Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Luns, 17 de setembro de 2018 Páx. 42521

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 30 de agosto de 2018 pola que se dá publicidade do acordo de constitución do Consello Reitor da Axencia Galega da Calidade Alimentaria.

O Decreto 52/2018, do 5 de abril, polo que se crea a Axencia Galega da Calidade Alimentaria e se aproban os seus estatutos (DOG núm. 102, do 30 de maio) entrou en vigor o 30 de maio de 2018.

A disposición adicional primeira do citado decreto establece que a constitución da Axencia Galega da Calidade Alimentaria se producirá coa celebración da sesión constitutiva do Consello Reitor, que terá lugar dentro do prazo de tres meses desde a súa entrada en vigor.

A nova axencia subrógase en todas as relacións xurídicas, os bens, dereitos e obrigas do Instituto Galego da Calidade Alimentaria, asumindo as súas competencias e funcións legalmente atribuídas.

Na súa virtude e logo de convocatoria pola conselleira do Medio Rural, o Consello Reitor da Axencia Galega da Calidade Alimentaria celebrou a súa sesión constitutiva o día 29 de agosto de 2018, polo que esta consellería

RESOLVE:

Dar publicidade ao acordo do Consello Reitor da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, adoptado o día 29 de agosto de 2018, polo que se declara formalmente constituído o Consello Reitor da Axencia Galega da Calidade Alimentaria.

Santiago de Compostela, 30 de agosto de 2018

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural