Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 172 Luns, 10 de setembro de 2018 Páx. 40460

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 11 de xuño de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente, se aproba o proxecto de execución e se recoñece a utilidade pública, en concreto, da infraestrutura gasista correspondente ao punto de entrega de 1.000 Nm3/h para reforzamento da rede de distribución de MOP 4 bar en Atios-O Porriño (Pontevedra), promovida pola empresa Nedgia Galicia, S.A. (expediente IN627A 2017/16-0).

Logo de examinar o expediente instruído por instancia da empresa Gas Galicia SDG, S.A. (actualmente Nedgia Galicia, S.A.), con CIF nº A15383284 e con enderezo para os efectos de notificación na rúa Lisboa, Edificio Área Central, local 31 HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. Mediante a Orde do 14 de outubro de 1993, a Consellería de Industria e Comercio outorgou a Gas Galicia SDG, S.A. a concesión administrativa para a prestación do servizo público de subministración de gas natural para usos domésticos, comerciais e industriais nos termos municipais de Vigo, Mos e O Porriño.

O desenvolvemento da rede de distribución de gas natural no Porriño iniciouse tras a aprobación, mediante a Resolución do 16 de febreiro de 1998, da Dirección Xeral de Industria, do proxecto de autorización administrativa da rede de distribución de gas na localidade do Porriño (1ª fase). Posteriormente, a extensión desta rede foise desenvolvendo tras a aprobación de diferentes proxectos de execución por parte da Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía, Emprego e Industria (en diante, Xefatura Territorial).

A correspondente concesión administrativa transformouse en autorización administrativa no momento da entrada en vigor da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, porque segundo o establecido na súa disposición adicional sexta todas as concesións para actividades incluídas no servizo público de subministración de gases combustibles por canalización quedan extinguidas e substituídas de pleno dereito por autorizacións administrativas.

Segundo. A execución do gasoduto de distribución O Porriño-Ponteareas iniciouse tras a Resolución do 17 de xaneiro de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se outorgou á empresa Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa, se aprobou o proxecto de execución e se recoñeceu, en concreto, a utilidade pública do proxecto do gasoduto de distribución de gas natural denominado ramal MOP=16 bar O Porriño-Ponteareas e da súa addenda.

Terceiro. O 3 de maio de 2017 a sociedade Gas Galicia SDG, S.A. presentou a solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e recoñecemento, en concreto, da utilidade pública da infraestrutura gasista cuxo proxecto leva por título «Punto de entrega de 1.000 Nm3/h para reforzamento da rede de distribución de MOP 4 bar en Atios-O Porriño (Pontevedra)», acompañada do proxecto de execución, separatas técnicas para os organismos afectados e RBDA (relación de bens e dereitos afectados).

O proxecto titulado «Punto de entrega de 1.000 Nm3/h para reforzamento da rede de distribución de MOP 4 bar en Atios-O Porriño (Pontevedra)», prevé o reforzamento da rede existente en MOP 4 bar do Porriño, mediante a instalación dunha ERM MOP 16/4 bar Q1000-D, que se conectará co gasoduto O Porriño-Ponteareas. A continuación resúmense as instalacións de gas obxecto deste proxecto:

• Conexión co gasoduto O Porriño-Ponteareas MOP 16 en diámetro 2”, con válvula de corte 2” PN 16, situada en Atios, X=534187, Y=4665838 (UTM, fuso 29, ETRS89).

• Instalación dunha ERM MOP 16/4 bar Q 1000-D, en Atios, na parcela 13 do polígono 31, X=531180, Y=4665838 (UTM, fuso 29, ETRS89).

• Conexión coa saída regulada MOP 4 bar da ERM, en tubaxe de polietileno DN-90 SDR-17,6 / SDR-17 ata a válvula PE-90 PN 4 do punto de entrega, situada en Atios, X=531190, Y=4665836 (UTM, fuso 29, ETRS89).

