Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 180 Xoves, 20 de setembro de 2018 Páx. 42930

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Vigo

RESOLUCIÓN do 13 de setembro de 2018 pola que se convoca proceso selectivo para o ingreso na escala administrativa, subgrupo C1, pola quenda de promoción interna.

De conformidade co disposto nas resolucións reitorais do 7 de decembro de 2016 (DOG do 15 de decembro) e do 30 de novembro de 2017 (DOG do 12 de decembro) polas que se publicou a oferta de emprego público do persoal de administración e servizos da Universidade de Vigo para os anos 2016 e 2017 respectivamente, esta reitoría en uso das competencias atribuídas pola Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, e polos estatutos da Universidade de Vigo, aprobados polo Decreto 7/2010, do 14 de xaneiro (DOG do 2 de febreiro), resolve convocar proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, na escala administrativa, con suxeición ás seguintes bases:

1. Normas xerais.

1.1. Convócase proceso selectivo para cubrir corenta e unha (41) prazas na escala administrativa da Universidade de Vigo, subgrupo C1, pola quenda de promoción interna.

1.2. O sistema de selección será o de concurso-oposición coas características que se indican no anexo I.

1.3. O programa que rexerá para a fase de oposición é o que se relaciona no anexo II.

1.4. A este proceso selectivo seranlle aplicables as seguintes normas e os seus desenvolvementos regulamentarios: a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades; o Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público (EBEP); a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia (LEPG); o Real decreto 364/1995, do 10 de marzo; os estatutos da Universidade de Vigo, aprobados polo Decreto 7/2010, do 14 de xaneiro (DOG do 2 de febreiro) e o disposto na presente convocatoria.

2. Requisitos das persoas aspirantes.

Para seren admitidas ao proceso selectivo, as persoas aspirantes deberán posuír no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación, e manter ata o momento da toma de posesión como persoal funcionario os seguintes requisitos:

a) Estar en posesión ou en condicións de obter na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes o título de bacharel ou técnico. Así mesmo, estarase ao disposto na Orde EDU/1603/2009, do 10 de xuño, pola que se establecen equivalencias cos títulos de graduado en educación secundaria obrigatoria e de bacharel regulados na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada mediante Orde EDU/520/2011, do 7 de marzo. Para os efectos desta convocatoria, considéranse equivalentes:

– Ter aprobadas as probas de acceso á universidade para maiores de vinte e cinco anos, segundo se establece na normativa reguladora ou estar en condicións de obter o certificado correspondente na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

– De conformidade co establecido na disposición adicional novena do Real decreto 364/1995, acreditar unha antigüidade de dez anos nun corpo ou escala do subgrupo C2, ou ter unha antigüidade de cinco anos e superar un curso específico de formación.

As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, se é o caso, a homologación do título.

b) Pertencer como persoal funcionario de carreira á escala auxiliar administrativa da Universidade de Vigo ou a calquera outro corpo ou escala do subgrupo C2 e que estea a prestar servizos na Universidade de Vigo na situación de servizo activo con destino definitivo ou en adscrición provisional ou noutra situación administrativa con dereito a reserva de praza.

c) Ter prestado servizos efectivos como persoal funcionario durante polo menos dous anos no subgrupo ou grupo de clasificación profesional desde o que se pretenda promocionar. Para estes efectos, consideraranse servizos efectivos os prestados na situación de servizos especiais e de excedencia para o coidado de fillos/as e familiares (artigos 167 e 172 da LEPG).

d) Non superar a idade de xubilación forzosa.

e) Posuír a capacidade funcional para o desempeño das funcións.

f) Non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do cal a persoa foi separada ou inhabilitada, nin pertencer á mesma escala a que se presenta.

3. Solicitudes.

3.1. Para tomar parte nestas probas selectivas deberase presentar unha solicitude seguindo o modelo oficial dispoñible no seguinte enderezo: https://www.uvigo.gal/universidade/administracion-persoal/pas/traballar-uvigo > Solicitude de admisión, seguindo as indicacións que figuran nel, cubrindo todos os campos obrigatorios, validándoos e confirmándoos. Na epígrafe de turno de ingreso polo que se solicita acceder, deberá indicarse promoción interna.

Asignarase a cada instancia un número de referencia identificativo único. Unha vez cuberta a instancia, imprimiranse dous exemplares que deberán ser asinados pola persoa solicitante; segundo o lugar de presentación, un servirá de recibo para a persoa interesada e o outro deberá presentarse perante o reitor da Universidade de Vigo, consonte se regula no punto seguinte.

3.2. O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral da Universidade de Vigo (Edificio da Xerencia, Campus de Vigo, 36310 Vigo), nos rexistros auxiliares dos Campus de Ourense (unidade administrativa), Campus de Pontevedra (Escola de Enxeñaría Forestal) e Vigo (r/ Torrecedeira, nº 86) ou segundo as restantes formas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP). As solicitudes subscritas no estranxeiro poderán cursarse a través das representacións diplomáticas e consulares españolas correspondentes.

3.3. A Xerencia expedirá de oficio unha certificación, da que remitirá copia á persoa interesada, acreditando os méritos da fase de concurso indicados no anexo I, de acordo cos que nesa data obren no seu poder.

Os méritos da fase de concurso valoraranse con referencia á data da publicación da convocatoria no DOG.

3.4. Co fin de garantir a participación en condicións de igualdade, as persoas aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % indicarán na solicitude as posibles adaptacións de tempo e/ou medios que consideren necesarias para a realización das probas e o seu motivo; para este fin, deberase achegar coa solicitude un certificado que acredite a discapacidade, así como o ditame técnico facultativo emitido polo órgano técnico de cualificación do grao de discapacidade; para estes efectos, o ditame médico deberá ser suficientemente explicativo para que o órgano de selección poida valorar a procedencia ou non das adaptacións solicitadas.

3.5. As persoas aspirantes quedan vinculadas aos datos que fixesen constar nas súas solicitudes, e poderán unicamente demandar a súa modificación mediante escrito motivado, dentro do prazo establecido na base 4.2. Transcorrido este prazo non se admitirá ningún pedimento desta natureza, agás causa excepcional sobrevida, xustificada e discrecionalmente apreciada pola universidade.

4. Admisión de persoas aspirantes.

4.1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o reitor da Universidade de Vigo ditará unha resolución, que se publicará no DOG, declarando aprobada a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas e indicando o lugar no cal se atope exposta ao público a listaxe completa de persoas aspirantes admitidas e excluídas, que conterá o nome, apelidos e número de DNI das persoas excluídas, así como as causas que motivaron a exclusión.

4.2. As persoas aspirantes excluídas ou que non figuren na relación de admitidas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da dita resolución no DOG, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión. Quen dentro do prazo sinalado non emende a exclusión ou alegue a omisión, xustificando o dereito a seren incluído/a na relación de persoas admitidas, será definitivamente excluído/a do proceso selectivo.

4.3. A estimación ou desestimación das peticións de emenda ou corrección entenderase implícita na resolución do reitor, que aprobe a relación definitiva de persoas aspirantes admitidas e excluídas, que se publicará igualmente no DOG.

4.4. O feito de figurar na relación de persoas admitidas non implicará recoñecer ás persoas aspirantes a posesión dos requisitos exixidos para participar no proceso selectivo, de xeito que a constatación de que non os posúen, segundo o establecido na base oitava, producirá o seu decaemento de todos os dereitos que puideren derivar da súa participación.

5. Tribunal.

5.1. O tribunal cualificador destas probas é o que figura como anexo III a esta convocatoria e terá a categoría terceira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño).

O procedemento de actuación do tribunal axustarase ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP) e na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (LRXSP).

5.2. As persoas que formen parte do tribunal deberán absterse de intervir, notificándollo ao reitor da universidade, cando concorran nelas as circunstancias previstas no artigo 23 da LRXSP, cando realizasen tarefas de preparación de persoas aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria, ou de ter colaborado durante ese período con centros de preparación de opositores, de acordo co artigo 59.2 da LEPG.

A presidencia deberá solicitar ás restantes persoas que formen parte do tribunal, ás persoas que actúen como persoal asesor e ao persoal auxiliar que incorpore aos seus traballos, unha declaración expresa de non atoparse en ningunha das circunstancias reflectidas no parágrafo anterior.

As persoas aspirantes poderán recusar os e as integrantes do tribunal cando concorran neles/as algunha das circunstancias sinaladas no parágrafo primeiro, consonte o establecido no artigo 24 da LRXSP.

5.3. A autoridade convocante publicará no DOG a resolución pola que se nomeen os novos integrantes do tribunal que substituirán a quen perdese a súa condición por algunhas das causas previstas na base anterior.

5.4. Logo da convocatoria da presidencia, constituirase o tribunal coa asistencia do presidente/a e o secretario/a, ou, se é o caso, de quen os/as substitúan, e a metade polo menos dos/das seus membros.

5.5. Corresponderá ao tribunal a consideración, verificación e apreciación das incidencias que puideran xurdir no desenvolvemento dos exercicios, e adoptará ao respecto as decisións que considere pertinentes.

5.6. O tribunal poderá propor ao reitor a designación de asesores/as especialistas que se limitarán a prestar colaboración nas súas especialidades técnicas. Así mesmo, cando o número de aspirantes o faga conveniente, poderá solicitar do reitor a designación de persoal colaborador. Estas designacións publicaranse na páxina electrónica indicada na base 5.10 e seralles de aplicación o previsto en materia de abstención e recusación.

5.7. O tribunal cualificador adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario, de forma que os e as aspirantes con discapacidades gocen de similares condicións para a realización dos exercicios co resto dos e das aspirantes. Para as persoas con discapacidades que soliciten na forma prevista na base 3.4, estableceranse as adaptacións posibles en tempo e medios. A presidencia do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos que non se deban ler ante o tribunal sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes e excluirá a aquelas que consignen nas follas de exame marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.

5.8. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal ten coñecemento de que algunha persoa aspirante non cumpre calquera dos requisitos exixidos na presente convocatoria, logo de audiencia da persoa interesada, deberá propor a súa exclusión ao órgano convocante ou, se é o caso, pór no seu coñecemento a posible concorrencia desta circunstancia, para que, logo das comprobacións necesarias, se resolva ao respecto.

5.9. En ningún caso o tribunal poderá declarar que superou o proceso selectivo un número superior de aspirantes ao das prazas convocadas. Calquera proposta de persoas aprobadas que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

5.10. Os actos deste proceso que se deban publicar, agás cando a publicación se realice no DOG, terán como data de efectos a da súa publicación no taboleiro de anuncios do Rexistro Xeral da Universidade de Vigo (Edificio da Xerencia, Campus de Vigo). Todos eles publicaranse con efectos puramente informativos, na seguinte páxina electrónica:

https://www.uvigo.gal/universidade/administracion-persoal/pas/traballar-uvigo

5.11. Para os efectos de comunicacións e consultas o tribunal terá a súa sede no edificio da Xerencia, no Campus de Vigo, e poderá dirixilas por correo electrónico: consultapas@uvigo.es, sen que teña a consideración de rexistro telemático, ou por teléfono: 986 81 35 79. A información relativa a este proceso publicarase na páxina indicada no punto anterior.

6. Desenvolvemento dos exercicios.

6.1. A orde de actuación das persoas aspirantes iniciarase alfabeticamente pola primeira da letra «G», de conformidade coa Resolución da Consellería de Facenda do 17 de xaneiro de 2018 (DOG do 26 de xaneiro).

6.2. As persoas aspirantes serán convocadas para o exercicio nun único chamamento, en que acreditarán a súa identidade e serán excluídas do proceso selectivo as que non comparezan. Deberán obedecer as instrucións do tribunal e, de ser o caso, do persoal colaborador en orde ao seu correcto desenvolvemento; en caso contrario poderán impedir ao aspirante a continuación do proceso. Contra este acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible, de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

6.3. As mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización do exercicio polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación ou, eventualmente, nos primeiros días do puerperio, poderán poñelo en coñecemento do tribunal, xuntando á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse dentro dos cinco (5) días hábiles seguintes ao anuncio da data do exame e implicará o consentimento da interesada para permitir o acceso do tribunal ou do órgano convocante aos datos médicos necesarios relacionados coa súa situación.

O tribunal acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente, tomando en conta ademais do alegado os dereitos dos demais aspirantes a unha resolución do proceso axustada a tempos razoables e ás necesidades e aos intereses da universidade. Contra tal acordo non caberá recurso sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible, de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

6.4. O lugar, data e hora de celebración do exercicio da fase de oposición publicarase no taboleiro de anuncios do rexistro xeral e na páxina electrónica indicada na base 5.10 cunha antelación mínima dun (1) mes, e non se realizará antes da segunda quincena do mes de outubro de 2018.

6.5. En caso de que o tribunal acorde criterios de avaliación en desenvolvemento dos establecidos nesta convocatoria, publicaraos no taboleiro de anuncios do rexistro xeral e na páxina electrónica.

6.6. Logo do exercicio, as persoas aspirantes poderán levar os cuestionarios e o tribunal publicará as respostas correctas no lugar onde se tivesen celebrado, así como na páxina electrónica indicada na base 5.10.

7. Listaxe de persoas aprobadas.

7.1. Concluído o exercicio da fase de oposición, o tribunal fará pública no lugar ou lugares da súa realización, no taboleiro de anuncios do rexistro xeral e na páxina electrónica indicada na base 5.10, a relación de persoas aspirantes que o superasen, con indicación da puntuación obtida e do nome.

7.2. As persoas aspirantes disporán de tres (3) días hábiles, contados a partir do seguinte á realización do exercicio, para presentar reclamacións contra as preguntas formuladas polo tribunal. Así mesmo, as persoas aspirantes disporán de idéntico prazo para reclamar contra as puntuacións do exercicio correspondente, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación.

7.3. Rematada a fase de oposición, e para as persoas aspirantes que a superen, o tribunal fará público as puntuacións obtidas na fase de concurso, que en ningún caso se poderán sumar para os efectos de superar o exercicio da oposición. As persoas aspirantes disporán de tres (3) días hábiles contados desde o día seguinte ao da súa publicación, para presentar, de ser o caso, reclamacións contra as ditas puntuacións.

7.4. A cualificación final do proceso selectivo virá dada pola suma das puntuacións obtidas na fase de oposición e de concurso. Non poderá superar o proceso selectivo un número superior ao de prazas convocadas.

No suposto de empate nas puntuacións de dous ou máis aspirantes acudirase por orde aos seguintes criterios ata que se resolva:

a) Puntuación obtida na fase de oposición.

b) Puntuación obtida no conxunto da fase de concurso.

c) Puntuación obtida en cada unha das epígrafes da fase de concurso na orde en que se relacionan no anexo.

d) En último lugar, o empate dirimirase por sorteo entre as persoas implicadas.

7.5. Rematado o proceso selectivo, a presidencia do tribunal elevará ao reitor a relación definitiva de persoas aspirantes aprobadas que superaron o proceso, por orde de puntuación, en que constarán as cualificacións da fase de concurso e do exercicio da fase de oposición e a suma total. A continuación, o reitor ditará unha resolución que poñerá fin ao proceso selectivo, coa relación das persoas que o superaron ordenadas de acordo coa puntuación final.

8. Presentación de documentación e nomeamento de persoal funcionario de carreira.

8.1. No prazo de 20 días hábiles a partir do seguinte ao de publicación da resolución final do proceso selectivo, deberán presentarse nos lugares previstos na base 3.2 os seguintes documentos:

a) Fotocopia compulsada do título exixido na base 2.a) ou certificación académica acreditativa de ter aprobadas todas as materias que capacitan para a obtención do título, acompañando o resgardo xustificativo de ter aboado os dereitos para a expedición do título; no caso de titulación obtida no estranxeiro, presentarase credencial da súa homologación ou equivalencia.

b) Declaración de non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública, nin estar inhabilitado/a para o exercicio de funcións públicas segundo o modelo que figura como anexo IV.

8.2. Se dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non se presentase a documentación ou do seu exame se deduza que carecen dalgún dos requisitos non poderá ser nomeado persoal funcionario de carreira e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorra por falsidade na solicitude inicial.

8.3. Unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos procederase ao nomeamento como persoal funcionario de carreira da escala administrativa, mediante resolución reitoral que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

8.4. A toma de posesión como funcionario/a de carreira efectuarase no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte á data de publicación do nomeamento no Diario Oficial de Galicia.

8.5. Dadas as peculiaridades deste proceso de promoción interna, ás persoas aspirantes que superen o concurso-oposición adxudicaráselles con carácter definitivo o mesmo posto do que son titulares.

9. Norma derradeira.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer un recurso perante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non obstante, as persoas interesadas poderán optar por interpoñer contra esta resolución un recurso de reposición, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, perante o mesmo órgano que a ditou. Neste caso non se poderá interpoñer un recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se producise a desestimación presunta do recurso de reposición interposto, segundo o previsto no artigo 123.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Vigo, 13 de setembro de 2018

Manuel Joaquín Reigosa Roger
Reitor da Universidade de Vigo

ANEXO I

Proceso selectivo

O sistema selectivo será o de concurso-oposición e constará das fases, probas e cualificacións que a continuación se indican:

I. Fase de oposición.

Estará constituída por un exercicio escrito e eliminatorio que consistirá en contestar un cuestionario de setenta e cinco (75) preguntas tipo test, máis cinco (5) preguntas de reserva, correspondentes ás materias do programa. Cada pregunta conterá catro (4) respostas alternativas, das que só unha delas será correcta. Todas as preguntas terán a mesma valoración e non puntuarán negativamente as respostas incorrectas. As preguntas non contestadas non puntuarán.

O exercicio terá unha duración máxima de noventa (90) minutos. Cualificarase de 0 a 75 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de trinta e sete (37) puntos.

Non se permitirá o uso de ningún tipo de material nin recursos en ningún formato. Teranse en conta as normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que con data límite ao día primeiro do mes anterior a aquel en que teña lugar o exercicio, conten con publicación oficial no boletín ou diario correspondente, aínda que a súa entrada en vigor estea diferida a un momento posterior.

II. Fase de concurso: consistirá na valoración ás persoas aspirantes que superaron a fase de oposición dos méritos que se indican a continuación e referidos á data da publicación desta convocatoria no DOG. O cómputo dos meses realizarase por días naturais (30 días) e para estes efectos, calcularase o número total de días correspondentes aos períodos computables, dividirase o resultado entre trinta (30) e multiplicarse o cociente, desprezando os decimais, pola puntuación que se sinale en cada epígrafe.

a) Antigüidade na Administración pública ata un máximo de 12 puntos, a razón de 0,04 por mes completo de servizos. Computaranse os servizos recoñecidos polo órgano competente de conformidade co establecido na Lei 70/1978, do 26 de decembro, de recoñecemento de servizos prestados na Administración pública.

b) Grao persoal consolidado e formalizado: segundo o grao persoal que se teña consolidado e formalizado a través do acordo de recoñecemento de grao pola autoridade competente, outorgarase a seguinte puntuación:

Grao

Puntos

20

5

19

4,5

18

4

17

3,5

16

3

15

2,5

14 ou inferior

2

c) Nivel de complemento de destino, correspondente ao posto de traballo que se ocupa con carácter definitivo como persoal funcionario da escala auxiliar ou do subgrupo C2, outorgarase a seguinte puntuación:

Nivel

Puntos

20

7

19

6

18

5

17

4

16

3

15 ou inferior

2

O traballo desenvolvido en comisión de servizos puntuarase como realizado no posto de orixe do persoal funcionario, e o persoal funcionario en adscrición provisional ou á disposición valoraráselles o nivel correspondente ao grao que teñan consolidado.

d) Exercicio de dereitos de conciliación nos cinco anos anteriores á data da publicación no DOG desta convocatoria, ata un máximo de 1 punto:

– Permiso por parto, adopción ou acollemento (artigos 121 e 122 da LEPG): 0,2 puntos/permiso.

– Permiso do outro proxenitor por nacemento, acollemento ou adopción dun fillo (artigo 124 LEPG): 0,2 puntos/permiso.

– Redución de xornada do artigo 106.2.a) e b) da LEPG: 0,04 puntos/mes.

– Excedencia por coidado de familiares (artigo 176 da LEPG): 0,04 puntos/mes.

ANEXO II

Programa

Xestión universitaria.

1. Os estatutos da Universidade de Vigo: título preliminar.

2. Os estatutos da Universidade de Vigo: título I.

3. Os estatutos da Universidade de Vigo: título II.

Función pública.

4. Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público: obxecto e ámbito de aplicación (título I). Persoal ao servizo das administracións públicas (título II). Dereitos dos empregados públicos: dereito á xornada de traballo, permisos e vacacións (título III, capítulos I e V). Deberes dos empregados públicos. Código de conduta (título III, capítulo VI).

Procedemento administrativo.

5. A iniciación do procedemento.

6. A instrución do procedemento.

7. A terminación normal do procedemento: a resolución.

8. A terminación do procedemento por silencio administrativo.

9. Os recursos administrativos.

ANEXO III

Tribunal titular:

Presidencia:

José Alberto López Abel, funcionario da escala de xestión da Universidade de Vigo.

Vogais:

Raúl Blanco García, funcionario da escala de xestión da Universidade de Vigo.

Ana Isabel González Penín, funcionaria da escala de xestión da Universidade de Vigo.

José Manuel Lueiro Troiteiro, funcionario da escala administrativa da Universidade de Vigo.

Secretaría:

Isabel Gómez Campos, funcionaria da escala administrativa da Universidade de Vigo.

Tribunal suplente:

Presidencia:

Ricardo Corderí Salgado, funcionario da escala de xestión da Universidade de Vigo.

Vogais:

Martín Fernández Fernández, funcionario da escala administrativa da Universidade de Vigo.

María Begoña López Pérez, funcionaria da escala administrativa da Universidade de Vigo.

María Teresa Vetoret Pena, funcionaria da escala de xestión da Universidade de Vigo.

Secretaría:

Ana Palmira Verde Rodríguez, funcionaria da escala administrativa da Universidade de Vigo.

ANEXO IV

Declaración xurada/promesa

Don/dona ..........................................................................................................................................................................................................................................................................., con DNI/NIE/pasaporte ................................................................................................................................................................................ e nacionalidade .............................................................................................................................................

DECLARA BAIXO XURAMENTO OU PROMETE para os efectos de ser nomeado/a funcionario/a pola Universidade de Vigo

c  (Cidadáns/ás españois/las). Non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública, nin estar inhabilitado/a para o exercicio de funcións públicas.

c  (Cidadáns/ás estranxeiros/as). Non estaren sometidos/as a sanción disciplinaria ou condena penal que impida no seu Estado o acceso á función pública.

………………………...........……………............... , …..... de …………………….........………………..……........ de 201....

(localidade) (día) (mes) (ano)