Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Mércores, 12 de setembro de 2018 Páx. 42002

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

EXTRACTO da Orde do 28 de agosto de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública dos premios Coopera Galicia 2018 para impulsar e difundir as iniciativas de asociacionismo municipal, mediante a distinción pública de proxectos de xestión compartida de servizos promovidos por agrupacións de concellos, mancomunidades, consorcios locais e áreas metropolitanas da Comunidade Autónoma de Galicia.

BDNS (Identif.): 414153.

De conformidade co previsto no artigo 17.3.b) e no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS)
(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán optar a estes premios as agrupacións de concellos de Galicia, as mancomunidades de concellos de Galicia, os consorcios locais galegos e as áreas metropolitanas, se as houber, que presenten un proxecto, incluso piloto, de xestión compartida de servizos para a mellora dos sistemas xa implantados ou para o desenvolvemento de novos proxectos de establecemento e organización da xestión compartida de servizos.

Para os efectos desta orde, considérase agrupación de concellos unha candidatura subscrita por dous ou máis concellos.

Non se admitirán as solicitudes presentadas por consorcios locais adscritos ou dos cales forma parte a Xunta de Galicia e financie, en todo ou en parte, os seus gastos de funcionamento.

Segundo. Obxecto

Estas bases teñen por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria dos premios Coopera Galicia para o ano 2018, instituídos para impulsar e difundir as iniciativas de asociacionismo municipal mediante a distinción pública de proxectos de xestión compartida de servizos promovidos por agrupacións de concellos, mancomunidades, consorcios locais e áreas metropolitanas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os traballos consistirán en proxectos, incluso proxectos piloto, para a mellora dos sistemas xa implantados ou para o desenvolvemento de novos proxectos de establecemento e organización da xestión compartida de servizos.

Para os efectos desta orde, terán a consideración de servizo os derivados da xestión das competencias municipais recollidas no artigo 25.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 28 de agosto de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública dos premios Coopera Galicia 2018 para impulsar e difundir as iniciativas de asociacionismo municipal, mediante a distinción pública de proxectos de xestión compartida de servizos, promovidos por agrupacións de concellos, mancomunidades, consorcios locais e áreas metropolitanas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destínase crédito por un importe total setenta e sete mil cincocentos euros (77.500,00 euros).

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dous meses, contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao de publicación, entenderase que o prazo expira o derradeiro.

Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2018

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza