliados os expedientes e determinada a axuda que corresponde a cada proxecto, a comisión fixará o limiar mínimo de puntuación necesario para obter a axuda, tendo en conta o crédito orzamentario e os topes xerais establecidos nestas bases. Este limiar mínimo será publicado no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, emitirá un informe segundo o cal a subdirección xeral competente en materia de sistemas de acceso e admisión nos centros e servizos para as persoas dependentes formulará proposta de resolución ao órgano competente para resolver a concesión ou denegación da subvención solicitada.

No informe da comisión figurarán de maneira individualizada as solicitudes propostas para obter a axuda, con especificación da puntuación que lles corresponde e o importe da concesión que se propón para cada unha delas.

6. No suposto de haber máis dunha solicitude relativa a un mesmo concello que alcance o limiar mínimo de puntuación necesario para obter a axuda, en primeira adxudicación só se proporá unha axuda por concello. Unha vez atendidas, dentro das posibilidades orzamentarias, todas as solicitudes que acaden o limiar sinalado, teranse en conta, en sucesivas adxudicacións, de ser o caso, o resto de solicitudes para o mesmo concello de acordo coa puntuación e criterios establecidos no artigo 15.

7. Aquelas solicitudes ás cales lles falte documentación, por tratarse da prevista no artigo 11.2 desta orde, e/ou aquelas en que existisen deficiencias enmendables, serán incluídas no informe para que o órgano instrutor propoña a súa resolución de concesión condicionada á emenda das deficiencias e/ou ao cumprimento de todos os requisitos recollidos no dito artigo no prazo establecido.

8. En caso de existiren solicitudes susceptibles de axuda pero que non se inclúen na proposta anterior por esgotarse o crédito dispoñible, quedarán en reserva para ser atendidas, de ser o caso, ben co crédito que quedase libre debido á renuncia doutros solicitantes, á modificación dos proxectos inicialmente subvencionados ou debido a que os promotores suxeitos a resolución condicionada non enviasen a documentación necesaria no prazo establecido, ben por incremento do crédito orzamentario destinado a esta subvención.

Para estes efectos, poderanse realizar sucesivas propostas de resolución ata o final do exercicio 2018 conforme o sinalado neste artigo.

Artigo 15. Criterios de valoración

A comisión de valoración examinará as solicitudes presentadas e avaliaraas cun máximo de 100 puntos conforme os seguintes criterios:

1. Darase preferencia para o establecemento de casas do maior naqueles concellos do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia en que non exista ningún outro recurso común de atención ás persoas maiores en funcionamento, considerando como tales as residencias, fogares residenciais, vivendas comunitarias, apartamentos tutelados e centros de día. En defecto dos anteriores terán preferencia aquelas poboacións en que non existan servizos de atención diúrna en funcionamento. Este criterio valorarase da seguinte forma:

a) Onde non haxa ningún recurso: 65 puntos.

b) Onde non haxa centros de día: 40 puntos.

2. Contribución á integración laboral de persoas en situación de especial protección: paradas de longa duración, menores de 35 anos, maiores de 55 anos, con discapacidade igual ou superior ao 33 % sempre que esta sexa valorada como compatible co desempeño da actividade subvencionada polo órgano competente da Administración autonómica e mulleres vítimas de violencia de xénero, ata 35 puntos coa seguinte desagregación:

a) Persoas paradas de longa duración: 7 puntos.

b) Menores de 35 anos: 7 puntos.

c) Maiores de 55 anos: 7 puntos.

d) Persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %: 7 puntos.

e) Mulleres vítimas de violencia de xénero: 7 puntos.

No caso de cooperativas de traballo asociado, esta situación deberá estar referida a calquera da/das persoa/s social/sociais que desenvolvan o proxecto piloto, sen que sexa posible a acumulación de puntos por participar máis dunha persoa de cada grupo indicado.

Artigo 16. Resolución

1. A resolución dos expedientes de axudas, tras a fiscalización da proposta, corresponde á persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, quen resolverá por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social.

Con anterioridade a ditarse a resolución de concesión, deberá quedar acreditado que a persoa beneficiaria está ao día no cumprimento das obrigacións tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O prazo para resolver será de catro meses, que se computará a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada.

