Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 180 Xoves, 20 de setembro de 2018 Páx. 42920

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

EXTRACTO da Orde do 7 de setembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e se convocan para o ano 2018, en réxime de concorrencia competitiva, axudas a proxectos colectivos, financiados polo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP), que contribúan á protección e recuperación da biodiversidade mariña a través dunha mellor xestión e conservación dos recursos mariños e dos seus ecosistemas, así como ao fomento da sensibilización ambiental.

BDNS (Identif.): 415254.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios destas subvencións confrarías de pescadores e as súas federacións, as organizacións de produtores, as cooperativas do mar, as asociacións de profesionais do sector e as demais entidades asociativas xuridicamente recoñecidas e constituídas por profesionais do sector, sempre que desenvolvan as súas actividades profesionais no sector marisqueiro e teñan a sede social na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. Obxecto

A presente orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras xerais, para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos, financiados polo FEMP, que contribúan á protección e recuperación da biodiversidade mariña a través dunha mellor xestión e conservación dos recursos mariños e dos seus ecosistemas, así como ao fomento da sensibilización ambiental.

Así mesmo, convócanse as axudas correspondentes ao exercicio orzamentario 2018, en réxime de concorrencia competitiva (código PE209C).

Terceiro. Contía

As subvencións que se convocan mediante esta orde faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 14.03.723A.7701 do orzamento de gastos da Consellería do Mar para o ano 2018, por importe total de 3.440.000,00 euros distribuídos en 1.720.000,00 euros para a anualidade 2018 e 1.720.000,00 euros para a anualidade 2019.

Cuarto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da dita orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non houber día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2018

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar