Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Venres, 7 de setembro de 2018 Páx. 40272

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

EXTRACTO da Orde do 24 de agosto de 2018 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas do maior e se convocan en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2018 e 2019.

BDNS (Identif.): 413965.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas para pór en marcha unha casa do maior as persoas físicas que se establezan como empresarios autónomos ou que constitúan cooperativas de traballo asociado que reúnan os seguintes requisitos:

a) Estar en posesión ou contar, polo menos, cunha persoa socia que o estea, no caso de cooperativas de traballo asociado, por calquera das titulacións que se recollen a continuación, ou equivalentes, ou da formación ou experiencia seguinte:

1º. Grao en Medicina.

2º. Grao en Enfermaría.

3º. Título de técnico en Coidados Auxiliares de Enfermaría, establecido polo Real decreto 546/1995, do 7 de abril, ou os títulos equivalentes de técnico Auxiliar de Clínica, técnico Auxiliar de Psiquiatría e técnico Auxiliar de Enfermaría, que se establecen no Real decreto 777/1998, do 30 de abril ou, de ser o caso, calquera outro título que se publique cos mesmos efectos profesionais.

4º. Título de técnico en Atención a Persoas en Situación de Dependencia, regulado polo Real decreto 1593/2011, do 4 de novembro, ou o título equivalente de técnico de Atención Sociosanitaria, establecido polo Real decreto 496/2003, do 2 de maio ou, de ser o caso, calquera outro título que se publique cos mesmos efectos profesionais.

5º. Título de técnico superior en Integración Social, establecido polo Real decreto 1074/2012, do 13 de xullo, ou o título equivalente de técnico superior en Integración Social, establecido no Real decreto 2061/1995, do 22 de decembro, para aqueles profesionais que na data de publicación do presente acordo se encontren traballando na categoría profesional de asistente persoal ou auxiliar de axuda a domicilio.

6º. O certificado de profesionalidade de Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes en Institucións Sociais, regulado polo Real decreto 1379/2008, do 1 de agosto ou, de ser o caso, calquera outro certificado que se publique cos mesmos efectos profesionais.

7º. O certificado de profesionalidade de Atención Sociosanitaria a Persoas no Domicilio, regulado polo Real decreto 1379/2008, do 1 de agosto, ou o equivalente certificado de profesionalidade da ocupación de auxiliar de axuda a domicilio, regulado no Real decreto 331/1997, do 7 de marzo ou, de ser o caso, calquera outro certificado que se publique cos mesmos efectos profesionais.

8º. Diploma que acredite a realización de cursos de formación integral e/ou complementaria para futuros profesionais da casa do maior. O curso terá unha duración de 30 horas e será impartido pola Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade.

b) Residir en concellos cunha poboación inferior a 5.000 habitantes de acordo co previsto no artigo 1 desta orde ou telo feito nos cinco anos anteriores á posta en marcha da experiencia piloto.

c) Contar cun inmoble en condicións de accesibilidade nunha das poboacións mencionadas na letra anterior ou dispor del con anterioridade á posta en marcha da experiencia piloto.

d) Acreditar unha revisión médica anual. No caso de cooperativas de traballo asociado, esta revisión médica deberá estar referida á/ás persoa/s socia/s que desenvolvan o proxecto.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas para a posta en marcha de experiencias piloto destinadas á atención de mulleres e homes maiores de 60 anos de idade, en situación de dependencia moderada e severa, grao I e grao II respectivamente, mediante o establecemento da casa do maior nos concellos de menos de 5.000 habitantes.

Por medio desta orde convócanse as ditas axudas para a posta en marcha do proxecto piloto de casas do maior durante os anos 2018 e 2019, cun máximo de 15 mensualidades.

O código do procedemento regulado nesta orde é o BS212A.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 24 de agosto de 2018 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas do maior e se convocan en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2018 e 2019.

Cuarto. Tipos de axuda e contías

1. As axudas para gastos de investimento consistirán nunha subvención de ata o 100 % dos gastos elixibles, cun límite máximo global por casa do maior de 15.000 euros. Consideraranse como elixibles aqueles gastos en que o promotor incorra para a reforma e adaptación da vivenda destinada a servir de casa do maior, así como o seu equipamento e dotación material sempre que sexan necesarios.

2. A axuda polo desenvolvemento do proxecto piloto consistirá nunha achega económica de 19.600 €/ano en forma de prima destinada a apoiar esta iniciativa emprendedora ao comezo da súa andaina, que se liquidará nos termos previstos no artigo 24 desta orde. Este importe, que se percibirá anualmente, minorarase proporcionalmente no ano 2018 en función dos meses efectivos de desenvolvemento.

3. Adicionalmente, no caso de que as persoas usuarias da casa do maior fagan uso do servizo de manutención, os beneficiarios das axudas desta orde percibirán un máximo de 100 € mensuais para un período mensual de 20 días a razón dun máximo de 5 € por persoa e día, sempre que se efectuase un servizo completo.

Quinto. Importe

1. Ás subvencións obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de 1.360.637 €, distribuído en anualidades, que se imputará ás aplicacións orzamentarias que se indican:

Aplicación

2018

2019

12.04.312E.470.0

242.837,00 €

667.800,00 €

12.04.312E.770.0

180.000,00 €

270.000,00 €

Total:

422.837,00 €

937.800,00 €

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Santiago de Compostela, 24 de agosto de 2018

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social