A Directiva 2007/60/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de outubro de 2007, relativa á avaliación e xestión dos riscos de inundación, foi trasposta ao noso ordenamento xurídico polo Real decreto 903/2010, do 9 de xullo, de avaliación e xestión de riscos de inundación, ten como principais obxectivos obter un axeitado coñecemento e avaliación dos riscos asociados ás inundacións e lograr unha actuación coordinada de todas as administracións públicas e a sociedade para reducir as consecuencias negativas das inundacións.
O 22 de xaneiro de 2016 publicouse no Boletín Oficial del Estado o Real decreto 19/2016, do 15 de xaneiro, polo que se aproba o Plan de xestión do risco de inundación da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa. A disposición derradeira segunda deste Real decreto 19/2016, dispón que este plan deberá ser revisado e actualizado, como máis tarde o 22 de decembro de 2021 e, a continuación, cada seis anos.
O artigo 21 do Real decreto 903/2010, referido ás actualizacións e revisións dos plans de xestión dos riscos de inundación, determina que a avaliación preliminar do risco de inundacións se actualizará, como máis tarde o 22 de decembro de 2018 e, a continuación, cada seis anos. O artigo 7.4 do Real decreto 903/2010, citado, referido á elaboración da avaliación preliminar do risco de inundación, determina que o resultado desta avaliación preliminar se someterá a consulta pública durante un prazo mínimo de tres meses.
Segundo os indicados artigos, esta dirección
RESOLVE:
Someter a consulta pública durante un prazo de tres meses o documento Avaliación preliminar do risco de inundación da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa (ciclo 2021-2027), no cal se procede a actualizar e revisar os contidos da avaliación preliminar do risco de inundación co obxecto de determinar aquelas novas zonas do territorio en que se chegase á conclusión de que existe un risco potencial de inundación significativo ou en que a materialización dese risco pode considerarse probable.
O sometido a consulta pública é un documento explicativo da metodoloxía empregada na actualización e revisión das áreas de risco potencial significativo de inundacións (ARPSI) tanto fluviais como costeiras da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa e unha serie de información xeográfica que se poderá visualizar ou descargar a través do visor xeográfico da infraestrutura de datos espaciais da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa (IDE-DHGC) que pode consultarse:
1. Na páxina web oficial de Augas de Galicia (actualmente, http://augasdegalicia.xunta.gal/).
Dentro do visor, a información xeorreferenciada sometida a consulta pública atópase baixo a epígrafe D2007/60 Consulta pública EPRI ciclo 2021-2027.
2. Nas seguintes oficinas de Augas de Galicia:
a) Augas de Galicia, servizos centrais: praza de Camilo Díaz Baliño, 7-9, 15781 Santiago de Compostela.
b) Augas de Galicia, Servizo Territorial da Zona Hidrográfica de Galicia-Norte: Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Monelos, rúa Vicente Ferrer, 2-9º, 15008 A Coruña.
c) Augas de Galicia, Servizo Territorial da Zona Hidrográfica de Galicia-Centro: rúa Tomiño, 16, baixo, 15781 Santiago de Compostela.
d) Augas de Galicia, Servizo Territorial da Zona Hidrográfica de Galicia-Sur: rúa San Salvador, 2-4º, 36201 Vigo.
Dentro do prazo establecido, poderanse realizar achegas e formular as observacións e suxestións que se xulguen oportunas en calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Para o suposto de ser un suxeito obrigado a relacionarse a través de medios electrónicos coas administraciones públicas ou de optar por estes medios, as comunicacións deberán realizarse presentando o formulario do procedemento Presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non dispoñan dun sistema electrónico específico nin dun modelo electrónico normalizado, con código de procedemento PR004A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=PR004A). Neste caso, deberá escollerse como destinatario do formulario a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e, dentro desta, Augas de Galicia.
Na medida en que os documentos de propostas, observacións e/ou suxestións presentados conteñan datos de carácter persoal, estes serán tratados consonte o previsto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal e quen participe neste proceso poderá acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou, presencialmente, nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.
Calquera dúbida sobre o proceso pode dirixirse ao correo electrónico augasdegalicia.dma@xunta.gal.
Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2018
Roberto Rodríguez Martínez
Director de Augas de Galicia