Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Venres, 14 de setembro de 2018 Páx. 42337

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 10 de setembro de 2018 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga do persoal do servizo de operación telefónica na Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que se desenvolverá durante diversos días do mes de setembro de 2018.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece o dereito á folga como dereito fundamental da persoa.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os que se encontra a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros e conselleiras competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante unha orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento dos tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

A organización sindical CIG comunicou a convocatoria dunha folga dirixida ao persoal da empresa Grupo Norte Agrupación Empresarial de Servicios, S.L. que presta o servizo de operación telefónica na Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 na localidade de Santiago de Compostela, que se levará a efecto de 12.00 a 14.00 horas e de 19.00 a 21.00 horas os días 10, 15, 17 e 22 de setembro de 2018.

Na Comunidade Autónoma de Galicia, o número 061 é a única entrada para a solicitude telefónica da atención sanitaria urxente da cidadanía.

O persoal que atende sempre de inicio a demanda é o xestor telefónico-teleoperador contratado pola empresa Grupo Norte. A dimensión da Sala de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 está estipulada en función do número de chamadas histórico do servizo, por días e tramos horarios, garantindo a atención do 100 % das chamadas. O índice de chamadas perdidas non supera o 2 %, procedéndose por protocolo a chamar a todos aqueles números que non conseguiron contactar, dado o carácter de urxencia do servizo prestado.

Unha minoración do número de xestores telefónicos-teleoperadores supón unha perda da porcentaxe de chamadas atendidas, o que implica desatender parte das urxencias vitais en materia de saúde que acontecen no territorio galego, coas consecuencias directas sobre a mortalidade e a supervivencia na poboación.

O labor do persoal xestor telefónico-locutor consiste na activación e seguimento de todos os recursos asistenciais (ambulancias, helicópteros e persoal médico e de enfermaría), imprescindibles para a asistencia sanitaria e os traslados urxentes. Unha redución destes postos carrexaría o atraso na activación do recurso asistencial, coa consecuente demora na atención ao doente e, pola súa vez, o aumento da mortalidade e a diminución da supervivencia nas patoloxías tempo-dependentes como o ictus, o infarto agudo de miocardio, as paradas cardiorrespiratorias, etcétera.

Polas características do servizo dispensado, a poboación non pode quedar desasistida en circunstancias de urxencia e emerxencia. Pola súa vez, as funcións do persoal afectado pola folga son tarefas específicas que non poden ser suplidas por outro persoal e, ademais, cómpre ter en conta que a carga de traballo, ao longo do día, depende dun número imprevisible de chamadas, axustándose o volume de efectivos de maneira periódica para dar cobertura ás necesidades estimadas dentro dun rango.

Con base no anterior,

DISPOÑO:

Artigo 1

A convocatoria de folga dirixida ao persoal da empresa Grupo Norte Agrupación Empresarial de Servicios, S.L. que presta o servizo de operación telefónica na Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 en Santiago de Compostela, que se desenvolverá de 12.00 a 14.00 horas e de 19.00 a 21.00 horas nas xornadas dos días 10, 15, 17 e 22 de setembro de 2018, deberá entenderse condicionada ao mantemento dos servizos mínimos segundo os criterios que se establecen nesta orde.

Polas características do servizo dispensado na Central de Coordinación da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, resulta imprescindible a prestación de servizos na dita central do 100 % do persoal habitual nos tramos horarios afectados pola folga, pois a carga de traballo ao longo de toda a xornada depende dun número de chamadas que non son programables, axustándose periodicamente para dar cobertura ás necesidades estimadas en materia de urxencia e emerxencia sanitaria que, en ningún caso, poden quedar desasistidas. Noutro caso, poderían producirse graves prexuízos á cidadanía.

En consecuencia, adóptase o 100 % das presenzas habituais como criterio reitor para determinar os servizos mínimos.

Artigo 2

O persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios. A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos será realizada pola empresa e notificada ao persoal designado.

Artigo 3

Os paros e alteracións no traballo, por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos, serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE núm. 58, do 9 de marzo).

Artigo 4

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías á poboación e usuarios dos servizos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, sen prexuízo das comunicacións que, con carácter previo e para os efectos de garantir o seu cumprimento, procedan respecto ao comité de folga, o persoal afectado e a propia empresa.

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2018

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade