Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 180 Xoves, 20 de setembro de 2018 Páx. 42879

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 7 de setembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e se convocan para o ano 2018, en réxime de concorrencia competitiva, axudas a proxectos colectivos, financiados polo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP), que contribúan á protección e recuperación da biodiversidade mariña a través dunha mellor xestión e conservación dos recursos mariños e dos seus ecosistemas, así como ao fomento da sensibilización ambiental.

A Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, sinala nos seus artigos 1 e 2 que esta lei ten por obxecto a regulación, no ámbito das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, entre outras materias, da adopción de medidas de conservación e protección dos recursos mariños vivos e nos seus ecosistemas, así como a inspección, e control sobre estes que garanten unha explotación responsable, equilibrada e sustentable, e que a política pesqueira galega ten por finalidades a viabilidade duradeira do sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola galego, garantindo a mellora das condicións de vida e traballo das persoas que se dedican a estas actividades mediante a explotación sustentable, equilibrada e responsable dos recursos pesqueiros.

Así mesmo, o Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP), e polo que se derrogan os regulamentos (CE) nº 2328/2003 (CE) nº 861/2006, (CE) nº 1198/2006 e (CE) nº 791/791/2007 do Consello, e o Regulamento (UE) nº 1255/2011 do Parlamento Europeo e do Consello, sinala no artigo 5 que o FEMP contribuirá, para o período 2014-2020, a fomentar unha pesca e unha acuicultura competitivas, ambientalmente sustentables, economicamente viables e socialmente responsables, e establece no artigo 6 as prioridades do fondo, detallando no punto 1 a prioridade 1), fomentar unha pesca sustentable desde un punto de vista ambiental, eficiente no uso dos recursos, innovadora, competitiva e baseada no coñecemento, a través dunha serie de obxectivos específicos que recollan a redución do impacto da pesca no medio mariño, a protección e a recuperación da biodiversidade e os ecosistemas acuáticos, o equilibrio entre a capacidade pesqueira e as posibilidades de pesca dispoñibles, o fomento da competitividade e a viabilidade das empresas do sector pesqueiro, incluíndo expresamente a pesca costeira artesanal, o apoio á consolidación do desenvolvemento tecnolóxico e da formación profesional permanente.

A axuda que contribuirá ao logro do obxectivo específico (OE1.b) da protección e recuperación da biodiversidade e os ecosistemas acuáticos está prevista no artigo 40 do título V capítulo I do citado Regulamento (UE) nº 508/2014, dentro da prioridade 1 (fomentar unha pesca sustentable desde un punto de vista ambiental, eficiente no uso dos recursos, innovadora, competitiva e baseada no coñecemento) do programa operativo para España do FEMP para o período 2014-2020, aprobado por Decisión de execución da Comisión C(2015) 8118 final do 13.11.2015, cunha porcentaxe de cofinanciamento de fondos do FEMP do 75 %.

Incluíndo no concepto de pesca a extracción dos recursos mariños vivos mediante artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidas, e atendendo ao exposto no Regulamento delegado (UE) 2015/531 da Comisión, do 24 de novembro de 2014, polo que se complementa o Regulamento (CE) nº 508/2014, do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, poderán optar a axudas do FEMP (artigos 9 a 12) as operacións que contribúan a unha mellor xestión ou conservación dos recursos biolóxicos mariños, as tarefas de elaboración de plans de protección e de xestión para actividades relacionadas coa pesca, as operacións de xestión, recuperación e seguimento das paraxes de Natura 2000 e das zonas mariñas protexidas, o aumento da sensibilización ambiental e a participación noutras actividades destinadas ao mantemento e mellora da biodiversidade e dos servizos ecosistémicos.

A Rede Natura 2000 preséntase non só como un instrumento de conservación do medio natural, senón que dá a oportunidade de aproveitar o valor económico e social que unha xestión axeitada dos espazos naturais pode achegar, facilitando e potenciando as actividades pesqueiras e acuícolas que sexan compatibles coa conservación da natureza e contribúan a mellorar a calidade de vida das xentes do mar e a fomentar o papel das entidades asociativas do sector, na súa calidade de co-xestores dos recursos pesqueiros, e o interese colectivo dos seus asociados.

Preto de 72.500 km2 de superficie marítima española está incluída na Rede Natura 2000, o que reclama un esforzo importante para a súa conservación, en consonancia coa Directiva 92/43/CEE relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres. Moitas das zonas de produción marisqueira de Galicia están incluídas en paraxes da Rede Natura 2000, ou son hábitats costeiros de especial interese para a cría de organismos mariños.

En consonancia co acordo de asociación de España 2014-2020, é necesario apoiar medidas que favorezan a recompilación de datos e a mellora da xestión responsable e sustentable das zonas de produción que garantan a viabilidade económica do sector sen prexudicar o medio mariño, así como medidas para o control e seguimento das actividades pesqueiras co fin de mellorar a protección, conservación e sustentabilidade dos recursos mariños e das especies, establecendo condicións de acceso ás zonas de pesca e realizando controis de capturas nas zonas de pesca e puntos de desembarco.

Na Directiva 2008/56/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de xuño de 2008 (Directiva Marco sobre a Estratexia Mariña) recóllese a necesidade de garantir a integración dos obxectivos de conservación coas medidas de xestión e as actividades de vixilancia e de avaliación definidas para as medidas de protección espacial. Nesta directiva recoñécese que as medidas só serán eficaces se están baseadas nun coñecemento profundo do estado do medio mariño nunha zona determinada, para o que propoñen programas de seguimento que proporcionen información que permita avaliar o estado ambiental.

Os investimentos realizados nos proxectos financiados por esta orde deben ser considerados non produtivos ao focalizárense na protección e recuperación da biodiversidade e os ecosistemas mariños, non xeraren un valor para a empresa, e non buscaren un maior valor na prestación dos servizos. Os proxectos velan polo desenvolvemento sustentable das zonas de pesca, evitando o risco de producións excedentarias e de sobreexplotación e as operacións caracterizaranse polo seu interese e beneficiario colectivo.

Para lograr o axeitado desenvolvemento dos citados fins cómpre impulsar determinadas medidas que emprendan os xestores do recurso mediante subvencións como as recollidas na presente orde. Con estas axudas poderanse financiar medidas de interese público de maior alcance que as medidas, que contribúa á consecución do obxectivo específico da protección e á recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas acuáticos en virtude da prioridade da Unión establecida no artigo 6, punto 1. As posibles persoas beneficiarias das subvenciones serán as entidades coxestoras dos recursos mariños, concretamente, as organizacións de produtores de base do sector pesqueiro, as corporacións de dereito público de base asociativa e as entidades asociativas representativas do sector pesqueiro, todas de ámbito autonómico.

Para acadar este obxectivo, mediante a Orde do 1 de agosto de 2016 (DOG nº 157, do 22 de agosto) aprobáronse as bases reguladoras xerais para a concesión en réxime de concorrencia competitiva de axudas para a realización de proxectos colectivos, que contribúan á protección e recuperación da biodiversidade mariña a través dunha mellor xestión e conservación dos recursos mariños e dos seus ecosistemas, así como ao fomento da sensibilización ambiental, tal como prevé o Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca.

Por todo o antedito, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras xerais para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos, financiados polo FEMP que contribúan á protección e recuperación da biodiversidade mariña a través dunha mellor xestión e conservación dos recursos mariños e dos seus ecosistemas, así como ao fomento da sensibilización ambiental.

Así mesmo, convócanse as axudas correspondentes ao exercicio orzamentario 2018, en réxime de concorrencia competitiva (código PE209C).

Artigo 2. Marco normativo

Para o outorgamento e execución destas subvencións observaranse o disposto nas bases reguladoras establecidas nesta orde, así como nas normas seguintes:

a) Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello.

b) Regulamento de execución (UE) nº 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello.

c) Regulamento (UE) 508/2014, do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP).

d) Regulamento delegado (UE) 2015/531 da Comisión, do 24 de novembro de 2014, polo que se complementa o Regulamento (UE) 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca.

e) Regulamento delegado (UE) nº 1014/2014 da Comisión, do 22 de xullo, que complementa o Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, no relativo ao contido e á construción dun sistema común de seguimento e avaliación das operacións financiadas no marco do FEMP.

f) Regulamento de execución (UE) nº 1242/2014 da Comisión, do 20 de novembro, polo que se establecen, de conformidade co Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, normas no que atinxe á presentación de datos acumulativos sobre operacións.

g) Regulamento de execución (UE) nº 1243/2014 da Comisión, do 20 de novembro, polo que se establecen, de conformidade co Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, normas sobre a información que deben enviar os Estados membros, así como sobre as necesidades de datos e das sinerxías entre as fontes potenciais de datos.

h) Regulamento delegado (UE) nº 288/2015 da Comisión, do 17 de decembro de 2014, que complementa o Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, no que respecta ao período de tempo e ás datas en relación coa inadmisibilidade das solicitudes.

i) Programa operativo para España do FEMP aprobado por decisión de execución da Comisión do 13.11.2015 C(2015) 8118 final.

j) Preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

k) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

l) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

m) Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, coas súas posteriores modificacións.

n) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común e das administracións públicas.

ñ) Decreto 132/2006, do 27 de xullo, en materia de rexistros de axudas, subvencións, convenios e sancións.

o) Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.

p) Lei 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

q) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

r) Criterios de selección para a concesións de axudas no marco do programa operativo do FEMP.

Artigo 3. Crédito orzamentario

1. As subvencións concederanse con cargo ás aplicacións orzamentarias que, en cada un dos anos de vixencia do actual programa operativo FEMP 2014-2020 sinale a correspondente lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, dotadas con fondos do FEMP (prioridade 1, fomentar unha pesca sustentable, OE1.b), medida 1.2.1, protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños (artigo 40.1 letras c) a g) e i), así como do Estado membro.

Anualmente publicaranse os importes máximos de concesión de axudas na correspondente anualidade e nas sucesivas, para o caso de investimentos plurianuais.

2. No ano 2018 as axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 14.03.723A.770.1, código de proxecto 201600293, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018.

3. O importe máximo das subvencións que se concedan no 2018 será de 3.440.000 euros e distribuiranse nas seguintes anualidades:

– Anualidade 2018: 1.720.000 euros.

– Anualidade 2019: 1.720.000 euros.

4. Os importes consignados en cada convocatoria, así como as aplicacións a que se imputen, poderán ser ampliados en función das dispoñibilidades orzamentarias sen que iso dea lugar á apertura de novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto. En todo caso, a concesión das axudas estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

5. No caso de que se leve a cabo a modificación destas bases a través da correspondente convocatoria anual, para lograr unha tramitación máis áxil dos expedientes e mellor comprensión, as bases reguladoras coas modificacións feitas publicaranse integramente no Diario Oficial de Galicia.

6. As porcentaxes de cofinanciamento das axudas son do 75 % con fondos FEMP e o 25 % pola Comunidade Autónoma.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións as confrarías de pescadores, as organizacións de produtores, as cooperativas do mar, as asociacións de profesionais do sector e as demais entidades asociativas xuridicamente recoñecidas e constituídas por profesionais do sector, sempre que desenvolvan as súa actividades profesionais no sector pesqueiro e teñan a sede social na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias aquelas entidades en que concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Os operadores que se atopen nalgún dos supostos establecidos no artigo 10 do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, durante todo o período de tempo previsto en aplicación deste.

b) As persoas sinaladas no artigo 10, parágrafos 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Ter sido sancionada coa imposibilidade de obter préstamos, subvencións ou axudas públicas, de acordo co previsto no título V da Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, e do título XIV da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

3. As entidades sinaladas no parágrafo primeiro deste artigo poderán concorrer de xeito individual ou conxuntamente, como unha agrupación de entidades. Neste último caso, deberán facer constar expresamente na solicitude que compromisos corresponderán a cada unha delas na execución das accións, así como o importe da subvención solicitada que corresponderá a cada unha delas. En calquera caso, deberá nomearse un/unha representante ou apoderado/a único/a da agrupación, que será unha das entidades solicitantes, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que como beneficiario/a corresponden á agrupación. Os compromisos de participación conxunta, así como o nomeamento de apoderado/a, deberán ratificarse mediante documento outorgado ante o órgano de xestión, unha vez notificada a concesión da axuda.

4. No caso de incumprimento por parte dunha agrupación de entidades, consideraranse responsables todas as persoas beneficiarias integradas nela, en relación coas actividades subvencionadas que se comprometeron a realizar, ou solidariamente cando non for posible determinar o alcance das obrigas correspondentes a cada un deles.

5. A agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo establece o artigo 8 desta lei.

Artigo 5. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias, ao formalizaren a súa solicitude, sométense voluntariamente ao cumprimento das condicións que se establecen nesta orde para a concesión e pagamento das subvencións, así como ao cumprimento dos requisitos estipulados na normativa de aplicación a estas.

2. As persoas beneficiarias deberán:

a) Realizar e xustificar as actividades para as cales se conceda a subvención nos termos e prazos indicados na resolución de concesión e no proxecto que lles sirva de base.

b) Acreditar, mediante declaración responsable, que non teñen pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.

c) Acreditar, con anterioridade a ditarse proposta de resolución de concesión, que se encontran ao día nas obrigas tributarias estatais e autonómicas de da Seguridade Social, así como que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

d) No caso de proxectos conxuntos, ratificar ante o órgano de xestión o acordo de colaboración para a execución do proxecto, unha vez notificada a concesión da axuda.

e) Comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución ou a consecución dos fins para os cales foi concedida a axuda de que se trate.

f) Facilitar toda a información que lles sexa requirida en relación coas subvencións e someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a entidade concedente, así como aos órganos de fiscalización e control da Comunidade Autónoma, da Administración xeral do Estado e da Unión Europea.

g) Cumprir as condicións de admisión da solicitude do artigo 10.1 do Regulamento (UE) nº 508/2014, durante todo o período de execución da operación e durante un período de cinco anos despois da realización do pagamento final. Así, no caso de detectarse infraccións ou fraudes en controis posteriores á concesión da axuda, e de conformidade co artigo 135 do Regulamento (UE, EURATOM) nº 966/2012, poderase proceder á recuperación da axuda aboada indebidamente.

h) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un período mínimo de cinco anos desde a percepción do último pagamento, para os efectos de comprobación e control.

i) Informar o público sobre a axuda obtida, dando adecuada publicidade con expresa mención á participación do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP) e a súa porcentaxe de financiamento, de conformidade co número 2.2 do anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, co capítulo II e anexo II do Regulamento de execución (UE) nº 821/2014 da Comisión e co artigo 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

j) Manter un sistema de contabilidade separado, ou ben asignar un código contable axeitado que permita coñecer todas as transaccións relacionadas coa operación que se subvenciona, co obxecto de facilitar a pista de auditoría, de acordo co artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro.

k) Proporcionar toda a información e datos necesarios para poder proceder ao seguimento e avaliación do programa operativo, de acordo co establecido no artigo 111 do Regulamento (UE) nº 508/2014, relativo ao FEMP.

l) Independentemente do sistema establecido para a xustificación da subvención, deberán manterse á disposición da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo os documentos xustificativos relativos aos gastos subvencionados ata o 31 de decembro de 2023, salvo que o prazo que resulte do establecido no artigo 140 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 sexa distinto; neste caso comunicarse coa anticipación suficiente.

Artigo 6. Proxectos obxecto de subvención

1. Poderán ser obxecto de subvención, de conformidade con esta orde, as accións colectivas que se desenvolvan na Comunidade Autónoma de Galicia que teñan por obxecto a protección e recuperación da biodiversidade mariña a través dunha mellor xestión e conservación dos recursos mariños e dos seus ecosistemas, así como o fomento da sensibilización ambiental.

Serán subvencionables as operacións relacionadas nas letras c) a g) e i), do artigo 40.1 do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, en concordancia co obxectivo establecido no artigo 6, letra 1.b).

Proxectos obxecto de subvención: proxectos colectivos que se centren nas zonas costeiras de interese para a produción ou reprodución dos organismos mariños, que fomenten a xestión sustentable, a conservación e a protección dos hábitats e das especies. Actividades que realizarán as entidades beneficiarias, dentro do ámbito que lles corresponda:

a) Elaboración e seguimento dos plans de coxestión de recursos mariños vivos. Avaliación do estado de conservación e da biodiversidade, nas paraxes de Natura 2000, nas zonas mariñas protexidas e nos hábitats costeiros de importancia para os organismos mariños.

b) Optimización e seguimento dunha correcta xestión dos recursos biolóxicos mariños. Análise dos descritores definidos na Directiva marco sobre a estratexia mariña. Cartografía dos hábitats e das especies, especialmente das exóticas invasoras. Seguimento e vixilancia dos hábitats e das especies. Cartografía da actividade extractiva realizada polos socios da entidade. Seguimento de indicadores de abundancia, da composición específica das capturas e da súa estrutura de tamaños.

c) Formación dos/das pescadores/as orientada a adquiriren novas competencias vinculadas a unha mellor xestión e conservación dos recursos mariños vivos e dos ecosistemas en que viven.

d) Aumento da sensibilización ambiental coa participación directa dos/das pescadores/as, que pode incluír campañas de divulgación.

e) Contribución á vixilancia epidemiolóxica: envío de mostras ao Intecmar para coñecer o estado sanitario das augas e especies marisqueiras.

f) Operacións de salvagarda do medio mariño e das súas especies, que se levarán a cabo establecendo condicións de acceso ás zonas de pesca.

O persoal de vixilancia actuará baixo a supervisión do Servizo de Gardacostas e en colaboración con este, e están obrigados a remitir ao servizo os datos e informes que lles sexan requiridos. Con antelación mínima dunha semana, o beneficiario deberá trasladar ao Servizo de Gardacostas a programación semanal das actividades de vixilancia e control. Con periodicidade mensual deberá dar traslado ao dito servizo dun informe das actividades realizadas. O inicio, interrupción ou finalización da prestación dos servizos deberá ser comunicado ao Servizo de Gardacostas da Consellería no prazo máximo dunha semana desde que se produza o feito.

O persoal de control e vixilancia deberá ter a habilitación como garda particular de campo, especialidade de gardapesca marítimo. Os/as patróns/oas e tripulantes de embarcacións cuxa dedicación non sexa a vixilancia senón o manexo das embarcacións deberán estar capacitados/as para facelo.

2. Non serán obxecto de subvención aqueles proxectos que non sexan técnica ou economicamente viables.

3. Non serán obxecto de subvención as accións que resulten financiables segundo outras liñas de axudas convocadas pola Consellería do Mar nin os labores propios da actividade pesqueira ou marisqueira ordinaria.

4. En función dos resultados acadados e das dispoñibilidades orzamentarias, para os sucesivos períodos de convocatoria poderanse engadir ou modificar algún dos proxectos incluídos no número 1 deste artigo.

5. Poderanse presentar proxectos de carácter plurianual sen que a súa duración poida exceder os dous exercicios orzamentarios e coas limitacións recollidas no parágrafo 3 do artigo 7. As subvencións que neste caso se concedan ateranse aos límites establecidos para os compromisos de gasto plurianuais no artigo 58 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 7. Gastos subvencionables

1. Poderán concederse subvencións para os seguintes gastos, sempre que sexan necesarios para a execución dos proxectos referidos no artigo anterior:

a) Os de gastos de persoal imprescindible asociado ao proxecto. O persoal contratado terá que cumprir os seguintes requisitos:

1º. Dedicar a totalidade da súa xornada de traballo á realización das tarefas definidas no proxecto subvencionado, durante todo o período de execución.

2º. Non pertencer aos órganos de goberno da entidade.

3º. Non ter vinculación de parentesco no primeiro grao de consanguinidade ou afinidade con persoas membros dos órganos de goberno, no momento da contratación inicial.

b) Os de contratación de profesionais, empresas ou entidades prestadoras de servizos.

2. Os gastos subvencionables son os custos efectivamente asumidos pola persoa perceptora dunha subvención e que se axustan aos seguintes requisitos xerais:

a) Contraéronse ao longo da duración da acción coa excepción dos custos relativos a informes finais e certificados de auditoría.

b) Foron pagados pola persoa beneficiaria con anterioridade á finalización do prazo de xustificación e responden de maneira indubidable á natureza da operación subvencionada.

c) Consignáronse no orzamento estimado total do proxecto.

d) Son necesarios para a execución das actuacións obxecto da subvención.

e) Son identificables e verificables, en particular, constan na contabilidade da persoa beneficiaria e inscribíronse de acordo coas normas contables e de conformidade coas prácticas contables habituais do/da beneficiario/a en materia de gastos.

f) Cumpren co disposto na lexislación fiscal e social aplicable.

g) Son razoables e xustificados e cumpren co principio de boa xestión financeira, en especial, no referente á economía e relación custo/eficacia.

3. Consideraranse subvencionables os gastos realizados e pagados entre o 1 de xullo de 2018 e o 31 de decembro de 2023. A data límite enténdese en todos os casos sen prexuízo do número de anualidades que se estableza en cada resolución de concesión de axuda. Non obstante, as operacións non se seleccionarán para recibir axuda do FEMP se concluíron materialmente ou se executaron integramente antes de que a persoa beneficiaria presente a solicitude de axuda.

4. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas para os contratos menores no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE, do 26 de febreiro de 2014, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse coa xustificación, ou, de ser o caso, coa solicitude de subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

5. A persoa beneficiaria poderá subcontratar a actividade subvencionada ata o 100 %, sempre tendo en conta as limitacións establecidas no artigo 27 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no seu Regulamento, agás o requisito establecido no número 3.b) do citado artigo 27, cando o contrato se subscribise con anterioridade á solicitude da subvención.

Artigo 8. Gastos non subvencionables

Non serán subvencionables os gastos relativos a:

a) Alugamentos.

b) Adquisición de terreos e inmobles.

c) Gastos derivados da transformación de buques pesqueiros que causen baixa no rexistro da frota operativa.

d) Adquisición de material, mobiliario e equipamento.

e) Adquisición de vestiario e equipamento persoal.

f) Aparellos e materiais de pesca e marisqueo.

g) Gastos de funcionamento, mantemento e conservación dos bens e equipamentos.

h) Gastos de manutención, desprazamento de persoas e representación.

i) IVE, excepto cando non sexa recuperable e sexa custeado de forma efectiva e definitiva polas persoas beneficiarias que non teñan a condición de suxeito pasivo, de acordo coa definición do artigo 13 punto 1, parágrafo primeiro da Directiva 2006/112/CE do Consello, do 28 de novembro de 2006, relativa ao sistema común do imposto sobre o valor engadido.

j) Modernización ou acondicionamento de maquinaria, instalacións, locais, equipamentos, elementos auxiliares ou calquera outro tipo de ben, comprendidos en proxectos de investimento cuxo financiamento se realizase con axudas públicas, durante os cinco anos inmediatamente anteriores á solicitude.

k) Custos indirectos.

l) Calquera gasto que, de acordo coa normativa aplicable, resulte ser non subvencionable.

Artigo 9. Intensidade da axuda

1. A porcentaxe máxima das axudas poderá acadar o 100 % do investimento subvencionado en cada unha das accións, de acordo co previsto na presente orde e segundo o indicado no Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, no seu artigo 95. Non obstante, a intensidade da axuda estará condicionada ás dispoñibilidades orzamentarias; de superalas deberá axustarase a estas limitacións orzamentarias, respectando, en todo caso, os principios da concurrencia competitiva. A comisión de avaliación poderá limitar a contía dos gastos elixibles que considere non xustificados debidamente no proxecto, tanto en canto ao seu número como á súa valoración ou á súa necesidade.

2. No caso de se presentaren varios proxectos para accións substancialmente idénticas, poderase establecer unha contía de subvención para todas elas, independentemente do importe solicitado.

3. Os rendementos financeiros que se xeren polos fondos librados ás persoas beneficiarias incrementarán o importe da subvención concedida e aplicaranse igualmente á actividade subvencionada.

4. Manterase a axuda pero minorarase na fase de pagamento se o investimento material realizado é, por causa debidamente motivada, de contía inferior á que se considerou subvencionable, e na mesma proporción.

Artigo 10. Compatibilidade das axudas

1. As axudas recollidas nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda, subvención ou recurso público e privado, sempre que o mesmo gasto ou investimento non teñan financiamento parcial ou total procedente doutro fondo EIE ou instrumento financeiro comunitario, nin polo mesmo fondo conforme un programa ou medida diferente e, ademais, que o importe acumulado das axudas non exceda o custo da actividade subvencionada.

2. No suposto de que a suma de todas as axudas supere os devanditos límites, procederase, por resolución do órgano concedente, á minoración da axuda concedida.

Artigo 11. Prazos de presentación de solicitudes e de resolución

1. En cada convocatoria indicaranse os períodos de presentación de solicitudes.

2. Para a convocatoria de 2018 o prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expirará o último día do mes.

3. A resolución de concesión emitirase e notificarase ás persoas interesadas no prazo máximo de tres (3) meses desde a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

4. De non esgotarse o crédito dispoñible, ou de resultar incrementado este posteriormente en virtude de renuncias, de modificación de resolucións de outorgamento ou de dotacións orzamentarias adicionais, poderase emitir unha nova proposta de resolución, na cal se terán en conta as solicitudes que formen parte da listaxe de reserva a que se refire o artigo 17.2 desta orde.

Artigo 12. Forma de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). O formulario normalizado corresponde co anexo I desta orde.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Forma parte de cada solicitude a declaración responsable que contén e na cal se fan constar os seguintes aspectos:

a) Que cumpren os requisitos para obter a condición de entidade beneficiaria segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Que non se atopan en ningún dos supostos establecidos no punto 1 do artigo 10 do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, é dicir:

1º. Non ter cometido infracción grave consonte o artigo 42 do Regulamento (CE) nº 1005/2008 ou o artigo 90.1 do Regulamento (CE) nº 1224/2009.

2º. Non ter estado involucradas na explotación, xestión ou propiedade de buques pesqueiros incluídos na lista de buques INDR da Unión recollida no artigo 40.3 do Regulamento (CE) nº 1005/2008 ou de buques que enarboren pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes segundo se establece no seu artigo 33.

3º. Non ter cometido infraccións graves da política pesqueira común (PPC).

4º. Non ter cometido fraude no marco do Fondo Europeo da Pesca (FEP) ou Fondo Europeo Marítimo da Pesca (FEMP).

c) Non ter sido sancionadas coa imposibilidade de obter préstamos, subvencións, ou axudas públicas, de acordo co previsto no título V da Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, e do título XIV da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

d) Ter cumpridas as obrigas establecidas nos artigos 55 e 58 ou as obrigas de constitución dos órganos reitores recollidas nas seccións 3ª e 4ª do capítulo IX do Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, que regula as confrarías de pescadores de Galicia e as suas federacións, tal e como sinala a disposición adicional segunda do mesmo decreto.

e) Non ser unha empresa en crise segundo a definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas en crise (2014/C246/01).

f) O conxunto de todas as solicitudes solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

A presentación da solicitude de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade das declaracións anteriores por calquera medio ou rexistro dispoñible.

2. As solicitudes virán asinadas polo representante legal da entidade solicitante; se son formuladas por varias entidades conxuntamente, deberán vir asinadas polo representante legal da entidade que exerza a representación de todas elas.

Artigo 13. Documentación complementaria para a tramitación do expediente

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación, xunto cun índice, e ordenada segundo se indica:

a) Documentación acreditativa da personalidade:

a.1) Certificación do órgano competente en que se acredite o desempeño actual do cargo por parte do asinante e se especifique o acordo polo que se lle concede a este autorización para formalizar a solicitude. Se actuar en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia.

a.2) Ademais, se o solicitante non é unha confraría de pescadores ou unha federación de confrarías, copia dos seus estatutos. Non será necesario achegar este documento cando xa conste nos arquivos da Consellería do Mar por telo presentado nun procedemento administrativo nos últimos cinco (5) anos. Neste caso, deberá indicarse o procedemento, a data de presentación e o órgano ante o cal se presentou.

b) Proxecto para o cal se solicita a subvención, a memoria do proxecto deberá conter, polo menos:

b.1) Explicación das necesidades que se pretende cubrir e obxectivos perseguidos, detallando as actividades que se van realizar.

b.2) Proxecto técnico ou anteproxecto valorado, que permita determinar a viabilidade do proxecto e realizar a súa valoración, conforme os criterios establecidos no artigo 16 desta orde de bases reguladoras.

Os proxectos incluirán a información relativa aos indicadores conforme o previsto no Regulamento delegado (UE) nº 1014/2014, Regulamento de execución (UE) nº 1242/2014 e Regulamento de execución (UE) nº 1243/2014.

Deberá utilizarse como modelo o anexo B que figura na guía do solicitante que pode consultarse na páxina web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/gl/o-mar/o-sector/proxectos-colectivos).

No caso de que o proxecto poida desenvolverse por fases susceptibles de produciren efectos independentes, farase constar de xeito expreso e describirase cada unha delas independentemente.

c) Orzamento detallado de cada unha das accións propostas, en que o IVE deberá vir separado, segundo o anexo II e acompañado da documentación xustificativa dos custos incluídos (orzamentos, contratos, facturas pro forma, etc.).

Se é o caso, tamén se deberá acreditar a petición de tres ofertas e a xustificación da seleccionada, de acordo co indicado no artigo 7.4.

d) Só para solicitudes conxuntas:

d.1) Declaración responsable sobre as fontes de financiamento previstas para cada unha das accións (recursos propios, préstamos, outras axudas...) de conformidade co anexo III.

d.2) Declaración responsable de non estar incurso en prohibición para obter a condición de beneficiario de subvencións, conforme o anexo III.

d.3) Un acordo de nomeamento da persoa representante ou apoderada única para os efectos da subvención, asinado polos representantes de todas as entidades solicitantes.

d.4) A distribución dos compromisos que corresponda executar a cada un dos solicitantes, así como o importe da subvención solicitada para cada un deles.

2. No caso de solicitudes formuladas conxuntamente, deberá incluírse a documentación das letras a), d) anteriores por cada un dos solicitantes.

3. Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas.

a) DNI ou NIE da persoa representante.

b) NIF da persoa xurídica ou entidade solicitante.

c) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Certificado de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día do pagamento coa Consellería de Facenda.

Artigo 15. Emenda da solicitude

1. Os órganos responsables da tramitación das solicitudes comprobarán que estas reúnen todos os requisitos recollidos nesta orde. No caso contrario, poráselles de manifesto por escrito as persoas interesadas para que nun prazo de dez (10) días hábiles remitan cantos datos, documentos complementarios e aclaracións se consideren necesarios para poder resolver o expediente, coa indicación de que, se así non o fixeren, se considerará que desistiron da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas polo órgano instrutor, de conformidade co disposto no artigo 5.3, resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e sociais ou das débedas coa Comunidade Autónoma.

2. Sen prexuízo do sinalado nos parágrafos precedentes, en calquera momento do procedemento o servizo xestor poderá requirir a entidade solicitante para que remita aqueles datos ou documentos complementarios que resulten necesarios para a tramitación e adopción da resolución que proceda.

Artigo 16. Órganos de xestión e resolución

1. A tramitación dos expedientes será realizada polo servizo correspondente da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar.

2. A resolución das solicitudes corresponde á persoa titular da Consellería do Mar.

Artigo 17. Comisión de avaliación

1. Unha vez completos os expedientes, serán remitidos a unha comisión de avaliación constituída na Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, que os examinará e valorará logo de aplicar os criterios que se sinalan no artigo seguinte. O resultado da avaliación reflectirase nun informe que se incorporará ao expediente.

2. A comisión de avaliación estará formada polos seguintes membros:

Presidenta: a persoa titular da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

Vogais: dúas persoas do cadro de persoal da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, e unha por cada unha dos seus departamentos territoriais, designadas pola presidenta.

Un dos vogais da comisión actuará como secretario.

En caso de imposibilidade de asistir a algunha das sesións, os membros da comisión poderán ser substituídos por quen designe a presidenta.

A comisión poderá actuar asistida polos asesores que xulgue conveniente.

Artigo 18. Criterios de elixibilidade e avaliación

1. Criterios de elixibilidade: inicialmente comprobarase que as operacións ofrezan garantías suficientes de viabilidade e de que vaian dirixidas ao logro dos obxectivos definidos no programa operativo para España do FEMP, mediante:

1.1. A valoración técnica e económica:

– Desde o punto de vista técnico. A valoración das garantías ofrecidas polos seus promotores en canto á solvencia técnica e aos medios descritos no proxecto, é dicir, a adecuación dos medios técnicos aos fins previstos.

– Desde o punto de vista económico. A valoración mediante a análise do financiamento previsto, é dicir, se a entidade dispón de garantías para levar adiante o financiamento do proxecto e se o orzamento presentado está equilibrado cos fins perseguidos.

Os proxectos considerados non viables técnica ou economicamente quedarán excluídos para obter financiamento a través desta orde de axudas, non procedendo, por tanto, á súa valoración.

1.2. O indicador xeral: a continuación procederase á valoración da adecuación do proxecto aos obxectivos do programa operativo do FEMP, de tal forma que aqueles proxectos que non obteñan unha puntuación mínima, non poderán seguir sendo valorados. En concreto, valorarase a contribución do proxecto ao cumprimento do previsto no programa operativo:

a) Valoración sobre a adecuación do proxecto á análise DAFO da prioridade 1 do PO do FEMP, así como á estratexia e, en particular, ao cumprimento dos fins do obxectivo específico OE1.b) previsto para as medidas recollidas no número 3.3 do PO (medidas pertinentes e indicadores de produtividade) (artigo 40.1.b-g, i); (puntuación ata 6 puntos: DAFO 2 puntos; estratexia 2 puntos; medidas pertinentes 2 puntos).

b) Valoración sobre a achega do proxecto á consecución dos indicadores de resultado (puntuación: 6 puntos).

c) Valoración sobre a implicación do proxecto noutras prioridades, obxectivos específicos ou indicadores de resultado, así como noutros plans estratéxicos (puntuación: 5 puntos).

Unha vez ponderados os indicadores anteriores, os proxectos cualificaranse en: alto (15 ou máis puntos), medio (de 9 a 14 puntos), baixo (de 3 a 8 puntos), en función de se os beneficios que achegue son significantes, razoables ou deficientes.

Os proxectos que non obteñan unha cualificación mínima de 3 puntos quedarán excluídos para obter financiamento a través desta orde de axudas, polo que non procederá, por tanto, á súa valoración específica.

2. Criterios de avaliación (indicador específico): unha vez determinados os proxectos elixibles conforme o punto anterior, a comisión valorará a seguir os proxectos segundo os criterios ponderados co valor que se indica a seguir:

a) Valor ambiental da zona de actuación do proxecto:

a.1) Nivel de protección da zona: parques nacionais 3 puntos; Rede Natura 2000 (ZEC) 2 puntos, outras zonas de protección 1 punto.

a.2) Valor natural como zona de cría de peixes e moluscos: 1 punto.

a.3) Impacto sobre as áreas mariñas protexidas: 1 punto.

a.4) Xustificación da necesidade ambiental do proxecto: 1 punto.

a.5) Continuidade das accións e persistencia dos resultados: 1 punto.

b) Viabilidade técnica do proxecto:

b.1) Relevancia e necesidade do proxecto: 5 puntos.

b.2) Calidade, detalle e coherencia da memoria: 2 puntos.

b.3) Concreción dos obxectivos: 2 puntos.

b.4) Efectos beneficiosos sobre o ambiente: 1 punto.

b.5) Efectos sobre a sustentabilidade social: 1 punto.

c) Características das entidades solicitantes:

c.1) Actuacións conxuntas entre entidades: 3 puntos.

c.2) Número de socios da entidade: 1 punto por socio participante ata un máximo de 4 puntos.

c.3) Traxectoria da entidade: 1 punto.

A comisión de avaliación, en función de se o proxecto presenta un significativo, razoable ou deficiente nivel de garantía de que se vai levar a cabo, así como do logro dos seus obxectivos, resultados e beneficios, cualificará o indicador específico como alto (15 ou máis puntos), medio (de 9 a 14 puntos), baixo (de 3 a 8 puntos).

Artigo 19. Proposta de resolución

1. Logo de deliberación, a presidenta da comisión avaliadora formulará ao órgano concedente, a través do instrutor, proposta de resolución que indicará de xeito individualizado as persoas beneficiarias, os proxectos seleccionados e as accións para as cales se propón a subvención, así como o importe da subvención proposta para cada unha delas.

2. Establecerase unha listaxe de reserva con aquelas solicitudes que, reunindo os requisitos establecidos na orde de convocatoria e sendo consideradas viables pola comisión, non acadasen a puntuación necesaria para seren seleccionadas por falta de crédito. No caso de dispoñibilidades orzamentarias adicionais, de conformidade co disposto no artigo 11.4, emitirase unha nova proposta en que se terán en conta as solicitudes da listaxe de reserva.

Artigo 20. Resolución

Á vista da proposta de resolución e logo da preceptiva fiscalización do gasto, o órgano competente emitirá resolución motivada pola que se outorguen ou deneguen as subvencións solicitadas.

Artigo 21. Aceptación

No prazo de dez (10) días desde a notificación da resolución, as persoas interesadas deberán comunicar a aceptación ou rexeitamento da subvención nas condicións expresadas nela, conforme o anexo IV. De non facelo, entenderase tacitamente aceptada. Por outro lado, a aceptación da axuda implica a aceptación da súa inclusión como persoa beneficiaria na lista de operacións publicada de conformidade co artigo 119, número 2 do citado Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, relativo ao FEMP.

Artigo 22. Recursos

1. As resolucións, expresas ou presuntas, que se produzan ao abeiro desta orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderase interpor, con carácter potestativo, recurso de reposición ante a conselleira do Mar, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso, ou recurso contencioso-administrativo, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou de seis (6) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo o caso.

2. Contra estas bases reguladoras, cuxa aprobación pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería do Mar no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Así mesmo, tamén se poderá interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o órgano competente desta xurisdición, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 23. Modificacións

1. Calquera modificación que se pretenda realizar nos investimentos inicialmente previstos, tanto no referente ao orzamento como ás distintas partidas que o compoñen, requirirá a aceptación expresa do órgano concedente e deberá ser posta en coñecemento deste sempre con anterioridade á súa realización.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais e internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 24. Xustificación e pagamento

1. Con carácter xeral, agás que as ordes de convocatoria fixen outro prazo, os gastos correspondentes deberán xustificarse antes do 16 de novembro de cada anualidade. Este prazo poderá ampliarse por resolución expresa do órgano concedente, de oficio ou por petición da persoa beneficiaria e por causas debidamente motivadas. Cando a prórroga solicitada implique a ampliación ou modificación das anualidades da subvención concedida, o seu outorgamento requirirá a correspondente fiscalización previa.

2. Para o cobramento da subvención concedida, as entidades beneficiarias deberán presentar a documentación que se sinala a seguir, indicando o número de expediente que figura na resolución de concesión da subvención, no prazo establecido no parágrafo anterior:

a) Xustificación de ter realizado as accións para as cales se concedeu a subvención, mediante os seguintes documentos:

a.1) Informe técnico en que se describa a realización das accións e os datos e incidencias máis significativas na súa execución, que inclúa reportaxe fotográfica cando sexa procedente, con especial referencia aos obxectivos acadados. No caso de pagamento final proporcionarase información sobre os indicadores de resultados conforme o previsto no Regulamento delegado (UE) nº 1014/2014, Regulamento de execución (UE) nº 1242/2014 e Regulamento de execución (UE) nº 1243/2014.

Deberán utilizarse como modelos os anexos C (informes trimestrais) e D (informe final) que figuran na guía do solicitante que pode consultarse na páxina web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/).

a.2) Relación de custos individualizados por cada actuación, con e sen IVE.

a.3) Facturas correspondentes aos custos sinalados na relación.

a.4) No caso de gastos de persoal: contrato formalizado, se é o caso, polo INEM, nóminas, TC1 e TC2 coa xustificación do seu pagamento, e documento de declaración e liquidación do IRPF correspondente. Tamén se deberá achegar a documentación acreditativa do cumprimento das condicións de habilitación e capacitación do artigo 6.1. Se é o caso, os xustificantes de pagamento.

A entidade beneficiaria tamén terá que presentar unha certificación conforme as persoas contratadas:

1º. Dedican a totalidade da súa xornada de traballo á realización das tarefas definidas no proxecto subvencionado, durante todo o período da súa execución.

2º. Non pertencen aos órganos de goberno da entidade.

3º. Non tiñan vinculación de parentesco no primeiro grao de consanguinidade ou afinidade con persoas membros dos órganos de goberno no momento da primeira contratación.

a.5) Extractos das contas, ordes de transferencia ou certificacións bancarias que xustifiquen a efectiva realización dos gastos, así como o importe, procedencia e aplicación dos fondos propios ás actividades subvencionadas. Non se admiten talóns nin pagamentos en efectivo.

a.6) No caso de que as accións obxecto de subvención sexan de realización periódica e sucesiva, correspondan ao último trimestre do exercicio e/ou supoñan gastos de persoal, obrigas tributarias e de Seguridade Social que non se poidan facer efectivos na data límite de xustificación, eses gastos poderanse xustificar no primeiro trimestre do exercicio seguinte.

b) No caso de proxectos solicitados conxuntamente por varias entidades, documento formalizado ante o órgano de xestión en que se recolla a ratificación dos compromisos que correspondan a cada un deles, así como nomeamento de persoa apoderada única.

c) Os tres orzamentos que, de acordo co artigo 7.4 desta orde, e en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deba ter solicitado o beneficiario.

3. No momento da xustificación da execución parcial e total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para o mesmo proxecto, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, así como unha declaración responsable de que se manteñen os requisitos para ser beneficiario, conforme o anexo V.

4. Os servizos correspondentes da Consellería do Mar emitirán certificado sobre o grao de realización do investimento, así como da súa adecuación tanto ao proxecto que serviu de base para o outorgamento da axuda como aos xustificantes de gasto presentados.

5. Poderán presentarse xustificacións parciais a medida en que se vaian executando as accións. O importe conxunto dos pagamentos parciais e dos pagamentos anticipados que, se é o caso, se concedan, non poderá superar o 80 % do total da subvención concedida nin superar o importe da correspondente anualidade, e quedarán condicionados á efectiva realización completa do proxecto e á liquidación definitiva da subvención. Os pagamentos parciais están suxeitos á prestación de garantía nos termos sinalados no artigo 26. Non se considerará que un pagamento é parcial cando comprenda a totalidade da subvención correspondente a unha fase do proxecto susceptible de producir efectos independentes, sempre que así se recolla expresamente na resolución de concesión.

6. No caso de actuacións plurianuais, se a materialización e o pagamento do investimento se anticipa ao calendario establecido na resolución de concesión e non foi posible o reaxuste das anualidades da subvención, o pagamento adiantado poderá servir de xustificación para o libramento das anualidades posteriores sempre que se obteña a conformidade do órgano competente para a concesión da axuda.

7. O pagamento da primeira e sucesivas anualidades terá carácter de ingreso á conta e a súa consolidación estará condicionada á finalización das actividades obxecto da axuda. No caso de que o solicitante non cumpra cos requisitos exixidos, estará obrigado ao reintegro da axuda nos termos previstos nos artigos 37 a 40 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

8. Para o pagamento das xustificacións, no caso de gastos de persoal, terase en conta a porcentaxe de dedicación efectiva ao proxecto subvencionado en cada mes do período que se xustifique.

Artigo 25. Pagamento anticipado

Por resolución motivada do órgano concedente, e logo de solicitude das persoas interesadas, poderá autorizarse un anticipo de ata un 50 % da subvención prevista para a anualidade naqueles casos en que o investimento exixa pagamentos inmediatos. Os pagamentos anticipados están suxeitos á prestación de garantía nos termos sinalados no artigo 26.

Artigo 26. Garantías

1. Será obrigatoria a prestación de garantías para a expedición de anticipos ou pagamentos á conta, de acordo cos artigos 65 e seguintes do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia nos seguintes casos:

a) Anticipos que superen o importe de 18.000 euros.

b) Pagamentos parciais que excedan de 18.000 euros.

Estes importes anteriores enténdense referidos á cantidade acumulada dos pagamentos realizados, parcial e/ou anticipadamente.

2. A garantía constituirase mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que se depositará na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia e deberá acadar como mínimo ata os dous meses seguintes ao remate do prazo de xustificación da axuda.

3. A garantía deberá cubrir o 110 % do importe das cantidades aboadas á conta ou das cantidades anticipadas calquera que sexa o prazo de xustificación previsto na convocatoria.

De acordo co artigo 67.4 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, por razóns xustificadas e por petición do beneficiario, o Consello da Xunta de Galicia poderá autorizar a constitución da garantía por importe inferior ao antes indicado ou eximir da obriga de constituíla.

4. As garantías serán liberadas logo de que se comprobe a realización do proxecto ou das accións independentes que o compoñan.

Artigo 27. Reintegro

1. Procederá o reintegro, total ou parcial da subvención concedida e dos xuros de mora que se teñan dereito a percibir desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos sinalados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No caso de incumprimento parcial relativo á actividade subvencionada, procederase á redución proporcional da subvención concedida ou aboada.

De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, o importe para reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de graduación de posibles incumprimentos das condicións impostas co motivo da concesión das subvencións:

a) Procederá o reintegro total da axuda concedida e dos xuros de mora que se teñan dereito a percibir desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro no caso de incumprir a obriga indicada no artigo 5.2.e) de comunicar a obtención doutras axudas, no caso de que sexan incompatibles.

b) O incumprimento da obriga establecida no artigo 5.2.e) de comunicar a obtención doutras axudas, no caso de que estas fosen compatibles, dará lugar ao reintegro parcial polo exceso de financiamento xunto cos xuros de demora, conforme o establecido no artigo 23 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) O incumprimento das obrigas en materia de publicidade establecidas no artigo 5.2.i) dará lugar a un reintegro parcial do 2 % da axuda concedida.

d) O incumprimento do mantemento dun sistema de contabilidade separado ou unha codificación contable axeitada, segundo o establecido no artigo 5.2.j), dará lugar ao reintegro parcial do 2 % da axuda concedida.

2. Para o devandito procedemento de reintegro terase en conta o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 28. Infraccións e sancións

As actuacións das persoas beneficiarias en relación coas axudas obxecto desta orde están sometidas ao réxime de infraccións e sancións do título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 29. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que conste na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 30. Publicidade

1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común as subvencións concedidas con suxeición a esta orde indicando o programa e o crédito orzamentario a que se imputan, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención.

3. Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidades a través da paxina web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/) a relación de beneficiarias e o importe das axudas concedidas.

Artigo 31. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 32. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17.1.b) da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno da Comunidade Autónoma de Galicia, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, poidan impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte e, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, tramitarase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 33. Servizo Nacional de Coordinación Antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente CVE-DOG: mfbcsoj8-3tf1-8cu0-qxd7-10fulqa6z3f2 DOG núm. 11 martes, do 16 de xaneiro de 2018 Páx. 3262 ISSN1130-9229 Depósito legal C. 494-1998 http://www.xunta.gal/diario-oficial-galicia convocatoria, poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude na Intervención Xeral da Administración do Estado, polos medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto polo dito servizo no enderezo web http://www.igae.pap.minhafp.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, que se pode consultar no enderezo web http://www.igae.pap.minhafp.gob.es/sitios/igae/es-ES/snca/Documents/ComunicacionSNCA06-04-2017Canaldenuncias.pdf

Disposición adicional. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería do Mar coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/información-xeral-protección-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, esta circunstancia que se reflectirá no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia. Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais ou páxinas web.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explícita na información adicional recollida en https://www. xunta. gal/protección-datos-persoais.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 1 de agosto de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e se convocan para o ano 2016, en réxime de concorrencia competitiva, axudas a proxectos colectivos, financiados polo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP), que contribúan á protección e recuperación da biodiversidade mariña a través dunha mellor xestión e conservación dos recursos mariños e dos seus ecosistemas, así como ao fomento da sensibilización ambiental. Non obstante, aos procedementos derivados de solicitudes presentadas ao abeiro da dita orde seranlles aplicables as súas disposicións.

Disposición transitoria primeira

Con vixencia exclusiva para a convocatoria do ano 2018, serán subvencionables os gastos realizados entre o 1 de xullo de 2018 e o 30 de xuño de 2019. Non obstante, as operacións non se seleccionarán para recibir axuda do FEMP se concluíron materialmente ou se executaron integramente antes de que o beneficiario presente a solicitude de axuda.

Disposición derradeira primeira

En todo o non previsto nesta orde observarase o disposto na normativa mencionada no artigo 2 (marco normativo).

Disposición derradeira segunda

Facúltase a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Disposición derradeira terceira

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2018

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file