Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Venres, 14 de setembro de 2018 Páx. 42324

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 7 de setembro de 2018, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se convocan as probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 2 e 4, no ano 2018 (ED114A).

Mediante a Resolución do 6 de marzo de 2018, modificada pola Resolución do 2 de maio de 2018, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, convocáronse as probas para a obtención dos certificados de lingua galega (Celga) dos niveis 1, 2, 3 e 4, que tiveron lugar en maio e xuño de 2018. Tras constatarse un elevado incremento do número de persoas que se presentaron a estas, considérase necesario darlle continuidade á realización deste tipo de probas ao longo deste ano. É por iso que cómpre efectuar unha segunda convocatoria en 2018, co fin de satisfacer a demanda cidadá.

Xa que logo, de acordo co previsto no artigo 7 da Orde do 16 de xullo de 2007, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga), publicada no DOG núm. 146, do 30 de xullo, logo da proposta formulada pola Comisión Central de Avaliación, convócanse as probas para a obtención dos certificados de coñecemento da lingua galega Celga 2 e Celga 4.

Por todo isto,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto

Convocar as probas para a obtención dos certificados acreditativos dos niveis de lingua galega Celga 2 e 4, no ano 2018 (ED114A).

Segundo. Persoas destinatarias

As persoas maiores de dezaseis anos ou que os fagan no ano natural da convocatoria, nacionais ou estranxeiras.

Terceiro. Datas de realización das probas

As probas do Celga 2 e do Celga 4 terán lugar entre a segunda quincena de novembro e a primeira fin de semana de decembro de 2018. As datas concretas serán debidamente publicitadas no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (http://www.lingua.gal).

Cuarto. Localidades onde se realizarán as probas e niveis

As probas realizaranse en Santiago de Compostela e en Ponferrada.

Localidade

Nivel

Santiago de Compostela

Celga 2

Celga 4

Ponferrada

Celga 2

Celga 4

As sedes e horarios de realización das probas publicaranse na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (http://www.lingua.gal) xunto coas listaxes definitivas das persoas admitidas.

Quinto. Presentación de solicitudes e prazo

1. As persoas que desexen inscribirse nas probas Celga deberán cubrir o formulario de solicitude, segundo o modelo ED114A, que se publica como anexo I desta resolución, e aboar a taxa que se indica na convocatoria.

O formulario de solicitude estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.gal. Deberán indicar nel a proba ou as probas a que solicitan presentarse, así como a localidade, e dirixilo á Secretaría Xeral de Política Lingüística.

2. As persoas cunha discapacidade igual ou superior ao 33 % que as imposibilite para acreditar algunha das destrezas comunicativas (comprensión oral, expresión oral, comprensión escrita, expresión escrita) poderán solicitar, de forma motivada, a exención da realización da proba ou probas referidas a esas destrezas.

3. De ser necesario algún tipo de axuda para a realización das probas debido a unha discapacidade, a persoa indicará na súa solicitude o apoio concreto que precisa (lectura fácil –para persoas con discapacidade intelectual–, máis tempo, maior tamaño de letra...).

4. En todo caso, a Secretaría Xeral de Política Lingüística valorará se o tipo de discapacidade alegado dá lugar á exención e/ou ao apoio solicitados.

5. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

6. O prazo de presentación das solicitudes, así como o de pagamento da taxa correspondente aos dereitos de exame, será de 20 días naturais, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, este entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Sexto. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Xustificante de pagamento da taxa correspondente aos dereitos de exame.

b) Copia do certificado de discapacidade no caso de que este fose emitido por unha Administración distinta da Comunidade Autónoma de Galicia, de ser o caso.

Non será necesario achegar este documento se xa foi presentado anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou o citado documento.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Sétimo. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

Consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

– Certificado de discapacidade emitido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Oitavo. Contía das taxas de exame

De acordo coa actualización das tarifas de taxas recollida na Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018, o importe correspondente á inscrición nas probas Celga é de 15,93 euros.

Noveno. Sistema de liquidación das taxas de exame

1. Por imperativo legal, de conformidade co disposto na vixente Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, deberase aboar previamente, en concepto de dereitos de exame, o importe vixente no momento da publicación desta convocatoria e, de ser o caso, os gastos de transferencia correspondentes, para o que se utilizará o impreso de autoliquidación.

Este impreso facilitaráselles ás persoas interesadas en calquera rexistro ou oficina de atención ao cidadán da Xunta de Galicia. Os datos para cubrir o impreso son os seguintes:

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Código: 07.

Delegación de servizos centrais. Código: 13.

Servizo de Secretaría Xeral de Política Lingüística. Código: 05.

Denominación: inscrición nas probas Celga, homologadas para a acreditación do nivel de competencia en lingua galega e mais certificación do nivel correspondente, de ser o caso, cando se superan as probas. Código: 30 44 01.

Así mesmo, poderase facer efectivo o pagamento da taxa a través da internet nas entidades financeiras actualmente autorizadas. Para isto, deberase acceder á Oficina Tributaria, a través da oficina virtual na páxina web da Axencia Tributaria Galega (http://www.atriga.gal), premer a opción Tributos e logo a ligazón Taxas e prezos. Neste caso, unha vez efectuado o pagamento telemático, imprimirase o xustificante de aboar a taxa, que será o que se achegue xunto coa solicitude.

2. Non se admitirá o aboamento das taxas fóra do prazo de presentación de solicitudes indicado nesta convocatoria.

3. O importe aboado en concepto de dereitos de exame devolveráselle, logo da solicitude correspondente, a quen figure na listaxe definitiva de persoas excluídas. Para solicitar a devolución das taxas, disporase dun prazo de dous meses, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (http://www.lingua.gal).

Décimo. Procedemento para a admisión de aspirantes

1. Unha vez que remate o prazo de presentación de solicitudes, o secretario xeral de Política Lingüística aprobará as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas para cada nivel e localidade a través dunha resolución que se publicará na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (http://www.lingua.gal).

As persoas excluídas disporán dun prazo de 10 días hábiles, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da antedita resolución na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a súa exclusión, de acordo co artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Este prazo permitiralles ás persoas interesadas emendaren os erros no caso de estaren incompletas as solicitudes ou, de ser o caso, algunha documentación. A presentación da documentación que acredita o pagamento da taxa tamén é emendable sempre que o dito pagamento se efectuase dentro do prazo de presentación de solicitudes.

En todo caso, as persoas que presenten alegacións enviaranlle un correo electrónico á Secretaría Xeral de Política Lingüística, á conta de correo electrónico: sxpl.probascelga@xunta.gal, no cal indicarán o día en que presentaron a alegación e o motivo desta.

2. Unha vez transcorrido o prazo sinalado, o secretario xeral de Política Lingüística ditará unha nova resolución pola que se aprobará a listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas para cada nivel e localidade, que se publicará na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (http://www.lingua.gal).

Undécimo. Publicación dos resultados das probas

Os resultados provisionais das probas publicaranse na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (http://www.lingua.gal), no prazo máximo de dous meses desde a súa realización.

Os resultados definitivos das probas publicaranse na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (http://www.lingua.gal), no prazo máximo de catro meses desde a súa realización.

Duodécimo. Procedementos de reclamación ou de revisión das probas

1. No momento da realización das probas, as persoas aspirantes poderán solicitar a aclaración das dúbidas que lles poidan xurdir en relación co exame e, de ser o caso, presentar ante o presidente ou presidenta da comisión sectorial a reclamación que consideren oportuna. No prazo de tres días, a comisión sectorial que recibiu a reclamación enviaralla á Comisión Central de Avaliación, xunto cun informe sobre o seu contido. A Comisión Central de Avaliación resolverá o que considere oportuno e comunicarallo á persoa interesada ao enderezo e polo medio que designase para os efectos de notificacións e, pola súa parte, á comisión sectorial correspondente.

2. Tras publicarse os resultados provisionais, as persoas interesadas, mediante un escrito dirixido á Secretaría Xeral de Política Lingüística ou á conta de correo sxpl.probascelga@xunta.gal, poderán solicitar, no prazo de 10 días naturais, a revisión das probas por parte da Comisión Central de Avaliación, que adoptará a resolución que corresponda e comunicaralles ás persoas interesadas os criterios que determinaron a cualificación obtida.

3. Tras publicarse os resultados definitivos, as persoas interesadas poderán interpoñer, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación, un recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, segundo o previsto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Décimo terceiro. Desenvolvemento das probas

1. As persoas interesadas presentaranse 30 minutos antes da hora de entrada, no lugar e na data de realización das probas, provistas do documento que acredite a súa personalidade (DNI, NIE ou pasaporte) e dun bolígrafo. Non se admitirá ningún tipo de material de apoio.

2. Sen prexuízo das actuacións preliminares que implican as probas, a duración destas é a seguinte:

– Probas do Celga 2: a proba escrita terá unha duración de dúas horas e a proba oral terá unha duración máxima de 10 minutos.

– Probas do Celga 4: a proba escrita terá unha duración de tres horas e a proba oral terá unha duración máxima de 15 minutos.

3. A proba oral terá lugar a continuación da proba escrita. Os chamamentos para a proba oral, con indicación da hora aproximada do seu inicio, publicaranse tras rematar a proba escrita, na propia sede dos exames.

Os chamamentos para a proba oral realizaranse por orde alfabética (do A ao Z).

A proba oral será gravada como garantía do proceso.

4. O chamamento tanto para a proba escrita como para a proba oral será único. Quen non se presente cando este se efectúe perderá o dereito á realización da proba.

Décimo cuarto. Probas de exames especiais

Tal e como se establece na disposición adicional cuarta da Orde do 10 de febreiro de 2014 pola que se modifica a Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga) (DOG núm. 34, do 19 de febreiro), considéranse probas de exames especiais as destinadas a todas aquelas persoas ás cales non lles é posible realizar as probas para a obtención do diploma acreditativo do nivel de coñecemento de lingua galega (Celga) nas condicións xerais estipuladas pola Administración. Todas as probas realizadas baixo condicións especiais serán cualificadas cos mesmos criterios de avaliación empregados para as demais persoas.

Se a persoa supera o resto das probas de que consta o exame, no dorso do diploma acreditativo que se lle expida farase constar que quedou exenta de satisfacer algún dos obxectivos de avaliación do exame, segundo corresponda.

Décimo quinto. Expedición e rexistro dos certificados

A Secretaría Xeral de Política Lingüística expediralles os certificados ás persoas que superen as probas.

Os certificados constarán nun rexistro oficial en que figurarán os seguintes datos: nome e apelidos, número de DNI, NIE ou pasaporte, lugar, data e resultados das probas e identificación alfanumérica dos certificados. A solicitude para participar nas probas comporta a autorización para o tratamento telemático dos citados datos para este fin.

Décimo sexto. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo electrónico e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen 10 días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo sétimo. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo oitavo. Recursos contra a resolución de convocatoria das probas

Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación, recurso de alzada, ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, segundo o previsto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Décimo noveno. Prazo de resolución do procedemento e sentido do silencio

De non se ditar resolución expresa sobre as solicitudes presentadas no prazo de tres meses, que se contará desde a data de peche do prazo de presentación de solicitudes previsto na convocatoria, as solicitudes entenderanse desestimadas.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta do cidadán.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas e esta circunstancia reflectirase no devandito formulario.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición adicional segunda. Actualización de modelos normalizados

Os modelos normalizados aplicables na tramitación do procedemento regulado na presente disposición poderán ser modificados co obxecto de mantelos actualizados e adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación destes modelos adaptados ou actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas.

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2018

Valentín García Gómez
Secretario xeral de Política Lingüística

missing image file
missing image file