Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Venres, 14 de setembro de 2018 Páx. 42340

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 13 de setembro de 2018 pola que se determinan os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais durante a folga convocada pola Confedereración Intersindical Galega (CIG) na empresa pública Seaga, S.A., que terá lugar con carácter indefinido a partir das 00.00 horas do día 16 de setembro de 2018.

A organización sindical Confederación Intersindical Galega (CIG) convocou unha folga de carácter indefinido que afecta todo o persoal que presta os seus servizos na empresa pública Seaga, S.A. e todas as quendas de traballo, a partir das 00.00 horas do día 16 de setembro de 2018, en todo o ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga. O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño), entre os cales se encontran a extinción de incendios e os bombeiros.

O exercicio público da extinción de incendios non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este. O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou conselleiras competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

En virtude do exposto, oído o comité de folga en reunión do día 13 de setembro de 2018, no exercicio da facultade atribuída polo artigo 3 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se ditan normas para garantir a prestación dos servizos esenciais no ámbito da Comunidade Autónoma,

DISPOÑO:

Artigo 1

A convocatoria de folga realizada pola Confederación Intersindical Galega (CIG) na empresa pública Seaga, S.A. deberase entender condicionada ao mantemento dos servizos mínimos, segundo os criterios que se dispoñen nesta orde.

A folga afecta todas as quendas e todos os centros de traballo da empresa pública Seaga, S.A. no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Polo tanto, os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a adecuada cobertura do servizo esencial de prevención e loita contra os incendios, para os efectos de evitar que se produzan graves prexuízos.

Con eses mínimos trátase de compatibilizar o respecto ineludible ao exercicio do dereito á folga coa prestación de servizos de prevención e loita contra os incendios, que baixo ningún concepto poden quedar desasistidos polas propias características do servizo dispensado, xa que un adiamento na súa prestación pode supoñer graves prexuízos. Por iso, mantéñense uns servizos mínimos que se consideran necesarios para garantir un correcto funcionamento dos servizos de prevención e extinción de incendios.

Tendo en conta que se trata dunha folga de duración indefinida, co obxecto de evitar posibles prexuízos, para a determinación e o mantemento durante a folga dos servizos mínimos establécese como base para a súa determinación unha cobertura do 100 % no ámbito de prevención e loita contra os incendios forestais, así como o mantemento dos rexistros de cada provincia co obxecto de garantir o servizo de entrada e rexistro.

Artigo 2

A determinación dos/as profesionais necesarios deberá estar adecuadamente motivada. A xustificación debe constar no expediente de determinación de mínimos do centro e débese exteriorizar adecuadamente para xeral coñecemento dos/as destinatarios/as. Deberá quedar constancia nel dos factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar as prestacións mínimas. Os/as profesionais necesarios para a cobertura dos servizos mínimos deberán ser publicados nos taboleiros de anuncios do centro con antelación suficiente ao comezo da folga.

Coas premisas precedentes, determinarase por centro de traballo e por grupo profesional o número de efectivos que deben cubrir os servizos mínimos durante a xornada de folga.

Artigo 3

A designación nominal, que deberá recaer nos/as profesionais de forma rotatoria, será determinada pola empresa e notificada aos/ás profesionais designados de forma nominal. O persoal designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outro profesional que voluntariamente acepte o cambio de forma expresa.

Artigo 4

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos determinados no anexo, así como os expostos nos taboleiros de anuncios do centro, serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo).

Artigo 5

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2018

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural

ANEXO

Prevención e loita contra os incendios forestais: 100 % do persoal.

Rexistro de cada provincia: un traballador por cada rexistro.