3. A resolución de concesión comprenderá a identificación da persoa beneficiaria e as obrigas que lle corresponden, a contía da subvención, os requisitos específicos relativos a produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o calendario de execución, con indicación do método que se aplica para determinar os custos da operación e as condicións para o pagamento da axuda.

Nos supostos de resolución condicionada, recollerase expresamente esta circunstancia, con indicación dos requisitos de entre os previstos no artigo 11.2, que deben cumprirse para que esta teña efectos e o prazo establecido para o seu cumprimento.

Artigo 17. Notificacións

1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os actos administrativos deste procedemento. Esta publicación producirá os efectos de notificación.

Serán igualmente obxecto de publicidade a través do portal do Benestar da Consellería de Política Social (https://politicasocial.xunta.gal).

Así mesmo, de forma complementaria, poderase efectuar a notificación de todos os actos administrativos de acordo co reflectido no punto seguinte.

2. As notificacións complementarias practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

As notificacións electrónicas realizaranse mediante o sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa plenamente válida.

A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas obrigadas a recibir notificacións por medios electrónicos, deben optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen 10 días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 18. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao abeiro da presente orde porán fin á vía administrativa.

Contra elas poderá interporse recurso de reposición. O prazo para a súa interposición será dun mes, se o acto fose expreso. Transcorrido o dito prazo unicamente poderá interporse recurso contencioso-administrativo, sen prexuízo, de ser o caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión.

Se o acto non fose expreso, o solicitante e outros posibles interesados poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa normativa específica, se produza o acto presunto.

Artigo 19. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Obrigas das persoas beneficiarias

1. De conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable, as persoas beneficiarias destas axudas están obrigadas a:

a) Executar e acreditar a realización da actuación que fundamenta a concesión da subvención e o cumprimento dos requisitos e das condicións desta ante o órgano que a concede, sen prexuízo da facultade da Consellería de Política Social de comprobar a realización material das actuacións. 

b) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control. Deberán igualmente conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control de acordo coa lexislación vixente.

c) Ter unha permanencia mínima ininterrompida na actividade e manter as infraestruturas e equipamentos subvencionados destinados ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención por un período non inferior ao establecido no artigo 5 desta orde, tal como recolle o artigo 29.4.a) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incumprimento deste requisito dará lugar á revogación da subvención, co reintegro das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora legalmente establecidos desde o momento do pagamento da subvención.

d) Facer constar, en todo tipo de publicidade e información relativas aos programas e actuacións realizados, a condición de subvencionados pola Consellería de Política Social.

e) Levar un rexistro de persoas usuarias en soporte papel ou electrónico onde consten os datos de identidade das persoas maiores que se atenden, dos seus titores, de ser o caso, así como o día e o horario de atención e as autorizacións para a administración de medicamentos, de ser o caso.

f) Levar un rexistro das persoas usuarias en soporte papel ou electrónico onde consten os datos de identidade dos usuarios e usuarias que fagan uso do servizo de comidas.

g) Cumprir con todas as obrigas derivadas da normativa vixente en materia de protección de datos de carácter especial, e deberanse solicitar os consentimentos necesarios para o tratamento dos datos de carácter persoal que manexen no desenvolvemento da experiencia piloto.

h) Informar o público de que o servizo está financiado pola Xunta de Galicia-Consellería de Política Social. No lugar de prestación do servizo colocarase nun lugar destacado e visible un cartel informativo dun tamaño mínimo A3 en que apareza o anagrama da Consellería de Política Social.

i) Efectuar a xustificación para a percepción da axuda conforme o establecido nesta orde.

j) Facilitar toda a información que lles requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

k) Someterse ás actuacións de comprobación e facilitar toda a información requirida pola Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

l) Comunicarlle á Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

m) Acreditar a realización de revisións médicas anuais co correspondente certificado médico oficial.

n) Contratar un seguro que cubra as continxencias de responsabilidade civil, os danos a terceiras persoas e accidentes durante o desenvolvemento da actividade subvencionada.

ñ) Poñer en coñecemento da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade todas as situacións que dean lugar á substitución da persoa titular do servizo con anterioridade a que se produza, sempre que non sexa debida a unha situación imprevista, ou no prazo de dez días desde que se produza no resto dos casos. Nestes supostos deberase xuntar a documentación xustificativa do contrato laboral e a alta na Seguridade Social, así como o certificado médico oficial do estado de saúde da persoa substituta.

o) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, estar ao día nas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Cando as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, segundo o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que a solicitante ou a beneficiaria ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, será requirida para que regularice a situación e presente por si mesma os correspondentes certificados.

p) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

q) Todas aquelas obrigas e requisitos que se desprendan do articulado desta orde e dos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e da súa normativa de desenvolvemento.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a fornecer á Administración, ao organismo ou á entidade previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. As persoas beneficiarias deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

En concreto, deberán facer constar, na súa publicidade ou na información que xeren, o financiamento con fondos da Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social. Para iso, no lugar onde se desenvolva o proxecto deberá figurar, nun lugar destacado e visible, un cartel informativo dun tamaño mínimo A3 en que aparezan os anagramas da Consellería de Política Social.

No portal de Benestar informarase das características do dito cartel e dos logos e lendas de obrigada inclusión. Cando a casa do maior se publicite nun sitio da internet, as citadas referencias deberán realizarse en lugar visible na súa páxina de inicio; no suposto de facer uso de aplicacións informáticas, deberán facerse as citadas referencias na zona de inicio ou menú principal da aplicación informática, así como na epígrafe de información da aplicación («axuda», «acerca de» ou similares); así mesmo, cando se elaboren materiais divulgativos da casa do maior (cadernos, folletos, notas informativas) deberán constar na contraportada das ditas publicacións as citadas referencias.

Artigo 21. Xustificación da subvención

1. As persoas beneficiarias deberán xustificar cada anualidade de modo independente. Cada xustificación comprenderá as actuacións realizadas no ano en curso ata o 30 de novembro e presentarase con data límite do 5 de decembro da correspondente anualidade.

2. Con base no establecido no título III, artigo 48.3, do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e tendo en conta o obxecto e a natureza destas axudas, as persoas beneficiarias con cada solicitude de pagamento (anexo IV) deberán presentar os rexistros mensuais de asistencia asinados pola/s persoa/s responsable/s do desenvolvemento do proxecto e polos maiores ou, de ser o caso, titores ou representantes legais dos maiores que acudan á casa do maior (anexo VI).

Así mesmo, para xustificar o servizo de manutención, deberá achegarse o anexo VII cuberto.

3. Adicionalmente, na xustificación final de cada anualidade presentarase a seguinte documentación:

a) Memoria de actuación onde consten todas as prestacións realizadas ás persoas maiores, asinada polo beneficiario da axuda.

b) Acreditación documental, material e/ou gráfica (fotografías, fotocopias, capturas de pantalla...) do cumprimento da obriga de información e publicidade do financiamento público da acción subvencionada.

4. Para xustificar na anualidade de 2018 os gastos de investimento realizados presentaranse as facturas orixinais ou documentos de valor probatorio equivalente do total dos gastos realizados xunto cos xustificantes bancarios que acrediten o seu pago. De acordo co artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados pola entidade bancaria e asinados pola persoa representante da entidade bancaria autorizada para os ditos efectos.

Para os efectos desta orde, os gastos de investimento teñen que cumprir os seguintes requisitos: ser gastos da acción, adecuados aos obxectivos da medida a que pertence a actuación, ser verificable documentalmente a súa realización e ser realizados e efectivamente pagados dentro do período establecido no artigo 6.2 desta orde.

5. As facturas presentadas deberán cumprir os seguintes requisitos formais:

a) Deberán ser orixinais ou fotocopias compulsadas e cada factura deberá ter unha explicación detallada do gasto en relación coa acción subvencionada, así como o prezo unitario.

b) Conterán os datos identificativos de quen a expide (nome, apelidos, denominación ou razón social, NIF e enderezo), así como do/da destinatario/a, que deberá ser a persoa física ou xurídica subvencionada.

c) Incluirán o IVE correspondente ou o imposto equivalente. Cando a cota repercuta dentro do prezo, deberá indicarse «IVE incluído», así como o lugar e a data.

d) Xuntarase o comprobante bancario do seu pagamento (orixinal ou copia compulsada).

Se a transferencia engloba varias facturas, presentarase a relación destas. Non se admitirán xustificantes de aboamento en metálico. Os pagamentos mediante transferencia bancaria, salvo que sexan telemáticos, deberán vir conformados ou verificados pola entidade bancaria.

6. No caso de que a xustificación sexa incorrecta e/ou incompleta, requirirase a persoa beneficiaria para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, e advírteselle que, de non facelo, se procederá, tras a resolución, á revogación da axuda e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de demora.

Artigo 22. Pagamento

1. Unha vez xustificada cada anualidade da subvención, o órgano instrutor verificará o cumprimento da actividade subvencionada.

2. O aboamento dos gastos en concepto de investimentos efectuarase de acordo co seguinte: para a anualidade 2018 as persoas beneficiarias percibirán, en concepto de pagamento anticipado, un pagamento de ata o 80 % da cantidade da subvención concedida en gastos de investimento co límite da anualidade orzamentaria, que se fará efectivo unha vez notificada a concesión da axuda, ou do cumprimento de todos os requisitos e condicións previstos nesta orde nos supostos de concesión condicionada.

O importe restante que corresponda para completar o pagamento dos gastos de investimento realizados librarase, dentro do prazo establecido na resolución de concesión, tras a xustificación total do investimento sempre que se teña efectuado a comprobación material deste e verificado que a prestación do servizo se desenvolveu nas condicións exixidas nesta orde.

3. O aboamento da prima polo desenvolvemento do proxecto efectuarase de acordo co seguinte: para a anualidade de 2018 as persoas beneficiarias percibirán un pagamento de ata o 80 % da cantidade da subvención concedida correspondente á referida anualidade en concepto de pagamento anticipado, que se fará efectivo unha vez notificada a resolución de concesión. A contía restante aboarase nun único pagamento unha vez xustificado o custo da actividade e acreditado o seu desenvolvemento e terá a consideración de pagamento á conta da liquidación definitiva.

O importe da subvención en 2018 en concepto de prima de funcionamento establecerase en función dos meses efectivos de funcionamento.

Na anualidade 2019 realizarase un pagamento anticipado polo 35 % do importe correspondente á anualidade, sen que a suma dos importes de pagamentos anticipados e dos pagamentos á conta excedan o límite do 80 % do total do importe da prima concedida.

O importe restante librarase despois da xustificación polas persoas beneficiarias do desenvolvemento do proxecto piloto nas condicións exixidas nesta orde e da comprobación material destes aspectos.

En todo caso, deberá presentarse unha solicitude de pagamento relativa ás actuacións realizadas en cada anualidade con data límite do 5 de decembro de cada unha delas.

4. Antes de proceder ao pagamento de cada liquidación final anual, o órgano xestor incorporará ao expediente a acreditación de que as adxudicatarias están ao día nas súas obrigacións tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración da Comunidade Autónoma.

5. Atendendo á natureza da actividade que se vai desenvolver, para a resolución de concesión dos anticipos e pagamento á conta da liquidación efectiva previstos nesta orde non será precisa a constitución de garantías.

Artigo 23. Incumprimento, revogación e reintegro de axudas

1. De acordo co establecido no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida calquera incumprimento das obrigas previstas no artigo 19 desta orde e concretamente:

a) O incumprimento da finalidade ou do obxectivo para o cal se concedeu a subvención ou a obriga de xustificar a realización da actuación e a non permanencia mínima da actividade subvencionada.

b) A obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión con falsificación das condicións requiridas para iso ou ocultación daquelas que o impedisen.

c) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, ou incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos.

2. Para os efectos desta orde, consideraranse supostos de reintegro parcial:

a) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas e os investimentos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os fondos financiados que suporá unha perda do 2 % da subvención concedida.

b) Non dar publicidade ao financiamento dos investimentos obxecto de subvención, que suporá a perda dun 2 % da subvención concedida.

c) Non comunicar a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención, que suporá a perda dun 5 % da axuda concedida. Esta porcentaxe do 5 % aplicarase unha vez descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

d) Non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período establecido, o que suporá un reintegro da subvención correspondente ao activo non mantido, de forma proporcional ao período en que se incumpriu este requisito.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os puntos anteriores, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

4. Con anterioridade ao requirimento previo da Administración, as persoas beneficiarias poderán realizar con carácter voluntario a devolución do importe da axuda obxecto de reintegro.

Esta devolución efectuarase mediante ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia ES8220800300873110063172, segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación, e o importe incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 24. Infraccións e sancións

Ás persoas beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 25. Control e verificación

Todas as axudas concedidas ao abeiro desta orde estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento, e ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 26. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. Por outra banda, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información necesaria, de conformidade co previsto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 27. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional no enderezo https://sede.xunta.gal, na Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, no Servizo de Recursos Comúns e Atención ao Alzhéimer, a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal/guiadeprocedimientos, do teléfono 012 ou de modo presencial.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Política Social, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no dito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explícita na información adicional recollida en https://www. xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición adicional segunda. Usuarios da casa do maior

1. Criterios de valoración.

Poderán acceder a este recurso as persoas ás cales, de conformidade co Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes lles recoñecese a súa condición de persoas en situación de dependencia grao I ou grao II e lles resolveu no seu programa individual de atención o recurso regulado nesta norma.

As persoas que queiran acceder ás casas do maior deberán, en todo caso, seguir o procedemento de recoñecemento da dependencia recollido no dito decreto.

No acceso a este recurso terase en conta a aplicación dos criterios establecidos no artigo 44.4 do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do Programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes.

Unha vez aplicado o baremo de valoración da situación de dependencia vixente en cada momento, se a persoa solicitante acada o grao I ou grao II de dependencia que lle permite o acceso ao recurso desta norma, formularase proposta de programa individual de atención para a súa posterior aplicación.

2. Asignación e ingreso no servizo.

Todas as casas do maior que xestionen este recurso deberán comunicar á xefatura territorial correspondente todas aquelas prazas que estean vacantes e dispoñibles para a súa cobertura no prazo máximo de cinco días hábiles desde que aquelas adquirisen tal condición.

Tras a proposta de resolución ditada polo órgano de valoración de dependencia da respectiva xefatura territorial, correspóndelle á xefatura territorial competente resolver a asignación de prazas vacantes en cada momento.

3. Notificación e recursos.

A resolución da asignación do recurso non pon fin á vía administrativa Será notificada á persoa interesada pola unidade administrativa responsable, quen poderá impugnala en recurso de alzada ante a dirección xeral competente en materia de dependencia, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Comunicación ao promotor do proxecto piloto.

De forma simultánea á notificación á persoa interesada, a xefatura territorial correspondente comunicaralle ao promotor do proxecto a asignación de praza vacante, para os efectos de que nun prazo máximo de dez días se poña en contacto coa persoa beneficiaria, co fin de acordar o ingreso efectivo. O contacto coa persoa beneficiaria poderá realizarse por calquera medio que permita ter constancia da súa realización.

O prazo para o ingreso na praza vacante será de dez días naturais, que comezarán a contar desde o día seguinte a aquel en que a persoa interesada reciba a comunicación por parte do promotor do proxecto piloto, nos termos a que se refire o parágrafo anterior. A non incorporación no prazo sinalado entenderase como unha renuncia ao dereito.

5. Comunicación do ingreso.

No prazo de dous días hábiles desde que se produza o ingreso, o promotor do proxecto deberá comunicar á xefatura territorial a data en que aquel tivo lugar. Así mesmo, deberá comunicarse á indicada xefatura os casos de non incorporación dentro do prazo establecido e de renuncia, e achegará a documentación acreditativa.

6. Renuncia.

A persoa solicitante, ou quen exerza a súa representación legal, poderá renunciar ao dereito recoñecido de asignación do recurso. Formalizada a renuncia, arquivarase a solicitude e porase fin ao expediente.

7. Adiamento do ingreso.

Cando por causas de forza maior ou por razón de ingreso hospitalario non se produza o ingreso dentro do prazo regulado no punto 4 desta disposición adicional, a persoa interesada antes da finalización deste prazo, poderá solicitar o seu adiamento. De ser o caso, a súa praza será cuberta por outra persoa. Desaparecida a causa que xustifica o adiamento, incorporarase na primeira vacante que se produza no recurso previamente recoñecido.

A autorización do adiamento, que recollerá debidamente xustificada a súa causa, efectuaraa a xefatura territorial nun prazo máximo de tres días hábiles.

Subsidiariamente ao disposto nesta disposición adicional, será de aplicación a normativa vixente en materia de ingresos.

Disposición adicional terceira. Delegación de competencias

Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade a actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispor gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para ditar instrucións

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións precisas para o desenvolvemento desta convocatoria, as cales serán obxecto de publicación no portal de Benestar.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de agosto de 2018

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file