Cuarto. O 22 de maio de 2017 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e recoñecemento, en concreto, da utilidade pública da infraestrutura gasista cuxo proxecto leva por título «Punto de entrega de 1.000 Nm3/h para reforzamento da rede de distribución de MOP 4 bar en Atios-O Porriño (Pontevedra)», promovida pola empresa Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2017/16-0).

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 23 de outubro de 2017, no Boletín Oficial da provincia do 7 de novembro e nos xornais La Voz de Galicia e El Progreso do 6 de outubro, e tamén estivo exposta no taboleiro de anuncios do Concello do Porriño.

Así mesmo, practicouse notificación individual ao propietario do único predio afectado pola devandita infraestrutura gasista, que aparece na RBDA incorporada á citada resolución de información pública.

Durante o período de información pública non se presentaron escritos de alegacións.

Quinto. O 29 de maio de 2017 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas trasladou as separatas técnicas do proxecto de execución da devandita infraestrutura gasista para os efectos de obter o seu informe ao respecto ás seguintes entidades titulares de bens e dereitos afectados pola mesma: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Concello do Porriño, Unión Fenosa Distribución, S.A., Telefónica de España e R Cable y Telecomunicaciones, S.A.

As entidades que contestaron presentaron os seus respectivos escritos manifestando a súa conformidade e/ou fixando o seu condicionado técnico, dos cales se deu traslado a Gas Galicia SDG, S.A., quen presentou a súa conformidade con eles.

Para as entidades que non contestaron a petición inicial nin a súa reiteración (R Cable y Telecomunicaciones, S.A.), enténdese a súa conformidade coa autorización da infraestrutura gasista proxectada, de acordo co disposto nos artigos 80 e 84 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro.

Sexto. O 8 de marzo de 2018 a Xefatura Territorial emitiu informe favorable sobre o proxecto de execución da infraestrutura gasista denominada «Punto de entrega de 1.000 Nm3/h para reforzamento da rede de distribución de MOP 4 bar en Atios-O Porriño (Pontevedra)».

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas, e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP); coa Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30 de novembro de 1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas; coa Lei 39/2015, do 1 de decembro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Segunda. O citado proxecto cumpre coas exixencias regulamentarias fixadas no Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11.

Terceira. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

1. Autorizar administrativamente a infraestrutura gasista correspondente ao punto de entrega de 1.000 Nm3/h para reforzamento da rede de distribución de MOP 4 bar en Atios (O Porriño), promovida por Nedgia Galicia, S.A.

2. Aprobar o proxecto de execución da citada infraestrutura gasista.

3. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada infraestrutura gasista, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. A empresa promotora, Nedgia Galicia, S.A. constituirá no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte á notificación desta resolución, unha fianza por valor de 770,87 €, importe do 2 % do orzamento das instalacións, para garantir o cumprimento das súas obrigas, conforme o previsto no artigo 73.4 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, e no artigo 82 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro.

A devandita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e será devolta unha vez se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda. As instalacións que se autorizan realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran na proxecto presentado pola empresa promotora, Nedgia Galicia, titulado «Punto de entrega de 1.000 Nm3/h para reforzamento da rede de distribución de MOP 4 bar en Atios (O Porriño)», datado en marzo de 2017, con referencia GDA131151100016903 e asinado polo enxeñeiro industrial José Luis Sousa López (colexiado nº 489 do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia), e no cal figura un orzamento de 38.543,34 €.

Terceira. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os complementan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta comunidade autónoma, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto, será necesaria autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberá comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

Quinta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a xefatura territorial, quen deberá expedila tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

Sexta. En canto aos bens e dereitos afectados por esta infraestrutura e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a empresa promotora procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

Sétima. A empresa promotora deberá iniciar a subministración de gas no prazo dun mes contado a partir da data en que a xefatura territorial formalice a acta de posta en marcha.

Oitava. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións ou licenzas de competencia doutros organismos ou entidades públicas, necesarias para realizar a citada infraestrutura gasista.

Novena. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto a presente autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2018

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas